9.12.10

Ribeira: o terceiro encontro da Aula Galega de Saxofón, esta fin de semana

Ribeira, 9 de decembro de 2010. A vindeira fin de semana do 11 e 12 de decembro terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de o terceiro encontro do curso 2010/2011 da Aula Galega de Saxofón. 

Saxofonistas de toda Galicia acoden ao conservatorio local para seguir perfeccionando e ampliando os seus coñecementos co mestre invitado Rodrigo Vila (profesor do Conservatorio Superior das Illas Baleares). Esta actividade, que é pioneira en Galicia ,ten como responsable de organización a José Fungueiriño Ramos, profesor de saxofón do conservatorio profesional  de música de Ribeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: actividades culturais programadas para este mes de decembro


Noia, 9 de decembro de 2010. A programación cultural na vila noiesa continúa este mes, logo da intensa actividade cinéfila que conlevou a Mostra de Curtas ata o pasado domingo 5. O próximo acto será este venres 10 de decembro, e entra dentro do capítulo de conmemoracións e memoria histórica, neste caso musical.

Ás nove da noite terá lugar, na rúa Corredoira de Luis Cadarso, unha homenaxe ao músico noiés Prudencio Romo, fundador de Los Tamara. Descubrirase unha placa co seu nome, ás dez da noite, que é o que levará o local de ensaio do Concello de Noia.

Non coñece a Prudencio Romo? Ten moita información sobre el na Galipedia, aquí.


Este sábado, día 11 de decembro, ás sete da tarde, Festival de Nadal da Escola de Danzas "Noela", no teatro Coliseo Noela.

O domingo, día 12 de decembro, cinema para nenos, con "Pérez, o ratiño dos teus soños", segunda parte. Comeza ás seis da tarde, tamén no Coliseo Noela.

Xa para a fin de semana do venres 17 está previsto o programa de Extensión Cultural para a terceira idade, do que se informará no seu día.

O sábado 18 de decembro hai teatro para nenos. Chega "Caramuxo Teatro" a poñer en escea "Os Bolechas", baseada nos debuxos do autor dos Barbanzóns, Pepe Carreiro. Tamén é ás seis da tarde, organizada por Agadic.

O domingo 19 de decembro está programado o concerto de Nadal da Banda de Música de Noia. Comeza ás sete e media da tarde no Coliseo Noela.

O 22 de decembro, mércores -o día da Lotaría- ten lugar un concerto dos profesores e alumnos do Conservatorio. Será ás oito e media da tarde no Coliseo.

O 23, xoves, de novo cinema para pequenos. Desta volta proxectarase "El lince perdido", ás seis da tarde no Coliseo.

O domingo 26 de decembro, teatro para nenos. Chega "Matapiollos Teatro" ao Coliseo Noela a representar "Flis-Fli-Ris-Rás", dende as seis da tarde. Organiza Agadic.

O luns 27, xa no medio das vacacións escolares de Nadal, títeres para cativos. "Galitoon" representa, ás seis da tarde, a obra "Rosalía, a pulga que escribía". Organiza Agadic.

O martes 28 de decembro "Títeres Trompicallo" pon en escea "Violeta Coletas contra as salchichas, gulp!". Tamén ás seis e organizado por Agadic.

O mércores 29, contacontos para nenos baixo o título "Contos no ar". Ás seis da tarde, dentro da programación cultural a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).

O xoves 30 de decembro, cinema para nenos coa cinta "Mi monstruo y yo". Ás seis da tarde tamén no Noela.

Exposición:

Pode ver obra de Pío Costa aquí

Do 16 de decembro ao 14 de xaneiro, entre o Coliseo e a Casa da Cultura "Avilés de Taramancos", retrospectiva de Pío Costa. Colabora a Deputación de A Coruña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: conferencia sobre os beneficios do propóleo, este xoves 9 no auditorio do Museo de Valle


O propóleo é un derivado do traballo das abellas nas árbores

A Pobra do Caramiñal, 9 de decembro de 2010. Hoxe, xoves 9 de decembro, ás cinco da tarde, está programada unha charla sobre os beneficios dos propóleos, un produto natural procedente das abellas que aumenta as defensas do organismo humano e prevén varias doenzas.

A ponente será Noelia Solar Alonso. Organiza unha marca de produtos dietéticos e a asociación Madoan (Mulleres en Igualdade). Colabora o Concello.

Web de Madoan:
http://madoan.org

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Bng informa aos veciños sobre a nova Lei de Augas en Cespón este venres 10


Centro social de Cespón

Boiro, 9 de decembro de 2010.O BNG de Boiro organiza unha charla informativa este venres 10 de Nadal, ás 20.30 horas no Centro Social de Cespón, para informar do contido da nova Lei de Augas que vai aprobar a Xunta de Galicia. Estarán no acto presentes Rosana Pérez, deputada provincial nacionalista; o alcalde de Boiro, Xosé Deira e Xoán León, concelleiro de Urbanismo boirense.

Relacionada:


Ribeira: o Bng informa aos veciños sobre a Lei de Augas ante a "brutal suba"


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

8.12.10

Dodro: as actividades de Nadal inclúen un ciclo de títeres, teatro e as típicas panxoliñas

Tamén adquire relevancia neste mes o fallo (este sábado 11) e a entrega (o domingo 19) do premio que sitúa a Dodro no Parnaso literario galego: o "Eusebio Lorenzo Baleirón" de poesía, este sábado 11

Unha das actividades do ano pasado tamén incluía maxia

Dodro, 8 de decembro de 2010. A tenenta de alcalde de Dodro, a nacionalista Victoria Rei, informou sobre a programación de actividades culturais do Nadal de 2010, das cales se irán dando detalles conformen cheguen as datas de celebración.

"Durante este ano foron moitas as actividades que viñemos desenvolvendo desde a concellaría de Cultura para maiores e pequenos e agora que chega o Nadal pretendemos pechar o ano cunha serie de actuacións distribuídas entre os principais núcleos das nosas parroquias, onde conseguimos asentar a rede de locais culturais co fin de chegar a toda a xente para que teñan oportunidade de aproveitalas en familia nestes días que contamos con máis tempo de vacacións e de encontro", explicou.

Programación

Día 11 de decembro: faise pública a resolución do XXIII Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.

Día 13. Ás 17.00 h. Ciclo de TÍTERES, con Duendesico: "Elba e Marcos e os xoguetes encantados". En Lestrobe, no local sociocultural do Concello.

Día 15, ás 17.00 h. Ciclo de TÍTERES, con Duendesico: "Tolo regalo de Nadal"
en Imo, no local sociocultural (antiga escola unitaria)


Día 16, ás 17.00 h. MAXIA, con Altega: "Gusi o mago sen sombreiro" na Casa
de Cultura, Tallós.

Día 17, ás 11.00 h. Ciclo de TÍTERES, con Duendesico: "O roubo da saca de
regalos de Nadal" para o alumnado de Primaria no CPI Eusebio Lorenzo
Baleirón. Ás 11.30 TEATRO para a ESO no Colexio Eusebio Lorenzo Baleirón.

Comedia bífida, representación en Dodro en xuño do ano pasado

Día 18, ás 18.00 h. TEATRO, con Ateaco: "Comedia Bífida", no Salón de Actos
da Paxareira.


Entrega do ano pasado, a Costas Currás
Día 19, a partir das 17.00 h.: XXIII Entrega do Premio de poesía Eusebio
Lorenzo Baleirón do 2010.

Día 26, ás 18.00 h. Recital de panxoliñas coas corais de La Salle, Laíño e
Padrón, ademais do grupo Bellón Maceiras.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: esta fin de semana, festas e feira de Santa Lucía na parroquia de Asados

Rianxo, 8 de decembro de 2010. A parroquia rianxeira de Asados celebra esta fin de semana as festas de Santa Lucía.

O sábado 11 de decembro, na sesión vermú, mentres se degustan de balde mexillóns, actuará a orquestra Superfama. Pola tarde, sobre as seis, magosto e viño, tamén gratuitos, con música dos gaiteiros "Río do Toxo" e de Superfama. É o previsto para este día do San Ramón.

O domingo 12 de decembro, tradicional feira de Santa Lucía. Animan aos veciños e visitantes a vir con roupa de época. Roteiro con cabalos pola parroquia ben cedo, ás nove e media da mañá. A misa solemne será ás doce e media e logo o pregoeiro, que desta volta será o director do grupo de teatro Airiños, o escritor Xesús Santos, louvará estas festas no seu discurso.

Pola tarde, dende as tres e media, haberá xogos para nenos e espectáculo ecuestre no vello campo de fútbol. Como toda feira que se prece, haberá polbo, rosquiñas, churros e postos para comer churrasco. Tamén se venderán flores, produtos da horta da bisbarra, maquinaria agrícola e outras. Incluso se prevé un obradoiro con forno para facer pan artesá.

O día de Santa Lucía, que é o luns 13 de decembro, haberá misas na igrexa dende as oito e media da mañá.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: programadas varias actividades para celebrar este mes de Nadal


Porto do Son, 8 de decembro de 2010. O vindeiro luns, 13 de decembro, vaise inaugurar unha mostra de olería de Buño, que estará ata o remate das festas de Nadal, en xaneiro.


Alfarería de Buño, no flickr de r0sk Oscar

O día 18, dentro das actividades Nadal Máxico 2010, chega o Mago Cali. Tamén virán Cayetano Lledó, Mago Mimo Anyo, Martín Camiña e Javier Muro. Dende as seis da tarde na casa de cultura da Atalaia.


Tamén haberá a tradicional mostra ornitolóxica, organizada cada ano por Azor en colaboración co Concello. Paxaros de todas as castes estarán na fin de semana do 17 ao 19 na casa de cultura.

Exposición ornitolóxica do ano 2008

Festivais de Nadal

O domingo 19 de decembro o Festival de Nadal correrá a cargo dos integrantes da catequese e a asociación Loa. O día 22 haberá outro protagonizado polos escolares do colexio Santa Irene.

Nas diversas casas de cultura haberá actividades relacionadas coa música tradicional destas datas e tamén baile.

Tren infantil

O xoves 23 e venres 24 de decembro haberá un tren infantil de Nadal, así como o xoves 30 e venres 31 de decembro.

Tamén haberá obradoiros e teatro para os máis pequenos. De todas as actividades e os seus horarios hai cumprida información na casa de cultura.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

7.12.10

Lousame: en 2011 ampliarán e arranxarán a estrada Rois-Lousame, o que suporá un custo de case tres millóns de euros

O conselleiro de Obras Públicas concretou que o proceso expropiatorio do proxecto iniciarase no primeiro trimestre do vindeiro ano. Licitarán no segundo trimestre do 2011 as obras de mellora, no treito Rois-Augasantas, dentro do Plan Move


Delegado territorial, concelleiro e alcaldes presentaron as obras de mellora esta mañá

Lousame, 7 de decembro de 2010.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licitará no segundo trimestre do 2011 as obras de adaptación ao Plan de Baixa Intensidade Media Diaria (IMD) mellorada da estrada que une Rois e Lousame (AC-301), concretamente na travesía Rois- Augasantas. Así o sinalou o conselleiro Agustín Hernández esta mañá na visita en Rois, onde tamén concretou que o proceso expropiatorio se iniciará no primeiro trimestre do ano. Na visita tamén estiveron presentes os alcaldes de Rois e Lousame, Ramón Tojo Lens e José Santiago Freire, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Infraestruturas, realizará unha achega económica de preto de 2,9 millóns de euros para a execución destas obras de mellora incluídas no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (MOVE).

A citada estrada ten unha lonxitude de 8,6 qm, constando dúas zonas claramente diferenciadas, a travesía de Rois, cunha IMD de 5.033 vehículos ao día, e o resto do treito, cunha intensidade de 1.249.

Seguridade viaria

Hernández indicou que os obxectivos fundamentais deste proxecto son a ampliación da calzada dende os 5 metros actuais ata os 7 metros para acadar unha circulación máis segura así como a mellora do trazado para rectificar as curvas, reducindo consecuentemente os tempos de recorrido. Ademais, mellorarase a accesibilidade nas interseccións, optimizarase a visibilidade, actualizarase a sinalización horizontal e vertical e balizaranse os laterais con captafaros.

As actuacións tentan proporcionar unha maior seguridade tanto aos peóns como aos vehículos na travesía. Neste senso, adoptaranse medidas que consistirán na orde de accesos, xiros e aparcadoiros, instalación de marcas viais laterais con resaltos, colocación de barreiras de seguridade. Tamén se rehabilitará a capa superficial de firme, dotando a estrada dunha rodadura con mestura discontínua de elevada macrotextura, aportando así maior durabilidade e mellor comportamento fronte á auga.

MOVE
O conselleiro de Medio Ambiente recordou que os investimentos en seguridade viaria e conservación foron as únicas partidas do Plan Move que non se minoraron, e que constitúen máis dun 26% do orzamento total do plan. Concretou que ao longo de 2011 se destinarán 51,1 millóns de euros, dos cales 34,2 serán para medidas de conservación e case 17 para actuacións de seguridade viaria. Esta cifra tamén supón case un 20% do total de investimentos da Dirección Xeral de Infraestruturas, polo que este orzamento é boa mostra do compromiso do actual Goberno coa seguridade.

Por último, graza a nova planificación recollida no Plan Move, a Xunta garante a execución das 12 autovías recollidas neste plan e da practica totalidade das vías de altas prestacións nos prazos comprometidos e sen reducir os investimentos nas mesmas, a pesares da crise económica e dos recortes orzamentarios.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: pechan durante a vindeira a semana a biblioteca para reformala e mellorala


Do 13 ao 18 de decembro estará pechada. O 20 abre, xa reformada

Ribeira, 7 de decembro de 2010. O Concello informa de que se van acometer unha serie de actuacións na Biblioteca Pública Municipal co fin de mellorar o seu servizo e, con tal motivo, estas dependencias situadas na rúa Manuel Lustres Rivas de Santa Uxía permanecerán pechadas aos usuarios durante a vindeira semana. 

Entre as accións que se van realizar, destacan a separación física entre a zona infantil e a zona de ordenadores co fin de individualizar estas áreas; a adecuación desta última zona, instalando novo mobiliario construído polo último obradoiro de emprego (Illote Noro 2) para dar soporte aos equipos informáticos; a actualización dos fondos, facilitando o acceso aos volumes a disposición na sala de lectura e retirando dese espazo aqueles que nunca son obxecto de demanda ou consulta (si continuarán rexistrados no catálogo informático por se alguén quere acceder a eles); e o aumento do número de mesas para os lectores, coa incorporación de cinco novas unidades. 

As instalacións estarán pechadas unicamente esta próxima semana para causar as menores molestias posibles, xa que despois comezarán as vacacións de Nadal, período no que tradicionalmente se incrementa o número de usuarios que frecuentan a Biblioteca. 

Así e logo, unha vez se restableza o servizo o día 20, a Biblioteca funcionará no seu horario habitual, é dicir, de luns a venres, entre as 10 e as 14 horas e as 17 e as 21 horas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

5.12.10

Porto do Son: a Xunta rematou o levantamento topográfico e a análise do estado actual do Castro de Baroña

Logo de 14 anos sen actuacións arqueolóxicas no castro, cun proxecto promovido pola Secretaría Xeral para o Turismo e autorizado pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural

Un dos arqueólogos traballando neste levantamento topográfico que xa rematou

Porto do Son, 5 de decembro de 2010.- A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo vén de promover o proxecto Levantamento topográfico, documentación e estudo do estado actual do Castro de Baroña, autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Deste xeito a Xunta de Galicia, explica a Consellería en nota de prensa, amosa o seu compromiso coa recuperación do castro, un dos xacementos arqueolóxicos máis visitados de Galicia e a icona do turismo cultural no Barbanza.

A través deste traballo, a Consellería de Cultura e Turismo pretende coñecer o estado de conservación real do asentamento, despois de catorce anos sen actuacións arqueolóxicas no seu ámbito. Trátase de documentar de xeito exhaustivo a súa morfoloxía, identificar os axentes de alteración e dispor dunha base sólida para estudar actuacións correctoras e acometer futuros traballos de conservación e posta en valor.

Realizouse un varrido fotográfico aéreo cun pequeno zeppelin

Os traballos foron realizados por un equipo multidisciplinar dirixido polo arqueólogo Ángel Concheiro Coello e o arquitecto Marcial Rodríguez, dous especialistas que forman parte do equipo redactor do Plan Especial de Protección do castro. O proxecto comprende unha diagnose detallada tanto do xacemento como de cada unha das construcións escavadas no mesmo e que permanecen á vista. Ademais tamén contén un varrido fotográfico aéreo realizado a media e baixa altura, con vistas do asentamento castrexo e da súa integración na paisaxe, dominada pola praia de Arealonga e a boca da ría de Muros e Noia.

Ademais do seu valor como documento arqueolóxico, o estudo contén recursos moi importantes para a promoción turística do sitio arqueolóxico, e por extensión, de todo o concello de Porto do Son. Neste sentido, o informe tamén inclúe cartografías dos axentes negativos que ao longo destes anos influíron no estado de conservación do mesmo, como a erosión ou a existencia de construcións sen tratamento de conservación en zonas escavadas.

Resultados dos traballos

O sonense Xanma Alonso Vázquez documentou nun álbum en Facebook varias formacións de pedras ao pé do castro que foron feitas de xeito espontáneo por varios visitantes

No ámbito do Castro de Baroña documentáronse seis "áreas de impacto crítico" que, xeralmente, coinciden con sectores do castro onde actúan simultaneamente e con moita virulencia os factores de impacto que funcionan neste xacemento como a existencia de construcións sen tratamento de conservación en zonas escavadas, a erosión que fai desaparecer o soporte e a presión que supón o tránsito incontrolado de persoas.

Ao abeiro deste estudo realizouse un seguimento en directo dos movementos das visitas, tanto masivas como de pequenos grupos ou parellas, de xeito que se puido facer un plano das sendas e itinerarios realizados, de xeito espontáneo, polos turistas e outros visitantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical