11.1.11

Noia: este venres 14 de xaneiro, charla informativa sobre as modificacións provocadas pola lei do tabaco recén estreada

Noia, 11 de xaneiro de 2011. Con motivo de informar sobre as modificacións da chamada lei do tabaco. Dereitos, obrigas e responsabilidades así como reclamacións, a Unidade de Prevención de Drogodependencias de Noia anuncia qu e se convoca unha reunión que terá lugar o venres, 14 de xaneiro de 2011 ás doce da mañá no edificio administrativo na rúa do Espírito Santo, 4.


 

Contará coa participación de: Berta Gómez Tato, responsable do Programa Galego de Vida Sen Tabaco. Delegación Territorial de Sanidade de A Coruña.

 

Máis información no teléfono 609823134 ou nos correos: infodrogas@gmail.com ou saudenoia@gmail.com

 

Tamén hai información no blog: http://prevenciondrogodependencias.blogspot.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

10.1.11

A Pobra: remataron as obras de acondicionamento dos locais da policía, que conta cunha novo moto

A Pobra do Caramiñal, 10 de xaneiro de 2010. O pasado mes de agosto a Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza convocara a cesión en propiedade aos concellos de Galicia de vehículos especialmente preparados para as funcións da policía local e o concello pobrense presentou entón a súa solicitude. Medio ano despois, presentouse o novo vehículo con que contan as forzas de seguridade da policía local: unha motocicleta Piaggio X7 300 I.E.

  Ten un motor monocilíndrico de catro tempos, 278 cm3 de cilindrada, 22,4 CV de potencia e está dotada "da máis moderna tecnoloxía como a inxección directa e o cambio de marchas por variador automático C.V.T. con servidor de par e que cumpre coa normativa Euro 3 de emisións, a máis alta para motocicletas", explican dende o equipo de goberno local. Con esta nova incorporación, o parque móbil da policía local ten tres vehículos lixeiros, un todo terreo e dúas motos. 

     Dependencias listas

     Por outra banda, tamén remataron as obras de acondicionamento das dependencias da policía local que se estiveron a levar a cabo ao abeiro do convenio asinado entre o concello da Pobra do Caramiñal e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.    Arranxouse o tellado, que antes tiña filtracións e colocouse de novo o porche de entrada ás dependencias policiais.   O importe destas actuacións foi de 25.000 € totalmente sufragados pola Consellería..

   O concello da Pobra agradece á Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a cesión deste vehículo e as obras de acondicionamento "que mellorarán de xeito notable o servizo que a nosa policía local presta aos nosos veciños", conclúen.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o senador Torres Colomer pregunta ao goberno polos topes de bacaladilla


Ribeira, 17 de xaneiro de 2011.- O senador e alcalde de Ribeira José Luis Torres Colomer vén de presentar ante a Cámara Alta unha pregunta, dirixida ao Goberno do Estado, interesándose polas medidas que pensa adoptar o Executivo ante a “drástica redución” da cuota de bacaladilla no Cantábrico e no noroeste da Península Ibérica, acordada o pasado decembro en Consello de Ministros de Pesca da UE. 

A este respecto, o senador expón que non existe causa que xustifique unha rebaixa do 93% sobre o TAC de lirio, pasando de 11.771 toneladas a só 824. A este respecto, alerta de que, en caso de manterse a redución da cuota, o referido caladoiro estará pechado xa antes de finalizar o mes de abril, segundo estimacións da propia flota arrastreira que faena na zona. 


Dita rebaixa vai en contra do sector pesqueiro e do emprego e, de non tomar o Goberno medidas urxentes ao respecto –asevera Torres Colomer-, poñería incluso en risco a supervivencia de moitos postos de traballo, tanto directos como indirectos, ligados a portos tan importantes como Ribeira, A Coruña, Muros, Cudillero, Avilés ou Ondarroa. 

Porto de A Coruña

A pregunta formulada por José Luis Torres será debatida no Senado en próximas datas.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Turismo: Arousa Norte gardará os seus segredos co resto de Galicia en Fitur entre o 19 e o 23 de xaneiro en Madrid

A Mancomunidade dos catro concellos de Barbanza partillará espazo nos 1.400 metros cadrados do stand galego

Barbanza, 10 de xaneiro de 2011. A Sociedade de Imaxe e Promoción Turística de Galicia, Turgalicia, dependente da Consellería de Cultura e Turismo, instalará o seu stand institucional para a promoción do Turismo de Galicia na Feira Internacional do Turismo de Madrid, Fitur 2011, entre os días 19 e 23 de xaneiro. Serán 1.421 metros cadrados de superficie dedicados á difusión turística da comunidade galega nun dos principais mercados do mundo. Uns poucos metros cadrados acubillarán os segredos de Arousa Norte, que promocionarán Boiro, A Pobra do Caramiñal, Rianxo e Ribeira.


Este ano, o stand da Xunta de Galicia presentará a Marca turística da comunidade galega: Galicia, gárdasme o segredo?, transmitindo os seus valores emocionais (baseados no resultado dun estudo recente elaborado por Turgalicia no que se recollen aquelas percepcións que destacan na mente dos consumidores ou potenciais turistas con respecto a Galicia: autenticidade, misterio, maxia, sosego, a conexión cun mesmo e cos demais, nostalxia, o caracter acolledor e amable, etc). Tendo en conta estas claves, e baixo unha estética moi coidada e de calidade, sempre segundo a Xunta, o espazo representa a Galicia como un soño, un destino con personalidade propia onde os aspectos máis emocionais conectan con realidades concretas, onde esas sensacións ou soños poden ser vividos. Tamén se destacan aqueles elementos que nos diferencian e personalizan nun espazo escenográfico de grande atractivo e impacto visual para os visitantes.

O 800 aniversario da catedral de Santiago tamén será promocionado

Asemade, o stand difunde a totalidade da oferta turística galega: destinos, produtos e recursos, á vez que dá a coñecer os dous fitos do ano 2011: a Cidade da Cultura de Galicia e o 800 Aniversario da Catedral de Santiago. O atractivo refórzase coa inclusión de zonas de proxeccións interactivas que somerxen ao visitante por recorridos fantásticos de Galicia.

O stand de Galicia contará con 16 coexpositores que mostrarán de xeito concreto a súa oferta turística. Así, estarán presentes: Deputación da Coruña, Padroado de Turismo da Provincia de Lugo, Padroado Provincial de Turismo de Ourense, Turismo Rías Baixas, Mancomunidade de Municipios Ría de Arousa-Zona Norte, Asociación de Desenvolvemento Turístico da Mariña Lucense, Mancomunidade de Municipios da Terra Chá, Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Mancomunidade Terras de Pontevedra, Turismo da Coruña, Concello de Ferrol, Turismo de Santiago, Concello de Lugo, Turismo de Ourense, Turismo de Pontevedra e Turismo de Vigo.

Ao longo das xornadas, o espazo de promoción do Turismo de Galicia albergará distintos actos de presentación de destinos e produtos turísticos, ademais de actuacións dirixidas a todo tipo de públicos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a homenaxe a Ramón Sampedro fornécese este ano con dous días de debates sobre morte digna


Os integrantes da asociación Dereito a Morrer Dignamente son os principais organizadores

Porto do Son, 10 de xaneiro de 2011. A tradicional homenaxe ao xuñense Ramón Sampedro durará tres días este ano. Comezará o vindeiro venres, 14 de xaneiro, cunha charla sobre morte digna e dispoñibilidade da propia vida, no centro sociocultural de Fontiñas en Santiago de Compostela. Nela participarán María Jesús Díaz Veiga, profesora de Dereito Procesal na Universidade Carlos III de Madrid; Luis Villares Naveira, maxistrado e coordinador en Galicia de Xuíces para a Democracia e o famoso doctor Luís Montes, actual presidente federal da asociación Dereito a Morrer Dignamente. Coordina Mar Martín García, concelleira de Benestar Social do Concello de Santiago a actividade, que comeza ás oito da tarde.


Cantís da praia das Furnas, onde Ramón Sampedro se mancou e quedou tetrapléxico

Xa o sábado, 15 de xaneiro, ás catro da tarde, haberá un roteiro pola memoria de Ramón Sampedro, cos lugares que marcaron a súa traxectoria vital ou nomeou nos seus escritos, como o río Sieira ou mesmo a súa casa natal. Logo farase un debate no local social da asociación de veciños Sartaxas. Os interesados deben agardar no hotel restaurante Arnela II, onde se lles recollerá ás 15:30.

O domingo 16 de xaneiro, á unha da tarde, terá lugar a tradicional homenaxe no lugar onde tivo o accidente que deixou inválido a Sampedro. Este ano inaugurarase un busto coa súa figura, diante do cal se fará a homenaxe floral e poética. A continuación haberá comida en Porto do Son, no restaurante do Arnela II.

Un ano importante para o que desexaba Sampedro


Se non se adía, este ano 2011 pode ser moi importante para que se cumpra o que durante tantos anos pediu Ramón Sampedro no seu leito: que haxa unha lei que regule a eutanasia e o dereito a morrer dignamente. Portavoces do goberno socialista sinalaron, templando gaitas, que non será unha lei da eutanasia en sentido estricto, e que levará como nome "Lei de Coidados Paliativos e Morte Digna".
Segundo o que trascendeu ata agora, a devandita lei permitiría que calquera cidadán tivese recoñecido o seu dereito a morrer dignamente, isto é, a morrer sen dor cando a ciencia médica permita que así sexa. Regularía casos que se producen a miúdo nos corredores dos hospitais, cando un médico lle di a un familiar do enfermo que o seu parente morre de todos os xeitos e que o vai pasar moi mal dende esa situación en diante e entón o parente pregunta se non se pode evitar este sufrimento. Os socialistas queren imitar a lei francesa, que cren que é excelente para remediar este tipo de situacións.
Na nova normativa quedarían claros os dereitos do paciente, dos familiares do mesmo e dos profesionais sanitarios, para evitar que se dean situacións como as que se produciron no caso de Ramón Sampedro ou nos numerosos problemas legais que lle plantexaron ao doctor Montes.

Páxina web de referencia:
http://www.eutanasia.ws

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

7.1.11

Ribeira: charla sobre a prevención de lesións deportivas o sábado 15 de xaneiro no conservatorio

Ribeira, 7 de xaneiro de 2011. O vindeiro sábado día 15 de Xaneiro as 18:30h no salón de actos do Conservatorio Municipal de Ribeira celebrarase a charla coloquio titulada "Prevención de Lesións Deportivas". Vai ser impartida polo médico deportivo José Antelo Paredes, licenciado en Mediciña e Ciruxía pola USC,Máster en Traumatoloxía Deportiva pola UCAM  e médico colaborador dos equipos ATH.Bilbao, R.C Celta de Vigo, Pontevedra C.F.

A entrada será gratuíta para tódolos asistentes e non é necesaria a reserva de praza. O proceso horario é o seguinte:

  • 18:30: Presentación a cargo de Francisco Manuel Sampedro (Coordinador do fútbol base do Sálvora C.F).
  • 18:40- 19:30- Ponencia  a cargo de  José Antelo Paredes.
  • 19:30-20:00- Coloquio entre os asistentes ao evento.
Prevención de Lesións Deportivas abre un programa de charlas-coloquio  que o Sálvora C.F  pon en marcha este xaneiro e que se suman así as diferentes actividades extradeportivas  que o clube leva programando dende o ano 2007 coa Copa Sálvora, o Campus Cidade de Riveira e a Escola de Fútbol creada no 2009.

 A esta charla-coloquio  lle seguirán outras dúas con tan importantes para o deporte como son: a Hidratación Deportiva e a Nutrición do Deportista. No seu día, cando estean fixadas as datas, anunciaranse. 

Weblog de referencia


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: os socialistas presentan unha moción para que se poñan puntos de luz e sinais na zona de Sanquelexo

A Pobra do Caramiñal, 7 de xaneiro de 2011. Os socialistas da Pobra van presentar no vindeiro pleno unha moción para varios arranxos na zona de Sanquelexo. A moción íntegra:

GRUPO MUNICIPAL PSdeG-PSOE 

Mª Teresa García Guillán, concelleira do Grupo Municipal Socialista do Concello da Pobra do Caramiñal, o abeiro do disposto no art. 97/3 do R.O.F., para o seu debate na vindeira sesión plenaria, presenta ó Pleno unha moción relativa a dotar de alumeado e corrixir a sinalización da ponte sobre a autovía, no lugar de Sanquelexo .

      EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Numerosos veciños quéixanse sobre a pouca luminosidade que existe no lugar de Sanquelexo, sobre a ponte da autovía do Barbanza. Hai un tramo onde é necesario instalar novos puntos de luz, porque as persoas que pasan por este punto a primeira hora da mañá e a última hora do día se encontran con un camiño a escuras.

A falta de alumeado converte esta zona nun punto perigoso para calquera cidadán, pero sobre todo para as mulleres, por elo entendemos que se debe actuar con rapidez e mellorar a iluminación deste lugar.

A falta de luminosidade incrementa a inseguridade que xera a escasa sinalización da antiga ponte que cruzaba a vía rápida. Esta conta unicamente con unha valla arrimada ao terraplén, carecendo de sinalización vertical, o que fai que as persoas que non son do lugar e descoñecen esa situación, corran riscos para a súa integridade física, podendo incluso chegar a caer dunha altura considerable sobre a autovía.

A situación actual é un perigo pola inseguridade que xera ós viandantes e corren un grave risco de accidentes os vehículos, cuestión pola cal se debe actuar con dilixencia.

Por todo iso, este grupo que represento solicita a adopción do seguinte

ACORDO:

1º.- Que se corrixa a falta de iluminación  instalando novos puntos de luz, na ponte sobre a autovía, no lugar de Sanquelexo.

2º.- Que se sinalice adecuadamente o camiño da antiga ponte, con sinais verticais e trasladando cara adiante a valla quitamedos.

      Pobra do Caramiñal, a 07 de xaneiro de 2011. 
 

      Asdo..- Mª Teresa García Guillán 

SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DA POBRA DO CARAMIÑAL

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: levan meses a limpar as concas de varios ríos


A Pobra do Caramiñal, 7 de xaneiro de 2011. O Concello informa sobre que o pasado mes de novembro comezaron as labores de limpeza das concas dos ríos Morto, Xunderama, Lérez e Pedras. "Brigadas especiais estiveron limpando todos os cauces deste ríos e moi especialmente os do Morto e Xunderama, xa que eran os máis afectados e que máis problemas soen dar coas grandes choivas", asegura o equipo de goberno.

     As tarefas de limpeza correspondéronlle á empresa Tarrío e Suárez,  encomendadas pola Consellería de Medio Rural. Esta limpeza "deu o seus froitos como se pode comprobar estes días, xa que con todo o que leva chovido, e o que está aínda chovendo, non se desbordou ata o de agora ningunha zona.   De tódolos xeitos, indicamos que o traballo aínda está sen rematar, xa que como é lóxico, ditas tarefas non se poden levar a cabo con certas condicións climatolóxicas como as que estamos a padecer, polo que quedan a espera de que o tempo permita retomar ditas labores", aclaran.

     O Concello agradece á Consellería de Medio Rural esta actuación e tamén á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil "polo labor que están a desempeñar sobre todo nestes días. Tamén queremos informar aos veciños de todo o concello que no caso de que vexan que en calquera lugar se tivera que actuar por causa das choivas non dubiden en comunicarllo á concellería de Servizos".

Convocatoria de subvencións da Deputación


     Por outra banda, desde o Concello da Pobra do Caramiñal lembran aos veciños que, o pasado 22 de decembro, a Deputación Provincial da Coruña publicou a convocatoria de axudas de cultura, deportes, servizos sociais, e promoción económica, dirixidas aos concellos da provincia, entidades culturais e deportivas, así como ONG, e organizacións agrarias e confrarías de pescadores. 

     O prazo de solicitude remata o vindeiro 31 de xaneiro. 

     No apartado de cultura e deportes para as entidades, outorgaranse axudas para a promoción de actividades e investimentos en infraestrutura e equipamento. Ditas axudas poderán acadar un máximo de 30.000 € tanto para actividades como equipamento. 

     Na área de deportes, tanto de base como federado, as subvencións serán de 18.025 € para financiar actividades; de 31.000 € para equipamentos deportivos, e de ata 65.000 € para a actividade deportiva federada de ámbito nacional.  

     Respecto das subvencións de servizos sociais a Deputación da Coruña convoca axudas de ata 30.000 € para entidades sen ánimo de lucro que promovan accións e servizos de atención sociosanitaria como centros de día, comedores, comunidades terapéuticas, residencias, pisos tutelados, ou transporte adaptado. 

     No apartado de promoción económica, as subvencións para as entidades ou asociacións o importe máximo é de 30.000 €

     Na mesma convocatoria contémplanse as axudas ás organizacións agrarias da provincia, orientadas á recuperación e posta en valor dos recursos endóxenos de carácter agrícola, gandeiro e forestal. As axudas terán un orzamento máximo de 30.000 € que se destinarán á actividade xeral destas entidades ou a dotación de novas infraestruturas e equipamentos. 

     E, para rematar, nos quedan as bases das subvencións para o fomento do sector pesqueiro a través das axudas ás confrarías de pescadores da provincia. Neste capítulo contémplanse axudas para actividades (cursos de formación, investigación, e vixilancia das autorizacións marisqueiras), e para investimentos (aplicación de novas tecnoloxías e modernización dos sistemas produtivos, equipamento de lonxas e confrarías). O importe máximo en ámbolos dous apartados será de 60.000 €.

     Os concellos tamén contan coa súa propia convocatoria e por iso o da Pobra do Caramiñal ten aos técnicos das correspondentes concellerías a traballar nos proxectos que se presentarán, tanto para actividades coma para investimentos, antes de que remate o prazo da devandita convocatoria, o vindeiro 31 de xaneiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Carlos Maquieira, cun 10 en Bacharelato e 9,25 en Selectividade, I Premio da Fundación Otilia Millares ao mellor estudante noiés

Noia, 7 de xaneiro de 2011. O presidente da fundación Otilia Millares Vázquez, Severiano Loroño Viazcoechea, entregou hoxe, 7 de xaneiro de 2011, no salón de plenos do concello, o I premio Fundación Otilia Millares Vázquez ao mellor estudiante noiés a Carlos Maquieira González.
 
Despois de consultar aos directores dos centros educativos e analizar os mellores expedientes de bacharelato e selectividade dos dous IES de Noia o xurado determinou que o expediente de Carlos Maquieira González, cunha nota media en Bacharelato de 10.00 e unha nota en selectividade de 9.25, e unha nota media total de 9.70 é o mellor expediente académico deste ano. Por estes datos incontestables acordouse entregarlle o I Premio Fundación Otilia Millares Vázquez, que está dotado con diploma e un premio metálico de 3.000 euros.

Carlos Maquieira González (1992) cursou estudios no colexio Felipe de Castro en Bergondo e no IES Virxe do Mar de Noia. Na actualidade cursa estudios de Grao de enxeñeria quimica na Universidade de Santiago de Compostela.

A Fundación Otilia Millares Vázquez continuará con este premio ao mellor estudante en sucesivas edicións anuais para premiar o talento e a formación académica dos mozos noieses, segundo explicou o presidente da mesma, Severo Loroño, que aparece na imaxe xunto ao premiado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: as mellores raquetas de tenis de Galicia participan no máster desta fin de semana

Esta fin de semana, nos pavillóns polideportivos de Sirves e Artes 

Ribeira, 7 de xaneiro de 2011- Os pavillónn polideportivos de Sirves e Artes van ser escenario mañá e pasado mañá dunha nova edición do Máster Galego de Tenis, no que competirán os 16 mellores xogadores masculinos do ránking galego máis un convidado da organización. 

Este evento foi presentado hoxe na casa consistorial de Ribeira polo concelleiro de Deportes, Miguel Ángel Vidal Tomé, e por Blas Sobrido, secretario do Club de Tenis Punta Salera, de A Pobra, entidade colaboradora no campionato.

Como convidado da organización, participará Marcos García, de Lousame, recente vencedor do Máster Provincial. Outros participantes da zona son os ribeirenses Pablo Lijó, Marcos García e Alberto García, o boirense Pepe Ageitos e Óscar Vázquez, do Club de Tenis Punta Salera.


Miguel Casal leva varios anos ganando este máster. Na imaxe, en 2006

O gran favorito para levarse o torneo será, un ano máis, o vigués Miguel Casal, que ocupa o 38º posto de España e o primeiro de Galicia e é o vixente campión galego. 

Os partidos comezarán mañá no pavillón de Sirves a partir das 10 da mañá. O duelo máis interesante da primeira rolda terá a Pablo Lijó e a Cristian González como competidores. Ambos foron os finalistas que caeron ante Miguel Casal nas dúas últimas edicións do torneo. 

As semifinais terán lugar o domingo a partir das 11 da mañá, mentres que a final está prevista para as 17.30 horas. Estes partidos disputaranse no pavillón de Sirves. 

A organización confía en reunir a grande afluencia de público da última edición, na que para contemplar a final acudiron máis de 200 persoas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical