25.5.11

Porto do Son: este venres 27 de maio, entrega do Premio Leixaprén e Encontro do Audiovisual Escolar Galego

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén entregará este venres, no marco da celebración do Encontro do Audiovisual Escolar Galego SonCine, o XII Premio Leixaprén a Manuel González en recoñecemento ao seu labor de promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste ámbito.

Durante a xornada, uns 200 alumnos e 40 docentes de 18 centros escolares de toda Galicia mostrarán os seus traballos audiovisuais e asistirán a aulas de cine impartidas por prestixiosos especialistas do audiovisual galego como o director Luís Avilés, a produtora Mara González ou o guionista Daniel Domínguez.

Porto do Son, 25 de maio de 2011. Este venres 27 de maio terán lugar na Casa de Cultura e no IES de Porto do Son a entrega do XII Premio Leixaprén e o Encontro do Audiovisual Escolar Galego, eventos organizados polos Equipos da Biblioteca, Normalización Lingüística e SonCine e os Departamentos de Lingua Galega e Educación Plástica do instituto e que contan coa colaboración da Alcaldía e a Concellaría de Cultura do Concello de Porto do Son.

Durante a sesión da mañá, a Casa de Cultura converterase nun espazo de encontro de alumnos e docentes de 18 centros educativos galegos que desenvolven na actualidade proxectos audiovisuais. Ademais da presentación e proxección destes traballos, ao final da mañá farase entrega do XII Premio Leixaprén que outorga a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística Leixaprén, formada por centros de ensino secundario das comarcas do Barbanza e Muros-Noia. Este galardón, que se entrega dende o ano 2000 a persoas, colectivos, empresas ou institucións en recoñecemento ao labor que realizan na promoción e defensa da lingua galega, recaeu na presente edición en Manuel González Álvarez polo seu traballo na promoción do audiovisual galego e da lingua galega neste campo. Ademais, este premio quere simbolizar o traballo colectivo de todas aquelas persoas que introduciron e dinamizaron o audiovisual nos ámbitos afeccionado e escolar, campos nos que o idioma galego ten unha presenza impo rtante.

Na súa dilatada traxectoria, Manuel González foi responsable nos anos 80 da Área de cine e vídeo da Dirección Xeral de Cultura e da Videoteca de Galicia (xérmolo do CGAI) e coordinador do programa “A imaxe na escola”. Ademais do seu labor no eido da investigación, no que destaca no estudo e catalogación do patrimonio cinematográfico galego e da emigración, dende os primeiros 90 até a actualidade traballou na produción, guionización e realización de diversos programas e series para a TV, foi director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e da Axencia Audiovisual Galega e responsable de proxectos pioneiros como Flocos.TV e Cinemas Dixitais.

Xa durante a xornada da tarde, o Encontro do Audiovisual Escolar Galego trasladarase ás instalacións do instituto, que acollerá as “aulas de cine” impartidas por especialistas de recoñecido prestixio no ámbito audiovisual como Luís Avilés, Mara González, Daniel Domínguez, Fernando de Castro, Fran Piñeiro, María Yáñez, Rebeca Ces e a empresa desescribir, sobre dirección, guión, produción, gravación, fotografía, deseño gráfico e difusión web. Por outra banda, os docentes dos diferentes centros participarán nun foro co obxectivo de reflexionar sobre a necesidade de desenvolver un espazo de intercambio do audiovisual escolar para compartir traballos e experiencias e desenvolver a formación e creación audiovisual do alumnado ante a ausencia dunha política de promoción da educación audiovisual por parte da administración autonómica.

A celebración deste Encontro responde á necesidade de visibilizar publicamente na sociedade a cantidade e calidade de traballos que se están realizando nos centros de ensino. Unha mostra non exhaustiva nin sistemática pode verse na páxina http://www.netvibes.com/encontro-do-audiovisual-escolar-galego, que recolle centos de vídeos escolares.

Antes, en Certo:


Encontro Audiovisual Galego: o 27 de maio. Programa completo


Premio Leixaprén: para Manuel González, o 27 de maio entrega


Fotografa_manuel_gonzlez_lvare

cartaz-programa_premioleixapren_encontroaudiovisual.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a comunicación entre pais e fillos, tema dunha charla este xoves 26 na casa de cultura

Media_httpfarm3static_qbgoe

Instituto da Cachada, ao pé da casa de cultura de Boiro

Boiro, 25 de maio de 2011. As asociación de Pais e Nais dos institutos da Cachada, do Praia Barraña e do CEIP Praia Xardín de Boiro organizan este xoves, día 26 de maio, ás 20:00 horas, no Auditorio da casa da Cultura "Ramón Martínez López" unha conferencia. O tema escollido, cada vez máis de actualidade, é “A comunicación entre pais e fillos” e encargarase de pronunciar a conferencia a psicóloga Enma Blanco García,  que está especializada en psicopatoloxía e psicoterapeútica e conta con anos de experiencia en terapia familiar. 

No transcurso do acto abordaranse temas como o diálogo familiar, os problemas na convivencia, os conflictos no seo da familia ou a imposición de castigos. A presidenta da Anpa do Ies A Cachada, Cristina García Saborido, convida a todo aquel que estea interesado nestes temas a achegarse á charla, que é aberta ao público xeral.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Dominga Brión (Bng) renuncia tras 14 anos na vida municipal

Media_httpfarm4static_edbua

Ribeira, 25 de maio de 2011. Os escasos resultados do pasado domingo nas eleccións locais nalgunhas formacións seguen a cobrarse víctimas políticas, en forma de dimisións. Desta volta tocoulle á bisbarra de Barbanza, onde unha histórica do nacionalismo, a candidata á alcaldía por dúas veces do Bloque Nacionalista Galego en Ribeira, Dominga Brión, presentou hoxe a súa renuncia.

"Quería anunciarvos que non vou a tomar posesión como concelleira do Concello de Ribeira. Foi unha honra para min representar ao pobo de Ribeira durante 14 anos como concelleira, 8 deles como voceira municipal do BNG. Despois de todos estes anos nos que me impliquei intensamente, adicando boa parte do meu tempo de ocio de maneira desinteresada, na defensa dos intereses dos veciños e veciñas deste concello, considero que chegou o momento de pechar un ciclo na miña vida e deixar paso a outros compañeiros e compañeiras", explica no seu blog. "Foi unha mágoa que todo o intenso traballo feito non o puideramos ou non o souberamos transmitir á cidadanía. Agradezo especialmente o respaldo obtido. Grazas á confianza e apoio das 2.328 persoas que nos deron o seu voto seguimos sendo a segunda forza política con catro concelleiros e concelleiras, a pesar do importante revés electoral. A todas as persoas que confiaron en nós teño que dicirlles que o BNG vai a seguir facendo o seu traballo tanto dende a organización como dende o ámbito institucional, cun grupo municipal liderado por Xosé Luís Groveiro, e que contará ademais con Ánxeles González Cruxeiras, Luís Teira e Carme Lampón", conclúe.

Valoración da Asemblea Local, que lamenta a marcha

A Asemblea Local do BNG de Ribeira, diante da dimisión presentada por Dominga Brión, fixo unha valoración moi positiva do seu labor ao frente da organización en Ribeira durante estes últimos anos. Tamén quixo agradecer os seus esforzos e dedicación e lamentar, aínda que comprendéndoa, a súa decisión.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello abrirá a súa rede wifi de balde nas inmediacións da casa consistorial

Os usuarios só se poderán conectar dúas horas diarias. Está actualmente en período de probas

Media_httpfarm3static_avjer

En Ribeira hai varios locais de hostalería que ofrecen wifi gratis

Ribeira, 25 de maio de 2011.- Co obxecto de promover e facilitar o acceso da cidadanía do municipio ás novas tecnoloxías, o Concello de Ribeira informa da próxima instalación de WIFI gratuíta na praza do Concello e os seus arredores. 

Actualmente este sinal está en período de probas e os técnicos  están traballando para implantar a rede definitivamente nas vindeiras semanas. A este respecto, estanse a dar os pasos necesarios para establecer un protocolo de actuación en virtude do cal cada veciño que así o demande poida obter unha clave e un nome de usuario, dous datos imprescindibles para conectarse a Internet vía WIFI municipal.

256 kilobytes por segundo

A conexión que se ofrecerá axústase ás recomendacións realizadas pola CMT (Comisión do Mercado de Telecomunicacións) en relación aos servizos gratuítos de Internet, de tal xeito que os usuarios poderán obter un acceso básico de 256 kbps (kilobytes por segundo), o que permite realizar funcións tan cotiás como acceder ao correo electrónico ou ler un xornal electrónico. 

Os usuarios poderán conectarse por un tempo máximo de dúas horas ao día, que non teñen por que consumirse en tempo corrido (pódense repartir en distintos accesos ao longo do día) nin están supeditadas a ningunha franxa horaria. Para a posta en marcha deste servizo cóntase coa colaboración da empresa Dúo Comunicaciones.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: farán unha diagnose para redactar o segundo Plan de Igualdade entre homes e mulleres

Ribeira, 25 de maio de 2011.- Co obxectivo de traballar firmemente a prol da igualdade de xéneros, o Concello iniciou un estudo de diagnose acerca das necesidades e carencias aínda existentes en canto á igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. Este documento servirá como base para confeccionar o que será o segundo Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres do Concello de Ribeira, despois de que o primeiro plan, contribuíse a acadar algúns avances neste sentido, coa posta en marcha por exemplo dun servizo de atención sexolóxica, entre outras iniciativas. 

Así o manifestou esta mañá a concelleira de Igualdade, Acción Social, Maiores e Dependencia da Corporación en funcións, María Esther Patiño, que estivo acompañada de Dolores Crujeiras, directora do Centro de Información á Muller. 

María Esther Patiño aludiu así mesmo ás iniciativas máis destacables que se desenvolveron neste ámbito, como o Banco do Tempo, o Campamento da igualdade dirixido a menores de entre 8 a 12 anos, actividades de coeducación para os máis cativos ou actividades educativas de promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero nos centros escolares para alumnado da ESO.  

Agora, o que se pretende co estudo de diagnose de xénero é identificar as necesidades e desigualdades existentes co afán de que o mesmo sirva de base para a elaboración do citado plan de igualdade: un instrumento no que se concretarán as medidas a adoptar para erradicar os desaxustes detectados. Este traballo previo de identificación estase realizando co apoio técnico  externo da consultora Sánchez-Albornoz. 

Neste contexto, o Concello de Igualdade e Accións Social  quere escoitar a voz dos veciños e convida aos diferentes axentes sociais e económicos presentes no noso municipio e á cidadanía en xeral a realizaren as súas achegas, demandas, suxestións e a facilitar aquelas informacións que sirvan para, entre toda a cidadanía, ir configurando un mapa de necesidades en materia de igualdade entre mulleres e homes.  

Para isto, os veciños poden ofrecer as súas propostas mediante o blog http://riveiraplandeigualdade.blogspot.com ou no correo electrónico: riveira.plandeigualdade@gmail.com

Ademais, segundo informou a directora do CIM, ao longo dos vindeiros meses vanse organizar varios grupos focais para que os homes e mulleres do concello poidan participar directamente neste proxecto municipal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: preto dun cento de motos Harley ruxirán este venres polas rúas nunha concentración


Flickr de Stuck in Customs

Ribeira, 25 de maio de 2011. Preto dun cento de motos Harley Davidson percorrerán este venres, día 27 de maio, Palmeira e as rúas de Santa Uxía e concentraranse na praza do Concello para exhibir exemplares desta lendaria marca estadounidense ante os veciños do municipio. 

O desfile dará  inicio ás 18 horas dende Insuela, en Palmeira. Tras chegar á cidade pola avenida da Coruña, os vehículos de dúas rodas circularán polas Carolinas e o paseo Malecón e chegarán ata o fronte da Casa Consistorial por Rosalía de Castro (dende onde está o Boulevard), emprazamento en que os pilotos deixarán aparcadas as súas motos para admiración dos presentes. 

Visita ao museo

Os participantes aproveitarán a súa estancia en Ribeira para coñecer, da man da directora da Casa Museo Municipal, Pilar Casas, o lugares máis emblemáticos da cidade, entre eles o propio museo. Ademais recibirán material turístico do municipio. A actividade prolongarase ata as 21 horas. 

Esta iniciativa está  promovida polas Concellerías de Cultura e Festexos e de Xuventude e Turismo do Concello de Ribeira, e conta coa colaboración dos colectivos moteiros HOG Galicia Chapter España e HOG Coruña Chapter Spain.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

24.5.11

Letras Galegas: sesión de "Cuspídeme enriba" do performer Serafín Marcos sobre Lois Pereiro

No instituto "Félix Muriel" de Rianxo, neste mes de maio.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o centro social acolle a proxección dun documental sobre o impacto da cría do salmón en gaiolas este venres 27 de maio

Organiza Verdegaia e Salva la selva

Será no Centro Social ás oito da tarde este venres 27 de maio

Media_http2bpblogspot_sabcf

Boiro, 24 de maio de 2011. Logo da polémica xerada pola instalación de gaiolas de salmón, disque en fase de experimentación, no polígono bateeiro Muros C, fronte á praia de San Francisco, a asociación ecoloxista VerdeGaia está a levar por toda Galicia un documental no que se expoñen os problemas medioambientais deste tipo de instalacións.

Segundo Verdegaia, "hai centos de estudos científicos que proban que a salmonicultura afecta gravemente ao medio mariño e á economía e as condicións sociais e laborais das persoas que viven nas áreas de influencia desta industria. Entre outros podemos destacar os seguintes problemas:

  • O salmón é un peixe carnívoro polo que a súa alimentación baséase en fariñas e aceites de peixe polo menos nun 60%. Estes pensos elabóranse con peixes de pouco valor comercial, que non biolóxico e adoitan pescarse nos caladoiros dos países máis empobrecidos, como os do litoral africano, afectando directamente aos recursos pesqueiros dispoñibeis para a poboación e a súa soberanía alimentar. Este tipo de pesca inclúe tamén grandes cantidades de inmaturos doutras especies, agravando a sobreexplotación do mar no lugar de reducila, como afirman os adaís da acuicultura. Aínda que North West Food s.l. (NWF), empresa promotora das gaiolas, afirma que a taxa de conversión (kg de peixe en penso precisos para producir un kg de salmón) é de 1,2, estudos realizados en Chile (unha das maiores potencias en salmonicultura) sinalan que se sitúa entre 2,9 e 4,2 kg por quilo de salmón1

  • As granxas de salmón son concentracións de grandes poboacións de peixe que facilitan a propagación de parasitos, como o piollo de mar, que infectan aos salmónidos salvaxes e que están a poñer en perigo a súa supervivencia. O escape de salmóns convértese tamén nunha ameaza sobre estes salmónidos salvaxes, poñendo en perigo a súa selección natural e contribuíndo á transmisión de enfermidades e parasitos2.

  • O uso de químicos e antibióticos supón un serio risco para a saúde e o ambiente, en primeiro lugar porque o uso sistemático crea cepas bacterianas resistentes, e en segundo pola acumulación nas vísceras dos propios peixes. Podendo chegar a facelos non aptos para o consumo

  • A inmensa cantidade de refugallos que xera o alimento non inxerido, os residuos fecais dos peixes e a súa sangue e vísceras, e o precario manexo sanitario que favorece o aumento de enfermidades e a súa propagación, afectando aos ecosistemas mariños. Así, tal como recoñece North West Food S.L en torno ao 10% do penso administrado aos peixes non é inxerido, pasando ao medio. Mais este dato hai que contemplalo dende a óptica dos elementos que chegan ao medio mariño a través da comida, excrecións dos peixes e respiración que son en torno ao 85 % do fósforo, 80 % do carbono e 52 % do nitróxeno introducido nas gaiolas

  • As consecuencias da explosiva expansión da salmonicultura en termos socio-laborais son motivo de crecentes conflitos polo uso do territorio con outros actores locais (como o uso recreativo do mar, a pesca artesanal e o marisqueo). Neste aspecto o balanzo é negativo, e moito máis se abrimos a ollada globalmente e vemos a incidencia que a pesca intensiva para producir fariñas de peixe ten sobre poboacións desfavorecidas do continente africano.

Esta reiteración no apoio á acuicultura industrial por parte da Xunta de Galicia non ten en conta ningún dos factores que aconsellan freala e reorientar o sector cara especies, dimensións e métodos de produción máis sustentábeis fai parte dunha estratexia de maior calado. A administración teima en facer do noso litoral un couto privado para as grandes empresas do ramo, sen respectar tan sequera a legalidade vixente, de por si bastante cativa, no canto ás figuras de protección ambiental hoxe en día establecidas no noso territorio. Velaí, xa que logo, o novo Plano de acuicultura que ven de comenzar a súa andaina administrativa camiño da súa aprobación e os reiterados anuncios por parte da Consellaría do Mar sobre a recuperacións do proxecto de macropiscifactoría en Cabo Touriñán, espazo LIC protexido dentro da Rede Natura.

Mais esta teimuda reiteración a prol da acuicultura ven acompañada de medidas e desleixos que condenan ao abandono as poucas iniciativas novidosas e sustentábeis xurdidas dende o propio mundo da pesca de baixura como son as reservas Mariñas de Lira e Cedeira. Non se entende que uns proxectos que teñen amosado no tempo a súa eficacia, que supoñen manter unha fonte de ingresos estábeis e con futuro para moitas familias, se vexan camiño da desaparición polo desleixo da administración galega, namentres envorca millóns de euros en subvencionar a instalación de empresas acuícolas no territorio, cuns réditos de emprego realmente pequenos e cun impacto ambiental moi importante.

Aplicar todos estes orzamentos en promover e apoiar unha explotación e xestión sustentábel dos recursos mariños mediante o apoio a prácticas e proxectos que realmente creen emprego no litoral, que permitan un uso racional deste imprescindíbel recurso, sen sobreexplotación, respectando ciclos e cotas e cunha aposta forte pola conservación e recuperación terían maiores réditos e unha maior incidencia positiva na poboación do litoral e no conxunto da cidadanía".

Web de referencia:

http://www.verdegaia.org

O mesmo día, en Porto do Son:


O mesmo día, en Rianxo:


O mesmo día, en Ribeira:


Antes, en Certo:


Salmón: a culpa das gaiolas tamén é do Bipartito, di a Xunta

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Portos: instalan paneis dos Bolechas nos parques infantís dos peiraos de Escarabote e Ribeira e ceden un local a Cáritas no de Rianxo

Bolechas_en_combarro

Barbanza, 24 de maio de 2011.- Portos de Galicia achegará as historias dos Bolechas aos máis pequenos a través dos parques infantís que están instalados no dominio portuario de Escarabote (Boiro) e Ribeira, entre outros portos. O ente público está a instalar paneis de grandes dimensións arredor dos recintos de xogo, para que os nenos poidan disfrutar do conto tamén neste novo formato. Esta nova iniciativa poderá extenderse posteriormente a outras zonas portuarias que cumplan coas características axeitadas. Enmárcase na liña de traballo do organismo autonómico que dirixe José Manuel Álvarez-Campana, centrada na integración entre o porto e a cidade e o desenvolvemento de actividades que beneficien aos usuarios dos portos e ao global da cidadanía.

Os paneis que se instalarán nos parques relatarán en viñetas as historias dos Bolechas, grazas tamén á colaboración do autor e debuxante da serie, Pepe Carreiro, que tamén é famoso nesta bisbarra por facer a serie de cómics "Os Barbanzóns", ambientada no Castro de Baroña de Porto do Son. Para maior protección deste traballo, os paneis estarán recubertos cun líquido aislante, para inmunizalos ante posibles actos vandálicos.


Esta non é a primeira experiencia de carácter educativo promovida pola Consellería do Mar a través de Portos de Galicia. O pasado ano, presentouse o libro Os Bolechas queren saber como é un porto, editado polo departamento autonómico de Rosa Quintana, a través de Portos e que se presentou co obxectivo de que os pequenos coñezan a realidade portuaria, a súa actividade e tomen conciencia do valor que tén para a cultura e o patrimonio galego.

Media_httpfarm5static_qtfwa

Local para Cáritas en Rianxo

Por outra banda, Portos de Galicia vén de resolver favorablemente a solicitude presentada por Cáritas Diocesanas para a ocupación dun departamento de usuarios no porto de Rianxo. O ente público autorizou esta cesión temporal destinada a almacenaxe, garda e organización do material recabado pola entidade a través de doazóns. Concretamente Cáritas ocupará o departamento número 57, en réxime de ocupación temporal de superficie, suxeita á tarifa portuaria E-2. A súa actividade convivirá coa habitual do edificio de departamentos, posto ao servizo dos profesionais e usuarios do porto para unha maior comodidade e operatividade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Tráfico: cortes por obras ata o venres 27 de maio na Autovía do Barbanza

Os cortes efectuaranse toda a semana entre as 8.30 e as 18.30 horas, excepto o venres 27 que se levarán a cabo entre as 8.30 e as 13.30 horas. A Consellería de Medio Ambiente está a facer obras para mellorar a drenaxe e limpar o firme entre o borde exterior da beiravía interior da autovía e a barreira de seguridade da mediana

Media_httpfarm4static_jubqc

Barbanza, 24 de maio de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realizará restricións ao tráfico no carril esquerdo da autovía do Barbanza (AG-11) ao longo desta semana co fin de executar a limpeza da canle da mediana. Estes traballos, que mellorarán o sistema de drenaxe, rematan este venres 27.

As obras consistirán na limpeza do firme existente entre o borde exterior da beiravía interior da autovía e a barreira de seguridade da mediana. A limpeza execútase por medios manuais, empregando operarios da sociedade concesionaria e palas e azadas, basicamente.

O peche do carril esquerdo garantirá as adecuadas condicións de seguridade para os traballadores que levarán a cabo a limpeza. Os primeiros traballos executáronse onte, entre os puntos quilométricos (pq) 0+000 e 5+500, dirección Ribeira. No día de hoxe, as actuacións levaranse a cabo entre os pq 11+300 e 17, facendo necesario o peche ao tráfico do carril esquerdo dende as 8.30 ata as 18.30 horas.

A limpeza das canles continuarán o mércores 25, centrándose os traballos no intervalo comprendido entre os pq 16+200 e 22. O carril esquerdo cortarase entre as 8.30 e 18.30 horas. O xoves 26, dende as 8.30 ás 18.30 horas cortarase o carril esquerdo da autovía para facer limpeza na canle, entre os pq 24+300 e 28+00.

Os traballos de limpeza rematarán o venres 27, sendo necesario o peche ao tráfico do carril esquerdo, entre os pq 28 e 32. O corte de carril efectuarase entre as 8.30 e 13 horas.

No seguinte cadro, móstranse os horarios dos cortes de carrís na autovía do Barbanza ao longo desta semana.

CORTES DE CARRÍS NA AG-11 PARA MELLORA DE DRENAXE
DÍA
HORARIO
ZONA RESTRINXIDA
PK
DIRECCIÓN
24/05
08.30 - 18.30 h.
Carril esquerdo
11+300 - 17+000
Ribeira
25/05
08.30 - 18.30 h.
Carril esquerdo
16+200 – 22+000
Ribeira
26/05
08.30 - 18.30 h.
Carril esquerdo
24+300 – 28+000
Ribeira
27/05
08.30 – 13.00 h.
Carril esquerdo
28+000 – 32+000
Ribeira

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical