1.12.10

A Pobra do Caramiñal: en funcionamento, aínda en probas, a rede wifi do porto, segundo Portos de Galicia

O obxectivo da implantación destas redes inarámicas é "o de dinamizar a actividade portuaria que beneficiará ás lonxas, empresas implantadas no porto, distribuidores, armadores, confrarías e usuarios do porto".

A Pobra do Caramiñal, 1 de decembro de 2010.- O ente público Portos de Galicia puxo en marcha  a rede wifi nas instalacións portuarias de A Pobra do Caramiñal para dar servizo aos usuarios do porto. Segundo o ente autonómico, esta é "unha aposta por ampliar a oferta de servizos tecnolóxicos nos portos da nosa competencia". Neste momento a rede  está funcionando en período de probas. O porto de A Pobra do Caramiñal xa conta desde hoxe cunha rede wifi aberta nas instalacións portuarias. A posta en marcha destas instalacións fora comprometida polo presidente de Portos de Galicia, hai uns meses como unha implantación das novas tecnoloxías nos portos e formando parte dun plan piloto para a súa implantación progresiva noutros portos galegos. Ata o momento xa contan con esta rede wifi os portos de Santo Tomé e Tragove, en Cambados, e no de Fisterra.

Portos de Galicia pretende ampliar a súa oferta de servizos tecnolóxicos nos portos da súa competencia, e como complemento ao Plan de Sistemas, está a comprobar con esta experiencia piloto a viabilidade e compatibilidade dos sistemas de funcionamento dos equipos para o desenvolvemento dunha rede destas características nos portos da súa competencia. Neste senso foron escollidos, pola súas condicións xeográficas, portos de similares características e dimensións.

Esta tecnoloxía permite aos usuarios establecer conexións a Internet sen ningún tipo de cables e pode atoparse en calquera lugar no que se haxa establecido un punto wifi.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Bng láiase da supresión definitiva do servizo de Noitebús, que empregaran 47.000 mozos de Muros e Noia


Noia, 1 de decembro de 2010. En nota de prensa, o Bng comarcal de Muros e Noia informa de que "finalmente, o goberno do Partido Popular eliminará o apoio público ás nove rutas de Noitebús existentes na Comarca de Muros e Noia, tal e como denunciou o BNG nas últimas semanas".

A Xunta recoñece que foron 46.982 persoas as que usaron este servizo nas nove rutas dende a súa posta en funcionamento (que foi paulatina dende 2005). Todos os concellos da comarca se van ver afectados pois as rutas recollían mozos e mozas nos concellos de Muros, Outes, Mazaricos, Noia, Lousame e Porto do Son.

A Xunta de Galicia respondeu a unha pregunta do BNG formulada na cámara galega por Ana Pontón e Teresa Táboas, que vai deixar de apoiar o servizo de Noitebús en toda Galicia porque “non é un servizo esencial” e “a existencia ou non deste servizo non debe facer esquecer que son as persoas as responsables dos seus actos e das súas decisións”.

Noitebús non, Papa si


Dende o BNG de Muros-Noia, o seu responsable comarcal Manuel González manifestou "o meu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia que vai significar o desmantelamento dun servizo necesario destinado a evitar a sinistralidade viaria entre a xente moza e que ademais tiña unha forte demanda, tal e como recoñece o propio goberno de Feijóo". Tamén denunciou que mentres se elimina o Noitebús "coa excusa da austeridade, o goberno Feijóo vén de gastar varios millóns de euros na visita do Papa a Santiago de Compostela". 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Concello esixe a Sanidade que asuma as súas obrigas co centro de saúde do Saltiño

O Concello ten asinado desde abril de 2009 o convenio co Sergas para que asuma os gastos de mantemento deste centro, dentro do Pacto Local


Boiro, 1 de decembro de 2010. O Concello de Boiro ten asinado, desde o 1 de abril de 2009, un convenio co Servizo Galego de Saúde (Sergas), organismo dependente da Consellería de Sanidade, para a cesión do Centro de Saúde do Saltiño, conforme o acordado no Pacto Local, e se faga cargo así dos gastos de mantenemento do mesmo.

A Consellería de Sanidade, segundo informa o equipo de goberno, "leva un retraso considerable no cumprimento deste pacto, polo que o Concello de Boiro leva dous anos asumindo dita cuantía económica, relativa ao custe do persoal (limpeza, conserxería, etc.), lavandería, calefacción, alumeado e outros gastos, cando estes corresponden á Xunta de Galicia". O goberno de Boiro leva enviado varios escritos á Conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, para coñecer cales son as previsións da Consellería de asunción destas competencias, sen que ata a data, "e pese á insistencia, trasladara información algunha ao respecto, co conseguinte prexuízo para as arcas municipais", engaden.

Hai uns días, como consecuencia do tornado rexistrado no Saltiño, o Centro de Saúde sufríu unha serie de danos. A este respecto, o mércores día 24 de novembro, mediante escrito oficial, o Concello de Boiro trasladou información sobre estes desperfectos a  Javier Ventosa Rial, actual director xerente da Xerencia de Atención Primaria de Santiago, no que se solicita á Consellería que actúe canto antes para arranxalos, xa que se trata de danos estructurais que sobrepasan ás competencias de mantemento que, ata o de agora, ten asumidas o Concello de Boiro (adxúntase copia da carta enviada).

Por todo o exposto, o goberno de Boiro agradece "a preocupación que o voceiro do Partido Popular de Boiro, Juan José Ortigueira, ten polo arranxo do Centro de Saúde, mais o Concello xa ten solicitado a reparación do ambulatorio e non só iso, senón que a través de numerosos escritos se lle requeriu ao Sergas que cumpra co convenio e se libere así ao Concello de facerse cargo duns gastos que non son da súa competencia. En todo caso, tamén o emprazamos a que teña a mesma insistencia ante a Xunta para que asuma a súa responsabilidade e se faga cargo do Centro de Saúde".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: orde do pleno do xoves 2 de decembro

Ribeira: "A tropa de trapo", en galego este xoves 2 no auditorio para os nenos de Primaria


Ribeira, 1 de decembro de 2010. Nenos e nenas dos distintos centros educativos de Primaria de Ribeira vanse concentrar mañá no auditorio municipal co fin de asistir á proxección da película de animación “A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol”: unha actividade que está organizada polo Departamento de  Normalización Lingüística do Concello co fin de fomentar o coñecemento e uso da lingua galega entre a poboación infantil.

A proxección da película, que se desenvolverá a partir das 9.30 horas, axudará aos pequenos a gozar da linguaxe cinematográfica nunha película que, segundo o seu director Alex Colls, “naceu e  se desenvolveu como dirixida aos máis pequenos”. Ademáis, a acción permitirá que os nenos poidan ver cinema en galego tamén en pantalla grande, e non só na televisión que é ao que están afeitos. 

 “A tropa de trapo no país onde sempre brilla o sol”, dirixida no ano 2010 por Alex Coll, é unha película de animación pertencente ao xénero de aventuras.

Web da película:
http://www.thehappets.com

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o venres 10 de decembro, concerto polo centenario da capela de música sacra Lauda Sion

A Pobra do Caramiñal, 1 de decembro de 2010. O próximo 10 de decembro, de nove a once da noite, haberá un concerto para celebrar o centenario da capela de música Lauda Sion. Será na praza da Fonte dos Catro Canos.

Historia:

A Capela Lauda Sion foi fundada na Pobra do Caramiñal no ano 1910 polo mestre Ricardo Fernández Carreira (1881-1959). En 1921 consegue a praza de director da Banda Municipal de Santiago de Compostela, onde se traslada para continua-la sua carreira musical. Sucédelle na dirección e órgano da Capela Xosé Fontán Martínez, que continua o traballo de Fernández Carreira, aumentando a plantilla do coro e, segundo os gustos da época, incluindo diversos instrumentistas de corda e vento. Quedou así consolidada a continuidade da Capela, que ao longo dos seu século de vida somentes interpretou música sacra, dende o canto gregoriano á máis escolleita polifonía. Foron moitos os músicos e cantores de varias xeracións que contribuiron co seu traballo e profesionalidade nos éxitos artísticos da Capela Lauda Sion tanto en cerimonias da Igrexa coma en concertos. No 2003 créase a Asociación Musical Lauda Sion co obxetivo de dar soporte á Capela, incrementa-lo nivel artístico e formativo, xestiona-lo patrimonio musical acumulado en forma de partituras, publicacións, orixinais e manuscritos, correspondencia de grande interese, instrumentos, etc. Ademáis, ampliase o campo de actuación coa restauración e edición de obras musicales.
(Vía MySpace)

Vía Facebook do director desta capela, Alexandre Fontán

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: organizan unha viaxe a esquiar na fin de semana do 14 ao 16 de xaneiro. Preinscrición ata o 30 de decembro

Noia: rematada a restauración da capela de San Antón, enfronte de Santa Cristina de Barro

Noia, 1 de decembro de 2010. A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural prevía rematar en novembro os traballos de recuperación da capela de San Antón, e así foi. Os traballos contemplaron actuacións sobre a cuberta, o acondicionamento do entorno e a restauración do peto de ánimas

A capela, que ten a consideración de Ben Inventariado, foi restaurada por un importe de case 79.000 euros e realizou os traballos a firma Diconsa. Houbo que derrubar os restos da cuberta existente e limpar a vexetación que sobranceaba sobre a bóveda. Tiveron que facer unha nova estrutura de madeira na cuberta e, sobre ela, unha nova cuberta. Procedeuse tamén á limpeza exterior dos muros da capela e á limpeza e pintado dos muros interiores. Nos labores de acondicionamento sumáronse a instalación eléctrica de iluminación e, no entorno da capela, a construción dun camiño enlousado de pedra na zona de acceso. Do mesmo xeito, a restauración do peto de ánimas foi a través da súa limpeza, reparación e reposición de pezas desaparecidas e a recuperación, na medida do que foi posible, das pinturas sobre o mesmo.

A capela de San Antón de Santa Cristina de Barro, sita no concello de Noia, data do século XI-XII. Desde o punto de vista artístico destaca o seu peto de ánimas, construción de pedra que data de finais do século XIX e principios do XX. Este elemento patrimonial ten a consideración de Ben de Interese Cultural pola súa condición de peto de ánimas de máis de cen anos.


Estado actual da capela



Estado da capela antes da actuación

Adoquinado en Taramancos

Por outra banda, o Concello está a executar as obras para o adoquinado duns 1.700 metros cadrados de rúas no lugar de Taramancos, así como a renovación dos sumidoiros neste lugar e en Boa. O importe destes traballos, que se realizarán nuns tres meses, ascende a case 400.000 euros.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

30.11.10

Música: a Banda de Música de Santiago lembra o 12 de decembro a Castelao (Rianxo) e o 19 a Los Tamara (Noia)

Download now or preview on posterous
programa_banda1011.pdf (757 KB)


O director da Banda Municipal de Música de Santiago é natural de Ribeira (os seus apelidos, de dous lugares ribeirenses, delátano) aínda que se desenvolveu en Porto do Son, en Xuño.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Concello súmase ao programa OnuSida con motivo do Día Mundial contra esta doenza, o 1 de decembro



A Pobra do Caramiñal, 30 de novembro de 2010. Cada 1 de decembro a ONU, a través do seu programa ONUSIDA, conmemora o Día Mundial da SIDA elaborando unha campaña a nivel mundial, á que se suman diversas institucións e administracións.  Dende fai anos, o Concello da Pobra do Caramiñal a través das Concellerías de Sanidade e Servizos sociais, dirixida por Balbina Lojo Olveira e a Concellería de Xuventude, dirixida por Jesús Dieste, apoia esta campaña organizando unha serie de actividades dirixidas á poboación do concello e máis concretamente á xuventude, xa que é un dos grupos de maior risco de contaxio da SIDA. "Consideramos que a sensibilización e a prevención son os elementos claves na reducción da transmisión do VIH", explican dende estas concellerías pobrenses.

Condóns no instituto e en pubs


Este ano haberá as seguintes actividades:
  1. O día 1 de decembro, este mércores, poñerase unha mesa informativa no IES Francisco Barreras, con folletos e guías relacionadas coa prevención desta enfermidade, á vez que lazos e preservativos.
  2. Distribuiranse en varios pubs da localidade, onde soe ir a xuventude, lazos, folletos informativos e preservativos.
Con estas actividades o que se pretende é a prevención de embarazos non desexados, disque en aumento na xuventude; a prevención de enfermidades de transmisión sexual, a través da utilización do preservativo; a concienciación e sensibilización, sobre todo na xuventude e lembrar que é unha enfermidade real, aínda que actualmente ten unha  menor incidencia e parece que pasou de moda, pero existe e ten tratamento. 

Dende a Concellería de Servizos Sociais, Balbina Lojo Olveira, pretende transmitir unha mensaxe de prevención entendida máis amplamente, cara á poboación en xeral e, sobre todo, cara á xuventude. "Facemos un chamamento á responsabilidade que temos cada un de nós no coidado da nosa saúde e a saúde dos demáis, animando a rexeitar as conductas de risco que poidan comprometer a nosa integridade, o futuro, ou o benestar fisico ou social. Invitamos á cidadanía a prender o lazo vermello, que é o simbolo mundial da solidariedade cos afectados", conclúe.

      Proxecto "Vida Saudable"


Por outra banda, a concellería de Servizos Sociais informa tamén de que está aberto o parazo para inscribirse no proxecto "Vida Saudable". O programa dura cinco meses (de xaneiro a maio) e nel lévanse a cabo actividades de piscina que inclúen natación terapéutica, aquagym, ximnasia de mantemento, obradoiro de musicoterapia e roteiros de sendeirismo.

     Para inscribirse neste proxecto, que está subvencionado pola Deputación, hai que ter máis de 60 anos, residir e estar empadroado na Pobra. O prazo de inscrición remata o 30 de decembro. Os interesados deben achegarse ao Centro Sociocomunitario da Xunta, sito na rúa Castelao.
    

Servizo de Voluntariado   

O día 5 de decembro celebrarase o Día do Voluntariado e desde a Concellería de Servizos Sociais do Concello da Pobra do Caramiñal  animan "a todas as persoas que queiran facer deste mundo un lugar máis xusto e solidario, a que dean o paso e se fagan voluntarios, ofrecendo o seu tempo de lecer para mellorar a calidade de vida doutras persoas". Todas aquelas persoas que estean interesadas en solicitar información ou facerse voluntarias poden acudir ao CAD ou chamar ao teléfono 981107415.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical