17.8.11

Ribeira: do venres 19 ao domingo 21 de agosto, V edición da Feira Artesanal e Mariñeira

  • Agárdanse un cento de postos e paradas
  • A feira estará amenizada por actividades que van dende o circo á pirotecnia, pasando por xogos infantís, teatro e música
Ribeira, 17 de agosto de 2011.- Un cento de postos e paradas participarán os vindeiros días 19, 20 e 21 de agosto na quinta edición da Feira Artesanal e Mariñeira de Riveira na que ademais da parte expositiva daranse cita todo tipo actividades de rúa, música tradicional galega e portuguesa, teatro e circo ambulante, contacontos, zancudos, xigantes e cabezudos, xogos infantís, pirotecnia, e outras accións que encherán o acontecemento de divertimento e animación. 

Os concelleiros de Comercio e Turismo, Anxo Orellán, e de Cultura, Elvira Pisos, foron os encargados de explicar polo miúdo o programa desta feira e destacaron a gran implicación recibida por parte de comerciantes e hostaleiros nesta convocatoria. Tamén interviron na presentación os técnicos municipais Unai González e Chiki Durán. 

Sobre a parte expositiva, Elvira Pisos destacou que este ano houbo o dobre de solicitudes que postos se concederon, pois a organización preferiu priorizar “a calidade e diversidade de postos e produtos a ofrecer antes que a cantidade”. Estes stands proceden de lugares como Francia, Portugal, Marrocos, Arxentina, Brasil, Cuba, India e de boa parte de España como Andalucía, Valencia, Cataluña, Asturias, Estremadura, A Rioxa, Castela A Mancha, etc... o que vén  consolidar esta feira como referente en Galicia e en España.  

En canto ao lugar de celebración, nesta edición cambia o itinerario e primarase a zona do Malecón en canto a área expositiva, pois é intención do Concello seguir abrindo o evento ao mar para resaltar a súa temática. Non obstante, tamén se emprazará en zonas peonís como a rúa de Santa Uxía e haberá actividades no entorno da Igrexa parroquial, nas prazas do Concello, Pablo Neruda, de Vigo ou de Ourense, etc... ademais do propio Malecón. 

Concurso de escaparatismo

Segundo referiu Anxo Orellán, esta feira vai supoñer un impulso ao turismo e ao comercio da cidade, e para este fin cóntase coa colaboración da Asociación de Empresarios e do Centro Comercial Aberto Viamare. Unha das novidades desta edición será un concurso de escaparatismo de temática artesanal e mariñeira na que participarán sete establecementos. 

Rutas de tapeo mariñeiro e de cócteis

Outra das novas iniciativas promovidas foi a de involucrar a hostalería local a través de dúas actividades: unha ruta de tapeo mariñeiro (os bares e cafeterías inscritos porán a disposición dos clientes tapas realizadas con produtos do mar) e unha ruta de cócteis da feira (que ofrece a posibilidade de degustar un cóctel propio e único en cada establecemento participante, todos eles con nomes mariñeiros: dorna, galerna, rompente mariña... e así ata 20 variedades). 

Moitos establecementos organizarán ademais actividades paralelas como concertos, exposicións, menús mariñeiros, conxuros de queimadas.... Ademais, algúns establecementos comerciais participarán na parte expositiva da feira ou ben abrirán os seus locais a fin de semana para aproveitarse do tirón de visitantes que se prevé recibir. 

En canto aos elencos que se encargarán de animar as rúas durante a feira, cabe destacar entre eles Confusión de Toledo (con ogros xigantes, figuras...), Al-Folk (formación musical arábigo-andaluz), o grupo de gaitas A Gandaina de Palmeira, Bom-Bom (teatro ambulante, encantadores de serpes...), Tuttis Catraputtis (grupo de música tradicional portuguesa), Cenáculo Teatro (circo e animación de rúa), Pista Activa (acrobacias, clown, malabares...), A Roda (circo) e Atraspies Circo (espectáculo circense). 

A organización quixo destacar tamén a implicación de distintas asociacións do municipio, como as Amas de Casa ou “Riveira escríbese con v” e convidar á xente que acuda a feira a vestirse de época para darlle máis sabor mariñeiro á feira.

 


Programa da Feira Artesanal e Mariñeira.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este xoves, 18 de agosto, concerto de clausura do I Curso de Saxofón

Concerto_curso_i_saxofon_a4

Rianxo, 17 de agosto de 2011. A Escola de Música de Rianxo comprácese en convidar a todo o mundo ao:
  • CONCERTO CLAUSURA DO I CURSO DE SAXOFÓN
  • MESTRE: Adrián Pais Abuín
  • DÍA: xoves 18 de agosto
  • HORA: 20.30 h
  • LUGAR: Auditorio de Rianxo
Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o venres 26 de agosto, presentación do libro "Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria"

O BNG EN COLABORACIÓN COA ASOCIACIÓN SOCIO-PEDAGÓXICA GALEGA, ORGANIZA A PRESENTACIÓN DO LIBRO TITULADO “Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria” QUE SE VAI A CELEBRAR O VENRES DIA 26 DE AGOSTO A PARTIR DAS 20:30 HORAS, NO EDIFICIO ADMINISTRATIVO DO ESPÍRITO SANTO (antigo matadeiro municipal)

Noia, 17 de agosto de 2011. Este ano ficará na historia da literatura galega como un ano particularmente fecundo en investigación e ensaio, debido á publicación dunha obra que, tal e como intitulamos, non dubidamos en cualificar como monumental na non fácil (re)construción da nosa historia nacional. Referímonos a Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria (a persoa e a obra de onte a hoxe), da autoría de Francisco Rodríguez, un acreditado especialista na obra da nosa autora fundacional. Mais tal obra, que vén de se editar pola AS-PG e que está a ser apresentada por diferentes cidades da Galiza e mais Madrid, culmina un longo periplo de investigación, documentación, procura hemerográfica, confirmación de fontes, anovación de perspectivas con novo instrumental analítico… que arrinca desde hai varias décadas. Con efeito, temos que nos remontar a varias atrás do século pasado, en concreto a 1970, cando podemos ler o primeiro artigo do autor sobre Rosalía de Castro, mesmo anterior á publicación do seu magnífico estudo sobre Curros Enríquez e a súa particular evolución ideolóxica.

No 15 de Xaneiro de 1988, Francisco Rodríguez defende, nun Paraninfo da Universidade compostelana ateigado de público, a súa Tese de Doutoramento, que deu en libro publicado aquel mesmo ano, co título: Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro. Na realidade, como se encargaron de subliñar algúns membros (Ricardo Carvalho Calero, Claude Henri Poullain, X. R. Barreiro) do tribunal que xulgara aquela tese doutoral, aquela obra marcaba un antes e un despois nos estudos sobre a nosa autora.

O volume recentemente publicado baséase naquela obra primicial, mais dista moito de ser unha reedición ampliada. Nas súas máis de setecentas páxinas incorpora abundante e nova documentación, corroborante desde logo de teses anteriores, que nola apresentan como unha escritora profisional, muller enérxica e profundamente culta, abertamente contestataria na súa denuncia dos poderes civís, militares e eclesiásticos, así como redactora, sen dúbida, dunha nova semántica para a tríade revolucionaria francesa de que parten todos os escritores do XIX. Toda a correspondencia dirixida a Murguía onde ela aparece resulta dun grande valor para trazar o seu retrato oblicuo, ao igual que textos xornalísticos contemporáneos, ou o seguimento da súa relación amical con mulleres ou dedicatarias de poemas seus, nun exercicio de filoxinia e de sororidade aínda non dabondo subliñado. 
En suma, un libro imprescindíbel, apto para moitos públicos sensíbeis e desexosos de melloraren o seu coñecemento sobre a personalidade galega por antonomasia, aquela cuxa correcta valoración é clave para entendermos a contemporaneidade galega e, inclusive, todos nós.

O acto contará coa presencia do autor, Francisco Rodríguez que estará acompañado polo tamén profesor e crítico literario Xavier Castro.


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres 19, concerto de Nordestin@s no auditorio, no programa "Galicia é Música"

Rianxo, 17 de agosto de 2011. Este venres 19 de agosto, o grupo Nordestin@s dará un concerto ás dez da noite no auditorio, dentro das "Noites de folc" de Rianxo e traídos polo programa da Consellería de Cultura co gallo do 2011 como Ano da Música, dentro do programa concreto "Galicia é música". 

Dúas voces galegas de máxima actualidade: Guadi Galego Berrogüetto, Espido) e Ugia Pedreira (Chouteira, Marful, Acróbata) fan castelos de area con composicións propias, rodeada do salitre do repertorio mariñeiro do Norte. Todo isto vai envolto coas harmonías contemporáneas, a elegancia e o talento dun dos mellores músicos de jazz da península, o pianista Abe Rábade.

O público interesado poderá retira-las invitacións (2 Por persoa) no propio Auditorio unha hora antes do concerto.

Certame "Aleivosía", o sábado 20

* IX CERTAME BAILE E MUSICA TRADICIONAL ALEIVOSÍA - Sábado 20 - 21.00 h - Praza Castelao
Chega unha nova edición do xa tradicional Certame de Música e Baile organizado pola ASOCIACIÓN CULTURAL FOGO FATUO de Rianxo.
Na mesma, ademáis da participación das diversas agrupacións xurdidas da Escolas de Baile e Pandereta da propia asociación, nesta edición contarán coa Asociación Cultural Queiroga de Paiosaco, en Laracha, como agrupación convidada.


ga-nordestinas-promo.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o sábado 27 de agosto, roteiro de subida ao Monte Muralla

Media_httpfarm4static_jhtrt

Vistas dende Pico Muralla á Ría de Arousa

Rianxo, 17 de agosto de 2011. O Servizo de Deportes organiza para vindeiro 27 de agosto, sábado, a subida ao Monte Muralla. Trátase dunha ruta de 14 quilómetros, de dificultade media-alta e cunha duración estimada de 5 horas. O punto de encontro será as 8:15 h. nas Miráns (Araño). Prevén saír ás 8:30 horas.

A actividade vai dirixida a maiores de 16 anos. A participación de menores desta idade (obrigatoriamente acompañados dun adulto) así coma a de maiores de 60 anos requirirá de autorización previa do Servizo de Deportes.

A inscrición é obrigatoria e poderá formalizarse na oficina do Servizo de Deportes (981.86.63.81), por correo electrónico (deportes@concelloderianxo.es) ou nos pavillóns polideportivos municipais.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

16.8.11

A Pobra: denuncian numerosas deficiencias no recén estreado campo de fútbol de Cadreche

  • O Psoe di que estas instalación son "un símbolo da chapuza e o traballo deixado a medias"
  • Entre as chafalladas: falta de redes que impidan que as pelotas se vaian fóra; falta de iluminación; escasos vestiarios; chans esvaradizos; etc. "Por terra ou por aire, hai un problema coas pelotas", aseguran os socialistas


A Pobra, 16 de agosto de 2011. O Psoe da Pobra vén de denunciar en nota de prensa as deficiencias do recén estreado campo de fútbol de Cadreche. Segundo os socialistas pobrenses, "nn novo campo de fútbol era unha necesidade urxente e moi reclamada polos equipos do pobo. Optouse por  unha nova infraestrutura en Cadreche pero quedaron no camiño cantidade de detalles que fan que esas instalacións deportivas non sexan modélicas e si un símbolo da chapuza e do traballo realizado a medias".

E proseguen: "Dende hai tempo viñamos denunciando as condicións nas que os nosos rapaces máis novos practican o deporte na Pobra. Estas condicións foron noticia en varias ocasións, unhas denunciadas polo PSOE e outras polos propios clubs, e todos criamos que con estas novas instalacións isto corrixiríase pero non é así. As présas primaron por encima dos detalles, ou quizais sexa a falta de cartos para afrontar unhas poucas melloras que farían destas instalacións algo do que fachendear.

Realizando unha inspección visual destas instalacións rapidamente pódense aprezar erros e deficiencias importantes que fan penosa a práctica deportiva nun campo recén estreado, como son a falta de redes que impidan que os balóns se vaian a estrada ou as leiras lindantes , a iluminación insuficiente para a práctica do fútbol, un número insuficiente de vestiarios, chans deslizantes, etc,  ademais de que os arredores do campo se converterán nunha lameira en canto chova.

A altura da rede perimetral fai que os equipos teñan que dispor un número importante de recolle pelotas nos laterais do campo xa que a altura da rede é insuficiente, son máis altas as porterías que a rede que a circunda. Unicamente está preparada para impedir o acceso ao campo e que dubidamos que o consiga. Hai que destacar que nun dos laterais existe un gran desnivel e que no outro está a estrada. Tampouco a rede quedou nivelada co chan porque as pelotas tamén se escapan por debaixo dela: por terra ou por aire, hai un problema coas pelotas.

Con respecto á iluminación todos os usuarios que se queixaron, comentáronnos o insuficiente da mesma, e que nestas condicións dubidan de que se autoricen partidos en horas de pouca luz, pensamos que non é pola intensidade, xa que as torres se divisan desde innumerables lugares do pobo, senón que posiblemente sexa un problema de orientación dos focos, (entre outras cuestións técnicas).

Os vestiarios son insuficientes agora mesmo, cando coinciden os xogadores do Crocha e do Puebla, hai momentos nos que coinciden máis de 40 rapaces ao mesmo tempo, teñen que acceder aos vestiarios por quendas. Esta insuficiencia fai imposible a realización de campionatos fútbol ou fútbol 7 onde haxan máis de dous equipos.

E o dos arredores do campo está á vista de todos xa que unicamente se repartiu unha leve capa de pedriña para facer algo de firme no chan e que desaparecerá, seguro, coas primeiras choivas. En definitiva, un traballo a medias e que só sabe Deus cando se liquidarán estas deficiencias".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: campamento de verán en Forcarei para integrar medio cento de nenas e nenos do municipio

Ribeira, 16 de agosto de 2011. – O Concello, a través do seu Departamento de Servizos Sociais, porá en marcha a partir deste mesma semana un Campamento de Verán co que propiciar o desenvolvemento de actividades recreativas, formativas, socioculturais e de convivencia coas que acadar a integración de medio cento de rapaces de municipio cos que a referida área municipal traballa ao longo do ano. 

Para falar dos pormenores da iniciativa compareceron hoxe na Casa do Concello o concelleiro de Servizos Sociais, Promoción Social, Sanidade e Consumo, Vicente Mariño; a xefa de servizo dos Servizos Sociais, María Francisca Vidal; e a psicóloga dos Servizos Sociais Comunitarios, Mariluz Ramallo. 

O campamento de verán terá lugar na instalación xuvenil de Pontemaril (Forcarei) no período de tempo comprendido entre o 18 e o 29 de agosto. A acción celebrarase en dúas tandas de seis días de duración con 25 nenos cada unha, en coordinación coa Asociación Cultural de Ocio e Tempo Libre Arrecó, a cal participa con outro grupo de rapaces do municipio. 

Esta actividade está  dirixida a nenos e nenas de entre 8 e 16 anos pertencentes ao Programa de Intervención Familiar, ao Programa de Inmigración ou ben con necesidades educativas especiais. 

Entre as actividades que terán lugar no transcurso do campamento figuran xogos predeportivos, marchas, sendeirismo, obradoiros de plástica ou reciclaxe, baño na piscina, fogos de campamento, etc...


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: intentarán que a fallida Casa da Xuventude comece a funcionar este outono

  • Un programa anual de actividades dinamizará as instalacións
  • No exterior haberá xogos de mesa e unha pista polideportiva
  • Copiarase o funcionamento doutras casas da xuventude que traballan ben en Galicia
  • Bótanlle a culpa de que non funcione aos túzaros que levan danado parte do inmoble
Media_httpfarm3static_surwd

Imaxe de setembro de 2009. A Casa da Xuventude xa estaba lista. Estamos en agosto de 2011 e só valeu para facer catro reunións mal contadas

Ribeira, 16 de agosto de 2011. – O Goberno Municipal "está decidido a activar de forma definitiva a entrada en servizo da Casa da Xuventude". Acaba de adoptar unha serie de medidas encamiñadas a que este espazo municipal estea xa en funcionamento co inicio do outono e que "como moi tarde no Nadal" opere a pleno rendemento.  

Unha das principais trabas con que se está atopando o Executivo Local son os actos violentos que con relativa frecuencia están a ter o inmoble como destinataria. Sen ir máis lonxe, nos últimos quince días producíronse diversos episodios de creba de cristais, inundacións ou pechaduras atrancadas que xa foron denunciados na Comisaría.

Grumir de noite

Por esta razón, e con independencia do labor propio das forzas de seguridade, o Concello dispuxo que a patrulla nocturna do Grumir cambie provisionalmente a súa sede dende os baixos da Casa Consistorial ata a Casa da Xuventude. Efectivos do Grupo Municipal de Intervención Rápida están a durmir na residencia do inmoble, que a teñen como base de operacións para que a súa presenza sirva de factor disuasorio contra a produción de ataques dos túzaros.  

Por outra parte, os pasados días comezouse coa limpeza do exterior e o arranxo dos desperfectos e non se descarta a contratación temporal de seguridade privada mentres as instalacións non estean en funcionamento.

Outra das principais medidas adoptadas polo Executivo é a confección dun programa de actividades dirixidas a mocidade co obxectivo de sacar dinamizar o edificio durante todo o ano. Serían accións de índole cultural, musical, social, educativa, etc... razón pola cal a programación está sendo elaborada de forma coordinada por distintos Departamentos. Está previsto que o calendario de eventos inicie a súa andadura a comezos da estación outonal.

Doutro lado, o Equipo de Goberno vai acometer o acondicionamento da recinto exterior para darlle máis utilidade. Neste sentido, construírase unha pista deportiva multiusos (instalación moi demandada polos veciños ante a escaseza deste tipo de recintos no casco urbano) e habilitarase un espazo para a práctica de actividades recreativas tales como ping pong ou xogos do mesa. Un dos patios interiores será cuberto para acondicionalo como sala multiusos.

Espazos polivalentes

O Concello pretende o máximo aproveitamento dos espazos en que se distribúe o inmoble, conferíndolle a cada un dos mesmos carácter polivalente sempre que sexa posible. Por poñer un exemplo, un mesmo espazo podería ser empregado como comedor pero tamén como aula de estudo dependendo das necesidades puntuais de cada momento.

O Concello está a recibir asesoramento de responsables de Casas da Xuventude que están funcionando noutras localidades galegas

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este xoves, 18 de agosto, celebran o 25 aniversario do familiar cámping de Barraña

Camping_barraa

Boiro, 16 de agosto de 2011. Fai 30 anos Mª Dolores Domínguez e Germán
Torrado tiveron a idea de montar un negocio no municipio de Boiro. Nos
primeiros case cinco anos, o negocio era entendido como unha axuda da
economía familiar, e de feito so abría nos veráns con servizos
mínimos. Ante a demanda dos clientes, moitos deles amigos íntimos
despois destes máis de 25 anos, decidiron dotalo da infraestrutura
esixida, licenciárono e converteuse no Cámping Barraña, de 3ª
categoría.

         Aínda que os comezos foron duros e na actualidade, as
melloras son moitas desde eses comezos, o que non cambiou foi o seu
carácter familiar. A encargada de que sexa así, e polo cal se desvive
é Mª Ló, a súa xerente e muller incombustible que xunto co seu marido
Germán e o seu fillo Juan Carlos – xerente do café bar do cámping-
fan, ou polo menos inténtano día a día, axudados polo seu equipo de
cociña e camareiros  dende fai anos integrado por Kenia, Pablo, Cris e
Alberto, para que iso non cambie.

         Como di Mª Ló, “aquí temos amigos, non clientes xa sexan
mellores ou peores, pero no fondo amigos”. Para celebrar este
percorrido, os responsables do cámping levarán acabo o vindeiro xoves
18 de agosto o XXV aniversario convidando a todos os seus clientes,
amigos, así coma ás autoridades do goberno  e corpos de seguridade
locais, Presidentes da ABE, AETAN e a Xerencia da Mancomunidade Arousa
Norte, entre outros, para agradecerlle o seu apoio que fai que ano a
ano sigan podendo ter as súas portas abertas.

         . Para a celebración, está convidado o grupo de baile e
gaitas Ximiela de Louro  - Muros, as cales, amenizarán a velada con
música, cantares, bailes e co rito da queimada.

Programa:

            . 20:30 a 10:30 h. invitación dunha mexilloada e paella

            . 22:00 h. Acto inaugural.

            . 22:15h. Actuación do grupo tradicional Ximiela.

            . 23:00 h. Queimada de fin da celebración

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Altofalante organiza este sábado, 20 de agosto, "Homenaxe á Galiza Mártir"

Homenaxe_galiza_martir

Media_httpfarm5static_hvabj

O ano pasado Altofalante homenaxeou ao mestre Lustres Rivas, tamén na rúa Alexandre Bóveda

Ribeira, 16 de agosto de 2011. Este vindeiro sábado, 20 de agosto, ás 20:30 da tarde, terá lugar na rúa Alexandre Bóveda ( a carón do mercado) a "Homenaxe á Galiza Mártir" que organiza a asociación cultural Altofalante. Segundo esta asociación, "houbo nesta Galiza 14.000 Represaliados, 5.651 Executados, 4.560 extraxudicialmente (Paseados, torturados). Todos eles Documentados e Contrastados polas tres Universidades Galegas no estudo “As vítimas e os Nomes” e faltan moitos máis...a flor e nata de Galiza, demócratas, amantes da liberdade. Altofalante reafirma con este acto a vontade de recuperación da súa memoria e dignidade. En nome de todos eles faremos a ofrenda floral porque non os esquecemos, tampouco as súas familias nin a Galiza Ceibe que soñaron".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical