23.2.12

A Pobra: asinan un acordo cos empresarios para fomentar a eficiencia enerxética

  • Gas Galicia colaborará na organización de cursos, xornadas e conferencias sobre o asunto

A Pobra do Caramiñal, 23 de febreiro de 2012. O presidente da Asociación de Empresarios de A Pobra do Caramiñal, Manuel Tomé, e o director de Gas Galicia, Javier Orviz, asinaron hoxe un acordo de colaboración co obxectivo de crear un marco de cooperación para actuacións en materia de eficiencia enerxética, como principio básico de xestión da enerxía dos seus asociados.

Así, ambas organizacións levarán a cabo accións de información, formación, divulgación e análise enerxético en materia de eficiencia. Para iso haberá cursos, xornadas e conferencias coa meta de divulgar as vantaxes da utilización do gas natural e a súa aplicación nas diversas industrias.
 




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: actividades do Liceo Pueblense para estes meses

BOLETIN_NUMERO_35.doc Download this file

Máis info en:


Relacionada:

Presentación de libro: o venres 24, "Laura no deserto", no Liceo Pueblense





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Música: convocan "Airiños de Rock&Roll", certame para novos grupos musicais

  • O premio é un concerto na Coruña o 12 de maio, con Leiva como teloneiros

  • Inscricións ata o 23 de marzo na web xuventude.net. Teñen que enviar dous temas de creación propia. Haberá 16 bandas finalistas, entre as que se sorteará unha viaxe de estudo de idiomas ao estranxeiro
  • Os asistentes ao concerto levaranse un curso de inglés en liña e optarán a un sorteo de 15 entradas para acudir ao concerto de Lenny Kravitz o 31 de maio, tamén na Coruña
Media_httpfarm6static_pkhft

Un dos grupos mozos de Barbanza é AreaVasta, de Ribeira

Barbanza-Noia, 23 de febreiro de 2012.- Polos premios, semella que a Xunta quere que os músicos galegos aprendan inglés antes que outra cousa. A Consellería de Traballo e Benestar -hai que lembrar que a Consellería de Cultura non existe xa como tal e foi absorbida por Educación- convoca este ano unha nova edición do concurso ‘Airiños de Rock&Roll’ co que se pretender dar unha oportunidade aos novos grupos musicais galegos. O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentou hoxe na Coruña as bases da nova edición do concurso.

Así, resaltou que co certame premiarase a dous novos grupos galegos cun concerto na Coruña na que os gañadores serán teloneiros de Leiva, o ex cantante de ‘Pereza’, o próximo 12 de maio no escenario central do Coliseum. Na iniciativa poderán participar os grupos musicais que estean formados por mozos e mozas galegos ou residentes en Galicia. Ademais, dous dos membros terán que ser menores de 30 anos.

O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o próximo 23 de marzo. Os interesados poderán inscribirse seguindo as bases que están colgadas na páxina web www.xuventude.net. Ademais, será obrigatorio enviar unha gravación de dous temas de creación propia.

A semifinal do concurso celebrarase o propio día do concerto, o 12 de maio, unhas horas antes da actuación dos dous grupos gañadores. Así, o encontro de novas bandas de Galicia terá lugar na sala de concertos ‘O Túnel’, dentro das propias instalacións do Coliseum da Coruña. Neste escenario actuarán as 16 formacións galegas preseleccionadas. De todas elas, dúas serán escollidas para actuar ás 22,00 horas no escenario central, como teloneiros de Leiva.

As dezaseis bandas preseleccionadas serán elixidas por unha comisión nomeada pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para este fin, que estará composta por músicos e produtores. Pola súa banda, os dous grupos finalistas serán escollidos cos votos das dezaseis bandas preseleccionadas. No caso de empate, será a comisión anterior quen decida.

Outros premios
Os participantes no certame non só competirán por actuar no Coliseum, senón que, ademais, poderán asistir a unha ‘master class’, que correrá a cargo do guitarrista de Miguel Bosé -agora tamén escritor con "El duelista"- Pedro Andrea. O director xeral de Xuventude tamén explicou que entre as dezaseis bandas finalistas sortearase unha viaxe de estudos de idiomas no estranxeiro nun destino a elixir pola banda.

Finalmente, entre os asistentes ao encontro tamén se sortearán 15 entradas para acudir ao concerto de Lenny Kravitz, que terá lugar no propio Coliseum o próximo 31 de maio. Así mesmo, todos os grupos participantes no certame e os asistentes ao concerto serán obsequiados cun curso de inglés online.

Por último, o responsable da área autonómica apuntou que o certame ‘Airiños de Rock&Roll’ inscríbese no programa “xuventudémúsica”, da Consellería de Traballo e Benestar, que ten como obxectivo ofrecer aos novos grupos galegos a súa participación en accións que faciliten a promoción da súa creatividade.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: o Concello, único da bisbarra en sumarse ao Día de Rosalía, este venres 24 de febreiro

Rianxo, 23 de febreiro de 2012. Este venres 24 de febreiro, ás 19 horas no Paseo da Ribeira en Rianxo, fronte ao busto de Rosalía de Castro, haberá unha lectura cívica e libre de poemas de Rosalía de Castro, co gallo do aniversario do seu nacemento. Convócase a toda a sociedade rianxeira a participar e intervir na lectura.

Media_httpfarm3static_safdw

Lugar onde se vai facer a lectura en Rianxo

Proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega: agasalla un libro en galego e unha flor

A AELG quere converter o 24 de febreiro no Día de Rosalía e do Libro Galego. Noutras verbas, facer deste día unha especie de Sant Jordi catalán, data na que os de Catalunya celebran o Día do Libro agasallando aos seus seres queridos cun caravel ou unha rosa e regalándolles un libro.

Como é lóxico, a maior asociación cultural galega, A Mesa pola Normalización Lingüística, sumouse á proposta de festexar o 24 de febreiro como o Día de Rosalía. Está a publicitar na súa web os diversos actos públicos de lectura da obra de Rosalía de Castro, xa que considera que a poesía da Nai das Letras Galegas é "base indispensábel para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural".

Media_httpfarm8static_zrixy

Casa da Concha, en Santiago, unha das varias nas que morou Rosalía


Estes son os actos confirmados até o momento (ademais do de Rianxo):

- Santiago de Compostela, 18:00 h. Panteón de Galegos Ilustres (PDF, JPG).

- A Coruña, 18:30 h. Kiosko Alfonso (PDF, JPG).

- Lugo, 10:30 h. Salón de actos do IES Lucus Augusti  (PDF, JPG).

- Ourense, 19:00 h. Liceo de Ourense (PDF, JPG).

- Ferrol, 19:00 h. Galería Sargadelos (PDF, JPG). Ademais, até o día 24 de febreiro, agasará cun libro e unha flor os clientes que merquen libros.

- Vigo, 19:30 h. Museo de Arte Contemporánea (MARCO)  (PDF, JPG).

- A Rúa, 18:30 h. Biblioteca Pública Municipal, Casa da Cultura (PDF, JPG).

- Pontevedra, 18:00 h. Casa das Campás (PDF, JPG).

- Monforte, 21:00 h. Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos.

- Sabarís, Baiona, todo o día No Mercado da Tía Ni agasallarase a todos os seus clientes e todas as súas clientas cun libro en galego.

- Allariz Libraría Aira das Letras. O 24, 25 e 26 de febreiro, darase como presente unha flor por cada libro comprado.


Máis información na páxina da AELG.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: poñen ao porto local como exemplo para certificar ambientalmente aos peiraos da costa cantábrica

  • O da Pobra, primeiro peirao en Europa en recibir a distinción ambiental "EMAS"
  • Portos de Galicia agarda resultados dunha auditoría que revelarán o grao de efectividade das medidas de conservación ambiental implantadas na franxa entre Ribadeo e Ares

Media_httpfarm8static_fejgd

A Pobra, 23 de febreiro de 2012. Portos de Galicia está a realizar os trámites necesarios para solicitar a certificación ambiental EMAS para os 22 peiraos da costa cantábrica coincidentes coa demarcación administrativa da Zona Norte do ente público. O organismo que preside José Juan Durán está a implantar un sistema de xestión sostible seguindo os parámetros desta distinción internacional co obxectivo de desenvolver unha actividade portuaria eficiente e respectuosa co entorno.

O proxecto parte da satisfactoria experiencia desenvolvida no porto da Pobra do Caramiñal, o primeiro en Europa en recibir esta distinción para o global da súa actividade. Co coñecemento adquirido nesta iniciativa, preténdese extender a proposta, de xeito gradual, ao resto do litoral galego, comezando polos portos da Zona Norte, en base a criterios técnicos.

Nos últimos meses, Portos de Galicia realizou xa a maior parte dos trámites preceptivos para a obtención da certificación. Comezouse coa avaliación ambiental da actividade portuaria que derivou na diagnose dos aspectos base a recoller no novo modelo de xestión. A partir deste coñecemento elaborouse a documentación necesaria para definir o sistema de xestión ambiental, plasmando as directrices a aplicar polo conxunto da comunidade portuaria para cumprir cos requisitos EMAS. Unha vez establecidas as bases da xestión procedeuse á implantación práctica das instruccións teóricas. Deste xeito impuxéronse medidas como o control do consumo de auga e electricidade, o axeitado tratamento dos residuos portuarios, con especial atención á distinción entre os perigosos e non perigosos, ou a instalación de dispositivos de eficiencia enerxética. Así mesmo, desenvolvéronse xornadas de sensibilización do persoal de Portos e membros relevantes da comunidade portuaria. Finalmente, elaborouse a información medioambiental que require a normativa europea que regula as certificacións EMAS.

Media_httpfarm8static_ticcx

Grafitti reivindicativo na Pobra

A día de hoxe, o ente público está á espera dos resultados dunha auditoria interna sobre o funcionamento das novas medidas implantadas. Este estudio revelará o grao de efectividade do sistema implantado e detectará os posibles erros a subsanar de cara á solicitude dunha verificación externa, por parte dalgún dos organismos de certificación acreditados. Unha vez obtida a verificación externa, a Consellería de Medio Ambiente é a encargada da  verificación oficial da certificación de ámbito europeo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

22.2.12

Literatura: a editora noiesa Acha Escrava lanza o novo poemario "Diáspora", da estradense María N. Soutelo

Img_1258trestintasymascontrast

  • A presentación en Noia será o vindeiro venres 9 de marzo

Noia, 22 de febreiro, enterro da sardiña, de 2012. A editorial rexentada polo poeta de Noia e membro do Colectivo Literario Sacou,  Manuel L. Rodrigues, vén de dar a coñecer a saída a librarías do número 2 da súa colección de poesía. Acha Escrava porá á venda o poemario "Diáspora". Trátase da última obra da poeta estradense e residente en Vigo María N. Soutelo, a cal foi gañadora, na edición de 2007, con "Código poético", do XX Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, convocado polo Concello de Dodro. 

A prologuista do libro é a tamén poeta Rosa Enríquez. 

As primeiras presentacións do libro serán as seguintes: 

- 27 de Febreiro ás 19:00:  Santiago de Compostela, na Biblioteca Anxel Casal

- 5 de Marzo ás 20:00:  A Estrada, no edificio MOME (Museo do Moble e a Madeira da Estrada)

- 9 de Marzo ás 20:00: Noia, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos 

(estamos pendentes de máis datas) 

Quen é María N. Soutelo? 

María N. Soutelo, nada en Pontevedra en 1982, é licenciada en Historia pola USC. Participou no proxecto literario "AugasVerso", folla voandeira de poesía do Concello de A Estrada, e na coletánea Poesía Contemporánea Tabeirós-Terra (Edicións Fervenza, 2005). No ano 2008, veu a luz o seu primeiro poemario Código Poético (XX Premio de Poesía "Eusebio Lorenzo Baleirón", Concello de Dodro ), da man da editorial Sotelo Blanco 

Información sobre "Acha Escrava": 

http://achaescrava.blogspot.com/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello saca a concurso o servizo de limpeza en edificios públicos, deportivos e escolares dependentes da administración local

  • A data de presentación de ofertas finaliza o 28 de marzo

Media_httpfarm3static_fgofh

Ribeira, 22 de febreiro de 2012.- O Concello está dando os pasos oportunos en orde a sacar a contratación o servizo de limpeza en edificios públicos, deportivos e centros escolares dependentes desta Administración Local. 

Así, no BOE con data de 21 de febreiro (páxinas 7691 a 7692) anúnciase a contratación do servizo, que terá lugar por medio dun procedemento ordinario aberto con pluralidade de criterios de valoración. 

O prazo de duración do contrato será de dous anos prorrogables e o importe do mesmo de 320.000 euros. 

Para seguir coa tramitación da licitación, nos próximos días será  colgado na páxina web do Concello (no apartado Perfil do Contratante) o prego coas condicións do contrato.  

A data límite para a presentación de ofertas rematará o 28 de marzo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o goberno de Feijóo segue primando a concellos da súa cor política para construír escolas infantís

Dieste_e_mato

  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, reuniuse hoxe co alcalde para anunciarlle unha nova escola infantil con tres unidades e 41 prazas para rapaces de 0 a 3 anos

  • Custará medio millón de euros e 180.000 anuais de mantemento. 
  • Namentres, en Noia, concello non gobernado polo PP, seguen á agarda da proxectada hai xa máis de tres anos


Boiro, 22 de febreiro -mércores de cinza- de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar construirá unha nova escola infantil en Boiro con tres unidades e 41 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Esta infraestrutura suporá un investimento duns 500.000 euros e un mantemento anual de preto de 180.000 euros. Deste xeito, o goberno da Xunta, que preside o "popular" Alberto Núñez Feijóo, segue a primar aos concellos da súa cor política en materia de infraestruturas básicas. En Noia, concello non gobernado polo Partido Popular, paralizouse a construción dunha nova escola infantil proxectada xa polo anterior bipartito e, a día de hoxe, segue no aire. En Ribeira, do PP, tamén se prometeu non hai moito a construción doutra escola infantil.

A titular de Benestar indicou en Boiro que esta escola incrementará as prazas de rede A Galiña Azul nun 40% en Boiro, ata as 143 prazas,o que elevará ata o 74% o peso das prazas sostidas con fondos públicos sobre o total de prazas no concello. A conselleira e o alcalde abordaron ademais  a corrección das deficiencias de climatización da escola A Galiña Azul da localidade, que a Xunta se comprometeu a subsanar.

Mato lembrou que este equipamento forma parte da planificación deste Goberno para o conxunto de concellos de Galicia, que desde o inicio da lexislatura incrementou en 2.100 as prazas existentes na rede de escolas infantís A Galiña Azul, o que supón un incremento do 39% da oferta pública en menos de 3 anos.

A conselleira engadiu que o departamento continuará con ese labor ofertando 1.000 novas prazas máis antes de que remate o 2012. Como exemplo, no mes de marzo inauguráranse cinco novas escolas con 319 novas prazas en diferentes concellos galegos, catro delas na provincia da Coruña.

Así mesmo, a Consellería de Traballo e Benestar tamén apoia ao Concello de Boiro no eido laboral, cunha inversión de preto de 300.000 euros no 2011, para o desenvolvemento de iniciativas como a contratación dun axente de emprego; a inversión de preto de 260.000 euros para a contratación de 24 traballadores a través dos plans de cooperación, o que constitúe un incremento do 13,44% con respecto a 2010; ou o desenvolvemento de actividades de información, orientación e busca de emprego.

Relacionada:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: aberta a preinscrición para a escola de breakdance

  • As clases serán impartidas por "Vella Escola", os especialistas de break de Noia
  • Comeza en marzo a andaina desta nova actividade, pero só se hai un mínimo de 10 e un máximo de 16 inscritos

Ribeira, 22 de febreiro de 2012. O Concello informa de que as persoas interesadas xa se poden anotar na Escola Municipal de Breakdance que se desenvolverá a partir de marzo na Casa da Xuventude. 

O obxectivo principal que se persegue coa presentación da actividade de breakdance é achegar esta disciplina ao colectivo xuvenil e promover os beneficios que conleva a súa práctica habitual. O breakdance entendido como deporte ou baile é unha actividade física recreativa moi interesante e conveniente para a poboación escolar e a mocidade en xeral, posto que a súa práctica habitual proporciona múltiples beneficios relacionados coa saúde e o desenvolvemento das capacidades físicas e psíquicas da persoa. 

A acción está  dirixida a rapazas e rapaces maiores de 12 anos e celebrarase durante os meses de marzo, abril e maio, todos os xoves de 19 a 20 horas. Para que se desenvolva a acción deberá haber un mínimo de 10 e un máximo de 16 inscritos. O prezo dependerá do número de inscritos, oscilando entre un máximo de 14 € ao mes e un mínimo de 8,75 €. 

Imparte a iniciativa a Asociación Cultural e Deportiva Vella Escola, con sede en Noia. 

Ábrese inicialmente un prazo de preinscrición. Os interesados deben dirixirse á Casa da Xuventude situada en Abesadas (teléfono 981 835 289 / e-mail: xuventude@riveira.com). 

Pode que tamén lle interese:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Literatura: prazo ata o 9 de abril para presentarse ao certame poético "Francisco Añón" de Outes

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical