Mostrando entradas con la etiqueta colaboracións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta colaboracións. Mostrar todas las entradas

16.11.12

Colaboración: "Nada que ver con nós", por Javier Ferreirós

Woody-guthrieresized
"Xa viches a un millón de persoas así. Poida que na parte máis poboada da túa cidade; a parte de atrás, a que está conxestionada e amoreada, a parte pola que é máis difícil transitar en coche. Poida que te preguntaras: “De onde vén tanta xente? Como comen e se manteñen vivos? Para que serven? E por que viven dese modo?”. Esas persoas tiveron unha casa e un fogar coma o teu, establecéronse e tiveron un emprego igual ca ti. Entón algo os sacudiu e perdérono todo.”

Rumbo_gloria
Quen nos fala é Woody Guthrie (1912-1967) a quen xa dediquei un artigo en Certo. Recolle esta reflexión nas súas memorias, Bound for Glory (publicadas en castelán co título Rumbo a la gloria por Global Rhythm Press en 2009), escritas cando tiña 30 anos e xa vivira máis do que moitos viviremos nunca. Os Estados Unidos saían da Gran Depresión e entraban na guerra; o ser humano vivía o momento máis crítico da súa historia, polo momento. As razóns polas que comento este texto son, obviamente, a súa “rabiosa actualidade” e a súa ferinte honestidade, tan propia de toda a obra deste bardo da era industrial que nunca coñeceu o “Estado do Benestar” con que as esgotadas democracias europeas, a través dunha serie de concesións, intentaron contentar ós traballadores trala II Guerra Mundial por medo ó triunfo do comunismo, igual que antes intentaran contentar a Hitler concedéndolle todos os seus caprichos ata que invadiu Polonia o 1 de setembro de 1939.

Depression
Nos Estados Unidos creouse a arte que mellor reflicte os vaivéns do século XX, o “século das masas”, durante o cal ese inmenso país foi o seu grande protagonista. Cando Woody escribiu isto a clase traballadora aínda sufría os efectos da Depresión, por moito que os indicadores macroeconómicos dixeran o contrario. Igualmente, todo se suavizará nos medios de comunicación cando cheguen dunha vez por todas os “brotes verdes”, todo soará como unha pílula efervescente caendo na auga das nosas inquedanzas. Pero a besta neoliberal estará a rir entre dentes, refregándose as súas mans de ferro cubertas por luvas de seda.

Gran_depresion_20098
Que será de nós entón, habitantes do último recuncho do mundo? Ata fai nada os galegos viviamos nunha Depresión eterna, entón Franco morreu na cama, os caciques quedaron e de súpeto estabamos integrados no mundo moderno das liberdades e o Estado do Benestar. Xa que entramos nesta dinámica, que antes nos estaba vedada, de poder loitar contra esa miseria estrutural, poida que debéramos facer algo como colectivo; se a angustia ven polo dilema de renunciar a un día de paga ou non, levámola clara. Ás veces semella que a cousa non ten nada que ver con nós. A terra afúndese ós nosos pés e seguimos a asubiar. Como comemos e nos mantemos vivos? Por que vivimos deste modo? E, sobre todo, para que servimos? Deberiamos responder antes de que o faga o Monstro Mecánico.

Anterior colaboración:

"Lennon e McCartney, artistas parisienses"

 


Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
dos principais discos da música mundial
"Música por dentro"

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

31.10.12

Colaboración: "Lennon e McCartney, artistas parisienses", por Javier Ferreirós

Media_httpuploadwikim_nuhwb

Lennon e McCartney, a parella de compositores máis famosa quizais do século XX. Wikipedia

Diego Manrique dedica un artigo, dentro do especial de El País sobre os Beatles con motivo do cincuenta aniversario da súa carreira discográfica, ó milagroso que resulta que aquel grupo de desastrados rockers chegaran a sacar un disco –“Love me do”- o 5 de outubro de 1962. Como estandartes do imaxinario popular do noso tempo, parécenos incrible que o seu destino non estivera gravado en mármore dende o principio dos tempos: é unha desas cousas que tiña que pasar. Pero o camiño que levou ó Beatles dende o momento que colleron por primeira vez unha guitarra ata a edición de “Love me do” aseméllase máis a aquela escena de Bugs Bunny cruzando a rúa entre un tráfico frenético mentres le distraído o xornal e chega ileso á outra beira: un milagre que a ratos resulta igual de cómico. Postos a divagar, poderiamos remontarnos na cadea de acontecementos favorables ata o Big Bang, pero o caso é que Manrique menciona no seu artigo un episodio deses anos de tugurios e tupés graxentos que eu esquecera: a viaxe de Lennon e McCartney a París facendo autostop. Se ben a súa intención non parecía ser instalarse alí e facerse “artistas bohemios”, neses anos de descubrimento e terra queimada moi ben poderían ter quedado aló enredados no encanto do vello París dos artistas que xa se esfumara décadas atrás. Cando es mozo e ademais artista, raras veces xurde a sensación de chegar tarde, porque o tempo é infinito na túa mente. Todo existe ó mesmo tempo. Tal vez, como lle pasou a Bob Dylan co poeta Carl Sandburg, este par de liverpoolianos de pantalóns estreitos terían petado á porta de Picasso e o vello diría que o deixaran en paz. (Ou, se tiña unha boa tarde, os convidaría ó té lembrando que de mozo pensara en instalarse en Londres polo liberadas que estaban as mulleres inglesas. E despois botaríaos fóra, deixádeme en paz, teño que traballar.)

 

A historia, tal e como a contan os seus protagonistas no Beatles Anthology, é a seguinte: polo seu 21 cumpreanos, chegando á maioría de idade, Lennon recibiu do seu tío cen libras como regalo, unha cantidade considerable daquela (McCartney di que aínda hoxe en día lle impresiona ver esa cantidade en efectivo...). Así que a el e a Paul se lles ocorreu gastalas nunha viaxe a dedo ata España. Alá foron, deixando colgados a Harrison e Pete Best (batería do grupo daquela) e pasando da súa axenda de concertos, anulados por incomparecencia. Semellaba a fin do grupo: John e Paul polas cunetas e Bugs Bunny a piques de ser atropelado. Para que os recolleran, McCartney, sempre espelido, propuxo que levaran uns bombíns para chamar a atención dos condutores, mostrando que viñan dun largo camiño dende Inglaterra: Lennon e McCartney con sombreiros de Charlot. Puro marketing incipiente. Entre o autostop e o tren chegaron a París, e unha vez deitados na cama do hotel decidiron que España estaba moi lonxe...así que se dedicarían a percorrer os cafés e a vivir coma nun vello cartel do Moulin Rouge.

Media_httpuploadwikim_rrpuk

The Beatles en Holanda, 1964. Wikipedia

Estiveron dando tombos e facendo o indio como correspondía  á súa idade e carácter; compraron pantalóns bombachos (que despois converteron tamén en pantalóns estreitos con agulla e fío) e Lennon fotografouse en calzóns. Unha semana despois volveron a Liverpool e ó rock and roll, e a historia seguiu camiño e o destino, esa ilusión, cumpriuse.

Agora xoguemos á historia-ficción: que tería pasado se decidiran quedar e se puxeran a debuxar (Lennon tiña no debuxo unha vocación paralela, estivera matriculado na Escola de Arte de Liverpool, e McCartney, como é sabido, pégalle a todo) e a vender os seus debuxos nos cafés? Non creo que iniciasen unha revolución pictórica, pero tal vez non teriamos escoitado falar de Andy Warhol; Lennon seguiría vivo, e despois duns aniños bos, malviviría nun faiado parisiense, convertido nun persoeiro rosmón co que se sacarían fotos os turistas, unha especie de Zapatóns da Rive Gauche. McCartney, prescindindo da careta de goma, posuiría unha cadea de galerías de arte, e vendería o seu produto cunha actitude semellante á do dono de Ryanair. George Harrison, farto de esperar, tería fundado un grupo tan lembrado como os Merseybeats e presentaría recopilatorios da música da época na teletenda, e Ringo sería hoxe un xubilado inglés residente en Málaga despois de toda unha vida como músico de sesión, e escribiría un libro de anécdotas (Batería de historias. Historias dun batería) no que contaría que unha vez coincidiu con Phil Collins e lle ensinou un ritmo de pandeireta da súa invención.

Media_httpuploadwikim_ewjrw

Paso de Abbey Road, con greñas. Wikipedia.

Pero o destino constrúese día a día con vontade, talento e paixón, e tamén con algo máis que un chisco de circunstancias favorables, abofé. No caso dos Beatles, tocando oito horas cada noite nos escenarios pegañentos de Hamburgo, para as putas,os mafiosos e os mariñeiros, entre esgarros e botellas escachadas. A fuxida parisiense só durou dúas semanas, pero o tempo parece ir máis rápido para os Beatles, que como tales só duraron oito anos dende aquel 5 de outubro de 1962; de aí que Harrison e Best se cheiraran aqueles días a fin do grupo.

O que si tiña que pasar é que Lennon e McCartney se separaran, porque non todas as historias de amor duran tanto como a de Victorio e Lucchino. De terse establecido a realidade paralela de París, Yoko Ono, despois dun bolo conceptual nas Galerías McCartney, botaría unhas moedas no bombín roído de Lennon sen mirarlle sequera ós lentes, e non tería a culpa de todo.

 


Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
dos principais discos da música mundial
"Música por dentro"

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

3.8.12

Colaboración: "O ceo, o mar azul", por Javier Ferreirós

Non hai nada mellor que volver á casa coa pel adobada en salitre despois dun día de praia. Boto de menos os veráns de ata fai tres anos, que eran antes de setembro, sen apuros porque o inverno tardaría en chegar. Por outra banda, o outro día vin nun xornal a foto do fillo e do neto de Cousteau, con cadanseu pucho de lá vermello. Coma cada tanto, os membros de esta familia emerxen das augas, quitan o arneirón da cara e lanzan unha advertencia sobre o perigo que corre o planeta, e ese pucho de lá vermello semella un sinal de advertencia. Así que a nostalxia dos veráns de antes e máis esta foto acenderon en min un ansia: quero ser Seu Jorge en Life Aquatic.


Para os que non saibades quen é Seu Jorge, dicirvos que o escoitedes, que é un musico brasileiro, guitarrista e cantante de voz grave que provoca unha simpatía inmediata. E que ademais é actor ocasional; era o rapaz maior que tentaba ser honrado en Cidade de Deus e que finalmente sucumbía á chamada da violencia naquel mundo desesperado.

Para os que non vistes Life Aquatic, dicirvos que a vexades, que é unha película delirante e melancólica protagonizada por Bill Murray facendo de Steve Zissou, unha parodia/homenaxe/reflexo dun universo paralelo de Cousteau e das súas expedicións heroicas, que aquí convértense en patéticas, con puchiño de lá vermella incluído. E que é tan triste que fai rir, como creo que dixo Goethe falando de O Quixote.

Un dos membros da tripulación é Seu Jorge. Aparece el só nos recunchos da película coa súa guitarra, entoando unha canción de David Bowie cada vez. Atopámolo nese baleiro que el enche entre secuencias, de repente tocando Rock´n´Roll Suicide subido ó pau maior, ou Lady Stardust nun corredor, ou gravando, nese ambiente de tecnoloxía obsoleta tirada do TBO que ateiga o navío, unha versión de Life on Mars? ,alí metido, nunha cabina diminuta, cun mono vermello co Z de Zissou bordado no peito. Entón transfórmase nunha estraña (por resultarnos paradoxicamente familiar xa a primeira vista, por resultarnos coherente) presenza, fóra do tempo e o espazo, case que fóra da película e do personaxe, sen que lle roce o devir, semellando non ter necesidades terreais, salvo algún cigarro. E canta esas cancións de Bowie en portugués do Brasil, inventándose a letra. O texto alucinado de Life on Mars? de Bowie comeza así na voz grave de Seu Jorge: “Quando as coisas do coraçao...”; o “And it´s aaaaalright” de Lady Stardust é agora “E ser um boooom pai”.

Ó volvelo escoitar nun día invernal de xullo, inverno do hemisferio sur, caín na conta. Quero ser Seu Jorge, transformar o espazo exterior no que se me ocorra, en primeira persoa, gabear ata o máis alto do mastro e, aínda que leve un pucho vermello, deixarme abanar polo mar azul, que é o ceo, e viceversa.

Anterior colaboración de Javier Ferreirós:

"Presidente por accidente. Notas entomolóxicas"

Javier Ferreirós é músico e historiador

 

Toda a serie "Música por dentro" en Certo, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

13.6.12

Colaboración: "Apocalipse outra vez", por Javier Ferreirós

A verdade é que me soaba vagamente: fai uns anos alguén reproducira os instrumentos que portan os vintecatro Anciáns do Apocalipse do Pórtico da Gloria e se gravara un disco e se deran concertos con eles. Maxia e alquimia, a pedra volvía á vida.

O pasado sábado día 2 de xuño tiven oportunidade de comprobalo.  No marco do Euro- Vía Festival o grupo Martín Códax deu un concerto con eses instrumentos e co repertorio adecuado a eles: cantigas de amigo do propio Códax, tres das Cantigas de Santa María e dúas pezas do Códice Calixtino. O lugar, o Paraninfo da Universidade de Santiago, na Facultade de Xeografía e Historia.

Media_httpfarm6static_uzjde

Codex Calixtinus

Previamente Carlos Villanueva, catedrático de música, deu unha breve charla introdutoria sobre o chamado Proxecto de Construción dos Instrumentos do Pórtico da Gloria (1990-1994), que culminou coa  presentación en concerto das 19 pezas reconstruídas por artesáns de toda Europa e a gravación do disco Os Sons do Pórtico da Gloria. Ó propio Villanueva codirixiu naqueles anos o proxecto e participou nel como músico. Tal como contou, fai vinte anos, con eses instrumentos só entón devoltos ó mundo dos vivos, o manexo dos mesmos non podía ser aínda moi hábil por parte dos músicos, músicos que aprenderan unha arte que xa perdera a memoria do organistrum e do laúde medieval, daqueles pandeiros, frautas e fídulas, semellantes ós seus descendentes pero con sons pequenos, estraños e primitivos.

Este festival, tal como figura no panfleto que nos entregaron, “é posible grazas ao patrocinio de Dr. h. c. Hans Urrigshardt” . Antes da charla de Villanueva, un alemán presentou o festival no marco deste primeiro evento nun castelán aceptable. Cando xa comezara a conferencia, esta viuse brevemente interrompida por un grupo de alemáns de mediana idade que chegaban tarde. Nos asentos de autoridades predispostos para eles xa se sentaba o representante vaticano, o cardeal Ravasi.

Os estudantes da Facultade organizaran ese fin de semana un peche en protesta polos recortes en educación por parte do goberno.

Media_httpligaestudan_vfdjk

Peche en Historia. Imaxe da Liga Estudantil Galega

Eu estudei Historia nesa mesma Facultade; pero, se mal non lembro, nunca entrara ata este sábado no Paraninfo. Pois ben, alí estaba eu, por vez primeira baixo aquel teito decorado con anxos, a presenciar unha Imaxe do Mundo de hoxe: os alemáns, semellantes en número e aparencia ós Anciáns do Apocalipse, poñen os cartos e chegan tarde, os instrumentos da fin do mundo (xeográfica e cronolóxica) tocan pezas dun valioso códice roubado perante un cardeal romano, e os mozos resisten pasivamente alí fóra da sala. Salvo tres deses mozos, que asistiron ó concerto, e que estiveron falando polo baixo do principio á fin do mesmo. Tal vez falaban de como salvar a cultura das gadoupas da cobiza materialista sen facer moito caso daquela música que volvera dende unha idade moi afastada na que, como en todas as épocas, crían que a fin dos tempos estaba próxima. Ó rematar a carreira, cando sintan o peso da Historia nos seus ombros, algúns dos rapaces que protestaron  quedándose na Facultade serán banqueiros. Pero sempre ha de quedar polo menos un xusto cando veñan os vintecatro Anciáns, e o xusto tal vez baile ó fermoso son das súas fídulas, pandeiros e laúdes, sen saber que música é esa, e sen que lle importe.

Javier Ferreirós é músico e historiador

Media_httpfarm5static_srjfi

Toda a serie "Música por dentro" en Certo, aquí

Ligazóns relacionadas con este festival e grupo:
http://www.martincodax.org/
http://www.euro-via-festival.org/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

6.8.10

Faranji: no capítulo XXII, a conexión Cuba-Etiopía, ou como na fin da historia os vellos comunistas levantan países capitalistas

"No colexio maior, no campus universitario madrileño, Haile manexa un discurso identitario en función das circunstancias. Nas festas, cando toca, exprímese a experiencia cubana e, senón, sempre queda o papel de intelectual africano en Europa. O camaleónico David Bowie semella un aprendiz.

Haile é un pluriempregado da Identidade.

Á marxe de toda a pirotecnia e o floklore noitarego (que dá os seus froitos), o noso amigo Haile rexeita de cheo calquer tipo de adscrición étnica. Considérase un cidadán etíope e asume de xeito militante a súa condición de fillo da revolución. De ben nacido é ser agradecido. O mesmo lle acontece a compañeiras e compañeiros nosos, chilenos e urugaios, que foron educados (ou reeducados) en Cuba tralos golpes de Estado militares dos anos 70 en Sudamérica. Seguen falando de papá Fidel e resulta complicado tentar debater sobre o tema cubano. Ao final, alguén coma min, un fillo da Vella Europa, metido de cheo neste etnocentrismo asoballante, cangado de prexuízos, estou incapacitado, segundo parece, para coñecer e asumir a realidade destas sociedades".


Todo o capítulo aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

1.8.10

Colaboración: Ramón Torrado fala da importancia de coidar as nosas fontes

"Penso de verdade que estas fontes e fontenlas son, como a froita, un tesouro que nos acompaña no noso paso polo mundo, e un símbolo de riqueza que as entrañas do noso país nos regala. Debemos amar as nosas fontes como as amaba aquela muller que é a que mellor nos representa, unha muller das terras de Padrón chamada María Rosalía Rita Martínez de Castro, e asegurar que os nosos descendentes tamén dispoñan destes ríos de vida".
O artigo enteiro en http://certo.es/index.php?page=as_fontes_en_barbanza

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

23.7.10

Colaboracións: JJ Fernández opina sobre as paixóns futbolísticas na nosa terra

"Como pode haber xente que diga iso, namentres que fala un idioma distinto do español, que ten unha cultura distante da española, e que o único español que pasa polos nosos miolos é un goberno enclenque e inútil que nos tratan (ou trataron) coma analfabetos?".
O artigo enteiro en http://certo.es/index.php?page=la_roja

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

21.7.10

Opinión: a vida como unha pequena soneca da que algúns nin se decatan, segundo J. E. Bóveda

(...) que se imaxinen vivindo dentro dunha curtametraxe dramática costumista, onde non poidan sobordar os ángulos de cámara, nin cambiar os encadres, nin persuadir ás personaxes de que salten o guión aínda que só fose un momentiño, nin vivir máis dos seis minutos que dura a cinta, nin sequera ver máis cores que o adusto branco e negro (case sepia) que a historia posúe".
O artigo completo en http://certo.es/index.php?page=metaficcion

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

14.7.10

Opinión: Bóveda afonda, vala o paradoxo, na superficialidade destes tempos

"Estes libros ornamentais sen nada impreso “contextualizan” o noso presente superficial nesta occidentalidade competitiva, baldeira, de estética non estática, senón frenética, que entra polos ollos e insta ao consumo exacerbado e innecesario. Banalizando nosas conciencias..."
O artigo completo en http://certo.es/index.php?page=atrezzo

Lectura recomendada relativa a este artigo (suxerencia do pedante da redacción de Certo, que non da collido vacacións): "Los bárbaros", de Alessandro Baricco.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical