19.5.11

Sanidade: presentan 7223 sinaturas na Consellería pola Non Privatización do Servicio de Diálise do Hospital da Barbanza

Barbanza, 19 de maio de 2011. Hoxe, xoves, 19 de maio de 2011, unha representación da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza, presentou no Rexistro da Consellería de Sanidade, en San Lázaro-Santiago 7223 firmas de usuarios, profesionais e veciños de toda a comarca da Barbanza, para pedir á Consellería de Sanidade, que se amplíe o servizo de diálise do Hospital Comarcal da Barbanza, pero utilizando medios públicos, sen recurrir a empresas privadas nin fundacións.
A Plataforma xa realizou varias mobilizacións na comarca, con manifestacións nas rúas de Ribeira, e en Boiro, contando con gran apoio dos veciños, e continuará coas mesmas ata que os responsables de Sanidade da Xunta se pronuncien nun sentido favorable ás súas peticións.

Antes, en Certo:

Hospital: ampla mobilización contra a privatización da diálise

Sanidade: piden celadores para Barbanza e mándanlles policías

E outras novas que publicamos...


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Grupo Filatélico adica as Letras Galegas a reivindicar a figura de Domingo Fontán cunha exposición

Noia, 19 de maio de 2011. Ata o vindeiro domingo, 22 de maio, poderá verse na sala de exposicións do Coliseo Noela de Noia unha exposición sobre o sabio Domingo Fontán, un eminente xeógrafo e matemático galego que viviu durante unha tempada na vila noiesa, nunha casa situada enriba da praza de abastos que acaban de restaurar. Os responsables do Grupo Filatélico de Noia quixeron reivindicar esta figura no canto de Lois Pereiro (a quen está adicado o Día das Letras de 2011) pola dificultade de presentar sellos sobre o antes descoñecido e agora afamado poeta punk. Para a inauguración trouxeron como invitado ao vicepresidente da Fundación Domingo Fontán, César Camargo, que agradeceu a contribución da Sociedade Filatélica de Noia ao rescate da senlleira figura de Fontán.


A Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán pode verse enteira agora na Cidade da Cultura

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Mar Libre", rodada en parte en Sálvora, seleccionada para un festival en Canadá e outro en Shangai

Mar_libre_cartel

Trátase do prestixioso Banff World Media Festival canadiense. A miniserie foi tamén seleccionada para o Shanghai TV Festival

Ribeira, 19 de maio de 2011. A miniserie "Mar Libre", dirixida por Dani de la Torre e producida por Ficción Producciones para a TVG, vén de ser seleccionada para un novo Festival Internacional, desta volta, o Banff World Media Festival, que se celebra en Canadá do 12 ó 15 de xuño vindeiro, no Fairmont Banff Springs Hotel, en Banff. O Festival contará coa presencia de broadcasters internacionais, produtores, guionistas, directores, distribuidores e executivos da industria da televisión e os medios dixitales de 25 países. Esta película de televisión foi tamén seleccionada para participar no Shanghai TV Festival, na súa 17ª edición. Competirá polo Premio Magnolia (Magnolia Award) na categoría TALKING TO THE WIND, (Falando co Vento), que se celebrará uns días antes, do 6 ao 10 de xuño próximo.


Mar Libre foi convertida en fotonovela pola revista Dorna
Dirixida por Dani de la Torre, "Mar Libre" tivo como directora de produción a Mamen Quintás; Eva Camino foi a figurinista; os guionistas foron varios: Alberto Guntín, Victoriano Sierra, Daniel Saenz e Dani de la Torre. E os intérpretes foron Xúlio Abonjo, José Barato, Mela Casal, Xabier Deive, José Ángel Egido, Miguel de Lira, Wuilliam Miller, Isabel Naveira, María Vázquez, Luís Castro Zahera e Manuel Olveira ‘Pico’. A música é de Manuel Riveiro, e a produción executiva, de Julio Casal. Os fastuosos escenarios naturais rodáronse na illa de Sálvora, fronte a Ribeira.
O Banff World Media Festival é unha cita que reflicte tanto o cambiante escenario da industria de contidos dixitais como a crecente amplitude de delegados que se reciben nos Rockies cada ano, segundo afirmou o Presidente do Consello de Directores da Fundación Banff World Media Festival, Michael Hennessy. "A medida que avanzamos, o Festival continuará ofrecendo o que conseguíu con este festival, que foi convertilo nun evento indispensable ó longo de tres décadas: contido innovador, figuras líderes da industria e unha locación espectacular".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: veciños de Miño visitaron o Museo de Valle e os atractivos da vila

A Pobra do Caramiñal, 19 de maio de 2011. As terras barbanzanas da Pobra do Caramiñal recibiron esta mañá a visita dun novo grupo disposto a coñecer os seus segredos. Nesta ocasión foron 56 persoas as que chegaron desde o concello coruñés de Miño e gabearon pola Serra do Barbanza ata a cima da Curota coa fin de disfrutar das panorámicas sobre as rías de Arousa e de Muros-Noia. A cita nas instalacións do Museo Valle-Inclán concertouse ás 11:00 h da mañá, onde foron recibidos pola técnica Begoña Olveira, encargada de conducilos polas distintas dependencias e aproximalos á figura do recoñecido escritor e maila súa obra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: os últimos actos culturais de maio, da man de Barbantia, o 27 e 28 de maio

Media_httpfarm6static_yvhpd

O escritor e psiquiatra ribeirense Fidel Vidal presenta libro sobre a figura do pai en Manuel Antonio

Rianxo, 19 de maio de 2011. A Asociación Cultural Barbantia é unha das organizadoras da presentación do libro de Fidel Vidal O sol da tristeza. A figura do pai na obra de Manuel Antonio, nun acto que terá lugar o venres 27 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio de Rianxo, e no que estarán presentes, ademais do autor, Miguel Anxo Fernán-Vello, director de Espiral Maior; Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega; Milagros Torrado, secretaria de Barbantia; e Pedro Piñeiro, que aínda será alcalde de Rianxo en funcións.

Media_httpeniacinform_daqza

Xesús Santos, un dos factótums de "Airiños"

Así mesmo, Barbantia, xunto cun medio de comunicación, co Centro Cultural “Simón Varela” de Asados, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o grupo de teatro “Airiños” e o Concello de Rianxo convidan á presentación do libro Cadro Artístico: Airiños. 75 aniversario, nun acto que terá lugar no Auditorio de Rianxo o sábado 28 de maio, ás 19:00 horas. Estarán presentes, entre outros, Xosé Luís Axeitos e Xesús Santos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: María Xosé Blanco e Carlos Mosteiro gañan ex aequo o oitavo certame de relatos "Liceo de Noia"

Media_httpeniacinform_oszqg

Carlos Mosteiro foi entrevistado en Certo hai tempo

Noia, 19 de maio de 2011. O xurado do VIII Certame de relatos Liceo de Noia, conformado polos escritores Rosa Aneiros Díaz, Ramón Caride Ogando, Antón Ribeiro Coello e Ramón Carredano Cobas, no nome da Sociedade Liceo, actuando coma secretario, sen voz nen voto, acordou por unanimidade outorgar o premio ex equo ás obras “Naia” e “Vladimir”, de Mª Xesús Blanco López e Carlos Mosteiro Fraga, respectivamente. O fallo deuse a coñecer o pasado 17 de maio, cadrando co Día das Letras Galegas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arte: Ismael Teira presenta hoxe en Santiago "Compostela: camiños de desexo"

Item Thumbnail

Noia, 19 de maio de 2011. Este xoves 19 de maio ás 20:30 h. terá lugar en Baleiro a festa de presentación do proxecto Compostela: camiños de desexo, de Ismael Teira, coa apertura dunha instalación no propio local e na que presentarán o libro de artista que se repartirá, de balde, entre os asistentes. A edición está acompañada de textos de Victor E. Pérez Viqueira, Daniel López Abel e Íñigo Mouzo Riobó.

 

O proxecto, premiado en Creación Injuve 2009, estivo presente na mostra colectiva que tivo lugar nese mesmo ano no Círculo de Bellas Artes de Madrid, e tamén nunha itinerancia por diferentes espazos: o Centro Cultural de España de Asunción (Paraguay); a mostra EFERVESCENTE no Palais de Glace de Bos Aires (Arxentina) ou o Festival de Arte Joven ARTENDENCIAS, en Pozuelo de Alarcón, entre outros.

 

Compostela: camiños de desexo é un proxecto producido por Baleiro e financiado polo Injuve  (Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade) e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da Universidade de Santiago de Compostela.

 

Á par, tamén están á venda na galería Metro de Santiago (Rúa Nova, 24) as pezas dunha edición limitada de fotografías dos atallos da cidade.

« Compostela: camiños de desexo é o resultado dun proxecto en proceso activo desde 2008 que presta atención ao fenómeno dos atallos, ou camiños de desexo: liñas que adoitan aparecer sobre o céspede creadas pola erosión causada por pasos humanos ou de animais. O amplo da investigación artística de Ismael Teira está formado por diversas pezas e soportes – fotografías, mapas, xeolocalizacións electrónicas e intervencións no espazo público – nos que reflexiona sobre a interacción entre o ser humano e o medio onde desenvolve a súa actividade. Neles, búscanse xeitos de documentar estes camiños creados polos peóns que debuxan redes de conexións e novas posibilidades de tránsito a través da cidade. Ditas liñas de traxectoria poden ser interpretadas como unha complexa interrelación entre o movemento mecánico, a capacidade de orientación e os cambios do medio no que teñen lugar. Por unha banda, os peóns tenden a coller o camiño máis curto cara o seu destino. Pola outra, procuran evitar as irregularidades do terreo. Por estes motivos unha persoa utiliza camiños existentes e, se a distancia relativa pode chegar a ser máis curta, crea novos atallos. Nun último momento, e se esta nova apertura é secundada por máis suxeitos, a vexetación desaparece e se delimita un trazo que confirma a apertura dun novo sendeiro. Non obstante, o fenómeno dos camiños de desexo tamén pode ser contemplado no sentido inverso, xa que a aqueles que deixan de ter un uso continuado vólvelles a crecer a herba e rematan por desaparecer. Esta lectura, determinada por continuas emerxencias e ocultamentos, comporta que o hipotético mapa da rede de atallos dunha cidade se reconfigure continuamente a través de longos procesos de cambio.»

Víctor E. Pérez Viqueira

Máis información:

www.ismaelteira.com

http://teira.blogspot.com

http://www.baleiro.org/node/161

http://www.baleiro.org/node/145

http://www.injuve.mtas.es/contenidos.type.action?type=165774548&menuId=165774548

http://www.injuve.mtas.es/contenidos.type.action?type=753699994&menuId=753699994

http://www.injuve.mtas.es/contenidos.downloadatt.action?id=1374933499


Anubl2

CV ACTUAL MAIO 2011.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Música: A Compañía do Ruído edita un novo disco, "Había de chover merda", que é xa o seu quinto traballo

Chover_merda


Ribeira, 19 de maio de 2011. A Compañía do Ruido está a presentar o seu quinto traballo discográfico, “Había de chover merda!!”. Este disco, que foi gravado no Estudio Amil, na Coruña, por Tomás Ageitos e Fran Amil, e masterizado por José Martinez “Bonjan", tamén na Coruña; ofrece nove temas, tres cortes de loucuras, cinco temas novos, e a recuperación dun tema de Bastantes Llon, “ O Currante”. O título do disco está en sincronía co da Festa da Chuvia deste ano, un festival no que os da Compañía do Ruído colaboran dende que naceu.
Para este cd contouse a maiores coa participación da "Capela lauda sion", coral da Pobra do Caramiñal, que ofrecen unha adaptación do "Currante" . Os baixos corren a cargo de Fernando Peón, actualmente no grupo The Covers band, e as baterías por Miguel Lama, un xoven músico do Norte de Galicia, así como as voces de Rebeca e Ángela Crujeiras, dúas rapazas da Ameixida que participan no "Coro do Bo Pastor de Castiñeiras”, que aportan un punto de cor cuns coros de Gospel en “Éche un equinosio, LLon”

O deseño gráfico do cd é obra de Pepe Hombre, músico, debuxante e fotógrafo de Ribeira, e vén presentado nun curioso formato, como un bloc de notas, cunhas láminas ilustrativas de situacións cotiás.

A Compañía do Ruido está integrada agora mesmo por oito músicos:

Suso Bello: voz e guitarra,
Sabela Olivares: gaita e piano,
Carlos Mariño: voz e guitarra.
Juancho Rivas: gaita e flautas.
Nando Pérez: clarinete e saxofón.
Chin chin: batería.
Pablo Vidal: baixo e contrabaixo,
Ismael Guisande: Tuba

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a última andaina de "Ponte a andar" é o 4 de xuño, á Illa de Ons

Andainaons

Ribeira, 19 de maio de 2011. A programación da temporada 2010-2011 de andainas que organiza a Cofradía da Dorna en colaboración co Concello de Ribeira pecha cunha andaina á Illa de Ons que terá lugar o sábado 4 de xuño.

Polas características do lugar vense obrigados a cambiar as condicións da andaina:

  • O horario de saida será ás 8:30 h. do Porto de Ribeira, no lugar indicado no mapa.

  • Hai que reservar praza, pois o barco que os leva á Illa de Ons só ten capacidade para 200 persoas. (Non se permiten mascotas).

  • As prazas reservaranse por riguroso orde de inscripción, que UNICAMENTE se pode facer dende o formulario que figura na páxina da Cofradía da Dorna (http://www.cofradiadadorna.com) e que se confirmará co ingreso bancario de 15,00 € (QUINCE EUROS) na conta de Caixa Galicia: 2091-0303-86-3000177362 unha vez que dende a organización confirmen no email de contacto que a reserva ten praza adxudicada (ENVÍA COPIA DO XUSTIFICANTE BANCARIO Ó MAIL OU Ó FAX 981874603).
  • Non se terá a ninguén por inscrito ata que se confirme o ingreso, polo tanto, se reserva praza e non fai o pago outros poden ocupar esa praza.
  • Chegarase a Ons ás 10:00 h. e escomezará unha andaina que percorrerá toda a illa pasando por tódolos sitios de interese. Constará dunhas etapas de 2:00 h., rematando no porto (punto de partida), e estarán acompañados dos monitores da Cofradía da Dorna en todo momento.

  • Haberá que comer na Illa, e ainda que hai establecementos que sirven comidas, recoméndase que cada un leve algo da casa xa preparado.
  • A tarde terémola libre para aproveitala como ben nos prazca.

  • O barco de regreso recólleos ás 18.00 h. no porto da illa e déixaos no porto de Ribeira unha hora despois.
  • Dende a organización insisten máis que nunca na puntualidade dos horarios establecidos pois dependen dun medio de transporte que esixe puntualidade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

18.5.11

Ribeira: Queremos Galego leu un manifesto fronte á sala museo municipal a prol do galego

Media_httpfarm3static_eicvo

Ribeira, 18 de maio de 2011. Coincidindo co día das Letras Galegas, a plataforma Queremos Galego no Barbanza, xunto coa asociación cultural Altofalante organizaron mobilización expansiva" pola lingua que nos une".
Media_httpfarm4static_ejckb

Esta actividade foi case simultánea en diferentes lugares do planeta e serviu para conmemorar a vida do poeta “punk” e cosmopolita Lois Pereiro e para pór en evidencia os ataques á lingua que está facendo, segundo esta plataforma, o actual goberno da Xunta de Galicia.

Media_httpfarm6static_ssuwg

En Ribeira este acto celebrouse na Rúa de Galicia en fronte ao Museo Municipal “Casa de doña Adela” ante un nutrido grupo de persoas. Ademais do manifestó léronse poemas de Lois Pereiro e textos de Castelao relacionados coa lingua. Entre os participantes da lectura estiveron: Xosé Antonio Vázquez Cobas (presidente de Altofalante), Luís Teira (concelleiro do BNG) e Dominga Brión (candidata á alcaldía polo Bng).

Media_httpfarm3static_csknb

MANIFESTO LIDO

Paremos os ataques contra o galego!
 

As galegas e os galegos festexamos no Día das Letras o feito de termos un idioma propio, milenario e fértil. Celebramos a lingua que nos une; a fala que herdamos e queremos deixar en herdo; a escrita que nos pensa, nos canta e nos soña.

Mais neste Día das Letras do ano 2011 non só podemos festexar e celebrar. Tamén nos vemos na necesidade de chamar a atención sobre os ataques que está a recibir nestes momentos o noso idioma. Estas inxustas agresións poñen en perigo o futuro da nosa lingua e da nosa cultura, ademais de debilitaren gravemente a convivencia e a cohesión social do país.

Temos que erguer a nosa voz para denunciar que a indefesión dos nosos dereitos lingüísticos é maior desde o momento en que a persoa que debería ser a primeira valedora do noso idioma –o presidente da Xunta– é o seu inimigo número un. Desde que Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como presidente do Goberno galego, hai xa dous anos, a Xunta aínda non adoptou nin un mísero adianto para a nosa lingua en ningún ámbito. Ben ao contrario, desde 2009 estamos a ver como se tenta facer, pola vía dos feitos, que o galego deixe de ser na realidade lingua oficial.

É difícil facer unha listaxe completa de todo o destruído, mais recordemos cando menos algunhas cousas:
 
- A pesar da oposición dos sindicatos, o PP aprobou en solitario unha reforma da Lei da Función Pública que elimina de feito o galego como requisito, colocándoo nunha posición secundarizada a respecto do castelán.
 
- A pesar do rexeitamento de sindicatos, asociacións de nais e pais, asociacións estudantís, institucións culturais, Consello Escolar de Galiza, etc., a Xunta aprobou un decretazo contra o galego que supón o modelo educativo máis regresivo de todo o Estado español. O galego é o único idioma do Estado que ten prohibido o seu uso en determinadas materias de ensino. Nestes momentos, só 10% da educación infantil das cidades é en galego, a pesar de que o solicitaron 40% das familias. Esta realidade amosa o verdadeiro sentido da mal chamada Lei de Convivencia, que persegue reducir aínda máis a presenza do galego na escola.

- Na administración de Xustiza, a Xunta distribuíu un programa informático que, desde maio do ano pasado, impide usar o galego.

- A Xunta ordenou aos centros de ensino que se desfixesen de 190.000 libros de texto gratuítos para as familias, adquiridos pola propia Xunta na anterior lexislatura e que tiñan unha vida útil de dous anos máis. O motivo é que estaban escritos en galego. A Asociación Galega de Editores calcula en 3,8 millóns de euros o valor dos volumes desbotados, que nunha parte volveu a financiar a Xunta –cun diñeiro público que sería moi necesario para outros cometidos–, e que tiveron que cubrir as familias no resto.

- A Xunta de Galiza, que tanto vende “austeridade”, leva malgastadas cantidades inxentes de diñeiro só en tentar reducir o galego no sistema educativo. A eses 3,8 millóns de euros de libros de texto inutilizados hai que sumarlle os 40.000 euros que custou mudar as Galescolas en Galiñas Azuis, os 160.995 euros da pseudoconsulta ás familias, etc. A presión social logrou parar unha campaña sobre o decretazo que a Xunta xa tiña adxudicada, por valor dun millón de euros, mais descoñécese a indemnización que a Xunta afrontou pola suspensión do proxecto.

- O presidente da Xunta ameaza con derrogar a Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade no Parlamento hai case 30 anos. Quere que os nosos nomes de lugar deixen de ter como forma oficial a propia, a galega.

- A vida cultural galega, nas súas diferentes expresións (audiovisual, teatro, música, etc.), está  a ser minusvalorada e desprotexida pola Xunta, ao mesmo tempo que desprezada e infrarrepresentada na CRTVG.

- A pesar de que o Estatuto de Autonomía sinala a obriga dos poderes públicos galegos de potenciar o uso do noso idioma tamén no ámbito informativo, moitos dos medios que utilizaban con normalidade a nosa lingua viron na obriga de fechar. A Xunta deu de baixa as subscricións e negouse a pór publicidade nos xornais electrónicos ou impresos que usaban o noso idioma e daban unha visión da realidade diferente á oficial. Debemos denunciar con claridade que esta política pon en perigo a liberdade de expresión.
 
O poeta Lois Pereiro, a quen lle dedicamos este ano o Día das Letras, di nun dos seus poemas:

      A amizade protexe e o amor cura

      o odio contaxia e fire

      a indiferencia mata.

Apliquemos estes versos á nosa lingua. Fronte ao odio e fronte á indiferenza, o noso amor.
 
Paremos os ataques contra o galego!

Media_httpfarm3static_ftqhb

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical