18.2.11
Ribeira: o Psoe presenta unha moción de apoio á flota adicada á bacaladilla
Ribeira, 18 de febreiro de 2011. O grupo municipal socialista presentou unha moción, a tratar no vindeiro pleno, no que se pide explicitamente apoio para a flota que se adica á pesca da bacaladilla, que pode ser afectada de xeito letal se se cumpren as novas directivas da Unión Europea.
O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ribeira, a través do seu Portavoz e ó abeiro do disposto nos artigos 91.4 e 97 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, presenta ante o Pleno da Corporación Municipal esta MOCIÓN, en base os motivos e consideracións seguintes: EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:A flota de arrastre de Ribeira, compóñena preto de 40 barcos que dan emprego directo a uns 500 traballadores; sendo o conxunto de postos de traballo, incluíndo os indirectos que dependen da actividade desta flota, arredor dos 3.000. Como é coñecido, no pasado mes de decembro, no Consello de Ministros da UE, adoptáronse acordos relativos aos TAC’s e cotas para o ano 2011 que, de seguir adiante, prexudicarían de xeito grave e irreversible ás empresas pesqueiras de arrastre da nosa cidade. O recorte en máis dun 93 % da cota de lirio (bacaladilla) para a zona onde traballa a nosa flota, pode supoñer a paralización desta importante actividade coa conseguinte perda de ingresos que afectarán de xeito moi importante a economía global do noso concello.
Coñecemos as inquedanzas da Sra. Ministra do Goberno de España sobre este importante problema. Mesmo na reunión có sector pesqueiro de Galicia celebrado en
Santiago o pasado día 19 de Xaneiro, dixo non estar disposta a admitir estas condicións
e corrixir esta situación o vindeiro día 24, na reunión do Consello de Ministros da UE. É por todo isto que o Grupo Municipal Socialista, formula a seguinte proposta deMOCIÓN:1. Mostrar o seu apoio incondicional á flota de arrastre do porto de Ribeira, recoñecendo que desenvolve unha actividade económica xeradora de centos de empregos na cidade, ante a decisión da Comisión Europea de reducir nun 93 % a cota de capturas de lirio. Consideramos que esta medida pode certamente provocar o amarre da flota de Ribeira ao non poder soportar os custes da actividade, baseada maiormente na pesca de bacaladilla. 2. Instar ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural y Marino (MMAMRM) a que renegocie á alza o TAC de lirio, ante a Comisión de Pesqueiras do Atlántico Nororiental (NEAFC), para adaptala a situación real do stock que, vistos os resultados da pesqueira no noso porto, non consideramos estea sobre-explotada de xeito que precise un recorte do 93 %. 3. Instar ao Goberno de España a que impulse un estudo actualizado a través do Instituto Español de Oceanografía, sobre a situación dos recursos pesqueiros nos caladoiros habituais da nosa flota, para coñecer a situación real desta e doutras especies de interese comercial. 4. Solicitar ao MMAMRM, a que propoña á Comisión Europea a que diferencie os stocks e os correspondentes TAC’s de bacaladilla, por zonas máis concretas. Non pode se-lo mesmo o estado das pesqueiras onde opera a flota dos países nórdicos ca a dos caladoiros litorais onde pesca a nosa flota. 5. Pedirlle ao MMAMRM, que argumente ante as autoridades comunitarias, a gran deferencia que existe entre os factorías arrastreiros do norte de Europa, dedicados a pesca de bacaladilla para o seu fileteado sen pel e sen espiñas (Skinned & bones less), cando non directamente para o converter en fariña para pensos animais, fronte o destino do lirio que pesca a nosa flota: enteiro e directamente para o consumo humano de familias con baixo poder adquisitivo. 6. Dar traslado deste acordo ao Goberno de España, para que actúe en consecuencia. Tamén á Xunta de Galicia para que estean informados do apoio do Concello de Ribeira ao seu sector pesqueiro.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
A Pobra do Caramiñal: os socialistas aclararon cuestións referidas á política farmacéutica da Xunta e do Estado
A Pobra do Caramiñal, 18 de febreiro de 2011.- A Agrupación Socialista da Pobra organizou unha charla informativa o mércores pasado para todos os veciños sobre a política de xenéricos da Xunta de Galicia, tema de candente actualidade, e sobre a cal existe "un gran descoñecemento entre a cidadanía por mor da opacidade do goberno autonómico nesta materia", explicou o Psoe en nota de prensa.
Entre os relatores da charla estiveron Teresa García Guillán, Secretaria Xeral da Agrupación Socialista da Pobra e candidata á Alcaldía; José Manuel Lage Tuñas, deputado no Parlamento de Galicia polo PSdeG-PSOE; e a Francisco “Tuco” Cerviño González, deputado autonómico, médico especialista en nefroloxía, e ex xerente do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC, antigo Hospital Juan Canalejo) e do Hospital Gregorio Marañón de Madrid, que asumeu na súa cualidade de experto o groso da charla.
Comezou Teresa García agradecendo a asistencia dos presentes a pesar do temporal, e criticando a postura política da Xunta de Galicia, defendendo que a Sanidade Pública debe ser unha para todas as rexións. Criticou así mesmo que o goberno autonómico obrigue aos pacientes a pagar a totalidade do prezo do medicamento se deciden optar polo seu medicamento habitual en lugar de aceptar a substitución obrigatoria do mesmo, sen ter dereito a unha redución do seu prezo equivalente ao custe que supón o xenérico para a Xunta.
En segundo lugar interviu José Manuel Lage, que agradeceu á Agrupación Socialista da Pobra a celebración da charla informativa sobre unha cuestión de tanta actualidade, destacando que se trata dun tema “no que se precisa moita información e pouca demagoxia” para disipar incertezas.
Problemas no Hospital da Barbanza
Aproveitou a ocasión para falar da situación da sanidade pública na comarca do Barbanza, destacando que os socialistas xa denunciaron o peche das axendas no hospital comarcal, sinalando que “os socialistas defendemos e defenderemos sempre un sistema sanitario universal” e gratuíto, un logro a nivel estatal que “está no ADN das políticas socialistas”, tendente a unha cobertura sanitaria independente da conta bancaria e das propiedades de cada un. Sinalou así mesmo Lage que o responsable da xestión no día a día da Sanidade de Galicia é a Xunta de Galicia, pero que “o goberno galego parece que nunca é responsable de nada” desde que goberna o Partido Popular, ao que criticou a súa mala memoria lembrándolle que cando Núñez Feijoó estaba na oposición, segundo o seu criterio todos os males de Galicia eran culpa do presidente Touriño.
En terceiro lugar interviu Francisco Cerviño, quen subliñou que o gasto farmacéutico é un problema real endémico de España, que destina entre o 31% e o 32% do orzamento da Sanidade aos medicamentos, gastos que impiden o seu investimento en persoal e infraestruturas sanitarias, cando a media da OCDE está entre o 15% e o 17%.
Seguidamente fixo un breve repaso ás políticas socialistas na materia, que permitiron unha diminución progresiva da porcentaxe de gasto en medicamentos, até o punto de que 2010 foi o primeiro ano no que o gasto farmacéutico descendeu no conxunto de España, excepto no caso de tres Comunidades Autónomas nas que ascendeu, entre elas en Galicia cun incremento dun 3%.
Destacou que como froito das negociacións da anterior Ministra de Sanidade coa farmaindustria e cos vendedores de medicamentos, e das que se mantén unha política de continuidade coa actual titular da carteira ministerial, se conseguiu unha baixada do prezo final do medicamento ao aceptar estes unha redución dos seus beneficios nun 3% en un 2%, respectivamente.
Dados os efectos concorrentes das políticas públicas do goberno central, que se calcula que suporán un aforro de 122 millóns de euros anuais -cartos que se destinarán á mellora do sistema sanitario como propias do seu orzamento-, puxo en tela de xuízo as declaracións da conselleira Farjas no tocante ao aforro neto que se conseguiu coa aplicación da polémica política de xenéricos, toda vez que resulta difícil discernir que parte do aforro se corresponde ás medidas da Xunta de Galicia, e que parte ás políticas implementadas polo goberno socialista.
Fixo referencia tamén a que as políticas do goberno estatal están dirixidas a solucionar a situación de infrafinanciamento crónico da sanidade pública, que se cifra nun 0,5% do PIB tras a redución de medio punto do PIB que realizou Zapatero eliminando de golpe o 50% do infrafinanciamento, até o momento no 1%; non obstante, a pesar deste infrafinanciamento, congratúlase Cerviño de que o sistema médico español resulta exemplar a todos os niveis, punteiro no tocante a transplantes e á cobertura sanitaria universal que considera un sistema redistribuidor da riqueza.
Inconstitucionalidade da Lei 12/2010, de 22 de decembro
Francisco Cerviño criticou duramente que o PP insista en autodenominarse o partido dos traballadores e acuse á vez ao goberno central de estar aliado coas multinacionais da farmacia, cousa que considera unha incoherencia do PP, toda vez que esquece que a industria farmacéutica en España sostén milleiros de postos de traballo, sobre todo en Madrid e en Cataluña.
Considera que esta Lei galega si supón un aforro difícil de cuantificar pola concorrencia das medidas do goberno de José Luís Rodríguez Zapatero, pero á vez critica a Núñez Feijoó por facer unha lei contraria ás competencias do goberno galego, establecidas taxativamente pola Constitución Española de forma textual.
Fundamenta a apreciación no dictame do Consello de Estado, que tilda a Lei galega de anticonstitucional entre outro motivos por vulnerar as competencias exclusivas do Estado ao establecer un catálogo de medicamentos distinto e independente do aprobado polo goberno central.
Destacou tamén o Sr. Cerviño na súa intervención, non exenta de cuestións técnicas que demostran o profundo coñecemento na materia que atesoura o relator, “o lío que montaría o Partido Popular se isto o fixese Cataluña”, parafraseando frases reaccionarias moi manidas pola dereita relativas á ruptura de España.
Criticou tamén que a conselleira Farjas manifestase que levou a cuestión do catálogo galego ao Consello Interterritorial de Sanidade, no que están representadas todas as Comunidades Autónomas e o Goberno, cando na realidade o que fixo foi levar a proposta fóra da orde do día, imposibilitando o seu debate, e cando a tramitación parlamentaria da Lei xa se atopaba moi avanzada.
Ao seu xuízo, a norma galega é unha vulneración burda das regras do xogo, que obriga por imperativo legal ao Presidente do Goberno a interpor contra a mesma un recurso de inconstitucionalidade.
No tocante aos motivos que levaron ao goberno de Núñez Feijóo a aprobar unha Lei manifestamente anticonstitucional por vulneración das competencias exclusivas e excluíntes do Estado, destacou que non son outros que motivos de carácter político no sentido máis frívolo da palabra, no que non dubidou en adxectivar coma unha “fanfarronada publicitaria” tendente a fomentar a paranoia inventada polo PP de que o Goberno central está en contra de Galicia.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Rianxo: resultados desta sexta xornada de xadrez
O rianxeiro Néstor Martínez (esquerda) foi derrotado polo boirense Samuel Ozores
Rianxo, 18 de febreiro de 2011. Na primeira división, no grupo B, Sergio Arevalillo obtivo un punto para o Distribunosa-Xadrez Rianxo nun complicado desplazamento ante o equipo Cidade de Narón. Os resultados quedaron así no citado grupo B: J. Ramón Pantin 1-0 Manuel Abuín
J.Carlos Berdullas 0-1 Sergio Arevalillo
J. Manuel Caneiro 1-0 Daniel Martinez
Pablo Fernandez 1-0 Manuel Castaño
Na próxima xornada, o sábado 19 de febreiro, o “Distribunosa Xadrez Rianxo” enfróntase na casa ao “Marquiño”. Por outra banda, en terceira división, no grupo C, Alberto Hevia e Rogelio Ferrol conseguiron puntuar nos seus respectivos taboeiros, nun disputado derbi que quedou cun cómputo final favorable para o Pousada das Ánimas (Boiro). Os resultados quedaron deste xeito: Alberto Hevia 1-0 Diego Piñeiro
Nestor Martinez 0-1 J. Manuel Ordoñez
Rogelio Ferrol 0.5-0.5 J. Luis Mouriño
J. Mendez Rial 0-1 Samuel OzoresNa vindeira xornada, mañá sábado 19, Distribunosa B-Xadrez Rianxo viaxa a Santiago para baterse co “Escola USC”. Outros resultados:
ESCOLA XADREZ RIANXO Vs ESCOLA USC
Daniel Fernández 0-1 Ramón Fernandez
Carlos Penas 1-0 Pedro Vieites
Luis Cernadas 0-1 Martin Pena
Marco Bravol 0-1 Sergio ReyNa xornada de mañá, a “Escola Xadrez Rianxo” vai a Boiro para loitar no taboeiro co Hostal Miramar”.
1ª división (grupo b)Distribunosa B-Xadrez Rianxo (1.5 ptos) Vs Pousada Das Ánimas (2.5 ptos) 3ª división (grupo c)
Escola Xadrez Rianxo (1 ptos) Vs Escola USC (3 ptos)
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: o alcaldable polo Psoe, Andrés Fariña, presentou unha batería de propostas para a cidade
Ribeira, 18 de febreiro de 2011. O alcaldable socialista por Ribeira presentouse esta semana: trátase de Andrés Fariña (Ribeira, 1957), que desenvolveu a súa última tempada en política como concelleiro do Psoe en Santiago de Compostela.
O candidato socialista presenta na web do Psoe de Ribeira unha batería de propostas para "un cambio radical ue traslade ós ribeirenses a necesidade vital dunha cidade ordenada como elemento esencial para o benestar e o progreso sostible da sociedade". Fariña cualifica a actual situación de "totum revolutum" e comprométese "a traballar e intentar solucionar as preocupacións e propostas dos veciños para transformalas en proxectos acadables e sostibles".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Noia: a Consellería de Mar convoca novos permisos para extraer navalla e longueirón
Noia-Muros, 18 de febreiro de 2011.- A Consellería do Mar outorgará catro novos permisos de explotación de navalla e longueirón na modalidade de mergullo en apnea nas Confrarías de Muros e Noia, dando resposta así ás solicitudes de ambos pósitos. Estes novos permisos súmanse aos 6 pérmex vixentes nesta modalidade na confraría de Muros e aos 3 que hai na actualidade no pósito noiés.
Para poder optar aos permisos de explotación, os solicitantes deben cumprir os requisitos esixidos no Decreto 425/1993, do 17 de decembro, e presentar a documentación requirida pola Consellería do Mar. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles dende hoxe. As solicitudes presentaranse no rexistro do Departamento Territorial da Consellería do Mar na Coruña ou en calquera rexistro público que teña convenio coa Xunta. Unha vez rematado o prazo de solicitude, a Consellería do Mar procederá á súa valoración.
Con estes 4 novos pérmex, o departamento que dirixe Rosa Quintana, asegura a Xunta, "pon de manifesto a súa aposta pola xeración de actividade e o incremento dos postos de traballo para a incorporación de xente nova, especialmente nun contexto de crise económica". En xaneiro aprobouse a convocatoria de 45 novos pérmex nestas dúas confrarías, 40 para mariscadores a pé na de Noia e 5 novos permisos de explotación a pé para percebe na de Muros. Cabe lembrar que todas as prazas convócanse despois de comprobar a súa viabilidade nos informes técnicos e sempre tendo en conta a compatibilidade e sostibilidade dos recursos e criterios socieconómicos.Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
17.2.11
Lousame: clausurado o obradoiro de emprego, que axudou en parte a rehabilitar as minas de San Finx
Os alumnos, 23, formáronse nas especialidades de albanelería e cantería nunha acción que costou medio millón de euros
Lousame, 17 de febreiro de 2011.- O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, clausurou hoxe o obradoiro de emprego de Lousame, concello no que goberna o Partido Popular. Esta acción serviu para formar a 23 alumnos en albanelería e cantería. Para a súa posta en marcha, o Goberno galego investiu preto de 500.000 euros.
Calvo entregou hoxe os diplomas aos participantes e aproveitou tamén para visitar o poboado mineiro de San Finx, que foi rehabilitado e urbanizado en parte grazas ao labor desenvolvido por estes alumnos. O delegado sinalou esta mellora das dotacións públicas como unha das “vantaxes” desta iniciativas, que están baseadas na colaboración entre os concellos e a Xunta de Galicia.
Diego Calvo apuntou tamén que todos os participantes tiveron acceso a unha “formación de calidade”, que lles permitiu, ao tempo, acceder a un contrato de traballo durante un ano. Tras esta experiencia, “estas 23 persoas están hoxe en mellores condicións para acceder a un emprego, posto que poden acreditar cualificación e experiencia en profesións con boas perspectivas no mercado de traballo actual”, asegurou.
Por último, Calvo lembrou na súa intervención que a Xunta concedeu en 2010 dous cursos de formación a Lousame, que beneficiaron a 30 desempregados do Concello, e que contaron cun financiamento de ao redor de 60.000 euros. As especialidades impartidas foron as de acondicionamento de montes e a de coidador de persoas con discapacidade.
VISITAS GUIADAS ÁS MINAS DE SAN FINX
- Para facer visitas guiadas ao Centro de Interpretación e edificios do poboado das Minas de San Finx hai que chamar ao teléfono do concello de Lousame 981 820 494. Preguntade por Mª José.
Relacionada:
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: presentan o boceto dun proxecto para unha área de servizo en Oleiros
Ribeira, 17 de febreiro de 2011.- Unha finca de 2.500 metros cadrados que pertencía á Reitoral de Oleiros, e que foi adquirida recentemente polo Concello, albergará unha Área de Servizo co fin de ser posta a disposición dos veciños da parroquia para as súas actividades de carácter social, cultural, festivo, recreativo e deportivas. Así o explicou hoxe o alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado da concelleira Herminia Pouso Maneiro. O alcalde explicou que a compra dos terreos no que se encravará esta Área respondeu á inquietude dos propios veciños de Oleiros, que demandaban un espazo así. José Luis Torres declarou que o acordo coa Igrexa “tardou o seu tempo” pois houbo que facer unha segregación da finca e xestionar o permiso de Patrimonio. Por fin, a compravenda púidose escriturar ante notario o 28 de outubro de 2010, cun importe de 375.000 euros. O rexedor riveirense mostrou ante os medios de comunicación un boceto da Área de Servizo e informou de que en breve se comezará coa redacción do proxecto. Esta Área disporá dunha pista polideportiva descuberta regulamentaria que poderá ser empregada tamén para dar cabida ás festas da parroquia, un parque infantil, unha zona de aparcamentos dotada de árbores ornamentais e un edificio singular que estará dotado dos seguintes espazos: unha aula de informática, un auditorio/sala de xuntas con capacidade para 60 persoas, unha cafetería, e vestiarios, duchas e aseos pensados especialmente para dar servizo aos usuarios da pista deportiva.
Por outra parte, José Luis Torres aproveitou o acto para informar de que o Concello chegou a un acordo co Club de Fútbol de Oleiros para incorporar á propiedade municipal o seu campo de fútbol, de tal xeito que a partir de agora será a propia Administración Local quen xestione este espazo, outorgándolle preferencia de uso ao citado club deportivo. Tamén adiantou que se está en negociacións para adquirir un terreo de 16.000 metros cadrados situado a carón do campo de fútbol de Oleiros co obxectivo de que sirva no futuro como unha gran área deportiva.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Porto do Son: a biblioteca do instituto abre sección en lingua portuguesa
Porto do Son, 17 de febreiroo de 2011. Nos andeis de novidades da biblioteca do instituto de Porto do Son atópase xa unha nova sección: a literatura portuguesa. "Vén sendo o inicio dun camiño que tiñamos interese en compartir con vós e que o ano pasado comezamos coa visita do club de lectura a Viana do Castelo e á súa biblioteca municipal, nunha viaxe compartida cos clubs do CPI de Cuntis e o IES de Caldas de Reis. Nesta viaxe quedou patente o preto e o lonxe que estamos", explican na bitácora LinguaSon, onde se narran as actividades do club de Lingua deste centro.
Estatua de Otero Pedrayo en Ourense
"Para nós, ler en portugués é ler en galego. É recuperar un código que nos uniu e que se mantén o suficientemente cercanos como para permitirnos enxergar o mundo cunha mesma mirada. Somos conscientes da proxección máis alá das nosas fronteiras, da universalidade que o mantemento desta irmandade aporta á lingua galega. Ás veces andamos como o Adrián Solovio de Otero Pedrayo, arredor de nós mesmos, en crise co propio, na procura do afastado. Vemos a necesidade, a utilidade de ler en inglés ou en francés, mesmo no necesario que hoxe sería dominar o alemán, pero demostramos escaso interese polo portugués, ou polo menos, de todo o que vai máis alá do bacallao e as feiras", argumentan.
A Biblioteca Municipal de Viana do Castelo ofreceulles un listado de recomendacións para dar os primeiros pasos nesta andaina. Entre eles están os títulos que se poden ver na presentación que abre esta nova, "que están agardando por vós na biblioteca".
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: cuberto o cupo do curso de monitores de tempo libre, que comeza este sábado 19
Presentáronse 36 solicitudes para un máximo de 25 prazas
Técnicas de acampada é unha das materias a aprender
Ribeira, 17 de febreiro de 2011.- Este sábado dará comezo a primeira das actividades incluídas no Plan de Formación para mozos e mozas que a Concellería de Xuventude organiza para o ano 2011: trátase do Curso Oficial de Monitores en Actividades de Tempo Libre que na súa fase de inscrición rebasou con creces o número máximo de prazas existentes: 36 solicitudes para un tope de 25 prazas, que foron cubertas por orde de preferencia.
Así e logo, un total de 25 rapaces comezarán este sábado 19 no colexio O Grupo a primeira das clases de que consta a actividade, que serán impartidas por persoal docente da Escola Galega de Tempo Libre. O horario será intensivo: de 9 a 14 horas e de 16 a 21 horas.
En total, o ciclo formativo constará de 200 horas lectivas nas que se abordarán temas como a psicosocioloxía, a lexislación, as técnicas de acampada, unha área de educación ambiental e natureza, unha área de animación e xogos e outra área de saúde.
Cabe recordar que a iniciativa terá lugar fundamentalmente os sábados e tamén algún domingo ou festivo entre febreiro e xuño, conforme á seguinte planificación:
- Febreiro: días 19, 26 e 27
- Marzo: 12, 19, 26 e 27
- Abril: 2, 9, 16, 17, 23 e 30
- Xuño: 4 e 11
Outras accións programadas para este primeiro semestre pola Concellería de Xuventude que dirixe Vicente García Rivas son un curso monográfico de globoflexia, outro de manexo de equipos de son e gravación de maquetas, un curso web 2.0, un curso de aspirante a instrutor de vela lixeira e un curso de iniciación ao clown.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
