23.10.11

Ribeira: o sábado 29 de outubro, acto de entrega do Altofalante do Ano 2011

Altofalante_2011

Ribeira, 23 de outubro de 2011. O vindeiro sábado día 29 de outubro ás 20:00 H terá lugar o acto de entrega do Altofalante do Ano 2011 á:

PLATAFORMA EN DEFENSA DA SANIDADE PÚBLICA DA BARBANZA.

No Salón do Conservatorio Municipal de Ribeira, na rúa Miguel Rodríguez Bautista, 21.

Levarán o "Altofalante" e tamén o Diploma de "Socio de Honra." aos portavoces da Plataforma, que son Marián Rodríguez Blanco e Javier Alonso Viturro. Será nun acto aberto a toda a cidadanía e amenizado cos gaiteiros de Algharabía.

ÁS 22:00 H. HABERÁ UNHA CEA. Pode anotarse o que o desexe no 677733467 - 657557169. Tamén: plataformabarbanza@gmail.com /asociacionaltofalante@gmail.com)

Motivos da concesión deste premio á Plataforma citada:

- Por Ser quen de facer unha fronte común na defensa da sanidade pública do noso país, máis alá de diferenzas ideolóxicas, fronte aos ataques privatizadores.

- Participar activamente dando argumentos -Sanitarios, económicos e sociais- fronte os que , aproveitando a actual crise económica, queren facer crer que o sistema sanitario público é decadente e inasumíbel economicamente.      

- A capacidade para integrar no seo da Plataforma á cidadanía ao   movemento asociativo e ser reflexo da sociedade no seu conxunto.

As 26 organizacións que forman parte desta plataforma son:

1. ANPA o Portal de Caamaño,

2. Asociación ACHUCHAR,

3. Asociación antidroga Renacer,

4. Asociación cultural Altofalante,

5. Asociación cultural e de veciños Fontenova de Santiago de Lampón,

6. Asociación cultural Pedra de Pidre,

7. Asociación de veciños de Abanqueiro,

8. Asociación de veciños de Neixón,

9. Asociación de veciños San Roque de Pobra,

10. Asociación Dourixeira de Aguiño,

11. Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño,

12. Asociación Sagres

13. Asociación veciñal, cultural e prestadora de servizos a mocidade de Abesadas e Cubeliños,

14. Asociación Verdegaia,

15. BNG,

16. CCOO

17. CIG,

18. Comité de Empresa do Hospital de Barbanza,

19. Comunidade de Montes de Caamaño,

20. CUT,

21. Esquerda Unida,

22. ICB,

23. IPR,

24. PSOE-PSdG,

25. SAE,

26. UGT.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: comezou un obradoiro de modelado en torno de oleiro no Banco do Tempo

Ribeira, 23 de outubro de 2011.- As aulas que ten o Departamento de Servizos Sociais na rúa Cristóbal Colón da cidade están a dar cabida a un obradoiro de modelado en torno de oleiro que está dirixido aos socios e socias do Banco do Tempo de Riveira. 

Esta actividade céntrase na capacitación por parte de todas as persoas participantes das nocións básicas para facer figuras de decoración coa técnica do torno de oleiro, decoralas e darlles un esmaltado. Está impartida por unha profesional do sector con amplo currículo e experiencia no ámbito educativo, María Eugenia Villaverde Sánchez. Unha decena de membros do Banco do Tempo están a asistir a esta acción. 

Paralelamente, dende o Banco do Tempo se está a traballar tamén na celebración doutras actividades relacionadas co Samaín. 

Lémbrase que a secretaría do Banco do Tempo está aberta todos os martes de 12 a 14 horas nas novas dependencias do Centro de Información á Muller, na praza 8 de marzo.

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Arrecó fai un avance da súa programación para este trimestre final de ano

Carta socios arrecó.pdf Download this file

Unha das actividades que continúan é "Coñece o teu concello", que será o sábado 3 de decembro


Ribeira, 23 de outubro de 2011. A Asociación Cultural, de Ocio e Tempo Libre Arrecó fixo de facer pública a súa programación para o derradeiro trimestre do ano.

 

Desde a Xunta Directiva aprobouse facer actividades durante todos os meses do ano e para todas as idades.

 

As actividades son:

 

  • 01 de outubro.- Campamento para monitores.
  • 28, 29 e 30 de outubro.- V Encontro e Mostra Asociativa Xuvenil (EMAX).
  • 12 de novembro.- Disney Live. Unha Viaxe Inesquecible.
  • 25, 26 e 27 de novembro.- Roteiros para a Xuventude.
  • 03 de decembro.- Coñece o teu concello.
  • 17 de decembro.- Ecoparque de Marín e Lago Castiñeiras.
  • 05 de xaneiro.- Cabalgata de Reis.

 

Así mesmo, outra das comunicacións que fan é a de abrir o prazo para renovar ou facerse socio/a de Arrecó. A cota será de 15 € ao ano, segundo informou o responsable de Arrecó, Mario Vidal.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: abren expediente de infracción urbanística na rúa Anxo Senra por cubrir unha terraza nun ático

Noia, 23 de outubro de 2011. A Concellería de Urbanismo, Vivenda e Solo do Concello de Noia, vén de iniciar os trámites conducentes á reposición da legalidade urbanística vulnerada pola construción da cubrición da terraza dun ático do inmoble número 4 da rúa Anxo Senra.

Do informe técnico obrante no expediente, despréndese que a citada obra non conta coa preceptiva licenza municipal, non sendo tampouco posible a súa legalización posterior.

As obras executadas consisten na cubrición da terraza cunha estrutura metálica de perfiles de aluminio e policarbonato traslúcido, tanto no teito como nos laterais da mesma. A terraza ten unha superficie aproximada de 20 metros cadrados, acadando a estrutura mencionada unha altura de 2,30 m. A xuizo do técnico que emite o informe, trátase dun aumento de volume da vivenda en cuestión, nun inmoble que xa ten esgotada a súa edificabilidade máxima permitida. A maiores a obra realizada provoca unha alteración estética da fachada principal.

O promotor da intervención terá, a partir da data de recepción da comunicación de incoación do expediente urbanístico, un prazo de tres meses para regularizar a situación, que como se dixo anteriormente, ao non ser legalizables as obras executadas, será a da demolición da estrutura construída sen licenza municipal e que vulneran as determinacións da normativa urbanística municipal en vigor.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

21.10.11

Ribeira: programa da Mostra de Teatro 2011, do 29 de outubro ao 2 de decembro

  • Cada función será o venres, ás 21:30 no auditorio
  • En total, serán seis actuacións, co humor e a retranca como eixos condutores


Ribeira, 21 de outubro de 2011.- Unha nova edición da Mostra de Teatro de Ribeira terá lugar no concello entre o 29 de outubro e o 2 de decembro. En total, serán seis as actuacións que terán lugar no auditorio e todas elas terán o denominador común de que nas distintas representacións dramáticas abundará o humor e a ironía. 

A concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e o responsable municipal da área de teatro do Concello, Segundo Chiki Durán foron os encargados de desvelar o programa desta edición. A edil riveirense destacou que esta acción é unha das que máis expectación levanta a cidadanía e lembrou que as funcións están dirixidas a un público adulto maior de 13 anos, xa que a Área de Cultura xa reserva un bo número de programacións para os máis cativos, como o Nadal, o Mes dos Títeres, o Mes das Letras ou a propia Mostra de Teatro Infantil. 

Todas as funcións levaranse a cabo no salón de actos do auditorio, ás 21.30 horas, e para acceder a elas poderanse retirar as entradas media hora antes das actuacións, que como sempre son gratuítas. 

Elvira Pisos agradeceu a colaboración da Deputación e convidou a toda a cidadanía ribeirense e das localidades limítrofes a que se animen a presenciar as magníficas representacións que van ter lugar durante dous meses. 

Pola súa parte, Chiki Durán foi o encargado de explicar o contido do programa: 

VENRES 28 DE OUTUBRO

TEATRO CANDELEXAS (Noia)

“EN BUSCA DA CHACHA PERDIDA” 

Escrita e dirixida por Victor Vez. Divertidísima  comedia na que un matrimonio de xubilados “relatan” as penurias que pasaron perante corenta anos para encontrar a empregada  do fogar ideal. Polo domicilio conxugal van pasando diferentes personaxes  o  que da lugar as mais variadas e divertidas escenas. Situacións cargadas de ironía que, ao mesmo tempo que provocan verdadeiras gargalladas, dan lugar a unha aceda critica social de tipos e personaxes moi frecuentes na nosa sociedade. En definitiva unha  comedia da que pódese dicir aquilo de que  “fai escachar coa risa” levada adiante grazas ao traballo e ao empeño que toda a compañía fai en cada un dos seus espectáculos. 

VENRES 4 DE NOVEMBRO

CARRACHANACACHA

“GHEIDI (só para adultos) 

Escrita e dirixida por Leandro Lamas, a compañía Carrachanacacha, presenta esta nova comedia despois do éxito conseguido coa súa anterior montaxe “Comendo pimentos de Padrón con Tarantino” que tan boa acollida tivo na anterior Mostra de Teatro de Riveira na que viña avalada xa pola cantidade de premios acadados nos distintos certames de teatro nos que se presentaron. “Gheidi (só para adultos)” e unha comedia de humor na que conta a historia dunha nena abandoada que ten un avó narcotraficante que teñen un can infiel, e contan entre os seus amigos con Pedriño, un neno escravizado que quere ser funcionario. Sen esquecernos da amiga da nena, Claretes e unha vella, a señora Rotanmerdas, que conspira na penumbra. O elenco está formado do seguinte xeito: Gheidi (Lorena Montero), Avó (Suso Barro), Trosqui (María Veiga), Pedriño (Felipe Carballido), Claretes (Celia González) e Rotanmerdas (Celia Hernández). 

VENRES 11 DE NOVEMBRO

A CONTRABUTACA PRODUCCIÓNS

“FRANTASMAS” 

Baixo a dirección do propio autor do texto, Xosé Lueiro, e despois de levar con grande éxito e aceptación por parte do público das súas últimas montaxes, o musical “Robin Hood” e a comedia “Un morto moi vivo”, ambas representadas no seu día neste Auditorio de Riveira, afronta o seu proxecto máis arriscado e persoal, “Frantasmas”, que ven sendo outra comedia pero co gag como elemento estructural. Unha obra na que prima o humor do absurdo e na que contaron, para a súa posta en marcha, coa colaboración do director artístico de Yllana, que como todos vostedes saberán, é unha das compañías maestras internacionais no teatro máis hilarante e irreverente. O punto de partida é a chegada dun matrimonio – un antropólogo inglés chamado Otis e unha soprano estadounidense chamada Margarett- ao caserón que herdaron en Inglaterra, onde son recibidos por un mayordomo e unha ama de chaves á cada cal máis sinistro. Unha maldición familiar, e un morto, completan esta aventura chea do mellor humor do absurdo. Destacar a interpretación dos tres actores que levan adiante a función, Fran Campos, Fran Rei, e Fran Ameixas, que aproveitando que os tres levan o mesmo nome adaptouse o título de FRANtasmas xustamente por esta coincidencia. 

VENRES 18 DE NOVEMBRO

MALASOMBRA PRODUCCIÓNS S.L.

“GO ON!” (Galician History) 

Esta función preséntase como unha auténtica odisea cómica no espacio galego. Interpretada por Xoque Carvajal e Jouse García, escrita por José Luis Prieto, e baixo a dirección de Marcos Orsi, a compañía Malasombra presenta a súa última montaxe que ben se podería resumir dicindo que logo da chegada do home á lúa, á humanidade só lle faltaba un reto, a chegada do home a Galicia. Como dí a propia compañía na súa presentación oficial, no ano 2010 (ano 25 despois de Gayoso) dous intrépidos exploradores tiveron o valor de adentrarse nas descoñecidas terras galaicas a través da ruta xacobea. Sen dúbida unha montaxe para ter en conta se o que se pretende e pasar unha noite entretida e chea de humor. 

VENRES 25 DE NOVEMBRO

TEATRO GALILEO

“SEMPRE QUIXEN BAILAR UN TANGO” 

Baixo a dirección de Pedro Rubín, e cun elenco formado por Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e Tanas, todos eles grandes coñecidos polo público grazas á súa participación en distintas series de televisión, tanto na galega como a nivel estatal, a función “Sempre quixen bailar un tango”, escrita por Teresa González, preséntase como unha traxicomedia que non deixa indiferente a ninguén e que reflexiona sobra as cousas que deixamos sen facer e sen aprender ao longo da nosa existencia. Trátase dunha viaxe emocional, por medio do humor, sobre as cousas valiosas da vida e o transcurso do tempo. Un texto intelixente cunha magnífica posta en escea e un traballo excepcional que conseguirá facernos rir, chorar, e en definitiva, emocionarnos. 

VENRES 2 DE DECEMBRO

TALÍA TEATRO

“PELOS NA LINGUA” 

Cun texto de varios autores, baixo a dirección de Avelino González, e coa participación actoral de María Ordóñez, Toño Casáis e Artur Trillo, a compañía Talía Teatro afronta esta nova montaxe chea de humor e ironía, cun ritmo áxil, dinámico e fresco. Na mesma liña do seu anterior espectáculo “Bicos con lingua”, aseguran a continuidade da temática que tan bó resultado lles dou daquela, poñendo en valor a importancia da nosa lingua.


 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a variante, entre as primeiras obras públicas que blinda a Axencia Galega de Infraestruturas

  • Agustín Hernández presidiu esta mañá a sesión constitutiva do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas, da que Ethel Vázquez pasa a ser a directora

  • Case 460 millóns de euros blindan a continuación de obra pública en marcha, como é o caso da Autovía da Costa da Morte, a Autovía de Celanova ou a Variante de Noia, así como o remate da Terceira rolda da Coruña ou a Variante de Marín

  • A Xunta di que a Axencia Galega de Infraestruturas é unha fusión de Aceousa e a SPI que aforrará arredor dun millón de euros por ano

  • O silencio sobre os achados de Taramancos segue a ser clamoroso

Noia, 21 de outubro de 2011.- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, presentou esta mañá os primeiros orzamentos da Axencia Galega de Infraestruturas, que entra en funcionamento en xaneiro de 2012, que permitirán a mobilización de 665 millóns de euros para continuar co impulso á obra pública en Galicia, o que se traduce nun incremento dun 8% respecto do investimento destinado en 2011.

O responsable de Infraestruturas, acompañado pola recentemente nomeada directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AGI), Ethel Vázquez, informou esta mañá das previsións orzamentarias no decurso da sesión constitutiva do Consello Reitor da AGI, onde recordou que –en virtude do principio de austeridade defendido polo actual presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo- os orzamentos para os capítulos de xestión e persoal desta nova entidade redúcense en máis dun dun millón de euros (1.075.908 euros), o que supón un 4% dos orzamentos de gasto corrente do presente ano. Este aforro prodúcese porque a axencia asumirá a tutela funcional da Sociedade Pública de Investimentos, ademais de Aceousa e a Dirección Xeral de Infraestruturas.

A nova estrutura organizativa da Axencia terá como obxectivos principais para o ano 2012 continuar coas obras en marcha, tal e como se comprometeu o Goberno galego cando este mesmo verán tivo que asumir os axustes orzamentarios, como Autovía da Costa da Morte, Sarria- Monforte, Variante de ortigueira, Variante de Marín, Enlace de Curro, Variante de Noia, Autovía de Celanova, desdobramento do Morrazo; así como rematar importantes infraestruturas estratéxicas, como son a Terceira Rolda da Coruña e a Vía Ártabra, e iniciar novas actuacións como a reordenación da glorieta de Sabón e o proxecto de Abrir Ferrol ao Mar. Todas estas actuación implican un investimento de case 460 millóns de euros (458,43 M€)

O conselleiro de Medio Ambiente destacou o investimento en materia de seguridade viaria que programa a Axencia Galega de Infraestruturas para o vindeiro ano, xa que é o dobre que os destinado no exercicio anterior, xa que a partida orzamentaria elévase a case 45 millóns de euros.

Recordou que outro dos compromisos asumidos á hora de elaborar as contas do seu departamento foi blindar a conservación da actual rede de estradas de titularidade da Xunta de Galicia. Nese senso, para o mantemento e conservación ordinaria da rede autonómica de estradas e para fixar o desenvolvemento do Plan de Viabilidade invernal destinaranse un total de 34,75 millóns de euros ao longo de 2012.


Sesión constitutiva, con Ethel Vázquez movendo a súa cadeira de novo

Coa celebración esta mañá da sesión constitutiva da Axencia Galega de Infraestruturas, cuxa entrada en funcionamento está prevista para xaneiro do ano 2012, a a directora xeral de infraestruturas, Ethel Vázquez, que non hai moito foi tamén directora de Augas de Galicia, pasa a ser a directora da Axencia.

Neste senso, o Consello da Xunta aprobou na xuntanza de onte a orde pola que se nomea a persoa responsable da axencia, un ente que concentrará nun único centro directivo todas as obras de infraestruturas viarias. A directora da axencia será Ethel Vázquez, Mourelle, actual directora xeral de Infraestruturas, quen tamén asumirá a vicepresidencia do Consello Reitor. A creación da axencia fundaméntase en tres principios básicos que son o da unidade de xestión e de actuación; os de funcionalidade, eficacia e eficiencia; e o de austeridade.

Coa Axencia Galega de Infraestruturas, constituída como unha axencia pública autonómica, proponse rematar coa situación organizativa composta pola Dirección Xeral de Infraestruturas e os servizos de Infraestruturas dos departamentos territoriais, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e por dúas sociedades públicas que dependían da Consellería de Facenda: a Sociedade Pública de Investimentos de Galicia S.A (SPI), e a Sociedade Pública Autoestrada Alto de San Domingos-Ourense, S.A (Aceousa).

Coa nova estrutura a Axencia Galega de Infraestruturas asumirá a tutela funcional da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia S.A, que absorbeu a Sociedade Pública Autoestrada Alto de San Domingos-Ourense, S.A.

A Xunta de Galicia promove a creación da Axencia Galega de Infraestruturas como unha medida máis para acadar un novo modelo de xestión en materia de infraestruturas máis flexible, máis eficaz e máis austero. Coa entrada en funcionamento da Axencia Galega de Infraestruturas e grazas á fusión, por absorción, de Aceousa e a SPI, producirase un aforro, que se estima en 1,1 millóns de euros por ano.

A axencia estrutúrase en catro áreas: de Planificación e Programación, de Obras e Explotación, de Seguridade Viaria, e de Contratación e Administración. Tamén contará cunha asesoría xurídica propia e coas delegacións en cada provincia ademais de asumir a tutela funcional da SPI.

O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega de Infraestru¬turas e estará integrado pola Presidencia (que é asumida polo titular da Consellería en materia de Infraestruturas), a Vicepresidencia (que é asumida pola Dirección da axencia) e catro vogais.

Relacionadas:


Variante: o atopado en Taramancos, mero trámite



Parlamento: o Bng pregunta pola desfeita de Taramancos a causa da variante de Noia


Pleno: moción de urxencia polo arraso do castro de Taramancos para que pase o viaduto da variante


Arqueoloxía: o Psoe leva ao Parlamento o arraso do castro de Taramancos


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o BNG pregunta pola ausencia do alcalde durante uns días de outubro, en que viaxou a New York

Muros: o luns 24 de outubro, acto público comarcal da precampaña do Bng

cartaz acto público muros.pdf Download this file

Muros, 21 de outubro de 2011. O vindeiro luns, 24 de outubro, vaise celebrar un acto público comarcal do BNG no concello de Muros. No mesmo participarán os candidatos do BNG, Mª Xosé Alfonso, Rosana Pérez, Francisco Jorquera e o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.
É un acto enmarcado dentro da campaña ás eleccións xerais do próximo 20 de novembro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cinema: o María Assumpta, de Noia, e o IES A Cachada, de Boiro, premiados no Festival Internacional de Cinema de Ourense

Barbanza e Noia, 21 de outubro de 2011. A creatividade audiovisual dos estudantes das nosas bisbarras resultou premiada esta fin de semana pasada no Festival Internacional de Cinema de Ourense. A curtametraxe (apenas 11 minutos) presentada polos alumnos de cuarto da ESO do colexio María Assumpta, de Noia, levouse o primeiro premio dos "Ouff Escola 2011". Baixo o título "Love Songs" agóchanse cinco historias que se poden ver a continuación:
<p>Love Songs from Ourense Film Festival on Vimeo.</p>
Esta curta xa fora premiada, en varias categorías, noutro certame, o Recurta 2010. Foi artellado polo Equipo de Normalización Lingüística do "María Assumpta" e o xurado valorou nel a promoción de valores da democracia e da tolerancia, ademais da calidade do guión.
O pasado 17 de outubro acudiu a Ourense a recoller o premio unha representación do colexio encabezada por Mónica Maseda (directora do centro), Josema Glez. Canabal (coordinador da actividade e ex concelleiro de Cultura de Noia, onde levou en varias ocasións a organización da Mostra de Curtas) e tres dos alumnos participantes: Ana Moas (actriz e coautora da música), Adrián Suárez (actor) e Marta González (coautora da música).

Mención especial do instituto A Cachada

Ademais, os boirenses do IES "A Cachada" acadaron unha mención especial do xurado "pola calidade dos tres traballos presentados".

Máis información:
http://www.ouff.org
http://www.colexiomariaassumpta.com


PREMIOS OUFF ESCOLA 2011
   
CATEGORÍA INFANTIL
 
1º Premio
"Ser máis libre" (C.E.I.P. O FOXO)
2º Premio
"Informativos telecarballedo" (C.E.I.P. DE CARBALLEDO)
Premio do público
"Ser máis libre" (C.E.I.P. O FOXO)
Premio Blanco Amor ao mellor guión "Un soño reparador" (C.E.P. MARCOS DA PORTELA)
Mención especial do xurado
"Que vén o lobo" (E.E.I. MILLADOIRO)
   
   
CATEGORÍA NON UNIVERSITARIA
 
   
1º Premio
"Love Songs" (COLEXIO MARIA ASSUMPTA)
2º Premio
"O xefe Seattle, salvaxe?" (I.E.S. A ILLA DE AROUSA)
Premio do público
"O abrigo de Marta" (I.E.S. DE ALLARIZ)
Premio Blanco Amor ao mellor guión "Lois Pereiro" (I.E.S. FONTEM ALBEI)
Mención especial do xurado pola calidade dos tres traballos presentados  I.E.S. A CACHADA

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical