27.9.11

Cultura galega: bases e xurados da presente edición dos Premios da Crítica de Galicia

PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA_BASES_2011.pdf Download this file

  • Chegan á 34 edición, que se vai fallar o 22 de outubro, sábado, en Vigo
  • A entrega farase baixo o lema "Eis o canto eterno dunha terra", collido de Lois Pereiro

Media_httpfarm5static_nmwjt

Barbanza-Noia, 27 de setembro de 2011. A xunta directiva da Fundación dos Premios da Crítica Galicia aprobou as bases que rexerán a convocatoria que recoñecerá o traballo da creación cultural galega realizado o pasado ano 2010. Nesta 34ª edición os premios abranguen seis modalidades: «Creación literaria», «Investigación», «Música», «Iniciativas Culturais», «Artes Plásticas e Visuais», e «Artes Escénicas e Audiovisuais». A xunta directiva acordou por unanimidade suprimir a modalidade de «Galego Egrexio» coa intención de recuperar o espírito fundacional dos premios, alicerzados sobre o recoñecemento do labor creativo anual en cada un dos eidos da creación cultural e investigación en Galicia, así como pola existencia na actualidade doutros importantes recoñecementos, tanto institucionais como cívicos, a traxectorias a prol da cultura galega. 

Outra das novidades da presente convocatoria é a creación de dúas novas modalidades a de Ártes Plásticas e Visuais» e a de «Artes Escénicas e Audiovisuais», así como a ampliación do descritor da modalidade de «Creación Literaria», onde poderán ser premiables obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, publicadas ao longo do ano 2010. 

O xurado de cada unha das modalidades estará formado por sete persoas, que terán competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.

A xunta directiva nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Suso de Toro (escritor, gañador da edición 2010 de Creación Literaria), Manuel Forcadela (escritor, gañador da edición 2010 de Ensaio), Isabel Soto López (crítica literaria), María Xesús Nogueira (profesora USC), Carme Pérez-Sanjulián (profesora UDC), Eulalia Agrelo Costas (investigadora do Centro Ramón Piñeiro) e María López Sández (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Investigación: María Xosé Agra Romero (catedrática USC), Senén Barro Amenedo (catedrático USC), Miguel Barros Puente (gañador da edición 2010 de Investigación), Domingo Docampo Amoedo (Catedrático UDV), Uxío Labarta Fernández (profesor de Investigación CSIC), Isabel Mociño González (investigadora do Centro Ramón Piñeiro) e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Música: Joám Trilho (Ars Gallaeciae, gañador da edición 2010), Victor Carou (director do Auditorio de Galicia), Ramón Castromil (pianista), Uxía Senlle (cantante), Xurxo Souto Eiroa (escritor), Berta Fresco (profesora de piano do Conservatorio de Vigo) e Antón Pulido (secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia). 

Iniciativas Culturais: Natalia Balseiro (enxeñeira cultural), Chelo Loureiro Vilarello (produtora), Manuel Gago (director de culturagalega.org), Manuel P. Rúa (técnico de cultura), Alfonso Blanco Torrado (crego, presidente da Asociación Cultural Xermolos), Daniel Salgado (xornalista) e Marcos Lorenzo (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Plásticas e Visuais: Enrique Acuña (gañador da edición 2010 de Artes da Representación), Antón Castro (crítico de arte, profesor da UDV), Mercedes Rozas (crítica de arte), Manuel Vilariño (fotógrafo), Alfonso Penela (arquitecto), Jaime Asensi (ilustrador e deseñador gráfico) e Antón Sobral (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Escénicas e Audiovisuais: Manolo González (profesor), Euloxio Ruibal (dramaturgo), Nerea de Valenzuela (crítica), Cristina Domínguez Dapena (directora teatral), Camilo Franco (crítico), Miguel Castelo (director de cine) e Comba Campoy García (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

O ditame dos xurados desta 34ª edición dos Premios da Crítica Galicia será  coñecido o 22 de outubro de 2011 no decurso dunha cea que se celebrará  en Vigo, no Hotel Os Escudos, baixo o lema «Eis o canto eterno dunha terra», sintagma acuñado polo poeta Lois Pereiro, a quen rende homenaxe a sociedade galega este ano.

Máis información:

Blog da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, onde se publicarán as noticias sobre a presente convocatoria e sobre a traxectoria destes premios.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Comoxo celebra o San Miguel o 29 de setembro e o 1 e 2 de outubro

Media_httpfarm7static_cqzjm

Ou estamos un pouco espesos ou cóstanos interpretar ben o cartel este ano... Agardamos que sexan máis intelixentes ca nós!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: vaise reformar o parque de bombeiros, segundo se aprobou esta mañá no pleno da Deputación

 
Boiro, 27 de setembro de 2011. Os integrantes do pleno do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña reuníronse esta mañá na sede da Deputación Provincial da Coruña para, entre outros asuntos, autorizar diversas obras de mellora dos parques de Boiro e Betanzos.
 
Media_httpfarm5static_mdtta

No de Boiro vaise revestir por fóra o edificio co obxecto de continuar coas obras de mellora xa iniciadas nos últimos meses. Na actuación vanse invertir 90.000 euros.
 
No transcurso da sesión escolléronse novos membros da Xunta e da Deputación no pleno do Consorcio. Santiago Villanueva, como representante da Xunta, foi escollido presidente do organismo autónomo; e Diego Calvo, como representante da Deputación, será vicepresidente. Como tesoureira actuará Mariel Padín, vicepresidenta da institución provincial. Por parte da Xunta incorporouse tamén ao pleno a nova delegada, Belén do Campo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Estradas: a Deputación abre prazo para adxudicar obras de mellora da seguridade viaria entre Noia e Cabo de Cruz

  • O orzamento da obra é de 273.000 euros e conta cun prazo de execución de oito meses
Media_httpfarm5static_vfdpc

A estrada a amañar pasa pola restaurada aldea de Moimenta, en Boiro

Noia-Barbanza, 27 de setembro de 2011. A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia de hoxe o anuncio da próxima contratación mediante procedemento aberto da obra de mellora da seguridade viaria na DP 1105 de Noia a Cabo de Cruz.

O organismo provincial, mediante o Servizo de Patrimonio e Contratación, pon en marcha o proceso de adxudicación nestas obras, que suporán a construción de sendas peonís entre o p.q. 7,230 ao 7,930 de Moimenta e do 11,170 ao 11,980 en Comoxo, ambos no Concello de Boiro, coa intención de mellorar a seguridade viaria da zona.

 O orzamento da devandita infraestrutura ascende a 273.989,84 euros incluído o imposto sobre o valor engadido. As obras contarán cun prazo de execución de oito meses. O procedemento de adxudicación terá un único criterio de valoración referente ao factor prezo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: preselecionan a un orientador laboral


Rianxo, 27 de setembro de 2011. O Concello de Rianxo convoca unha praza de Orientador/a Laboral (contratación laboral temporal) para o programa: Información, orientación e búsqueda de emprego.

Bases e solicitudes no Rexistro Xeral e na páxina web do Concello.
Prazo: tres días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación.

Web do Concello de Rianxo: http://portelo.rianxo.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

26.9.11

Opinión: Gonzalo Sarasquete aos de "Cambiemos Riveira" do Facebook

Media_httpfarm7static_rfhgf

Obra de Sarasquete exposta nunha galería de Santiago recentemente

"Non se pode falar por falar cando persoas que si sabemos están escoitando. Os exemplos que poñedes: Chillida e Manrique primeiro pasárono mal e tiveron que demostrar fóra o seu prestixio e de Gaudí tendes que ler a súa vida, pragada de penalidades; nun principio só se lembrou del un primo seu que era bispo de León e os indianos de Santander, cando miltitaba  no bando dos eclécticos medievalistas, antes de ser modernista.

Ademais, en Donosti hai máis escultores que don Eduardo: ninguén se lembra de Nagel ou de Oteiza! Para os que sabemos un pouquiño, PAPA-OTEIZA: calquera que se adique a isto ten que mamar del.

Pero vós non sabedes que os casos contrarios  son os que abundan máis que ises que vós coñecedes? En Valencia fai non muito un caso chinmpou á prensa:  a famosa” Pantera rosa “ de Miquel Navarro. Os bempensantes desta cidade quixenron tirarlle ista escultura, á que alcumaron co nome dos debuxos animados e grazas a deus non puideron porque o tempo deulle a razón e o prestixio veulle de fóra, pero na mesma cidade si conseguiron que se desfixeran pezas de calidade coma a de Sanleón.

Media_httpfarm2static_aqmld

Sireno de Leiro en Vigo

Media_httpfarm4static_gixjz

Monumento a Asorey en Cambados

En Vigo, máis cerquiña, adoptaron coma propio a Fancisco Leiro o do “SIRENO” que en realidade é de Cambados, despois de trunfar en Nueva York. En Cambados polo da agora só saben de Asorey.

Non se pode comparar a un escultor local, bocazas e ignorante que tivo a sorte de que na alcaldia estivese un máis inculto que el con Chillida. Fixádevos nos problemas que está a pasar a familia del co CHILLIDA-LEKU.

Media_httpfarm3static_gklbe

Gonzalo Sarasquete hai dous anos, inaugurando a efémera "Homes de Cal"

E menos mal que non faláchedes da escabrosa palabra “arte” ou “artista: iso xa son palabras maiores, isa medalla só se pon cando morres ou despois de demostralo.

Os exiliados sempre van ó ceo: hai poucos que o fagan voluntariamente.

AMAR É LOITAR:  se o fas dende a ignorancia só vale para que uns amiguiños te valoren. Céibanos señor dos amigos e familiares ignorantes ben intencionados.

Un consello: lede que vos fará ceibes e non sacaredes a lingua a pacer con tanta facilidade. O mundo é moi grande e neste traballo o que máis conta é a orixinalidade, máis que o esforzo sen sabiduría.

 Un probe escultor que vos quere.

Gonzalo Sarasquete

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Flor de Toxo" pon en marcha unha escola de música tradicional para a que xa abriu o prazo de matrícula

Cartel_curso_gaita_flor_de_tox

Ribeira, 26 de setembro de 2011.A Asociación Xuvenil e Cultural Flor de Toxo pon en marcha unha escola de música tradicional, e organiza para este curso os seguintes cursos:

 
Gaita Perfeccionamento
Gaita Iniciación
Percusión
Clases Individuais

Para máis información ou inscrición no número 669 999 302 ou no correo asociacionflordetoxo@gmail.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o IES Leliadoura viuse obrigado a acoller os Programas de Cualificación Profesional en contra do acordo do seu Consello Escolar

Media_httpfarm6static_gdbcg

Alumnos do Leliadoura nun bautismo de mar o ano pasado. Poderán facer estas actividades neste curso?

Ribeira, 26 de setembro de 2011. O pasado 9 de setembro publicamos o acordo do Consello Escolar do IES Leliadoura polo que, entre outras cousas, non se aceptaban os 2 grupos de PCPI's procedentes do CIFP Coroso, asignados pola Administración no último momento e sen comunicación por escrito. Trala recepción dun correo electrónico da Administración o pasado mércores 14 de setembro a Dirección do IES Leliadoura viuse na obriga de acoller estes PCPIs de modalidade B, en contra do acordo do seu Consello Escolar. Isto provocou unha reorganización do centro, "con serias dificultades, tanto pola falta de recursos (espazos, horas de profesorado, equipamento) como polo inminencia do inicio do curso", explican dende ese centro educativo.

O último episodio desta historia sucedeu o xoves da semana pasada, 22 de setembro, cando a Dirección do IES Leliadoura recibíu por fin o listado do alumnado destes 2 grupos de PCPI procedentes do CIFP Coroso, que recibirían os módulos teóricos 2 días á semana nas súas instalacións. Foi ao comprobar que un destes grupos presentaba un déficit de matrícula (6 alumnos cando o mínimo esixido son 8) cando o equipo directivo do IES Leliadoura se puxo en contacto coa Inspección educativa e a Dirección do CIFP Coroso para correxir o problema.

Na solución adoptada decidiuse que o CIFP Coroso formaría só un grupo de PCPI, no canto dos 2 previstos inicialmente, e os 6 alumnos do segundo grupo non formado incorporaríanse aos outros 2 grupos de PCPI de modalidade C impartidos no IES Leliadoura, onde aínda quedaban prazas vacantes. Cómpre aclarar que  nesta modalidade C o alumnado desenvolverá a súa formación práctica, 3 días á semana, en empresas da comarca, o que foi recibido positivamente polas familias por ter así un contacto máis real có mundo laboral.

Como consecuencia destes cambios de última hora, ao asumir 3 grupos en lugar de 4, o IES Leliadoura aliviará en parte os problemas derivados da falta de espazos e recursos, pero como contrapartida requerirase unha nova reorganización coa finalizade de optimizar os recursos, o que implicará a reelaboración dos horarios de todo o centro ao longo da próxima semana.

Este luns 26 de setembro, ás 11 da mañá, levarase a cabo a presentación dos 3 grupos de PCPI nas instalacións do IES Leliadoura, coa presenza de alumnado, pais, nais e titores. Outro tema pendente de resolver aínda é o de como se resolverá o reparto da finanzación do Fondo Social Europeo dfeste 3º grupo de PCPI de modalidade B compartido entre o CIFP Coroso e o IES Leliadoura.

iesleliadoura.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: Jorquera asegurou nun acto preelectoral que o Bng "cumpriu" para que se celebrase un referendo sobre a reforma constitucional

Media_httpfarm3static_boojc

Retrato de Jorquera nun vello valado de propaganda electoral


A Pobra do Caramiñal, 26 de setembro de 2011. O portavoz do BNG no Congreso, e candidato do BNG por A Coruña, afirmou o pasado venres nun acto celebrado na Pobra do Caramiñal, que “o PP e o PSOE demostraron que non cren nen teñen ningunha intención de mellorar a calidade democrática e aproximarse á cidadanía”.

Jorquera fixo esta afirmación no marco dun acto do BNG adicado a explicar a reforma da Constitución pactada entre o PP e o PSOE para establecer o límite de défice na Carta Magna.

O referendo: unha oportunidade perdida

O parlamentar do BNG explicou que precisamente o xoves pasado remataba o prazo para rexistrar no Congreso as 35 sinaturas necesarias para que se convocase un referendo, “tan necesario non só polo contido da reforma senón para facer partícipe á sociedade de decisións que van afectar o seu futuro”.

Jorquera lamentou que só 18 deputados e deputadas procedesen a dar o paso e manter “a coherencia política, as nosas firmes convicións democráticas demostrando que queremos que a cidadanía se pronuncie en temas de tanta relevancia como o tratado”. Neste sentido, chamou a atención sobre o feito de que a Carta Magna vaia recoller unha “única política económica. Érguese a norma constitucional un dos principios máis duros do neoliberalismo, e se establece unha política económica que se demostrou contraproducente para a recuperación económica e inxusta socialmente”.

O deputado do BNG ten claro quen son os responsábeis da falla de consulta popular e será “ao PP e ao PSOE a quen se teña que peder explicacións por unha decisión adoptada de costas ao xogo democrático, unha decisión adoptada con nocturnidade e alevosía, a instáncias de poderes non democráticos e que convertiu aos parlamentares en meras máquinas de votar”.

Salientou o feito de que “dos 23 deputados/as galegos electos, tan só 2 estampamos a nosa sinatura, e serán os outros 21 os que se teñan que explicar ante a sociedade”, en referencia a PP e PSOE, que pactaron esa controvertida e áxil reforma que ningún levaba no seu programa electoral.

Jorquera tamén engadiu que “a rexeneración da vida política e a mellora da democracia son asignaturas pendentes pero lamentabelmente non todos compartimos estes valores. No  BNG temos claro onde hai que estar”.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: cortes discontinuos na glorieta de Pontenafonso debido ás obras da variante. Taramancos, arrasado

Taramancos_arrasado

  • Por mor das actuacións na Variante de Noia, cortarase un dos carrís da glorieta e outro do ramal de incorporación á VAP dende hoxe luns 26 de setembro ata finais de xaneiro

  • O Castro de Taramancos está a ser usado como recheo para os cimentos da ponte que sobrevoa Testal. Xa finiquitaron o muro da parte romana e hoxe xa non había unha estrutura circular das cabanas castrexas
  • As obras, que se farán en dúas fases, realizaranse en espazos do día con menor densidade de tráfico e sempre coa presenza de sinalistas en cada unha das entradas á glorieta, co fin de xestionar o fluxo de vehículos
  • A Dirección Xeral de Infraestruturas lembra que se establecerá a sinalización adecuada para anunciar o corte con antelación, garantindo a seguridade viaria no treito no que se restrinxe o tráfico

 

Noia, 26 de setembro de 2011.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas realiza cortes parciais na glorieta de Pontenafonso, concretamente na conexión da Vía de Alta Capacidade (VAP) Brión-Noia coa estrada AC-550 que une as localidade de Taramancos con Noia, concretamente no punto quilométrico 69,5, como consecuencia das obras da Variante de Noia. Estas restricións levaranse a cabo dende este luns, día 26, ata finais do mes de xaneiro.

As ocupacións parciais da vía desenvolveranse en dúas fases, posto que ao principio, na Fase I, requerirase cortar os carrís interiores da glorieta e do ramal da Vía de Altas Prestacións e, posteriormente na Fase II, será preciso cortar os exteriores. Os cortes de tráfico executaranse de modo alterno e sen coincidir nunca no tempo.

As obras nas súas dúas partes e o paso dunha a outra faranse en espazos do día con menor densidade de tráfico e sempre coa presenza de sinalistas en cada unha das entradas á glorieta, co fin de xestionar o fluxo de vehículos.

Esta actuación, que levará a cabo a empresa Puentes Infraestruturas S.L.U., suporá a finalización da execución de cimentacións e alzados do viaduto 4+560 que voa sobre á estrada Taramancos-Noia e conecta coa glorieta de Pontenafonso.

A Dirección Xeral de Infraestruturas lembra que se establecerá a sinalización adecuada para anunciar o corte con antelación, garantindo a seguridade viaria no treito no que se restrinxe o tráfico.

Destrución do castro de Taramancos

Media_httpfarm7static_dfjdp

Esta imaxe é do 30 de agosto. A outra, de hoxe mesmo. Aló vai a estrutura circular

Segundo conta o alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, están a destruír todo o atopado en Taramancos. O outro día acabaron co muro da parte romana e agora xa non se ve a estrutura circular dunha cabana castrexa que fotografamos no seu día. Nin unha explicación de Patrimonio nin da Xunta polo momento. Tampouco agardamos que condenen este atentado como si o fixeron por un artefacto explosivo na casa de Manuel Fraga. Lóxicas deste país.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical