12.12.11

Ribeira: presentan a campaña "Panos brancos contra a droga"

  • Os principais actos terán lugar este venres 16 de decembro no polideportivo da Fieiteira
Media_httpwwwasociaci_dyhdu

Ribeira, 12 de decembro de 2011. A campaña que leva por lema “Tómate a Vida dunha Forma Diferente: Mil Razóns para Dicir Si á Saúde” ten coma obxectivo principal sensibilizar á poboación fronte aos problemas do narcotráfico e o consumo de drogas, ofrecendo á mocidade, por ser os/as máis sensibles ás adiccións, alternativas de lecer saudable como a práctica deportiva.

Por este motivo desenvolveranse diversas actividades que terán continuidade ao longo dos próximos meses:

− O próximo día 16 de decembro -venres- a celebración do Torneo Deportivo Panos Brancos entre alumnos de ESO dos centros escolares e institutos de Riveira e Vilagarcía, desprazados para ese efecto, e que terá lugar no polideportivo da Fieiteira. O obxectivo do torneo, no que haberá partidos de baloncesto e de fútbol, non é a competición en si mesma, senón fomentar a confraternización e o lecer saudable, compartido e en equipo.

− Lectura dun manifesto xuvenil a favor dunha vida libre de drogas. A dicotomía entre o modo de vida ao que leva o consumo de drogas e o que posibilitan uns hábitos saudables será o eixo central da declaración de intencións do alumnado, para quen dicir "non ás drogas debería ser a decisión máis fácil da vida".

− Exposición durante a celebración do torneo dunha gran bandeira branca contra a droga, para que poida ser asinada como compromiso dunha vida libre de drogas. Despois trasladarase a todos os centros escolares para ser asinada polos alunmado e finalmente convidarase a facelo a todos aqueles/as deportistas que queiran ratificar o compromiso e apoiar a campaña.

− Nos vindeiros meses, e especialmente coincidindo coa celebración do Día Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas (26 de xuño), realizaranse diversas actividades de sensibilización coa poboación en xeral e os centros escolares en particular.

Razóns para organizar esta campaña de sensibilización

A problemática asociada ó consumo de drogas resulta especialmente inquietante en comunidades como Galicia, na que se asentan numerosas e importantes redes de narcotraficantes. A magnitude do problema que enfrontamos resulta por todos coñecida; superar ou, cando menos, mitigar os seus efectos é un dos grandes retos da sociedade galega.

Dentro das estratexias orientadas a lograr a redución da demanda, destacan especialmente as accións de prevención e sensibilización social, que se revelaron como a máis eficaces para facer fronte á apatía, a banalización do consumo e o alto grado de permisividade e tolerancia que parecen haberse instalado na sociedade.

Panos Brancos contra Droga

Concibida como unha campaña de sensibilización social, Panos Brancos converteuse desde a súa primeira edición no maior e máis contundente movemento social de rexeitamento ás drogas e o narcotráfico, facendo unha aposta en positivo pola saúde fronte ós graves problemas que supoñen as adicións e o tráfico de drogas.

Promovida e organizada pola Fundación Galega Contra o Narcotráfico, a campaña desenvolveuse o longo destes últimos anos a través de diferentes actos públicos mediante os cales os cidadáns pronúncianse en contra da droga e as bandas criminais do narcotráfico, utilizando principalmente a simboloxía de panos e bandeiras brancas como icona visible do seu compromiso.

A campaña diríxese a toda a sociedade galega, con especial atención para o colectivo de mozos e mozas, un dos grupos máis vulnerables fronte a este problema e faise cada ano de xeito itinerante por diversas cidades de Galicia, sendo Riveira este ano o lugar escollido.

No desenvolvemento das diversas actividades que se levarán a cabo dende agora, e rematarán coa conmemoración do Dia Mundial contra o Tráfico Ilícito e o Uso Indebido de Drogas participan a Asociación Antidroga Renacer, Fundación Galega contra o Narcotráfico e o Concello de Ribeira.

Obxectivos:

− Aumentar o grado de concienciación e sensibilización social.

− Contribuír a previr futuros consumos e adiccións, especialmente entre os mozos.

− Incrementar o rexeitamento aos narcotraficantes, eliminando calquera atisbo de benevolencia e permisividade fronte a estes delitos.

− Ofertar un exemplo de comportamento e actitude positiva ante as drogas para mozos.

− Implicar de forma activa a toda a sociedade na tarefa de lograr a desaparición das drogas e o narcotráfico de Galicia.

Participantes:

A campaña deséñase en estreita colaboración con múltiples colectivos sociais, entidades e institucións que apoian e participan en todos os actos programados. Panos Brancos celebra este ano a súa quinta edición, contando co apoio de diversas entidades e institucións, como a FEGAMP, a Xunta de Galicia o Parlamento de Galicia.

Organizan:

Fundación Galega contra o Narcotráfico, Asociación Antidroga Renacer, Concello de Riveira e centros educativos de Riveira e Vilagarcía de Arousa.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: o Concello organiza o Belén de Cumes o vindeiro sábado 17 de decembro

  • O traxecto deste ano é de Tállara a Guiende
  • O belén colócase nun antigo muíño. Ao remate, chocolate con rosca para os participantes
Media_httpmw2googleco_iyucg

Imaxe en Panoramio de Andrés Villar do belén de Cumes de 2005

Lousame, 12 de decembro de 2011. Este vindeiro sábado, 17 de Nadal, o concello de Lousame organiza o Belén de Cumes. Faise unha ruta de seis quilómetros desde Tállara a Guiende, onde se colocan as figuras do belén (este ano nun muiño dos máis antigos da zona) e cántanse unhas panxoliñas. Ao remate tómase unha chocolatada con rosca para todos. Este ano como novidade estrearase unha ruta que se compón de 18 quilómetros e que vai de Tállara ao Iroite e volta. 

O vindeiro sábado, entón, pódese escoller entre a andaina longa e a curta aínda que os primeiros catro quilómetros son comúns nas dúas. Para maior información consulta a web do concello pola semana, en http://concellodelousame.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: case un cento de bibliotecas escolares galegas, entre elas a do "Brea Segade", colaboran co proxecto Bubisher no Sáhara

Rianxo, 12 de decembro de 2011. Case un cento de bibliotecas escolares galegas, varias delas do Barbanza, colaboran co Proxecto Bubisher de bibliotecas no Sáhara. Coincidindo coa recente inauguración da primeira biblioteca pública de Smara, O niño do Bubisher, un grupo de bibliotecas escolares decidiron plasmar o seu apoio ao proxecto co envío conxunto de álbums ilustrados, un desde cada biblioteca, para contribuír a fornecer os dous bibliobuses que circulan polas escolas saharauis e a biblioteca central de Smara


O pasado día 10 de decembro, co gallo do Día internacional dos Dereitos Humanos, publicaron nos seus blogs unha entrada conxunta  para dar visibilidade á situación do pobo saharahui e poñer de manifesto o apoio destas bibliotecas e centros escolares, coma educador@s e bibliotecari@s escolares ao proxecto Bubisher.

As ligazóns ao artigo do blogue do "Brea Segade" no que presentaron o tema á comunidade escolar e a entrada conxunta do 10 de decembro son os que seguen:


Antes, en Certo:


Premio: nacional para a biblioteca do Brea Segade

Pode que tamén lle interese:


Xornadas en Rianxo: o domingo 18, IV Xornadas "Lois Obelleiro"



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: quedou xa inaugurado o tradicional Belén na praza do Emigrante

A Pobra, 12 de decembro de 2011. O pasado venres, 9 de decembro, na Praza do Emigrante, tivo lugar a inauguración do xa tradicional Belén pobrense e a iluminación de Nadal que durante as vindeiras semanas darán un colorido especial ás rúas da vila. Numerosos foron os veciños que se achegaron ata a céntrica praza  para admirar a montaxe do Nadal deste 2011 e acompañar ó alcalde, Isaac Maceiras Rivas, neste momento.

Non faltaron os nenos buscando as figuras dos Reis Magos, os curiosos que trataban de atopar o inevitable caganet e os comentarios sobre a orixinalidade da posta en escea deste ano que, unha vez máis, non deixou indiferente a ninguén.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Museo de Valle acolleu unha mostra de piano no auditorio

 

A Pobra, 12 de decembro de 2011. Como parte do calendario de actos culturais que van ter lugar na Pobra durante este mes de Nadal, tivo lugar esta semana pasada no auditorio do Museo Valle-Inclán unha exhibición musical co piano como insrumento seleccionado para protagonizar este evento. Da man de Ramón Leis como director, os alumnos da Escola de Música actuaron para o público presente interpretando pezas como Para Elisa, Diabelli vs Mozart ou New York.

No acto estiveron presentes o alcalde da Pobra, Isaac Maceiras Rivas, o concelleiro de Turismo, Jesús Dieste, a concelleira de Cultura, Encarna González, e o concelleiro de Festas, Andres Millán.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Liceo Marítimo organiza un baile de maiores o 31 de decembro

  • A seguinte asemblea xeral será xa en 2012, o domingo 15 de xaneiro
Media_httpfarm3static_jeebq

Ribeira, 12 de decembro de 2011. A Xunta Directiva do Liceo convoca a todos os socios ao baile de maiores que terá lugar o último día deste ano, o vindeiro  sábado 31 de decembro, ás 00:30 da madrugada, para despedir o ano e entrar no 2012. Estará amenizado por un trío musical.

Asemblea xeral ordinaria o 15 de xaneiro


Orde do día:
 
 1º- Lectura da Acta da Asemblea anterior e a súa aprobación, se procede.
 2º- Memoria de xestión durante o ano 2.011 e informe económico.
 3º- Informes do Presidente e da Xunta Directiva.
 4º- Elección de Presidente/a.  
 5º- Rogos e preguntas.
 
     Ao remate da Asemblea, a Xunta Directiva convidará aos asistentes a uns pinchos e un viño do país.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

10.12.11

Dodro: Isaac Xubín gaña o premio "Eusebio Lorenzo Baleirón" de poesía

Dodro, 10 de decembro de 2011. Hoxe tivo lugar o fallo do XXIV Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.O xurado outorga o premio por unanimidade á obra "Con gume de folla húmida" ao autor Isaac Xubín (Isaac Fernández Fernández, nado en 1.978 e natural de A Coruña).

O xurado destaca unha tensión poética mantida ao longo do poemario, que permite a fluidez dos versos de xeito natural, cunha mistura da lingua, do tempo e da terra. Cabe salientar a ampla bagaxe lingüística sen exhibicións e naturalidade. Salienta tamén a calidade en xeral das obras presentadas, así como o elevado número, o que pon de manifesto a importancia que este certame ten no ámbito da literatura galega.

Despois do fallo realizouse unha ofrenda floral no cemiterio de San Xulián de Laíño, onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleirón. Á ofrenda acudiu o xurado, Helena Villar coordinadora do certame, Manuel Lorenzo, irmán de Eusebio, Paulino Vázquez, amigo de Eusebio, Marisol Boga tenenta de alcalde do concello e Maximino Rodríguez, concelleiro de Obras. Na ofrenda floral leuse un poema do italiano Cesare Pavese, do seu libro de poemas "Poesie del disamore".

Sen que na nota do Concello nolo poñan, intuimos que dese poemario púidose ler (e se non foi así, vaia como homenaxe ao dodrense Baleirón) "A terra e a morte", que di así:

Virá a morte e terá os teus ollos
-esta morte que nos acompaña
da mañá á noite, insomne,
xorda, como un vello remorso
ou un vicio absurdo-. Os teus ollos
serán unha verba van,
un berro acalado, un silencio.
Así os ves cada mañá
cando soa sobre ti mesma te inclinas
no espello. Oh, querida esperanza,
tamén ese día saberemos nós
que eres a vida e eres a nada.
Para todos ten a morte unha mirada.
Virá a morte e terá os teus ollos.
Será como abandonar un vicio,
como contemplar no espello
o rexurdir dun rostro morto,
como escoitar uns labios pechados.
Mudos, descenderemos no remuíño.


Fallo XXIV edicion Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

9.12.11

Noia: organizan un campamento de nen@s para fomentar a conciliación da vida familiar e laboral

  • A primeira quenda vai do 26 ao 30 deste mes
  • A segunda, do 31 de decembro ao 5 de xaneiro
  • Só para nenas e nenos entre 6 e 12 anos
  • Inscricións: no CIM ata o 22 de decembro
Media_httpfarm5static_jeybd

No campamento os pequenos realizarán varias actividades lúdicas e formativas

Noia, 9 de Nadal de 2011. A Concelleira de Benestar e Igualdade do Concello de Noia, Sofía Caamaño Lado, informa de que a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), vaise pór en marcha un proxecto de fomento da conciliación laboral e familiar. Para comezar, levarase a cabo nestas vacacións de Nadal o campamento de conciliación “IGUALCAMP”, destinado a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos.

    A actividade terá lugar na Casa da Agra (clube de xubilados) e desenvolverase en dúas quendas.

    Cada neno/a poderá inscribirse nunha das dúas quendas, a primeira será dende o luns 26 de decembro ata o venres 30 de decembro e a segunda será do sábado 31 de decembro ata o xoves 5 de xaneiro. O horario será de 10:00 a 14:00 horas.

    As inscricións realizaranse no Centro de Información ás Mulleres, no edificio de  Servizos Sociais, sito no Curro, e o prazo de inscricións será do 12 ao 22 de decembro.

Pode que tamén lle interese:


  Noia: programación cultural do Concello e do Liceo en Nadal

   

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: programan un maratón de fútbol sala do 6 ao 8 de xaneiro

Media_httpfarm3static_necxi

Outes, 9 de decembro de 2011. Xa están as inscricións abertas para o maratón de fútbol sala que se disputará os días 6,7 e 8 de xaneiro no polideportivo municipal do Cruceiro de Roo, no concello de Outes.

O prezo da inscrición será de 50 euros por equipo, que disputarán un mínimo de dous partidos na fase previa de grupos. Poderase efectuar a inscrición de forma electrónica solicitando información no correo electronico maratonoutes@gmail.com ou através da páxina web www.maratonoutes.es.tl.

Se o prefiren, o teléfono de contacto é o 616538589. Os premios serán en metálico: para o primeiro clasificado un premio de 450€ mais un trofeo e o segundo clasificado será de 250€. 

Aseguran os organizadores: "Non se trata dun maratón calquera, xa que os beneficios vanse destinar a unha asociación do concello para realizar distintos actos culturais, deportivos ou de ocio. Dende a organización queremos agradecer a todas as empresas do concello que contribuíron a realización de dito campionato.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

8.12.11

Dodro: programación de Nadal

Dodro, 8 de decembro de 2011. O Concello de Dodro a través das distintas concellerías fai pública a programación de Nadal para este ano, cargada de actividades para todas as idades. 

A programación comeza o día 10 de decembro co fallo da XXIV edición do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón.

O xurado reunirase ás 12h da maña na Casa da Cultura do Concello, coordinado por Helena Villar. O xurado  presidido polo alcalde de Dodro Valentin Alfonsín Somoza, está composto ademais pola secretaria, a concelleira de cultura Cristina Codesido e por Carlos Negro Romero, Román Raña Lama, Rosa Enríquez Noya e Luis Valle Regueiro, este último o gañador do ano pasado da edición XXIII  do Premio. O fallo do xurado darase a coñecer ó público e ós medios ese mesmo día. Despois do fallo farase unha ofrenda floral onde repousan os restos de Eusebio Lorenzo Baleiron no cementerio de San Xulián de Laiño en Dodro.

O domingo 18 de decembro ás 17 h nun acto público farase a entrega do premio no CPI  Eusebio Lorenzo Baleirón de Dodro, coa actuación de Campo de Estrelas. 


Dentro da programación de Nadal a Concellería de Deportes organiza o día 17 de decembro a III Xornada Benéfica Deportiva cun campionato de fútbol 2 x 2 dirixido a todas as idades, circuito pechado para bicicletas e campionato de portería hinchable. Nesta xornada recolleranse alimentos non perecedeiros que serán distribuídos entre as familias con menos recursos do concello. 

Os días 19, 20 e 21 de decembro esta mesma concellería organiza o I Mundialito de Fútbol Sala por aldeas do Concello de Dodro. Terá lugar no pavillón municipal de Dodro e haberá dúas categorías. A inscrición debe realizarse no departamento de deportes. 

As concellerías de Cultura e Xuventude e Familia organizan conxuntamente Teatro para todas as idades para o día 22 de decembro ás 20 h no salón da Paxareira. A obra representada por Os Tolitates titulase “O merlo branco”, é a historia dun pequeno merlo que busca saber quen é. 

Os máis pequenos son os que disfrutarán dunha amplia e variada programación de actividades e obradoiros este Nadal organizadas conxuntamente polas concellerías de Servizos Sociais e Igualdade e a de Xuventude e Familia.

Para a conciliación da vida laboral e familiar haberá Obradoiros infantís nas vacacións de Nadal. Serán na Casa da Cultura do Concello de 16h a 19h do 26 ó 29 de decembro e o 3 e 4 de xaneiro. Dentro das actividades programadas haberá dous días Cine, Globoflexia, Xogos e adornos, Nadal musical e carta ós Reis Magos. 

Como actividades especiais teremos na Paxareira ás 18 horas:

 

O día 23 de decembro Papa Noel recibirá a todos os nenos/as de Dodro, onde ademais haberá títeres e xogos infantís.

O día 30 de decembro gran Festa de Fin de Ano para os nenos/as do Concello. Haberá contacontos o “Trasno Ito”, manualidades, xogos e baile hasta fartar.

E o día 2 de xaneiro o Carteiro Real visitará Dodro para recoller as cartas para os Reis Magos ós mais cativos.  Haberá títeres “Ilri, axudante de Papa Noel”, xogos e animación. 

Celébrase o  I Concurso de Pasteis, Doces e Biscoitos que será o día 5 de xaneiro na praza do concello. Todos os que queiran participar poderán inscribirse no teléfono  981 802 466 antes do 4 de xaneiro. Haberá tres primeiros premios. 

A programación de Nadal rematará coa CABALGATA DE REIS que se celebrará por primeira vez no Concello de Dodro en colaboración con Asociacións do concello e diversas empresas. Sairá do Polideportivo Municipal e rematará na praza do concello, na que estará instalada unha carpa onde os Reis Magos serán recibidos polo alcalde e farán a ofrenda o neno Jesús. A continuación  recibirán as peticións de todos os nenos/as ós que entregarán un agasallo e golosinas. Todos os asistentes disfrutarán dun chocolate con churros e haberá servizo de autobuses que percorrerá todo o municipio.

Antes, en Certo:


  Cabalgata de Reis: colaboración de asociacións de veciños


Concurso: I Concurso de Pasteis e doces o 5 de xaneiro


Un xoguete, unha ilusión: novo programa solidario

Cartel Teatro Merlo Branco.pdf Download this file

Díptico Nadal.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical