24.11.10

Rianxo: o Bng suxire unha serie de obras para o Plan de Obras e Servizos da Deputación


Rianxo, 24 de novembro de 2010. O BNG de Rianxo presentou na Comisión Informativa de obras un conxunto de suxestións de actuacións a incluír no Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña con vistas ao ano 2011. (POS 2011). Agarda que o executivo rianxeiro "inclúa algunha delas para dar a aprobación unánime no pleno municipal a celebrar antes deste final de mes de novembro". Só o goberno do PSOE e o BNG presentaron iniciativas nesta comisión.

O BNG é partidario de, a diferenza do ano anterior, aproveitar a totalidade dos 240.000 euros aproximados que lle corresponden a Rianxo para impulsar estas obras necesarias, en troques de gastos correntes, "toda vez que a capacidade investidora do Concello está moi mermada e precisaremos destas achegas de fora para acometer actuacións que levamos anos reclamando".

En concreto sinaláronse as seguintes:

Parque infantil do Colexio de Asados: substitución de xogo.
Investimento en saneamento e traída municipal no Burato
Estrada a Tronco-Cámping de Rianxo.
Accesos punto limpo
Investimento no Abastecemento auga Asados
Amaño pista xeral Asados-A Marquesa
Amaño varias Pistas Iñobre
Camiño So-Igrexa-Cotón
Pista a carón do vello cine de Asados
Pistas Outeiro-A Laxe
Pista Rañó-A Fonte

Algunda delas, sinalan os nacionalistas, "é inaprazábel debido ao estado de inseguridade que presentan os columpios do Colexio de Asados e que poderían dar lugar a accidentes lamentábeis".

Presentación candidatos do Bng ás eleccións municipais

Por outra banda, mañá xoves, ás 20.30 horas no local do BNG de Rianxo, Paseo da Ribeira 43 1º, haberá unha presentación aos medios, con presenza de afiliados e simpatizantes,
dos primeiros catro postos da candidatura do BNG de Rianxo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o polifacético artista Ismael Teira estrea "Marrón escura" no festival de curtas "Vila de Noia" este venres 26

Dodro: o Bng leva ao Parlamento o arranxo dos camiños de Bexo que se recollía no Peim de 2009

Download now or preview on posterous
Dodro.pdf (71 KB)


Dodro, 24 de novembro de 2010. A  deputada do BNG Ana Pontón asegura que os veciños e veciñas de Dodro están a ser privados dos fondos que xa estaban comprometidos para as melloras nas comunicacións nesta parroquia  e por esa razón rexistrou unha Proposición non de lei que será debatida, proximamente no Parlamento galego, na que reclama a execución do proxecto de pavimentación dos camiños en Bexo, no concello de Dodro.

Pontón explica nesta iniciativa que o PEIM do ano 2009 incorporou nas súas actuacións a pavimentación de camiños na parroquia de Bexo e por mor das necesidades desa parroquia, solicitouse unha modificación no proxecto para que as obras foran realizadas naqueles camiños con maior necesidade de amaño. A deputada do BNG salienta que, os meses pasaron e esta situación non se levou a cabo, a pesar de contar coa documentación requirida para a execución das obras.

Para Ana Pontón, a paralización deste proxecto é "produto da desidia e obstáculos da Xunta de Galicia para que non se inicien e executen as obras".

Pola súa banda, o Bng local, que forma parte do goberno bipartito dodrense, vai informar aos veciños de Bexo este xoves 25 (hai convocada unha charla) e tamén presentará unha moción no vindeiro pleno municipal, este venres 26 de novembro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Mar: a Xunta di que o novo seguro marítimo é "a mellor solución" e os socialistas que é "ruín, vil e miserable aforrar a conta de 30.000 mariñeiros"


Barbanza-Noia, 24 de novembro de 2010. A lea no Parlamento polo novo seguro do mar segue vizosa. Esta mañá foi a máxima responsable do goberno da Xunta nesta materia, a conselleira de Mar Rosa Quintana, quen defendeu esta medida, mentres a responsable do Psoe en asuntos pesqueiros, Marisol Soneira, criticouna duramente. Poñémoslles íntegras as notas de prensa dunha e doutra para que vostedes se fagan unha idea:

Nota da Xunta:
Rosa Quintana afirma que o novo seguro marítimo é a mellor solución para dar cobertura aos profesionais do mar e ás súas familias

A conselleira subliñou que “se adecúa ás necesidades e particularidades da frota galega e dignifica aos mariñeiros”

Lembrou que o novo seguro foi promovido polo sector e conta co respaldo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, das tres Federacións Provinciais e da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) e de Remolcanosa

Mar traballa nunha póliza axeitada ás necesidades dos mariscadores e percebeiros e sufragará as bolsas de estudos dos orfos do mar

Quintana informou de que Galicia ofrece colaboración plena de cara á execución do Plan Nacional de Salvamento Marítimo e demanda a coordinación “constante” dos medios “para garantir a operatividade e cubrir as necesidades”
  

Santiago, 24 de novembro de 2010.- A conselleira do Mar, Rosa Quintana, afirmou hoxe no Parlamento que o novo seguro marítimo pesqueiro “é a mellor solución para dar cobertura aos profesionais do mar xa que se adecúa ás necesidades e particularidades da frota galega”. Quintana lembrou que, ata o de agora, moitos armadores carecían de protección ao traballar sen seguro a terceiros, e que en caso de accidente, eran eles os que tíñan que pagar, “o que lles podía supoñer a ruína”.

Na súa intervención a conselleira apuntou que o novo seguro “dignifica a profesión dos mariñeiros ao equiparalos a outros eidos económicos e supón pór a Galicia á altura dos países punteiros de Europa nesta materia”. Tamén subliñou que coa nova fórmula aseguraticia, o diñeiro que invistan os pescadores quedará en Galicia e xerará beneficios para todos os galegos” xa que, segundo explicou, debido á inexistencia de seguros de responsabilidade civil marítima no noso país, “antes favorecíase aos clubes de Protección e Indemnización (P&I) e máis de 5 millóns de euros marchaban ao estranxeiro”.

Quintana recalcou que foi o propio sector quen promoveu esta fórmula aseguraticia, que conta co respaldo da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, das tres Federacións Provinciais e da Cooperativa de Armadores de Vigo (ARVI) e de Remolcanosa. A conselleira lamentou a “demagoxia” que se está facer coa nova fórmula e aclarou, por unha banda, que está a traballar para lograr unha póliza axeitada ás necesidades dos mariscadores e dos percebeiros a pé e, por outra, que ten previsto publicar unha orde de axudas para sufragar os estudos dos orfos do mar.

A titular de Mar precisou tamén que o seu departamento non descarta ampliar a partida orzamentaria de 250.000 euros, destinados a sufragar o 25% do pago de cada subscrición á póliza obrigatoria, no caso de ser necesario.

Rosa Quintana defendeu “unha xestión do gasto público eficaz” sobre todo, neste contexto de crise económica e puntualizou que deixou sen efecto o anterior proceso de licitación “tras unha fonda reflexión e análise, tras comprobar que con este diñeiro non respondíamos as expectativas do sector nin achegábamos nada a maiores”.

Plan Nacional de Salvamento Marítimo

Por outra banda, a conselleira considerou “prematuro” avaliar a fondo o Plan Nacional de Salvamento Marítimo “ata ter máis coñecemento do mesmo, como xa demandamos ao Ministerio”. Quintana explicou que a Xunta non participou na redacción directa do documento, xa que é competencia do Ministerio de Fomento, pero si trasladou as súas achegas a través do órgano de coordinación ao abeiro do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta e este departamento do Goberno do Estado. Neste sentido, a principal demanda da Consellería de cara á execución do plan é “o afianzamento e mellora constante da coordinación e dos medios técnicos e humanos para atender as emerxencias no mar e a colaboración mutua co Estado”.

“Non importa tanto ter máis medios senón definir e garantir a súa operatividade, é fundamental que sexan capaces de atender as emerxencias”, dixo. Ao respecto, lembrou outra das reivindicacións da Consellería, a substitución do vello Helimer 210 con base na Coruña por un aparello punteiro, “capaz de atender unha evacuación a moitas millas da costa”. Ademais, a conselleira xa lle trasladara ao Goberno central a súa decepción pola decisión de desmantelar o equipo técnico de expertos que, adscrito ao antigo Centro de Prevención e Loita contra a Contaminación Marítima (CEPRECO), tiña sede na Coruña.

Rosa Quintana ofreceu colaboración plena de cara á execución do Plan e espera “ter voz cualificada no seo da Comisión Nacional de Salvamento Marítimo, xa que será positivo para os intereses de Galicia”. A conselleira recalcou que a loita contra a contaminación é unha das prioridades do seu departamento e incidiu nos esforzos que fixo a Xunta nesta materia, coa adquisición dos buques Irmáns García Nodal e Sebastián de Ocampo, o frete do Ría de Vigo, a compra das dúas aeronaves - Pesca I e Pesca II- ou os sistemas de dobres tripulacións que garante a resposta inmediata as 24 horas dos 365 días do ano. A titular de Mar sostivo que son exemplos claros de que “Galicia fixo os seus deberes e cumpriu coas súas responsabilidades” e considéraos un aval para participar neste órgano.

A conselleira avanzou que, a maiores, a Xunta está ultimando o desenvolvemento normativo do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña de Galicia “para melloralo” e asegurou que “en breve” estará lista a proposta de reforma do Consello Galego de Pesca, que dará acollida no seu seo á Comisión de Seguridade Marítima.

Nota de prensa do Psoe:

Soneira asegura que Feijoo aniquilou todalas medidas de protección dos mariñeiros

OS SOCIALISTAS CUALIFICAN DE RUÍN, VIL E MISERABLE A DECISION DE AFORRAR CARTOS A CONTA DOS 30.000 MARIÑEIROS QUE, DENDE OCTUBRE CARECEN DE NINGÚN SEGURO DE ACCIDENTES

-A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira asevera que dende o 1 de outubro, ningunha persoa que se dedique a actividade pesqueira e marisqueira está cuberta por ningún seguro de accidentes e tampouco poden acceder a ningún tipo de subvención

- Sobre á supresión do seguro de mal tempo afirmou que a Conselleira do Mar “xogou cos mariñeiros á ruleta rusa”

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2010. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira defendeu hoxe unha interpelación sobre a renuncia da Xunta ao asinamento do contrato do seguro colectivo de accidentes do mar. A portavoz de Pesca asevera que desde o 1 de outubro “un goberno de burócratas, presidido por Feijoo, e sen unha pinga de sensibilidade optou por aforrar de onde non debía”. Advirte que o Goberno do Partido Popular optou por aniquilar unha das medidas de protección social que cubría a tódolos homes e mulleres do mar, sen exclusións. Soneira cualificou esta decisión como “ruín, miserable, é unha vileza política”. E preguntoulle si hoxe veu tamén ao Parlamento a vender seguros.

A deputada socialista denunciou que desde o pasado 1 de outubro 30.000 homes e mulleres que traballan no mar carecen da protección dun seguro de accidentes que estaba en vigor dende os anos noventa. Asegura tamén que desde o pasado 1 de outubro ningún mariñeiro galego enrolado en flotas doutras comunidades autónomas ou de países terceiros ten cubertos uns mínimos en caso de accidente ou falecemento, como contemplaba o seguro de accidentes vixente ate esa data. E tampouco, ningunha mariscadora, ningún percebeiro, ningún bateeiro, ningún membro de Cruz Roxa que participe no rescate dun naufraxio ou dun desaparecido (Caión), ten cuberto os accidentes e os perigos que a súa profesión leva adheridos.

Pola contra advirte que a Consellería do Mar gasta, cada cuadrimestre, esa mesma cantidade en convenios con medios de comunicación, ou en construír unha goleta para darlle gusto a un amigo.

Así as cousas Soneira asevera que dende o 1 de outubro, ningunha persoa que se dedique a actividade pesqueira e marisqueira está cuberta por ningún seguro de accidentes e tampouco poden acceder a ningún tipo de subvención.

A deputada tamén se referiu á supresión do seguro de mal tempo e afirmou que a Conselleira do Mar “xogou cos mariñeiros á ruleta rusa”. E cualificou a xestión da Xunta neste asunto como “unha vendedora de seguros mala”, xa que tratou de agochar algunhas cláusulas. E preguntoulle porque non dixo que a póliza milagreira leva implícita unha franquicia de mil euros?. Ou porque porqué non dixo que hai empresas que ofertan o mesmo con franquicias de 500 euros?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

23.11.10

Ribeira: celebran o 25 de novembro cunha mostra baseada en experiencias atendidas no Centro de Información á Muller

O Día Internacional contra a Violencia Machista tamén contará cunha mesa redonda sobre malos tratos ás mulleres na aula multimedia.

Ribeira, 23 de novembro de 2010.- Baixo o título “Relatos Visibles”, unha exposición didáctica sobre as diferentes formas en que se adoita producir o maltrato dos homes cara ás mulleres vai servir este xoves 25 para recordar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A mesma foi elaborada a partir das vivencias e experiencias recollidas polas técnicas municipais que traballan no Centro de Información á Muller (CIM) e consta dun total de 39 paneis (poden ver réplica en powerpoint) nos que, combinando imaxes impactantes con textos descritivos, enuméranse os xeitos máis comúns de violencia machista que se producen. Esas formas non só adoitan ser de carácter físico ou psicolóxico, senón tamén de tipo sexual, económico ou social. 

Así o transmitiron esta mañá na presentación do acto a concelleira de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia, María Esther Patiño, e a directora e asesora xurídica do CIM, María Dolores Crujeiras, na Casa do Concello. 

A mostra será inaugurada ás 12 do mediodía do xoves na planta baixa do Auditorio Municipal e prolongarase ata o día 30. No citado acto de apertura, a tenente de alcalde de Ribeira, Dolores Elorduy, lerá un manifesto reivindicativo da non violencia ás mulleres. 

Ademais, o mesmo xoves 25 de novembro, a partir das 19.30 horas, terá lugar na Aula Multimedia unha mesa redonda sobre este tema, que contará coa participación da citada María Dolores Crujeiras, coa psicóloga do CIM Ángeles Pazos, e coa sexóloga do centro, Penélope Alonso. A entrada é libre. Animan aos ribeirenses a que se impliquen nestas actividades, destinadas a sensibilizar á xente sobre esta lacra permanente na Historia.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte representará a Barbanza na feira Intur 2010 do 25 ao 28 de novembro


Arousa Norte participou en Intur por primeira vez o ano pasado

Barbanza, 23 de novembro de 2010. A Mancomunidade Arousa Norte, ente que representa aos concellos de Boiro, Rianxo, Ribeira e A Pobra do Caramiñal en materia turística, participará dende o xoves 25 de novembro ata o domingo 28 na feira Intur 2010, que se celebra en Valladolid nesas datas. Arousa Norte estará inserida no expositor xeral de TurGalicia.

Trátase xa da XIV Feira Internacional do Turismo de Interior, INTUR, e Arousa Norte participa por segundo ano consecutivo. Arousa Norte asistirá como co-expositor no stand de Turgalicia e terá presenza en INTUR RURAL, onde se promocionarán os Bonos de Turismo Rural de Arousa Norte. A feira comeza  o xoves 25 de novembro e remata o domingo 28. Ata  Valladolid desplazaranse Irene Maneiro e Mónica Garrido,  para dar a coñecer os recursos naturais e patrimoniais da comarca pero facendo especial fincapé nos produtos turísticos da Mancomunidade Arousa Norte: Bonos Rurais, Bonos Gastronómicos, Ruta do Mexillón, Estancias Literarias e Turismo Accesible para persoas con discapacidade visual.

A representación política correrá a cargo dos catro alcaldes de Arousa Norte: Isaac Maceiras, da Pobra e presidente  de turno da Mancomunidade, Xosé Deira Triñanes (Boiro), José Luis Torres Colomer (Ribeira) e Pedro Piñeiro (Rianxo), os cales estarán presentes na feira durante a fin de semana.

INTUR


Museo Etnográfico de Artes (Ribeira)

A XIV Feira Internacional do Turismo de Interior ten sede na cidade de Valladolid e tivo na edición anterior 43.000 visitantes, 1.200 expositores e 30.000 metros cadrados de área de exposición. Os días de apertura da feira son de xoves a domingo, en horario de 10:30 a 20.00.

No stand expositor ofrecerase información dos recursos da comarca a través dos diferentes folletos publicados por esta entidade: mapas e rueiros dos catro concellos, Guía de Recursos de Arousa Norte, Guía de Museos, Arqueoloxía en Arousa Norte e Audioguías de Arousa Norte. Tamén se darán a coñecer os produtos turísticos da comarca, como son os Bonos de Turismo Rural, os Bonos Gastronómicos, a Ruta do Mexillón e Estancias Literarias en Arousa Norte. Pavillón 2 / Stand 203.

INTUR RURAL

Arousa Norte tamén terá presenza na terceira edición de INTUR Rural, evento que se organiza dentro da programación da feira.

INTUR Rural está  adicada especialmente ás empresas do sector de turismo rural que se celebrará o sábado 27 e o domingo 28 de novembro de 10.30 h a 20.00 h para así profundizar o tratamento deste sector a través da modalidade “mesas”.

Nesta ocasión será  a casa Aldea Os Muíños (Rianxo) a representante do grupo de aloxamentos de turismo rural e a través da cal se fará promoción dos Bonos de Turismo Rural de Arousa Norte, ademais da oferta complementaria do destino.

O persoal da Mancomunidade será o encargado de atender esta mesa e deste xeito atender dun modo máis cercano e personalizado a aqueles visitantes interesados en planificar a súa estancia na comarca do Barbanza.

Coa presenza da Mancomunidade Arousa Norte en INTUR preténdese promover a imaxe de destino entre futuros visitantes, especialmente en tempada baixa. Os alcaldes e as traballadoras da Mancomunidade estarán nesta feira especializada durante estes día para atraer a visitantes e ofrecendo información sobre o destino.

Para máis información:

www.arousanorte.es

http://www.feriavalladolid.com/intur/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Día contra a Violencia de Xénero celébrase, entre outras actividades, con obradoiros, un manifesto, unha solta de globos e o programa "Xeración 2020"


Unha das actividades é plantar 900 vexetais nos xardíns da alameda
Noia, 23 de novembro de 2010. Dende a Concellería de Muller e Servizos Sociais e co gallo do Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, vanse realizar unha serie de actividades dirixidas a tódolos públicos.

Días 24 e 25 de Novembro:

Obradoiro de xardinería “Plántate contra a Violencia de xénero”

Lugar: Nos xardíns da Alameda de Noia.

Mércores en horario de 11 a 14h e de 16 a 19h.

Xoves en horario de 10 a 14h (se non se remataron as plantas o día anterior)

Obxetivo: conseguir a participación de 450 persoas (homes, mulleres, rapazas e rapaces) para plantar 900 plantas nos xardins da alameda. Cada participante poderá poñer o seu nome deixando constancia da súa colaboración na campaña “Plántate contra a violencia de xénero”. Noiesas e noieses poderán participar e amosar a súa repulsa contra a violencia machista. Este obradoiro vai dirixido especialmente as nenas e nenos, para que dende pequeniños se amosen sensibles a esta lacra social que se pretende erradicar. 

Día 25 de Novembro: Día Internacional contra a Violencia Machista


Na alameda de Noia ás 12.30h

  • Posta en marcha dunha iniciativa das Concellerías de Muller, Educación e Xuventude chamada “ Xeración 2020 “
  • Lectura do MANIFESTO contra a violencia de xénero.
  • Solta de globos.

Actos no Coliseo Noela ás 17h.

    • Presentación e asinamento do Itinerario de actuación en violencia de Xénero do Concello de Noia no que participaron,a través dunha mesa de traballo,  persoal de distintos departamentos da Vila de Noia como: Xuíz, Garda Civil, Xefe da policia Local, Cim (centro de información a muller), Servizos Sociais e Centro de saúde.
    • Visualización dos Spots publicitarios adicados ao día 25 de Novembro e realizados polo alumnado de 4º de Eso dos institutos de Noia Virxe do Mar e Campo San Alberto.
    • Danza reivindicativa contra a violencia de xénero.

    Proxecto “Xeración 2020 ”

    QUÉ  É ? 

    Xeración 2020 é un programa de intervención socioeducativa a nivel local orientado á difusión de valores de igualdade entre os mozos como ferramenta básica para a prevención, tratamento e erradicación da violencia de xénero. 

    OBXETIVO XERAL 

    Alcanzar, co ano 2020 como horizonte, unha sociedade equitativa en materia de igualdad e  na que a violencia de xénero sexa unha lacra do pasado. 

    OBXETIVOS ESPECÍFICOS 

    1. Impulsar a educación en materia de igualdade en edades temperás como base para a prevención da  violencia de  xénero, educando e sensibilizando acerca da gravidade  deste fenómeno e dando pautas para identificar as distintas formas que adopta esta violencia, tanto no ámbito público e laboral como no familiar ou privado.
    2. Concienciar á comunidade educativa (pais, nais, profesionais deste ámbito, asociacións, entidades e organizaciós) da súa responsabilidade directa no que respecta ao comportamento futuro en materia de xénero dos que serán os xóvenes do ano 2020, facendo fincapé no concepto de prevención.
    3. Complementar a formación específica da comunidade educativa no referente á detección precoz de actitudes ou situacións que promovan valores sexistas ou discriminatorios, proporcionándolles ferramentas educativas para reconducir eficazmente ditas actitudes.
    4. Promover a difusión de información, recursos e materiais didácticos específicos en materia de igualdade e prevención da violencia de xénero.
    5. Asesorar e involucrar a aqueles centros que queiran participar nesta campaña.
    6. Implementar actividades didácticas complementarias ás xa establecidas no curriculum escolar e promover intervencions socioeducativas no Concello que sirvan de vehículo de difusión destes valores de equidade e que xeneren un espacio de reflexión e debate acerca dos roles de xénero, da violencia como mecanismo de control e de todos aqueles aspectos que dun modo u outro concirnan a este particular. 
    7. Promover na xuventude, nos responsables da sua educación e na sociedade en xenral a adopción de posturas de rexeito  e denuncia activa fronte a desigualdade e a violencia cara a muller.
    8. Formar aos xóvenes para a prevención de conflictos e a resolución efectiva dos mesmos.
    9. Converter Xeración 2020 nun selo identificativo de todas aquellas actividades e iniciativas educativas promovidas polo Concello dentro do marco da prevención e tratamento da violencia machista.
    10. Promover Xeración 2020 como un reto e obxetivo común claro no que todos os membros da comunidade se sintan implicados e comprometidos con esta iniciativa social de transformación para a que é necesaria a participación de todos/as, propiciando a súa difusión a través dos medios de comunicación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: modifican o tráfico no barrio de Bergondo e limitarán a media hora o estacionamento na rúa de Galicia

Tamén hai un control de cumprimento de semáforos no que xa van 25 denuncias nunha mañá

Na rúa de Galicia o tempo de estacionamento permitido será só de media hora

Noia, 23 de novembro de 2010. A Concellería de Tráfico e Seguridade Cidadá noiesa vén de informar que dende este luns 22 retomouse o proxecto de sinalización do barrio de Bergondo, co que se pretende ordenar o tráfico rodado. Está prevista a colocación de sinais de Stop e de Ceda o Paso, cun total de máis de 20 sinais de tráfico "que darán orde e seguridade, no que a tráfico se refire, a esta zona", explican.

O cambio máis significativo é o de dar preferencia aos vehículos que suban pola rúa Carlos Aboy, que ten un cambio de rasante moi pronunciado e no cal, a partir de agora, os conductores que circulen por ela terán preferencia sobre os que o fagan pola rúa Ramón Lira Castro, os cales veranse na obriga de ceder o paso.

No barrio de Bergondo, e dentro do plan estatal deste ano, colocáronse xa dous pasos de peóns elevados para mellorar a seguridade dos viandantes. Agora, con este proxecto de sinalización, a Concellería de Tráfico busca "un complemento de mellora para a seguridade do tráfico rodado e tamén dos peóns".

Só media hora de párking na rúa de Galicia

    A rúa de Galicia sufrirá tamén modificacións nas zonas destinadas ao estacionamento. Ao longo desta semana colocaranse sinais con placas complementarias donde se informa aos usuarios destes estacionamentos que o tempo máximo permitido para deixar os vehículos será de 30 minutos.

No mes de agosto mantivo o Concello e o xefe da Policía Local unha reunión cos propietarios dos locais comerciais desta rúa  onde se acordou reducir o tempo de estacionamento a un máximo de media hora. Segundo a concelleira de Tráfico, Rosana Mariño, "eran moitas as protestas dos comerciantes da zona polas continuas sancións por parte da policía local na zona de carga e descarga; os comerciantes de rúa Galicia demandaban unha solución para que os seus clientes puidesen parar, sen risco de ser multados, a facer as compras nos locais da súa propiedade. O acordo ao que se chegou na reunión mantida fai uns meses foi colocar sinais que obriguen aos conductores a quitar os seus vehículos estacionados nestas zonas antes de trinta minutos. Deste xeito preténdese conseguir que sexan moitos os usuarios que utilicen estas zonas de estacionamento e non sexan acupadas por un único vehículo ao longo de toda a mañá. Esta rotación de vehículos axudará tamén a que a zona de carga e descarga se destine ao seu uso e os vehículos de transporte de mercadorías non quedará, como está pasando agora, no medio da rúa obstaculizando o tráfico ou sobre as aceras e impedindo o paso dos viandantes".

Rúa Besteiros: prohibido aparcar enriba das beirarrúas

    Na rúa Besteiros será prohibido, a partir de do día 2 de Xaneiro de 2011, estacionar vehículos enriba das beirarrúas. "Restablecerase o uso exclusivo das aceras para os peóns e serán sancionados todos aqueles vehículos que estacionen enriba delas. Foi a directiva de Noia Histórica a que solicitara que se permitise o estacionamento sobre as aceras de rúa Besteiros; fai uns días chegouse a un novo acordo cos representantes dos comerciantes do centro comercial aberto para que despois da campaña de Nadal as beirarrúas sexan de uso exclusivo dos peóns", explicaron dende Tráfico de Noia.

Ollo cos semáforos en vermello: 25 denuncias nunha mañá


A policía local de Noia comezou hoxe mesmo un operativo de control do uso dos semáforos. Ao largo da mañá de hoxe puxéronse 25 denuncias por non respectar os semáforos en vermello da rúa Pedra Sartaña. Este operativo repetirase no resto das zonas semaforizadas da vila de Noia para que conductores e viandantes respeten os semáforos.

Poranse tamén en funcionamento os semáforos ubicados na saída principal do barrio de Labarta que darán máis fluidez na incorporación e saída dos vehículos a esta zona. En Labarta levaranse a cabo unha serie de modificacións máis, que serán a continuación das xa iniciadas fai uns meses. Por un lado, poñerase sentido único ao tramo que falta da rúa Pintor Xenaro Carrero e invertiranse os estacionamentos na rúa Fernández da Ponte para ver se é posible manter o dobre sentido de circulación ou se se deixa un único sentido de saída. Na rúa Irmáns Labarta vaise pintar un paso de peóns que comunique a beirarrúa co parque infantil, co obxetivo de facer máis seguro o cruce das persoas para a parada de autobús ou para a área de xogo.

Por outra banda, a rúa Pontevedra pasará a ser de sentido único no tramo que vai dende o Outonil á avenida da Coruña e quedará como vía de saída e a vía de entrada será pola Travesía do Outonil.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Concello participa nun novo intercambio europeo do venres 26 ata o venres 3 de decembro, desta volta con destino Sicilia


A moza seleccionada para o intercambio fará un obradoiro de música galega tradicional en Sicilia

Boiro, 23 de novembro de 2010. Segundo explica o Concello de Boiro en nota de prensa, "un dos compromisos da Concellería de Mocidade, que dirixe Dores Torrado, do ano 2009, cando comezou a formar parte do programa Xuventude en Acción, foi facilitar a participación dos mozos en programas de mobilidade europea, ofertándolles a oportunidade de ser partícipes en accións xuvenís a través da educación non formal. O primeiro paso foi poder acoller outros mozos europeos e enviar a 5 xóvenes do municipio a participar durante nove meses en programas de voluntariado europeo, pero sendo consciente da dificultade que teñen algúns xóvenes para participar nas accións xuvenís de longa duración por motivos laborais ou formativos, o Concello de Boiro, decidiu acoller outros programas europeos que posibilitasen o encontro con outros mozos durante estancias de curta duración e accións xuvenís que permitisen coñecer outras rexións e medios de vida".

     A primeira de estas iniciativas foi a participación nun seminario europeo en Holanda, no que participou un técnico municipal. Desta participación xurdiron varias iniciativas e contactos con diferentes organizacións, pero ademais da relación cos participantes procedentes de Italia, fíxose posible a participación do Concello nun novo intercambio xuvenil que se celebrará en Sicilia (Italia) do 26 de novembro ao 3 de decembro.

     Neste intercambio xuvenil participarán xóvenes menores de 25 anos de Bulgaria, Grecia, Portugal, Rumanía e Italia. O obxectivo principal deste encontro é establecer un espazo de debate sobre temas que lle interesan aos mozos de cada país, tales como o medio ambiente, as posibilidades de inserción laboral dos xóvenes, o acceso a vivenda ou a exclusión social e expresalas a través da arte (graffiti, reciclaxe, música, etcétera). Cada país deberá realizar un obradoiro artístico, mediante o que explicará a realidade cultural e os elementos tradicionais do país de procedencia.

     O Concello de Boiro enviará neste intercambio a unha moza con formación no eido social que ademais se encargará de realizar un obradoiro de música galega tradicional en Sicilia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Servizos Sociais publica un manifesto contra a violencia de xénero co gallo do 25 de novembro

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical