Mostrando entradas con la etiqueta Móllate polo galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Móllate polo galego. Mostrar todas las entradas

1.10.12

Rianxo: "Descalciña pola area" gaña o certame de fotos da campaña "Móllate polo galego"

  • O segundo premio corresponde a unha imaxe con dous nenos do colexio Brea Segade que se enfundaron nunha camisola de "Móllate polo galego"
  • O terceiro premio vai para a imaxe dos azulexos nos que se le "Villa de Rianjo. Partido de Padrón. Provincia de La Coruña" cunha camisola de "Móllate polo galego" como contraste nunha percha
  • Os autores das imaxes terán que escribir a redaccion@certo.es para identificarse e seguir as instrucións para reclamar o premio

 

Rianxo, 1 de outubro de 2012. A deliberación non foi doada. Entre as 87 imaxes que participaban o reparto do xurado, integrado por tres membros dos medios de "Vitaminas para o galego", hai auténticas xoias, ben polo motivo escollido, ben polo esforzo creativo que supuxeron. Pero houbo que decantarse e así queda a resolución final:

PRIMEIRO PREMIO

Media_httpfarm9static_kiivh

Descalciña pola area. O xurado escolleu esta foto polo gran simbolismo que contén. O título da foto é unha frase de todo un himno de celebración, "A Rianxeira", e tamén quere amosar o compromiso da vila de Rianxo pola lingua galega, que aínda hoxe anda "descalciña pola area", polo que hai que mimala e coidala.

O autor ou autora desta imaxe ten dereito a unha noite de aloxamento para dúas persoas na data a escoller deste mes de outubro na casa de turismo rural e agricultura ecolóxica A Pousadoira (http://www.pousadoira.com)

Media_httpfarm9static_ockbb

Entrada de A Pousadoira, en Callobre, Miño. Lugar ideal para coñecer as impresionantes Fragas do Eume

SEGUNDO PREMIO

Media_httpfarm9static_qectm

No Brea Segade mollámonos polo galego. O xurado escolle esta foto pola creatividade e simpatía amosadas, así como polo esforzo demostrado ao rodear o lema central da campaña "Móllate polo galego" de material didáctico na lingua de Rosalía.

Os autores ou autoras desta imaxe teñen dereito a unha tablet doada pola academia de informática Castelao (http://www.infocastelao.es)

Media_httpfarm9static_ijlyg

Informática Castelao (rúa Roxelius 7, baixo, en Rianxo) é tenda de informática e centro de formación

TERCEIRO PREMIO

Media_httpfarm9static_dcrdq

Azulexos na entrada de Rianxo. O xurado escolle esta imaxe pola evidente denuncia que se fai dunha situación que non se deu corrixido en décadas, a pesares da Lei de Toponimia ou mesmo da de Memoria Histórica.

A autora ou autor desta imaxe ten dereito a unha cea para dúas persoas no restaurante O Furancho de Rianxo, situado Tras da Igrexa.

Media_httpfarm9static_lawps

O restaurante O Furancho está detrás da Igrexa en Rianxo


Os medios de Vitaminas para o galego agradecen, unha vez máis, o patrocinio do Concello de Rianxo para esta campaña, así como a colaboración de A Pousadoira, Informática Castelao e O Furancho. Tamén queremos salientar a alta participación de concursantes, aos que felicitamos polo seu inxenio e pola promoción tan destacada da vila de Rianxo e das súas belezas.

Que é Vitaminas para o Galego?

Vitaminas para o Galego, impulsada dende un inicio por Galicia Confidencial, Tempos Novos, Radiofusión, Praza Pública, Novas da Galiza, Val Miñor.info e Quepasanacosta, conta xa con 25 medios asociados, pois as devanditas cabeceiras se lles uniron con posterioridade Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras, Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZ, Cadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; o xornal De Luns a Venres; Cabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira, o xornal Compás da Costa; o programa radiofónico Plástico Elástico e os mensuais Gaceta de Fene e Cerne, xornal da terra de Melide.

O obxectivo global da campaña, comezada a principios de ano, é “sensibilizar sobre a necesidade de que haxa medios de comunicación en galego para garantir a transmisión interxeracional”, ademais da “procura de recursos económicos para axudar á supervivencia dos medios”.

Toda a información en Vitaminasparaogalego.gl

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

12.9.12

Rianxo: en marcha a campaña "Móllate polo galego", para darlle "Vitaminas ao galego"

Cimg8488

Rianxo, 12 de setembro de 2012. Esta mañá, no salón de plenos do Concello de Rianxo, tivo lugar a presentación da campaña de sensibilización sobre o idioma galego "Móllate polo galego", patrocinada polo Concello de Rianxo e organizada pola plataforma de medios de comunicación "Vitaminas para o galego". Na presentación estivo o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; o músico ribeirense Tonhito de Poi e o xornalista Pablo do Paso, do xornal Certo.

Segundo explicou o alcalde rianxeiro, "este concello sempre ten no bico o idioma galego e é un pracer para nós colaborar con esta campaña de concienciación que fan os medios en galego, precisamente aqueles que traballan sen subvencións e sen grandes convenios e seguen apostando pola lingua".

Tonhito de Poi: "somos o que falamos"

O integrante de Herdeiros da Crus, Tonhito de Poi, resaltou na súa intervención a importancia da lingua nai, que salientou cun par de anécdotas chamativas. Nunha ocasión, nunha viaxe en New York, nun curso que tomou, logo de intervir nunha clase, un norteamericano dirixiuse a el e preguntoulle "de onde era, porque a miña voz soáballe a terra e a mar. E expliqueillo e entendeuno, e non coñecía de nada Galicia", explicou este artista de Ribeira, que tamén está agora a aprender a plantar na horta e súa tía, o outro día, ao coller un anaco de terra coa man dixo algo que lle chamou a atención: "Esta terra ten nai. En lugar de dicir que era unha terra co ph axeitado, para plantar, dixo iso tan fermoso e tan claro en galego". Tonhito de Poi ten claro que "se somos galegos é polo idioma, e se somos así de fermosos, é porque o idioma nos fai así, somos o que falamos". Tamén salientou que, a nivel profesional, iso de falar en castelán ou en inglés non é necesario para trunfar: "onde eu me movo, na música, a linguaxe dos deuses, inda menos. 

Cimg8498

A seguir, o xornalista boirense Pablo do Paso, de Certo, explicou as características técnicas da campaña. Trátase dunha campaña de concienciación dirixida fundamentalmente á mocidade, pero interrumpiuno Tonhito de Poi para sinalar que "hai miniños de 99 anos", polo que só se vai pedir aos que queiran participar nela que envíen a foto máis orixinal que se lle ocorra co lema da campaña "Móllate polo galego" (e derivados: "eu móllome polo galego", por exemplo) ao correo electrónico mollate@vitaminasparaogalego.gl, o cal redireccionará esa foto a un muro de Facebook da campaña e a un blog. Alí os usuarios poderán votar pola foto máis orixinal inda que a decisión final para outorgar os premios será do xurado composto por integrantes de Vitaminas para o galego.

Premios

O primeiro premio será unha noite de aloxamento na casa rural A Pousadoira, de Callobre, en Miño (A Coruña) -www.pousadoira.com- a convir no mes de outubro cos que rexentan este establecemento que tamén se molla polo galego.

O segundo premio é dun centro de ensino e academia de informática de Rianxo, Informática Castelao, que doa un tablet para mollarse polo galego.

O terceiro premio é unha sorpresa que se dará a coñecer o sábado 22 de setembro, no reparto de camisolas na praia de Tanxil a partir das 16:30.

Tipo de fotos

Premiarase a orixinalidade da imaxe -que se pode facer con calquera tipo de cámara, só ten que ser enviada en soporte dixital ao correo citado- e o esforzo ou risco que a autora ou autor da mesma empreguen. Trátase de alcanzar a maior "viralidade" posible na Rede, polo que, entre outras ideas, lánzase a de poñerlle a camisola co lema da campaña a alguén famoso que se implique co idioma, ou facer o lema para a imaxe con materiais orixinais e que teñan que ver coa auga e as molladuras.

QUE É VITAMINAS PARA O GALEGO?
O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do Noroeste da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto "Vitaminas para o galego", impulsado por medios en galego.

QUEN IMPULSA VITAMINAS?
A plataforma Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia ConfidencialTempos NovosRadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info e Quepasanacosta

Medios colaboradores: Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras,  Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZCadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; O xornal De Luns a VenresCabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira ,o programa radiofónico Plástico Elástico Revista Kubus, Compas da Costa, Ábrete de Orellas, Televinte Chantada e Fervenzas Literarias.

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

10.9.12

Rianxo: o Concello e a plataforma "Vitaminas para o galego" presentan este mércores 12 a campaña "Móllate polo galego"

  • Trátase dunha campaña de sensibilización da mocidade de cara ao idioma galego
  • Terá lugar o sábado 22 de setembro na mítica praia de Tanxil, por onde pasearon Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio
  • Os participantes deberán, cunha camisola facilitada de xeito gratuito polo Concello, enviar fotos orixinais co lema ás redes sociais. Os mellores recibirán premio.

Camisetas_mollate
As camisolas serán distribuídas o sábado 22 na praia de Tanxil


Rianxo, 10 de setembro de 2012. O vindeiro mércores, 12 de setembro, será presentada no Concello de Rianxo, ás doce do mediodía, a campaña "Móllate polo galego", destinada a aumentar a sensibilidade dos mozos polo idioma galego. Na presentación estarán o músico e actor Tonhito de Poi, ex compoñente de Heredeiros da Crus que agora milita en Rasa Loba; o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e un dos integrantes de Certo, diario dixital do Barbanza que colabora na plataforma organizadora, Vitaminas para o galego.

"MÓLLATE POLO GALEGO": CAMPAÑA ACUÁTICA

Acuática será esta campaña, no mellor espazo estival que ten Rianxo -Tanxil-, xa no límite do verán co outono, o sábado 22 de setembro. Na presentación daranse os detalles da xornada, que ten como obxectivo concienciar á mocidade sobre a importancia de empregar a lingua propia de Galicia en todos os eidos, e tamén de xeito lúdico e artístico.

QUE É VITAMINAS PARA O GALEGO?
O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do Noroeste da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto "Vitaminas para o galego", impulsado por medios en galego.

QUEN IMPULSA VITAMINAS?
A plataforma Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia ConfidencialTempos NovosRadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info e Quepasanacosta

Medios colaboradores: Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras,  Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZCadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; O xornal De Luns a VenresCabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira ,o programa radiofónico Plástico Elástico Revista Kubus, Compas da Costa, Ábrete de Orellas, Televinte Chantada e Fervenzas Literarias.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical