8.7.11

Sanidade: a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Barbanza reuniuse co alcalde de Boiro

Media_httpfarm3static_jbpmg

Imaxe de arquivo de integrantes da Plataforma entregando sinaturas na Xunta

Boiro, 8 de xullo de 2011. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Comarca da Barbanza reuniuse hoxe, venres 8, co alcalde de Boiro. A Plataforma ten solicitada unha recunión con cada un dos alcaldes da zona (Boiro, Pobra, Porto do Son, Ribeira), e foi o de Boiro o primeiro en citalos.

Na reunión, a que asistiron tres representantes da plataforma, o alcalde a a concelleira de Sanidade, espuxéronlle as preocupacións da Plataforma polas distintas iniciativas privatizadoras da sanidade pública e a situación actual do servizo de diálise do Barbanza.

Charla coloquio o xoves 14 na Pobra

Tamén se lle invitou ao alcalde e a todos aqueles interesados a acudir á charla-coloquio  que terá lugar o próximo xoves día 14, ás 20.30 horas, no salón de actos do ISM da Pobra, sobre iniciativas privatizadoras na sanidade pública. Falarán: Manuel Martín , voceiro de SOS Sanidade Pública, co tema : ¿É posible manter o sistema sanitario público en Galicia? ¿Qué estratexias utiliza a Xunta para privatizalo? e Marian Rodríguez, pola plataforma en defensa da sanidade pública da comarca da Barbanza, co tema : Intento de privatización do servizo de diálise no Hospital da Barbanza.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: reclaman a solución das verteduras do polígono do Couso, que matan semente de bivalvos

  • Marisol Soneira presenta unha serie de iniciativas parlamentarias para solucionar os prexuízos das verteduras ás empresas acuícolas
Media_httpfarm5static_nsbtu

Zona de Punta Couso

Ribeira, 86 de xullo de 2011. A portavoz de Pesca do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Marisol Soneira, reclamou á Xunta que solucione os problemas de verteduras das empresas do Polígono do Couso que están a destruír a semente de bivalvos e a produción das empresas acuícolas afincadas nesa costa. Así o fixo a través dunha serie de iniciativas que serán debatidas no Parlamento de Galicia. 

Soneira sinala que as carencias medioambientais do polígono provocan que as empresas vertan directamente ao mar con “consecuencias tan importantes para algunhas das actividades que alí se desenvolven”. Esta situación, sinala, “mesmo ten levado ao peche de algún dos proxectos mais innovadores e interesantes para o sector marisqueiro, como é a produción de semente de bivalvos para os bancos marisqueiros”. 

As verteduras, engade, tamén prexudican aos bancos naturais próximos ao encrave, “con incidencia moi forte como é o caso de Aguiño, ou a presenza de empresas acuícolas na zona que dependen da calidade das augas para sobrevivir”. 

Parquistas de Carril 

A parlamentaria socialista sinala que esta contaminación afecta especialmente ao proxecto empresarial de produción de semente de bivalvos posto en marcha no Concello de Ribeira polos parquistas de Carril e que se atopa coa “desidia e falla de compromiso da Xunta” que provoca “serios problemas de viabilidade” tanto pola falla de apoio financeiro como polo desleixo diante da contaminación. 

Sinala que estas iniciativas “tentan responder a unha necesidade evidente e tamén poden significar a resposta galega á produción de semente de bivalvos en calidade e cantidade” suficientes para o mercado interior e pala exportación. Estas experiencias contrastan coas “promocionadas e financiadas pola administración que, a pesar da propaganda oficial, non parece que dean respostas axeitadas ás demandas do sector”. 

Por este motivo pregunta á Xunta polas súas avaliacións das necesidades de semente de bivalvos nos parques e concesións marisqueiras, así como a súa valoración e as medidas de apoio postas en marcha para o proxecto empresarial posto en marcha polos parquistas de Carril.

14 PNC contaminacion poligono couso ribeira 040711 MARISOL 66744-asinado.pdf Download this file

30 POC semente bivalvos ampromar 040711 MARISOL 66741-asinado.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Curro das Cañizadas é este domingo 10 de xullo, coa tradicional rapa e carreiras de cabalos

Curro_001

A Pobra do Caramiñal, 8 de xullo de 2011. O tradicional Curro da Barbanza, tamén coñecido como Curro das Canizadas, terá lugar este domingo 10 de xullo. Presentárono esta mañá no Concello.

O programa é o que segue:

10:30 h Encerro de animais “O Curro”

          Xantar Campeiro á sombra dunha carpa

Despois de xantar

RAPA E MARCA DAS BESTAS

18:30 h. MONTA SALVAXE CAMPO A TRAVES

             1º premio……………………………..50 € + trofeo

             2º premio……………………………..30 + trofeo

             3º premio……………………………..20 € + trofeo

19:00 h CARREIRA DE CABALOS DE RAZA LIBRE

                 1º PREMIO………………………..90 € + TROFEO

                 2º PREMIO………………………..60 € + TROFEO

                 3º PREMIO………………………..30 € + TROFEO

20:00 h CARREIRA DE CABALOS DO PAIS

                   1º PREMIO……………………..90 € + TROFEO

                  2º PREMIO……………………..60 € + TROFEO

                  3º PREMIO……………………..30 € + TROFEO

Seguidamente SORTEO das rifas dun CABALO e un PORCO  e despois entrega de premios. Todos os participantes nas carreiras hípicas deberán anotarse con 1 hora de antelación e debe haber un mínimo de 4 participantes por carreira.

Trofeos doados por institucións (Xunta e varios concellos), tendas e os comuneiros de montes de Postmarcos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este sábado, mostra de música tradicional no auditorio con cinco grupos folclóricos locais

Cartel_mostra_musica_tradicona

Ribeira, 8 de xullo de 2011. Organizada pola Concellería de Cultura, mañá sábado 9 de xullo, o auditorio acubillará ás 20.30 horas á celebración da Mostra de Música Tradicional de Ribeira. 

Cinco grupos participarán na actividade: o Grupo Tradicional Tahume de Olveira (que figurará coas seccións infantil e adulto), O Rueiro dos Fillos de Palmeira, o Grupo de Gaitas O Pichote de Palmeira, O Grupo de Pandereteiras Tanxedoira de Palmeira e o Grupo de Canto A Gandaina de Palmeira. 

A Mostra durará  en torno a unha hora e media e incluirá tres pezas infantís de Tahume, 5 pezas do Rueiro, 2 pezas do Pichote, 2 de Tanxedoira, 2 dos cantareiros da Gandaina e 3 de Tahume adultos.  

Entrada gratuíta

O acceso é de balde ata encher aforo. As entradas poderán ser retiradas media hora antes de comezar o espectáculo.  

Ao remate do mesmo, a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, agasallará a cada grupo participante cunha figura conmemorativa da Mostra para agradecer a súa participación.


O mesmo día en Ribeira:


Festa da Dorna: derradeira asemblea, este sábado 9 de xullo


Concerto de saxo: este sábado 9 de xullo na igrexa de Sta Uxía

Arousa Norte: este sábado, xornada por un litoral sostible

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: unha ducia de mozos interesáronse pola futura Lei de Xuventude de Galicia

  • A maioría representaban a asociacións da cidade
Ribeira, 8 de xullo de 2011. Unha ducia de mozos e mozas ribeirenses déronse cita, tanto a título particular como en representación de asociacións xuvenís do municipio, no auditorio para coñecer de primeira man o contido do borrador de anteproxecto da Lei de Xuventude de Galicia: un texto en que está traballando actualmente a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta e para cuxa elaboración desexa contar coas propostas e suxestións dos propios xóvenes. 

Con tal motivo, un técnico desprazouse onte pola tarde á devandita instalación municipal e lles explicou aos presentes por espazo de algo máis de media hora os obxectivos e liñas xerais presentará o texto, do que destacou o seu carácter integrador e transversal das políticas xuvenís e a súa vocación de impulsar o asociacionismo e a participación directa dos mozos e mozas. 

Ademais, animou aos partipantes a facer as súas propostas a través da web  www.xuventude.net, con prazo ata o próximo día 15 de xullo. 

No acto, que finalizou cunha quenda de preguntas, estivo presente a concelleira de Xuventude e Igualdade, Aroa Fernández, así como o técnico municipal Mario Vidal.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

7.7.11

A Pobra: o Psoe volta denunciar o estado do río Morto "e ben morto"

A Pobra do Caramiñal, San Fermín de 2011. Estas fotos corresponden ás 8 da tarde de hoxe. Son do río Morto. "Segue sen ser unha prioridade para este refrendado goberno municipal do PP a erradicación dos vertidos industriais, que son unha lacra neste concello: os responsables municipais miran para outro lado esquecéndose dos danos irreparables que causan o medio ambiente e o sector produtivo dependente do mar", subliñan, por enésima vez, os socialistas pobrenses.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: pavimentarán e arranxarán pluviais no camiño de Rocapellón, en Corrubedo

Ribeira, San Fermín de 2011. En resposta a unha demanda dos veciños de Corrubedo, o Concello ten previsto actuar en breve no camiño coñecido como Rocapellón, que fai de acceso á praia do Prado e alberga o único lavadoiro público de que dispón a parroquia, recentemente restaurado. 

En concreto, o Executivo Local instalará unha rede de augas pluviais consistente nunha tubaxe de 50 metros liñais de PVC corrugado. Con esta medida preténdese solucionar os problemas de asolagamento que presentaban fincas lindeiras en épocas de chuvia. 

Por outra parte, a obra inclúe tamén a pavimentación axeitada de toda a zona obxecto de actuación, incluíndo un tramo de camiño duns 30 metros de lonxitude que estaba pendente de acometer. O orzamento da actuación ascende a 17.499,44 céntimos. 


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: veciños de Carreira continuaron descubrindo a Costa da Morte

Ribeira, San Fermín de 2011. Dentro das liñas de actuación en materia de difusión do patrimonio de Galicia, a Asociación de Veciños de Carreira, vén de organizar unha nova saída lúdico-cultural que levou por título “Misterios da Costa da Morte 2” na que se visitaron lugares tan emblemáticos como o cabo Vilán, Camariñas, Camelle, Castelo de Vimianzo, Laxe, as Torres de Mens ou o porto de Malpica de Bergantiños.

Cincuenta viaxeiros desfrutaron desta excursión que completaba a realizada unhas semanas antes por Fisterra e Muxía, e na que puderon coñecer de primeira man a artesanía da zona, monumentos medievales, paisaxes espectaculares, e todo elo, aderezado por continuos relatos da rica tradición oral da bisbarra: afundimentos do Adelaida e do Serpent, trazos da historia de Man, o alemán de Camelle ou o misterio das torres de Mens”


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: convocatoria para decorar fanequeiras na Festa da Dorna


Este sospeitoso parece de Ratos da Illa
   
Ribeira, San Fermín de 2011. Muxo Beti e Ratos da Illa, peñas organizadoras da “Decorasión de Fanequeiras”, informan que, a partires desta fin de semana, as peñas interesadas en participar na decorasión de fanqueiras xa poden inscribirse en Pepe´s  ou no Bar Capri.
 
Muxo Beti e Ratos da Illa animan a todas as peñas a participar nesta edición da “Decorasión de Fanequeiras” que, ao igual que en edicións anteriores, trae novas sorpresas para as peñas participantes.
 
Nos últimos anos a “Decorasión de Fanequeiras” foi protagonista en varios programas e medios de comunicación ( Bricomanía, TVG, etc.) e repartiu divertidos premios entre as peñas vencedoras. Para esta edición, as peñas organizadoras están a preparar novas sorpresas das que se dará conta nos próximos días.
 
Asimismo, informan de que o xurado encargado de visitar as fanequeiras comezará o seu percorrido polas mesmas o mércores 20 de xullo ás 17.00h.

Para os que non saiban que son as fanequeiras:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

6.7.11

Ribeira: este sábado 9, nova e derradeira asemblea da Cofradía da Dorna

Ribeira, 6 de xullo de 2011. O vindeiro sábado 9 de xullo terá lugar a cuarta e derradeira asamblea de peñas de cara LXIII Singladura da Festa da Dorna, que desta volta celebrarase no salón de actos da Casa do Mar ás 20:03.

Ésta será a derradeira oportunidade para participar na organización da festa e botar unha man á xente que traballa por ela. Os temas a tratar serán principalmente pechar todo o relativo aos xogos e actividades Dorneiras, distribución da  colaboración das peñas entre as actividades e xogos. Ademáis poderase propoñer calquera actividade nova, preguntar dúbidas aos organizadores das actividades que estean presentes e apuntarse ao Facho Dorneiro, que é a actividade inaugural da Festa da Dorna 2011.

Por outra banda, os novos socios poderán recoller os seus carnés de Dorneiros.


No que atinxe ás sudadeiras dorneiras que, como xa se sabe son brancas e levan o deseño de Mª José Fernández García da peña Comando Dorneiro, gañadora do premio A Jata Ruín de la Praia, estarán á venta dende este venres 8 de xullo ata esgotar existencias, ao módico prezo de 14€, en Podium Sport (Rúa 9 de Agosto, ver mapa coa ruta dende a Praza do Concello). Recoméndase levar os cartos xustos para colaborar a evitar problemas co cambio.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical