4.1.11
3.1.11
Outes: Cen loureiros lembran ás vítimas do xenocidio franquista en Outes
Integrantes da asociación cultural "Terra de Outes" fan un descanso na prantación para a foto. Distinguimos co legón ao poeta Ramón Blanco. Outes, 3 de xaneiro de 2011. A Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes na mañá do domingo 2 de xaneiro prantou 100 árbores de loureiro no xardín que rodea ao Monumento ás víctimas do franquismo da ría de Muros-Noia, que esta Asociación erguíu hai xa tres anos no lugar do Freixo (Outes), onde caera abatido polas balas falanxistas o deputado republicano Luis Barrena.
"Para darlle a dignidade que se merece a memoria de todas aquelas persoas que sacrificaron a súa vida non só para defender a legalidade republicana, senón tamén un mundo mellor e máis xusto, foi polo que se procedeu a construir un pasillo de loureiros en torno ao citado monumento", explicou Xoán X. Mariño, presidente da asociación cultural Terra de Outes.
Nos próximos meses vai ser pavimentado tamén este sendeiro de loureiros polos membros desta Asociación para que cando se cumpra o 75 aniversario do dramático acontecemento, a acto que alí se realice, se leve a cabo nun terreo adecentado, ao amparo destas nobres árbores, que noutrora serviron para coroar a heroes de guerra e hoxe son magníficos cortaventos en moitas partes de Galicia nas que aínda coidan hortas e pomares.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Noia: a Consellería de Cultura da por rematada a restauración da Ponte de Traba
Fendedura na ponte de Traba que houbo que arranxarPara levar a cabo as obras de reparación e consolidación da Ponte de Traba, en Noia, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural destinou 285.000 euros. Estas intervencións eran necesarias para reparar o desplome dun dos tímpanos e a fendedura de separación da boquiña do arco 3, rehabilitar os pretís e outros tímpanos para evitar o seu progresivo deterioro. Asemade, tamén se realizou unha cimentación da oquedade na pila número 2, a pavimentación da calzada e unha limpeza dos muros.
Calzada actual
Calzada antes da actuación
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Boiro: cartel da Cabalgata de Reis 2010
Cortesía de Dani Gestoso (http://www.webboiro.com), que aproveita para desexarlles Feliz Ano 2011. Non deixen de pasar por http://www.webboiro.com para ver as últimas galerías de fotos deste fermoso concello e as posibilidades turísticas e de ocio que contén. Se é usuario de navegador gps no seu automóbil, nesta web pode atopar waypoints para eles. E moitas outras utilidades que Dani Gestoso, o seu incansable webmaster, recolle para dar a coñecer Boiro e facernos máis doada a estadía neste municipio de Barbanza.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Rianxo: a segunda xornada do programa "Ceo das Letras" na Cidade da Cultura está adicado a Manuel Antonio
(Rianxo, 1900–1930). Ventos rebeldes, luces estantías, afogados inmortais, amigos fraternos, gaivotas anónimas, horizontes esculcados na procura da liberdade, a súa vila natal, veleiros empopados, son, na obra de Manuel Antonio, fareiro da nosa realidade, o sol que sempre volve á nosa terra.
12:00 | Relatorio: Xosé Luís Axeitos. Catedrático de Lingua e Literatura Castelá e Secretario da Real Academia Galega. Experto na obra de Manuel Antonio, ten publicado varios libros sobre a poética do visionario rianxeiro.
13:00 | Manuel Antonio e mais dispois (35’). A poeta performática María Lado acompañada polo xenial pianista Nacho Muñoz interpretan textos de Manuel Antonio que mostran a súa concepción radical da creación artística.
Hai que reservar praza, na páxina indicada.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: este domingo 9 de xaneiro, 65 duros quilómetros na I Ruta de Bicicletas de Montaña de Nadal
A marcha, que ten carácter cicloturístico (non é unha competición) partirá do polideportivo de Coroso ás 9 horas e constará do seguinte percorrido: subida a San Alberto e Moldes, baixada a Lobeiras, subida ao Castelo de Burleu polos picotos ata a base Grallal e Esperoi, saída por Raña e subida a Monte Barbanza, baixada a San Isidro, Entrerríos e volta pola beira da autovía ata o polideportivo. Está previsto que a marcha finalice en torno ás 15 horas.
50 prazas cunha cota de 10 euros
Hai 50 prazas convocadas e o prezo de inscrición é de 10 euros, que se efectuará mediante un ingreso no número de conta 2091 0339 78 3000030804 (Caixa Galicia). O prazo para anotarse remata ás 12 horas do 7 de xaneiro, debendo realizarse nas oficinas da Concellería de Deportes.
Todos os participantes deberán situarse por detrás dos vehículos ou compoñentes da organización, non podendo sobrepasalos en ningún caso, salvo nun tramo libre de 10 quilómetros delimitado na ruta.
Haberá catro puntos de avituallamiento (con froita e barras enerxéticas por cortesía dun centro comercial da Centenaria) e un pincho-degustación ao rematar.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
2.1.11
Porto do Son: a Cabalgata chega ao Cruceiro ás cinco e media da tarde este mércores 5 de xaneiro
Porto do Son, 2 de xaneiro de 2010. Como acontece en Lousame, o Concello de Porto do Son ten que organizar unha caravana de autobuses para que todas as nenas e nenos deste municipio se poidan achegar a ver a cabalgata de Reis.
O roteiro de buses comeza ás catro e media da tarde e pasará por Seráns, Basoñas, Novas, Carballosa, Xuño, Caamaño, Abuín e Arnela.
Os Reis Magos chegarán ao Cruceiro sobre as cinco e media da tarde (depende do rápidas que sexan as súas monturas) e ás seis da tarde, tamén aproximadamente, achegaranse ao Concello, onde a máxima autoridade municipal será o encargado de recibilos.Os tres monarcas lanzarán, como é tradicional, caramelos aos nenos e aos que lles axuden a recollelos.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
