27.9.11

Dodro: "Mar Achega" levou a veciños ata Fisterra o pasado luns 26 de setembro

Fisterra

Dodro, 27 de setembro de 2011. A Concellería de Cultura, Voluntariado e Asociacionismo organizou o pasado luns día 26 dentro da Campaña "Mar Achega" da Consellería do Mar, unha excursión a Fisterra que tivo unha gran aceptación por parte da veciñanza.

Dentro do programa realizaron unha visita guiada ao Castelo de San Carlos, fixeron un percorrido pola zona marisqueira e un paseo pola lonxa de Fisterra. Despois poideron ver unha demostración en directo de cociña con peixe e degustar á hora do xantar a base de produtos do mar certificados.
Xa pola tarde realizaron visitas guiadas á lonxa e a antigos lugares de interese da actividade pesqueira.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o alcalde amosa a súa preocupación pola pouca transparencia da Xunta sobre o castro de Taramancos e acúsaa de "tentar agochar que a decisión de eliminar os restos

71093-Artigo 9.-Copia informes aparación restos xacemento arqueolóxico en Taramancos-Noia.pdf Download this file

  • "A eliminación do xacemento é un mero trámite administrativo para a Xunta de Galicia, mentres para os noieses e noiesas supón unha enorme perda do noso patrimonio e da nosa historia, ademais de supor a perda dun enorme atractivo turístico", critica o alcalde Rafael García Guerrero
  • Os socialistas pediron no Parlamento información e copia dos informes do achado neste enorme poboado de Taramancos Vello, sito no lugar da Espiñeira
Media_httpfarm7static_svpvf

Imaxe de onte do castro sen unha das estruturas circulares que antes se podían ver (abaixo)
Media_httpfarm7static_beddk

Noia, 27 de setembro de 2011. O concello de Noia amosa "a súa preocupacion pola falla de información e transparencia por parte da Consellería de Medio Ambiente no tratamento dos xacementos de Taramancos", comeza nunha nota de prensa o alcalde, o socialista Rafael García Guerrero.

O alcalde engade que "desde a administración municipal noiesa considérase que desde a Xunta de Galicia non están mantendo a necesaria colaboración entre as administracións, sen información e tentando agochar que a decisión de eliminar os restos está tomada desde o primeiro intre que apareceron. Non se buscou en ningún momento alternativas que permitiran as conservación dos restos arqueolóxicos. A eliminación do xacemento é un mero trámite administrativo para a Xunta de Galicia, mentres para os noieses e noiesas supón unha enorme perda do noso patrimonio e da nosa historia, ademais de supor a perda dun enorme atractivo turístico".

Para García Guerrero, "baixo a escusa de escavar baixo as edificacións castrexas e romanas, estase a desmontar todo coa perda irreversible que supón, e só ten sentido se se parte dunha premisa: a eliminación do xacemento".

Desprezo ao patrimonio e ao medioambiente do Goberno Feijóo

O alcalde noiés non dubida en afirmar que "o goberno de Feijóo amosa nas súas políticas un total desprezo da conservación do patrimonio e do medioambiente. Créanse proteción de espazos naturais e do patrimonio, pero á hora da verdade só son de aplicación para os particulares. As administracións, no canto de dar exemplo, empregamos de xeito abusivo o recurso do "interese xeral" para obviar as protecións e amoldalas aos intereses politicos".

E remata: "Para Concellos como o de Noia, onde a propiedade privada está tan afectada por lexislacións sectoriais resulta difícil explicarlle aos veciños e veciñas a razón de que nas súas fincas non poden facer certas cousas e as administracións si. Para os que temos que aplicar un plan especial de proteción dun Casco Histórico, non é doado abrir un expediente sancionador a un veciño porque pinta dunha cor incorrecta unha fiestra, mentres as administracións eliminamos un xacemento arqueolóxico".

A repercusión desta destrución, no portal do Consello da Cultura Galega

"O alcalde de Noia, Rafael García Guerrero, denunciou onte no seu perfil de Facebook a desaparición de parte dos sectores escavados no sitio arqueolóxico de Taramancos, incluíndo unha vivenda completa da Idade do Ferro, polo que se aprecia na fotografía publicada por Guerrero. Tratábase dunha escavación de urxencia debido á aparición de restos antigos no trazado do novo vial de Noia, e que paralizara as obras do vial. Os achados desvelaron a existencia dun poboado moi antigo, da Idade do Ferro, de tipoloxía totalmente inusual en Galicia, xa que non está fortificado, e parece estar vinculado a actividades de explotación do medio mariño. culturagalega.org solicitou información ao respecto á Consellería de Cultura, responsable da liberación da cautela administrativa sobre o sitio arqueolóxico, pero o departamento autonómico non contestou ata o momento.
O subliñado é noso.

Onte, en Certo:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura galega: bases e xurados da presente edición dos Premios da Crítica de Galicia

PREMIOS DA CRÍTICA GALICIA_BASES_2011.pdf Download this file

  • Chegan á 34 edición, que se vai fallar o 22 de outubro, sábado, en Vigo
  • A entrega farase baixo o lema "Eis o canto eterno dunha terra", collido de Lois Pereiro

Media_httpfarm5static_nmwjt

Barbanza-Noia, 27 de setembro de 2011. A xunta directiva da Fundación dos Premios da Crítica Galicia aprobou as bases que rexerán a convocatoria que recoñecerá o traballo da creación cultural galega realizado o pasado ano 2010. Nesta 34ª edición os premios abranguen seis modalidades: «Creación literaria», «Investigación», «Música», «Iniciativas Culturais», «Artes Plásticas e Visuais», e «Artes Escénicas e Audiovisuais». A xunta directiva acordou por unanimidade suprimir a modalidade de «Galego Egrexio» coa intención de recuperar o espírito fundacional dos premios, alicerzados sobre o recoñecemento do labor creativo anual en cada un dos eidos da creación cultural e investigación en Galicia, así como pola existencia na actualidade doutros importantes recoñecementos, tanto institucionais como cívicos, a traxectorias a prol da cultura galega. 

Outra das novidades da presente convocatoria é a creación de dúas novas modalidades a de Ártes Plásticas e Visuais» e a de «Artes Escénicas e Audiovisuais», así como a ampliación do descritor da modalidade de «Creación Literaria», onde poderán ser premiables obras de narrativa, poesía, ensaio, textos dramáticos, guións, xornalismo de opinión, incluíndo a creación literaria infantil e xuvenil, publicadas ao longo do ano 2010. 

O xurado de cada unha das modalidades estará formado por sete persoas, que terán competencia exclusiva para establecer os criterios de valoración (calidade, incidencia social, oportunidade, novidade…) de cada unha das candidaturas concorrentes. Con todo, o recoñecemento da excelencia e da relevancia para a cultura galega que ofrezan as achegas a considerar, deberá ser a guía sobranceira no seu proceso de avaliación. Así mesmo, naquelas manifestacións culturais que precisen da intervención do idioma este será o galego. Todas as producións que se consideren premiables en cada unha das modalidades poderán ser presentadas polos seus autores, editores ou promotores ás secretarías dos xurados. Así mesmo, cada un dos membros dos xurados poderá presentar cantas candidaturas considere oportunas para a súa valoración polo resto dos membros.

A xunta directiva nomeou as seguintes persoas como membros dos xurados de cada unha das modalidades:

Creación Literaria: Suso de Toro (escritor, gañador da edición 2010 de Creación Literaria), Manuel Forcadela (escritor, gañador da edición 2010 de Ensaio), Isabel Soto López (crítica literaria), María Xesús Nogueira (profesora USC), Carme Pérez-Sanjulián (profesora UDC), Eulalia Agrelo Costas (investigadora do Centro Ramón Piñeiro) e María López Sández (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Investigación: María Xosé Agra Romero (catedrática USC), Senén Barro Amenedo (catedrático USC), Miguel Barros Puente (gañador da edición 2010 de Investigación), Domingo Docampo Amoedo (Catedrático UDV), Uxío Labarta Fernández (profesor de Investigación CSIC), Isabel Mociño González (investigadora do Centro Ramón Piñeiro) e Blanca-Ana Roig Rechou (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Música: Joám Trilho (Ars Gallaeciae, gañador da edición 2010), Victor Carou (director do Auditorio de Galicia), Ramón Castromil (pianista), Uxía Senlle (cantante), Xurxo Souto Eiroa (escritor), Berta Fresco (profesora de piano do Conservatorio de Vigo) e Antón Pulido (secretaría, Fundación Premios da Critica Galicia). 

Iniciativas Culturais: Natalia Balseiro (enxeñeira cultural), Chelo Loureiro Vilarello (produtora), Manuel Gago (director de culturagalega.org), Manuel P. Rúa (técnico de cultura), Alfonso Blanco Torrado (crego, presidente da Asociación Cultural Xermolos), Daniel Salgado (xornalista) e Marcos Lorenzo (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Plásticas e Visuais: Enrique Acuña (gañador da edición 2010 de Artes da Representación), Antón Castro (crítico de arte, profesor da UDV), Mercedes Rozas (crítica de arte), Manuel Vilariño (fotógrafo), Alfonso Penela (arquitecto), Jaime Asensi (ilustrador e deseñador gráfico) e Antón Sobral (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

Artes Escénicas e Audiovisuais: Manolo González (profesor), Euloxio Ruibal (dramaturgo), Nerea de Valenzuela (crítica), Cristina Domínguez Dapena (directora teatral), Camilo Franco (crítico), Miguel Castelo (director de cine) e Comba Campoy García (secretaría, Fundación Premios da Crítica Galicia).

O ditame dos xurados desta 34ª edición dos Premios da Crítica Galicia será  coñecido o 22 de outubro de 2011 no decurso dunha cea que se celebrará  en Vigo, no Hotel Os Escudos, baixo o lema «Eis o canto eterno dunha terra», sintagma acuñado polo poeta Lois Pereiro, a quen rende homenaxe a sociedade galega este ano.

Máis información:

Blog da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, onde se publicarán as noticias sobre a presente convocatoria e sobre a traxectoria destes premios.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Comoxo celebra o San Miguel o 29 de setembro e o 1 e 2 de outubro

Media_httpfarm7static_cqzjm

Ou estamos un pouco espesos ou cóstanos interpretar ben o cartel este ano... Agardamos que sexan máis intelixentes ca nós!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: vaise reformar o parque de bombeiros, segundo se aprobou esta mañá no pleno da Deputación

 
Boiro, 27 de setembro de 2011. Os integrantes do pleno do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento da Coruña reuníronse esta mañá na sede da Deputación Provincial da Coruña para, entre outros asuntos, autorizar diversas obras de mellora dos parques de Boiro e Betanzos.
 
Media_httpfarm5static_mdtta

No de Boiro vaise revestir por fóra o edificio co obxecto de continuar coas obras de mellora xa iniciadas nos últimos meses. Na actuación vanse invertir 90.000 euros.
 
No transcurso da sesión escolléronse novos membros da Xunta e da Deputación no pleno do Consorcio. Santiago Villanueva, como representante da Xunta, foi escollido presidente do organismo autónomo; e Diego Calvo, como representante da Deputación, será vicepresidente. Como tesoureira actuará Mariel Padín, vicepresidenta da institución provincial. Por parte da Xunta incorporouse tamén ao pleno a nova delegada, Belén do Campo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Estradas: a Deputación abre prazo para adxudicar obras de mellora da seguridade viaria entre Noia e Cabo de Cruz

  • O orzamento da obra é de 273.000 euros e conta cun prazo de execución de oito meses
Media_httpfarm5static_vfdpc

A estrada a amañar pasa pola restaurada aldea de Moimenta, en Boiro

Noia-Barbanza, 27 de setembro de 2011. A Deputación da Coruña publicou no Boletín Oficial da Provincia de hoxe o anuncio da próxima contratación mediante procedemento aberto da obra de mellora da seguridade viaria na DP 1105 de Noia a Cabo de Cruz.

O organismo provincial, mediante o Servizo de Patrimonio e Contratación, pon en marcha o proceso de adxudicación nestas obras, que suporán a construción de sendas peonís entre o p.q. 7,230 ao 7,930 de Moimenta e do 11,170 ao 11,980 en Comoxo, ambos no Concello de Boiro, coa intención de mellorar a seguridade viaria da zona.

 O orzamento da devandita infraestrutura ascende a 273.989,84 euros incluído o imposto sobre o valor engadido. As obras contarán cun prazo de execución de oito meses. O procedemento de adxudicación terá un único criterio de valoración referente ao factor prezo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: preselecionan a un orientador laboral


Rianxo, 27 de setembro de 2011. O Concello de Rianxo convoca unha praza de Orientador/a Laboral (contratación laboral temporal) para o programa: Información, orientación e búsqueda de emprego.

Bases e solicitudes no Rexistro Xeral e na páxina web do Concello.
Prazo: tres días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación.

Web do Concello de Rianxo: http://portelo.rianxo.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

26.9.11

Opinión: Gonzalo Sarasquete aos de "Cambiemos Riveira" do Facebook

Media_httpfarm7static_rfhgf

Obra de Sarasquete exposta nunha galería de Santiago recentemente

"Non se pode falar por falar cando persoas que si sabemos están escoitando. Os exemplos que poñedes: Chillida e Manrique primeiro pasárono mal e tiveron que demostrar fóra o seu prestixio e de Gaudí tendes que ler a súa vida, pragada de penalidades; nun principio só se lembrou del un primo seu que era bispo de León e os indianos de Santander, cando miltitaba  no bando dos eclécticos medievalistas, antes de ser modernista.

Ademais, en Donosti hai máis escultores que don Eduardo: ninguén se lembra de Nagel ou de Oteiza! Para os que sabemos un pouquiño, PAPA-OTEIZA: calquera que se adique a isto ten que mamar del.

Pero vós non sabedes que os casos contrarios  son os que abundan máis que ises que vós coñecedes? En Valencia fai non muito un caso chinmpou á prensa:  a famosa” Pantera rosa “ de Miquel Navarro. Os bempensantes desta cidade quixenron tirarlle ista escultura, á que alcumaron co nome dos debuxos animados e grazas a deus non puideron porque o tempo deulle a razón e o prestixio veulle de fóra, pero na mesma cidade si conseguiron que se desfixeran pezas de calidade coma a de Sanleón.

Media_httpfarm2static_aqmld

Sireno de Leiro en Vigo

Media_httpfarm4static_gixjz

Monumento a Asorey en Cambados

En Vigo, máis cerquiña, adoptaron coma propio a Fancisco Leiro o do “SIRENO” que en realidade é de Cambados, despois de trunfar en Nueva York. En Cambados polo da agora só saben de Asorey.

Non se pode comparar a un escultor local, bocazas e ignorante que tivo a sorte de que na alcaldia estivese un máis inculto que el con Chillida. Fixádevos nos problemas que está a pasar a familia del co CHILLIDA-LEKU.

Media_httpfarm3static_gklbe

Gonzalo Sarasquete hai dous anos, inaugurando a efémera "Homes de Cal"

E menos mal que non faláchedes da escabrosa palabra “arte” ou “artista: iso xa son palabras maiores, isa medalla só se pon cando morres ou despois de demostralo.

Os exiliados sempre van ó ceo: hai poucos que o fagan voluntariamente.

AMAR É LOITAR:  se o fas dende a ignorancia só vale para que uns amiguiños te valoren. Céibanos señor dos amigos e familiares ignorantes ben intencionados.

Un consello: lede que vos fará ceibes e non sacaredes a lingua a pacer con tanta facilidade. O mundo é moi grande e neste traballo o que máis conta é a orixinalidade, máis que o esforzo sen sabiduría.

 Un probe escultor que vos quere.

Gonzalo Sarasquete

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Flor de Toxo" pon en marcha unha escola de música tradicional para a que xa abriu o prazo de matrícula

Cartel_curso_gaita_flor_de_tox

Ribeira, 26 de setembro de 2011.A Asociación Xuvenil e Cultural Flor de Toxo pon en marcha unha escola de música tradicional, e organiza para este curso os seguintes cursos:

 
Gaita Perfeccionamento
Gaita Iniciación
Percusión
Clases Individuais

Para máis información ou inscrición no número 669 999 302 ou no correo asociacionflordetoxo@gmail.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o IES Leliadoura viuse obrigado a acoller os Programas de Cualificación Profesional en contra do acordo do seu Consello Escolar

Media_httpfarm6static_gdbcg

Alumnos do Leliadoura nun bautismo de mar o ano pasado. Poderán facer estas actividades neste curso?

Ribeira, 26 de setembro de 2011. O pasado 9 de setembro publicamos o acordo do Consello Escolar do IES Leliadoura polo que, entre outras cousas, non se aceptaban os 2 grupos de PCPI's procedentes do CIFP Coroso, asignados pola Administración no último momento e sen comunicación por escrito. Trala recepción dun correo electrónico da Administración o pasado mércores 14 de setembro a Dirección do IES Leliadoura viuse na obriga de acoller estes PCPIs de modalidade B, en contra do acordo do seu Consello Escolar. Isto provocou unha reorganización do centro, "con serias dificultades, tanto pola falta de recursos (espazos, horas de profesorado, equipamento) como polo inminencia do inicio do curso", explican dende ese centro educativo.

O último episodio desta historia sucedeu o xoves da semana pasada, 22 de setembro, cando a Dirección do IES Leliadoura recibíu por fin o listado do alumnado destes 2 grupos de PCPI procedentes do CIFP Coroso, que recibirían os módulos teóricos 2 días á semana nas súas instalacións. Foi ao comprobar que un destes grupos presentaba un déficit de matrícula (6 alumnos cando o mínimo esixido son 8) cando o equipo directivo do IES Leliadoura se puxo en contacto coa Inspección educativa e a Dirección do CIFP Coroso para correxir o problema.

Na solución adoptada decidiuse que o CIFP Coroso formaría só un grupo de PCPI, no canto dos 2 previstos inicialmente, e os 6 alumnos do segundo grupo non formado incorporaríanse aos outros 2 grupos de PCPI de modalidade C impartidos no IES Leliadoura, onde aínda quedaban prazas vacantes. Cómpre aclarar que  nesta modalidade C o alumnado desenvolverá a súa formación práctica, 3 días á semana, en empresas da comarca, o que foi recibido positivamente polas familias por ter así un contacto máis real có mundo laboral.

Como consecuencia destes cambios de última hora, ao asumir 3 grupos en lugar de 4, o IES Leliadoura aliviará en parte os problemas derivados da falta de espazos e recursos, pero como contrapartida requerirase unha nova reorganización coa finalizade de optimizar os recursos, o que implicará a reelaboración dos horarios de todo o centro ao longo da próxima semana.

Este luns 26 de setembro, ás 11 da mañá, levarase a cabo a presentación dos 3 grupos de PCPI nas instalacións do IES Leliadoura, coa presenza de alumnado, pais, nais e titores. Outro tema pendente de resolver aínda é o de como se resolverá o reparto da finanzación do Fondo Social Europeo dfeste 3º grupo de PCPI de modalidade B compartido entre o CIFP Coroso e o IES Leliadoura.

iesleliadoura.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical