13.8.11

Porto do Son: "Castro de Baroña: Ben de Interese Cultural desde sempre"

Texto e fotos: Paco do Martelo

  • Remataron as Xornadas de Historia e Cultura de Porto do Son, adicadas á cultura castrexa e o megalitismo
  • A sensación en cada xornada foi sempre a mesma: os políticos só se ocupan das obras novas, as do pasado danlle bastante igual
Media_httpfarm5static_xrvmb

A bordo do balando Joaquín Vieta, con base en Noia, visitáronse os tres castros marítimos do Son: Baroña, Nadelas e Illa do Mar

Porto do Son, 13 de agosto de 2011. Onte remataron as Xornadas de Historia e Cultura. Pola mañá houbo unha visita guiada ao Centro de Interpretación do Castro de Baroña e posterior visita guiada ao Castro deste mesmo nome. Como actividade complementaria, non organizada pola comisión das xornadas, pero que tivo unha moi boa acollida, foi unha visita por mar aos tres castros marítimos de Porto do Son: Baroña, Nadelas e Illa do Mar. A viaxe foi a bordo do Joaquin Vieta.


CONFERENCIAS

"En busca dos concheiros perdidos: pesca e marisqueo na cultura castrexa".
Victor Bejega García, Eduardo González Gómez de Agüero.
Universidade de León. Área de prehistoria.

O cuncheiro como ADN dun castro

A información que proporciona un cuncheiro é estacional; climática e en que época se recolectou ese marisco. Tamén proporciona información económica e artesanal. O método usado para datar todo isto é nun primeiro paso cribar todo cunha malla dun milímetro. Logo faise un "triado", identifícase e tómanse os datos biométrcos. Para darse unha idea da labor que isto xera, nalgún chegaron a procesar unha tonelada.
O principal elemento que se atopa neles son cunchas, daí o nome, pero tamén restos de moluscos, crustáceos, alfarería ou metalurxia. Nos primeiros séculos antes de Cristo o normal é atopar por rigoroso orde en maior medida e como elementos principais, restos de lapas, mexillóns e ameixas e longueiróns, e como secundarios, berberechos, bígaros e ostras. De todo isto despréndese que había ausencia de sobreexplotación.
Un exemplo é o Castro de Punta Atalaia (Cervo-Lugo), onde o 99% do seu cuncheiro era exclusivamente a base de lapas.

En opinión destes expertos, o Castro de Neixón (Cespón, Boiro) é o mellor datado ata o momento. O cuncheiro de Baroña atopouse xunto á casa número 5.

Xa no interior, o normal é atopar restos de ostras, como en Astorga e León, pero tamén vieira e ameixas. En base a estes datos, detéctase que nos castros marítimos consumíanse as especies de baixo valor comercial (autoconsumo) e exportábanse as consideradas de maior valor.

Pesca no mundo prerromano

Nos séculos V-II A de C, poucas especies de peixes se pescaban, e só vertebrados. Unha característica é que non se atopan nin cabezas, nin escamas, o que induce a pensar que os limpaban no mar nada máis capturalos e que rexeitaban a cabeza. Estes peixes eran semigrasos e brancos, ningún azul e como eran especies caníbais, pescábanos cos azos que se acharon.
A partires do Século II A de C, xa se aumenta o número de especies que pescan: faneca, ollomol, maragota, xurelo e xarda e tamén se da un cambio: tráenos enteiros para terra. O aumento da poboación e dos castros conlevou a aparición de redes para poder alimentar a todos. Isto sábese porque tamén se atoparon pedras coas que fondeaban as súas redes para atrapar os peixes.

Auga máis quentiña

Naquela época era abundante a xarda pintada, máis propia de mares quentes, pero polos datos que se manexan, calculan que a temperatura da auga nesas épocas era 2 grados superior á día de hoxe. Xa en épocas máis recentes, sábese que por exemplo na Idade Media, pescábanse linguados e meros.

Un dato moi importante (e óllase que non hai quen lle poña o axóuxere ao gato) é que a merluza -a pescada- cun tamaño envexable, moi abundante na época prerromana e romana, coa pesca do arrastre foise retirando cada vez máis da costa e mesmo desaparecendo. En Cantabria dende que se creou unha reserva mariña na que está prohibida a arte do arrastre, volveu aparecer a merluza.

Hai que investigar o cuncheiro de Taramancos

Media_httpfarm7static_ehjbt

Enorme cuncheiro atopado este ano no castro de Taramancos

Como non podía ser menos, porque estes días está en boca de todos, falouse do cuncheiro atopado en Taramancos-Noia, e agardan que se-lles deixe investigalo. Veremos se impera o sentido común e non pasa como en tantas aberracións cometidas, tanto por políticos, como por expertos na materia e por profanos. Máis información sobre cuncheiros e relacionadas, en http://arqueomalacologia.blogspot.com/

"Castro de Baroña: paisaxe cultural e xacemento arqueolóxico".
Anxo Concheiro Coello Arqueólogo

O Castro de Baroña require unha Reestruturación Arquitectónica
Algún día o castro converterase en tres illotes
Ás casas vanlle aparecer as portas

Concheiro, un dos arqueólogos que máis estudou o Castro de Baroña, concibe este xacemento (pola súa silueta) coma un gran cetáceo que varou aí e destaca a súa espectacularidade, riqueza e pola súa defensa. A súa entrada é moi común noutros castros ingleses.

Ángel Concheiro non está de acordo coa datación de Baroña por un escaso coñecemento científico e cre que é da Idade do Ferro. Foi descuberto en 1933 por Pablo Díaz, un capitán de carabineiros destinado en Porto do Son, que fixo a primeira escavación. José María Luengo entre 1969 e 1970, tamén o escava e fai outra mala reinterpretación da época. Nos anos 80 é Francisco Calo Lourido, o que intervén nel, hasta que nos 90, o propio Concheiro fai a súa achega, e agradeceu a colaboración de moita xente, entre eles, o veciño do Son Ramón Alonso Vila.

Nada dos romanos en Baroña

Un dato a destacar é que non apareceu ningunha simboloxía romana. Para iso amosou o pendente de ouro atopado no castro e outro de época romana, para que se vira a súa gran diferencia. O castro consolidouse grazas a Calo Lourido, que se atopou cunha ruína.

Futuro Centro de Interpretación de Baroña

O arquitecto da ETSA de Coruña e máster en Urbanismo, Marcial Rodríguez Rodríguez, falou do proxecto do Futuro Centro de Interpretación, que consistirá en tres edificios de madeira e pedra, difuminados no entorno. Tamén se abordou a erradicación do campismo salvaxe (estes días é desaforado, como se pode ver nas fotos) e na expropiación desa mole branca -casa unifamiliar- co que se devolverá á zona a súa primitiva imaxe. Tamén se denunciou a escavación furtiva feita o ano pasado e o xeito de usaren as pedras xa do propio castro para facer figuras de pedra, simboloxía adaptada doutros lares, pois nin milladoiros propios doutros santuarios galegos, como Teixido, son.

Acto de Clausura

José Luís Oujo Pouso, alcalde de Porto do Son, púxose todo solemne para dicir que "se renunciamos á nosa Historia non temos futuro" e comprometeuse a crear unha partida especifica para o próximo ano, adicada ao Castro de Baroña. Tivo o valor de recoñecer que a pesar de prometer o primeiro día acompañarnos nalgún acto, non o fixo. Agardemos que esa última promesa sexa algo máis firme, inda que vendo todas as feitas polos políticos sobre este castro ao longo da última década, mellor ser escépticos totalmente.

Pola súa banda, Asunción Torres Parada, concelleira de Cultura de Porto do Son, pediu "a colaboración de todos e todas para preservar o noso legado e loitar contra os vándalos que o atacan". Manuel Mariño del Río, Director das Xornadas, agradeceu o feito e dixo que "detrás dunhas xornadas hai un gran traballo e moita colaboración altruísta". A coordinadora das Xornadas, Patricia Torrado Queiruga, asegurou que estas xornadas teñen moita razón de ser "e xa está en marcha a seguinte edición". Houbo unha actuación musical a cargo de Ramón Leis. Aínda que non viña no programa, estivo acompañado pola fermosa voz dunha soprano.

Nota: Cada un é dono dos seus actos, pero persoalmente botei en falta a presenza de moitos máis políticos en activo ou retirados. Aburrirálles coñecela nosa Historia?


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

12.8.11

Porto do Son: as Xornadas de Historia centráronse onte na cultura castrexa

Texto e fotos: Paco do Martelo

Porto do Son, 12 de agosto de 2011. As conferencias de onte das Xornadas de Historia e Cultura, dirixidas por Manuel Mariño, tiveron como protagonista á descoñecida, pero pouco a pouco divulgada, cultura castrexa.
Javier Corral titulou a súa charla "Encontros interculturais entre os fenicios e as comunidades castrexas na fachada atlántica". Trátase dun investigador do GEPN da Universidade de Santiago e, entre o máis salientable do que dixo figura: 

  1. O achegamento dos fenicios coa cultura castrexa foi vía marítima e polo interior, polo que puido dar orixe á Ruta da Prata
  2. Viñan en busca de estaño que se supoñía que había nunhas illas, que podían ser as Británicas, pero dado que non hai constancia da súa presenza nesas terras, nin na Gran Bretaña nin na Bretaña francesa, suponse que o conseguían en Galicia.
  3. As cerámicas gregas atopadas nos castros obedece a que os fenicios actuaron coma intermediarios.
  4. Nos castros de Neixón atopáronse restos de ánforas usadas para o transporte de bebidas e comidas.
  5. O Altar Púnico do Castro de Alcabre atopado baixo o castro, amosa que neste caso os fenicios ocuparon esa zona moito antes que os castrexos. Procedencia da foto que achego neste caso: http://www.peirao.com/tema_ver.php?id_tema=5208
  6. Os betilos eran a casa da propia divindade.
Xa na conferencia de Ana María Suárez, profesora do departamento de Historia da USC, que se titulou "O mundo da vida cotiá da cultura galaico-romana", abordouse a presenza romana na Gallaecia, con estas interesantes ideas:
  1. As comunidades galaicas estaban compostas por "Os populi" e a administración romana polos Conventus
  2. A muller na época castrexa tiña unha actividade destacada, que desapareceu coa chegada dos romanos.
  3. O home asimilou antes a onomástica romana, pero a muller seguiu usando os nomes pre-romanos.
  4. Antes da súa chegada non se pode falar dunha cultura castrexa do viño, o que vén rachar un pouco co mito de que os romanos adoraban o seu viño.
  5. Os romanos usaban o Plan hipodámico para crealas súas cidades.
  6. Nas casas usaban o sistema A Groma: Impluvio que era un sistema ideado para recoller as augas da choiva.
  7. Os prerromanos usaban teitos de pallas, mentres que os romanos viñeron a traela tella (Tegula, a típica tella curva e Umbrices, una tella plana).
  8. A calor ao fogar transmitíana por medio dun sostificado sistema de aire quente (Hipocaustos).
  9. A filosofía romana era dual: Negotium: Traballar para vivir. Otium: Vivir para gozar
Na conferencia de María Xesús Lama López, profesora de Literatura Galega na Universidade de Barcelona, abordouse "O celtismo na literatura: dos heroes guerreiros á civilización cortesá"

Algunhas ideas recollidas:

Adeus ao mito celta?

  • A principios do Século XIX foi cando se distribuíron as catro provincias actuais de Galicia.
  • O pensamento galeguista foi o que impulsou a orixe dos "celtas".
  • Verea e Aguilar foi o primeiro que usou dito termo e o que creou a primeira Historia de Galicia.

Estatua de Antolín Faraldo, un dos difusores do mito céltico, en Betanzos
  • Antolín Faraldo foi quen difundiu a súa idea e afirmou que o primeiro que había que conseguir era que o "galego" se sentise "galego".
  • O ferrolán Benito Vicetto difundiu a Historia de Galicia a través de novelas que foron superventas da literatura española. Escribila en galego para un pobo que estaba escolarizado en castelán non tería éxito, aínda que fose para reclamar dereitos de Galicia.
  •  A Historia de Galicia de Murguía foi moito máis seria nos fundamentos e chea de datos. Foi unha magna obra para ser feita no Século XIX.
  • Murguía e Pondal, outro que profundaba nas raíces celtas, coincidían na libraría de Uxío Carré Aldao, nunha tertulia denominada A Cova Céltica. Curiosamente Pondal deuse a coñecer escribindo en castelán.
  • "Rumores de los pinos", mesturaba galego e castelán e logo escribiríase só en galego, pasando a titularse "Queixumes dos pinos".
  • Ramón Cabanillas fixo a introdución da temática bretona na tradición oral celta.
  • A batalla -na brétema das lendas- do Monte Medulio é un pouco onde beben todos eles para forxar a lenda dos guerreiros celtas: http://es.wikipedia.org/wiki/Monte_Medulio

Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: ata o 14 de agosto, Feira do Marisco

Noia: cartel e programa das Festas de San Bartolomeu. Do 24 ao 28 de agosto

Ribeira: o Concello solicita colaboración cidadá ante a onda de roubos de cobre do alumeado eléctrico

  • O Concello recibiu denuncias de roubos entre Laxes e Castiñeiras, e tamén en Campelos
  • Javier Crugeiras, veciño de Carreira, envíanos fotos dos roubos en farolas do alumeado entre Carreiras e Aguiño

Ribeira, 12 de agosto de 2011.- O alcalde de Ribeira , Manuel Ruiz Rivas, manifestou hoxe a súa inquietude ante os roubos de cableado de cobre pertencente ao alumeado público producidos en varios puntos do municipio. Así, nos últimos días tivo lugar un episodio destas características entre Laxes e Castiñeiras e outro feito similar no lugar de Campelos. 

Dende o Executivo quérese solicitar a colaboración da veciñanza e rogarlles que estean alerta ante posibles condutas sospeitosas. Se se percatan de algún caso, recoméndase dar aviso ás forzas de seguridade da zona (091 a Policía, 062 urxencias Garda Civil).  

Os feitos descritos anteriormente xa están denunciados na Policía Nacional.

Roubos entre Carreira e Aguiño

O veciño de Carreira Javier Crugeiras, administrador do sitio web http://carreira.info tivo a xentileza de enviarnos as imaxes que acompañan esta información, e que corresponden ao roubo duns 250 metros de liña de cobre do alumeado público que discorre entre Sabartan (Carreira) e Anguste (Aguiño), polo medio das leiras.

Curiosamente, ninguén viu nin escoitou nada. Como diría o actor botado para Castela e medio renegado do arado, o vigués Manuel Manquiña, en "Airbag", "unos profisionales, Carmiña, unos profisionales".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical