21.9.11

Boiro: Olláparo organiza cursos de fotografía en outubro e novembro

Media_httpfarm7static_gmwif

Boiro, 21 de setembro de 2011. A asociación fotográfica boirense Olláparo organiza e imparte dous cursos de iniciación á fotografía no Centro Social de Boiro nos meses de outubro e novembro.

A. iniciación a fotografía para adultos

Curso de 12 horas que se celebrará os luns en horario de 20 a 21.30h
As datas do curso serán 3-10-17-24-31 outubro e 7-14-21 novembro

B. iniciación a fotografía para mozos/as (de 11 a 14 anos)

Curso de 11 horas que se celebrará os mércores en horario de 18 a 19.30h
As datas do curso serán 19-26 outubro , 2-9-16-23-30 novembro

Contidos;
Coñecemento da cámara dixital (óptica, programa e funcións).
Aprendizaxe de recursos básicos da imaxe fotográfica como ferramenta de expresión.
Saídas prácticas. Visionado e comentado de fotografías

Para mais información e inscricións:
Asociación Olláparo. Centro Social de Boiro (2º Andar)
Martín Casanova Tlf. 626028887
ollaparo@gmail.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este xoves 22 comezan obras na rúa Romero Ortiz, co que hai cambios no tráfico

Ribeira_romero_ortiz

  • Cámbianse pluviais e reponse o saneamento
  • O tramo que se vai facer queda cortado ao tráfico

Ribeira, 21 de setembro de 2011.- O Concello informa do inicio este xoves día 22 de setembro das obras de instalación de pluviais e renovación de saneamento nun tramo da avenida Romero Ortiz: concretamente entre a rotonda do Malecón e o cruce da antedita vía coa rúa de Galicia (á altura da praza de Compostela). 

Con tal motivo, este tramo quedará cortado á circulación do tráfico dende o mesmo xoves pola mañá, de tal xeito que os vehículos procedentes da rúa de Galicia (é dicir, residentes e vehículos de carga e descarga, xa que é unha zona peonil) haberán de dirixirse en dirección a Martín; mentres que os que procedan dende este último lugar e vaian en dirección ao Malecón deberán desviarse pola rúa da Canteira. 

O tramo antes indicado carece actualmente de rede separativa de alcantarillado, e tan só existe unha única liña de saneamento que recolle tanto augas fecais como pluviais. De aí que se tomase a decisión de instalar unha tubaxe de pluviais de 105 metros de longo e 400 milímetros de diámetro feita de PVX corrugado. 

Polo que respecta ao saneamento de fecais, instalaranse tres tubaxes de PVC compacto con lonxitudes e diámetros diferentes: unha de sete metros e 400 milímetros de diámetro; outra de tres metros de longo e 315 milímetros; e unha terceira de 65 metros e 250 milímetros. 

O orzamento da actuación ascende a 58.850,55 euros e será acometida pola empresa “Andrés de Frións”.

Antes, en Certo:


Rúa Cervantes: van amañala


Rocapellón, Deán Grande e mercado: novidades sobre estas zonas

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: este domingo, 25 de setembro, "Romeo e Xulieta", obra de teatro para recadar fondos para Paula

Boiro_romeo_e_julieta

Boiro, 21 de setembro de 2011. Este domingo, 25 de setembro, representarase na casa de cultura de Boiro (no parque da Cachada) a obra de teatro "Romeo e Xulieta" do grupo "Teatro do Improvisto". A representación comeza ás oito da tarde. A entrada será de 2 euros e os beneficios serán destinados a familia de Paula, a nena de Boiro que padece da enfermidade de agnesia sacra.

No reparto desta adaptación da obra de Shakespeare interveñen Liza Suárez. Richi Maneiro, Pili Ouviña, Kristian Noya, Sara Nieto, Rocío Sánchez, Ruper Sánchez, Rosa Saavedra, Mariah Outeiral, Samuel Arestín e Mara Castro, baixo a direción de Gustavo G. Dieste.

Quen é Paula?

Paula é unha nena de Boiro que ten un ano e padece unha doenza chamada "agnesia sacra". Naceu sen o oso sacro, e segundo os médicos que a observaron, é o primeiro caso destas características que existe en España. María Xesús Santos García, súa nai, decidiu facer público o seu caso para conseguir que esta nena poida ser tratada desta enfermidade rara nunha clínica de Alemania, onde en 18 meses podería ter superado este mal e chegar a andar sen problemas.

Para os que queiran axudar directamente, ademais dos numerosos actos de solidariedade que se están a facer, hai aberta unha conta en NCG:
2080-0311-15-3000161584



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: novo adiamento da futura lonxa. Agora só o proxecto estará rematado ao finalizar este ano

  • Colectivos do mar reuníronse no Concello para saber do estado do proxecto e dar a súa opinión

Ribeira, 21 de setembro de 2011.- A Casa do Concello acolleu no transcurso da mañá de onte unha reunión que tivo por obxecto presentar ante os colectivos do mar o proxecto da nova lonxa que se está elaborando e poder recoller as impresións e suxestións ao respecto destes profesionais. 

Entre os asistentes á  reunión figuraron o director de Portos de Galicia, Ignacio Villar; o alcalde, Manuel Ruiz; o arquitecto César Portela; técnicos de Acciona (a empresa adxudicataria do proxecto e a obra); representantes dos grupos políticos con representación municipal, cofradías, asociacións de armadores, vendedurías, a cooperativa do mar Santa Uxía e outras entidades relacionadas co mar do municipio. 

Segundo manifestou Ignacio Villar, as previsións manexadas polos técnicos redactores do proxecto apuntan que o mesmo estea totalmente rematado no mes de decembro. A data de hoxe, a súa redacción está realizada aproximadamente nun 90% á espera de poder definilo tras coñecer as propostas dos profesionais que farán uso das novas instalacións, presupostadas en 17,3 millóns de euros e con 17.000 metros cadrados de superficie. 

Moi produtiva

Ruiz Rivas cualificou de moi produtiva a reunión, na que se deron a coñecer algúns aspectos do proxecto, como que contará cun peirao de descarga para camións e un aparcamento para 190 vehículos de usuarios, ou que os profesionais e os visitantes moveranse por zonas independentes entre si. Outra das consideracións abordadas na cita foi a da mellora na descarga de embarcacións menores. 

Algunhas das propostas realizadas polos colectivos presentes tiveron que ver co subministro de xeo para os produtos ou a conveniencia de que os profesionais minoristas teñan un tratamento diferenciado.


Antes, en Certo:
Media_httpfarm6static_lczmz

Prometen de novo a lonxa, que disque vai comezar as obras a finais deste ano 2011

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sanidade: a Plataforma de Barbanza pola Sanidade Pública divulga un folleto sobre a insostibilidade do actual sistema

folleto insostenibilidade sistema sanitario corrixido.pdf Download this file

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: xornada de difusión do traballo do Grupo de Acción Costeira 5 este xoves 22 de setembro

Media_httpfarm6static_acriq

Imaxe de arquivo dunha acción publicitaria do GAC 4 (Muros e Noia)

Ribeira, 21 de setembro de 2011.- A Casa do Mar vai acubillar este xoves, día 22 de setembro, dende as 16.30 ata as 20 horas unha Xornada de Difusión dos Grupos de Acción Costeira, GAC Nº 5. 

Este grupo está  composto polos concellos de Boiro, Cambados, O Grove, Illa de Arousa, Meaño, A Pobra do Caramiñal, Ribadumia, Rianxo, Ribeira, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa. 

A do xoves será unha xornada de difusión e dinamización do traballo realizado pola agrupación, así como sobre as posibilidades que se están a brindar cara o desenvolvemento e promoción de iniciativas tanto produtivas como non produtivas. 

O programa terá este cronograma: 

16.30 h Presentación 

      17 h  Relación dos Proxectos realizados e a estratexia de grupo”, por Rosa María Carballo Martínez, xerente do GAC Ría de Arousa 

      17.30 h “Mar Galaica” Pesca/Turismo, por Manuela Oviedo Hermida, xerente do GAC Muros-Noia e Sebastían Valverde Comesaña, técnico do proxecto “Mar Galaica”. 

      18 h Presentación Consellería do Mar 

      18.30 h Proxectos Promotore 2011

      Divulgación do sector pesqueiro – Rianxo divulga, por María Josefa Calto Tarrío, da confraría Virxe do Carme de Rianxo

      Organización de feiras gastronómicas de calidade, por José María Arnaiz de las Revillas Martínez, de IN9 Eventos S.L.

      Diversificación de actividades arredor da cetárea, por Rubén Brión Domínguez e Francisco Freire González, de Relento S.L. 

      19 h Menú degustación

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

19.9.11

Outes: o sábado 24 de setembro, I Festa da Mocidade no Freixo

Manolo

Outes, 19 de setembro de 2011. Este sábado día 24 de setembro vaise celebrar na pista polideportiva de
Portosiavo, no Freixo, a I Festa da Mocidade. Contarán, explican os organizadores, coa participación do grupo músical MASTER e ademais, para animar a verbena, estará presente unha discoteca móbil que terá entretidos aos máis bailóns ata altas horas da madrugada.

HORARIOS:
O grupo Máster empezará a súa función a partir das 22:30 para logo dar paso á discoteca portátil até as 7:00 da madrugada. Nin que dicir ten que a organización convida a todo o mundo a acudir a esta cita festeira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Escola de Música está a organizar concertos didácticos que teñen como base as bandas sonoras cinematográficas

  • A entidade está a celebrar o seu décimo aniversario
Rianxo, 19 de setembro de 2011. A Escola de Música de Rianxo organiza concertos didácticos para os colexios do concello. Estes concertos están baseados na música de bandas sonoras de filmes infantiles como Aladdin, Tarzán, Shrek, O Príncipe de Exipto... A audición do concerto vai acompañada da reprodución dalgunhas das imaxes das películas. Con estes concertos a Escola intenta achegar a súa actividade a tódolos colexios do concello.

Está previsto que asistan O C.R.A. de Rianxo, C.E.I.P. Ana María Diéguez, C.E.P. Brea Segade, C.E.I.P. Castelao e o I.E.S. Félix Muriel. Os concertos estanse a desenvolver os días 19 e 20 de setembro en horario de mañá no Auditorio da localidade. Con esta actividade a Escola de Música de Rianxo da inicio ao curso 2011-2012, no que conmemora xa o seu X Aniversario.

CARTAZ concerto didactico.pdf Download this file

CARTAZ ANO 2011-2012A4.pdf Download this file

DIPTICO 2011-2012.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o goberno local non ten avoa e louva os seus cen días de lexislatura

  • Están listos os orzamentos, de case trinta millóns de euros, os máis altos da historia ribeirense grazas a un programa europeo

Ruiz Rivas na Festa do Percebe de Aguiño coa conselleira de Mar

Ribeira, 19 de setembro de 2011. O Executivo Local que lidera Manuel Ruiz Rivas cualifica en nota de prensa como "moi positivos estes 100 primeiros días de lexislatura, nos que se asentou a acción de goberno para os próximos 4 anos".

E seguen co autobombo ao longo de toda a nota:

"Un dos logros máis importantes dos acadados ao longo destes pouco máis de 3 meses foi o do financiamento con 5 millóns de euros da Unión Europea do proxecto Riveira Atlántica: un plan comezado co goberno anterior que, cun orzamento total de 7,2 millóns, engloba 11 actuacións dirixidas a transformar a fisonomía da cidade e das parroquias de aquí ao 2015 

Entre as actuacións incluídas no Riveira Atlántica figura a construción dun novo mercado municipal no mesmo lugar onde se sitúa o existente. O equipo de Goberno espera poder proceder xa este mesmo ano co traslado dos praceiros e praceiras a un emprazamento temporal nun solar anexo á praza de España e iniciar a demolición do edificio actual. 

A creación dun centro social e de ocio saudable en Oleiros, a construción dun paseo marítimo-terrestre polo borde litoral de Riveira, un parque biosaúdable e itinerarios verdes en Oleiros-Artes, un plan de mobilidade e accesibilidade da área portuaria, a recuperación da antiga aldea mariñeira na illa de Sálvora, a creación dunha rede de miradoiros e vías paisaxísticas, a recuperación de Área Secada  ou a rexeneración ambiental e patrimonial do río Artés ou Arlés son outras das actuacións incluídas.  

Precisamente gardando relación con esta última acción cabe recordar que o último día de xuño se soltaron 5.000 alevíns de troita común na parte alta do río Arlés. Outra importante iniciativa dende o punto de vista medioambiental foi o da solta de 100 perdices en San Amedio (Oleiros), Artes e Carreira. 

Por outra parte, o Executivo foi quen nestes 100 días de elaborar os borrador dos orzamentos municipais e aprobouse a oferta de emprego público que consolidará 95 postos municipais. 

O tráfico rodado e a seguridade viaria rexistraron unha importante reordenación na zona do Malecón a través de instalación de semáforos (por agora provisionais e moi pronto definitivos) para regular toda esta céntrica, dando resposta así á demanda da cidadanía. Cabe lembrar que esta actuación incluíase inicialmente dentro dun novo plan de regulación do mercadillo dos sábados que tamén está a incidir na mellora da limpeza durante o funcionamento desta acción comercial. Cómpre lembrar aquí que outra das novidades desenvolvidas por este Goberno foi a creación os venres dun novo mercado ambulante en Palmeira que está axudar a dinamizar a actividade comercial da parroquia e en especial da súa praza de abastos. 

No apartado de mellora das infraestruturas viarias e renovación de servizos de saneamento, nestes 100 días iniciáronse actuacións na rúa Lepanto, o barrio de Cubeliños, Rocapellón (vía situada en Corrubedo, xa rematada) e O Vilar (Carreira). Ademais, atópanse en distintas fases de tramitación do expediente outras accións na praza Uxía Novoneyra e nas rúas Cervantes e Cristóbal Colón e a estrada de Deán Grande, ao igual que o proxecto de ampliación de beirarrúas e supresión de aparcamentos na vía posterior á Casa Consistorial. 

Atención cidadá

Estanse ultimar unhas novas dependencias na Casa do Concello no espazo onde estaba situada a Policía Local que teñen por principal obxectivo convertelo nunha Área de Atención Cidadá de nova creación. Cabe destacar tamén a recente apertura das novas instalacións dos Servizos Sociais e o Centro de Información á Muller na praza 8 de marzo ou a próxima entrada en funcionamento no mes do outubro da tan esperada Casa da Xuventude 

No transcurso do verán puxéronse en marcha tamén novas iniciativas específicas para a estación estival como un autobús turístico que se potenciará o ano que ben ou a creación dunha patrulla policial de proximidade en bicicleta para rúas peonís e paseos marítimos. 

No aspecto cultural cabe salientar a recuperación da procesión marítima e o feito de que na Feira Artesanal e Mariñeira cobrou maior protagonismo que nunca este último adxectivo, grazas á implicación no evento do tecido empresarial e hostaleiro do municipio. Ademais, o Concello xa está inmerso ina organización dunha Semana do Mar para o verán de 2012 que avogará pola promoción e comercialización dos produtos do mar. Outro aspecto relevante foi a supresión temporal dos cátering nos eventos festivos e culturais en liña coa política municipal de austeridade (os cartos aforrados serán doados a algunha ONG riveirense). 

A destacar tamén a boa sintonía do Goberno Municipal con outras Administracións, como se constata con actuacións tan importantes para o municipio como a nova lonxa (o proxecto técnico está practicamente ultimado), a estrada de Xenxides a Corrubedo (xa foi adxudicada e está previsto que as obras comecen en outubro), a futura creación dunha rotonda na estrada do Vilar, a redacción dun plan especial para o Parque Natural ou a próxima instalación de alumeado de tecnoloxía LED nas rúas 9 de agosto, Rosalía de Castro e Otero Pedrayo, entre outros proxectos".


O goberno ribeirense evitou pronunciarse nesta valoración sobre as modificacións na oferta educativa, que continúa a crear polémica no municipio

Nin unha pinga de autocrítica. E á oposición non se lle agarda, alomenos na Rede, onde a súa actividade baixou a mínimos históricos xusto agora que é cando máis están a medrar os  usuarios de internet activos, en especial nas redes sociais.


Orzamentos

Case doce millóns de euros de investimento

O orzamento municipal do Concello de Ribeira para o exercicio 2011 que será sometido á consideración do pleno o vindeiro luns ascende a un total de 29,24 millóns de euros: un 37,28% máis que o orzamento da anualidade anterior, o que significa a maior contía orzamentaria na historia do municipio. 

Cabe salientar "moi especialmente", explica o goberno local, o importante incremento rexistrado no capítulo de investimentos, que alcanza un total de 11,89 millóns de euros (o que equivale ao 40,67% do total do orzamento), a pesar dos difíciles momentos que están a atravesar os entes locais por mor da crise económica e pola práctica paralización da actividade construtiva (de feito, a previsión de ingresos polo ICIO baixa a mínimos históricos por un criterio de prudencia nas contas) 

Este notable aumento nos investimentos é posible grazas sobre todo á obtención de fondos europeos para executar o proxecto Riveira Atlántica 2015, que foi aprobado por unanimidade en sesión extraordinaria do pleno celebrada o pasado 12 de xullo. Así mesmo, tamén influíu substancialmente nesta suba o canon obtido pola contratación da xestión de auga e saneamento no 2010. 

O importe global do orzamento representa 1.050,51 euros por habitante, se consideran unha poboación de 27.837 individuos do último padrón aprobado.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: xa se pode ver na Rede o adianto do documental sobre "Airiños", "Esta noite velada"

<br />TRAILER AIRIÑOS <i>por antonxxxl</i>

En Certo entrevistamos hai anos a Xesús Santos, actor e director deste grupo de teatro, dos máis vellos de Galicia en activo. Aquí

E un tempo despois, entrevistamos ao autor deste documental, Antón Caeiro, que ten xa unha morea de documentais sobre asuntos de memoria histórica centrados en Galicia sobre todo. Poden ver a entrevista a Caeiro aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical