15.1.11

Porto do Son: cincuenta novas prazas de atraque nos dous pantaláns que instalará Portos de Galicia na dársena exterior

A Xunta non concreta datas aínda

Porto do Son, 15 de xaneiro de 2011. O ente público Portos de Galicia está a traballar no deseño dun novo proxecto de ampliación das instalacións portuarias de Porto do Son. A proposta contempla a creación de dous novos pantaláns que permitirán habilitar outras cincuenta prazas de embarque mixtas

A metade das prazas crearanse nun novo pantalán pesqueiro, correspondente á terceira lista, e estarán destinadas aos profesionais do sector, mentres que o resto corresponderán á sétima lista, habilitándose nun pantalán náutico recreativo. Ambos estarán instalados na dársena exterior do porto.

Esta actuación implementará a seguridade do espazo portuario sonense tanto para a frota alí albergada como de cara ao traballo ordinario que esta realiza. A súa tramitación está previsto que dea comezo nos vindeiros meses.

A creación deste medio centenar de novas prazas de embarque atende á petición trasladada ao respecto dende a confraría sonense, que demandaba a intervención de Portos de Galicia neste sentido, e á petición, tamén, da directiva do Clube Náutico de Porto do Son. O presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez-Campana reseña en especial o traballo realizado para a consecución desta obra polo presidente do Clube Náutico sonense, Manuel Queiruga, “que amosou unha grande visión, esforzo e cariño con esta entidade deportiva”, asegura a Xunta en nota de prensa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: os veciños de Bexo, anoxados porque os camiños seguen sen arranxar, protestan con pancartas

Dodro, 15 de xaneiro de 2011. Despois de moito tempo esperando a que a Xunta cumpla o comprometido no Plan Estratéxico de Medio Rural do ano 2009, e que anunciou a través de cartel en febreiro do ano 2010, os camiños continúan a  deteriorarse e a xente de Bexo inicia as accións de protesta. Non se explican porque non se fai esta obra nin onde van parar estes cartos comprometidos con parte dos Fondos Europeos.

Hoxe, 15 de xaneiro, a aldea de Bexo, no día do seu patrono San Amaro, apareceu con pancartas reivindicativas, que os veciños anuncian como a primeira acción de protesta "pero dispostos a seguir se fora preciso e San Amaro non os axuda a interceder ante os responsables da Xunta". Denuncian tamén que o Partido Popular local "é cómplice desta situación".

Antes publicamos:


Bexo, 26 novembro 2010: reclaman de novo que se arranxen os camiños


Bexo: levan ao Parlamento o amaño dos camiños


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

14.1.11

Boiro: reelexido Juan Jesús Ares como candidato a alcalde polo Psoe en maio de 2011

A Agrupación Socialista de Boiro elixe a Juan Jesús Ares como candidato para os vindeiros comicios


Boiro, 14 de xaneiro de 2011. A Agrupación Socialista de Boiro celebrou na xornada deste venres 14 de xaneiro unha asemblea extraordinaria na que se produciu  a escolla do cabeza de lista para as vindeiras eleccións municipais, a celebrar, se non pasa nada, o 22 de maio de 2011. Os membros da asemblea depositaron, segundo o secretario de Organización do Psoe boirense, Jorge Campaña "a súa confianza no bo saber facer do actual Secretario Xeral do PsdeG de Boiro, Juan Jesús Ares, quen saiu elixido por unanimidade".

"Dende a asemblea confíase en poder liderar o futuro Goberno Municipal dado, fundamentalmente, ao traballo que se veu facendo nestes últimos anos", engade, e informa de que proximamente "celebrarase un acto no que se realizará a presentación oficial de tódolos compoñentes da lista para os comicios municipais ao conxunto dos boirenses".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: ratificados os cabezas de cartel para as municipais polo Bng na bisbarra Muros-Noia


Ánxela Franco, alcaldable polo Bng en Porto do Son

Noia, 14 de xaneiro de 2011. O Consello Comarcal do BNG de Muros e Noia ratificou hoxe venres 14 de xaneiro aos candidatos que concorrerán como cabezas de lista da organización nos seis concellos da comarca. Catro dos candidatos repetirán como número 1 nas súas respectivas localidades, en concreto: Xosé Ramón Riomao en Outes; Xoan Xosé Blanco en Mazaricos; Bieito González en Noia e Ánxela Franco en Porto do Son. As novidades nas cabezas de lista veñen da man de María Xosé Alfonso, que será a candidata no concello de Muros e Antón Ageitos, en Lousame.

Antón Ageitos, independente e cabeza de lista do Bng en Lousame

O responsábel comarcal do BNG, Manuel González, indicou que "o BNG caracterízase por exercer a democracia plena neste tipo de procesos de tal maneira que son as asembleas locais quenes deciden, sen inxerencia algunha, as candidaturas. Dese xeito, o BNG convértese na primeira organización política que elixe os cabezas de lista en tódolos concellos da comarca".

As aspiracións do BNG nos comicios municipais do domingo 22 de maio aio son as de mellorar os resultados en todos e cada un dos concellos da comarca, consolidando as posicións de goberno alí onde agora as ostenta, Muros e Porto do Son, e loitando por elas no resto dos concellos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: novos arranxos para o Coliseo Noela, que contará con climatización, ascensor, porta contra-incendios e sistema antipánico

Cultura destinará 305.000 euros ás obras, cofinanciadas con fondos Feder e Fondos de Común Inversión (FCI)

O aforo do Coliseo é de 342 localidades

Noia, 14 de xaneiro de 2011. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se anuncia a licitación do contrato de obras de acondicionamento e reparación do Teatro Coliseo Noela en Noia. As actuacións terán un orzamento base de 304.923 euros, que serán cofinanciados co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no seu 70%, e o Fondo de Común Inversión para o restante 30%. As obras de acondicionamento e reparación terán un prazo máximo de execución de 8 meses e un mínimo de 6.

As actuacións recollidas no proxecto teñen como obxectivo a rehabilitación do edificio, reparación de desperfectos e dotación de elementos que faciliten o uso do mesmo. As obras consistirán especificamente na reparación da cuberta, das pinturas e estucos, dos falsos teitos e da carpintería de madeira; a adaptación da varanda ao Código Técnico da Edificación e a instalación dun sistema de climatización, un ascensor, unha porta contra incendios e sistema antipánico en todas as portas.

As últimas obras no Coliseo foron recentes e ascenderon a case 50.000 euros

O Teatro Coliseo Noela, inaugurado en 1921, atópase nun entorno urbano, na rúa do Curro, preto da igrexa de San Martiño na vila de Noia. Trátase dunha construción da segunda década do século XX, de estilo modernista. O edificio está formado por dous corpos, con cinco arcos na parte inferior que se corresponden a ocos na parte superior. No centro da fachada sobresaen elementos verticais xeométricos de carácter ornamental. A planta do edificio é rectangular cunha escaleira ovalada no seu interior.

O edificio tamén ten sala para exposicións

No seu comezo dedicaba a súa actividade a zarzuelas, teatro, conferencias e concertos ata o ano 1966, cando foi destinado exclusivamente a espectáculos de cine ata 1986. O edificio Teatro Coliseo Noela volveu a abrir as súas portas o 23 de xullo de 1999. Cun aforo de 342 localidades, na actualidade dedícase a espectáculos de teatro, concertos, cine, congresos, música e danza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

2011 jornada hosteleria noia0 falaron

13.1.11

Boiro: Economía e Industria avala Paquito S.L. con 8 millóns de euros para manter máis de 200 empregos en Barbanza

Boiro, 13 de xaneiro de 2011. O Consello da Xunta de Galicia autorizou á Consellería de Economía e Industria a apoiar, mediante a concesión dun aval por importe de 8.123.000 euros, o plan de negocio que prevé impulsar Paquito, S.L., coa finalidade de apoiar o mantemento do emprego na comarca da Barbanza, segundo explica a propia Xunta.

Co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica, a empresa poderá acceder a préstamos bancarios que suman 16.660.095 euros para desenvolver o citado plan de negocio, centrado no mantemento do emprego. A empresa, asentada na comarca da Barbanza, dispón dun cadro de persoal integrado por mais de 200 traballadores. A Xunta de Galicia valorou a importancia deste proxecto no tecido económico da comarca, que se atopa nun sector industrial de grande importancia para a zona, como é o de manipulación, transformación, preparación e distribución de produtos do mar.
Esta compañía procesa en Galicia miles de toneladas anuais de mexillón (10.407 t no 2008), que chegan á factoría en camións procedentes das rías galegas. Con máis de 50 anos de experiencia no sector de procesado e distribución de produtos do mar, a
empresa desenvolve a actividade de cocción, transformación e elaboración de diferentes produtos, incluíndo a preparación de precociñados, así como a súa conxelación e comercialización.

A factoría posúe viveiros de cultivo de mexillón fondeados na Ría de Arousa e, desde 1997 participa maioritariamente en dúas sociedades que operan en Chile: Sociedad Huimar Limitada e Galaico Chilena de Pescados y Mariscos. Ademais, a compañía ten unha forte orientación internacional e está presente en practicamente todos os mercados europeos, sendo os principais España, Francia, Italia, Portugal, Grecia, Turquía, Alemaña, Bélxica, Suíza, Reino Unido, Holanda, Dinamarca e Rusia, e ten establecidos vínculos comerciais con moitas cadeas maioristas e de distribución, onde compite en prezo. O 60% do seu produto
comercializado vai destinado á exportación.

Podería estar relacionada:
Polémica: a Xunta subvenciona unha empresa dun armador ao que acusan de pirata pesqueiro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o 21 de xaneiro, un obradoiro de hip-hop para os que non lles para a cabeza


Rianxo, 13 de xaneiro de 2011. O próximo venres 21 de xaneiro terá lugar no Auditorio de Rianxo a proposta musical AZOU.EU dirixida a adolescentes; enmarcada dentro do Programa Bocaberta da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
As actividades consistirán nun Obradoiro de Hip Hop (prazas limitadas), ás 18.00 h e AZOU o Espectáculo ás 19.00 h.

Azou é un proxecto musical concibido, deseñado e producido en exclusiva para adolescentes, baseado nas redes sociais. A idea e o espectáculo xiran arredor do proceso de creación dunha banda de música formada por dúas mozas e un mozo. Os protagonistas, cheos de enerxía e talento, cantan, bailan e poñen en escena unha proposta única que, facendo uso das últimas tendencias tecnolóxicas, mestura imaxes, sons e animacións. Trátase dun proxecto transversal que engloba ademais un espazo web propio e presenza dinamizadora en diferentes redes sociais (Tuenti, Facebook, Flickr), así como a publicación dunha serie de libros que narran as aventuras e a vida na cidade dos compoñentes do grupo.

Que é o azou? O nome que na Mariña de Lugo lle dan ao "formigo". Telo formigo! Tes azou! Ou sexa: non paras quieto. Un ilustre humorista mariñano, Roberto Vilar (ex Tonecho) variou a expresión e trocouna agora nun éxito de masas: A cabeza non para.

Toda a información en www.azou.eu

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o programa cultural de xaneiro estrea os "Domingos de cine"


Tamén haberá teatro. Smoking xoga na casa, pois vaina representar o grupo de teatro da Sociedade Liceo de Noia

 

A retrospectiva de Pío Costa remata o 16 de xaneiro. A súa obra na Rede aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: os socialistas piden luminarias e drenaxe axeitado na zona de Bandaseca


A presente moción presentarase no seguinte pleno do Concello

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical