16.12.11

Ribeira: a campaña "Panos brancos" contra a droga congregou a 350 rapaces na Fieiteira

    Ribeira, 16 de decembro de 2011- Máis de 350 nenos e nenas de distintos centros educativos de Ribeira acudiron ao Complexo Polideportivo de A Fieiteira para dicirlle non á Droga nun evento –a Campaña Panos Brancos- que estivo coorganizada pola Asociación Renacer, o Concello de Ribeira e a Fundación Galega contra o Narcotráfico.

    Tras a oportuna presentación por parte de Fernando Alonso, xerente da fundación citada, o acto comezou coa intervención de cadanseus autoridades en representación das das tres entidades: María González, presidenta de Renacer; José Manuel Siso, presidente da fundación, e a tenente de alcalde Dolores Elorduy (quen desculpou a ausencia de Ruiz Rivas por estar atendendo outras obrigas como deputado provincial). 

    Acto seguido, unha vintena de rapaces e rapazas leron o manifesto que, baixo o título 1000 razóns para dicir si á saúde” pretende servir para que os máis novos tomen conciencia do problema da drogadicción e se desenvolvan na infancia como logo serán na idade adulta, vivindo no deporte e na aposta pola vida. Unha vez rematado o manifesto, as autoridades convidadas ao evento procederon á firma dunha bandeira branca que simboliza o espírito desta campaña para, a continuación, pasar de man en man este emblema a fin de que todos os asistentes deixaran estampada a súa sinatura.

    Logo tivo lugar unha pequena exhibición de taewondo, un partido de baloncesto mixto entre unha selección de alumnos e alumnas de 1º e 2 de ESO de Riveira e outra de Vilagarcía e un encontro Fútbol 7 entre alumnos e alumnas de 3º e 4º de ESO das dúas cidades: tres espectáculos deportivos que levantaron os aplausos dos participantes.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: do 19 ao 21 de Nadal, concertos dos alumnos do conservatorio profesional

Cartel Concertos Nadal 2011 .pdf Download this file

Ribeira, 16 de Nadal de 2011. O Conservatorio Profesional de Música de Ribeira, dependente da Concellería de Educación do Concello de Ribeira, organiza para a semana un programa de concertos co que se pon fin ao primeiro trimestre de curso 2011/2012. 

O luns 19 de decembro os alumnos e profesores  do departamento de Piano ofrecerán unha audición no salón de actos do Conservatorio Local a partir das 19.00 horas con motivo do 200 aniversario do nacemento do compositor e pianista húngaro Franz Liszt. 

O martes día 20, ás 19 horas, alumnos do conservatorio ofrecerán un concerto na Residencia do Maior de Riveira. O concerto será ofrecido  por distintas agrupacións instrumentais, as cales interpretarán obras de Mozart, Carulli, Diabelli, Diego Bouzón e tamén música tradicional do Nadal. 

O mércores día 21, ás 19.30 horas, no salón de actos do Conservatorio desenrolarase o tradicional Concerto de Nadal protagonizado unha vez máis polos estudantes do centro.  Música de  Saint Saens, Bing Crosby, Scott Joplin, Apocalyptica  e as tradicionais panxoliñas soarán para poñer punto final a este  primeiro trimestre no Conservatorio Municipal. 

Unha vez rematado o concerto os profesores entregarán aos alumnos as cualificacións obtidas nesta primeira avaliación.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: concederán licencia para abrir nova gasolineira nos Carballiños-A Barquiña

Media_httpfarm5static_ecjqg

Foto en flickr de joiseyshowaa

Noia, 16 de Nadal de 2011. A Xunta de Goberno do Concello de Noia otorgará, na reunión do martes día 20 do presente mes, licencia  a EROSMER IBÉRICA (hoxe CECOSA HIPERMERCADOS S.L.) para a construción dunha estación de servizo.

A nova gasolineira estará situada na contorna do centro comercial que a firma EROSKI ten no lugar dos Carballiños-A Barquiña. O orzamento de execución material das obras en cuestión ascende a un total de 800.392,55 euros. A superficie en planta total ascende a 1.795 metros cadrados, e as edificacións ocuparán: o edificio de control 15 m2, o edificio auxiliar 29 m2 e a marquesiña, cunha altura máxima de 4 metros, 189 m2.

Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, o nacionalista Bieito González, "a tramitación do expediente administrativo foi longa, xa que a pretensión da firma comercial tivo que ser sometida á consideración das administracións sectoriais, con competencia sobre este tipo de actividade comercial. A saber: Consellería de Sanidade, Consellería de Medio Ambiente e a maiores o pronunciamento do organismo Augas de Galicia por atoparse, a futura instalación, perto da zona de policía do Río do Porto".

Multa de máis de 3.000 euros por comezar antes de tempo

Paralelamente á  tramitación do mentado expediente, a Concellería de Urbanismo vén de ditar resolución, mediante a cal se sanciona a dita firma comercial cunha cantidade de 3.172,00 euros (correspondente ao 2% das obras efectivamente executadas: movemento de terras, escavación a ceo aberto, facer lousa de formigón para anclaxe posterior de tres depósitos soterrados de 40.000 litros de capacidade, recheos de material tipo pedraplen e gravas, coas 5 bocas instaladas nos depósitos para acceso ao interior dos mesmos), como consecuencia do expediente de infracción urbanística aberto no seu día, por ter comezado a construción da estación de servizo sen a preceptiva licenza municipal.
 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: parte do Rali Botafumeiro transcorre no Araño este sábado 17 de decembro

Media_httpfarm3static_pidee

Rianxo, 16 de Nadal de 2011. Un ano máis a Escuderia Compostela leva a cabo o Rali Botafumeiro, novena proba puntuable para o Campionato Galego de Ralis que pechará o calendario do presente ano 2011. Logo dun aprazamento (ía ser a fin de semana pasada), terá lugar esta fin de semana, cunha proba urbana entre San Lázaro e Santiago pola noite e cos seguintes tramos xa o sábado 17 que comezarán na parroquia rianxeira de Araño, cos horarios que se detallan:

TREITO HORA Fecha Kms
Treito urbán (San Lázaro-Santiago) 20:42 Venres 16  
A1 - Araño 09:08 Sabado 17 14,400
B1 - Rois 09:46 Sabado 17 10,800
C1 - Lampai 10:24 Sabado 17 6,975
A2 - Araño 12:37 Sabado 17 14,400
B2 - Rois 13:15 Sabado 17 10,800
D1 - Sarandón 16:58 Sabado 17 11,275
E1 - Vea 17:31 Sabado 17 10,400
D2 - Sarandón 19:34 Sabado 17 11,275
E2 - Vea 20:07 Sabado 17 10,400

A proba promete ser espectacular, xa que hai 88 inscritos, entre os que destacan os mellores pilotos de rali de Galicia.

Cartel_botafumeiro_2011

LISTA INCRITOS XXIII RALI BOTAFUMEIRO.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o colectivo Borobó organiza unha nova viaxe á neve do 13 ao 15 de xaneiro

Neve

Boiro, 16 de Nadal de 2011. A asociación cultural "Borobó" organiza a primeira viaxe -teñen pensado facer tres este curso- á neve, concretamente a Estación invernal de San Isidro en León.

"Decidimos voltar a apostar por este tipo de actividades dado o éxito acadado o inverno pasado, con máis de 70 usuarios", explica a directiva.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: prosegue o conflicto con Ecoembes, que penaliza a Serra do Barbanza por reciclar moito

Media_httpfarm6static_ngvvx

Camións na planta de reciclaxe de Servia, en Lousame

Lousame, 16 de Nadal de 2011. O presidente de turno da Mancomunidade de Concellos Serra do Barbanza, Rafael Gacía Guerrero, manifestou onte a confianza no apoio da Xunta no conflicto con Ecoembes.

Rafael García Guerrero considera que, durante o problema polo incumprimento de Ecoembes do convenio asinado coa Xunta, a consellería de Medio Ambiente "apoiou sempre aos concellos, e estamos seguros que colaborará ata o final coa Mancomunidade Serra do Barbanza para impedir o incumprimento de Ecoembes. Desde logo e ata o momento só podemos ter palabras de agradecemento cara á Consellería, tanto polo apoio manifestado neste tema, como pola colaboración económica nesta anualidade que xa é de 200.000 euros".

"Ninguén nos pode penalizar por reciclar moito"

Ademais, sinalou que desde a Mancomunidade "temos claro que o único responsable do problema xerado é Ecoembes, que só pretende reducir custes a conta da Mancomunidade. A sociedade Ecoembes ten demostrado un comportamento deplorable de cara á Mancomunidade, entrando nun regateo intolerable e que non será aceptado por este ente. Esiximos que paguen o que nos corresponde, xa que nós estamos a cumprir a nosa parte do convenio, e non imos consentir que ninguén nos penalice por reciclar moito".

Non aos despidos cando adebedan máis de medio millón de euros

O actual presidente de Serra do Barbanza agarda que a Xunta obrigue a Ecoembes a ir a unha arbitraxe "que deixara ás claras o incumprimento que está a facer Ecoembes.Desde logo non aceptaremos os consellos de Ecoembes de despedir xente e de reciclar menos, non estamos dispostos a aceptar tales recomendacións e menos que veñan daqueles que incumpren convenios asinados e que teñen unha débeda coa nosa concesión de máis de medio millón de euros", rematou García Guerrero.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o debuxante Martín Romero lanza "Las Fabulosas Crónicas del Ratón Taciturno", a súa primeira novela gráfica

Boiro, Nadal de 2011. O comiqueiro boirense (natural de Xión) Martín Romero está a lanzar a súa primeira novela gráfica, titulada "Las fabulosas crónicas del ratón taciturno", na editorial Sins Entido, en colaboración con Apa Apa.

 


 

 

 

 

 

Martin Romero - Las fabulosas crónicas del ratón taciturno 


 

Cartoné, 326 páginas,

 

19 x 19,5 cms,  b/n

 

25€

 

 

ISBN 978-84-96722-96-5


 

 


Sinopse:


É a historia dun mozo tímido e inseguro que, trala separación de seus pais, múdase a unha zona rural onde fai amizade cunha rapaza que lle vai axudar a emprender unha particular viaxe iniciática.


 

 

 

Martín Romero é coñecido polos seus traballos como ilustrador e por participar en

revistas de cómic como Argh!, Tretze Vents ou Colibrí. Por fin se atreveu cunha historia longa, e aquí está.


Na editorial agardan que o disfrutedes tanto como eles.

 

 

 


 

Máis información na web de Apa Apa.

 

  


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

15.12.11

Barbanza: aproban a utilidade pública dunha liña de media tensión nos parques eólicos singulares da bisbarra

  • A declaración de prevalencia faise tendo en conta que esta infraestrutura contribuirá á mellora da subministración eléctrica nos concellos da Pobra do Caramiñal, Porto do Son e Ribeira
Media_httpfarm7static_ehyvd

Eólicos da Curota

Barbanza, 15 de Nadal de 2011. O Consello da Xunta aprobou hoxe o acordo polo que se declara a prevalencia da utilidade pública do proxecto da liña de media tensión para a evacuación da enerxía producida polos parques eólicos singulares do Barbanza sobre a que cualifica o monte veciñal en man común Barbanza de Lesón, pertencente á Comunidade de Santa Cruz de Lesón, no concello coruñés da Pobra do Caramiñal.
Esta liña de media tensión contribuirá á mellora da subministración eléctrica nos concellos de Ribeira, Porto do Son e a Pobra do Caramiñal. A superficie total de afección desta declaración é de 36,5 m2 en solo e 11.693 m2 en voo. A Dirección Xeral de Montes da Consellería do Medio Rural propuxo que se informase favorablemente esta prevalencia, de acordo co previsto no Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de montes veciñais en man común de Galicia.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Javier Sierra presentou "El ángel perdido", un bestseller que sitúa á vila en máis de 40 países

  • O autor cedeu os dereitos aos seus editores estadounidenses para que se poida publicar esta novela na Luna e en Marte cando haxa bases alí
  • O libro aborda o mito do Diluvio Universal, con Noia como escenario principal, á que se lle adican máis páxinas que a Santiago e a Turquía
  • Leva máis de 200.000 exemplares vendidos só en España e os países nos que máis está a vender son Estados Unidos, onde chegou a ser número 1 de ventas co seu anterior thriller "La cena secreta" e México

Media_httpfarm8static_ivdcy

Media_httpfarm8static_meucd

Noia, 15 de Nadal de 2011. Os seareiros de Javier Sierra e os seus libros de misterio que se achegaron hoxe a Santa María a Nova, a igrexa na que transcorre boa parte da acción de "El ángel perdido", non saíron defraudados. O autor, un dos que máis libros vende agora mesmo en España, explicou con todo luxo de detalles como se lle ocorrera a trama, onde se adica a novelar e facer entretidos varios misterios sobre os que antes escribía na revista, que chegou a dirixir, Más Allá. 

Introducido pola representante das librerías Ler, Isabel; polo xefe de distribución da editorial Planeta en España, Paco, e polo conselleiro de Cultura, Jerry, o escritor e xornalista Javier Sierra agradeceu que se lle prestara a igrexa das lápidas ou laudas -si el tiempo dilapidas- e mostrouse moi satisfeito de que o último acto de presentación deste libro, que xa circulou por toda España e parte do estranxeiro (acaba de voltar de China), fose en Noia, "principio y fin". Explicoulle aos presentes que a protagonista, Julia, ía chamarse Noela, pero que cambiou o nome por problemas cos idiomas e as traducións (aínda así hai un personaxe na novela que se chama Noela, e é tía de Julia).

Media_httpfarm8static_biygu

Media_httpfarm8static_qekgg

Nun momento da disertación sobre o libro e como foi feito

O autor, que ronda os 40 anos (naceu en 1971) visitara Noia nos anos 80 do século pasado, cando a igrexa "era mucho más oscura y las laudas estaban por el suelo, se pisaba tierra y daba la sensación de que uno podía ser Indiana Jones y en cualquier momento encontrar allí debajo el Grial".

Media_httpfarm8static_iqczj

A tumba de Xoán de Estivadas é un elemento central na acción da novela

O distribuidor de Planeta, Paco Barrera, contou como anécdota que xa viñeran moitos comerciais desta editorial e moitos libreiros tras ler o libro, pois non crían que o escenario fose real e quedaron encantados co que atoparon en Noia e, en concreto, na igrexa de Santa María.

Media_httpfarm8static_zhvqn

Durante máis de media hora, Sierra explicou os pormenores da viaxe desta novela dende que se lle ocorreu ata esta última presentación en Noia. Percorreu no "Sierra Bus" máis de 100.000 quilómetros por España -en Certo informamos da presentación en Almería, grazas ao escritor de Ribeira Jacobo Otero- e xa o lanzou en varios países, entre eles Estados Unidos, onde foi, co seu libro anterior, dos poucos escritores hispanos en entrar no Top 1 de ventas, co seu libro "La cena secreta". En breve estará a tradución ao portugués, para Portugal, pois xa foi traducido ao portugués de Brasil, e tamén vai ter un gran lanzamento en Italia, onde os misterios baseados na Biblia -como é este do Diluvio e Noé- trunfan.

Media_httpfarm8static_stbav

Media_httpfarm8static_jtkgp

Na fin do acto, un representante do colectivo de comerciantes Noia HIstórica agasallou a Sierra cunha lauda en miniatura para recoñecer a súa labor -desinteresada- de difusión de Noia ao metela na súa novela. Tamén foi agasallado polo alcalde cunha imaxe do rosetón de Santa María a Nova, que Javier Sierra asegurou ía poñer na súa mesa de traballo "porque hasta pega con la decoración". Na despedida, o alcalde, Rafael García Guerrero, agradeceu ao escritor a inclusión da vila na novela, non só pola difusión turística e histórica que supón, "senón porque nos axuda a comprender aos noieses o gran patrimonio que temos e que moitas veces ignoramos e non coidamos". 

Media_httpfarm8static_ydiwj

Media_httpfarm8static_mnzkm

Logo das consabidas sinaturas -estivo máis de media hora asinando libros- na igrexa, o autor achegouse ata a Casa do Concello, onde o alcalde o recibiu e lle explicou algúns detalles da casa consistorial e da historia da vila.

Vídeos: advertimos que hai problemas co audio





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o 23 de decembro, festival de danza e música de A Gandaina e do 26 ao 28, Torneo Unicef

Terá  lugar o 23 de decembro no Auditorio Municipal de Riveira 

  • No festival haberá un sorteo benéfico a prol de Paula, a nena de Boiro con agnesia sacra que está a ser tratada en Alemania
  • Empresas de Palmeira doaron máis de vinte obsequios para poder facer esta rifa solidaria
  • Para inscribirse no Torneo de Unicef hai de prazo ata o xoves 22


Ribeira, 15 de decembro de 2011.- O Concello aliouse coa Asociación A Gandaina de Palmeira para coorganizar un ano máis o Festival de Danza e Música Tradicional que este colectivo celebra nas datas de Nadal. Sen embargo, esta edición presenta unha salientable novidade, que consiste en que o desenvolvemento do festival acollerá unha rifa solidaria a beneficio da pequena nena boirense Paula.

O presidente de A Gandaina, Juan José Fernández, e a concelleira de Cultura, Elvira Pisos, ofreceron algúns detalles da celebración do acto. O espectáculo terá lugar o venres 23 de decembro, ás 20.30 horas e, como ven sendo habitual, a entrada é totalmente gratuíta. Participarán en torno a uns 25 nenos e nenas de entre 3 e 15 anos. 

Idea dos rapaces da asociación

Juancho Fernández manifestou que foron os propios rapaces da asociación os que tiveron a idea de que este evento servise para contribuír a apoiar a Paula. A raíz desta iniciativa, a directiva de A Gandaina púxose en contacto con distintas empresas de Palmeira a fin de recabar a súa colaboración, de tal xeito que cos obsequios que estas altruistamente puideran doar, o colectivo tivese ocasión de organizar unha cifra solidaria no transcurso do festival. 

Ata agora xa recibiron unha vintena de obsequios: entre eles,  distintos vales de compra en establecementos comerciais, un mes de clases gratuítas de informática, dúas ceas en restaurantes, rvizos de perruquería, unha cesta de Nadal, agasallos de floristería e ferretería, etc...

Elvira Pisos lembrou que o Concello xa colaborou noutras iniciativas en beneficio da pequena Paula, como a rifa solidaria da sexta Xuntanza do Maior ou a función teatral promovida pola Asociación Francisco Lorenzo Mariño para recadar fondos a prol de Paula, que contou co apoio do ente local. “O Concello seguirá traballando en colaboración con entidades ou outras institucións para pór en marcha novas actividades que poidan contribuír a recadar fondos para axuda a Paula”, concluíu.

Torneo Unicef

Ribeira, 15 de decembro de 2011.- O Polideportivo Municipal de A Fieiteira vai ser escenario durante os días 26, 27 e 28 de decembro da quinta edición do Trofeo Unicef de Fútbol Sala Base, destinado ás categorías prebenxamín, benxamín, alevín e infantil.

Esta acción está  organizada pola ong Unicef coa colaboración do Concello de Ribeira. A inscrición é gratuíta e pódese realizar ata o día 22 de decembro no Auditorio Municipal (teléfono 981 835 650 e e-mail deportes@riveira.com).

O sorteo dos cruces terá  lugar o propio 22 de decembro, ás 13 horas no Auditorio Municipal.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical