25.11.10

A Pobra do Caramiñal: o Bng reclama a eliminación de varias taxas por consideralas obsoletas ou desaxeitadas


O 25 de novembro hai pleno municipal na Pobra

A Pobra do Caramiñal, 25 de novembro de 2010. O Bng da Pobra presentará hoxe unha moción para ser debatida no Concello na que reclama a eliminación de varias taxas que consideran obsoletas ou fóra da realidade deste concello. Como é costume, reproducimos íntegra a moción para que se decaten de primeira man das reivindicacións dos nacionalistas pobrenses.

MOCIÓN

Rosana Pérez Fernández, concelleira e portavoz do Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego nese Concello, ao abeiro do anuncio de exposición pública da aprobación inicial do expediente de modificación das ordenanzas fiscais para o exercicio 2011, publicado no BOP número 200, do pasado 20 de outubro, presenta, en tempo e forma as seguintes 

RECLAMACIÓNS: 

    1ª.- TOTALIDADE DAS ORDENANZAS FISCAIS: 

     Dende hai anos, este Grupo Municipal vén reclamando do Grupo de Goberno unha profunda revisión da totalidade das Ordenanzas Fiscais: Algunhas estás obsoletas, moitas outras non se adaptan á nosa realidade, etc. Entendemos que o momento actual, de crise e grande incertidume económica, supón unha ocasión inmellorábel para non efectuar unha aprobación sistemática e rotineira das ordenanzas fiscais, senón para levar a cabo a mencionada e necesitada adaptación, polo que 

     SOLICITAMOS: 

     Unha fonda revisión, co concurso e aportación dos tres grupos políticos presentes na Corporación, ademais do pertinente asesoramento técnico, da totalidade das ordenanzas fiscais municipais. 

    2ª.-  ORDENANZA   FISCAL    N.    7,    REGULADORA    DA    TAXA    POLO SUBMINISTRO E ACOMETIDA Á REDE XERAL DE ABASTECEMENTO DE AUGA POTÁBEL, ASÍ  COMO DA CONSERVACIÓN DE CONTADORES E ACOMETIDAS: 

    2ª-A.- A recentemente aprobada Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia (publicada no DOG nº. 222, do pasado 18.11.10.) vai supor un incremento importante nos recibos da auga de todas e todos os beneficiarios da traída municipal de augas. Ademais, por primeira vez na nosa historia e de xeito absolutamente inxusto, vaise gravar o consumo de auga daquelas persoas que non dispoñan do servizo municipal e se estén abastecendo de captacións propias. Tendo en conta este factor e a situación de grave crise económica actual, consideramos que non é oportuno subir, nin siquera o IPC, a taxa polo subministro de auga potábel, polo que 

      SOLICITAMOS: 

      A conxelación da ordenanza fiscal nº. 7, no referente ao subministro e acometida á rede xeral de abastecemento de auga potábel. 

    2ª-B.- Consideramos,  tal e como  temos manifestado reiteradamente, que a taxa de conservación de contadores e acometidas é absolutamente inxusta e innecesaria por aplicárselle á totalidade dos/as abonados/as cando as averías que se producen nas acometidas e o número de contadores que se cambian ao ano representa unha porcentaxe mínima en relación ao total, polo que 

      SOLICITAMOS: 

      A supresión da taxa de conservación de acometidas e conservación de contadores. 

    3ª.-   ORDENANZA    FISCAL    N.    10,    REGULADORA   DA    TAXA    POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO POR MESAS, CADEIRAS E ELEMENTOS AUXILIARES CON FINALIDADE LUCRATIVA: 

      Tamén temos manifestado en distintos debates plenarios as nosas consideracións a respecto da ordenanza nº. 10. Consideramos que debera ser reestruturada, básicamente por dúas razóns: Supera a todas as establecidas polo mesmo concepto nos concellos do resto da comarca, e os metros estipulados para unha mesa e catro cadeiras (4 m. cadrados), así como o prezo para cada mesa/mes (30,62) son excesivos e fóra da realidade do sector hosteleiro do noso concello e tamén da realidade económica que estamos a vivir, polo que 

      SOLICITAMOS: 

  • Se axusten á relidade os metros estipulados para unha mesa e 4 cadeiras.
  • Se adapte o prezo de  cada mesa/mes tamén á realidade do sector hosteleiro do noso concello e á  conxuntura económica actual. 

      4ª.- ORDENANZA FISCAL N. 20, REGULADORA DA TAXA POR SERVIZO DE SUMIDOIROS E DEPURACIÓN: 

      4ª-A.- Con idéntica argumentación que a utilizada na reclamación 2ª-A, na páxina 1 do presente escrito, 

      SOLICITAMOS: 

      A conxelación da ordenanza fiscal nº. 20, no referente á taxa por servizo de sumidoiro e depuración. 

      4ª-B.- No referente á taxa de conservación das acometidas de saneamento, consideramos que é inxusta e innecesaria xa que se impón á totalidade das abonadas e abonados cando as reparacións nas acometidas se producen nunha porcentaxe mínima (aprox. o 3% dos casos), polo que 

      SOLICITAMOS: 

       A supresión da taxa de conservación das acometidas de saneamento.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: un millón seiscentos mil euros da Deputación para unha piscina cuberta climatizada en Tarela

Fernández Moreda e Xoán Pastor Rodríguez asinaron hoxe o convenio de colaboración na sede da institución provincial
A Deputación da Coruña destina 1,6 millóns de euros á piscina cuberta climatizada de Porto do Son
25/11/2010

A Deputación da Coruña destinará 1.660.187, 48 euros para financiar as obras de contrución da piscina climatizada cuberta de Porto do Son. Así se estipula no convenio suscrito esta mañá, na sede da institución provincial, polo presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda, e o alcalde de Porto do Son, Xoán Pastor Rodríguez Santamaría. A achega provincial representa o 100% do orzamento da instalación deportiva, que se ubica no lugar de Tarela, na parroquia sonense de Noal.

O edificio consta de planta soto e planta baixa, que albergará a piscina climatizada, con vestiarios, aseos, e ximnasio.

No soto, cunha superficie de 480,25 m2, aloxaranse as caldeiras e maquinaria, isntalacións e escaleiras de acceso á planta superior.

Na planta baixa, cunha ampla superficie de 1.186,80 metros cadrados, sitúase a piscina, cun vaso principal de 25 x 12,5 metros e un volume de 492 m3 de auga, e unha piscina de aprendizaxe, de 3,5 x 13,10 metros. A nova instalación acollerá tamén un ximnasio, sauna, baño turco, salas de control e enfermería e posto de socorrista, ademais de vestiarios con aseos e duchas.

O alcalde de Porto do Son expresou a súa satisfacción pola sinatura do convenio, que permitirá o financiamento dunha instalación deportiva moi demandada polos veciños.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: celebran o 25N cun certame de debuxo contra a violencia de xénero, un obradoiro e un manifesto lido hoxe no pleno

A Pobra do Caramiñal, 25 de novembro de 2010. O Concello pobrense tamén celebra a efeméride de hoxe con varias actividades que presentaron esta mañá en roda de prensa.

Por unha banda, a asociación Madoan (Mulleres en Igualdade) da Pobra do Caramiñal vai pór en marcha un certame de debuxos contra a violencia machista titulado Vivir sen medo.  Vai dirixido a nenos/as en idade escolar (3 a 6 anos e de 12 a 18 anos). Participarán os/as nenos/as do ceipl Monte Carmelo e os/as nenos/as do instituto Francisco Barreras da Pobra. 

O fallo do xurado coñecerase nun acto público a celebrar o 4 de febreiro de 2011 no Auditorio do Museo Valle-Inclán. O 8 de marzo, co gallo da Celebración do Día Internacional da Muller Traballadora, inaugurarase unha exposición con tódolos dibuxos presentados. 

Ademais, as ilustracións inseriranse nunhas Guías para Nenas que editará Madoan e que será presentada nos primeiros días de marzo do ano vindeiro.

Acto institucional no Concello esta noite

Pola súa banda, no Día Internacional contra a violencia de xénero lerase ao comezo da sesión plenaria de hoxe o seguinte manifesto:

O Concello de A Pobra do Caramiñal quere sumarse unha vez máis á conmemoración deste día para recordar ás vítimas da violencia de xénero nun ano, 2010, que foi especialmente negro.

Este ano, 63 mulleres perderon a vida a mans do seu maltratador. Son 13 vítimas mortais máis que na mesma data do ano 2009 e 2008 máis que en todo o ano 2009, no que 55 mulleres morreron a causa da violencia de xénero.

Pero son moitas máis as que non aparecen nas estatísticas. Son miles de mulleres que conviven día a día con esta violencia, que sofren graves secuelas físicas e psíquicas a causa da violencia de xénero.

Neste día tampouco podemos esquecernos dos menores, que son as vítimas invisibles desta violencia. Neste ano 2010, as cifras producen escalofríos: 4 menores morreron a causa da violencia de xénero, 24 quedaron orfos de nai e calculase que alrededor de 800.000 nenos e nenas son testigos directos da violencia familiar e só o 4% deles reciben a asistencia especializada que necesitan.

Acabar coa violencia de xénero é responsabilidade de toda a sociedade e por elo un ano máis queremos formar parte activa desta importante meta, que debe ser a meta de todos e todas.

Por elo MANIFESTAMOS:

Que o Goberno amplíe os recursos xudiciais, policiais e de atención e protección ás vítimas propostas no Informe da Subcomisión para o estudo da Lei de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de xénero.

Que se dote a cada Comunidade Autónoma dun Centro Integral ás vítimas de violencia de xénero.

Que os nenos e nenas son as vítimas invisibles do maltrato e por elo é preciso consideralos como tales e prestarlles maior atención, así como modificar a Lei de Medidas de Protección Integral para que os nenos figuren como suxetos directos das medidas de protección

Preocúpanos o incremento dos casos de violencia de xénero entre os adolescentes e os máis mozos e o aumento de vítimas por esta violencia con menos de 30 anos. Por elo, reivindicamos un maior compromiso de toda a sociedade e das administracións con competencias educativas en aras a promover a educación en igualdade e en valores como o respecto.

Que é preciso dar un maior compromiso ás ONG, dotándoas dos medios e recursos suficientes para que cumpran a súa función como instrumentos eficaces e necesarios para combater esta lacra social.

Acabar coa Violencia contra as mulleres é responsabilidade de toda a sociedade, túa tamén. 

Obradoiro de autoestima

Ademais, vaise organizar un Obradoiro de Autoestima e Autoafirmación para Mulleres. Será impartido polo psicólogo Juan Carlos Prados Moreno e coordinado pola asesora xurídica do Concello, María José Pérez. O mesmo está subvencionado pola Deputación Provincial de A Coruña, e terá lugar en novembro, decembro e xaneiro. Vaise repartir en sesións de dúas horas un día á semana, e está dirixido a mulleres. Segundo explicaron, "este é un proxecto novo no noso concello que xurde como resposta á diagnose da sociedade e o modelo de muller do concello recollido no I Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres 2008-2010".

Segundo os organizadores, "a falla de valoración de todo o femenino está interiorizada polas mulleres, de forma que moitas minusvaloran as súas capacidades e oportunidades de desenvolvemento persoal, deixando pasar as poucas oportunidades que teñen para ir cambiando esta situación. Manter unha autoestima adecuada convírtese nun arma fundamental para loitar contra situacións conflitivas como a violencia de xénero, conseguir un emprego mellor e mellorar as relacións que cada unha mantén en todolos niveis da súa vida cotidián".

Os obxetivos deste obradoiro son:

  1. Respeto e aceptación dunha mesma
  2. Aprender a desprenderse de emocións limitantes coma o medo ou o sentimento de culpa.
  3. Facilitar ferramentas de cambio en canto a percepción da realidade y de si mesmas para unha mellora de autoestima en tódolos seus aspectos.
  4. Reforzar as cualidades e capacidades persoais así coma mellorar a confianza e seguridade nelas, para deste xeito fomentar a participación da muller en tódolos ámbitos: social, cultural e laboral.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: rematada a restauración do cruceiro de Teaio


Dodro, 25 de novembro de 2010. No día de hoxe rematou a restauración do cruceiro de Teaio, singular monumento civil que fora derrubado fai anos por un camión,


Segundo comentou a tenenta de alcalde, Victoria Rei, do Bng, "é unha satisfación ver finalizado, despois dun traballo meticuloso e dos correspondentes informes de Patrimonio, este cruceiro e reincorporalo ó patrimonio da aldea de Teaio"..

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: o ribeirense Xosé Ramón Barreiro e o rianxeiro Xosé Luís Axeitos, responsables da nova mostra na Cidade da Cultura de Santiago

“Ex libris gallaeciae. Dos libros de Galicia” ofrece no arquivo da Cidade da Cultura un percorrido pola construción da cultura galega a través de oitenta xoias bibliográficas. Nela veranse xoias bibliográficas como o primeiro libro impreso que chegou a Galicia, o documento en galego máis antigo que se conserva ou unha das únicas cinco versións do Códice Calixtino que existen no mundo.

Santiago, 25 de novembro de 2010.- A exposición “Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia”, que se inaugura hoxe no Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia, reúne 83 libros, códices ou manuscritos considerados clave na construción da cultura galega. Trátase dunha escolma de “xoias bibliográficas” que en conxunto trazan un relato de como se construíu a cultura galega e que van desde os primeiros textos romanos que comezan a definir un territorio co nome de Callaecia ata o primeiro libro electrónico en galego.

A mostra está composta por unha selecta escolma de pezas que, por diferentes motivos, definen momentos clave na historia de Galicia. Prestadas por bibliotecas, arquivos e coleccións privadas de Galicia e do resto de España, é a primeira vez que se conseguen reunir nunha mesma exposición, incluíndo mesmo algunha obra que ata o de agora nunca se amosou ao público.

Comisariada polo historiador ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, ex presidente da Real Academia Galega (RAG), e por Xosé Luís Axeitos, secretario rianxeiro desta institución, a mostra supón unha “biografía gramatical” de Galicia, ou o que é o mesmo a historia galega contada a través dos seus libros impresos, códices, crónicas manuscritas, mapas ou documentos máis senlleiros. Este é precisamente o sentido do nome da exposición. Os ex libris eran as marcas que se imprimían sobre o reverso dos libros para sinalar a pertenza a unha biblioteca ou a un autor. Trátase, polo tanto, “da colección de Galicia”, a que nos referencia e define como pobo.

Os visitantes atoparán pezas como o primeiro libro impreso que chegou a Galicia, Decretales Gregorii Papae Maguncia IX, e descubrirán que procedía do taller de Peter Schoeffer, un dos socios e sucesores do propio Gütenberg. Xunto a el, está o primeiro libro que se imprimiu en Galicia: o “Breviarium Auriensis”, un traballo de impresores ambulantes que se fixo en Ourense no ano 1485. Móstrase tamén un exemplar de Proezas de Galicia (1810), o libro impreso en galego máis antigo que se conserva, no que dúas personaxes, Chinto e Mingote, falan da guerra contra os franceses.

A exposición conta cunha das cinco únicas versións completas que se conservan no mundo do Códice Calixtino. Ademais, estará o primeiro documento escrito en galego, o “Foro do Bo Burgo de Castro Caldelas” (ano 1228) prestado pola Casa de Alba. Entre as 83 pezas figura tamén o primeiro mapa do Reino de Galicia, o primeiro xornal en galego ou a primeira revista ilustrada que se editou en Galicia.

Os grandes científicos galegos ocupan un espazo destacado. Os visitantes descubrirán que houbo un matemático de Lalín que cos seus cálculos fixo que se revisase a medición do meridianos, gañando o respecto e a admiración da Royal Society de Londres, que en Galicia se editaron táboas de logaritmos que logo foron empregadas en toda Europa e premiadas mesmo na Exposición Universal de París de 1867 ou que houbo tratados galegos de navegación que se estudaron en escolas navais de decenas de países.

Un inédito do rianxeiro Manuel Antonio


Os nosos principais nomes da literatura están tamén representados. A mostra amosa as notas e os textos manuscritos de Castelao que lle serviron de base para publicar Sempre en Galiza. Outras das pezas serán estudos lingüísticos a prol do galego do Padre Sarmiento, os versos de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, os deseños vangardistas de Luís Seoane ou o manifesto do poeta Manuel Antonio “¡Máis alá!”, que será a primeira vez que se mostra ao público.

A exposición permanecerá instalada no Arquivo de Galicia ata o 25 de febreiro. Polo momento, para visitala é preciso inscribirse no Programa de Visitas Guiadas á Cidade da Cultura na web www.cidadedacultura.org, onde se ofrecerá toda a información sobre días e horarios. Poráse en marcha ademais un servizo específico de visitas didácticas con guías e material específico.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: entérrase hoxe o autor e director teatral Pancho Martínez, falecido onte de xeito sorpresivo aos 52 anos de idade


Rianxo, 26 de novembro de 2010. A morte sorprendeu onte ao autor e director teatral Pancho Martínez, de 52 anos, deixando desconsolados a familia, amigos e moitos rianxeiros e galegos que desfrutaban coas súas obras. A derradeira que puxo en escea fora, este ano mesmo, Sempre en Rianxo. O soño do barbeiro. Era un home traballador e con moitos proxectos: xa estaba a traballar no texto de O paxaro pinto, ademais de preparar unha nova montaxe para o vindeiro ano. Ao longo da súa vida, Martínez participara en diferentes producións cinematográficas, escénicas e televisivas.

O funeral celébrase ás 16.30 horas desta tarde na igrexa de Santa Columba, en Rianxo. Dende Certo unímonos ao sentimento de dor por esta perda para a cultura de Rianxo e Galicia.

Antes publicamos:
Estréase "O soño do barbeiro". 24 de xaneiro de 2010.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Sarabela Teatro representa "Konrad ou o neno que saiu dunha lata de conservas" este venres 26 en dobre sesión

Boiro, 25 de novembro de 2010. Este venres pola mañá na casa da cultura "Ramón Martínez López" terá lugar a primeira sesión de "Konrad", ás once e media da mañá. A segunda será pola tarde, ás oito, no mesmo lugar.
"Konrad ou o neno que saiu dunha lata de conservas é unha dramaturxia de Ánxeles Cuña a partir da novela de Cristine Nösterling, e que vai dirixida a público familiar a partir de 5 anos, baixo a dirección de Ánxeles Cuña, de Sarabela Teatro.
No escenario verase (por orde de aparición) a Elena Seijo como Berta Bartolotti, Sabela Gago como Directora, Rusika e personaxes da fábrica, Fernando Dacosta no papel de Konrad, Tito Asorey como Sr. Ergon e Nate Borrajo como Kitti.
Konrad publicouse por primeira vez en 1975 e é un dos mellores libros de Christine Nöstlinger, un clásico da literatura infantil contemporánea.

Para os que sexan de Muros, Noia e arredores, o mesmo espectáculo viaxa ao centro cultural e xuvenil de Muros o sábado 27, ás seis e media da tarde.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

24.11.10

Música: A Real Zambombada de Atanzón vén de xira por Boiro, Ribeira e Noia o 4 e 5 de decembro

Barbanza-Noia, 24 de novembro de 2010. A Real Zambombada de Atanzón (Guadalajara) virá para o mes de xira por terras galegas. Son máis de trinta persoas tocando á vez a zambomba mentres interpretan panxoliñas e música variada, tanto tradicional de Castela como pezas populares.

A primeira vila na que recalarán destas bisbarras é Noia. Alí estarán o 4 de decembro, sábado, ás cinco e media da tarde, na residencia de maiores "Geriatros" (rúa Vizconde San Alberto 30).
Ese mesmo día achegaranse ata Boiro, pero un pouco máis tarde. Ás nove da noite está prevista a súa actuación no centro Leñaverde de Boiro (no baixo do Centro Social).
Xa o domingo 5 de decembro achegaranse a Ribeira, onde tocarán no "Geriatros" da Centenaria, outra residencia de anciáns. Será ás cinco e media da tarde.

 

Vía Dani Gestoso (http://webboiro.com)

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o Concello asinará convenio para a primeira fase do proxecto do recinto deportivo na finca de Raquel Fdez Soler

A Pobra do Caramiñal, 24 de novembro de 2010. O Concello da Pobra do Caramiñal e a Deputación Provincial da Coruña asinarán o convenio para a posta en marcha da primeira fase do proxecto do recinto deportivo na finca de Raquel Fernández Soler situada na rúa Lapido.

     Segundo informa o Concello, "despois da instalación da pista multideportiva, financiada pola Secretaría Xeral para o Deporte na mesma finca, e que en certo modo deu o pistoletazo de saída para este novo convenio, podemos dicir que en breve os nosos xoves, e os non tan xoves, terán unha zona máis na que poder practicar deporte na nosa vila". Ademais, desta pista multideportiva contarase cunha pista de baloncesto, unha pista de skate e un rocódromo.

     Nesta primeira fase levarase unha completa remodelación da parcela coas instalacións de drenaxe e saneamento, instalación de sistema de rego e alumeado, construción dun muro de formigón armado que permita eliminar os taludes actuais e gañar espazo para o recinto. Rematarase coa pavimentación da pista de baloncesto e a de skate. Quedaría pendente para a segunda fase a dotación do equipamento deportivo necesario, remodelación do muro de peche da parcela, o axardinamento e dotación de instalacións de rego e iluminación.

     O importe achégase aos 45.000 euros, financiados integramente pola Deputación Provincial mediante o devandito convenio. Esta actuación, sempre segundo o goberno da Pobra do Caramiñal, "vén incidir na política que está a levar a cabo este equipo de goberno dotando das infraestruturas necesarias para a práctica deportiva en todos os rangos de idades. Como mostra temos os parques biosaúdables xa presentados no seu momento, e que neste caso favorece un pouco máis aos nosos mozos, xa que contarán con dúas pistas para a práctica de deportes un pouco máis arriscados como son o skateboard e a escalada".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello patrocina unha escalada ao Aconcagua

O deportista noiés Andrés Villar viaxa este domingo con rumbo a Chile para subir ao teito do continente americano. En xuño xa fixera o Camiño de Santiago dende Toulouse, tamén patrocinado polo Concello.

Aconcagua na Wikipedia

Ribeira, 24 de novembro de 2010.- O montañeiro Andrés Villar Murillo viaxa este domingo rumbo a Santiago de Chile co reto de emprender os preparativos para, xa entrado o mes de decembro, culminar o seu reto de escalar o monte Aconcagua, que con 6.962 metros é o cumio máis alto do continente americano, e que está situado na provincia arxentina de Mendoza, moi preto do país chileno. 

Antes de realizar a viaxe, o alpinista noiés foi recibido na Casa Consistorial por parte do alcalde deste municipio, José Luis Torres Colomer, e polos tenentes de alcalde Dolores Elorduy Callón e Vicente García Rivas. Tanto o rexedor como os edís municipais desexáronlle moita sorte ao montañeiro, e felicitárono unha vez máis por outro reto desenvolvido por Villar Murillo a primeiros de xuño: o de percorrer subido nuns patíns os 1.250 kilómetros que distan entre a localidade francesa de Toulouse e a capital compostelá polo Camiño de Santiago.

Precisamente, tanto á expedición ao Aconcagua como a Ruta Xacobea sobre patíns forman parte do acordo de patrocinio entre Andrés Villar e o Concello, en virtude do cal o escalador está a realizar promoción do municipio riveirense nas súas aventuras.

No caso do Aconcagua, o escalador levará a bandeira de Riveira ata o cumio do monte, empresa que ten previsto acometer, se a meteoroloxía o permite, o 10 ou o 11 de decembro. Previamente, en torno ao 3 ou o 4, Andrés Villar chegará ao campamento base, situado a unha altitude de 4.250 metros, onde investirá un par de días na pertinente aclimatación e acto seguido iniciará o ataque á cima do cerro.

Villar Murillo informou de que irá acompañado doutro compañeiro de escalada e de que ten previsto contar tamén con dous sherpas e animais que lles permitan facilitar o transporte dos máis de 100 kilos que vai levar consigo como equipaxe.

Por outra parte, o expedicionario informou tamén de que, en caso de culminar con éxito esta subida, vai acometer uns días máis tarde a denominada Ruta Polaca, unha ruta aberta hai uns 30 anos que posúe moita máis dificultade ao ser integramente glacial.

Finalmente, cabe sinalar que o edil Vicente García informou de que unha vez remate esta expedición, e como parte do acordo de patrocinio, Andrés Villar visitará os distintos centros educativos de Ribeira para impartir charlas sobre os dous retos mencionados, acompañándose de abundante material gráfico dos mesmos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical