4.2.11

Ribeira: o Secretario Xeral de Política Lingüística apoiou "Detrás da canción", que inclúe obradoiro e un concerto de The Homens este sábado 5

  Anxo Lorenzo cualificou de “imprescindible” o papel dos municipios para impulsar a difusión do uso do idioma desde o ámbito local

Ribeira, 4 de febreiro de 2011. “Os concellos teñen un papel decisivo no proceso de extensión social da lingua galega desde o ámbito local”. Así o afirmou hoxe en rolda de prensa en Ribeira o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que animou os municipios a coordinarse na promoción do uso do galego, co fin de aumentar a efectividades das actuacións nesta materia.

O secretario xeral destacou que as entidades locais de Galicia desenvolven un importante labor como “axentes sociais de dinamización da lingua galega, por seren as entidades cun contacto máis directo coa cidadanía, o que nos permite impulsar unha política lingüística de proximidade”, asegurou.

Por outra banda, Anxo Lorenzo incidiu na importancia de que as administracións local e autonómica unan esforzos a prol dun obxectivo común: promover as accións de difusión social do uso do galego. Con este fin, “a Rede de Dinamización Lingüística preséntase como o mellor escenario para acometer esta tarefa conxunta”, asegurou. “A rede –precisou Anxo Lorenzo– permitirá traballar de maneira coordinada, colaborativa e cooperativa entre as entidades adheridas e daralles aos concellos acceso a programas e actividades de tipo social, educativo, cultural, formativo e lúdico destinadas a promover o uso do galego”.


Anxo Lorenzo fixo estas declaracións durante a súa visita ao concello de Ribeira, onde presentou as actividades do programa Bocaberta que a secretaría xeral leva ao municipio coruñés esta fin de semana. Fíxoo acompañado do alcalde do municipio, Xosé Luís Torres Colomer; da concelleira de Educación, Juana Ermitas Crugeiras; da técnica do servizo lingüístico do concello, Alicia Padín; e de Xocas López, produtor de EME2, empresa que colabora coa secretaría xeral na actividade Detrás da canción, do programa de dinamización lingüística Bocaberta.

Actividades

Detrás da canción visitará mañá o concello de Ribeira para facer gozar os mozos e mozas de 12 a 18 anos coa lingua galega. Por unha banda, a través dun obradoiro musical a cargo de Carlos Valcárcel, do grupo Projecto Mourente, onde os rapaces e rapazas terán ocasión de descubrir sinxelas técnicas para facer música desde a súa propia casa. Por outra banda, a través do concerto acústico que ofrecerá The Homens e no que o grupo fará un percorrido polo mellor do seu repertorio de música pop.

O obradoiro de Detrás da canción terá lugar ás 18:00 horas no Telecentro de Ribeira, na Confraría de Pescadores. Ás 20:00 horas, iniciará no Auditorio Municipal o concerto de The Homens.

O programa Bocaberta levou a actividade Detrás da canción, nos últimos meses, por Monforte, Castro Caldelas, Sigüeiro, Arzúa, Melide, Becerreá, O Barco, Monterroso, Chantada, Sarria, Quiroga, Ourense, O Carballiño, Celanova, Lugo, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, A Cañiza, Ponteareas, Redondela, Pontevedra, Lalín, Fisterra, Tui, Padrón e Marín. Con este programa, que percorrerá toda Galicia ata o mes de maio, a secretaría xeral busca dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

Antes publicamos:


Detrás da canción: é o 5 de febreiro, pero hai que ir inscribíndose

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: pódese consultar na Rede ou descargar o libro "As dornas no marisqueo e na pesca artesanal na Arousa Norte", de Santiago Páramo

<div><div style="width:420px;text-align:left;">Open publication - Free publishing - More galiza</div></div>
Ribeira, 4 de febreiro de 2011. Unha publicación complicada de atopar (como tantas que se editan nos nosos concellos e logo quedan no esquecemento en estantes de bibliotecas) que volta á circulación grazas á Rede. Trátase de "As dornas no marisqueo e na pesca artesanal na Arousa Norte", un traballo etnográfico sobre esta embarcación que escribiu no seu día Santiago Páramo Aller, coñecido ribeirense e reflotador da Festa da Dorna, a máis multitudinaria na actualidade de toda Barbanza.

Segundo conta o autor, "foi escrita no 1991: xa choveu...pero daquela a chuvia era alimento!". A publicación en realidade nunca estivo catalogada "porque se editou sen depósito legal. Foi cunha subvención destinada a facer un tríptico e xa vedes o que da de si facer as cousas por interese non económico. Logo ofrecéronme facer unha mellor edición por parte da Consellería de Pesca pero a min gústame así e habería que replantear algunhas cousas e a verdade nunca tiven moito tempo. Pode que dentro dun tempo faga outra pero non unha nova edición, senón unha vía distinta sobre o mesmo tema".
Santiago Páramo agradece a difusión que lle está a dar na Rede Arousa Norte (o usuario que a subiu a Issuu é NellRiveira) "aínda con todas as súas eivas e imprecisións. E sobre todo gustaríame destacar a colaboración de Carlos Iglesias, Antonio Millares, Fidalgo e Ramona e José Alborés pola dedicación prestada e o pouco recibido a cambio".

Quen é Santiago Páramo?
Santi Sentado

Foi o noso primeiro entrevistado, e aínda se pode ler a entrevista na vella web de Certo, aquí
Se queres baixar o libro, tes que ir aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: hostaleiros viaxan a Ribadavia dentro do Proxecto de Dinamización Turística do Mexillón


Os hostaleiros de Boiro poderán ver que a movida de Ribadavia tamén ten problemas

Boiro, 4 de febreiro de 2011. Os hostaleiros participantes no “II Concurso de tapas”,  organizado pola Concellería de Turismo do Concello de Boiro e que se enmarca no proxecto de dinamización turística do mexillón de Boiro, viaxarán este luns, día 7 de febreiro, a Ribadavia. Gozarán dunha visita guiada pola zona vinícola do Ribeiro, visitarán as bodegas de Viña Costeira e poderán degustar o viño e os produtos típicos nun xantar, xentileza da bodega. Os hostaleiros irán acompañados por representantes do Concello de Boiro. 

Por outra banda, e como froito do mesmo proxecto, que persegue a promoción deste molusco, o restaurante Cocinandos, de León, recoñecido cunha Estrela Michelín, acaba de incluír na súa carta o mexillón de Boiro.


Mexillón en escabeche

Tamén cabe sinalar que o establecemento “Os Dous de Sempre” (Rúa Principal en Boiro) está poñendo dende o mércores pasado, na mediodía e máis na noitiña, a tapa gañadora desta edición do Concurso de Tapas: un saborosísimo Mexillón en Escabeche.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

3.2.11

Boiro: o venres 11 de febreiro, Festa da Xuventude en Escarabote

O Venres 11 de Febreiro terá lugar a I Festa da Xuventude, Escarabote 2011.
Orquestras (sen operación): París de Noia, Costa Oeste e Philadelphia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Altofalante organiza unha homenaxe a Castelao en Aguiño este sábado 5 de febreiro

Ribeira, 3 de febreiro de 2011. A asociación cultural ribeirense Altofalante comeza cunha homenaxe a Castelao en Aguiña a andaina do 125 aniversario do nacemento do ilustre rianxeiro. Será na rúa que leva o nome do homenaxeado, este sábado 5 de febreiro, ás cinco da tarde, baixo a placa da rúa, no cruce onde se atopa o bar Vitoria, na estrada que encara a Castiñeiras.
Leranse varios textos de Castelao relacionados coa lingua galega, textos que se entregarán aos asistentes nunha reprodución reducidad do cartaz do acto que acompaña a esta información.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: datas e horario das camiñatas saudables deste mes de febreiro


Saen todas dende a entrada ao Concello de Noia

Sábado, 5 de febreiro. 10:00 h.

Sábado, 12 de febreiro. 16:30 h.

Domingo, 20 de febreiro. 16:30 h.

Sábado, 26 de febreiro. 10:00 h.

Máis información no teléfono 609 82 31 34 ou saudenoia@gmail.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o sábado 5 de febreiro inaugúrase o centro de interpretación das Lagoas de Xuño e San Pedro de Muro

Porto do Son, 3 de febreiro de 2011. Este sábado 5 de febreiro, ás cinco da tarde, comezan os actos de inauguración do centro de interpretación das Lagoas de Xuño e San Pedro de Muro. Haberá unha camiñata dente a Ponte Vella ata o centro a inaugurar. Ao longo deste paseo irán dando explicacións expertos sobre a fauna e flora a coidar nestas lagoas, así como as diferenzas entre unhas e outras, segundo vivan en zona de area ou no humidal.
Unha hora despois, aproximadamente, terá lugar unha conferencia, titulada "Móllate polos humidais", a cargo de Ramsés Pérez e Fins Eirexas, ambos de Adega. Ao remate, haberá petiscos, ignoramos se con viño español ou galego.

Vía

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: máis de dez mil visitantes pasaron polo Museo adicado a Valle en 2010

Ribeira: un alumno de saxo do conservatorio participa no concurso de música "David Rusell" en Vigo esta fin de semana

Trátase de Martín Castro Tubío, de 13 anos. Ofrece mañá venres unha audición no salón de actos do conservatorio, como preparación para o certame

Martín Castro Tubío en acción, interpretando o Estudio nº 14 de W. Ferling

Ribeira, 3 de febreiro de 2011.- O Concello informa de que durante esta fin de semana vai ter lugar no Conservatorio Profesional de Música de Vigo o prestixioso concurso David Rusell e que en dito certame vai participar un alumno do Conservatorio Profesional de Música ribeirense. Trátase do alumno de saxofón Martín Castro Tubío, de 13 anos, que cursa o primeiro curso do grao profesional no centro local.

Para preparar a súa actuación neste importante concurso (no que actuará o sábado día 5, ás 19.30 horas), o alumno ofrecerá mañá venres, ás 19.45 horas no salón de actos do conservatorio, unha pequena audición coas obras que presentará: Sonata Nº 4 de J. S. Bach e a Sarabande et Allegro de Grabriel Grovlev.

Tanto na audición de mañá como no concurso do sábado, Martín estará acompañado ao piano polo profesor Luis Ignacio Blanco Picos, profesor de piano no conservatorio local.

David Rusell vive en Nigrán e ten adicada unha sala no conservatorio de Vigo

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: cursos de Primeiros Auxilios e Soporte Vital Básico en marzo e abril


A Pobra do Caramiñal, 3 de febreiro de 2011. A academia de formación "El Muelle" anunciou hoxe a impartición de dous cursos relacionados cos primeiros auxilios, que terán lugar en marzo e abril.

O primeiro curso é de Primeiros Auxilios, e dura 40 horas. Farase os sábados, entre o 26 de marzo e o 23 de abril, en horario de 10 a 14 horas e de 16 a 20. Custa 150 euros, bonificables polos créditos de formación de empresa para aqueles que estean a traballar, sen importar o sector. 

O segundo curso é de Soporte Vital Básico -DESA (desfibrilador externo semiautomático)- e dura 10 horas, que se farán un só día, o sábado 30 de abril. De 9 a 14 e de 16 a 21 horas. Custa 120 euros.

Ambos cursos serán impartidos por profesionais sanitarios na rúa Condado 1 baixo da Pobra. Hai prazas limitadas: 15. Para máis información sobre os cursos hai teléfono de balde, o 900 800 997.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical