14.6.11

Mar: a denominación protexida "Mexillón de Galicia" querélase contra unha empresa de Mos por fraude

Media_httpfarm5static_fmbvb

Auténticos "mytilus galloprovincialis" servidos nunha tapa premiada en Boiro

Barbanza-Noia, 14 de xuño de 2011. O Consello Regulador do Mexillón de Galicia, dando continuidade á campaña contra o fraude ao consumidor e de defensa da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia (que implicou non hai moito tempo a unha conserveira de Rianxo), vén de presentar unha querela criminal, que foi admitida a trámite polo Xulgado de Instrucción de O Porriño, contra os representantes legais da empresa Thenaisie-Provôté, con sede en Mos, por comercializar mexillón foráneo como 'Mejillones de las Rías Gallegas'. Esta é a segunda querela que presenta o Consello Regullador contra unha conserveira por este mesmo motivo.

As mostras foron adquiridas aleatoriamente nun establecemento comercial baixo presencia notarial. Nas análises realizadas polo Laboratorio do Departamento de I+D+i do Consello Regulador identificouse que nas mostras comerciais compradas da marca
"Grandes Hoteles", da conserveira Thenaisie-Provôté, había latas nas que o 100% do seu contido correspondían a unha especie de mexillón "totalmente allea a Galicia". Co fin de garantir a imparcialidade e independencia das análises ante a Administración de Xustiza, optouse por realizar novas analíticas nun laboratorio externo, remitindo mostras ao Grupo de Investigación Xenomar do Departamento de Bioloxía Celular e Molecular da Universidade de A Coruña. Os resultados das súas análises determinan que de cinco latas, a totalidade (100%) dos mexillóns envasados en dúas latas contiñan individuos do xénero "Perna Spp" totalmente alleo a Galicia. A especie existente en Galicia é "Mytilus galloprovincialis", e os individuos encontrados nas latas de "Grandes Hoteles", non só non corresponden á mesma especie, senón que son dun xénero taxonómico distinto.
A querela criminal, admitida a trámite polo Xulgado de Instrucción do Porriño, indica que os feitos atópanse tipificados no Código Penal, nos seus artigos 282, que protexe os dereitos dos consumidores e a transparencia dos mercados, e no artigo 275, que protexe un dereito de propiedade industrial da titularidade do Consello Regulador, ao abeiro do disposto no vixente Regulamento da DOP e no propio artigo 13 do Regulamento (CE) 510/2006 de protección das DOP. Neste caso, Thenaisie-Provôté comercializa un producto e o publicita falseando características esenciais como é a especie de mexillón envasado e a súa orixe. Porén, a empresa xera un prexuízo ao conxunto dos consumidores, que pensan que están adquirindo Mexillón de Galicia cando en realidade están a recibir outra caste de xénero de bivalvo, de moi inferior calidade e que nin siquera é do xénero mytilus. Así mesmo está a facer unha competencia ilegal e a perxudicar a meirande parte das empresas transformadoras, que honestamente están a envasar mexillón 100% galego.

A querela tamén considera que a empresa incurre no delito tipificado no artigo 275 do Código Penal, que protexe o dereito da Denominación de Orixe Protexida Mexillón de Galicia para diferenciar o mexillón cultivado, elaborado e transformado en Galicia. Neste caso, Thenaisie-Provôté, coñecedora do valor da DOP Mexillón de Galicia, comercializa intencionadamente un producto foráneo coma se fose cultivado en Galicia.

A campaña vai seguir

O obxectivo que procura o Consello Regulador coas accións desta campaña é protexer os dereitos da sociedade en xeral e do consumidor en particular, e a defensa dos intereses das empresas e dos profesionais que viven do Mexillón de Galicia. "O prestixio e notoriedade do mexillón galego obrigan ao propio sector e á administración a garantir que o produto que chegue ao mercado identificado coma tal corresponda realmente ao molusco cultivado nas rías galegas, combatindo fraudes e falsificacións que non fan máis que prexudicar a consumidores, productores e transformadores, así como á imaxe de Galicia como cultivadora de primeira orde mundial deste molusco", aseguran dende o Consello Regulador, que continuará coa campaña de revisión do etiquetado, en especial ás mencións incompatibles coa DOP Mexillón de Galicia (Rías Gallegas, de las rías, etc). Así mesmo, seguirá a denunciar calquera fraude que detecte nos que as indicacións do etiquetado non se corresponda co contido envasado.
No caso de existir algún indicio ou evidencia de que algunha outra empresa esté envasando producto foráneo como se fose do cultivado nas Rías Galegas, aproveitándose do prestixio do mexillón galego, o Consello Regulador da DOP Mexillón de Galicia seguirá loitando contra estas prácticas fraudulentas. A DOP é a única garantía de que os consumidores están a mercar un producto 100% galego.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: composición do goberno municipal recén constituído. Doce concellerías e catro tenencias de alcaldía

Media_httpfarm6static_kdxic

Ribeira, 14 de xuño de 2011. Doce son as concellerías delegadas en que se vai estruturar o organigrama do novo goberno municipal de Ribeira que, baixo a presidencia do alcalde Manuel Ruiz Rivas, ten encomendada a responsabilidade de dirixir o Concello estes próximos catro anos.  

Á hora de realizar o reparto de competencias, procurouse a consecución dunha "homoxeneidade interna en canto ao conxunto de atribucións asumidas por cada concelleiro delegado, de tal xeito que a xestión e a prestación de servizos ao cidadán se efectúen baixo criterios de eficiencia e calidade". 

Esta é a relación de concellerías delegadas e edís responsables: 

  • Seguridade e Mobilidade Cidadá: Victor Reiriz Lampón
  • Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo: Vicente Mariño de Bricio
  • Fomento do Emprego, Comercio, Turismo e Pemes: Anxo Orellán Fernández
  • Cultura: Elvira Pisos Arnoso.
  • Deportes e Atención Cidadá: Juan Luis Martínez Queiruga
  • Facenda, Administración Pública e Patrimonio: María Herminia Pouso Maneiro
  • Parque Natural e Medio Ambiente: Elvira Pereira Ageitos
  • Benestar Comunitario: Antonio Javier Jesús Freire Brión
  • Xuventude e Igualdade: Aroa Fernández Cadórniga
  • Infraestruturas e Urbanismo: María Dolores Elorduy Callón
  • Educación: Mª Carmen Vizcaya Sampedro
  • Enerxía e Novas Tecnoloxías: Manuel Emilio Pérez Outeiral

Catro dos concelleiros ostentarán tamén tenencias de alcaldía: 

    1. María Dolores Elorduy Callón
    2. Juan Luis Martínez Queiruga
    3. Vicente Mariño de Bricio
    4. Manuel Emilio Pérez Outeiral

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

13.6.11

Noia: este sábado 18 de xuño, I Encontro Xuventude, con xogos de xeobusca, na Casa da Xuventude

I_encontro_xuventude_noia


Obxetivo principal

  • Dar a coñecer os recursos da Dirección Xeral de Xuventude, os programas a través dun xogo de xeocaptura.
  • Ofrecer ferramentas a asociacións e grupos informais para financiar proxectos.

 2.     Obxetivos específicos

  • Dar a coñecer o programa de axudas “Iniciativa Xove” aos mozos e mozas.
  • Dar unha alternativa de ocio saudable.
  • Fomentar espazos e momentos de convivencia entre os mozos e mozas da zona.
  • Facilitar o acceso aos programas e información da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Data e lugar:

Lugar: Casa da Xuventude de Noia

Horario: 11.00 a 13.30h

Data: 18 de Xuño de 2011

Destinatarios:

  • Mozas e mozos entre os 14 e os 35 anos.  
  • Asociaciónsxuvenísou prestadoras de servicios a mocidade. 
  • Grupos musicais da zona

Estructura:

A primeira fase constarádunha presentación do Director Xeral de Xuventude por parte da Directora do EspazoXove de Noia.

Aproveitaremos este primeiro momento para presentar unha exposición dunha rapaza de Noia que se mostrará no EspazoXove e tamén para que as asociacións se presenten ao Director Xeral Ovidio Rodeiro.

Na segunda fase organizan os grupos para o xogo de xeobuscapor Noia, onde os participantes terán que atopar uns cofres que conteñen os distintos programas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado. Ao rematar a xeobusca Rogelio Rivas fará una exposición sobre os recursos en materia de axudas por parte da Dirección Xeral de Xuventude.

Custe:

Gratuíto

Inscricións:

EM. Borja.xuventude.eulen@gmail.com

T. 627.550.289

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Día das Peñas é o luns 4 de xullo. Prazo para anotarse ata o 30 deste mes de xuño

Boiro_dia_das_peas

E xa nos adiantan que a Mostra das Culturas en Boiro é a fin de semana anterior ao Día das Peñas, o 2 e 3 de xullo. Con La Kinky Beat e The Blows!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: este sábado 18, partido de volta para que o Noia Fútbol Sala ascenda á División de Prata

Noia, 13 de xuño de 2011. Este sábado, 18 de xuño, ás 18:00 horas comeza no polideportivo municipal de Noia o partido da final do Play Off de ascenso á División de Prata. Xoga o Noia Fútbol Sala como anfitrión contra o Hospitalet Bellsport F.S

Na ida, o conxunto que dirixe Moncho Vázquez colleitou un resultado bastante negativo, (4-1). Pese á derrota, o gol do brasileiro Marcio deixa a eliminatoria aberta, polo que o equipo aínda ten posibilidades de lograr gañar a eliminatoria e conseguir o ascenso tan desexado polos afeccionados.

Chamamento aos seareiros para animar ao equipo

A organización quere facer "un chamamento á afección para que o sábado acuda ao Municipal de Noia a animar ao equipo local. Que a afección sexa o sexto xogador na pista!".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias colabora nunha investigación de tres universidades sobre adolescentes

  • Trátase dun estudo sobre conflitividade e comunicación entre adolescentes e as súas familias
  • Organízano unha facultade de Vigo, outra de Santiago e outra de Sevilla

Cóntanlle estes adolescentes ás súas familias que fan botellón e con que frecuencia? É unha das cuestións a estudar nesta investigación de dúas universidades galegas e unha andaluza

Noia, 13 de xuño de 2011. A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Psicoloxía) e a Universidade Pablo Olavide de Sevilla (Facultade de Psicoloxía) levan a cabo unha investigación sobre o nivel de conflictividade e a comunicación entre ambos proxenitores nas familias con fillos e fillas adolescentes. Segundo informou o técnico da UAD de Noia, David Saavedra Pino, o Plan Comarcal de Prevención de Drogodependencias desta bisbarra vai colaborar con este estudo.

A finalidade da investigación  é establecer un perfil do adolescente a a súas pautas de comunicación nas familias, así como a relación entre pautas comunicativas e consumo de drogas. A metodoloxía da investigación é mediante un cuestionario anónimo e confidencial autoadministrado.Durante o mes de septembro-octubro está previsto redactar o informe coa análise dos datos e coas conclusións da investigación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Ruiz Rivas intenta apagar o seu primeiro lume como alcalde, o conflito no instituto de Coroso

Reunin_ruiz_rivas_-_paz_cadaba

  • O recén electo alcalde di que a escolarización dos alumnos do IES Coroso "terá lugar de forma racional e totalmente tranquila"
  • Ruiz Rivas envía -no medio dunha reunión co presidente dos empresarios- unha mensaxe de tranquilidade a nais e pais sobre "os beneficios que a nivel de emprego traerá a Ribeira o centro integrado de Formación Profesional"

Ribeira, 13 de xuño de 2011.- No seu primeiro día de traballo como alcalde, Manuel Ruiz Rivas quixo manter unha xuntanza cos empresarios de Ribeira (representados na figura do presidente da súa asociación, José Paz Cadabal) no entendemento de que unha das primeiras prioridades que debe ter hoxe en día o Concello é o emprego, e que os que máis saben en materia de emprego son precisamente os empresarios.

Un dos aspectos que, por considerarse de capital importancia, foron tratados nesta primeira reunión entre Ruiz Rivas e Paz Cadabal foi o da formación, e sobre este punto ambos coincidiron en cualificar de "boa noticia" que Ribeira conte cun Centro Integral de Formación Profesional, "pois isto contribuirá á creación de emprego para a xuventude do municipio. Ademais, o alcalde quixo transmitir ao respecto unha mensaxe de tranquilidade aos pais e nais dos rapaces que están cursando no IES Coroso, no convencemento de que este tema non debe levar a preocupación, xa que o proceso de escolarización terá lugar de forma racional e totalmente tranquila.

Tres foron as razóns expostas por Ruiz Rivas para aducir esta tranquilidade:

  1. Nunca houbo tanta oferta educativa como actualmente en Ribeira, ata o punto de que incluso sumando estes estudantes de ESO e Bacharelato aos outros dous institutos, a ratio alumnos/profesor seguirían estando incluso por debaixo dos índices recomendados;
  2. Polas excelentes instalacións existentes nos centros de Secundaria do municipio (e a este respecto Manuel Ruiz quixo destacar especialmente a magnífica dotación de medios de que dispón o IES Leliadoura en informática e novas tecnoloxías);
  3. Porque os institutos Número 1 (veciño a Coroso) e Leliadoura están equidistantes do centro de Ribeira.

Por outro lado, o rexedor subliñou as vantaxes de dispor dun Centro Integrado de FP, no que á oferta educativa ordinaria xa existente súmanse un ciclo de instalacións de produtos de calor; e ademais incorpórase unha oferta modular para adultos que constará de dous ciclos: instalacións eléctricas e automáticas e electromecánica de vehículos automóbiles".

Ademais, Ruiz Rivas anunciou que se seguirá traballando para ampliar esta oferta de formación, introducindo novos contidos que sexan acordes coas demandas de emprego existentes na contorna, como pode ser un ciclo de enlatado de conservas.

Mapa comarcal de FP

Abundando neste tema, o alcalde de Ribeira informou de que se está poñendo en contacto cos distintos alcaldes da zona para traballar na configuración dun mapa comarcal de Formación Profesional que propicie a existencia dunha oferta diversa e coordinada entre os distintos municipios: esta idea está sendo moi ben acollida polos seus interlocutores.

Pola súa parte, José Paz Cadabal subliñou que para el foi "un orgullo o feito de ser recibido polo novo alcalde neste seu primeiro día labora"l e compartiu a opinión de que o Centro Integrado de FP será moi beneficioso para o municipio. “Nós estaremos sempre a favor de que se faga unha formación de profesionais adecuada”, manifestou.

Na xuntanza de hoxe, o alcalde e o representante da patronal abordaron outros asuntos de interese para os empresarios, entre eles o do chan industrial: un punto no que falaron sobre a ampliación e mellora do polígono de Xarás e sobre a conveniencia de que o macropolígono sexa unha realidade no menor tempo posible.

Antes, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: un cento de patinadores amosaron o seu talento no festival de fin de curso da Escola Municipal de Patinaxe

Ribeira, 13 de xuño de 2011. Un cento de patinadores de ambos sexos participaron o pasado sábado, 11 de xuño, no pavillón polideportivo de Sirves, no Festival de Fin de Curso da Escola Municipal de Patinaxe.  

Esta actuación constou dun total de 16 actuacións, a cargo non só de alumnos tanto da citada escola como do Club de Patinaxe de Riveira, senón tamén doutros centros de A Pobra e de Porto do Son. 

O eixo central do espectáculo, que estivo dirixido por Elena Rey coa axuda de Ana Cánibe, xirou en torno ao Circo do Sol, mesturando estilos tan dispares como o hip hop, o ballet clásico, a danza contemporánea ou o breakdance. 

O polideportivo de Sirves encheuse por completo para asistir ao espectáculo, que durou hora e media.

Aquel mesmo día, en Ribeira:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a entrega dos premios audiovisuais OlloBoi, este venres 17 na casa da cultura

Media_httprodaxefiles_jjdps

Boiro, 13 de xuño de 2011. O certame audiovisual OlloBoi, que organiza o colectivo Rodaxe, cumpre este venres 17 co seu último capítulo nesta edición: a entrega de premios.  Será a partires das 9 da noite na casa de cultura "Ramón Martínez López".

Na gala van estar o multiplemente premiado Luis Avilés (director de cinema noiés) e Miguel de Lira, coñecidísimo actor por varias series de televisión. Ao concurso presentáronse máis de setenta traballos, entre os cales o público deberá escoller, por votación, o que mellor lle pareza. Os premios son os seguintes:

  • Premios Rodaxe: 500 €
  • Premio Impinxidela: 100 €
  • Premio do Público: 100 €

Tamén haberá premio para o mellor traballo escolar e para o mellor proxecto en xeral.

Web de referencia:

http://rodaxe.info

Ligazón directa para ver os vídeos que participan: http://rodaxe.wordpress.com/olloboi-2011/participantes/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

12.6.11

Ribeira: homenaxean ao concelleiro de Cultura saínte, Luciano Fernández, cunha cea e estatua exclusiva

Ribeira, 12 de xuño de 2011. Onte pola noite, sábado 11 de xuño, nun restaurante local, todos os compañeiros/as que traballaron na Concellería de Cultura ribeirense durante os anos que foi concelleiro Luciano Fernández, organizáronlle unha cea de despedida. Alí agasallárono cunha figura do escultor de Aguiño Jontxu Argibay, que elaborou a súa última creación nunha serie limitada exclusiva. A peza en cuestión chámase "A despedida" e foi creada inspirada por este acontecemento. Os participantes na cea foron 18 persoas: Montse, Cuca, Paca, Elena, Manolo, Manolo Saborido, Juanjo, Cuchi, José O Cabo, Miguel Ruiz, Mario, Javier, Cristina, Chiki, Unai, Vicente, Paisal e Carmencita, ademais de Luciano e Mónica como convidados de honra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical