Soneira: "a Conselleira do Mar vai pasar a historia por ser a que máis se cebou cos maís débiles do sector pesqueiro" Rosa Quintana: “Non quero un sector subvencionado que teña que vivir de xeonllos diante de min” Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira interviu hoxe no Pleno da Cámara para interpelar á Conselleira do Mar sobre a anulación do Plan de Pensións dás mariscadoras maiores de 65 anos que non acadaron o período mínimo de cotización para ter dereito a unha pensión contributiva. A deputada socialista denunciou hoxe que, á Conselleira do Mar, non se lle coñece nin unha sola acción política de calado para o mundo da pesca e do marisqueo, pero si por eliminar axudas sociais postas en marcha polo goberno anterior. Por iso acusouna de amosar as súas fobias contra a anterior conselleira, Carmen Gallego, a través de políticas revisionistas que fai pagar o aro mais débil da cadea: as mariscadoras. Pola súa banda, a conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu esta mañá no Parlamento que a xestión que está a levar a cabo no seu departamento non se basea nas subvencións senón nunha política de protección do recurso e de xeración de emprego. “Non quero un sector subvencionado que teña que vivir de xeonllos diante de min”, indicou. Proba disto, lembrou que, entre outras medidas, puxo en marcha o plan de recuperación de zonas improdutivas e que, dende que está no Goberno da Xunta, se outorgaron 494 novos permisos de explotación marisqueira a pé fronte aos 843 permex que se perderon no marisqueo a pé durante o anterior goberno. Isto é sinónimo de “promover as cotizacións para poder pagar pensións a aqueles que cumpriron coa lei”, explicou a conselleira.Quintana laiouse de que dende a oposición e dende distintos colectivos se estea intentando facer demagoxia cando “foi esa mesma xente a que, no ano 2000, animaba ás mariscadoras a manifestarse para que non pagaran a Seguridade Social ou que cotizasen por horas” de xeito que nunca tiveran acadado unha pensión como si lograron aquelas profesionais do mar que comezaron a pagar o seu recibo tal e como lles esixía a Lei de Pesca do ano 93. “É como se aqueles que animaron ás mariscadoras a que non pagasen –insistiu- cando chegaran ao poder, intentaran emendar os erros que cometeron”.
Discriminación por xénero?
Soneira acusou á Conselleira de “ter amistades perigosas”, e de ser incapaz de gastar 53 millóns de euros dos seus orzamentos ordinarios. “Hai cartos para facer un Porto en Xinzo de Limia, pero non pagar o seguro das mariscadoras galegas”, espetou.
E preguntoulle si sería de capaz de suprimir este Plan de Pensións se os prexudicados foran homes e non mulleres. Dixo que hai unha discriminación por cuestión de xénero xa que ate que foi obrigatorio a cotización, no 2.000, a facenda pública consideraba os ingresos das mariscadoras como un aporte atípico a economía familiar, dunha modestia tal que non computaba. Denuncia que esta medida obriga a mulleres de máis de 65 anos a vivir da dependencia.
Asegura que vai pasar á Historia por ser a Conselleira que se cebou cos mais febles do sector pesqueiro, e a que deixou tiradas na rúa a moitas mulleres que non teñen o suficiente cotizado.
A plantación será ao pé da área para autocaravanas de praia XardínBoiro, 23 de febreiro de 2011. O Concello de Boiro, en colaboración coa asociación Boiroverde, adicarase a repoboar con especies arbóreas autóctonas a zona que está ao pé da área de autocaravanas de praia Xardín (indo hacia Escarabote, antes da ponte). Colaborarán os escolares dos colexios Praia Xardín e Santa Baia.
Por outra banda, o vindeiro venres 25, o alcalde presidirá a inauguración da nova sede do Servizo Municipal de Protección Civil e Emerxencias, tamén ás 12 do mediodía, no polígono industrial da Espiñeira. A sede de bombeiros de Boiro tamén está na EspiñeiraEste edificio, así como as novas naves de oficios e o pañol de obras, foron financiados con cargo aos fondos FEIL 2009 e FEESL 2010, cun importe conxunto de algo máis de 976.000 euros. O edificio conta cun garaxe de 150 metros cadrados útiles, destinado aos vehículos e lanchas de que dispón este servizo, e unha planta superior con outros 260 metros útiles, divididos en dependencias destinadas a vestiarios, oficina xeral, sala de reunións (que tamén se utilizará para a impartición de cursos) , almacén, cociña – sala de estar e zona de descanso. Na actualidade, o GRUMIR dispón destes medios para desenvolver o seu labor: un camión de bombeiros, un vehículo de primeira intervención, catro todoterreos, catro lanchas e un remolque de intervención (dotado de material a utilizar en emerxencias como bombas de achique, motoserras, etc.). O ámbito de actuación de Protección Civil e Emerxencias de Boiro abarca distintos tipos de intervencións, desde accidentes de tráfico, incendios forestais e urbanos, recollida de animais abandonados e busca de persoas desaparecidas ata a vixiancia e salvamento nas praias. Tamén prestan asistencia na organización de festas, concertos e todo tipo de actividades nas que se producen importantes concentracións de persoas.
O deputado José Manuel Lage denuncia actos propagandísticos en sede parlamentaria por entrevistarse o conselleiro co alcalde do PP da Pobra e o alcaldable por Ribeira, tamén do PP, Manuel Ruiz Rivas Polígonos industriais como o de Rianxo xa están a rematarse
Barbanza, 23 de febreiro de 2011. O portavoz da área institucional do Grupo Socialista, José Manuel Lage, criticou hoxe o encontro do conselleiro de Infraestruturas co alcalde de Pobra do Caramiñal e o candidato do PP á alcaldía de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, en sede parlamentaria. Dixo que utilizan a sede parlamentaria para “montar actos propagandísticos para tapar as súas vergoñas”
Afirmou hoxe que “a crúa realidade é que nos dous primeiros anos de goberno do PP na Xunta tiveron paralizado o polígono industrial do Barbanza programado polo anterior executivo presidido por Touriño; cualificou o anuncio de hoxe sobre esta infraestrutura de “realidade virtual” logo de ter paralizada a obra dous anos.
Lage Tuñas advertiu que “a utilización partidaria do Parlamento por parte do goberno galego amosa a necesidade de tapar as vergoñas do Partido Popular que tivo paralizado o parque empresarial do Barbanza durante dous anos”.
Lembrou que ”fai máis dun ano que lle solicitamos ao goberno galego explicacións sobre a situación do parque empresarial do Barbanza e o silencio foi a resposta ás miñas solicitudes”.
Engadiu que “coa chegada das eleccións municipais Agustín Hernández pon a consellería de Medio Ambiente e Territorio ao servizo da propaganda do PP na Pobra do Caramiñal e en Ribeira”.
Ribeira, 23 de febreiro de 2011. O auditorio municipal vai ser escenario mañá, día 24 de febreiro, ás 11.30 horas, da presentación do novo disco e dun concerto da banda ribeirense Areavasta. Neste acto participarán os concelleiros de Cultura e de Xuventude de Riveira, Luciano Fernández e Vicente García, así como integrantes da formación musical.Quenes compoñen AreaVasta? Cambiaron cantante xa, pero entrevistámolos en Certo. Podes ler a entrevista aquí
Porto do Son, 23 de febreiro de 2011. O Concello de Porto do Son presenta este sábado, 26 de febreiro, o sétimo Cartafol da Memoria, que leva por título "Un mar maior e heroico" e está adicado á conexión de Álvaro Cunqueiro con Porto do Son. Foi coordinado e escrito por Blanca Ana Roig Rechou, que é unha profesora da USC natural de Portosín, integrante da Asociación de Escritores en Galego (AELG)
O acto comeza na casa de cultura de Portosín este sábado 26 ás oito e media da tarde.
Lousame, 22 de febreiro de 2011. A sentenza desminte as afirmacións do alcalde de Ames que acusou ao persoal de realizar un paro político contra da súa persoa. O Comité de FCC Lousame e as organizacións sindicais CIG e CCOO deron a coñecer este mediodía a primeira sentenza a respecto da folga realizada polos traballadores da planta de reciclaxe durante o pasado mes de novembro, e que o alcalde de Ames e a empresa cualificaron de ilegal. A xustiza vén agora de declarar que o paro indefinido contou con todas as garantías legais e que non se tratou dunha folga rotatoria, novatoria ou política. Así mesmo, o Comité informou que xa ten presentado denuncia penal contra o responsábel municipal por vulnerar o dereito fundamental á folga, xa que contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas de Ames.
O Secretario Nacional da Federación de Servizos, Paulo Rubido, acompañado de membros do Comité e de Eduardo Brión, representante de CCOO, censurou na rolda de prensa a campaña mediática realizada polo alcalde de Ames, o socialista Carlos Fernández, durante a folga, que acusou aos traballadores de estar desenvolvendo unha folga ilegal, na medida en que a consideraba rotatoria, novatoria e “política”. A intoxicación chegou a tal punto, que a propia empresa concesionaria do servizo, FCC, denunciou ao Comité por estes mesmos motivos.
Non obstante, a xustiza veu agora dar a razón aos traballadores/as ao declarar a legalidade da folga, que non considera rotatoria, novatoria ou política, senón un exercicio perfectamente legal que realizaron os traballadores. “Os tribunais poñen a cada un no seu sitio e neste caso demostraron que o alcalde de Ames minte e que é un manipulador”, criticou Rubido.
Así mesmo, o Comité de empresa presentou hai xa máis de 20 días unha demanda penal esixindo responsabilidades a Carlos Fernández por vulnerar un dereito fundamental da clase traballadora como o dereito á folga. Hai que lembrar que o rexedor municipal contratou os servizos de Tragsa para recoller o lixo que se comezaba a acumular nas rúas da Vila alegando que a folga era ilegal.
Unha folga na defensa dos empregos
Do 12 ao 18 de novembro pasado os traballadores da planta de reciclaxe de Lousame convocaron folga con carácter indefinido, aínda que só a efectivizaron nos concellos de Ames e Carnota, durante unha semana. O conflito xerouse a raíz da solicitude de rescisión da contrata por parte FCC, por mor da débeda que os Concellos da Mancomunidade do Barbanza mantiñan coa empresa, que xestiona a planta de reciclaxe de Lousame.
Os traballadores/as secundaron a folga nestes dous concellos porque eran os que tiñan contraído a maior débeda con FCC e ao mesmo tempo porque foron os únicos que se negaron a apoiar unha moción presentada polo Comité en todos os concellos da mancomunidade, pola que os municipios se comprometían a resolver o problema da débeda para garantir a viabilidade da planta e ao mesmo tempo ratificar este sistema de recollida de lixo.
A folga rematou unha semana despois, ao conseguírense os obxectivos principais: mentres que ao Concello de Carnota a Xunta lle aplicou un plano de retencións que lle obriga a pagar os recibos a FCC, no caso de Ames, finalmente aprobouse no pleno municipal a moción e afrontouse un importante pagamento da débeda contraída.
O problema persiste
A día de hoxe, explicaba Rubido, o problema da débeda dos Concellos coa empresa concesionaria continúa persistindo, pero o volume da mesma e a gravidade da situación é moito menor. Neste senso, indicou que existe unha débeda arrastrada por todos os Concellos “que non se vai solucionar nin en un ano nin en dous”.
Nesta liña, durante a comparecencia, quíxose denunciar unha situación que afecta ao futuro da planta de Lousame e que, neste caso corresponde á Consellaría de Medio ambiente resolver. Rubido referíase ao convenio existente entre a administración galega e ECOEMBES, a empresa que recolle o material que se recicla na planta.
ECOEMBES decidiu unilateralmente non recoller un 70% do film recuperado argumentando que esta é a porcentaxe de film non adherida ao seu sistema. Unha decisión que supón un grave problema para a viabilidade da planta, xa que se financia nun 40% a través dos recuperadores, e deste xeito perde uns 650.000 € anuais, e ao mesmo tempo xera un problema medio ambiental ao acumularse este material na planta sen saída.
“Se se quere que plantas como a do Barbanza, que teñen máis que demostrado a súa efectividade e que responden a un modelo de recollida de residuos sólidos moito máis eficiente, ecolóxico e respectuoso que o de Sogama, saían adiante é preciso contar co apoio da administración e que a Consellaría solucione a recollida do film, porque a actual situación complica a viabilidade futura da planta”, advertiu Paulo Rubido.
Ribeira, 22 de febreiro de 2011. Co expresivo título "Rematou a tempada de caza: menos mal!" envíanos un veciño esta fotodenuncia, acompañada do seguinte texto:Estes dous raposos (ou o que queda deles) atópanse nun pequeno descampado xunto o camiño que sube do Vilar (do Parque Natural) hacia Castro. Dase a casualidade que están a escasos 30 metros do límite do Parque no que a caza está prohibida e as especies están protexidas.
Están alí dende a última fin de semana na que se permitiu a caza, e pola pinta dos cadáveres foros víctimas dos disparos "inconscientes?" dos cazadores. Vese que non os mataron para aproveitar a pel, nin tampouco a comida, só para deixar os cadáveres tirados nunha cuneta.
A esto chámaselle deporte, e teñen federación e todo, que recibe subvencións dos cartos de todos nós.
Elixiranse cinco intérpretes femininas e cinco masculinos para levar a escena este musical de gran formato, con Luis Tosar como protagonista O musical, posto en escea por unha compañía sevillanaSantiago, 22 de febreiro de 2011.- Un total de 90 intérpretes participan dende hoxe nas audicións que desenvolve en Santiago o Centro Dramático Galego co fin de seleccionar os cinco actores-cantantes e as cinco actrices-cantantes que, xunto con Luis Tosar no papel protagonista, porán en escena o musical A ópera dos tres reás, versión da famosa obra de Bertolt Brecht e Kurt Weill que a compañía pública estreará a finais de xuño. O tribunal está presidido por Quico Cadaval, director escénico do espectáculo, e Carlos Ariel Gracia, director musical, é o encargado de valorar os candidatos, preseleccionados entre un total de 209 solicitudes recibidas, entre os que se atopan tanto recoñecidas figuras como novos valores da escena galega. Todos eles deben interpretar un fragmento do texto que lles foi facilitado polo CDG, así como cantar con acompañamento de piano un dos temas musicais propostos. As probas deron comezo hoxe no escenario do Salón Teatro, que acollerá sesións de mañá e tarde ata o vindeiro xoves, para trasladarse despois á sala Roberto Vidal Bolaño, no Campus Sur da Universidade de Santiago de Compostela, onde continuarán o venres e sábado.
Ensaios a partir de abril
Os dez intérpretes que finalmente superen o proceso de selección comezarán os ensaios o vindeiro mes de abril, xunto co resto do equipo artístico e técnico involucrado neste espectáculo musical de gran formato, a través do que o Centro Dramático Galego contribúe así mesmo á celebración en 2011 do Ano da Música de Galicia. A compañía pública actualizará esta coñecida ópera paródica, que na súa versión orixinal constituíu o éxito escénico máis relevante do dramaturgo alemán Bertolt Brecht, quen asinou a obra xunto ao seu compatriota Kurt Weill, autor dunha partitura que incorpora cabaré, jazz e música culta, aínda que satirizada. Posteriormente, algúns dos seus temas musicais adquirirían grande sona por si mesmos, como A balada de Mackie o Navalla, Jenny a dos piratas, A canción dos canóns, Barbara song ou A balada do bordel, inmortalizados por grandes figuras da música internacional. Baseándose na peza do dramaturgo inglés John Gay A ópera do mendigo (1728), en Die Dreigroschenoper –título orixinal en alemán– Brecht desenvolve unha historia de delincuencia, crise, prostitución, miseria e abusos, ambientada na Alemaña dos anos trinta. O popular delincuente Mackie Messer seduce á filla do rei dos mendigos deste submundo, no que unha voda nunha corte desencadea unha carreira vertixinosa en que os mendigos, as prostitutas e a policía comparten protagonismo cara a un final sorprendente.
Neste documental da BBC analízase a obra teatral de BrechtHai uns días, en Certo:
Ribeira, 22 de febreiro de 2011. “Manolo Ruíz e Ribeira están en forma”, é o título da acción preelectoral que Novas Xeracións e o candidato á alcaldía polo PP, Manuel Ruiz Rivas, organizan o sábado 5 de marzo ás cinco da tarde en Ribeira.
"Durante a xornada, realizaremos (entre outras actividades) aerobic, dirixido por profesionais que son moi coñecidos na nosa cidade. Novas Xeracións impulsa a realización de calquera deporte para unha vida saudable e equilibrada entre corpo e mente", explican en nota de prensa dende a organización xuvenil conservadora. "A nosa cidade entende moito de deportes e son varios os mozos que destacan a gran nivel. Somos unha potencia no eido nacional, europeo e internacional en varias disciplinas, por iso, unha vez máis imos demostralo a pé de rúa”, proseguen. Invitan a todos os cidadáns, sen distinticións de idade, a que se sumen a esta xornada aeróbica. "Os obxetivos da realización da actividade é promover o Deporte dunha maneira simple e cotidiá: Actívate, Créate e Libérate son os tres eixes que temos de referencia para crecer como cidade. Con Manolo Ruíz, os xóvenes, podemos ser máis fortes, con maiores “oportunidades”, con máis “liberdade” e con maior impulso da “creatividade” e das “ideas”. Somos unha cidade sen ideoloxías cerradas, temos a porta aberta a todo veciño ou persoa, e nestes intres somos exemplo para outros municipios, pola eficacia da política local do equipo capitaneado por Jose LuisTorres Colomer e mais a suma da boa sente que goza Ribeira. Contamos contigo, porque queremos que participes na creación da túa cidade. É de Todos. É para Todos", conclúen.