Mostrando entradas con la etiqueta reciclaxe. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta reciclaxe. Mostrar todas las entradas

2.1.13

Lousame: someten a información pública a renovación da planta de xestión de residuos

  • Hai 30 días para presentar alegacións e suxestións dende que se colgue para exposición pública, tanto en Internet como no Concello de Lousame e na Xunta
  • A autorización outorgouse por un prazo de vixencia de cinco anos, polo que se están realizando os trámites correspondentes para a súa renovación por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental

Media_httpfarm6static_crrcr

O proceso desta concesión vaise publicar no Diario Oficial de Galicia nos próximos días


Lousame, 2 de xaneiro de 2013.- Segundo informou onte a Xunta, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas somete a información pública o proxecto de renovación ambiental integrada do Complexo Medioambiental de Tratamento de Residuos Sólidos e Asimilables a Urbanos da Mancomunidade de concellos Serra do Barbanza, situada no concello de Lousame, que xa conta con autorización ambiental dende setembro de 2008, sendo o titular da mesma a súa empresa concesionaria, Fomento de Construcciones y Contratas. Esta resolución e sairá publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días.

A autorización outorgouse por un prazo de vixencia de cinco anos, polo que estanse realizando os trámites correspondentes para a súa renovación por parte da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

O sometemento da documentación a información pública é un dos trámites contemplados para as renovacións no Real decreto 509/2007, do 20 de abril, polo que se aproba o regulamento para o desenvolvemento e execución da Lei 16/2002, de 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación. Por elo, esta permanecerá exposta ao público, por un período de 30 días hábiles.

Alegacións e suxestións
Durante este prazo calquera interesado poderá consultala e, no seu caso, formular as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes. A documentación estará exposta nas seguintes dependencias: Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental – Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería, e no Concello de Lousame.


Ao remate do prazo de información pública, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental estudará as alegacións, suxestións ou observacións presentadas, téndoas en conta na resolución do expediente.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

29.11.10

Lousame: o comité da planta de Servia anuncia a presentación dunha denuncia polo penal contra o alcalde de Ames por vulnerar o dereito á folga

O Comité de Empresa da planta de reciclaxe de Servia, en Lousame, vén de anunciar a presentación, pola vía penal, dunha denuncia contra o alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, por vulnerar o dereito á folga. Fernández contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas da vila, argüíndo que a folga convocada polos traballadores/as da planta era ilegal. Afirmación que desmentiu a propia Dirección Xeral de Relacións Laborais, quen aseguraba nun escrito remitido á Mancomunidade, con data de 16 de novembro, que cumpría “con todos os requisitos estabelecidos polo Real decreto-lei 17/1977”.

O Comité de Empresa convocaba folga indefinida de recollida de lixo nos concellos de Ames e Carnota, desde o pasado día 8 de novembro, logo de que no primeiro o propio alcalde provocara o aprazamento do pleno no que se votaría unha moción que supuña a asunción do pagamento das débedas acumuladas coa planta e, no segundo, se votase en contra da moción proposta polo Comité.

Esta moción supoñía comprometerse co modelo de xestión de residuos sólidos urbanos de Servia; o apoio ás iniciativas e plans aprobados no seo da Mancomunidade encamiñadas a garantir o pago da débeda contraída con FCC; que os orzamentos de cada Concello para o ano 2011 preveran o pagamento mensual do canon do lixo (co obxecto de non xerar unha nova débeda) e que se demandara da Xunta de Galiza a súa implicación para resolver favorablemente o conflito existente coa recicladora ECOEMBES.

Para os traballadores era imprescindíbel que se asumiran estes puntos para garantir a viabilidade da planta -nomeadamente o pagamento dunha débeda que se achegaba a 2.700.000 € e da que eran responsábeis, na súa maioría, os concellos de Ames, Carnota e Noia- e con iso, o mantemento dos postos de traballo.

Folga ilegal

Tras do inicio efectivo da folga, a partir do día 12 de novembro, o alcalde de Ames afirmou, en diversos medios de comunicación, que a folga convocada era “ilegal” e “política”. O propio Valedor do Pobo abriu unha investigación, de oficio, por non garantirse un servizo público e polos supostos problemas de salubridade derivados.

Respecto das afirmacións do alcalde de Ames, a propia Dirección Xeral de Relacións Laborais desmentía nun escrito remitido á Mancomunidade o día 16 de novembro as acusacións de “ilegalidade”, e afirmaba que a comunicación de folga “cumpre cos requisitos estabelecidos” no referente ao prazo de preaviso, que para os casos que afecten aos servizos públicos débese facer “con alomenos 10 días naturais” de antelación, xa que fora comunicada o 27 de outubro; aos motivos nos que se fundamentaba; data de inicio e composición do comité de folga.

Para o alcalde de Ames esa infundada acusación de ilegalidade viña de que na convocatoria de folga prevíase o inicio o día 8 e, porén, non se fixo efectiva até cinco días despois. A isto Relacións Laborais respostaba que “a convocatoria remitida nos termos nos que se substancia, reúne os requisitos legais polo que non debe considerarse como unha nova folga a falta de servizo levada a cabo o día 13, xa que se trata dunha folga indefinida”.

Respecto da actuación do Valedor do Pobo, lembran que casualmente o alcalde de Ames, Carlos Fernández, gabouse no pleno celebrado o xoves día 18, da súa amizade persoal con el, e que amparándose nas súas actuacións, contratou a Tragsa para recoller o lixo vulnerando o dereito fundamental á folga.

Neste sentido, Paulo Rubido, secretario nacional de CIG-Servizos, asegura que curiosamente non se ten constancia da intervención do Valedor do Pobo en ningún outro conflito laboral e que nin sequera actuou na folga de recollida de lixo de Compostela, que durou moito máis tempo.

Rubido asegura, ademais, que caso de existir algún problema de salubridade sería a consellaría de Sanidade quen tería que adoptar medidas e non o Valedor e que, en todo caso, ese problema non existía porque estaban pactados uns servizos mínimos que prevían a recollida do lixo cada tres días. De feito, o luns 15 fíxose unha primeira recollida e estaba prevista outra para o propio xoves día 18.

Recollida “ilegal”

Porén, e malia estar convocado o pleno no que finalmente o concello de Ames, co seu alcalde incluído, aprobaron a moción proposta polo Comité e un pago extraordinario de medio millón de euros para afrontar a débeda acumulada polo municipio, e de estar previsto que esa noite os servizos mínimos recollerían novamente o lixo, o alcalde, facendo alarde dunha actitude que o secretario nacional de CIG-Servizos cualifica de “prepotente” e “chulesca”, ordenou a recollida “ilegal” contratando a outra empresa.

O propio alcalde, estivo á fronte do operativo de recollida de Tragsa, que provocou importantes problemas de tráfico nas rúas máis céntricas dos núcleos de Ames e controlou o proceso para asegurarse, antes do pleno, de que todo o lixo estaba recollido. Unha actuación que Rubido cualifica de “populismo barato” e que provocou que os camións cheos de lixo pasaran a noite na rotonda de Rois, sen poder acceder á planta de Lousame, porque non fixeran recollida selectiva, malia Fernández afirmar o contrario. “Finalmente tiveron que derivar o lixo a Sogama”.

Obviamente, tras da asunción por parte do concello de Ames dos compromisos económicos coa planta, o Comité de Empresa puxo fin á folga. O mesmo que ocorreu en Carnota, onde ese mesmo día e por requirimento da Xunta de Galiza, o concello foi obrigado a asumir os pagamentos nos prazos previstos pola Mancomunidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical