Mostrando entradas con la etiqueta mercados e feiras. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mercados e feiras. Mostrar todas las entradas

21.5.12

Ribeira: o novo mercado sae a licitación cun custe de máis de 3,5 millóns de euros

  • Hai 26 días para presentar ofertas
  • Fortes cláusulas de penalización para que se remate nas datas previstas: ano e medio dende que se conceda á empresa encargada, polo que ata 2014 probablemente non estará listo para usar
  • O 70% deste barco inclinado serigrafiado con peixes págao Europa

 

Ribeira_simulacion_mercado_novo

Ribeira, 21 de maio de 2012.- O Boletín Oficial da Provincia de hoxe anuncia a licitación da construción do novo mercado municipal de Ribeira, cuxo plego de condicións foi aprobado o pasado 15 de maio en sesión extraordinaria do Pleno da Corporación. O orzamento da infraestrutura ascende, segundo consta no anuncio, a 3.500.059,22 euros: unha contía na que se exclúen os gastos de demolición do vello edificio, a carpa do mercado provisional e a redacción do proxecto arquitectónico, que elevarían esa cifra en máis de 200.000 euros. Hai que lembrar que esta actuación está incardinada no proxecto Riveira Atlántica, cofinanciado nun 70% con fondos Feder.

O Goberno aprobou un prego de cláusulas administrativas moi preciso para a contratación especialmente deseñado para asegurar a máxima eficiencia e o cumprimento dos prazos de execución de 18 meses, que de non respectarse, serían duramente penalizados.

O procedemento é aberto e de tramitación ordinaria con multiplicidade de criterios de adxudicación. Nel establécense todo tipo de garantías, tanto técnicas e de calidade como de prazos. A celeridade é un punto esencial xa que unha intervención deste tipo afecta á organización de todo o concello, sobre todo tendo en conta que o mercado se erixe como centro neurálxico da actividade comercial diaria da cidade. Por ese motivo, procurouse axilizar tanto a adxudicación, mediante o establecemento dun prazo de presentación de proposicións breve, de 26 días naturais, como a execución, co xa citado límite de 18 meses, e co establecemento dun esixente e detallado baremo de penalización no caso de demora, tanto no cumprimento dos prazos parciais como no total , e mesmo tendo o Concello a facultade de resolver o contrato.

Innovación e eficiencia enerxética

A estrutura do inmoble, proxectado polo arquitecto Celso López Martín, simulará un barco de cristal cunha fachada inclinada que en función da hora do día irá cambiando os tons e sensacións e estará serigrafiada con tramas do seu produto estrela, o peixe. A instalación caracterizarase pola súa eficiencia enerxética e o emprego das TIC como elemento integrador e de xestión tanto interna, externa como relacional, xa que estará equipado cunha central de compras que operará a través de Internet e que coordinará o servizo de repartición.

Cinco plantas pero aínda non aparcadoiro soterrado

Estará distribuído en cinco plantas: unha planta soto para labores de carga e descarga, cámaras frigoríficas, vestiarios..., unha  planta baixa pensada para os pescados e os mariscos, unha primeira que albergará inicialmente outros produtos perecedoiros..., unha segunda para artigos non perecedoiros e unha terceira que albergará o restaurante. Na última planta haberá unha terraza que prestará servizo ao local de hostalería do piso inferior. A edificación estaría preparada para conectar, chegado o caso, cun aparcadoiro soterrado que contará con 200 prazas de aparcamento.

O propósito xeral deste proxecto de longo percorrido é, segundo o equipo de goberno do PP, "a transformación  do Concello de Ribeira nun destino turístico de primeira orde baseado nos seus propios recursos naturais, patrimoniais e industriais. O desenvolvemento integral do proxecto contribuirá de forma directa ao crecemento do emprego e á diversificación da actividade económica, partindo da rexeneración de dúas unidades paisaxísticas con identidade diferenciada: a dinámica fluvial propia da área litoral interior da contorna rural e a dinámica marítima do espazo urbano".

 

Os principais obxectivos estratéxicos céntranse na promoción económica, na creación de emprego e oportunidades comerciais a través da diversificación produtiva e mellora das infraestruturas e servizos locais, na calidade ambiental e a protección da contorna natural e o patrimonio cultural, fomentando ao mesmo tempo a Sociedade da Información e universalización do acceso ás TIC, facendo fincapé na conciliación familiar e a cohesión social.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

16.4.12

Ribeira: barallan a posibilidade de que todos os praceiros actuais vaian na mesma planta do futuro mercado

 [[posterous-content:pid___0]]

Ribeira, 16 de abril de 2012.- O salón de plenos do Consistorio deu cabida esta mañá a unha reunión técnica co obxectivo de presentar por parte do Executivo local o proxecto do Novo Mercado de Ribeira aos praceiros e praceiras da cidade. Asistiron unha vintena destes operadores, que escoitaron de boca do alcalde Manuel Ruiz Rivas e do concelleiro de Consumo Vicente Mariño de Bricio os detalles da nova infraestrutura, cuxa construción está programada para iniciarse en agosto.

En resposta a unha suxestión plantexada polas 6 froiterías e carnicerías ata hai pouco instaladas na primeira planta do que era a praza de abastos, o Concello comprometeuse a estudar a posibilidade de que todos os profesionais que operan actualmente no Mercado Provisional poidan situarse no mesmo andar: concretamente, na planta baixa, espazo que está destinado a albergar entre outros 28 postos de mariscos e peixe fresco.

Plan de comercialización

O alcalde manifestou que polo que a el respecta non ve impedimento a esta posibilidade, pero que o que definirá a distribución concreta do inmoble vai ser un plan de comercialización que ten intención de encargar o Executivo. Este traballo terá o obxectivo de acadar a mellor fórmula posible cara un óptimo funcionamento do inmoble en todo o seu conxunto, xa que hai que ter en conta que entre a planta baixa e o primeiro andar se dará cabida a un total de 49 postos de venta de mariscos e pescados, conxelados, froitas, verduras, carnes e outros produtos complementarios como restauración, quiosco de prensa...; a segunda planta aloxará produtos non perecedoiros, mentres que a terceira planta e a terraza superior do edificio acollerán un restaurante.

Así, Ruiz Rivas considerou fundamental que unhas plantas se axuden a outras no reto de que o Novo Mercado sexa un referente económico do municipio e un dinamizador do entorno.

Outra das cuestións abordadas na reunión de hoxe foi o do Mercado Provisional aberto o pasado 3 de abril que, ao parecer dos praceiros, está tendo un funcionamento moi positivo, rexistrándose un sensible incremento de ventas con respecta a antiga praza.

Antes, en Certo:


Mercado: abre o provisional. É tempo dun novo faraónico?



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

27.6.11

Ribeira: os cambios no mercado principiarán a fin de ano ou inicios do 2012

  • Vicente Mariño, edil de Consumo, escoitou as suxestións dos comerciantes e consensuou medidas para mellorar a hixiene e seguridade na instalación actual

Ribeira, 27 de xuño de 2011.- O concelleiro de Asuntos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo e terceiro tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño de Bricio, mantivo esta mañá unha xuntanza na Casa Consistorial cunha representación dos vendedores que desenvolven a súa actividade económica no Mercado Municipal. Esta cita foi convocada polo edil de Consumo tanto para presentarse formalmente como para falar acerca da praza existente e do futuro mercado, que cabe recordar será construído no lugar onde está o actual. 

A este último respecto, Mariño de Bricio avanzoulles que a intención do Goberno Local é principiar a execución do novo proxecto a finais do presente ano ou a comezos do que ven, e que con tal motivo os vendedores serán trasladados a unha carpa. O prazo concreto de inicio está a expensas das xestións que está a realizar o Concello en canto á busca de financiamento, na procura de posibles fondos FEDER, achegas da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial. Precisamente, o alcalde, Manuel Ruiz Rivas, manterá o próximo luns 4 de xullo unha entrevista coa directora xeral de Comercio da Xunta, Nava Castro, para abordar entre outras cuestións a do novo mercado. 

Outros temas considerados na reunión de hoxe tiveron que ver coa praza actual. Vicente Mariño recordou aos comerciantes reunidos a normativa vixente na praza de abastos tocante a aspectos como identificación, salubridade, tránsito de usuarios ou vestiario. Así mesmo, aproveitou a xuntanza para consensuar unha serie de medidas encamiñadas a reforzar a seguridade e hixiene no mercado e o seu entorno. Entre as mesmas, acordouse a localización dentro do inmoble dun emprazamento que se considerou adecuado para gardar o xeo de próxima utilización (de tal xeito que os corredores de paso do público estean secos e evitar así que se produzan posibles esvaróns); ou a decisión de eliminar o contedor para depósito de xeo sobrante situado no exterior da entrada principal do inmoble, que estaba ocasionando episodios de malos olores. 

O concelleiro municipal de Consumo recibiu de parte dos comerciantes outras suxestións para un mellor funcionamento da praza que se comprometeu a estudar.

Pode que tamén lle interese:


Río Arlés: 5.000 alevíns de troita o 1 de xullo


Mercadillo dos sábados: van regulalo para mellorar limpeza e tráfico

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical