16.8.11

Boiro: o campamento da Espiñeira participa nun obradoiro de reciclaxe e concienciación ambiental

  • Dentro da campaña "Se paras na praia, separa"

  • Este obradoiro percorre 9 campamentos no verán

Media_httpfarm7static_zqrjh

No campamento da Espiñeira tamén se fixeron actividades a prol do galego

Boiro, 16 de agosto de 2011.- O campamento xuvenil da Espiñeira, en Boiro, participa nunha campaña de divulgación da reciclaxe do lixo ao longo deste verán. Baixo o título "Se paras na praia, separa", un total de 1.425 nenos e nenas participan nos campamentos de Gandarío e Marina Española, en Bergondo e o albergue A Espiñeira, en Boiro. Este programa estase a levar a cabo nun total de 9 campamentos e participarán preto de 3.400 nenos e nenas das catro provincias galegas. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas leva esta campaña de recollida selectiva nas praias aos albergues xuvenís co obxectivo de concienciar aos galegos sobre a importancia da reciclaxe.

 
A Coruña
 
Bergondo
Albergue Xuvenil Marina Española
Bergondo
Albergue Xuvenil de Gandarío
Boiro
Campamento Xuvenil A Espiñeira
 
O departamento que dirixe Agustín Hernández repartiu diverso material didáctico para que os monitores de tempo libre que participan nos campamentos xuvenís, organicen actividades e informen sobre a importancia da reciclaxe.

Este material da campaña de reciclaxe empregarase como recurso didáctico ao longo de toda a temporada estival nos diferentes grupos que participan no campamento. Consiste no seguinte:
• Unha guía sobre separación de residuos e reciclaxe para reforzar os coñecementos dos monitores.

• Un xogo tipo “A Oca” sobre reciclaxe, que vai impreso sobre unha lona e que é reutilizable e adaptable a grupos de diferentes idades.

Os colectores azuis (os específicos para papel e cartón) terán unha presenza máis marcada neste tipo de lugares, xa que nos campamentos se adoita a organizar actividades nas que o uso de papel é frecuente. Así, os 9 albergues xuvenís participantes recibirán material lúdico-educativo deseñado para fomentar a súa implicación na correcta separación dos residuos.

Cómpre recordar que unha das novidades desta edición, é o feito de que a campaña farase extensiva a cámpings das tres provincias costeiras, nos que se instalarán paneis informativos e parellas de colectores verde-amarelo.


PROVINCIA
CONCELLO
CAMPING

PRAIA CERCANA
que xa participa no proxecto

A Coruña
Ribeira
Coroso
Coroso
A Coruña
A Pobra do Caramiñal
Ría de Arousa
Cabío
Lugo
Viveiro
Viveiro
Covas
Pontevedra
Baiona

Baiona Praia

Ladeira
Pontevedra
Sanxenxo
Maior
 
 O principal obxectivo deste proxecto é concienciar á cidadanía e promover a súa colaboración na separación de residuos, xa non só nos seus fogares, senón tamén nas praias que frecuentan durante os meses estivais, onde se xeran cantidades importantes de residuos urbanos. Trátase de que os residuos xerados nas praias e constituídos maioritariamente por envases se recollan selectivamente para que teñan a xestión final máis axeitada.

Mediante as medidas plantexadas neste proxecto mellórase o servizo de recollida e dótase aos areais dos medios precisos para facilitar aos usuarios a súa implicación activa. O plan de recollida permite evitar que unha porción importante de envases lixeiros se desvíe a un destino non desexable para estes, impulsando a reciclaxe e incrementando os ratios de recollida selectiva.

Medio Ambiente lembra que o proxecto posibilita o avanzar un paso máis na xeralización da recollida selectiva a todos os ámbitos de forma que pouco a pouco a separación en orixe sexa un hábito en calquera actividade cotiá.

Campaña de recollida nas praias
A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas puxo en marcha este verán unha nova edición da campaña de fomento da recollida selectiva que se desenvolverá en máis de 140 praias de máis de 70 concellos galegos dende o pasado, 3 de xullo, ata o 31 de agosto. Esta iniciativa, que conta coa colaboración de Sogama e Ecoembes, está destinada a concienciar sobre a necesidade de separar os residuos en todos os ámbitos, incluíndo os espazos abertos e os escenarios orientados ao ocio.

No conxunto da Comunidade galega, visitaranse máis de 100 areais costeiros e máis de 30 áreas fluviais, nos que se instalarán colectores de residuos apropiados. Na táboa seguinte especifícase o reparto por provincias.

 
 
 
Nº concellos
Nº praias
A Coruña
21
39
Lugo
12
27
Ourense
23
30
Pontevedra
15
50
 
71
146

Cos datos deste proxecto vanse instalar colectores de residuos apropiados, co fin de contribuír a mitigar o impacto que o turismo exerce sobre a produción residuos nos meses estivais, obxectivo recollido no Plan de Xestión Residuos Urbanos de Galicia 2010-2020.

Dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas estímase que este proxecto permitirá a recuperación e reciclaxe de arredor de 700 quilos de envases lixeiros cada día, o que sumará un total de máis de 40 toneladas ao final da temporada.

Para alcanzar este obxectivo, técnicos cualificados realizarán inspeccións nas diferentes localizacións onde se implantou a recollida selectiva a fin de comprobar o estado en que se atopan os medios dispostos (carteis, colectores, bolsas, etc.). Así mesmo, realizarase unha serie de caracterizacións dos residuos depositados para obter datos sobre a calidade de segregación e a cantidade de residuos xerados.

Por último, a campaña “Se paras na praia, separa”, conta cunha páxina web propia, www.separanapraia.com, que se manterá activa durante os meses de verán, albergando información sobre o desenvolvemento da campaña.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: o domingo 21 de agosto, homenaxe a Luis Barrena, deputado republicano asasinado hai 75 anos

Luis_barrena

Outes, 16 de agosto de 2011. O vindeiro domingo, 21 de agosto, ás 12:30 da mañá, xunto ao monumento ás vítimas do franquismo en O Freixo-Outes, a asociación cultural "Terra de Outes" organiza un acto de homenaxe ao deputado republicano Luis Barrena, co gallo do 75 cabodano do seu asasinato.

Polo de agora non confirmaron asistencia, pero segundo nos explica Xoán X. Mariño, presidente da asociación organizadora, "cursóuselle invitación a este acto á filla do deputado, Marisol Barrena; a Xoán Carlos Garrido, de Iniciativa Galega pola Memoria Histórica; a Francisco Jorquera, deputado no Congreso dos Deputados en representación do Bng e ao socialista José Bono, presidente do Congreso dos Deputados.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este venres 19, presentación do libro "El capitán de pesca y el bacalao", no Ateneo Valle-Inclán

Libro_bacalao

En 2008, a mesma autora, Rosa García Orellán, presentou "Encuentros creativos con Iñaki Sagarzazu, Juan Mari Arzak y Francis Montesinos", e entrevistámola aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

15.8.11

Porto do Son: o 27 e 28 de agosto, Feira Mariñeira, festa gastronómica en Portosín

Boiro: doce millóns de euros para a dársena de Cabo de Cruz, que está a punto de rematarse

  • O novo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, reuniuse o venres pasado co alcalde de Boiro e visitou as obras que se están a desenvolver na zona
  • O organismo portuario está a realizar un seguemento do asentamento dos diques de abrigo da nova dársena, para rematar o espaldón e o pavimento

Boiro, 15 de agosto de 2011.- O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, mantivo un encontro institucional co alcalde de Boiro para profundar nas actuacións que o ente público está a desenvolver no municipio. Posteriormente, Durán comprobou a marcha das obras de dotación da nova dársena e construción de instalacións náutico recreativas no porto de Cabo de Cruz. Respecto á obra da nova dársena, que se atopa na súa fase final, Durán explicou que o organismo portuario está a realizar un seguemento mensual do nivel de asentamento dos diques de abrigo para, unha vez obtida a estabilidade definitiva, poder rematar o espaldón e o pavimento. A Xunta de Galicia investiu no global da obra da nova dársena máis de 12 millóns de euros.

Así mesmo o presidente de Portos anunciou que o seu departamento proxecta completar, a medio prazo, esta instalación coa construcción de pantaláns profesionais. Actualmente, o ente público ten elaborado xa un proxecto para a habilitación de 125 prazas para embarcacións pesqueiras, e está en estudio outro pantalán para bateeiras.

En canto ás obras de construcción de instalacións núatico recreativas, Durán Hermida anunciou que a previsión do ente é que a primeira fase desta actuación, que incluiría a instalación dos pantaláns, a creación de novas superficies de uso e a instalación de servizos básicos, estea rematada antes de final deste ano. Deste xeito quedarían habilitadas 200 prazas de amarre para a sétima lista.

En canto á segunda fase do proxecto deportivo de Cabo de Cruz, que comprende a construción dun edificio de servizos, remataría, segundo as previsións, no verán de 2012. As obras están a ser executadas mediante unha concesión outorgada ao Club Náutico Boiro, que será tamén o encargado de explotar as instalacións polos próximos 25 anos.

Portos de Galicia ten tamén en execución outras instalacións náutico recreativas en Boiro, neste caso en Escarabote. Esta actuación estase a desenvolver, tamén, baixo o réxime concesional, neste caso polo Club Náutico Barraña. Comprende 175 prazas de amarre e un edificio de servizos.

Agardamos que non lles pase a estas dársenas como á de Laredo, en Cantabria, onde investiron 90 millóns de euros -en tempos da burbulla- e agora está baleira, pola mala costume dos políticos de non rectificar en tempo e forma.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: este venres 19, presentación oficial de Galiza Nova

galiza nova en outes.pdf Download this file

Outes, 15 de agosto de 2011. O vindeiro venres, día 19 de agosto, as mozas e mozos que forman parte da asemblea do BNG en Outes decidiron crear Galiza Nova en Outes. Antes de que se constitúan oficialmente van facer unha especie de presentación na cal tratarán de buscar afiliados e xente afin á súa forma de facer política e de pensar.
"Facemos pois un chamamento a todo o mundo para que acuda á nosa presentación e nos apoie, empezamos e queremos facelo con forza!!", solicitan dende esa asociación xuvenil do Bng.

A presentación consta das seguintes actividades:
20:30 Na Casa da Cultura de Outes presentación dos membros que formarán parte de Galiza Nova. Nesta charla intervirá Manolo Seijas, quen encabezará a asemblea local, e Xosé Ramón Riomao, portavoz municipal do BNG de Outes.
21:30 Cea popular nos asadores do Paseo Fluvial: Sardiñada para os asistentes, con música.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: actividades para setembro e outubro que abren este martes 16 a inscrición

  • A petición de subvencións para menores escolarizados comeza este martes 16 de agosto
  • A matrícula para o curso de coidadores comeza tamén este martes 16. O curso en si mesmo é en setembro, a partires do 5
  • O 2 de setembro hai obradoiros de educación para o consumo responsable
  • A inscrición para os obradoiros de memoria para maiores comeza tamén este martes, e prolóngase ata o 9 de setembro

Dodro, 15 de agosto de 2011. A concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro convoca Axudas á escolaridade para o curso 2011-2012 para menores escolarizados de educación infantil, primaria, ESO e post-obrigatoria. Subvenciónanse alimentos infantís e comedor escolar, material escolar e actividades extraescolares. O prazo de solicitude é do 16 de agosto ao 2 de setembro ambos incluídos. Os interesados deberán facer a tramitación nas oficinas de Servizos Sociais de 9h a 14h.

A mesma concellería convoca un curso formativo "Técnicas específicas de atención persoal a pacientes dependentes: Hixiene, Aseo e Coidados Sanitarios" de 70 horas para coidadores/as de persoas en situación de dependencia. Realizarase nas aulas da Paxareira. As prazas son limitadas e todos aqueles veciños que queiran realizar o curso deben realizar a inscrición do 16 ao 31 de agosto nas oficinas de Servizos Sociais. O curso comezará o 5 de setembro ata o 8 de outubro e será gratuito. Curso valorable para o recoñecemento da experiencia persoal.

A concellería de Xuventude e Familia realiza o día 2 de setembro de 17h a 19h Obradoiros de Educación para o Consumo. "A nosa fábrica de xoguetes" e "Imos crear o noso videoxogo" para rapaces de 8 a 12 anos nas aulas da Paxareira.
"Como planear unha viaxe e non perderse no camino" e "Aprendemos a comprar, comprando en Internet" para rapaces maiores de 16 anos na Casa da Cultura.

A concellería de Servizos Sociais e Igualdade abre o prazo de inscrición ata o 9 de setembro para os Talleres de Memoria e Alfabetización de adultos para persoas maiores de 60 anos empadroados/as ou residentes no Concello de Dodro. Os talleres comezarán o 19 de setembro e realizaranse en Bexo, Imo, Lestrobe, Tallós, Teaio, Traxeito e Vigo. As inscricións poden realizalas nas oficinas de Servicios Sociais de 9h a 14h.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o sábado 20 de agosto, IX certame de Baile e Música Tradicional "Aleivosía"

Cartel_ix_certame_de_baile_ale

Rianxo, 15 de agosto de 2011. O próximo sábado 20 de agosto a A.S.C. FOGO FATUO organiza o IX CERTAME DE BAILE E MÚSICA TRADICIONAL ALEIVOSÍA a partir das 21h na Praza Castelao de Rianxo. Durante unha hora os que asistan poden gozar dos bailes e cancións tradicionais interpretadas por tódolos grupos de baile, pandeireta e gaita do grupo Aleivosía e do grupo de baile convidado da Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco (A Laracha).

 
Web relacionada: www.fogofatuo.es 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: case 200 caricaturas de Pepe Núñez no auditorio ata o 15 de outubro

  • Os debuxos contan a historia dos últimos vinte anos de Ribeira apoiados no humor gráfico
  • A familia do autor estivo na inauguración da mostra
  • Cedeuse ao Concello parte da colección


Ribeira, 12 de agosto de 2011.- Un total de 183 caricaturas integran unha exposición na que, da man do talento creativo do barbeiro de profesión e artista de vocación Pepe Núñez, reflíctense a historia recente desta cidade. A mostra, titulada “20 Anos da Historia Gráfica de Ribeira no Humor de Pepe Núñez” e que estará aberta ata o 15 de outubro, foi inaugurada hoxe polo alcalde, Manuel Ruiz Rivas, na sala alta do Auditorio Municipal nun emotivo e concorrido acto que serviu tamén para que se oficializase a cesión da obra do autor ao Concello por parte da súa familia, que quixo arroupar o evento coa súa presenza. 

O sobriño do autor Marcelo Valeiras foi o encargado de falar no nome dos achegados ao caricaturista. Durante a súa intervención, Valeiras relatou aos presentes numerosas anécdotas coas que quedou retratada a enorme humanidade e a gran formación artística autodidacta de Pepe Núñez e recordou que pola barbería do seu tío ía xente tan particular como Gianni Finlandia (antigo escritor de La Codorniz que aínda pasa longas tempadas en Corrubedo) ou o mítico cómico galego John Ballan ademais de moitos veciños da localidade. “Se Carlos García Bayón foi o cronista oficial de Ribeira, creo que Pepe Núñez foi o cronista gráfico de Ribeira”, manifestou. 

Pola súa parte, o alcalde Manuel Ruiz Rivas resaltou que con esta cesión, recupérase a historia viva e  sinais de identidade nun tempo no que a sociedade cada vez é máis impersoal e salientou que “todas e cada unha das persoas que significan algo para este concello que con el fixeron historia están recollidos co seu lapis”. Así mesmo, resaltou a idoneidade desta iniciativa para que as novas xeracións coñezan o legado do autor e coñezan a historia de Ribeira “e que empecen a pensar como antes se pensaba: en conxunto”. 

Tamén tivo palabras de eloxio do talento do autor: “Con poucos trazos, Pepe Núñez era quen de identificar a unha persoa e era quen de identificar o que Riveira estaba acontecendo”.  

Finalmente, Ruiz Rivas deu efusivas grazas á familia polo legado. A este respecto, para a formalización do mesmo asinou en representación da familia cedente o referido Marcelo Valeiras, mentres que o alcalde foi o cesionario no nome do Concello. Firmaron como testemuñas a concelleira de Cultura, Elvira Pisos; o comisario da mostra, Gerardo Crusat; e Modesta López, esposa de Valeiras. 

Vida e obra de Pepe Núñez

José Núñez Iglesias viviu entre 1926 e 1983. Barbeiro de profesión, foi un artista autodidacta que rexentaba un “ateneo” en forma de barbería no que ademais de cortar o pelo departía cun grupo de contertulios, moitos dos cales integraban a vida cultural de Ribeira. 

Tal e como se encargou de lembrar a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, Pepe Núñez comezou a expoñer de moi novo na súa Ribeira natal e noutras localidades limítrofes, para irse dando a coñecer noutros ámbitos con máis posibilidades de difusión. Mesmo chegou a formar cartel con Laxeiro e outros pintores de recoñecida sona nunha exposición colectiva celebrada en Santiago a comezos dos anos 70. 

Sería en 1972 cando o seu nome aparece reflectido nas seccións de arte dos medios de comunicación a raíz da súa participación, co cadro “A volta da feira”, na Segunda Bienal Rexional de Arte de Pontevedra, feito que se repetiría 2 anos despois con “La Primavera”. 

Ademais de excelente pintor que dominaba á perfección o óleo e a acuarela, o autor tamén se moveu con moita soltura na acuarela. Non obstante, no transcurso da súa vida só fixo unha exposición de caricaturas e esta lle causou máis sinsabores que satisfaccións, segundo lembrou Gerardo Crusat. Tivo lugar na Casa do Concello a principios dos anos 50 e a algunhas persoas se sentiron ofendidas ao ser caricaturizadas.

Pode que tamén lle interese:


Escultura efémera: Homes de Cal, de Gonzalo Sarasqueta

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

14.8.11

Porto do Son: este domingo 14, "Vostede pode ser un asasino"

Texto e imaxes: Paco do Martelo
  • O vindeiro domingo 21 de agosto, festival "Ao Son da Danza", con grupos folclóricos

Porto do Son, 14 de agosto de 2011. En Porto do Son, para enterarse dos actos, un ten que desprazarse expresamente ao Son para informarse do que organiza o Concello e parece que hai un máis que evidente "divorcio" no ceo do bigoberno: AVS ten a ben publicalos actos que organizan os seus departamentos na súa web, eludindo os que organizan os do PP. Por certo, as parroquias, salvo Portosín, seguen a ser as eternas esquecidas, especialmente Nebra, será que non pagan impostos?

Isto é o que hai e achéganse por se alguén hai interesado aínda na cultura en Porto do Son, aínda que os promotores ben merecían darlle a todos unhas boas fregas con ortigas como lle daban de pequeno a un servidor na Graña cando estaba enfermo.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical