Mostrando entradas con la etiqueta Axóuxere Editora. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Axóuxere Editora. Mostrar todas las entradas

11.1.13

Rianxo: a editora Axóuxere terá, de xeito excepcional, a tres escritores na súa residencia entre febreiro e abril

  • É unha decisión motivada pola "alta concorrencia e a calidade das propostas presentadas"
  • A casa de Axóuxere en Xens configúrase como un espazo creativo "aberto para o despregue persoal e comunitario"

Media_httpfarm9static_xfiab

A última escritora que pasou pola residencia de Axóuxere foi Nerea Pallares

Rianxo, 11 de xaneiro de 2013. A iniciativa cultural de Nora Viéitez, Rafael Xaneiro, Roberto Abuín e Xosé Manuel Tubío, Axóuxere Editora, está a ter un éxito enorme nas súas convocatorias. O boca a orella para ocupar un dos cuartos na casa da aldea rianxeira espallouse como o centeo nun día de vento e tamén as redes sociais (http://axouxerestream.com) contribuíron a que a convocatoria para a Residencia de Inverno 2013 recibise un número alto de propostas, "a maior parte delas interesantes", aseguran. Mais iso implica unha gran responsabilidade e explican que "coñecendo que a nosa tarefa como xestores culturais debe ser a de dinamizar e facer medrar o espectro contemporáneo na arte, na literatura e no pensamento, finalmente decidimos seleccionar non só unha proposta senón tres. A excepcionalidade desta decisión débese, como xa dixemos, á alta concorrencia, e á calidade das propostas presentadas. Deste xeito, lamentando ter que deixar outras -tan válidas ou tan interesantes como as elixidas- á marxe, presentamos as candidaturas que seleccionamos. Estas candidaturas concorrerán entre o mes de Febreiro e o de Abril (tres meses, polo tanto), mantendo a editora contacto cos elixidos a fin de determinar o tempo da súa estancia".

As candidaturas elixidas son:

Media_http4bpblogspot_ygnci

Amilcar Bettega Barbosa (escritor e tradutor de Brasil)

Chiara Bertin (artista visual de Italia, agora en USA)

Elisa Iglesias Gil (Galiza)

Un espazo aberto e de benvida


Segundo argumentan os responsables de Axóuxere, "a intención da Residencia de Escritores é a de permitir o desenvolvemento dun espazo e tempos propicios para o despregue persoal, comunitario e creador. É por iso que, malia ter que seleccionar unha ou unhas poucas propostas de cada Convocatoria, a idea é que o espazo de Axóuxere estea aberto á convivencia comunal. É deste xeito un espazo ao que quen quixera coñecernos e compartillar con nós pode achegarse; a este noso pequeno, pero confortable lar. Océano-Universo".

Relacionada:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

26.11.12

Literatura: ata o 31 de decembro para optar á praza na residencia de escritores de Axóuxere en Rianxo

  • A autora ou escritor interesados deberán enviar unha proposta co traballo que queren desenvolver durante 30 días entre febreiro e abril de 2013 en Xens, Leiro, Rianxo, onde a editora Axóuxere ten a súa residencia de escritores
  • A cambio da estadía, totalmente gratuíta, a escritora ou autor escollidos deberán dar un obradoiro literario no municipio e entregar algún material publicable do proxecto
  • Axóuxere xa vai pola súa cuarta experiencia con este chamamento. Antes estiveron a poetisa canaria Irena La Sen, o galego-islandés Elías Portela e a luguesa Nerea Pallares

Toda a información neste dossier:

Axóuxere_Inverno.pdf Download this file

Ou na web da editorial rianxeira: http://axouxerestream.com/residencia-de-escritores/


Relacionada:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

5.11.12

Rianxo: Nerea Pallares imparte un obradoiro literario o venres 9 e sábado 10 de novembro

  • Baixo o epígrafe "O ambiente no proceso creativo. Construción e re-construción de identidades"
  • Será na biblioteca pública "Castelao", no Pazo do Martelo
  • O 16 de novembro terá lugar un faladoiro e lectura de textos

Media_httpfarm5static_hepif

Biblioteca pública "Castelao" de Rianxo, no antigo Pazo do Martelo

Rianxo, 5 de outubro de 2012. O obradoiro literario O ambiente no proceso creativo. Construción e re-construción de identidades, a cargo a escritora Nerea Pallares, desenvolverase os vindeiros 9 e 10 de novembro na Biblioteca Pública Municipal Castelao. O día 16 de novembro, tamén na BPM Castelao e con carácter aberto, a escritora desenvolverá unha lectura e faladoiro arredor dos seus textos, no que explicará as liñas da súa investigación narrativa, formas do discurso, esencias estéticas e creativas contemporáneas, etc.

Ambas as dúas actividades inscríbese no marco de colaboración entre a Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello de Rianxo e a Editorial Axóuxere, aproveitando a presenza dos escritores participantes no programa de residencias creativas que esta editorial pon en marcha.

Para inscribirse no obradoiro deberase cubrir unha ficha (pode descargala en www.rianxo,com) e enviala por correo electrónico a cultura@concelloderianxo,es co asunto obradoiro de Nerea Pallares, antes do 9 de novembro.

Quen é Nerea Pallares?

Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. A súa afección á lectura e escritura levouna a acadar numeroros premios dende pequena. Aos trece anos, gañou o 43 Concurso Nacional de Redacción da Fundación Coca-Cola España. Tamén obtivo o 17º Concurso de Contos "Vila de Pontedeume" e participou en catro edicións do Certame de Contos e Relatos Curtos "Trapero Pardo".

O ano pasado estivo de residente como escritora na Fundación Antonio Gala e este ano, co seu proxecto "Sidecar", obtivo residencia coa editorial rianxeira Axóuxere.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

14.9.12

Rianxo: do 28 ao 30 de setembro, Encontros de Arte e Natureza

  • Organizados por Axóuxere Editora, non van dirixidos só a artistas, senón a persoas con inquedanzas

Arte_e_natureza_cartaz

Rianxo, 14 de setembro de 2012. Os encontros de Arte e Natureza, segundo informan hoxe dende a editorial rianxeira Axóuxere Editora, "procuran un achegamento ao contorno natural para, dende a integración, producir un diálogo creativo partindo de diversas perspectivas e linguaxes artísticas, e intimamente ligado a experiencia deste contacto. Non se trata dun encontro dirixido exclusivamente a artistas, senón a todas aquelas persoas con inquedanzas creativas interesadas en propiciar este diálogo".

A teima desta edición: Camiñar

En cada edición, o traballo desenvólvese tomando como referencia un tópico, un concepto ou leitmotiv. Neste caso se trata da idea do "camiñar". Camiñar como proceso de desenvolvemento, de pensamento, de creación de mapas interiores, rutas emocionais e psicoxeografías. Camiñar como deriva, como horizonte ou como busca. O camiño que trazamos como relato da nosa existencia, do noso paso, como historia; mais tamén o terreo sen sendeiros, a descuberta de camiños ocultos e a invención de vías novas. O camiñar pola natureza en estado puro, virxe; o encontro co noso ser natural nese camiñar.

Na aldea de Brión

A aldea de Brión, en Rianxo, e o seu contorno, como outras aldeas galegas (desgrazadamente, cada vez menos, explican os organizadores) segue a formar parte do propio medio natural, pois na vida tradicional non hai separación entre unha e outro, senón máis ben unha simbiose orgánica a través da cal as diferentes culturas foron transformándose por miles de anos. A comarca do Barbanza, en cuxos xacementos arqueolóxicos (os explorados e os ignorados), mais tamén nas pedras das súas casas e muros, latexa o espírito vívido desa tradición, é fiel testemuña deste constante proceso. É, por iso, lugar privilexiado para, no andar, no camiñar, no deixarse levar polas voces antergas que poboan ese espazo e territorio, tecer o diálogo creativo que os encontros de Arte e Natureza procuran.

"Axóuxere Editora é, para alén d@s que arredor estamos, en certo modo, un camiño e, como todo camiño, vaise descubrindo a medida que se anda. Non hai paso que non traia un novo territorio, como non hai territorio que non apunte novos horizontes. Seguimos, na natureza que nos circunda —a que nos berra, a que nos dá acubillo, a que nos dá folgos e a que nos fai pequenos— o rastro do sagrado a través da beleza; "todo o que é bo é fermoso", si, mais tamén, como di o noso vello amigo Thoreau: "todo o que é bo é salvaxe". E nós deixámonos guiar por ese pulo indagador e irredento que en Rianxo aínda ecoa:
 

«Cómpre romper a marcha pola mesma estrada que fagamos
cos nosos pasos e afrontar nela unha peregrinaxe sen chegada,
porque en cada relanzo do camiño agárdanos
unha voz que nos berra: ¡Máis alá!»

 
(Do Manifesto Máis Alá, 1922
de Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro)

Resumo:

Datas do encontro:
28 a 30 de setembro

Lugar:
Brión, Rianxo

Custo: 40€
(inclúe os obradoiros e aloxamento —2 noites— en bungalows compartidos no camping de Rianxo)

Inscrición e información:

Axóuxere
info@axouxerestream.com
Antón
629 818 199

Dirección:
Antón Sobral e Carmen Hermo

Coordina:
Axóuxere Editora

Colabora:
Concello de Rianxo
(Educación, Cultura e Normalización Lingüística)



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical