Unha das sobreiras de Campelos, que están na faldra do monte Tahúme
Barbanza-Noia, 18 de decembro de 2010.- O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras recolle un total de 127 elementos recoñecidos, dos cales 106 corresponden a árbores de 60 especies diferentes e 21 a distintas formacións arboradas compostas por 14 especies distintas. As provincias da Coruña (con 38 árbores e 11 formacións) e Pontevedra (con 33 e 7, respectivamente) son as que posúen un mostrario máis amplo; Lugo ten catalogados 25 arbustos e 1 formación, mentres que Ourense ten 10 e 2. Entre estes 127 elementos seguen sen aparecer as enormes sobreiras centenarias de Campelos, nas faldras do monte Tahúme, entre os concellos de Porto do Son, Ribeira e A Pobra do Caramiñal. Tampouco foron catalogados como tales aínda os enormes e tamén centenarios eucaliptos de Taragoña, situados enfronte á igrexa. Alguén dos concellos nomeados debería ter feito algo, se é que non está en marcha, ao respecto.
O Catálogo Galego de Árbores Senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.
Este Comité é o órgano consultivo da Dirección Xeral de Conservación da Natureza en relación co Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Os membros do Comité, designados por diferentes institucións e organismos teñen como finalidade a protección, conservación ou divulgación das árbores senlleiras.
Nesta reunión, presisida polo director xeral de Conservación da Natureza, Ricardo García-Borregón, estiveron tamén presentes o subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, Rogelio Fernández; o subdirector xeral de Recursos Forestais, José Luis Chan; Francisco Fernández, presidente da Asociación Forestal de Galicia; Javier Silva Pando, do departamento de ecoloxía do Centro de Investigación Forestal de Lourizán; e como representantes da Universidade estiveron tamén Elvira Sahuquillo, do departamento de bioloxía animal, vexetal e ecoloxía da Facultade de Ciencias da Coruña; e Antonio Rigueiro do departamento de produción vexetal da Escola Politécnica Superior da USC en Lugo.
Os exemplares e formacións non incluídos finalmente no Catálogo poderán ser protexidos mediante instrumentos de carácter local (catálogos municipais de árbores senlleiras, plans de ordenamento municipal) ou a través doutras figuras de protección da natureza (Espazo Natural de Interese Local, Espazo Privado de Interese Natural como por exemplo, o espazo das Sobreiras do Faro, no concello pontevedrés de Oia, declarado como espazo privado de interese natural a proposta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Viladesuso).
No que atinxe aos eucaliptos, hai un blog do Eucalyptus Endeavour Project no que se fala dos eucaliptos de Taragoña (tomamos a imaxe dalí, aínda que teñen unha galería máis ampla aquí) e se sinala que o avó de Chavín, o que se supón eucalipto máis vello de Galicia, poucos anos máis terá que os de Taragoña.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia