12.9.12

Rianxo: en marcha a campaña "Móllate polo galego", para darlle "Vitaminas ao galego"

Cimg8488

Rianxo, 12 de setembro de 2012. Esta mañá, no salón de plenos do Concello de Rianxo, tivo lugar a presentación da campaña de sensibilización sobre o idioma galego "Móllate polo galego", patrocinada polo Concello de Rianxo e organizada pola plataforma de medios de comunicación "Vitaminas para o galego". Na presentación estivo o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños; o músico ribeirense Tonhito de Poi e o xornalista Pablo do Paso, do xornal Certo.

Segundo explicou o alcalde rianxeiro, "este concello sempre ten no bico o idioma galego e é un pracer para nós colaborar con esta campaña de concienciación que fan os medios en galego, precisamente aqueles que traballan sen subvencións e sen grandes convenios e seguen apostando pola lingua".

Tonhito de Poi: "somos o que falamos"

O integrante de Herdeiros da Crus, Tonhito de Poi, resaltou na súa intervención a importancia da lingua nai, que salientou cun par de anécdotas chamativas. Nunha ocasión, nunha viaxe en New York, nun curso que tomou, logo de intervir nunha clase, un norteamericano dirixiuse a el e preguntoulle "de onde era, porque a miña voz soáballe a terra e a mar. E expliqueillo e entendeuno, e non coñecía de nada Galicia", explicou este artista de Ribeira, que tamén está agora a aprender a plantar na horta e súa tía, o outro día, ao coller un anaco de terra coa man dixo algo que lle chamou a atención: "Esta terra ten nai. En lugar de dicir que era unha terra co ph axeitado, para plantar, dixo iso tan fermoso e tan claro en galego". Tonhito de Poi ten claro que "se somos galegos é polo idioma, e se somos así de fermosos, é porque o idioma nos fai así, somos o que falamos". Tamén salientou que, a nivel profesional, iso de falar en castelán ou en inglés non é necesario para trunfar: "onde eu me movo, na música, a linguaxe dos deuses, inda menos. 

Cimg8498

A seguir, o xornalista boirense Pablo do Paso, de Certo, explicou as características técnicas da campaña. Trátase dunha campaña de concienciación dirixida fundamentalmente á mocidade, pero interrumpiuno Tonhito de Poi para sinalar que "hai miniños de 99 anos", polo que só se vai pedir aos que queiran participar nela que envíen a foto máis orixinal que se lle ocorra co lema da campaña "Móllate polo galego" (e derivados: "eu móllome polo galego", por exemplo) ao correo electrónico mollate@vitaminasparaogalego.gl, o cal redireccionará esa foto a un muro de Facebook da campaña e a un blog. Alí os usuarios poderán votar pola foto máis orixinal inda que a decisión final para outorgar os premios será do xurado composto por integrantes de Vitaminas para o galego.

Premios

O primeiro premio será unha noite de aloxamento na casa rural A Pousadoira, de Callobre, en Miño (A Coruña) -www.pousadoira.com- a convir no mes de outubro cos que rexentan este establecemento que tamén se molla polo galego.

O segundo premio é dun centro de ensino e academia de informática de Rianxo, Informática Castelao, que doa un tablet para mollarse polo galego.

O terceiro premio é unha sorpresa que se dará a coñecer o sábado 22 de setembro, no reparto de camisolas na praia de Tanxil a partir das 16:30.

Tipo de fotos

Premiarase a orixinalidade da imaxe -que se pode facer con calquera tipo de cámara, só ten que ser enviada en soporte dixital ao correo citado- e o esforzo ou risco que a autora ou autor da mesma empreguen. Trátase de alcanzar a maior "viralidade" posible na Rede, polo que, entre outras ideas, lánzase a de poñerlle a camisola co lema da campaña a alguén famoso que se implique co idioma, ou facer o lema para a imaxe con materiais orixinais e que teñan que ver coa auga e as molladuras.

QUE É VITAMINAS PARA O GALEGO?
O idioma galego necesita vitaminas. A lingua galega precisa de axudas. Entre os apoios fundamentais figuran os medios de comunicación que empregan, prestixian e difunden o xeito de falar dos habitantes do Noroeste da Península Ibérica. A pluralidade de linguas é unha riqueza cultural que a humanidade debe protexer e cultivar. Para espallar esta idea xorde o proxecto "Vitaminas para o galego", impulsado por medios en galego.

QUEN IMPULSA VITAMINAS?
A plataforma Vitaminas para o Galego está artellada polos medios de comunicación: Galicia ConfidencialTempos NovosRadiofusiónPraza PúblicaNovas da GalizaVal Miñor.info e Quepasanacosta

Medios colaboradores: Certo xornal dixital de Barbanza e Noia, Osil.info de Valdeorras,  Crónica3 da Mariña Lucense, Radio Nordés (Cadena Ser Costa da Morte), Terra Chá.Xa, Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surf SurfGZCadernos de Comunicación e Análise; O periódico de Lalín e Comarca; Hermes e Atenea, xornal en galego de deporte e cultura; Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia; O xornal De Luns a VenresCabozo, a rede social galega; a rede de blogues Vencello; Cartafol, a revista multimedia para Ipad; A Nova Peneira ,o programa radiofónico Plástico Elástico Revista Kubus, Compas da Costa, Ábrete de Orellas, Televinte Chantada e Fervenzas Literarias.

 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

No hay comentarios:

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical