23.5.11

A Pobra do Caramiñal: os funcionarios festexaron á súa patroa, Santa Rita

A Pobra do Caramiñal, 23 de maio de 2011. Un ano máis, os funcionarios da bisbarra volveron honrar a súa patroa, Santa Rita. Nesta edición, a festa celebrárona na localidade pobrense, onde se reuniron máis de cen traballadores procedentes dos municipios de Rianxo, Boiro, Lousame, Noia, Outes, A Pobra e Porto do Son. 
Foi unha xornada moi especial, xa que moitos dos asistentes só se ven nesta ocasión, de ano en ano. Houbo intercambio de impresións sobre os convenios colectivos a rebaixa dos soldos e a proximidade das eleccións (celebrouse o venres 20 de maio).

Recepción no concello 

Á cita acudiron representantes da maioría dos concellos onde desempeñan os seus labores como funcionarias e funcionarios. Os actos arrancaron ao mediodía cunha recepción no concello pobrense, onde o alcalde, Isaac Maceiras, foi o encargado de darlles a benvida. A continuación, tivo lugar unha misa na igrexa parroquial de Santa María A Antiga do Caramiñal. Nada máis rematar os oficios relixiosos, os asistentes trasladáronse ao Museo Valle-Inclán, onde puideron coñecer parte da obra do dramaturgo e obxectos persoais do autor de Divinas palabras, da man da técnico do museo, Begoña Olveira. 

A xornada continuou no restaurante Pazo das Xunqueiras, onde efectuaron o xantar de confraternidade. Ás sobremesas, os políticos asistentes á celebración dirixíronlles uns breves discursos nos que, ademais de felicitalos polo traballo que realizan, animáronos a continuar coa súa labor. 
Pero non todo foi comer. A media tarde, a música invadía o salón de celebracións e os máis atrevidos saíron á pista para bailar. Os organizadores desta tradicional cita anual tiñan tamén unha sorpresa para os seus compañeiros: pases para acudir a unha céntrica discoteca da localidade para seguir a festa. 
Os funcionarios que acudiron á vila pobrense non se foron de baleiro. O Concello obsequiounos con varias guías alusivas do municipio e tamén a Mancomunidade Arousa Norte quixo estar presente cuns orixinais paraugas que se levaron de recordo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Atlético Riveira celebra o ascenso cun partido amistoso "Inesquecible" este domingo 29 de maio en Madrid

Ribeira, 23 de maio de 2011. Coa colaboración da peña madridista Amancio e do Concello de Ribeira, e como premio ao excelente traballo desenvolvido polo Atlético Riveira esta tempada, que acadou o ascenso á Primeira Autonómica, este equipo vai viaxar á capital de España para enfrontarse ao equipo xuvenil do Real Madrid, que milita na División de Honra e é o vixente campión nacional. 

Este duelo amistoso terá lugar o vindeiro domingo 29 de maio, ás 12 do mediodía, na cidade deportiva que o club merengue ten na localidade de Valdebebas e estará pitado por Mejía Dávila, ex árbitro profesional que pitou en Primeira División. 

Deste encontro e do resto de actividades programadas na viaxe deron conta o presidente da peña Amancio, José Manuel Pérez Sampedro Mariscal (quen tamén exerce de segundo adestrador no Atlético Riveira), Juan Manuel Blanco García en representación do club barbanzano, e os concelleiros de Cultura e Festexos e de Xuventude e Turismo, Luciano Fernández Martínez e Vicente García Rivas, respectivamente. 

Segundo informou Pérez Sampedro, o club partirá de Santa Uxía ás 12 da noite do 27 de maio en autobús. En torno ás 8 da mañá chegarán a Segovia, onde haberá oportunidade de visitar algúns lugares emblemáticos da capital de provincia, como o Acueduto, a Catedral e o casco antigo; así como o pobo de Villacastín. 

Copa do Mundo

O sábado 28 visitarán a Cidade Deportiva do Fútbol de Las Rozas, pertencente á Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Alí terán oportunidade de coñecer as instalacións, campos, vestiarios e ximnasios onde se exercitan as distintas seleccións nacionais e mesmo poderán ver no museo a Copa do Mundo conquistada o ano pasado en Sudáfrica. 

Xa pola tarde, farán outra visita ao Estadio Santiago Bernabeu, onde percorrerán as gradas, campo, vestiarios, sala de prensa, palcos vip, palco de honor, museo, etc... 

O domingo disputarán o citado amigable e despois emprenderán a viaxe de regreso a Ribeira. 

Juan Manuel Blanco García salientou e agradeceu o esforzo levado a cabo pola peña Amancio e polo Concello para que este desprazamento poda ter lugar, en tanto que Luciano Fernández manifestou que esta viaxe quedará de seguro na memoria dos rapaces do equipo. Pola súa parte, Vicente García resaltou que son moitas as empresas e institucións que se están volcando co Atlético Riveira. 

Ao finalizar o acto amosáronse as distintas camisolas deseñadas para conmemorar esta ocasión inesquecible.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

20.5.11

Noia: o Concello pide colaboración cidadá na web municipal, que comezou a funcionar en probas

Media_httpfarm6static_whcbo

Noia, 20 de maio de 2011. Xa funciona a web municipal do Concello de Noia case a pleno rendemento. Antes só estaba activo o "Perfil do contratante" pero agora está toda a interfaz en marcha. O alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, pediu a través de Facebook colaboración cidadá para corrixila, mellorala e completala. Unha petición que tamén realiza dende a propia web, no apartado "Saúda do alcalde":

"Agradeceremos todas as suxerencias que se fagan para completala, pois unha web, igual que a realidade, é sempre algo en permanente mellora e construción. Buscaremos dende o Concello ser o máis interactivos posibles e dar resposta ás necesidades informativas da veciñanza e de todos aqueles que nos escollan como destino da súa viaxe. Temos ante nós un novo e apaixoante reto: modernizar a administración municipal e conseguir unha democracia máis participativa e directa. Iso só será posible coa túa colaboración, a cal agradezo dende agora", explica.

E a colaboración, coa instantaneidade que ofrece Facebook, non se fixo agardar. Aos poucos segundos chegou a primeira crítica -constructiva iso si- sobre a web: "Muy buen diseño. Cero en usabilidad". Dende A Subela xa pediron que se complete o listado de asociacións: "Non está mal, quizáis poderiades engadir en cultura asociacións que hai en Noia, coma o Liceo, Mar de Noia, Amas de casa". Un usuario de Iphone advirte: "Miraa nun ipod/iphone/ipad. Vaise todo ó c***llo", ao que o alcalde resposta: "Ben, ben diso se trata de rebentala, e detectar todos os erros. Nunha semana a versión definitiva".
Á lista de recomendacións para mellorala súmanse todas estas: mellorar os menús,
engadir unha sección de anuncios onde se dea conta de actos, actividades, cursos e demais; corrixir a ligazón dos trámites para descargalos; facer unha sección con noieses destacados; incluír algunha farmacia que falta e poñer as de garda e colgar todas as ordenanzas para non ter que ir ao Concello a pedilas. Para ser o primeiro día en funcionamento, non está nada mal. Outra cousa non sabemos, pero apatía aos internautas noieses non se lles pode achacar.

Web de referencia
http://www.noia.es

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a campaña xudicialízase, igual que en Noia

Denuncia_psoe_boiro


Media_httpfarm4static_nbjfg

En Noia foi Marisol Villar (na imaxe), do N.O.I.A. quen denunciou ao alcaldable do PP

Boiro, 20 de maio de 2011. Estes días en Noia, hoxe en Boiro. E o protagonista denunciado, o mesmo partido: o PP. En ambos casos polo mesmo: difamación ou calumnias. Mentres en Noia o partido secesionado do PP, N.O.I.A, presentou unha denuncia contra Antonio Ínsua, o candidato á alcaldía polos Populares, por dicir que xa pactara o Psoe con eles para gobernar se acadaban apoios abondo, agora en Boiro a denuncia parte do Psoe polos pasquíns que estes días repartiron achegados do PP para poñelos, como vulgarmente se di, "podres". No ollo do furacán, como promotor dos pasquíns, o empresario mecenas da web da Catedral de Santiago, conserveiro e ex-alcalde conservador el.

Media_httpfarm4static_crksz

A denuncia presentada polo Psoe de Boiro pódena ler adxunta a esta información. O que solicitan no apartado B é tontería: os pasquíns xa circulan por Internet á velocidade de adsl e máis aló, mesmo no noso muro de Facebook colgaron algún. Os autores destas conductas fannas a sabendas de que a Lei Electoral actual (a reformada e a antiga) dá a risa en canto a sancións, como xa dixemos en precampaña. Será porque a fixeron os mesmos partidos que se están a denunciar entre eles?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o muro da desfeita urbanística na Arnela, de novo enlixado por todos os partidos

Media_httpfarm6static_kruta

O muro na actualidade, por Paco do Martelo

Porto do Son, 20 de maio de 2011. "Pouco dura a alegría na casa do pobre", laiábase onte Paco do Martelo no seu Facebook ao tempo que colgaba a imaxe que ven enriba. Este muro de Porto do Son, un dos máis "visibles" para calquera que circula pola estrada en dirección a Noia, xa fora obxecto de polémica entre todos os partidos no pasado. Foi empregado para colgar todo tipo de mensaxes, pero a súa estética cada vez desentoaba máis.

Media_httpfarm4static_tibvf

Tanto foi así que no blog Fonforrón, un día que viron que retiraban o cartel da desfeita urbanística, pensaron que se ía adecentar ao dereito e, nós, que somos botados para adiante cando nos peta, propuxémoslle a Paco do Martelo que fixera unha enquisa para propoñer ideas para ese muro, proposta que poden ver aínda aquí.

Media_http2bpblogspot_clsxw

Imaxe do blog http://fonforron.blogspot.com

Media_http4bpblogspot_dmuub

Imaxe de Paco do Martelo

A enquisa foi respostada por algúns internautas e quedou así. Pero nin se fixo mural (opción que gañou a enquisa), nin se pintou de todo -a pintura plástica blanca costa moito!-, nin se encintou. Tanto Paco do Martelo como o autor do blog Fonforrón como os de Certo nos precipitamos: nin voltou o sentido común, nin sacaron o muro da vergoña nin nada. Aos políticos de Porto do Son impórtalles ben pouco a imaxe que da o seu pobo.

Pode que dentro dun tempo haxa novos políticos neste concello e vexan os anos luz que nos levan, por exemplo, os veciños de Loulé, no Algarve portugués:

Media_httpfarm6static_hshag

Media_httpfarm6static_vadom

Media_httpfarm6static_pqgkd

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

19.5.11

Ribeira: a Festa da Dorna xa ten cartel oficial, feito por un integrante da peña Carallos de Rei

Cartel_dorna_2011

Olliño: comeza o mércores 20 e o sábado 30 de xullo é o Baile de Jala

Ribeira, 19 de maio de 2011. Na segunda asamblea de peñas da Cofradía da Dorna da fin de semana pasada, de cara á LXIII Singladura da Festa da Dorna, concentráronse 39 dorneiros en representación de 14 Peñas e máis algunha peña nova.

Os temas principais do día foron a presentación de candidatos para os concursos de deseño de cartel e sudadeiras. En Canto ao diseño de cartel presentaronse 3 posibles carteis dos cales foi escollido por 19 votos o deseño presentado por Jesús da peña Carallos de Rei frente a 10 e 7 dos demáis participantes, máis duas abstencións. Así Jesús Parada é o gañador do premio Salvador Daquí. Para o deseño de sudadeira houbo dúas propostas é gañou o concurso A Jata Ruín de la Praia a representante da Peña Comando Dorneiro por 26 a 13, máis o debuxo levaba máis cores dos permitidos e deéonselle uns días para adaptalo aos requisitos da sudadeira, por iso non amosan aínda o debuxo. Ambos concursos foron decididos por votación a man alzada.

Ademáis, presentáronse as actividades principais que coinciden cada un dos días da festa para tratar de atallar os diferentes rumores que circulan pola cidade centenaria. A dorna comezará o Mércores 20 co Facho dorneiro (aberto o prazo de inscripción nas asambleas), Enjalanamento de Fanequeiras, Rockandorna do país (apuntate na proxima asamblea) e Maratasón. O Xovés 21 continúa a festa cos Xogos de Mar, Jran Premio Ícaro de Voo Sen Motor, Exame de Patróns mais rockandorna. O Venrés 22 temos un día duro co Jran Prix de Carrilanas e o Juateke Dorneiro. O Sabado 23 seguimos adiante cos Xogos de Terra e Canción de Tasca e chega o Domingo 24 de Xullo Grandísimo día da Dorna coa Rejata de embarcacións feitas a machada e propulsadas a pan de millo, Romería dorneira, TOP SECRET e Rockandorna fin de Festa. O día 30 Baile de Gala.

Outro tema tratado na asamblea foi a organización por parte da R. e I. Cofradía da Dorna dunha rifa na que se sortea unha cea para dúas persoas no restaurante Gourmet Aljan (sito na avda Miguel Rodriguez Bautista) coas últimas 3 cifras do sorteo da lotería nacional do sábado 23 de Xullo. Xa están á venta por Ribeira ao módico precio de 1€: podelas atopar nas fanequeirasA Taberna do Riaso e O Triskel.

Faite sosio, fai favor!

Por último e non menos importante a Asociación Cultural Real e Ilustre Cofradía da Dorna recordou a todos os asistentes a posibilidade de facerse socios da citada asociación e así axudar a fortalecer a Festa da Dorna que ten o recoñecemento de Festa de Interese Turistico Cultural de Galicia. Ademáis esta asociación organiza numerosas actividades durante o ano entre as que podemos citar a Escola de Vela, os ciclos de andainas en Outono e Inverno a andaina en barco, a Carreira do Corgo, La Vos de Jalisia... así que sa sabes FAITE SOCIO!!!!, informate en real-e-ilustre@cofradiadadorna.com

As 14 peñas dorneiras participantes foron:
Cabuxos do Mar
Pateiros Palangreiros
Os Pintos Joden Quintos
Parrochas Papudas
Tabeiróns Caralludos
Carallos de Rei
Pescadillas con Ladillas
Arria o Jallo
Delirios Tremens
As Javotas van Jopas
Muxo Beti
Comando Dorneiro
Derrape Mental
Ratos da Illa
Caracolas en Xirolas


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: declaran Ben de Interese Cultural na categoría de Zona Arqueolóxica os castros de Neixón en Cespón

Media_httpfarm3static_rdqoa

O aríbalos de Neixón, unha peza que seguramente chegou de Ibiza aló polo século II antes de Cristo

O ámbito que comprende a declaración une ao extraordinario valor patrimonial o singular interese paisaxístico da paraxe natural na que se localizan os xacementos do Castro Grande e o Castro Pequeno de Neixón, aclara a Xunta de Galicia no Consello de hoxe. A delimitación establece unha área de protección integral, que abrangue os dous castros, e un contorno de protección, que é o espazo físico cuxa alteración podería afectar negativamente os valores, estudo e contemplación da zona arqueolóxica

Media_httpfarm3static_amxal

Escavacións en 2008, co CSIC
O destacado interese histórico de Neixón vén determinado porque comprende dous dos asentamentos máis representativos da evolución do mundo castrexo desde o século IV a.C ao IV d.C.

Boiro, 19 de maio de 2011. O Consello da Xunta declarou ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica, a área dos castros de Neixón, no termo municipal de Boiro. A elección desta área, que inclúe o Castro Grande, o Castro Pequeno de
Neixón e a paraxe natural en que se localizan, para a súa declaración como BIC, fundaméntase "nos seus excepcionais valores patrimoniais e na súa singular beleza paisaxística, reunindo no conxunto valores históricos singulares, ambientais e culturais que fan de Neixón un conxunto sobranceiro e de características únicas".
A delimitación da zona arqueolóxica alcanza a dous ámbitos definidos: área de protección integral e contorno de protección. Deste xeito, a área de protección integral abrangue os dous xacementos castrexos, Castro Pequeno e Castro Grande e os espazos anexos inmediatos, coincidindo os seus límites cos da unidade fisiográfica da península de Neixón. Pola súa banda, o contorno de protección é o espazo que dá soporte ambiental á área de protección integral e constitúe un ámbito físico cuxa
alteración podería afectar negativamente os seus valores, estudo e contemplación. Neste ámbito constátase e presúmese a existencia de materiais e/ou restos arqueolóxicos.

Media_httpfarm3static_blcoy

A declaración de ben de interese cultural coa categoría de zona arqueolóxica abrangue a totalidade dos rexistros arqueolóxicos vinculados aos xacementos do Castro Grande e Castro Pequeno de Neixón, incluíndo os bens inmobles, mobles e as evidencias materiais de carácter arqueolóxico e paleoambientais existentes na superficie, subsolo e baixo as augas. O ámbito que comprende a declaración aprobada hoxe polo Consello da Xunta une ao extraordinario valor patrimonial dos castros de Neixón o singular interese paisaxístico da paraxe natural en que se localizan. Así mesmo, a situación dos xacementos sobre unha pequena península ao fondo da ría de Arousa responde a un tipo de localización característica dos castros costeiros do noroeste. O ámbito delimitado como contorno de protección engade ao conxunto arqueolóxico a paraxe natural á que está indisolublemente unido por constituír parte da súa paisaxe cultural, incorporando ademais un sector baixo as augas interiores. Ademais, este ámbito destaca polo seu excepcional valor ambiental, respondendo ao arquetipo da paisaxe rural costeira, que conserva excepcionalmente a parcelación tradicional e un pequeno bosque autóctono na ribeira da praia de Lóbrigo, engadíndolle valor patrimonial ao conxunto arquitectónico formado polo pazo, pombal e hórreo de Ribademar.

Valor patrimonial único
Media_httpfarm3static_uhefd

A Xunta non se refire ao valor inmaterial da zona, onde a comunidade local aínda celebra unha romaría

O carácter paradigmático dos dous xacementos, que abranguen cronoloxicamente e de xeito continuado a totalidade da cultura castrexa do noroeste peninsular, confírelle ao conxunto un valor patrimonial único. Ademais, pola cantidade e calidade da información arqueolóxica que proporcionaron no pasado e seguen a proporcionar na actualidade, estes xacementos constitúen un referente fundamental para o coñecemento da protohistoria de Galicia. O seu destacado interese histórico vén determinado porque esta área arqueolóxica comprende dous dos asentamentos castrexos máis representativos da evolución destas comunidades desde a transición Bronce Final-Ferro I ata a época tardorromana.
Na área máis próxima a terra, o Castro Grande de Neixón identifícase como un poboado cinguido por fosos e unha muralla perimetral, mentres que a 200 metros del, na punta da península, o Castro Pequeno de Neixón constitúe un asentamento máis
antigo e de menores dimensións, tamén delimitado por unha muralla. Segundo diversas datacións, o Castro Pequeno de Neixón atópase entre os castros máis antigos de Galicia, cunha primeira fase de ocupación na transición Bronce Final-Primeira Idade do Ferro, presentando diferentes momentos de ocupación cun desenvolvemento pleno desde o século VI a.C. ata alcanzar o século IV a.C., momento en que as datacións indican que se está a construír o Castro Grande de Neixón, cuxa ocupación abrangue desde o século IV a.C. ata o IV d.C., xa na época tardorromana.

Estes xacementos achegan unha variada cultura material que destaca pola súa amplitude e calidade. O seu estudo segue a achegar datos fundamentais para o coñecemento da protohistoria de Galicia e Europa, en especial o seu material cerámico é referente fundamental na seriación tipolóxica da cerámica castrexa e a súa distribución territorial, localizándose en Neixón todos os tipos que definen a tradición oleira das Rías Baixas. Os materiais cerámicos achados na zona arqueolóxica de Neixón permitiron documentar temperáns contactos comerciais (século VI a.C.) entre o mundo castrexo e entre os circuítos comerciais mediterráneos (iberos, púnicos) e os posteriores entre o mundo romano e as comunidades castrexas do noroeste ata a época tardorromana. Así mesmo os materiais metálicos (especialmente bronce) evidencian unha intensa actividade metalúrxica, que remite ao desenvolvemento desta actividade no noroeste e dentro do marco do circuíto atlántico europeo, adscribíndose os materiais atopados no Castro Pequeno de Neixón a unha ocupación do Ferro I (séculos VII-V a.C.). A punta de Neixón constitúe un fito na historiografía galega, por canto foi un dos primeiros xacementos castrexos escavados, con anterioridade a 1925 por Manuel Otero e Roberto González, e posteriormente por membros do Seminario de Estudos Galegos, en concreto por Florentino López Cuevillas e Fermín Bouza Brey, constituíndo un referente ata a actualidade da arqueoloxía científica galega. A súa investigación desenvolveuse ata a actualidade por membros do Departamento de Arqueoloxía da Universidade de Santiago e do Centro Superior de Investigacións Científicas e actualmente continúa a achegar datos fundamentais para o coñecemento da protohistoria de Galicia e Europa.

Delimitación da zona
A delimitación da zona arqueolóxica de Neixón abrangue dous ámbitos: a área de protección integral e o contorno de protección.

A área de protección integral abrangue os dous xacementos castrexos, Castro Pequeno e Castro Grande e os espazos anexos inmediatos, coincidindo os seus límites cos da unidade fisiográfica da península de Neixón. O punto A sitúase na entrada do predio do Pazo de Ribademar, (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.065,59m; Y: 4.723.708,46m), desde aquí continúa en dirección leste, pola marxe esquerda da estrada local que desde a EP-1104, atravesando Quinteiro, leva ao lugar de Neixón ata chegar á confluencia coa pista que desde Neixón leva a Nine, onde se localiza o punto B (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.793,51m; Y: 4.723.867,22m). Desde o punto B atravesa en dirección leste a parcela 158 do polígono 736, pola cabeceira sur do campo de fútbol, ata o extremo do peirao de Pedra de Sar onde situamos o punto C (coordenadas Huso UTM-29; X: 513.125,36m; Y: 4.723.891,72m).
Desde o punto C bordea toda a zona costeira da península pola liña da baixa mar escorada ata o extremo leste da praia de San Vicente do Mar na súa confluencia coa pista que desde a EP-1104 leva ao lugar de Neixón, onde situamos o punto D (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.367,31m; Y: 4.723.748,19m). Desde o punto D continúa bordeando a praia de San Vicente do mar, segue en dirección oeste ata chegar ao primeiro cruzamento entre a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón e a pista que atravesa Quinteiro, onde situamos o punto E (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.086,07m; Y: 4.723.686,81m). Desde o punto E cruza a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón ata a entrada do predio do Pazo de Ribademar onde coincide co punto inicial A. O contorno de protección é o espazo que dá soporte ambiental á área de protección integral; constitúe un ámbito físico cuxa alteración podería afectar negativamente os seus valores, estudo e contemplación. Neste ámbito constátase e  resúmese a existencia de materiais e/ou restos arqueolóxicos.

O punto 1 sitúase na Punta de Areabaste de Quinteiro (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.198.56m; Y: 4.723.091,94m) desde aquí continúa cara ao oeste polo limite sur das parcelas 484, 504, 501, 542, e 541 ata o linde suroeste da parcela 560 do polígono 34 coa estrada provincial.
O punto 2 sitúase na confluencia da estrada provincial 1104 co linde suroeste da parcela 560 do polígono 34 (coordenadas Huso UTM-29; X: 511.994.65m; Y: 4.723.203,09m).
O punto 3 sitúase na confluencia da pista que conduce á praia de Lóbrigo coa EP-1104; a delimitación continúa pola marxe dereita desta estrada en dirección norleste ata chegar á desviación que conduce ao núcleo de Quinteiro, onde se sitúa o punto 4 (coordenadas Huso UTM-29; X: 511.986.78m; Y: 4.723.523.91m).
Desde o punto 4 continúase pola pista que conduce polo interior do lugar de Quinteiro ata o cruzamento entre a estrada que enlaza a EP-1104 con Neixón e a pista que atravesa Quinteiro, onde se localiza o punto 5 que coincide co punto E da
delimitación da área arqueolóxica (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.086,07m; Y: 4.723.686,81m).

Desde o punto 5, cruzando a estrada, bordéase o predio do Pazo de Ribademar polo camiño que o limita polo oeste ata chegar á confluencia co chamado camiño de Ribademar, no cal se localiza o punto 6 (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.053,15m; Y: 4.723.782,24m).
Desde o punto 6, cruzando o camiño de Ribademar, segue na súa marxe norte, para continuar en dirección norleste ata as ultimas casas de Ribademar e primeiras de Nine, no lindeiro leste da parcela 277 do polígono 736 onde se sitúa o punto 7
(coordenadas Huso UTM-29; X: 512.504,52m; Y: 4.723.963,50m).
Desde o punto 7 atravesa a pista ata o linde norte da parcela 270 do polígono 736, continúa cara ao leste polo linde sur da parcela 235 h e b do polígono 736, para atravesar a parcela 235 g, enlazando co camiño de acceso á parcela, e, desde aquí,
continuar cruzando a estrada que conduce de Nine a Neixón ata o extremo norleste do cruce onde situamos o punto 8 (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.714,08m; Y: 4.724.029,58m).
Desde este punto 8, pechando a península, séguese a dirección leste pola pequena depresión en que se encaixa a pista que conduce ao peirao de Pedra do Sar, prolongándose a liña delimitadora ata a costa, na liña da baixa mar escorada, onde se
localiza o punto 9 (coordenadas Huso UTM-29; X: 512.752,81m; Y: 4.723.888,39m). Desde o anterior punto o ámbito do contorno alcanza as augas interiores e o leito mariño sinalado no plano anexo (de aproximadamente 200m de largo, medidos desde a liña da baixa mar escorada cara ao exterior da ría (as liñas de base da ría).

Antes, en Certo:

Serie NEIXÓN: A NOSA TORRE, por Xurxo Ayán



Neixón: A nosa torre V
(Bienvenido Mr. Marshall)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a oposición deixa sós no pleno ao equipo de goberno do Psoe e Bng

Porto do Son, 19 de maio de 2011. Os partidos con representación no pleno sonense, Partido Popular, Alternativa Veciñal Sonense e Independentes por Porto do Son, realizarón esta maña unha rolda de prensa diante da casa consistorial para criticar ao goberno bipartito e explicar a postura de non acudir ao pleno "como resposta á dictadura á que estamos sometidos por parte do goberno do PSOE e BNG". Tamén aportaron as alegacións dunha empresa que considera "alegal" a adxudicación da piscina municipal, as cales adxuntamos nesta información.

Segundo expresaron en nota de prensa, "os Grupos Politicos con representación no Pleno da Corporación Sonense, non saímos da nosa incredulidade pola convocatoria dun Pleno por parte do goberno bipartito do PSOE e BNG co gallo de deixar atados os seus compromiso con obras que, segundo eles, xa están executadas ou van poder utilizarse neste vindeiro verán". Tanto o Portavoz Municipal de IPS, e actual alcaldable de AVS, Javier Quiñoy xunto o Portavoz Municipal do PPdG Sonense, Manuel Tomé Piñeiro e acompañados por distintos edis que conforman ditos grupos políticos, fixeron, esta maña unha rolda de prensa para manifestar "unha vez máis, as formas e maneiras
que este bipartito fai uso do goberno municipal sonense". Javier Quiñoy Taboada remarcou que, "unha vez máis a falta dunha planificación e improvisación sistemática de non contar en ningún intre cos membros da oposición municipal durante estes últimos 18 meses. Así a convocatoria express dun Pleno extraordinario e urxente, representa “O BROCHE FINAL” da nula capacidade de diálogo coa oposición que o señor Pastor
Rodriguez e a señora Ánxela Franco anunciaran na súa investidura, logo da ilexítima Moción de Censura na que apartaron aos Populares Sonenses da democrática elección que o pobo de Porto do Son lle deu ós mesmos".

A edil do PP María Jesús Paz Santamaría criticou "as formas dictatoriais e unilaterais que o goberno bipartito sonense do PSOE e BNG fan da acción política municipal. Este novo plantón por parte de toda a Oposición Municipal Sonense non resulta novo para a veciñanza, xa que desgrazadamente a censura, falla de información e maneiras de gobernar propias das dictaduras máis represoras, xustifican que teñan que tomar a decisión de non asistir a dito pleno, ante a imposibilidade de ter acceso en tempo e forma a tódolos expedientes das obras que este bipartito quere aprobar. Hai que lembrar que un dos puntos a debater corresponde a adxudicación da execución da PISCINA MUNICIPAL na que, desgrazadamente, unha das empresas que se presentou ao concurso acaba de presentar alegacións á presunta adxudicación alegal da mesma.
Esta nova xogada política de presuntos escuros intereses a unha determinada UTE, voltan amosar a falla de imparcialidade nas adxudicacións cando a empresa que alega a dita adxudicación foi a que maior puntuación técnica obtivo das 40 empresas que se
presentaron o mesmo. Toda a Oposición Municipal Sonense considera que esta
convocatoria plenaria obedece a presuntos intereses empresariais e económicos de compromisos acadados por parte do PSOE e BNG e que queren deixar atados a falla de dous días para a celebración dos comicios municipais nas que o futuro goberno
municipal sonense pasará a estar formado por outros Grupos Políticos", conclúen.

alegacions empresa Copcisa a adxudicación piscina municipal.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o Encontro do Audiovisual Escolar Galego celébrase o venres 27 de maio

Programa Encontro do audiovisual escolar galego.doc Download this file


Programa:


En SonCine están a ter unhas interesantísimas charlas no Cinefórum deste mes. Na imaxe, Alberte Pagán. Podes ler a crónica da súa charla aquí

Relacionada:


Premio Leixaprén: para Manuel González, o 27 de maio entrega

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a XIV Mostra de Teatro Infantil porá en escea dez obras do 23 ao 27 de maio

Ribeira, 19 de maio de 2011. Un total de dez representacións dramáticas a cargo de nenos e nenas do municipio integrarán, ao longo da vindeira semana, a 14ª edición da Mostra de Teatro e Infantil, que organiza a Concellería de Cultura e Festexos.

A primeira delas terá  lugar o próximo luns día 23, día no que actuará a ANPA do CEIP de Palmeira coa obra “A outra Blancaneves”. Acto seguido, tocaralle o turno ao obradoiro de teatro do CEIP O Grupo, con “Corazón”. 

O martes 24 actuará  en primeiro lugar o colexio Galaxia con “Unha sesión ben axitada” e a continuación o colexio A Milagrosa de Oleiros con “La crisis afecta al barrio”. 

O mércores subiranse ás táboas do Auditorio a ANPA do Colexio Galaxia coa peza dramática “O príncipe feo” e despois o Colexio Bayón con “Circo pistas Bayón”. 

O xoves haberá  tres actuacións: a ANPA do CEIP de Aguiño con “Os desexos, ¡que problemas!”, o CEIP de Aguiño con “Las apariencias engañan”, e a ANPA do Colexio Bayón con “Romeo y Julieta”. 

O último día, venres 27, será o Grupo Municipal Infantil de Teatro de Riveira o que peche esta 14ª edición con “Casting Improvisado”. 

Todas as funcións darán inicio a partir do 20 horas e desenvolveranse no Auditorio Municipal. A asistencia é libre e gratuíta. As entradas poderán retirarse media hora antes do comezo das mesmas.  

O concelleiro Luciano Fernández e o director da mostra Segundo Chiqui Durán foron os encargados de explicar o programa. O primeiro aproveitou para agradecer na que será unha das súas últimas roldas de prensa como concelleiro o esforzo, o traballo e a dedicación mostrada por Chiqui Durán, a prol da difusión do teatro no municipio. Este último correspondeulle o agradecemento. 

A mostra conta coa colaboración da Asociación Cultural Alfaia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical