22.5.10

Cinema: vídeo do desfile das tropas imperiais de Star Wars en Santiago

Se non quedastes satisfeito, hai máis de cen fotos no noso álbum de Flickr:

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Política: o alcalde de Noia posiciónase a favor da fusión de concellos

Sen dúbida ne Galicia fai falla un novo mapa municipal. É necesario reducir o número de concellos, para reducir o gasto e dar un servizo máis eficiente ao cidadán. Estruturas de persoal que se repiten, demasiados cargos políticos por habitantes, servizos solapados ou duplicados... Sen que destrúan postos de traballo a reducción do gasto sería enorme.

Supoño que antes ou despois algunha administración autonómica ou estatal tomará a medida e fará obrigatoria a fusión de concellos. Pero o realmente interesante, que os políticos e os cidadáns tiveramos a madurez precisa para avanzar voluntariamente cara a fusión.

Persoalmente penso que os concellos da Comarca de Noia debíamos dar pasos para constituírnos nun único concello. É un tema complexo, o nome do concello, a capitalidade, .... e todo debe ser refrendado en votación polos veciños de cada un dos concellos fusionados.

Pero creo que é un deber por parte dos políticos tentalo, cando se están tomando medidas contra a crise tan duras, non se pode consentir que os localismo e a falla de responsabilidade permita que se siga malgastando o erario público.

Posted via web from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Deportes: sexta edición do Día da Bicicleta en Dodro, o sábado 5 de xuño

Saída da marcha cicloturista, do pavillón da Paxareira

Dodro, 22 de maio de 2010. O vindeiro 5 de xuño celébrase a VI edición do "Día da Bicicleta de Dodro". A saída será dende o Pavillón Polideportivo Municipal ás 11:00 horas.

A inscrición abrirá ás 10:00 horas e a partires das 10:30 horas os máis pequenos poderán disfrutar con unha gimcana instalada na explanada do polideportivo.


Agasallarase a todos os participantes cunha camiseta conmemorativa e sortearase unha bicicleta entre todos os participantes. Premiarase con un trofeo ó participante máis novo na proba, ó máis vello e á bicicleta máis orixinal.Tamén haberá avituollamento. O percorrido será con saída dende o Polideportivo, pasando por Vigo, Revixós, Lestrobe, Imo, Bexo e para regresar e rematar no Bosque.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Deportes: Dodro organiza a segunda edición da Liga F-7 de verán, en xuño e xullo

Download now or preview on posterous
LIGA F-7 VERÁN.doc (67 KB)

Dodro, 22 de maio de 2010. O Concello de Dodro organiza a II Liga f-7 de Verán. Esta celébrase no Campo Municipal de Chenlo, nos meses de xuño e xullo. Xa está aberto o prazo de inscrición para aqueles equipos que queiran participar. A ficha de inscrición debe ser entregada no Departamento de Deportes. Descargar ficha de inscrición.

Os equipos estarán formados por un máximo de doce xogadores, todos maiores de 16 anos. A cota de inscrición será de 60 €, que se entregarán no momento da inscrición. O sistema de competición e o calendario será diseñado polo Departamento de Deportes unha vez que se coñeza o número de participantes.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Dodro: buscan que un académico da Real Academia Galega propoña a Eusebio Lorenzo Baleirón como homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2011

Eusebio Lorenzo Baleirón


Dodro, 22 de maio de 2010. O pasado venres 21 de maio, na Casa da Cultura do Concello de Dodro, e dentro da programación que a Concellaría de Cultura ten este mes de maio para honrar a figura do homenaxeado nas Letras Galegas, Uxío Novoneyra, estivo o académico Darío Xoán Cabana, que falou sobre a vida e obra de “Loboneyra” -de quen era amigo persoal- e recitou algún dos seus poemas, rematando co himno “Letanía a Galicia”.

Darío Xohán Cabana, académico da Real Academia Galega


Unha vez finalizada a intervención de Darío Xoán Cabana, o concelleiro de Cultura, Anxo Franco, presentou as bases para a XXIII edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que abre, dende xa, o prazo para recibir orixinais. Anxo Franco aproveitou a ocasión para pedirlle a Darío que, dende a súa posición de académico da RAG, propuxese ao propio Eusebio como a figura homenaxeada nas Letras Galegas do vindeiro ano, petición á que se sumou Helena Villar Janeiro, coordinadora do premio que honra o seu nome.

Acto de entrega do premio "Eusebio Lorenzo Baleirón" o ano pasado


Acto seguido presentouse ao poeta gañador do ano pasado, Daniel Costas, que a semana pasada tamén gañou o premio de poesía “Universidade de Vigo” para presentar o libro  gañador da última edición do Eusebio Lorenzo. O libro estará para a vindeira semana dispoñible na biblioteca de Dodro e moi próximamente tamén dispoñible nas librarías do país.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Boiro: os nacionalistas espuxeron os seus "logros" no que atinxe ao cumprimento do programa electoral

Boiro, 22 de maio de 2010. A asemblea do BNG de Boiro vén de facer unha análise do cumprimento do seu programa electoral. O BNG quere manifestar "a súa grande satisfacción pola consecución dos seguintes obxectivos a falta de un ano para o exame que suporán as vindeiras eleccións municipais do 2011. Os logros que se puideron conquerir nesta lexislatura aínda non rematada son os seguintes:

 

1. O concello de Boiro é o que máis inviste en políticas para as persoas de toda a comarca. A inversión en benestar e políticas sociais é incluso superior a concellos como o de Ribeira, con case o doble de poboación. Nesta lexislatura conseguiuse abrir o Centro de Día para maiores ao tempo que se realizan multitude de talleres específicos: educación para adultos, informática, ximnasia, taller de memoria, etc. Boiro gasta máis de 500.000 € só en asistencia a domicilio. Ademais disto están a piques de se iniciar as obras para a constución dun Centro para discapacitados físicos e psíquicos en Comoxo, en colaboración con Amicos.

 

Un proxecto prioritario como é a construción dunha residencia para maiores está paralisado pola Xunta do Sr. Feijoo despois de que o concello puxera a disposición da Xunta os terreos.

 

2. Está en construción a praza multiusos da Cachada, que permitirá dotar o centro de Boiro de instalacións deportivas, un espazo para deslocalizar as festas e o mercado dos martes para esa nova zona do noso concello, ao tempo que posibilita novos aparcadoiros para desconxestionar o centro de Boiro.

Grafitti na Cachada

 

3. O BNG negociou e conseguiu para Boiro unha partida de máis de 4.000.000 de euros para a compra do pazo de Goiáns, que en breve será de titularidade pública.

 

4. O concello favorece a creación de emprego coa construción do viveiro de empresas no polígono industrial, construído por mozos e mozas de Boiro por medio dun plano de emprego específico. Ademais Boiro contará en breve cun centro de formación en Hostelería.Temos que recordar tamén que nesta lexislatura se rematou a II Fase do Polígono Industrial de Espiñeira.

 

5. Estase cambiando a canalización xeral de sumidoiros que vai á depuradora do Cabo da Cruz para que non discorra por un banco marisqueiro da importancia de Barraña. Fixéronse multitude de sumidoiros polas parroquias de todo o concello. E acábase de conseguir un investimento de mais de 800.000 € para o saneamento do rio Coroño. Boiro conta novamente coa bandeira verde de compromiso medioambiental.

Neixón, Centro Arqueolóxico da Barbanza

 

6. Conseguimos pór o Proxecto Leñaverde como referencial máis aló das nosas fronteiras, así como a estación Leñaverde, a única sala de concertos pública de todo o país. O Centro Arqueolóxico de Neixón está sendo ampliado para mellorar a súa actividade. Ademais nesta lexislatura rematarase a construción dos centros sociais de Cabo de Cruz e de Abanqueiro.

 

7. Estase ampliando o peirao do Cabo da Cruz, que posibilitará a construción dun peirao deportivo. Está prevista tamén a construción do peirao deportivo de Escarabote.

Aldea de Moimenta

 

8. Foi a lexislatura en que máis peanolizacións se realizaron, e non só en Boiro senón tamén nas parroquias en Escarabote, Moimenta, Bealo, Abanqueiro, Isuachán, etc.

Calzada romana de Vitres

 

9. Habilitáronse multitude de novos roteiros (Vitres, Mámoas do Barbanza, etc.) ao tempo que se dotou ao concello cun parque de grandes dimensións: o parque periurbano de S. Ramón de Bealo.


Nota de Certo: ata aquí a nota de prensa do Bng. Botamos en falta algunha autocrítica, por pequena que fose. Imaxinamos que as cousas que non se fixeron ou se fixeron mal serán abordadas nunha rolda de prensa posterior.

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Política: o PSdeG pide a redución á metade do parque móbil dos altos cargos da Xunta para aforrar

Lage Tuñas denuncia a "dobre moral de Feijóo e Rueda por teren gastado máis de 10 millóns de euros no primeiro ano de goberno para adquirir máis de 457 coches polo sistema de renting"


Cando foi das pasada eleccións autonómicas, o noso humorista veu así o dos coches

Barbanza-Noia, 22 de maio 2010.- O Viceportavoz do Grupo Socialista, José Manuel Lage presentou hoxe unha proposición non de lei para que “se recorte nun 50% o gasto en vehículos oficiais e se reduza á metade o parque móbil dos altos cargos da Xunta”, como medida de aforro e eficiencia no gasto público. Lage Tuñas sinalou que o goberno galego ten que comezar a dar exemplo tomando decisións, “porque parece un goberno ausente que so ten como obxectivo atacar a Zapatero”

Lage Tuñas dixo que “nun contexto no que se lle piden sacrificios a moitos traballadores, a moitos sectores da nosa sociedade, o que se espera tamén da Xunta de Galicia é sinais de aforro e de contención do gasto”. Por elo apuntou que “en tempos de crise non se lle pode pedir aos traballadores deste país que se apreten o cinturón e ao mesmo tempo que na Xunta haxa máis de 350 coches oficiais recorrendo Galicia de punta a punta a conta do erario público”.

O deputado criticou a “dobre moral” de Feijóo e Rueda e lembrou que a Xunta gastou máis de 10 millóns de euros en adquisición de vehículos para o parque móbil dende a chegada de Feijóo ao Goberno galego e incrementou o parque móbil coa compra de máis de 457 vehículos polo sistema de renting. “Esta é a austeridade de Feijóo”, subliñou Lage, “recortar orzamentos en políticas sociais e comprar máis coches a costa do erario público”.

Lage Tuñas criticou que o Goberno de Feijóo teña actualmente máis de 2.700 vehículos no seu parque móbil, mentres en 2009 a cifra era de 2.248, o que demostra que Feijóo “está a facer xusto o contrario do que prometeu aos cidadáns”.

Por un intre pensamos que Lage Tuñas (á esquerda) ía propoñer que cambiaran os coches por bicicletas, como en Holanda

Derroche e despilfarro

Do mesmo xeito lamentou que a “austeridade” da Xunta consista en prescindir de vehículos con menos de 100.000 km para adquirir coches novos, o que “máis ben é unha clara mostra de ineficiencia, derroche e despilfarro”.

Lage Tuñas tamén recordou que "con Feijóo como Presidente, a Xunta sigue mercando coches de alta gama en plena época de crise, a semana pasada mercaron un C8 de alta gama e fai meses mercaron berlinas superiores para directivos de SOGAMA, entidade dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras". “Pregúntome si xa mandaron cambiar a tapicería de coiro da berlina de alta gama que ten o presidente de Sogama”, cuestionou o viceportavoz do Grupo Socialista

Por todo elo, Lage Tuñas propón a ampliación do período de vida útil do parque móbil, a limitación dos gastos derivados do uso de vehículos oficiais para que soamente os membros do Consello da Xunta e altos cargos con retribucións asimiladas a estes dispoñan de vehículo con conductor, e a remisión ao Parlamento cada seis meses dun informe onde figuren as operacións de adquisición de vehículos da Xunta.

O deputado do PSdeG agarda que o Partido Popular vote a favor desta proposta no pleno do parlamento xa que “non se pode predicar unha cousa e facer outra”.

Rectificación de Feijóo sobre o decreto do galego

O Viceportavoz do Grupo Socialista tamén abordou na rolda de prensa de hoxe a situación pola que atravesa a lingua galega nestes momentos de "ataque sistemático por parte do goberno galego". Lage Tuñas considerou que "Feijóo debe rectificar na súa política de confrontación a conta da lingua galega" e entende que "o primeiro paso é paralizar a entrada en vigor do decreto do galego no ensino, xa que o idioma propio de Galicia precisa de discriminación positiva e este decreto supón unha clara involución".

"Primeiro Feijóo que rectifique e paralice o decreto aprobado xa que ten á comunidade educativa en contra e a institucións como o Consello da Cultura Galega ou a Real Academia.", sinalou.

"A rectificación e a paralización do decreto permitiría abrir un espacio para o diálogo, que ten no parlamento un escenario natural para buscar un amplo acordo político e social que teña como punto de partida o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXLNG), apuntou Lage Tuñas.

"O Presidente Feijóo intentou dividir á sociedade introducindo un problema que non existía en Galicia. Os cidadáns galegos síntense orgullosos da súa lingua e cómodos ao utilizar tanto o galego como o castelán na súa vida diaria" afirmou o parlamentario do PSdeG.

Ao mesmo tempo o deputado socialista José Manuel Lage apuntou que "o galego precisa de medidas de discriminación positiva, tal e como defendemos os socialistas galegos, seguindo a Lei de Normalización Lingüística e o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG)."

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Sanidade: os socialistas alertan dun deterioro de varios servizos sanitarios na comarca, como xinecoloxía e radioloxía


Barbanza, 22 de maio de 2010. A concelleira socialista en A Pobra do Caramiñal, Teresa García Guillán, apuntou onte que "nestes días o xerente do hospital comarcal do Barbanza nos daba unha nova na que o Sergas habilitaba no ambulatorio de Ribeira unha consulta de xinecoloxía: Outra proba máis do abandono da sanidade pública por parte da Consellería de sanidade do PP. A mostra son as declaracións do director médico dicindo que para xestionar a lista de espera en xinecoloxía designa unha matrona para que realice a toma de mostras de citoloxía do cuello do útero".


A política indica que a matrona "é unha enfermeira especializada a través da realización dunha residencia clínica, sempre adoita traballar acompañada por outros profesionais da medicina, (xinecólogo e obstetra) e en ningún caso pode substituílos. Hai que lembrar que unha matrona non ten a formación suficiente para suplir a consulta en saúde dun médico especialista en xinecoloxía, nin dispón dos medios complementarios adecuados para unha exploración xinecolóxica".

 

Por estas razóns, Teresa García afirma que "dende o PSOE non paramos de escandalizarnos, e este profesional médico non debería facer propaganda, senón que a súa obriga é informar á poboación na procura da adquisición de bos hábitos en saúde, coa finalidade da prevención. Unha exploración xinecolóxica componse, ademais da citada citoloxía, da exploración de mamas e axilas, da exploración da vaxina, do corpo do útero, das trompas e dos ovarios co fin de diagnosticar as patoloxías inflamatorias, infecciosas e tumorais que poidan aparecer". "Como recomenda a SEGO (Sociedad Española de Ginecología y Obstetricia), as mulleres deberíamos facernos un exame xinecolóxico completo anualmente, polo tanto poñer unha matrona a disposición das mulleres do Barbanza non é máis que un mínima e incompleta revisión que non suple a do xinecólogo", continúa.

"Pola saúde de todas, acudan o xinecólogo aínda que o PP queira facernos crer que ca matrona é suficiente, da mesma maneira que vamos ó médico de familia cando o estimamos conveniente e este, se o considera  oportuno  vainos desviar a un ATS. A primeira opción cando temos síntomas dalgunha enfermidade é pedir cita para o médico, non para o enfermeiro/a", argumenta.

 

Porén, para unha atención adecuada, o socialistas solicítanlle ao Sergas "poña a disposición das mulleres do Barbanza un xinecólogo nesa consulta de nova creación en Ribeira, mentres non sexa posible esa incorporación e non desaparezan das listas de espera esas 3.000 mulleres que teñen que facer revisión".



Moción por un bo servixo de radioloxía, a pleno


Ademais, Teresa García Guillán presentou a pleno en A Pobra unha moción para reclamar un radiólogo nas gardas hospitalarias do hospital da Barbanza. Como é costume neste xornal, deixámoslle íntegro o texto da moción:


Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a  solicitar a Xunta de Galicia que manteña o posto de Radiólogo de garda no Hospital do Barbanza..

 

                                                        EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

 

A Sanidade é un dos piares básicos do Estado do Benestar, un ben e un servicio que deberá mellorar e crecer, día a día, especialmente a Sanidade Pública, xa que está ó servicio directo de tódolos cidadáns.

 

As prestacións sanitarias a través dun servicio público de calidade ten sido sempre unha aspiración dos socialistas como factor fundamental de cohesión e de benestar social.

 

Froito diso impulsouse por parte dun Goberno socialista e aprobouse pola Cortes Xerais a Lei Xeral de Sanidade no ano 1986, o que universalizou en España a sanidade pública e gratuíta para o conxunto da poboación.

 

A iniciativa formulada pola Xunta de Galicia para que os hospitais comarcais do Salnés, Barbanza e Cee, compartan radiólogo de garda, nos parece unha medida que deteriora claramente a calidade asistencial, ademais de ser inxusta a distribución dos recursos, é que penaliza ós usuarios dos mesmos en relación cos hospitais das grandes urbes.

 

Considerando a importancia dos estudios radiolóxicos e o desenrolo das distintas técnicas, así como a utilización en medicina de urxencias da TAC, (Tomografía Axial Computarizada), para o diagnóstico entre outros de traumatismos craniais e accidentes vasculares cerebrais. A ECOGRAFÍA, (técnica que necesita a presencia física do radiólogo xa que ó usar os ultrasóns, non se obteñen imaxes que podan enviarse de forma telemática) e a súa capacidade de resolución para o diagnóstico diferencial nas patoloxías de orixe renal, biliar, pancreática e xinecolóxica é importante e decisiva.

 

Tendo en conta a importancia diagnóstica nas primeiras horas das enfermidades anteriormente descritas e que a falta de radiólogos en presencia física leva consigo a que no noso hospital en ningún momento se puideran mellorar as súas prestacións sanitarias, xa que a radioloxía intervencionista, básica en enfermidades do sistema circulatorio periférico, sería imposible de realizar.

 

A labor dun radiólogo consiste en supervisar o exame radiolóxico e interpretar a imaxe médica.

 

Considerando a gravidade de patoloxías como os hematomas cerebrais, hemorraxias subaracnoideas, zonas de contusión cerebral, presencia de corpos estraños e fracturas óseas craniais de difícil localización, a especificidade e a importancia diagnostica do TAC, para as mesmas, resalta a necesidade da presencia física do especialista en radioloxía.

 

Un técnico en imaxe non ten a formación específica para determinar que tempo e cortes se descartan ou son necesarios para chegar a un diagnóstico, xa que a técnica TAC  consiste en múltiples cortes milimétricos tanto no plano saxital como transversal. Posiblemente esa falta de pericia profesional poda atrasar e diminuír a eficiencia da calidade asistencial, prexudicando ao paciente estudiado e os que permanezan en espera.

 

Non entendemos esta falta de sensibilidade da Xunta de Galicia cos habitantes da área de influencia do Hospital do Barbanza, cando existen centros de atención primaria dotados de equipos de radioloxía e ecografía.

 

Por todo elo, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

 

ACORDO:

 

Instar a Xunta de Galicia, e concretamente a Consellería de Sanidade a manter a presencia física nas gardas hospitalarias do Radiólogo no Hospital do Barbanza co obxecto de non recortar as prestacións sanitarias na nosa Comarca.

 

Pobra do Caramiñal, a 12 de maio de 2010

 

Posted via email from Certo.es, o xornal virtual de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical