24.3.11
Noia: aprobada a Declaración de Impacto Ambiental que permitirá retirar a escolleira e rexenerar a Ría
Noia, 24 de marzo de 2011. Un dos capítulos máis longos e xa case aborrecidos da política noiesa parece estar a chegar á súa fin. O director xeral de Sostibilidade da Costa e o Mar (Ministerio de Medio Rural e Medio Mariño), Pedro Antonio Ríos, o delegado do goberno en Galicia, Antón Louro, e o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, anunciaron esta tarde a aprobación da Declaración de Impacto Ambiental que permitirá retirar toda a escolleira e rexenerar parte da Ría de Muros e Noia.
Segundo explicaron, o inicio das obras é xa para o mes vindeiro, abril, e mesmo Pedro Antonio Ríos chegou concretar que os traballos darán comezo "antes de los tambores de Semana Santa", ou sexa antes do 22 de abril, cando os tambores resoan na procesión do Encontro noiesa.
O que se vai facer
Política: o Bng di que sacar a escolleira é "unha operación estética"
Rexeneración da Ría: máis preto, trala reversión de 224.000 m2
Limpeza da Ría: lea no Parlamento sobre 400 hectáreas de lama
Escolleira: Adega fala de chafallada administrativa
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Noia: inauguran as obras da Casa da Xuventude, que se integra na rede territorial "Espazo Xove"
A noiesa é unha das primeiras casas da xuventude galega reformadas, cun investimento de 115.000 euros. Na inauguración estiveron representantes de todos os grupos políticos que agora conforman a Corporación. No centro haberá espazos específicos de vivenda, fomento do espírito emprendedor e difusión de recursos en materia laboral, ao tempo que prestará asesoramento nas temáticas relacionadas co servizo Quérote +
Noia, 24 de marzo de 2010.- O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, inaugurou hoxe a reforma da Casa da Xuventude de Noia, que prestará a partir de agora máis servizos á mocidade da comarca. Esta obra, na que se investiron preto de 115.000 euros, responde á integración destas instalacións na rede territorial de centros “Espazo Xove”. A remodelación que se levou acabo foi integral, xa que contaba cunha infraestrutura de máis de 20 anos.
Para coñecer o resultado destas obras, Rodeiro Tato desprazouse hoxe ata as súas instalacións. Durante a súa visita, destacou que a de Noia foi unha “das primeiras obras de casas da Xuventude que a Consellería abordou en Galicia, xunto coa de Betanzos, Pontedeume, Lalín e Curtis”. Para a modernización de todos estes centros no seu conxunto, o Goberno galego destinou uns 514.000.
Grazas a este remodelación do centro, os mozos e mozas de Noia e a súa comarca contarán a partir de agora con mellores e máis modernos recursos. De feito, un dos principais obxectivos da creación desta rede de “Espazo xove” é ofrecer nos centros temáticas transversais dentro dunha mesma área xeográfica, de xeito que se amplía o carácter máis local que tiñan ata agora as casas da xuventude.
De feito, para afondar neste liña, os centros desta rede, no que se inclúe Noia, coordinaranse cos distintos concellos do seu territorio, incrementando así a súa colaboración coas entidades locais, e coas entidades xuvenís de cada zona. Ademais, a rede territorial contará co apoio dun equipo de dinamizadores encargado de contactar co colectivo xuvenil.
No que se refire propiamente á organización deste centros, o director xeral de Xuventude salientou que todos eles contarán con espazos específicos destinados á vivenda, ao fomento do espírito emprendedor e á difusión de recursos en materia laboral. Tamén prestarán asesoramento nas temáticas relacionadas co servizo Quérote +, un abano de asuntos que o Goberno galego ten aumentado e que agora abrangue tamén, entre outros temas, trastornos alimenticios, sexualidade, saúde e drogas e condución responsable.
Ademais, estes centros servirán tamén de espazos de encontro, creatividade e formación a través de vías non formais. Así, a xuventude galega disporá nesta rede de salas de exposicións e zonas para actividades formativas.
O responsable da área autonómica apuntou que a reformulación destes centros de xuventude busca “respostar ás novas inquedanzas da xuventude galega, actualizar a nosa oferta de cara eles e, moi importante, escoitar cales son as demandas dos propios mozos e mozas para poder satisfacer as súas necesidades”.
Ademais de visitar as novas instalacións, o director xeral de Xuventude presidiu o encontro territorial de informadores xuvenís.
Rodeiro explicou que este novo modelo de encontros cos técnicos das Oficinas Municipais de Información Xuvenil (OMIX) permite traballar en “grupos pequenos” que favorecen unha “maior participación”, así como promove a posibilidade de debater os problemas máis próximos á realidade dos participantes. Ata o de agora, os encontros que se viñan mantendo eran de carácter provincial.
Durante a xuntanza, os responsables da área autonómica de Xuventude, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, deron a coñecer a “Estratexia de Xuventude 2013”. Trátase dun documento de utilidade, que debe servir como referencia para o traballo diario dos informadores e que define o programa a seguir en materia de mocidade durante os próximos catro anos.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: o alcaldable polo PP organiza novos encontros preelectorais este sábado 26
Acto de precampaña do PP de Ribeira que se titulou "Manuel Ruiz está en forma" Ribeira, 24 de marzo de 2011. Baixo a denominación “Dúas horas de cultura e lecer con Manolo Ruiz”, os encontros do candidato polo Partido Popular á alcaldía de Ribeira recalan de novo esta fin de semana en Santa Uxía. Haberá outro encontro para que os veciños e veciñas da cidade teñan oportunidade de expoñerlle aquelas inquedanzas, suxestións e ideas en xeral que consideren beneficiosas para a mellora do concello. A cita está programada para de 18 a 20 horas no parque García Bayón.
Parque García Bayón
Por outra parte, o acto contará con actividades de índole lúdico e cultural especialmente pensadas para os máis pequenos: haberá monicreques, paiasos, obradoiro de regalos, maquillaxe ou globlofexia.
"Este tipo de encontros están sendo moi ben recibidos polos veciños, pois danlles oportunidade de poder charlar cara a cara co candidato Manuel Ruiz acerca daquelas cuestións que máis lles importan. Así se puxo de releve nas dúas xuntanzas acontecidas a pasada fin de semana, que reuniron a máis de medio millar de persoas entre Palmeira e Carreira e se abordaron temas como o deslinde en Areeiros e Palmeira Norte, as posibilidades construtivas nos núcleos afectados polo parque natural ou a mellora dos paseos e pasarelas do litoral ribeirense", explica o gabinete de prensa do PP local.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: 300 escolares festexan no parque dunar o Día da Árbore este venres 25
Entre as autoridades que está previsto acudan ao evento figuran, ademais do alcalde e as concelleiras competentes, o xefe de servizo de Conservación de Natureza, Carlos Muñoz; e a directora do parque, África Núñez.
Programa previsto:
10.30.- Recollida de alumnos/as e profesores/as por monitores/as nos distintos centros, e traslado en autobús ao parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixan.
11.00.- Recepción de alumnos/as e profesores/as no CIELGA polas distintas autoridades e técnicos, e realización de actividades guiadas polos/as monitores/as:
- Plantación de especies autóctonas no Parque Dunar do Vilar.
- Charla no salón de actos sobre o Parque Natural e as súas especies.
- Actividades medioambientais cos monitores/as.
14.00.- Comida.
15.00.- Xogos de natureza para os rapaces cos monitores/as.
16.30.- Fin da celebración do “Día da Árbore” e regreso nos autobuses aos respectivos Colexios dende o Parque Dunar do Vilar.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: o alcalde e o presidente a Autoridade Portuaria de Vilagarcía abordaron a colocación dunha nova baliza en Centoleiras
Un dos temas abordados foi o da próxima colocación dunha nova baliza nos petóns de Centoleiras, punto situado na bocana da ría (entre as illas Centoleiras e a illa Vionta). Esta actuación tan só está pendente de que se dean as circunstancias meteorolóxicas favorables no mar.
Faro de Corrubedo
Tamén se falou da adecuación do entorno do faro de Corrubedo. A este respecto, buscarase unha solución inmediata ao arranxo da estrada que sirve de acceso a esta construción. Ademais, ambos coincidiron na idoneidade de establecer un convenio entre a Autoridade Portuaria e o Concello con miras á remodelación e mellor aproveitamento social do entorno, incluídas as construcións que alí se atopan: un punto este último que seguirán tratando de cara a súa cristalización.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: "Carrachanacacha" estará "Comendo pementos de Padrón con Tarantino" este venres 25
Uns pican e outros... Ribeira, 24 de marzo de 2011. Con motivo da celebración do Día Mundial do Teatro, a Concellería de Cultura e Festexos de Ribeira programa para mañá, venres 25 de marzo, ás 21.00 horas, no Auditorio Municipal de Ribeira, a función “Comendo pementos de Padrón con Tarantino”, a cargo da compañía de teatro “Carrachanacacha” da asociación “O aturuxo de Melpómene”, de Narón.
A función narra a historia dunha moza que quere ser cantante (interpretada pola actriz María Veiga), e a historia da súa nai (interpretada pola actriz Gena Hernández) e do seu pasado. Ademais únese a elas un pianista (interpretado polo actor Antonio Estévez) que pechará o círculo desta comedia surrealista que narra a singular vida destas dúas mulleres, nai e filla, cos seus encontros e desencontros na peculiar escalada da filla á fama en todo o mundo mundial.
O acceso é libre e de balde e as entradas poderanse recoller media hora antes do inicio da función.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
23.3.11
Boiro: o sábado 26 de marzo inaugúranse un aparcadoiro e pistas de skate
Boiro, 23 de marzo de 2011. O Concello de Boiro non podía ser alleo tampouco á febre inauguradora desta semana, a última en que se poden facer este tipo de actos vistosos para os políticos e innecesarios para os veciños. Este sábado, Xosé Deira, alcalde de Boiro, inaugurará ás catro e media da tarde a nova área dotacional e aparcadoiro na Avenida da Constitución, un espazo público bautizado como Praza Boqueira de “A Negral”, de acordo coa decisión adoptada no último pleno celebrado pola corporación municipal, e que inclúe servizos como aparcadoiro e novidosas pistas de “skate”.
Os novos servizos están ubicados nunha parcela de preto de 9.000 metros cadrados, na confluencia das rúas Constitución e Avellaneda, e consisten en equipamentos públicos como o aparcadoiro para autobuses, que conta con 5 prazas; marquesiñas; as pistas de “skate”; un espazo ao aire libre que pode aloxar a celebración de festas e outros actos, así como un soto para aparcamento de vehículos con capacidade para algo máis de cen prazas, dotado dos equipamentos correspondentes (vestiarios, aseos, etc.).
Esta actuación, dividida en dúas fases, foi financiada integramente con fondos FEIL 2009 e FEESL 2010, do Goberno Central, e superou os 2,3 millóns de euros.
O deporte ocupa un lugar destacado na xornada inaugural, que está estruturada do seguinte xeito:
13.30 h. Chegada a Boiro (diante da Cachada) do grupo de afeccionados ao BMX de Cangas, Bueu e Vigo. Encontro cos rapaces de Boiro e Vilagarcía afeccionados ao “skate”.
16.00 h. Torneo de tenis: de 16:00 h. ás 20:00 h.
16.00 h. Grupo de BMX nas pistas deportivas.
16.00 h. Gimcana ciclista: de 16:00 h. ás 18:00 h
16.30 h Comezo do acto institucional. Discursos, descubrimento de placa e percorrido das autoridades polas instalacións.
Outras convocatorias: Por outra banda, este venres 25, o concelleiro Xoán León dará explicacións da tramitación de licencias en Boiro e valorará o último informe sobre a construción do Colexio de Arquitectos de Galicia no que atinxe a Boiro. O mesmo venres, xa pola tarde, será presentada a programación de Semana Santa. Ás oito e media da tarde no centro social. Organiza parroquia de Santa Baia e Irmandade do Cristo da Misericordia. Estarán o alcalde, o concelleiro de cultura e o Irmán Maior (da confraría, non deles), Joaquín Núñez Hermo.
Pode que lle interese tamén:
Á luz das palabras: este sábado 26, con Ferrín e Moralejo
Aniversario: Aturuxo celébrao ao grande o 25 e 26
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
A Pobra: nova visita de conselleiro para anunciar investimentos
Javier Guerra visitou, como xa fixeran varios altos cargos en datas recentes, o mercado municipal, no que se teñen eliminado as barreiras arquitectónicas na zona comercial reformada. A Xunta aportou o 75% dos cartos que custaron as reformas.
Recente visita ao mercado para anunciar inversións, desta volta da Deputación
A Pobra do Caramiñal, 23 de marzo de 2011.- Continúa a pingueira de altos cargos polo Concello nesta semana de febre inauguradora. O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, visitou hoxe A Pobra do Caramiñal, no que a Xunta subvencionou as obras de mellora das zonas de especial actividade comercial, co obxectivo de potenciar ao pequeno e mediano comercio do municipio.
Ao abeiro do Plan Ágora-Agora re-Comercia, a Consellería de Economía e Industria subvencionou o 75% das obras de acondicionamento e rehabilitación das prazas de Maura, Rosalía de Castro e Galicia, así como das rúas adxacentes, que concentran o eixo comercial do Concello.
Estas reformas de mellora permitiron rehabilitar as laxas de pedra antigas e pavimentar tamén con pedra, cambiar as antigas tubarias de cemento por outras novas de PVC, cambiar a rede de sumidoiros, recuperar a fonte da Praza de Rosalía, mellorar a iluminación pública, favorecer a peonalización da zona (na que só está aberta ao tráfico a rúa Rafael Calleja, en determinados horarios, para permitir o abastecemento da zona) e eliminar as barreiras arquitectónicas, para facer accesible a rúa a todos os veciños da Pobra do Caramiñal .
Guerra salientou “as posibilidades de desenvolvemento do Concello da Pobra do Caramiñal” e apuntou que desde a Consellería de Economía e Industria, facilitouse a mobilización de investimentos por valor de máis de 5,25 millóns de euros e a concesión de préstamos a empresarios do Concello por valor de máis de 7,87 millóns de euros, nesta lexislatura.
En concreto, o titular de Economía e Industria salientou que o apoio da Dirección Xeral de Comercio ao comercio na zona fomentando a actividade dos centros comerciais abertos, respectuosos coa contorna tradicional; as prazas de abastos; a modernización das zonas comerciais e o relevo xeracional, nesta actividade.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
Ribeira: o Psoe programa este sábado 26 un debate sobre a cidade como xeradora de recursos
Ribeira, 23 de marzo de 2011. O Psoe de Ribeira organiza, dentro dos seus actos de precamaña, un debate sobre a cidade como xeradora de recursos. Será este sábado 26 no Liceo Marítimo de Ribeira ás doce do mediodía.
Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia
