20.1.11

A Pobra: o Bng pide cambio de data do pleno para secundar a folga xeral do 27 de xaneiro


A última folga xeral tivo lugar o 29 de setembro de 2010, hai nada

A Pobra do Caramiñal, 20 de xaneiro de 2011. O grupo municipal do Bng na Pobra vén de presentar un escrito no que solicita o cambio de data do pleno ordinario deste mes, que é o xoves 27 de xaneiro, por coincidir coa data sinalada pola Confederación Intersindical Galega para levar a cabo en Galicia unha folga xeral polo "pensionazo".
O escrito íntegro:

"O Goberno do Estado ten anunciado que presentará a finais de xaneiro unha  reforma do sistema público de pensións. Entre outras modificacións, propón aumentar a idade legal de xubilación aos 67 anos e ampliar de 15 a 20 o número de anos de cálculo para a contía das pensións.

      Estas medidas súmanse á reforma laboral levada a cabo o pasado 2010, ao recorte dos 426 euros para todas aquelas persoas ás que se lle agote a prestación por desemprego e ademais, no noso país, á conxelación para 2011, por parte da Xunta de Galiza, da RISGA e das Axudas de Emerxencia Social, última esperanza de obter un ingreso para moitos galegos e galegas que carecen de calquera outro apoio.

      Máis unha vez, Galiza será castigada especialmente por esta ofensiva antisocial xa que a pensión media dos galegos e galegas non chega aos 730 euros e o aumento da idade de xubilación suporá o bloqueo do acceso da mocidade ao mercado laboral incrementando o paro xuvenil que nestes momentos sitúase xa nun escandaloso 34,6%. 

      Neste contexto, a Confederación Intersindical Galega (CIG) ven de convocar unha xornada de folga para o vindeiro xoves, 27 de xaneiro contra unha reforma totalmente inxusta e que afectará gravemente aos máis desprotexidos.

     O BNG considera que este ataque aos dereitos dos traballadores e traballadoras, que non ten precedentes nos últimos 40 anos, require de respostas de rexeitamento e de mobilización e, en coherencia, apoia a convocatoria de folga xeral do día 27 por iso, ao coincidir coa data fixada para o Pleno ordinario do mes de xaneiro,

     SOLICÍTALLE o cambio de data do mesmo para contribuír a facilitar o exercicio da folga a todos e todas aquelas que a queiran secundar".
A Pobra do Caramiñal, 20 de xaneiro de 2011.

     Asdo.: Rosana Pérez Fernández, Concelleira e portavoz do G. M. do BNG. 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o sábado 5 de febreiro comeza o acondicionamento do petróglifo Bouza-Abadín

O Concello de Dodro inicia así un proxecto arquolóxico de limpeza deste petróglifo situado en Imo (San Xoán de Laíño)

Dodro, 20 de xaneiro de 2011. A concellaría de Cultura e Patrimonio, a iniciativa do concelleiro nacionalista Abel Tarrío, e en colaboración coa Comunidade de Montes da Cruz do Avelán, vai comezar o próximo sábado 5 de febreiro os traballos de limpeza e acondicionamento do xacemento arqueolóxico de Bouza-Abadín (estación rupestre con gravados na rocha da Idade do Bronce), localizado no lugar de Imo,
parroquia de San Xoán de Laíño.

Co fin de concienciar sobre o valor deste patrimonio e implicar á poboación local no coidado do mesmo, estes traballos vanse facer con persoas voluntarias, baixo o control e a dirección da arqueóloga Beatriz Pereiras. O horario de traballo será de 10:00 a 18:30, con parada para comer ao mediodía. De non rematarse os traballos no día, convocarase ás persoas voluntarias outro sábado do mes (a convir) para
finalizalos.


As persoas interesadas en participar nestes traballos de coñecemento e coidado do patrimonio pétreo galego poderán apuntarse na Casa da Cultura do Concello de Dodro (Tallós, nº 28, S, Xián de Laíño) ou chamando ao teléfono 981802472. A persoa de contacto é a mesma arqueóloga citada, Beatriz Pereiras.

Os interesados deberán presentarse diante do local sociocultural de Imo (antiga escola unitaria) as 9:30 da mañá do sábado 5 de febreiro, momento no que se procederá a dar unha breve explicación e indicacións, por parte da arqueóloga directora, dos traballos a desenvolver.

Para o traballo haberá que levar fouciños -para toxo a poder ser-

Pídese ás persoas que vaian participar neste proxecto que veñan equipadas, na medida do posible, co seguinte material:
– fouces ou fouciños
– tesoiras de podar
– rastrillos
– sachos
– luvas de traballo
– roupa de traballo
– roupa de augas
– botas de seguridade

Calquera dúbida que teñan as persoas voluntarias será resolta na dirección e teléfono antes sinalados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

19.1.11

Noia: Cruz Vermella imparte un curso de primeiros auxilios do 5 de febreiro ao 5 de marzo

Noia, 19 de xaneiro de 2011. Cruz Vermella de Noia informa de que o seu curso de Primeros Auxilios será todos os sábados do 5 de febreiro ao 5 de marzo, en horario de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 20:00 horas. Impartirase, como é costume, na aula de formación da Cruz Vermella en Noia. Ten unha duración de 40 horas e está dirixido ao público en xeral.

Para anotarse hai que chamar ás oficinas desta entidade en Noia, nos números 981825405 e 981824839.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Bng pide o Día das Letras Galegas 2012 para o poeta Faustino Rey Romero


Faustino Rey Romero, no blog Ferruxadas, onde se contan anécdotas da súa vida

Rianxo, 19 de xaneiro de 2011. O BNG de Rianxo quere apoiar desde a institución municipal o traballo encetado por diferentes colectivos culturais e persoeiros da cultura en prol de dedicar o Día das Letras Galegas do 2012 a Faustino Rey Romero, crego nacido en Isorna en 1921 e morto en 1971 en Bos Aires.

"Cremos en don Faustino concorren as dúas circunstancias que os estatutos da Real Academia Galega estipulan para esta escolla: a figura elixida deberá ser autora dunha obra relevante en galego e persoa de calidade cultural e humana que mereza propoñerse como exemplo á sociedade galega de hoxe. ...Deben pasar dez anos entre a súa morte e a designación para ese día. Co impulso, que pensamos unánime, da corporación rianxeira queremos contribuír a xerar as sinerxias necesarias para que todos os colectivos rianxeiros e da Barbanza, a sumarse ás creadas noutros lugares onde a pegada de Rey Romero se estendeu: que Tui e Baixo Miño aposten pola figura deste rianxeiro para a súa homenaxe xeral de todo o país e o seu recoñecemento xeneralizado", explican os nacionalistas de Rianxo.

"A obra literaria, especialmente no campo da poesía e a súa faciana de activista cultural como un dos fundadores do Ateneo Ullán, cerne da Romaría Viquinga de Catoira, son elementos de mérito para afondar se cabe aínda máis no espallamento da súa vida e obra. Unha vez máis un dos fillos de Rianxo pode ser merecente da festa grande das nosas letras, tras Castelao, Dieste e Manuel Antonio", argumentan dende o Bng.


É precisa unha programación cultural para homenaxealo

O BNG de Rianxo presentará unha moción neste senso para aprobala no pleno ordinario do mes de marzo, "que agardamos sexa unanimemente apoiada por todos os partidos. Ademais estando nos 90 anos do seu nacemento e nos 40 do seu pasamento debe ser obxecto en Rianxo dunha especial programación cultural.

Quen era Faustino Rey Romero?

Hai, entre outros materiais para consulta, dous libros de José Piñeiro Ares sobre el: "Semblanza biográfica de Faustino Rey Romero" (1986) e "La muerte del poeta Faustino Rey Romero" (1989). Enterámonos polo blog Ferruxadas de que o profesor de Filosofía X. Ricardo Losada, integrante do xurado que concede un premio co nome do poeta, tamén está a traballar nun libro sobre a súa figura.

Namentres, podemos ir abrindo boca co que figura na Galipedia, aquí

Relacionada:Dodro: queren que se adiquen as Letras Galegas de 2011 a Eusebio Lorenzo Baleirón

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: "O país dos mandóns", este venres 21, na estación Leñaverde


Boiro, 19 de xaneiro de 2011. Este venres 21, a compañía Teatro dos Ghazafelhos representa "O país dos mandóns", dentro do ciclo "Contos pola Igualdade" que organiza o departamento de Servizos Sociais Comunitarios Básicos do Concello de Boiro en colaboración coa Deputación coruñesa. Está dirixido a nenas e nenos de Educación Infantil e ás súas familias. Comeza ás oito e media da tarde na Estación Leñaverde, ubicada no soto do Centro Social de Boiro.  

Sinopse
<div style="width:425px;text-align:left">O PAÍS DOS MANDÓNS<div style="font-size:11px;font-family:tahoma,arial;height:26px;padding-top:2px;">View more presentations or Upload your own.</div></div>
“O país dos mandóns” fai referencia a unha sociedade patriarcal, tipo de organización que coarta a liberdade de mulleres e nenas. Foi escrito por Paloma Rodríguez e Cristina Justo e o libro forma parte da colección "Contos pola igualdade". Cunha linguaxe accesible e imaxes con moita carga simbólica, a través da narración explicarase como as mulleres e os homes teñen os mesmos dereitos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: promocionan os cruceiros do municipio e arredores cun calendario

Noia, 19 de xaneiro de 2011. O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do instituto "Campo de San Alberto" de Noia leva varios anos traballando diversos aspectos da cultura da zona que logo se reproducen nun calendario "cun grande valor ilustrativo e didáctico", segundo explican no blog do EDLG. Este ano o motivo escollido foron os cruceiros da comarca. Foi elaborado por un equipo de profesores e persoal administrativo e, segundo afirman, "o calendario é o resultado dun labor de investigación e dun traballo de campo cuxo produto son as fotografías que nel se mostran e o texto que ilustra cada unha delas".

Como se observa na imaxe superior, o mes presente está adicado ao cruceiro ubicado no cemiterio de Santa María a Nova.


Cruceiro gótico do Tapal

O mes de febreiro é para o cruceiro do Tapal, unha peza de arte gótica do século XV que estaba antes na entrada de Ponte Nafonso. A lenda conta sobre el que o construtor desa afamada ponte fora enterrado á sombra deste fermoso cruceiro. Foi propiedade da familia Rodríguez Paz, que tivo que retiralo para que puidese pasar a estrada que se fixo nos anos 20 do século pasado. En 1954, con Manuel Blanco Ons de alcalde, foi trasladado á praza do Tapal onde hoxe se pode admirar. 


O cruceiro de Eiroa de esguello

En marzo, é o cruceiro de Eiroa o protagonista. Abril ocúpao o situado no adro de Santa Cristina. No mes de maio está o de Berrimes, en Lousame. Tamén xuño está adicado a un cruceiro do veciño municipio, en concreto ao de A Escabia. Xullo ocúpao o cruceiro de San Ourente, en Outes. Agosto e setembro tamén son para Outes, cos de Roo e o de Barreira. En outubro achéganse ao cruceiro de Montemuíño en Porto do Son; en novembro ao de Pedrafurada (Caamaño, Porto do Son) e no último mes deste ano poderase admirar o cruceiro de Xuño, tamén en Porto do Son.


Cruceiro de Cabrais, en Porto do Son

Se desexa ter un destes calendarios, están á venta no IES "Campo de San Alberto", a tres euros a unidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.1.11

Rianxo: o Bng pregunta onde vai o obradoiro de emprego "que xa tiña que estar en marcha"


Os nacionalistas cren que un obradoiro de emprego podería revitalizar o Museo do Mar

Rianxo, 18 de xaneiro de 2011. O BNG de Rianxo afirma hoxe en nota de prensa que "non nos saen as contas da concesión de talleres de emprego na bisbarra. Despois da clausura o ano 2008 do último taller e tras a espera de dous anos tiña que estar en marcha xa un novo proxecto para os veciños e veciñas do noso concello. Máxime cando algún concello da Arousa Norte prácticamente encadea dous consecutivos sen esperas nin anos de carencia. Esta ferramenta financiada con fundos europeos, cando as cotas de desemprego afectan especialmente aos nosos veciños, especialmente á mocidade, mulleres e outros colectivos especialmente desfavorecidos debe ser administrada dun xeito transparente e equitativo".

O BNG sinala tamén que pretende "cambiar o sistema e dar oportunidades en Rianxo a todos e todas de formar parte del, dando publicidade en prensa e nos bandos das especialidades que se solicitan, dos baremos que se empregan para puntuar e información de como estar axeitadamente inscrito nos servizos públicos de emprego para acceder a algunha destas prazas, nunha oferta totalmente transparente que rache coa visión instalada en Rianxo de que son sempre os mesmos/as os que gozan destas prestacións. Transparencia e publicidade que se trasladará tamén á escolla do persoal directivo e de formación".

Novas especialidades e non o de sempre

Os nacionalistas son partidarios de impulsar novas especialidades a engadirse aos acostumados xardineiros, carpinteiros e/ou canteiros das últimas convocatorias. "Cómpre abrilo a novos nichos de emprego da comarca buscando a mellor formación perante ás novas demandas laborais que xurden. Entre elas apostamos pola carpintería de ribeira para dar cobertura e nova vida desde ela a un semiabandonado Museo do Mar de Rianxo ao que compre dar nova vida, potenciando a colaboración coas empresas existentes en Rianxo do sector para acometer a restauración de naves existentes ou acometer novos proxectos con esa tripla finalidade: formar traballadores/as, colaborar co empresariado local dos estaleiros especializados en carpintería de ribeira e revitalizar o esmorecente Museo do Mar".

Podería estar relacionado:


Ribeira:: o obradoiro Airoas será canteira de xardiñeir@s

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Música: novo certame para grupos galegos cuxo premio será un concerto como teloneiros de Def con Dos e O'Funk'illo


Hipotécate tú. http://www.defcondos.com

Barbanza-Noia, 18 de xaneiro de 2011. O certame musical “Airiños de Rock&Roll” premiará a dous novos grupos galegos cun concerto como teloneiros de dúas bandas recoñecidas: Def Con Dos e O’Funk’illo. Esta actuación terá lugar o 26 de marzo no escenario central do Coliseum da Coruña.

O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe en rolda de prensa esta iniciativa, que afirma a Xunta "non ten precedentes en Galicia". No acto estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo; polo director do Coliseum, Javier Rodríguez; polo músico e director Pepe Bao; e polo promotor musical do evento; Francisco Gómez “Gandy”.

Poderán acceder a este concurso a aquelas bandas que teñan polo menos un 74 por cento dos seus músicos entre os 16 e os 30 anos. Para inscribirse, os grupos poderán facelo entre o 18 de xaneiro e o 18 de febreiro, seguindo as bases que están colgadas na páxina web http://www.xuventude.net. Ademais, para anotarse, terán que enviar unha gravación dos seus temas ao concurso.

Deste xeito, o 26 de marzo celebrarase un encontro de novas bandas de Galicia, que terá lugar na sala de concertos “O Túnel”, dentro das instalacións do Coliseum da Coruña. Esta xuntanza comezará a partir das 17,00 horas e nela actuarán as 12 formacións galegas preseleccionadas (3 por provincia). De todas elas, dúas serán escollidas para actuar ás 22,00 horas no escenario central, como teloneiros de Def Con Dos e O’Funk’illo.


"Rulando". http://www.ofunkillo.es (Funky andaluz embrutessío)

As doce bandas preseleccionadas serán elixidas por unha comisión nomeada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para este fin, que estará composta por músicos e produtores. Pola súa banda, os dous grupos finalistas serán escollidos cos votos das doce bandas preseleccionadas. No caso de empate, será a comisión anterior quen decida.

Ademais das actuacións, todos os grupos que se anoten non optarán tan só a subirse ao escenario, senón que poderán asistir gratuitamente aos actos, tan só polo feito de participar. Os novos músicos tamén poderán asistir a unha “master class” a cargo dun dos considerados como mellores baixistas de España, Pepe Bao.

O certame “Airiños de Rock & Roll” inscríbese no programa “xuventudémúsica”, da Consellería de Traballo e Benestar, que ten como obxectivo ofrecer aos novos grupos galegos a súa participación en accións que faciliten a promoción da súa creatividade.

Neste programa, inclúense tamén outras actuacións como a construción de locais de ensaio –ao longo deste ano inauguraranse un total de 11 salas de ensaio e gravación musical-; a publicación de cd’s recopilatorios; a organización de concertos e certames; ou a posta a disposición dos grupos do “trailer da música”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

17.1.11

A Pobra do Caramiñal: Beatriz Mato anunciou que o proxecto do novo centro de día vai ser adxudicado en febreiro

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 17 de xaneiro de 2011.- A Consellería de Traballo e Benestar construirá un centro de día de 40 prazas no Concello de A Pobra do Caramiñal, segundo confirmou hoxe a titular dese departamento, Beatriz Mato, nunha visita á vila na que esbozou as características xerais do novo equipamento.

O proxecto do novo centro de día, que suporá un investimento de arredor de 800.000 euros, terá unha oferta de 40 prazas, será adxudicado o vindeiro mes e as obras poderían licitarse neste primeiro semestre. O centro de día, que estará situado ao carón do pavillón polideportivo municipal, será un servizo dirixido a persoas maiores con dependencia ou en risco de padecela, co obxectivo de que poidan preservar a súa autonomía durante o maior tempo posible.

Na súa intervención, Beatriz Mato sinalou que Galicia ten unha das taxas máis altas de toda España de poboación maior de 65 anos, polo que “atender ás necesidades deste colectivo e garantirlles unha maior calidade de vida é unha prioridade para o Goberno da Xunta”. O seu departamento presentou o Plan para as Persoas Maiores de Galicia 2010-2013, un documento acordado coas entidades e cos profesionais que traballan nos servizos para as persoas maiores e asumido por todo o goberno da Xunta que supón “unha planificación seria, a curto e medio prazo, do que temos que facer para que Galicia conte con máis e mellores servizos sociais”.

Por último, salientou que o traballo “con rigor, responsabilidade e visión de futuro e buscando a eficacia e a eficiencia dos recursos” permitiu á Consellería de Traballo e Benestar incrementar en dúas mil as prazas en centros para persoas maiores en Galicia no que vai de lexislatura.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: case 40 mozas e mozos na viaxe á neve da asociación cultural Borobó

Boiro, 17 de xaneiro de 2011. A asociación cultural Borobó de Boiro organizou unha viaxe a pasada fin de semana á estación de esquí de San Isidro, nos lindes entre León e Asturias. Un total de 37 mozas e mozos puideron estar uns días na neve e aprender a practicar deportes de inverno como esquí ou snowboard, ao que se lle engade o contacto coa natureza e a convivencia con outros mozos.

A saída tivo lugar o venres sobre as once e media da noite e a volta foi o domingo 16 no mesmo horario. A maioría da mocidade asistente procedía de Barbanza, aínda que tamén se apuntaron xoves de Portonovo, A Coruña ou Cuntis.

Posible repetición na última fin de semana de febreiro

Ante a boa acollida desta actividade na neve, Borobó ten planeado repetila na última fin de semana de febreiro. De feito, foron varios dos asistentes os que animaron á asociación cultural boirense  a repetir este tipo de viaxes nos que se mesturan deporte e natureza.
A asociación cultural Borobó agradece a colaboración na planificación e organización da viaxe á Omix do Concello de Boiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical