20.6.11

Rianxo: a praia da Torre será escenario este venres 24 de xuño da festa do San Xoán por primeira vez

Cartelsanxoan

Rianxo, 20 de xuño de 2011. A asociación Festival Antrospinos -en normativo Entre Os Piñeiros- non para de organizar festas onde quere e onde lle deixan. A seguinte toca este venres, 24 de xuño, na praia da Torre (que queda en Taragoña, parroquia que, mentres non se independice, segue a ser parte de Rianxo).

A partires das oito da tarde comeza a troula, coa tradicional fogueira acompañada dunha festa onde haberá sardiñada e churrascada e sobre todo moita música. Os e as asistentes poderán participar dunha foliada que terá lugar ata as 00:00, hora a partir da cal arrincará a queima da fogueira. Gozarase dunha boa queimada e dará comezo unha singular sesión de DJ’s, que manterá a música ata altas horas da madrugada. Lonxe das habituais sesións dance, estes pinchas recollerán música variada e poderase escoitar un adianto do que este ano 2011 soará na cuarta edición do Festival Antrospinos, que está á volta da esquina, 29 e 30 de xullo.

 
Máis información en www.festivalantrospinos.es
 
Antes, en Certo:


Certame de deseño de cartel: para o Festival Antrospinos


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: entretida fin de semana o 25 e 26 de xuño co Liceo

Ribeira: medio milleiro de participantes no Día da Bici máis numeroso ata a data

Ribeira, 20 de xuño de 2011. Confirmado: houbo récord de participación no Día da Bici de Ribeira. Preto de 500 persoas tomaron parte na mañá de onte nesta iniciativa promovida pola Concellería de Deportes: unha cifra que nunca fora alcanzada en pasadas edicións. 

Coorganizada xunto coas peñas ciclistas Saltamontes, Ácido Láctico e Tahúme, e coa colaboración da tenda de bicicletas Sporbike, a actividade transcorreu sen incidencias. Ás 11 da mañá os ciclistas saíron dende a praza de España de Santa Uxía rumbo a Aguiño, lugar no que tiveron ocasión de disfrutar dun refrixerio antes de emprender o regreso á cidade riveirense. 

Unha vez concentrados de novo na explanada da Praza de España, procedeuse ao sorteo de diverso material deportivo: incluíndo unha bicicleta cortesía de Sportbike que foi a parar a Lino García. 

O alcalde Manuel Ruiz Rivas e o concelleiro de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez Queiruga, foron os encargados de entregar os agasallos aos afortunados, ao igual que os representantes das tres peñas ciclistas inmersas na organización. 

Visto o éxito da actividade, dende o Departamento de Deportes xa se está a traballar na organización durante o verán doutros eventos semellantes nos que acadar a participación cidadá.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: clases para suavizar a fenda dixital na aula multimedia

Alfabetización dixital Maiores.doc Download this file


Presentación de O Terceiro I, unha iniciativa que tamén leva Servizos Sociais de Ribeira (http://www.oterceiroi.com)

Ribeira, 20 de xuño de 2011. A Aula Multimedia dá cabida dende a semana pasada a un Curso de Alfabetización Dixital (Iniciación á Internet) que está dirixido aos veciños e veciñas da terceira idade do municipio. Esta acción adscríbese ao Programa de Dinamización Sociocultural dos Maiores que se impulsa dende o Departamento de Servizos Sociais. 

Case 40 maiores de Ribeira están tomando parte nesta iniciativa, divididos en tres grupos que ocupan a aula de informática municipal de 10 a 11, de 11 a 12 e de 12 a 13 horas, respectivamente. As clases están a ter lugar todos os días da semana e rematarán o próximo venres 24 de xuño. 

Está previsto que esta mesma acción se retome o próximo outubro.


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sociedade: Barbanza xa ten indignados, constituídos en IB

Img_3536

Ribeira, 20 de xuño de 2011. Comezaron onte a manifestarse, aproveitando a gran mobilización -ninguneada polos medios tradicionais, como xa vén sendo habitual- do 19J. No intre en que en case 60 cidades de toda España estaban a manifestarse a prol dunha democracia mellorada, con máis transparencia e menos corrupción, os Indignados Barbanza nacían como IB coa vontade de estenderse por todos os pobos da comarca e non só de Ribeira, onde agromaron. En breve saberemos deles nas redes sociais. Na foto aparecen todos os que están pero non todos os que son.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Aguiño re-estreou a rúa Braña da Area tralas reformas e ancheamento

Braa_da_area

Ribeira, 20 de xuño de 2011. A rúa Braña da Area, en Aguiño, viviu esta fin de semana un simple acto co que se quixo celebrar a apertura desta vía unha vez realizada a obra de adecuación, pavimentación e renovación de servizos da mesma. 

Cabe lembrar que a devandita obra, cun orzamento superior aos 180.000 euros e un prazo de execución de cinco meses, foi realizada pola empresa Lisardo Inversiones. A actuación incluíu montaxe de tubaxes para abastecemento de auga, saneamento de fecais e drenaxe de pluviais, instalación de conducións soterradas para o alumeado, colocación de novos báculos e luminarias, pavimentación con aglomerado asfáltico e pavimentación de beirarrúas con baldosa hidráulica. 

Á parte de moitos veciños, no acto déronse cita os alcaldes saliente e entrante, José Luis Torres Colomer e Manuel Ruiz Rivas, así como a concelleira aguiñense do anterior Executivo Esther Patiño Rey, e os dous novos edís Vicente Mariño de Bricio e Elvira Pisos Arnoso. 

Ruiz Rivas e Torres Colomer quixeron destacar e agradecer a colaboración dos veciños lindantes que cederon parte dos seus terreos para poder anchear a rúa.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este martes 21, concerto de fin de curso no Conservatorio de Música


Ribeira, 20 de xuño de 2011. O Concello informa de que o próximo martes día 21 de xuño, ás 20 horas, terá lugar o concerto de Fin de Curso no Conservatorio Profesional de Música de Ribeira.  

Dito concerto terá  lugar no salón de actos do centro citado e, unha vez rematado, os alumnos recibirán dos seus profesores os correspondentes informes de avaliación final do curso 2010/2011. 

A entrada é libre e gratuíta para os espectadores que desexen asistir.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

17.6.11

Ribeira: recepción no Concello ao Sálvora por tantos éxitos deportivos nesta tempada

  • Foi o primeiro acto institucional de Manuel Ruiz Rivas  como alcalde 
  • Entregáronse os trofeos de Campións de Liga en Infantil, Alevín e Benxamín


Ribeira, 17 de xuño de 2011.- Un salón de sesións completamente abarrotado foi o escenario da recepción que o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, quixo realizar a xogadores, técnicos e directivos do Sálvora Club de Fútbol, ante os magníficos resultados deportivos acadados polo colectivo riveirense nesta tempada. Ata 150 xogadores estiveron presentes nun evento que serviu tamén para facer entrega dos trofeos de campións de liga conqueridos polos equipos infantil, alevín e benxamín. 

Con tal motivo, déronse cita na Casa do Concello dous membros da Federación Galega de Fútbol: o directivo Nelson Barreiro e o delegado de Santiago Quico Fernández, que se encargaron de facer entrega dos correspondentes trofeos a cada categoría, ao igual que o alcalde. Tamén estiveron na mesa presidencial o coordinador de fútbol base do club, Artola, e o concelleiro delegado de Deportes e Atención Cidadá, Juan Luis Martínez. 

Na súa alocución, Quico Fernández destacou que esta é a primeira vez que a delegación santiaguesa da Federación desprázase ata unha localidade distinta á compostelá para celebrar un éxito deportivo. Salientou que equipos como o Sálvora van no bo camiño para que o fútbol de Ribeira volva ser unha referencia e regrese á élite. 

Pola súa parte, Ruiz Rivas explicou que para el é unha gran satisfacción que o seu primeiro acto institucional como alcalde sexa para recibir a un club como o Sálvora, que practica un deporte que foi practicamente todo para el a metade da súa vida.  

Así mesmo, manifestou que “o que marca a un pobo é a vontade de facer cousas sen esperar nada a cambio” e a este respecto quixo poñer en valor o labor desenvolvido por técnicos e directivos así como o sacrificio dos pais e nais, e salientou a importancia de apoiar o deporte base. Tamén declarou que “a verdadeira victoria do deporte son os valores que transmiten”, e puxo como exemplos o traballo en equipo ou o saber perder. 

Manuel Ruiz informou tamén de que o Concello seguirá comprometido co mundo do deporte do municipio. O acto rematou cun intercambio de obsequios entre club e Concello. 

Méritos

Noutro orde de cousas, os méritos acadados polo Sálvora son os seguintes: 

Infantís:

  • Campións de liga do grupo 8 de segunda infantil e ascenso a 1ª autonómica. Máximos goleadores con 154 goles e menos goleados con 11. Gañaron todos os partidos. (20)
  • Campións de copa do Concello: máximos goleadores con 47 e menos goleados con 6. Gañaron todos os partidos (8)
  • Campións supercopa do Concello.
  • Non perderon partido oficial en todo o ano

Alevíns:  

Sálvora B:  

  • Campións de liga do grupo IV de primeira autonómica. Máximos goleadores con 343 e menos goleados con 8. Gañaron todos os partidos (22).
  • Campións de copa do concello: máximos goleadores con 108 e menos goleados con 2. Gañaron todos os partidos (8).

Sálvora A:   

  • Subcampeóns da supercopa do Concello.

Benxamíns:

  • Campións de liga do grupo 5 de benxamíns. Máximos goleadores con 183 goles e menos goleados con 25.
  • Campións de copa do Concello: máximos goleadores con 41 e menos goleados con 8. 
  • Campións supercopa do concello.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: van regular o mercadillo dos sábados para que estea máis limpo e se axilice o tráfico

Plan Regulación Mercadillo.doc Download this file

  • Os cambios comezan xa mañá, sábado 18 de xuño

Ribeira, 17 de xuño de 2011. O Concello vai comezar a implantación a partir de mañá, sábado 18 de xuño, dun plan de regulación do mercado ambulante que cada sábado se desenvolve en Santa Uxía. Os dous principais obxectivos desta actuación son, por unha parte, mellorar a limpeza do entorno no que o mercadillo se desenvolve, evitando que queden verteduras na rúa e, por outra parte, mellorar a fluidez do tráfico e a seguridade dos peóns. 

Co fin de alcanzar o primeiro dos propósitos referidos, o Concello entregará a primeira hora da mañá a cada posto de venta unhas bolsas nas que os responsables dos mesmos deberán depositar todos os desperdicios que se xeren. A fin de facilitar a súa recollida, as devanditas bolsas deberán quedar debidamente pechadas no emprazamento do posto correspondente unha vez remate o horario de apertura. De igual forma, vanse incrementar substancialmente o número de contedores dispostos na explanada, que serán situados en lugares estratéxicos para non entorpecer o normal funcionamento da actividade nin causar molestias. 

En canto ao segundo dos obxectivos, a partir de mañá aumentarase de un a cinco o número de efectivos da Policía Local que nos días de mercado velen pola fluidez da circulación e a seguridade dos peóns e vixíen que non se establezan vehículos en dobre fila no paseo do Malecón. A idea do Concello é diminuír o número de efectivos unha vez se comprobe que a situación está regulada. 

Semáforos experimentais

Por outra parte, e incidindo tamén nesta finalidade, está prevista a colocación de semáforos provisionais os días de mercado no Malecón para comprobar se esta medida axuda a unha mellor fluidez do tráfico. Cómpre advertir de que esta é unha medida de carácter experimental cuxa pervivencia no tempo dependerá de si realmente axuda ao obxectivo pretendido.  

Por razóns loxísticas esta última actuación aínda non poderá ser acometida mañá, pero se espera que si poda ser executada no mercadillo do seguinte fin de semana. 

En último lugar, salientar que a cada usuario seralle entregada mañá unha circular na que se recollen unha serie de normas sobre a ordenación e limpeza de obrigado cumprimento.

Pode que tamén lle interese:


Ateneo: o sábado 18, Todo lo que debes saber sobre el A. Egipto


Día da Bicicleta: este domingo 19 de xuño

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: denuncian o achádego dun can morto a balinazos en Bretal

Ribeira, 17 de xuño de 2011. A Protectora de Animais "Moura", de Ribeira, vén de denunciar a aparición dun can asasinado a balinazos na zona de Bretal. Segundo explican fontes desta protectora, "o mércores 14 pola tarde recibimos a chamada dun veciño de Ribeira que nos avisaba sobre un can morte que se atopaba nunha beirarrúa de Bretal e que amosaba indicios de maltrato, xa que tiña un balinazo nunha das súas patas".

Logo do aviso, un dos representantes de Moura achegouse ata o lugar indicado pero xa o levara Protección Civil de Ribeira. Os de Moura puxéronse en contacto cunha das súas colaboradoras, que tamén traballa en Protección Civil, e tiveron a sorte de que ese día estaba de garda. Explicáronlle o caso e solicitaron examinar ao canciño.

O can era unha mestura de pastor alemán e o seu corpo estaba enchoupado en sangue. Ante a evidencia de atoparse ante un posible delito, os de Moura falaron cos de Protección Civil para trasladalo a un veterinario para que lle practicase unha necropsia e comprobar a causa da morte. En todo momento "contamos coa colaboración exemplar por parte de Protección Civil, que nos axudaron incluso no seu traslado", contan dende Moura.

"Aínda que os balíns non adoitan provocar a morte de animais deste tamaño, déronse casos puntuais nos que si, ao alcanzar os proxectís órganos vitais tras disparos a moi curta distancia. Tras un exame, o veterinario puido comprobar que un dos balíns que tiña aloxados no corpo traspasara a cavidade abdominal e lle producira unha hemorraxia interna que acabou coa vida do can. Iso demostraría que, alomenos ese balín, disparouse a moi curta distancia", conclúen en Moura, que foron presentar denuncia ante o Seprona de Noia co fin de que se realicen as investigacións correspondentes.

Antes, en Certo:


Fotodenuncia: cadáveres de raposos ao pé do Parque Natural


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical