Rosa Quintana: “O proxecto experimental das gaiolas de salmón pode crear máis de 300 postos de traballo na zona de Muros-Noia”. A conselleira asegurou ás mariscadoras da Ría de Muros-Noia que disporán de análises cada dous meses sobre o impacto deste proxecto experimental.
Noia, 17 de marzo de 2011.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, asegurou que o proxecto experimental que se vai desenvolver en Muros-Noia é unha oportunidade para xerar emprego na zona. “ Se o proxecto sae adiante permitirá crear máis de 300 postos de traballo na comarca” dixo e reiterou que esta actividade non supón ningún problema para a compatibilización da actividade acuícola coa pesqueira e marisqueira.
A conselleira incidiu en que a Xunta persegue unha explotación da acuicultura responsable co medio ambiente tendo en conta que Galicia “necesita seguir sendo líder en acuicultura”, tal e como o recomenda a propia UE. A titular de Mar puxo como exemplo a Noruega e a Escocia, dous dos lugares máis importantes en materia de acuicultura e con características xeográficas e marítimas similares a Galicia e sostivo que “desenvolven estes lugares a súa actividade pesqueira convivindo con total normalidade”.
A conselleira reuniu hoxe a unhas 80 representantes do marisqueo a pé de Galicia para explicarlles de primeira man os motivos do traslado destas gaiolas dende a Ría de Arousa ao polígono de Muros-C, un polígono dedicado á acuicultura. Así, incidiu en que na ría arousana están ubicadas 2.500 bateas (o 68% de toda Galicia) “o que supón que está ao límite da súa capacidade de carga”. A conselleira tamén quixo deixar constancia de que o seu departamento actuou con absoluta transparencia con reunións co sector e coa elaboración de diversos estudos. Explicou que, tras manter contactos coas confrarías e as asociacións bateeiras da ría, a Xunta recabou informes externos do Clúster de Acuicultura e da Universidade de Vigo, “que avalan que o traslado non entraña ningún problema”. Non obstante, unha comisión de seguimento da que participará o sector analizará o impacto deste proxecto bimensualmente, que lle serán trasladados ao sector.
Relacionada:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia