22.3.12

Rianxo: Burromaquia, A bicicleta de Ana María e dous concertos esta fin de semana

Media_httpfarm4static_fjzjh

Burromaquia é un contacontos levado por Ignacio Vilariño
(flickr de Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Rianxo, 22 de marzo de 2012. A programación cultural prevista polo Concello para esta fin de semana é a que segue:
  • CONTACONTOS: BURROMAQUIA organizado pola Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística e o Programa Letras Vivas da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
  • LUGAR: Biblioteca Pública Municipal de Rianxo
  • DÍA: sábado 24 de marzo
  • HORA: 12.00 h
  • TEATRO EXPRESS: A BICICLETA DE ANA MARÍA a cargo do Cadro Artístico Airiños organizado pola Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística.
  • DÍA: sábado 24 de marzo
  • TARAGOÑA: Praza Campo de Pazos 17.00 h
  • ARAÑO: Exterior da Escola de Buía 18.00 h
  • ASADOS: Exterior das Escolas de Atalaia 19.00 h
  • DÍA: domingo 25 de marzo
    • ISORNA: Exterior da Escola de Vacariza 17.00 h
    • LEIRO: Campo da festa 18.00 h
    • RIANXO: Praza Rafael Dieste 19.00 h
    • CONCERTO X ANIVERSARIO organizado pola Escola de Música de Rianxo.
    • LUGAR: Auditorio de Rianxo
    • DÍA: sábado 24 de marzo
    • HORA: 20.00 h
    As entradas poden recollerse unha hora antes do concerto  (máximo 2 por persoa)
    • CONCERTO DA ESCOLA DE MÚSICA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA organizado pola Escola Municipal de Música de Santiago de Compostela.
    • LUGAR: Praza de Rafael Dieste
    • DÍA: domingo 25 de marzo
    • HORA:13.00 h

    ATENCIÓN:

    As propostas, recollidas no folleto da programación cultural publicado anteriormente, A primeira distinción 25 de marzo- Concello de Rianxo e a Mesa Redonda: novos retos da muller na sociedade para o 30 de marzo quedan suspendidas.

    A proposta do Teatro Express: A bicicleta de Ana María, en Rianxo o domingo 25 ás 19.00 h, realizarase na Praza Rafael Dieste e non no Auditorio.

    Antes, en Certo:


    X Aniversario da Escola de Música: concerto o sábado 24


    Semana Santa: actividades relixiosas ata o 9 de abril


    Viaxe: a Xerusalén e Terra Santa, en abril


    Obradoiro: de iniciación musical. Prazo para anotarse ata o 30M


    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    Noia: o PP oponse no Parlamento de Galicia a que se abra expediente pola mala execución do saneamento de 1994

     

    • Tereixa Paz (BNG) afirmou que está "máis que demostrado o mal funcionamento do sistema dende a súa posta en marcha polo que a Xunta non pode eludir esta cuestión”

     

    Noia, 22 marzo de 2012.- Os votos do PP impediron hoxe sacar adiante unha proposición non de lei do BNG reclamando responsabilidades polos defectos na execución das obras de saneamento da ría de Noia.

     

    A deputada Tereixa Paz explicou que andado o tempo, logo de terse construido a estación depuradora, constatouse que o sistema só funciona nunha proporción mínima, atopándose os maiores problemas no colector xeral e nos pozos de bombeo.

     

    A deputada nacionalista lembrou que se trata dun sistema de saneamento deseñado para o concello en 1994, que xa vén arrastrando eivas dende ese ano, polo que a Xunta, a través de Augas de Galicia, decidiu a posta en marcha dun novo procedemento administrativo para redactar un novo proxecto técnico, que obtivo o respaldo unánime do pleno do concello o 15 de Novembro do pasado ano.

     

    O novo proxecto describe unha situación segundo a cal nestes momentos só funciona, conectada á EDAR, a conca que verque ao interceptor sur dende a piscina municipal. O resto dos tramos do colector sofren distintos problemas que impiden o seu funcionamento correcto; o sistema de bombeo que se sitúa sobre o colector está fóra de servizo e só está en funcionamento o bombeo previo á EDAR, situado no Cruceiro de Barro.

     

    Perante esta realidade, e tendo en conta que o concello aprobou unha resolución a favor de reclamar, Tereixa Paz explicou que era lóxico traer este asunto ao Parlamento, “pois hai base suficiente para esixir unha reclamación. Estamos ante unha obra moi necesaria para a vila, mal feita, e a Xunta non pode mirar para outro lado”.


    Relacionada:


    Saneamento: o conselleiro de Infraestruturas presentou a obra dos colectores e aproveitou para cargar contra o Bipartito

    Antes, en Certo:


    Saneamento de 1994: lévano ao Parlamento para pedir responsabilidades






     

    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    A Pobra: o instituto comeza este venres 23 a súa VIII Semana Cultural

    A Pobra do Caramiñal, 22 de marzo de 2012. A inauguración  da oitava  edición da Semana Cultural do Instituto da Pobra terá lugar mañá venres, día 23, ás 12:30 h no Salón de actos do IES , coa presentación oficial do cartel anunciador e do programa oficial de actos.

    Ao longo da vindeira semana os estudantes do instituto pobrense terán ocasión de compatibilizar a súa actividade académica ordinaria cun amplo programa de actos que combinan conferencias,  debates, contacontos, exposicións, obradoiros, proxeccións, talleres de música, competicións deportivas…

    Media_httpfarm2static_xphfn

    Aguia de Harris, ave rapaz empregada en cetrería

    A Semana Cultural rematará o venres 30 cunha exhibición de aves rapaces e cun concerto organizado polo alumnado do centro.

    Invitacin

    PROGRAMA 8ª SEMANA CULTURAL.doc Download this file

    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    Ribeira: charla sobre a prevención do alcoholismo en Carreira o venres 30 de marzo

    Charla_alcohol_carreira

    Ribeira, 22 de marzo de 2012. A AAVV de Carreira organiza a charla "Prevención do Alcoholismo" o venres 30 marzo ás 21:00 na Casa de Cultura de Carreira.




    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    Ribeira: un experto aposta por concellos a dous niveis administrativos, onde unha parte teña servizos supralocais

    •  O catedrático Luís Caramés impartiu unha conferencia en castelán na aula multimedia
    • Considera que a administración municipal actual está obsoleta e cheira a alcanfor
    • Non se opón ás fusións pero prevén contra delas: hai que incentivalas pero non coaccionar, pois moitos concellos obrigados no pasado a fusionarse separáronse logo

     

    Ribeira, 22 de marzo de 2012.- O catedrático de Facenda Pública e Sistemas Fiscais da Universidade de Santiago de Compostela, Luis Caramés Viéitez, impartiu onte unha clase maxistral na Aula Multimedia baixo o título de “A Facenda Municipal: entre a fragmentación territorial e a insuficiencia financeira”.

     

    No transcurso da súa intervención, dunha hora e media de duración, Luis Caramés manifestou que ao seu xuízo estamos convivindo cunha organización municipal obsoleta, sobrepasada pola realidade contemporánea (“la realidad económica, social, cultural, etc. ha variado, pero la armazón de la administración pasada por el tamiz municipal sigue siendo alcanforado”, explicou).

     

    Luis Caramés entende que Galicia padece problemas de fragmentación e despoboamento, e tamén de eficacia e equidade. Non se proclama contrario as fusións (sempre que se vaia pola vía de incentivar, e non de coaccionar: “buena parte de los municipios que fueron obligados a fusionarse, se desfusionaron después”), pero avoga por fórmulas intermedias de cooperación representadas por un dobre nivel de Administración, no que aos servizos e competencias puramente locais se sumen outras supramunicipais en ámbitos que poderían ser, a título de exemplo, o saneamento, a recollida de lixo ou a loita contraincendios.

     

    Non obstante, advirte do perigo de que este segundo nivel perda contacto cos cidadáns e se volva tecnocrático.


    Entre as persoas que se deron cita no local situado na avenida do Malecón estiveron os alcaldes de Ribeira e Boiro, Manuel Ruiz e Juan José Dieste; o senador José Luis Torres, distintos edís e persoal ligado á acción municipal, alumnos da Universidade e público en xeral.

     

    Currículum

    Luis Caramés é doutor en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela. Ampliou estudos na Universidade de Burdeos, cunha bolsa de estudos do Ministerio de Facenda. É catedrático de Facenda Pública e Sistemas Fiscais na USC desde 1987. Foi Decano da Facultade de Económicas da USC e director do seu Departamento de Economía Aplicada. Foi Profesor visitante nas Universidades de Burdeos e Pau en Francia; da Business School de Curitiba, en Brasil. Tamén foi director da Cátedra Bolívar (USC) para as relacións con América Latina.

     

    Co-Editor da “Urban Public Economics Review” e director executivo do Plan Estratéxico de Santiago de Compostela, primeiro Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais e avaliador da Agencia Nacional de Evaluación y Prospectiva (Ministerio de Ciencia e Innovación) e presidente da Organización de Economistas de la Educación (OEE) son outros dos cargos que figuran no seu amplo currículo profesional.



    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    Noia: programación cultural prevista ata maio

    Media_httpfarm8static_pyrcb

    Non o ve abondo grande? Entón ten que premer aquí

    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    21.3.12

    Natureza: Adega cre "demagóxica e chea de trucos" a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 da Xunta

    • Cualifícana de "insuficiente -a Rede Natura máis cativa de todo o Estado-, incompleta e incoherente"
    • Declaracións tallantes dos ecoloxistas: "A Xunta resolveu recurtar drasticamente o patrimonio natural galego para llo entregar ás eólicas, eléctricas, aos promotores e aos donos das canteiras e das piscifatorías"
    • Corrubedo: "Parécenos acaída a incorporación da zona da Laxe Brava, en Corrubedo, feito curiosamente coincidente co resolto nunha rexente sentenza do TSXG que declarou ilegal a piscifatoría prevista nesta zona. Sorprendentemente, outra área con similares valores naturais, a da Penisqueira e a costa de Aguiño (Ribeira), con presenza de hábitats dunares e matogueiras halófitas, fica excluída (hai proposta unha macrodepuradora)", explican dende Adega

    21 de marzo de 2012. Segundo informa hoxe no seu web a asociación ecoloxista Adega, "a proposta de ampliación da Rede Natura 2000 de Galiza presentada pola Xunta en 2011 e cuxa exposición pública vén de rematar, confirma a vergoña de seguirmos coa Rede Natura máis cativa de todo o estado. As afirmacións dos actuais responsábeis políticos que cualificaron esta ampliación de "definitiva" e "completa", amosan claramente non só a súa incompetencia, senón tamén unha ilimitada desvergoña. Trátase dunha proposta claramente insuficiente, incompleta e incoherente, sen fundamentación científica nen legal, apoiada en inexactitudes e xustificada con trucos e demagoxia. A Xunta resolveu recurtar drásticamente o patrimonio natural galego para llo entregar ás eólicas, eléctricas, aos promotores e aos donos das canteiras e das piscifatorías".

    ALEGACIÓNS DE ADEGA Á PROPOSTA DE AMPLIACIÓN DA RN 2000

    CONSIDERACIÓNS XERAIS

    1. Unha proposta insuficiente e trucada: A proposta de ampliación da Rede Natura 2000 apresentada pola Xunta en novembro de 2011 pretende elevar a porcentaxe de territorio galego baixo esta figura de protección dende o actual 12,1% ao 15,2%. Concordando en que, tal como se di na introdución da memoria da proposta, a porcentaxe por sí soa non debe ser determinante para acadar unha correcta representación dos hábitats e especies recollidos nas Directivas DC 92/43/CEE e DC 79/409/CEE, no caso galego a superficie da ampliación proposta non se corresponde coa riqueza e a biodiversidade presente no país e, portanto, incumpre o establecido nos artigos 2.1 e 2.2 da Directiva 92/43/CEE cuxo obxectivo é “…contribuir a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros…”, (art. 2.1), e “…o mantemento e restablecemento nun estado de conservación favorable, dos hábitats naturais e das especies silvestres de interese comunitario…”(art. 2.2).

    Dende ADEGA acreditamos na insuficiencia territorial da proposta presentada para protexer acaídamente a biodicersidade do país a teor, en primeiro lugar, do recollido na páxina oficial [1] da Xunta encol da riqueza da biodiversidade galega por atoparse nunha “zona de transición entre a rexión eurosiberiana e a mediterránea, o que unido a unha variada climatoloxía e á complexidade estrutural, tradúcese nunha flora e faura relativamente diversas”. No noso país están presentes 56 dos 121 tipos de hábitats naturais presentes no estado, entre eles 10 dos 56 considerados prioritarios, que acollen “unha das máis ricas representacións de flora e fauna da Península Ibérica”. Non alcanzamos a entender como Galiza, cunha das comunidades biolóxicas máis diversas de Europa, pode ter incluido só o 12,1% do seu territorio (15,2% na proposta de ampliación) na Rede Natura mentres que Asturias e Castela-León, comunidades veciñas e coas que partilla numerosas características bioxeográficas, teñen acollido baixo esta figura de protección o 29% e o 26% do seu territorio.

    Por iso resulta sumamente chamativo que para xustificar a súa proposta, a todas luces insuficiente, a Xunta pretenda comparar a porcentaxe acadada neste alongamento (15,2%) coas doutros estados europeos, en lugar de facelo coas comunidades veiñas ou mesmo coa media estatal, o 28%.

    Deixando á marxe o feito de que a comparación entre dúas categorías non equivalentes (comunidade autónoma de Galiza e estados europeos) alén de ser pouco rigoroso, podería ferir determinadas susceptibilidades derivadas dun rancio “chauvinismo” por parte da administración e institucións estatais, non deixa de sorprender que á hora de comparar a extensión da Rede Natura entre comunidades autónomas fágase en termos de superficie absoluta e non de extensión relativa. Deste xeito, resulta obvio que as comunidades máis extensas, como Andalucía, Castela-León e Castela-A Mancha son as que tenden a ter máis territorio protexido en termos cuantitativos.

    Todos estes argumentos e subterfuxios no tratamento dos datos non deixan de ser para ADEGA un pobre intento por parte da Xunta para xustificar unha porposta de ampliación misérrima, que en absoluto está á altura da riqueza e diversidade dos hábitats e especies naturais no noso país.

    Media_httpfarm4static_keora

    Outra proba disto é que na introdución do documento faise un percorrido histórico pola tramitación institucional das diferentes propostas e alongamentos da Rede Natura 2000 en Galiza. E neste relatorio é salientábel a ausenza de referenza algunha á proposta de ampiación elaborada pola propia Xunta de Galiza e datada en maio 2008, que se ben non se chegou a tramitar, sí foi obxecto de consulta e debate por parte dos membros do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel (COGAMADES). Esta proposta, considerada polos representantes dos colectivos de defensa ambiental como “de mínimos” visaba un alongamento da Rede Natura galega até o 18,3% do territorio, lonxe aínda da media estatal do 28% e da representación que esta figura ten nas comunidades veciñas (ver figura 1).

    Compriría avaliar tamén as razóns que moveron a un instituto de investigación como o IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural), dependente da USC, a elaborar dúas propostas de ampliación da Rede Natura 2000 galega cualitativa e cuantitativamente diferentes: a elaborada en 2008 e a actual de 2011, máxime cando os membros das equipas redactoras foron prácticamente os mesmos.

    2. Unha proposta incompleta: A teor das incertidumes xurdidas sobre a fundamentación científica da ampliación de 2011, por mor das manifestas diferenzas entre esta e o documento de 2008 (ver apartado anterior), cabe preguntarse se foron os criterios científicos os que inspiraron a actual proposta. Estas dúbidas vense acentuadas polo feito que na proposta de 2008, o IBADER propuña a incorporación de novos tipos de hábitats a teor da actualización da información bioxeográfica, a unha millor interpretación da área mariña e costeira, a unha millor caracterización dos humidais, e a unha tipificación dos ecosistemas boscosos máis acaída á información científica dispoñíbel. En consecuencia, a incorporación destes novos hábitats redundaba nun alongamento da superficie dos actuais LICs e na designación doutros novos. Estas incorporacións están usentes da proposta de 2011.

    ADEGA lembra á administración que “segundo o establecido no dereito mediambiental da UE e confirmado o Tribunal Europeo de Xustiza, a designación de lugares da Rede Natura 2000 só debe facerse segundo criterios científicos”. Tal é a resposta [2] do Comisario Potocnik á pregunta escrita E‑9181/2010 dirixida á Comisión e presentada polo grupo Verdes-Ale do Parlamento Europeo, interesándose pola proposta de ampliación da Rede Natura Galega.

    Na Decisión da Comisión Europea, 2004/813/CEE, do 7 de decembro de 2004, pola que se adopta a listaxe de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Bioxeográfica Atlántica (DOUE L 387, 29/12/2004), formúlase para o ámbito do estado español a necesidade de mellorar a representatividade de determinados tipos de hábitats, contando en Galiza cos tipos prioritarios Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliaris e E. tetralix (Nat-2000 4020*) e as Turbeiras altas activas (Nat-2000 7110*), así como o hábitat de interese comunitario asociado a estes, os Mires de Transición (Nat-2000 7140). Transcorridos 7 anos dende a publicación desta Decisión, e perante a renuencia do estado español e da Xunta de Galiza a ampliar a representividade destes hábitats insuficientemente recollidos no noso país, a Comisión Europea volta a lembrar por boca do Comisario Potocnik e en resposta [3] a unha nova pregunta escrita do grupo Verdes-ALE (E-000364/2011) que “os hábitats de interese comunitario 7110 «Turbeira alta activa» e 7140 «Turbeiras de transición e flotantes» non están suficientemente representados na región de Galiza” polo que o “Reino de España debería designar como LCI [LIC] varias zonas máis para cubrir as insuficiencias observadas en Galiza”. E na Decisión 2006/613/CE da Comisión, do 19 de xullo de 2006, pola que se adoptaba a listaxe de Lugares de Importancia Comunitaria da Rexión Biogeográfica Mediterránea (DOUE L 259, 21/9/2006), especifícase a necesidade de mellorar a representatividade no ámbito do territorio español de distintos tipos de hábitats, estre os cales atópanse dous con presenza en Galiza: os Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Nat-2000 91E0*) e os Prados de sega de baixa altitude (Nat-2000 6510).

    Neste senso, á vista da actual proposta de ampliación e tal como se expón nestas alegacións nos comentarios referentes a cada LIC, o actual documento resulta manifestamente incompleto por non incluir unha acaída representación territorial da totalidade dos hábitats e especies de interese europeo, e moi especialmente daqueles para os que a Comisión ten advertido da súa insuficiencia.

    Como exemplo representativo de que a actual proposta de ampliación non está en absoluto completa, como se ten dito por parte dos actuais responsábeis de Conservación, referimos o caso dos hábitats de turbeiras. Resulta chamativo que malia a estar amplamente documentado na bibliografía científica a presenza destes hábitats na maioría das serras litorais galegas e en particular na Serra do Barbanza, este espazo fica sorprendentemente excluido da actual proposta, cando no documento de 2008 constituiase como un dos LICs máis extensos de nova criazón.

    A información sobre os hábitats de turbeiras, particularmante sobre as turbeiras de cobertor (7130*) coa que conta o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, (Banco de datos da biodiversidade) reflicte tamén a presenza de amplas áreas deste hábitat en Galiza [4], de xeito que o noso país é o que ostenta a maior superficie de todo o norte peninsular. Desgrazadamente, a actual proposta de ampliación da RN 2000 de Galiza non recolle non de lonxe a totalidade da superficie ocupada por este hábitat proioritario, ao contrario do que acontece en Asturies, Cantabria, Euskal Herria e Nafarroa. E, para o caso concreto da Serra do Barbanza, a documentación técnica do ministerio amosa novamente a presenza destas turbeiras.

    3. Unha proposta incoherente: A Directiva 92/43/CEE de Hábitats consagra no seu artigo 3.1 a criazón da Rede Natura 2000 que é considerada “unha rede ecolóxica europea coherente composta polos lugares que alberguen tipos de hábitats naturais que figuran no Anexo I e de hábitats de especies que figuran no Anexo II”. Para millorar esta coherencia ecolóxica, o artigo 10 dispón que os estados membros “esforzaranse por fomentar a xestión dos elementos da paisaxe que revistan primordial importancia para a fauna e a flora silvestres. Trátase daqueles elementos que, pola súa estrutura lineal e continua (como os ríos coas súas correspondentes ribeiras ou os sistemas tradicionais de deslinde dos campos), ou polo seu papel de puntos de enlace (como as pozas ou os soutos) resultan esenciais para a migración, a distribución xeográfica e o intercambio xenético das especies silvestres.” Trátase de que os LICs estean interconectados entre si a través dunha rede de corredores ecolóxicos para garantir a mobilidade natural e, por tanto, a viabilidade dos elementos da biodiversidade presente nestas áreas.

    Para ADEGA, a proposta de ampliación en tramitación "incumpre claramente ambos os dous artigos 3 e 10 da Directiva de Hábitats ao non contar con suficientes corredores ecolóxicos para garantir a conexión entre os actuais LICs. No noso país, a presenza dunha densa e extensa rede fluvial así como as numerosas serras e cordais que cunha orientación preferente N-S que limitan distintas unidades xeográficas, debería ter sido aproveitada na actual proposta para o establecemento destes corredores. Deste xeito acadarían tamén máis representación en Galiza os tipos de hábitats cuxa insuficiencia foi reiteradamente sinalada pola Comisión Europea: as turbeiras e os queirogais húmidos da rexión bioxeográfica atlántica, frecuentes nas serras litorais, interiores, dorsal galega e serras interiores e os bosques aluviais propios dos ríos tanto da rexión bioxeográfica atlántica como da mediterránea".

    Porén, e en comparación coa proposta de ampliación da RN 2000 de 2008, a proposta de 2011 amosa unha ostensíbel carencia de corredores ecolóxicos e, portanto, unha menor coherencia.

    CONSIDERACIÓNS ENCOL DAS AMPLIACIÓNS DE LICs e LICs DE NOVA CRIAZÓN

    En aplicación dos argumentos desenvolvidos no apartado das consideracións xerais, pasamos a sinalar algunhas deficiencias atopadas na actual proposta de ampliación da RN 2000 con referenza a cada espazo:

    1. AMPLIACIÓNS

    Carnota-Monte Pindo: Da actual proposta, e con respeito ao documento de 2008, desbotáronse as conexións entre o espazo interior e o litoral no treito entre O Ézaro e Cee e o que é máis grave, desaparece a prevista ampliación do LIC nas serras litotais de Muros, Carnota, Mazaricos e Serra de Outes, con presenza de humidais e hábitats de turbeiras, o que duplicaría a superficie terrestre deste LIC. Casualmente nestas áreas excluidas están previstos varios desenvolvementos eólicos e canteiras a ceo aberto.

    Fragas do Eume: Segue a ser significativa a ausenza da zona do Pico Vello, amezada por unha explotación mineira a ceo aberto de andalucita. Falla a conexión co LIC Xubia-Castro e coa serra da Cova da Serpe através da Serra da Loba. Ambas as dúas conexións estaban contempladas na proposta de 2008.

    Costa da Morte: Segue sen estar xustificados dende un punto de vista científico e da representatividade dos hábitats e especies presentes nestas áreas os “buracos” e recurtes territoriais nos lugares de Camelle e Arou casualmente coincidentes coa ubicación das piscifatorías “Xandriña” e “Camelle” respeitivamente, previstas no Plano Acuícola.

    Corrubedo: Parécenos acaída a incorporación da zona da Laxe Brava, en Corrubedo, feito curiosamente coincidente co resolto nunha rexente sentenza do TSXG que declarou ilegal a piscifatoría prevista nesta zona. Sorprendentemente, outra área con similares valores naturais, a da Penisqueira e a costa de Aguiño (Ribeira), con presenza de hábitats dunares e matogueiras halófitas, fica excluída (hai proposta unha macrodepuradora). Suprímense tamén con respeito á proposta de 2008 outras áreas no perímetro do Parque Natural de Corrubedo, concretamente  nos lugares de Vixán e A Graña, na contorna da lagoa de Vixán, e que poderían funcionar como áreas de amortecemento e corredor.

    Xubia-Castro: A prevista ampliación deste LIC deixa fóra a conexión coas Fragas do Eume como xa se indicou no apartado correspondente a este espazo.

    Río Tambre: A ampliación deste espazo manteno desconectado do LIC Esteiro do Tambre, do que por certo cáese tamén a inclusión da Illa da Creba e parte da costa de Outes e Boa (Noia). Pérdese deste xeito a oportunidade de conectar todos os espazos da bacía do Tambre a través dun corredor ecolóxico.

    As Catedrais: Queda fóra da ampliación, sen xustificación algunha dende o punto de vista ambiental, o treito de costa no concello de Ribadeo coincidente coa proposta piscifatoría de “Corvo”, do Plano Acuícola, área que ademais podería actuar como corredor entre este LIC e o Río Eo.

    Foz-Masma: Ao contrario do que acontecía na proposta de 2008, a ampliación deste LIC deixa fóra un importante treito de costa no concello de Barreiros, que ademáis o conectaría co LIC das Catedrais, casualmente coincidente cun territorio no que se teñen perpetrado importantes ilegalidades urbanísticas.

    Carballido: A ampliación proposta é moi escasa e, ao contrario da proposta de 2008, deixa a este espazo desconectado dos LICs A Marronda, Negueira e Ancares-Courel.

    Negueira: Ao igual que co LIC Carballido, este espazo fica desconectado dos outros LICs próximos (Carballido, A Marronda e Ancares-Courel) perdéndose a oportunidade de dotar de coerencia ecolóxica a unha importante área das serras orientais

    Baixa Limia-Serra do Xurés: Acúsase unha importante redución de superficie (arredor do 25%) con respeito á proposta de 2008 no concellos ourensáns de Baltar, Calvos de Randín, Verea, Bande e Cualedro.

    Macizo Central: Apresenta unha considerábel redución da súa superficie en comparación co documento de 2008, que atinxe a áreas cunha boa representación de bosques aluviais mediterráneos: Bacías do río Xares (concellos de A  Veiga e O Bolo); do Návea (Pobra de Trives); e a vertente oeste do río Conso (Vilariño de Conso).

    Serra da Enciña da Lastra: Fica na actual proposta desconectado do LIC Ancares-Courel, mentres que na proposta de ampliación de 2008 a Serra de Vilamartín actuaría como corredor.

    Canóns do Sil: Ao contrario do previsto na proposta de 2008, este LIC fica desconectado do LIC Ancares-Courel pola non inclusión dun corredor fluvial ao longo deste río, área actualmente ameazada por varios proxectos hidroeléctricos.

    Ulla-Deza: Este LIC que actualmente abarca dende a desembocadura até a metade do concello de Touro (parroquia de Bendaña)  debería ampliarse até o encoro de Touro (nº 2) para que un dos poucos treitos libres de encoros no Ulla estivera protexido.

    2. LICs DE NOVA CRIAZÓN

    Serra de Foncuberta: Sufre unha importante e inxustificada redución que atinxe ao corredor ecolóxico para a conexión co LIC Negueira, deixando fóra as serras de Liñares, Follabal e Invernal, así como tamén á bacía do Navallo. Este espazo fica tamén desconectado da bacía do Eo, e dos LICs da Marronda e Carballido. Na proposta de ampliación de 2008, estas áreas fican moito millor representadas coa criazón dos LICs “Terras de Burón” e “Bacía do Eo”.

    Brañas do río Calvos: A proposta deste pequeno LIC xunta co das Veigas do Salas e as Brañas de Golpellas supón unha importante merma con respeito ao que na proposta en 2008 supuña a ampliación do LIC Baixa Limia-Xurés, fundamentalmente cara o este, nos concellos de Baltar e Cualedro.

    Serra do Suído: Pérdese unha importante superficie, especielmente no concello de A Lama, sí incluida na proposta de 2008, e coincidente con previstos desenvolvementos eólicos e canteiras. Asemade, a serra do Suído fica desconectada da bacía do Verduxo-Oitavén.

    Serra de Oia: Ao igual que na proposta de 2008, a extensión protexida desta serra litoral non está suficientemente representada atendendo á presenza de hábitats de interese europeos e mesmo prioritarios (turbeiras). A prevista ubicación dos parques eólicos previstos (por exemplo Albariño I e II) semellan condicionar máis a proposta de criazón deste espazo que a necesidade de protexer todos os hábitats naturais de interese.

    Costa de Oia: O mesmo pode dicirse deste espazo con respeito á exclusión das áreas de instalación das piscifatorías de Orelludas e Mougás.

    Illa de Cortegada: Fica desconectada do sistema fluvial Ulla-Deza xa que, ao contrario que a proposta de 2008, non se inclúen o esteiro e os lombos do Ulla nen os litorais de Rianxo, Catoira e Vilagarcía.

    Miño-Neira: Este novo LIC sufre unha importante redución (842 ha) fronte ás 18.210 ha contempladas na ampliación de 2008. Malia á importante representación de comunidades naturais ripícolas, con 5 hábitats de interese europeo, un deles prioritario e especies en perigo de extinción (mexilón de río) que mesmo levou a declarar áreas como a bacía do río Loio como ENIL (Espazo Natural de Interese Local), a actual proposta esquece incorporar esta extensa área fluvial á proposta galega da RN 2000. A maiores, este novo LIC que se estende por un importante treito da bacía do Miño, fica desconectado da Bacía do Eo, o LIC Ancares-Courel e o Canón do Sil, perdéndose a oportunidade de afortalar a coerencia ecolóxica dunha ampla área no centro-este do país.

    Por todo o anteriormente exposto, SOLICITAMOS que tendo por presentadas as presentes alegacións, a Xunta modifique a actual proposta de ampliación da Rede Natura 2000 atendendo aos criterios, propostas e deficiencias sinaladas nelas. En todo caso, dende ADEGA consideramos como documento de mínimos e proposta de partida a ampliación elaborada polo IBADER en 2008.

    Compostela, 15 de marzo de 2012

    Asdo. Fins Eirexas, Secretario Executivo de ADEGA

    SR. CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS



    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    Ribeira: o PSOE local considera que o Concello debía estar na Axencia de Protección da Legalidade Urbanística

    • En toda actividad urbanística deben prevalecer os intereses xerais sobre os intereses particulares dos infractores, sosteñen os socialistas de Ribeira, ante a negativa do PP a ingresar nese ente da Xunta de Galicia
    Media_httpfarm4static_cngfp

    Ribeira, 21 de marzo de 2012. Segundo explican en nota de prensa os socialistas de Ribeira, "o Concello decidiu non formar parte da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), dependente da Xunta de Galicia. O grupo do Partido Popular en pleno votou en contra da proposta feita polo PSOE".

    O portavoz socialista, Andrés Fariña Cadenas, foi o encargado de presentar a moción, que foi apoiada polos grupos do BNG, IPDR e PSOE. O Partido Popular considera que o Concello de Ribeira "ten persoal abondo como para ocuparse da inspección urbanística do municipio. Segundo o alcalde: “dende que existen os ordenadores a tentación de incumprir a lei eu non sei se a ten alguén, alomenos eu non a teño” e por outro lado a concelleira Pouso Maneiro considera que Ribeira “é unha cidade humanizada e habitable” que non precisa destes servizos".

    "A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística colabora con todos estes concellos de Galicia co obxectivo común de velar pola utilización racional do solo conforme á normativa vixente en materia de urbanismo, ordenación do territorio e do litoral. A adhesión á axencia
    suporía unha axuda extraordinaria para o departamento de urbanismo do Concello de Ribeira, que mantén o plan xeral da cidade sen adaptar á actual lei de ordenación urbanística, xerando consecuencias de inseguridade xurídica para os cidadáns neste intre", conclúen dende o Psoe ribeirense.

    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    Noia: este venres 23, concerto de Saxandra


    Noia, 21 de marzo de 2012. O vindeiro venres, 23 de marzo, ás 23:00 horas no Pub Trócolo de Noia, sito na praza do Cantón, actuarán Saxandra, dúo formado por Xandra Pinheiro (acordeón) e Pablo Sax (saxo alto e soprano). A entrada é de balde.

    O repertorio é unha viaxe musical e sentimental polo fado, tango, forró brasileiro ou músicas dos Balcáns entre outras con pingas de improvisación, segundo nos explica Pablo Sax.



    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    20.3.12

    Noia: o alcalde vaise dun acto do conselleiro de Infraestruturas "pola súa falla de educación"

    • A Xunta emprega o servizo de prensa do conselleiro para botarlle a culpa do retraso da variante aínda ao Bipartito (que gobernou por última vez en 2009, hai tres anos) nun acto no que, en teoría, víñanse a presentar os colectores de saneamento
    • Non se deu nin chío do que está a pasar co castro de Taramancos, un xacemento de primeira magnitude que está totalmente silenciado e por enriba do cal pasará un viaduto da variante
    • A variante tiña que estar rematada en xullo deste ano, segundo os pronósticos da mesma Xunta que a licitou. Agora o conselleiro Hernández fala de 2013 e sen concretar sequera o mes. A obra está a realizala Puentes y Calzadas, unha empresa para a que traballou este conselleiro do goberno de Núñez Feijóo dende setembro de 2006 ata marzo de 2008, segundo datos do Rexistro Mercantil

    Noia, 20 de marzo de 2012.- Novo choque entre administradores por causa das obras en Noia. Desta volta, entre o administrador da consellería de Infraestruturas, Agustín Hernández (PP), e o administrador do Concello de Noia, Rafael García Guerrero (PSOE). Ante os ataques á xestión do bipartito na Xunta, que deixou de gobernar hai tres anos (cumpríronse neste mes de marzo), o rexedor noiés foise do acto de presentación, como explicou nun twitt "pola falla de educación do conselleiro Agustín Hernández". Aínda que ao primeiro se deron a man e todo, como se visualiza na imaxe, o alcalde, en declaracións a este xornal, explicou que "ante o uso partidista dun acto institucional e ante o mínimo respecto e consideración entre administracións houben de abandonar o acto. Á miña persoa poden faltarlle ao respecto, pero non podo consentir o máis mínimo desprezo á institución que represento por parte de quen confunde as institucións coa súa eira privada".

    Variante de Noia: moito respeto aos moluscos e pouco ao patrimonio

    Segundo a nota da Xunta, "a execución dos tres viadutos da Variante de Noia, e que supoñen un 88% da infraestrutura, avanzan a bo ritmo. Sobre o viaduto que cruza a ría dende o Porto do Testal ata A Barquiña, o o de maior envergadura, manifestou que se iniciaron os traballos de cimentación e que se están a executar os pilotes.

    As obras avanzan co ritmo normal e apropiado a este tipo de construcións, sen deixar de lado as medidas de control ambiental necesarias e programadas. Recordou que dende o inicio das obras se manteñen controis (a través de postes oceanográficos e turbidímetros) na ría, sen que se detectara ningún dato negativo de cara ao cultivo de moluscos. A Xunta mantén contactos coa Confraría de Pescadores de Noia e coa Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños; e autorizouse un convenio de colaboración para compensar a afección aos recursos marisqueiros". Nembargantes, Hernández non aludiu en ningún momento ao que vai suceder co xacemento do castro de Taramancos, que é atravesado polo viaduto da variante e cuxos restos a un e outro lado da nova vía son numerosos. As escavacións paralizáronse e o Concello de Noia -así como todos os galegos aos que se nos deben explicacións pois un castro é patrimonio de todos- segue sen recibir unha memoria sobre o que alí se atopou, quen o atopou e onde pensan conservalo.

    Unha variante que fai unha empresa "amiga"

    A Xunta de Galicia adxudicou as obras da Variante de Noia por un importe de máis de 38 millóns de euros (38.254.451) á empresa Puentes y Calzadas Infraestruturas, S.L.U. Segundo explicou no seu día o xornal El País, Agustín Hernández, actual conselleiro de Infraestruturas, traballou para esta empresa que está a facer a variante de Noia. Para que non se producisen estas fichaxes escandalosas e faltas de toda ética de cargos públicos por parte de empresas privadas, tivo que ser o Bipartito que tanto denosta agora Agustín Hernández, o que sacase un decreto que impedise que antes de 24 meses -igual que a lei estatal- se producisen estes contratos que evidencian -e segue a suceder en todos os partidos políticos- pagos de favores entre empresas concesionarias e administradores dos cartos públicos.

    Dobre raseiro de Patrimonio

    Como ben se explica no blog "Que pasa en Noia", namentres Patrimonio anda desaparecido no que respecta aos achádegos de Taramancos, buleu rápido para parar a obra dos colectores que presentou esta mañá o conselleiro, pois hai no proxecto unhas tubaxes de cores que afearían a ponte de San Lázaro e a de Noia.

    Solución ao tráfico, disque

    Namentres a Xunta de Galicia se farta de vender que "esta vía suporá eludir o paso polo núcleo de Noia, onde existe unha elevada intensidade de tráfico e circulación de vehículos pesados. A posta en servizo deste tramo mellorará as comunicacións do eixo Santiago-Brión-Noia e, polo tanto, a poboación directamente beneficiada por esta infraestrutura é de máis de 40.000 persoas, que actualmente viven na comarca", veciñanza e técnicos non relacionados con partido político algún dubidan desta solución aos atascos que se producen sobre todo nas fins de semana do verán. Todo dependerá das canles de evacuación de vehículos en forma de rotondas que finalmente se constrúan e a ubicación destas, para que non se produzan colos de botella.

    Datos da obra dos colectores

    As obras da primeira fase dos colectores de Noia contan cun orzamento de máis de 4,4 millóns de euros e que leva a cabo a UTE Movex Vial, S.L. & Abeconsa S.L.U. As actuacións teñen un prazo de execución de 36 meses. Na actualidade xa se ten certificado un 23%.

    A actuación pretende dar unha solución aos problemas que existen en época de chuvia, posto que a rede de sumidoiros existente é unitaria nun 95 por cento, só o Casco Histórico conta con rede separativa. Esta rede de colectores presenta graves deficiencias, como pozos de rexistro con infiltracións; treitos en contrapendente; bombeos inutilizados; colectores por praias ou marxes da ría e algún vertido directo do efluente da EDAR á costa sen condución de vertido.

    Concretamente, as actuacións constan das seguintes infraestruturas:

     
    COLECTORES RESIDUAIS
    COLECTOR SEPARATIVO DE PLUVIAIS
    Colector interceptor norte
    Colector interceptor sur
    2 colectores (423 m.)
    10 colectores (2.888 m.)

    1.656 m. de tubaxe en 17 treitos

    1 bombeo para 41 m3/h.
    5 bombeos

    453 m. tubaxe impulsión

    1.108 m. tubaxe impulsión

    Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

    Twitter

    Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical