29.3.11

Ribeira: o Psoe acusa ao Concello da sinistralidade viaria polo mal deseño dos pasos de peóns

Sdc14616

Ribeira, 29 de marzo de 2011. O grupo municipal socialista ribeirense presentou unha pregunta para ser respostada en pleno na que claramente acusa ao Concello de ser en parte responsable da alta sinistralidade viaria (no que se refire a atropelos) por causa do mal deseño dos pasos de peóns.

Pregunta íntegra:

PREGUNTA Á ALCALDÍA  SOBRE COUSAS QUE INCIDEN NA ALTA SINISTRALIDADE VIARIA EN RIBEIRA

Sr. Alcalde/Presidente do Concello de Ribeira:
O Grupo Municipal do PSDG-PSOE de Ribeira ten revisado unha vez máis o estado dalgúns dos sinais horizontais, nomeadamente os pasos peonís e espazos anexos, e quere significar, diante da súa autoridade no Concello, as importantes deficiencias que lles afectan, e que estamos seguros incidiron na alta sinistralidade acontecida nas últimas datas no municipio.
Queremos recordar que repetidamente, dende hai anos, vimos estando enriba desas deficiencias e reclamando por elas. Son deficiencias visibles para calquera, igual que se sabe razoablemente que cuns mínimos coidados ou cambios de postura se axudaría a favorecer a seguridade viaria. Son deficiencias tan evidentes como, entre moitas outras:
• A existencia de baches ou firme irregular nos pasos de peóns.
• Ubicación desaconsellable dos pasos.
• Pasos en cambios de sentido que inducen obturación de vías.
• Pasos que inducen, pola súa colocación, obturación de cruces.
• Pintado dos pasos de cor non permitida.
• Pasos á saída de cambios de rasante.
• Pasos que saen, irregularmente, de puntos cegos.
• Pasos sobre catro carrís viarios sen sinalización de semáforo.

Tanto en Sesión Plenaria, como en rogos, como a través dos nosos escritos e mocións, témos reclamado atención e demandas sobre un problema ao que, visto o estado actual e pasados vinte anos, non se atendeu. Por iso, o grupo municipal do PSdeG-PSOE de Ribeira presenta a vostede a seguinte PREGUNTA:

Sabía Vde. Sr. Alcalde que en Ribeira se dá o fenómeno único, ilegal e esperpéntico en que un paso peonil desemboca directamente nunha vía de circulación rodada?
Sabe Vostede que dito paso está fronte ao Centro Educativo do Instituto de Bacharelato?
Sabe Vde. Sr. Alcalde, que ese paso leva así, e sendo repintado, cerca de dez anos (10 anos)?
Como actuaría o Concello en caso de accidente e litixio con Seguros?
Como llo explicaría ao peatón?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Concello felicita á artista boirense Marta Ríos polo seu premio como Mellor Actriz Secundaria nos "María Casares" de teatro

Marta_ros_en_volpone

Boiro, 29 de marzo de 2011. O Concello de Boiro, a través do Alcalde, Xosé Deira, e do Concelleiro de Cultura, Xerardo Piñeiro, quere manifestar a súa "satisfacción e orgullo" pola concesión do premio “María Casares” de teatro á actriz boirense Marta Ríos, na modalidade de mellor actriz secundaria, así como trasladarlle os parabéns de toda a corporación. Estes galardóns, promovidos pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, chegaron á súa XV edición e entregáronse o pasado día 23 no Teatro Rosalía de Castro de A Coruña. Marta Ríos foi premiada pola súa interpretación na obra Volpone, de Talía Teatro.

Marta Ríos formou parte da compañía de teatro municipal boirense Teatro do Improvisto desde os seus inicios, no ano 1994, e tras moitos anos, foi unha das compoñentes que deixou o grupo afeccionado para pasarse ao teatro profesional con Talía Teatro, aínda que seguiu colaborando co grupo municipal. Na súa traxectoria profesional, que inclúe tamén a televisión, ten igualmente un oco para a docencia, xa que actualmente tamén imparte cursos de teatro en Boiro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: escolares do instituto "Félix Muriel" realizan intercambio lingüístico e cultural cun centro de Gondomar

A chuvia motivou que as visitas na vila fosen interiores, maiormente a museos

Rianxo, 29 de marzo de 2011. No día de onte, luns 28 de marzo, arredor dun cento de estudantes de secundaria desafiaron á chuvia para realizar o intercambio lingüístico e cultural que levan organizando durante todo o curso os Equipos de Dinamización Lingüística dos dous centros.

 

O estudantes do IES Auga da Laxe de Gondomar achegáronse onte á vila rianxeira para participar nunha actividade xa tradicional do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) do IES Félix Muriel de Rianxo: o intercambio con alumnado doutro EDLG dun centro de ensino secundario de Galicia.


Coa finalidade de que o alumnado de Gondomar  vise como o galego é a lingua espontánea do alumnado rianxeiro, organizáronse unha serie de actividades de convivencia que xa comezaron hai varios meses cando os rapaces e rapazas dun e doutro centro entraron en contacto por correo electrónico e a través das redes sociais, ata que onte se celebrou ou primeiro encontro presencial.  O alumnado rianxeiro presentoulles, dentro do IES, o seu concello e mais o traballo que desenvolven no Equipo de Dinamización da Lingua Galega, e logo fixéronlles de guía nunha visita pola vila.


Debido ás condicións climatolóxicas, parte do roteiro efectuado polas rúas de Rianxo foi suspendido e ambos IES ocuparon a maior parte do tempo nos museos da vila: o Museo do Mar e o recentemente inaugurado, Casa-museo de Manuel Antonio. Xa pola tarde, acudiron todos ó concello de Ribeira para visitaren o complexo dunar de Corrubedo.


O alumnado dun e outro centro interactuou perfectamente e os mozos e mozas de Gondomar tiveron oportunidade de falar en galego con outros da súa idade que teñen esta lingua como habitual, algo que no sur de Galicia e mais concretamente nos arredores da cidade olívica é difícil de atopar, segundo apuntou Valentina Formoso, profesora do IES "Félix Muriel" e cofundadora da coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o alcaldable do Bng promete apoio ao festival de AntrosPinos en Taragoña

Xuntanzaantrospinos

Rianxo, 29 de marzo de 2011. Na rolda de encontros que o candidato do BNG está a manter cos colectivos sociais da localidade, Adolfo Muíños desprazouse até Taragoña para recibir cumprida información das demandas do colectivo Antrospinos, unha das asociacións máis dinámicas do municipio e que está promovendo actividades culturais con propostas "novidosas e refrescantes" para os máis mozos non só da parroquia taragoñesa, senón de todo o Concello.


En primeiro lugar Adolfo Muíños comprometeu a vontade de apoiar desde o Concello, se os veciños lle dan o seu apoio o 22 de maio, o Festival Antrospinos do verán para contribuír a convertelo na grande cita musical do Barbanza na onda doutros festivais veteranos como a Festa da Carballeira de Zas ou o Intercéltico do Morrazo. A dimensión acadada desde a última edición fai que sexa este o obxectivo da asociación e na que debe confluír a acción de goberno municipal para a súa consolidación, expansión e difusión. "O apoio do Concello debe ir máis alá da posta en funcionamento dos servizos de seguridade e limpeza e colaborar co sostemento económico e búsqueda de patrocinios", salienta Muíños.

Antrospinos está a desenvolver tamén desde o centro cultural de Taragoña outros proxectos en datas sinaladas como o Día das Letras Galegas ou o Entroido e que mesmo fixo achegarse á canle autonómica á localidade para realizar unha gravación deste evento.


Como aos demais colectivos, o alcaldable do Bng manifestou a vontade de darlles voz ás asociacións a través dos consellos de participación que se creen na futura corporación e a obriga dos servidores públicos de manter xuntanzas periódicas cos veciños organizados en colectivos sociais.

Telecentro en Taragoña


Adolfo Muíños informou á directiva tamén do proxecto longamente demandado desde o BNG de crear un Telecentro de Comunicación en Taragoña, a sumarse á Aula de Informática de Rianxo, dentro da rede galega de telecentros. Sería axeitado un espazo duns 100 m2 acondicionado acústicamente que disporía de material informático (ordenadores, impresoras, etc.), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección, etc, para realizar actividades de informática e apoio ás novas tecnoloxías. Como complemento daría cobertura web (que funcionase) a toda a praza de Campo de Pazos, dentro doutro proxecto de expandir en prazas públicas das parroquias a internet.

Emprego de YouTube
O candidato nacionalista á alcaldía está a empregar o portal máis grande de vídeos en Internet para difundir a súa mensaxe:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.3.11

A Pobra: rematadas as obras de mellora da piscina municipal

A Pobra, 28 de marzo de 2011. O alcalde da Pobra do Caramiñal, Isaac Maceiras, acompañado dos directivos da empresa adxudicataria da concesión para a súa xestión, Aquagest, visitaron as melloras realizadas na piscina municipal, que se elevaron a case 200.000 euros.

     Inaugurada en xuño de 2006, a piscina presentaba un estado xeral bo, pero na zona de aparcamento existía unha superficie aínda sen pavimentar que con choiva producía certas molestias aos usuarios. Acondicionouse esa parte e realizáronse reformas nas instalacións para mellorar a oferta de servizos a todos os usuarios e que consistiron en:

Urbanización da parcela dotándoa de pavimento de formigón impreso nunha superficie de 170 m2, na cal se crearon dez prazas de aparcamento, unha delas reservada para persoas con diversidade funcional.
Na zona de acceso instalouse unha porta cortaventos conxuntamente coa existente, pechando deste xeito a marquesiña cun acristalamento climalit.
Na planta baixa, executouse un recinto termal, na zona anexa ao vaso da piscina.
Na primeira planta derrubouse parte da tabiquería pertencente a dúas das salas anexas ao ximnasio, e nunha delas, ademais, colocouse solo de caucho.
Ampliouse unha nova sala na dobre altura existente fronte ao ximnasio.
Arranxáronse os danos existentes no edificio ocasionados pola presenza de humidades en determinadas zonas.

     O equipo de goberno agradece á empresa adxudicataria "o bo traballo que vén desenvolvendo coa prestación deste servizo e, como non, por estas obras realizadas que redundarán en beneficio de todos os pobrenses engadindo novas ofertas de actividades ás propias da piscina e tamén ás que ten o concello".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a candidatura do BNG preséntase este xoves 31 de marzo oficialmente

tarxeton candidatura.pdf Download this file

Media_httpfarm6static_zngid


Noia, 28 de marzo de 2011. A presentación da candidatura electoral municipal do BNG de Noia vaise a realizar o próximo xoves, día 31 a partir das 20:30 horas no novo edificio administrativo do Espirito Santo (antigo matadeiro). Á conclusión do acto haberá uns petiscos no Restaurante MARICO, sito na rúa de Galicia.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o alcaldable do PP cre que a nova lonxa comezará a remodelar a fachada marítima ribeirense

Ribeira, 28 de marzo de 2011.- O mal tempo reinante durante a tarde do sábado impediu que o acto “Dúas horas de cultura e lecer con Manolo Ruiz” se celebrase no parque de García Bayón, pero non evitou que un bo número de veciños e veciñas da cidade acudiran a un emprazamento alternativo á resgardo da chuvia: o salón de actos do Instituto Social da Mariña, na praza dos Mariñeiros, lugar onde unha das cuestións que máis interese suscitou entre os asistentes tivo que ver coa Nova Lonxa de Ribeira.

Así, en resposta a preguntas dos presentes sobre o que suporá para o concello esta nova infraestrutura, o candidato á Alcaldía polo Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, explicou que a posta en marcha da Nova Lonxa debe supoñer un antes e un despois no que á comercialización de produtos pesqueiros e marisqueiros se refire. “Ribeira vai disfrutar da mellor lonxa de España e incluso de Europa, e isto ten que servir de espaldarazo anímico para o noso sector do mar, tan maltratado por outras Administracións, pero sobre todo se ten que erixir nun polo de atracción para os axentes económicos capaces de dinamizar este sector”. 

O candidato popular fixo fincapé nos moitos postos de traballo que se xerarán en Riveira a raíz da Nova Lonxa, sen ter en conta os máis de 150 empregos directos que traballarán simultaneamente mentres se prolongue o proceso construtivo nos próximos tres anos.

Fachada marítima

Pero Manuel Ruiz foi máis aló e declarou que “este inmoble funcional e de vangarda vai ser o primeiro paso cara á remodelación da fachada marítima da cidade”. Neste sentido, o candidato popular lembrou que o inmoble vai ocupar tres veces máis de espazo que a lonxa actual, ata alcanzar os 17.000 metros cadrados de superficie, e isto permitirá, ao seu xuízo, a liberación de solo portuario para a realización de importantes actuacións municipais. 

“A Lonxa ten que ser a primeira peza do puzzle para cambiar o futuro de Riveira”, declarou, e puxo como o exemplo de actuacións que se derivarán desta infraestrutura a creación de novos accesos dende o paseo das Carolinas (“unha actuación que nos vai permitir unha remodelación integral de toda esta zona”) ou a firma de convenios que permitan o paso a dominio municipal de moitos edificios hoxe emprazados en territorio de competencia portuaria. 

Novo mercado

Así mesmo, Ruiz Rivas opinou que outra das zonas da cidade que deben rexistrar unha profunda reordenación é a da avenida do Malecón de tal xeito que se aproveite o inmenso potencial turístico desta zona, unha das máis fermosas da cidade. 

Neste punto, tamén se quixo referir ao Novo Mercado:  outro proxecto vangardista que incidirá moi positivamente na mellora arquitectónica da fachada de Ribeira, e que gardará contacto visual coa Nova Lonxa “pechando simbolicamente o ciclo de comercialización dos produtos gastronómicos e alimentarios que máis nos identifican aos riveirenses”.

Como corolario a todo o expresado, o candidato comprometeuse a que nos próximos días presentará  publicamente unha proposta de actuación con miras á mellora da fachada da cidade.

Por último, o candidato lembrou outras actuacións contempladas no seu plan de recuperación do litoral, como a mellora ou ampliación de paseos marítimos e pasarelas ambientais en todo o concello: actuacións todas elas que servirán para fortalecer a imaxe turística do municipio.

Relacionadas:


Precampaña: a nova lonxa, para este ano primeiras obras, disque


Praza de abastos: presentado o novo deseño



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o pazo de Goiáns recibe visita parroquial con misa de campaña incluída este domingo 3 de abril

Media_httpfarm6static_myihh

Escolares visitando o pazo

Boiro, 28 de marzo de 2011. Este vindeiro domingo, 3 de abril, integrantes da parroquia de Santiago de Lampón realizarán unha visita ao pazo de Goiáns, na que se inclúe unha misa de campaña. O acto está aberto a tódolos veciños que desexen asistir, e encádrase dentro do programa de visitas organizadas con asociacións, colexios e outros colectivos que o Concello de Boiro pon en marcha co obxectivo de dar a coñecer ao pobo a fortaleza e a súa finca.

O programa desta visita é o que segue:
11:15: Concentración no adro da igrexa de Lampón
11:30: saída da andaina cara ao pazo
12:00: inicio da visita guiada á finca e Pazo de Goiáns
13:00: Misa de campaña cantada na honra da Virxe da Boa Viaxe

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Méndez Ferrín e o pescador de troitas Moralejo foron agasallados cunha comida polo equipo de goberno

Ferrn_2

Boiro, 28 de marzo de 2011. O pasado sábado 26 estiveron mantendo un encontro "intelectual" o actual presidente da Real Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o catedrático de Grego na Usc, columnista en castelán en vellos medios impresos e recoñecido pescador de troitas (grazas, Arume dos Piñeiros), Juan José Moralejo Álvarez. Na imaxe, aportada polo Concello de Boiro -imaxinamos que dende mañá xa non se poderán facer este tipo de fotos, por se son interpretadas como fachendeo electoral- están no Arume, un local de hostalería no que ambos "intelectuais" foron agasallados cunha comida polo equipo de goberno. Para quen non coñeza a Ferrín e Moralejo: son os apostados a ambos lados da única muller -ignoramos quen é ela- na fotografía. Moralejo leva garabata e Ferrín está á dereita na imaxe, ao pé de Xosé Deira, alcalde de Boiro, que á súa vez está ao pé de Xosé Luís Axeitos, académico de Rianxo que tivo moito lío ese día, pois abriuse a casa museo de Manuel Antonio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: veciños de Bertamiráns achegáronse ás terras que serviron de inspiración a Valle

Dscf5447

A Pobra, 28 de marzo de 2011. Procedentes de Bertamiráns, no veciño concello de Ames, o sábado día 26 de marzo pola tarde, achegouse ás terras barbanzanas un grupo formado por máis de 200 persoas de distintos grupos de idade. Logo de visitar un concello veciño, decidíronse a coñecer tamén a terra barbanzana máis cercana ó gran escritor que foi Valle-Inclán: A Pobra do Caramiñal, onde subiron ó miradoiro da Curota e unha vez no centro da poboación,  recorreron as rúas da literaria vila  e achegáronse ás instalacións do Museo Valle-Inclán acompañados por técnicos de cultura do seu concello, e foron recibidos pola técnica Begoña Olveira Sanisidro. Algúns deles decidiron levar un recordo da súa visita plasmado nunha fotografía diante da entrada da xoia plateresca do Barbanza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical