26.3.12

Natureza: a Xunta ignora á escribenta das canaveiras que aniña en Dodro como especie en perigo

  • Deberían estar na ampliación da Rede Natura, como especie en perigo de extinción, denuncia Adega
  • Os ecoloxistas galegos cren que ten que ver co megaproxecto de paseo, párking e praia fluvial alí previsto, xa aprobado en tempos do Bipartito


26 de marzo de 2012. Cinco anos despois de ter aprobado o CGEA (Catálogo Galego de Especies Ameazadas) a práctica totalidade da nosa flora e fauna máis fráxil segue sen protección efectiva, denuncia Adega hoxe. Os primeiros 3 planos de recuperación/conservación destas especies (das 200 ameazadas) acaban de ser presentados pola Xunta, logo de que en 2007 licitaranse e elaboráranse varias ducias. "Por iso non deixa de resultar patético que agora que a administración pretende aprobar medidas para recuperar unha especie en perigo de extinción, a escribenta das canaveiras, grande parte do hábitat onde aniña o 3% da poboación mundial desta especie (as brañas de Laíño, en Dodro), quede fóra da ampliación da Rede Natura 2000 do PP. Terá algo que ver o megaproxecto de paseo fluvial, praia e urbanización da contorna presentado por Costas en 2010?", pregúntanse os ecoloxistas galegos.

As agresións perpetradas pola Xunta contra as especies ameazadas e en perigo de extinción non rematan aquí. Tamén a respeito da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica), a administración autorizou rozas sistemáticas dos carrizais e matogueiras na contorna da lagoa da Frouxeira, en Valdoviño, outro dos hábitats nos que aniña esta especie en perigo de extinción. Deste xeito, e á marxe das chafalladas e despropósitos perpetrados pola Xunta neste espazo, denunciadas por ADEGA perante a Fiscalía, o organismo Ramsar e a Comisión Europea e obxecto de investigación por parte do Xulgado de Ferrol, a Xunta cometeu un delicto ecolóxico ao permitir estas rozas que alteraron gravemente o hábitat dunha especie protexida (art. 10.1.b do CGEA).

A Xunta evitou tamén respostar a denuncia de ADEGA sobre a aplicación ilegal de "instrucións técnicas" para o manexo de determinados hábitats especies protexidas. Estes protocolos que están a ser aplicados por parte dos servizos de conservación da Coruña, autorizan actividades que comprometen a conservación de valiosos elementos da nosa biodiversidade e non foron publicados en ningún boletín oficial, carecendo porén de validez legal, segundo explican na súa web os de Adega.

"Esta é a realidade da política de conservación da Xunta: especies ameazadas e en perigo de extinción ao chou; permisividade e despropósitos continuos con actuacións que mesmo conculcan a legalidade; opacidade na xestión e como colofón, ridículo ao presentar un plano de recuperación que pon en evidencia a miserábel ampliación da RN 2000 que propón o PP", rematan, con mordacidade, os ecoloxistas.

Antes, en Certo:




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: pasa a información pública o estudo de impacto ambiental da depuradora

  • Augas de Galicia incide na necesidade de realizar un mellor mantemento da rede e investir nunha nova depuradora así como a reparación do actual emisario de Touro e a separación do caudal industrial do polígono de Xarás
  • Na actualidade o bombeo industrial está rematado, a reparación do emisario de Touro está próxima a ser adxudicada e o estudo de alternativas da EDAR está pasando a tramitación ambiental e prevese licitar neste ano
  • A nova depuradora dará servizo a unha poboación aproximada de 36.000 habitantes, tratando as residuais de Ribeira, Aguiño, Ameixida, Revolta e Castiñeiras, utilizando unha avanzada e eficaz tecnoloxía
  • A Xunta está a executar colectores Xerais e EDAR de Corrubedo cun investimento de máis de 5 millóns de euros

Ribeira, 26 de marzo de 2012.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se somete a información pública o estudo de impacto ambiental do anteproxecto de construción da estación depuradora de Ribeira. Como reiteramos noutras noticias semellantes, é ben pouco ético que a mesma consellería que fai unha obra -Infraestruturas- informe sobre o seu impacto ambiental -Medio Ambiente-, por moito que lle pida os estudos a consultoras, en teoría, "independentes".

Augas de Galicia considerou necesario definir unha actuación integral que tivese en conta o funcionamento actual e futuro das redes existentes e os procesos de depuración, así como a súa influencia na ría de Arousa. Para esta tarefa priorizouse, dentro do “Plan Sectorial de Saneamento Local da Ría de Arousa”, a redacción da planificación correspondente ao concello de Ribeira que se presentou en setembro do ano pasado. Con este proxecto preténdese resolver a situación de saneamento da costa interior do concello, onde viven cerca de 30.000 persoas, e que presenta grandes deficiencias. Actualmente, as augas residuais dos núcleos de Ribeira, Aguiño, Castiñeira, Ameixida e Revolta, verten na punta de Touro cunha escasa depuración a través dun emisario submarino en mal estado.

As conclusións desta planificación resúmense na necesidade de realizar un mellor mantemento da rede e investir nunha nova estación depuradora así como a reparación do actual emisario de Touro e a separación do caudal industrial do polígono de Xarás.

A execución desta planificación é prioritaria para a Xunta de Galicia polo impacto positivo que terá para a ría e o avance que supón no cumprimento da directiva europea. E por isto que o bombeo industrial, que separa as augas do polígono industrias de Xarás, foi rematado pola Xunta de Galicia xa a finais do ano pasado, a reparación do emisario de Touro está próxima a ser adxudicada (foi licitada en xaneiro de 2012) e o estudo de alternativas da EDAR está pasando a tramitación ambiental e prevese licitar no verán deste ano. En total estas actuacións sumadas aos custos de redacción dos plans e proxectos previos necesarios supoñen un investimento de máis de 23 millóns de euros.

Características técnicas da nova EDAR de Ribeira

A nova estación depuradora de augas residuais de Ribeira dará servizo a unha poboación aproximada de 36.000 habitantes. Deseñarase para tratar un caudal medio de 93 l/s que supón 8.035,20 m3/día e poderá depurar puntas de ata 279 l/s.

A EDAR depurará as augas residuais do núcleo urbano de Ribeira, a poboación de Aguiño e as localidades de Ameixida, Revolta e Castiñeiras, utilizando unha avanzada e eficaz tecnoloxía.

En cada unha das dúas liñas de auga previstas existirán 5 procesos. Nunha primeira estación realizarase o desbaste de grosos mediante tamices autolimpadores de 3 mm de paso. Posteriormente, nun tanque rectangular de 72 m3 de capacidade, con ponte areeiro e barreira de graxas, efectuarase o desareado e desengraxado. Rematado este pretratamento, as augas residuais recibirán o tratamento biolóxico, baseado na tecnoloxía de fangos activos de aireación prolongada para utilizará un tanque de 4.500 m3 de capacidade. Unha posterior decantación secundaria que se realizara nun decantador circular de 25 m de diámetro e 1.644 m3 de capacidade permitirá eliminar os fangos xerados polo proceso biolóxico.

A existencia de dúas liñas de auga garante a depuración en caso de fallo ou parada de mantemento de algunha de elas, xa que serán independentes e funcionarán en paralelo. No caso pouco probable dunha avaría nas dúas liñas de auga ao mesmo tempo, o sistema estará preparado para deter os bombeos que achegan a auga á planta, derivando as residuais cara ao emisario submarino de Touro, que é o utilizado na actualidade.

A planta depuradora incorporará tamén una liña de fangos na que se levarán a cabo os proceso de espesado, nun tanque estático con emparrillado xiratorio e 273 m3 de capacidade, e de deshidratación, en dúas unidades centrífugas cunha capacidade de 10 m3/h cada unha. Finalmente para evitar olores levarase a cabo unha desodorización por medio dun filtro con soporte vexetal que terá unha capacidade de tratamento de 7.500 m3/h.

Actuacións complementarias
A Xunta está levando a cabo, paralelamente as anteriores obras contempladas no “Plan Sectorial de Saneamento Local da Ría de Arousa”, o saneamento e depuración dos núcleos que verten ao mar aberto na zona de Corrubedo. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas executa alí o proxecto de colectores xerais e EDAR de Corrubedo cun investimento de máis de 5 millóns de euros.

Antes, en Certo:


Saneamento: Sagres, contra a depuradora en Couso

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: persoas con dependencia e coidadores realizaron unha viaxe á Coruña

Grupo

Dodro, 26 de marzo de 2012. Dentro do programa "Amodiño.Dodro/2012" a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade organizou o pasado sábado día 24 unha excursión para as persoas con dependencia de Dodro.

Visitaron o Aquarium Finisterrae na Coruña cun guía do mesmo, aos que hai que agradecerlles a cesión de cadeiras de rodas o que lles fixo máis doada a visita. Disfrutaron da comida nun céntrico restaurante da cidade para posteriormente visitar a Torre de Hércules, o Castelo de San Antón e unha visita no autobús por toda a cidade. Antes de rematar a viaxe visitaron a emblemática Praza de María Pita, onde está a casa do concello coruñés, e descansaron nas terrazas tomando un refresco. Estiveron acompañados por 6 persoas do departamento de Servizos Sociais que en todo momento estiveron prestándolles axuda para facerlles máis fácil a viaxe e os accesos.

O tempo acompañou e aínda que remataron cansados xa preguntaron pola próxima saída. A Concellería de Servizos Sociais de Dodro aposta por este novo programa para que os dependentes "poidan disfrutar de saídas lúdicas ao longo do ano. A próxima prepárase para o mes de xuño cunha saída en barco", explicou Marisol Boga, tenente de alcalde e responsable de Servizos Sociais de Dodro.

 

Un saúdo

Marisol Boga Grela

Concelleira de Servizos Sociais e Igualdade

Concello de Dodro

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a CIG convoca manifestación este xoves 29, día da Folga Xeral, ás 12:45 na Praza do Peixe

  • O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou os motivos que levaron á central a convocar manifestacións propias o día da folga

Ribeira, 26 de marzo de 2012. "Dende o primeiro momento en que na CIG decidimos promover a convocatoria de folga xeral en Galiza paro o día 29 de marzo, insistimos en que era importante que houbese unha resposta o máis ampla posíbel da clase traballadora galega, e mesmo das outras nacións do Estado, contra esta reforma laboral tan brutal, e nese sentido manifestamos a nosa disposición a pornos de acordo na data coas outras centrais sindicais, coas nacionalistas por suposto, pero tamén coas españolistas (CCOO-UGT), se finalmente tamén elas decidían convocar a folga. Despois de darlle moitas voltas, agardando a que o Goberno español lles abrise a porta a unha negociación da reforma, como iso non foi posíbel, estas dúas centrais sindicais decidiron convocar a folga xeral no Estado para o propio día 29 de marzo, o cal desde a CIG o valoramos como altamente positivo", explicaron dende a Confederación Intersindical Galega (CIG) esta mañá.

O sindicato ofreceu sete puntos para explicar as razóns de "facer ou non manifestacións conxuntas" o propio día da folga xeral, que son os que seguen:

1º.-  A unidade sindical non depende de ir xuntos ou non ese día na manifestación, nin o éxito da folga tampouco, de feito xa temos a experiencia da folga xeral do 29 de setembro de 2010, no que tamén fixemos manifestacións por separado o propio día e cunha participación de xente realmente importante, das maiores de todo o Estado.

2º.- A unidade sindical contra a reforma imos ter que construíla no día a día, empresa a empresa, convenio a convenio, para evitar que a mesma se aplique e aí imos ver ata onde o sindicalismo españolista, CCOO e UGT, están dispostos a enfrontarse a patronal e a facer corpo coa CIG. Isto foi o que lle propuxemos como CIG, aos secretarios xerais de CCOO e UGT en Galiza, sen que lle conseguísemos sacar compromiso algún, fora de declaracións de boas intencións.

3º.- Hoxe xa temos diferenza a hora de enfrontar esta reforma, eles levan esperando semanas para que o Goberno os chame a negociar a reforma, para dulcificala e intentar facela vendíbel socialmente, ao igual que fixeron coa reforma das pensións, pois ese é o seu modelo sindical e sen ese xogo do diálogo social aparente o seu modelo sindical perde sentido. O noso posicionamento chamando á folga xeral é o de esixir a retirada da reforma, pois é evidente que nin esta nin outra reforma van crear emprego, o único que busca este goberno, ao igual que o anterior coas reformas que fixo, é facilitar o despedimento, desregular o mercado laboral e debilitar e desorganizar á clase traballadora.

4º.- Cómpre non esquecer que estas dúas centrais sindicais veñen, e van seguir si lles deixan, facendo unha política permanente de pactos co poder político e económico, mesmo aquí en Galiza coa Xunta do PP, pactos e acordos que están contribuíndo a recortar dereitos, a rebaixar salarios, a aumentar a idade de xubilación, a abaratar o despedimento, a incrementar os beneficios das empresas vía subvencións con fondos públicos, a flexibilizar as condicións de traballo nas empresas ou a centralizar e burocratizar a negociación colectiva e a desmobilizar á clase traballadora, facilitándolle así ao capital a saída á crise económica.

5º.- Na CIG levamos anos enfrontados a este modelo sindical entreguista e de colaboración co poder, facéndolle ver a clase traballadora galega que nós representamos un modelo sindical distinto, tanto desde o punto de vista de defensa dos intereses de clase como de defensa dos nosos intereses e dereitos como parte que somos da nación galega. Isto foi entendido, e está sendo entendido, por un número cada vez maior de traballadores e traballadoras galegas, e así se pon de manifesto na participación nas nosas mobilizacións e tamén no feito de ser a primeira central sindical de Galiza en afiliación, con 75.000 afiliados/as. Pero todo isto  conseguímolo a base de moito sacrificio, de dar a cara nas empresas por parte dos nosos afiliados e dos nosos delegados e delegadas, de arriscarse mesmo a ser despedidos nos procesos electorais, sufrindo o silenciamento e a manipulación de moitos medios de comunicación, mentres outros, gozaban de todo tipo de facilidades e apoio por parte das administracións públicas e da patronal, sen ruborizarse e sen preocuparse pola CIG.

6º.- Se avaliamos mesmo o que está a ocorrer coa convocatoria de folga xeral, os representantes destas dúas centrais sindicais, de momento, só están facendo a convocatoria da folga a través dos medios de comunicación e en algunha gran empresa, quen realmente está a traballar de forma masiva a convocatoria nos centros de traballo e na rúa, ao igual que sucedeu na folga do 29 de setembro de 2010, somos nós a CIG.

7º.- Non parece pois oportuno que unha vez conseguido o importante, que todos convoquemos a folga xeral o mesmo día, vaimos máis alá aparecendo todos xuntos nunha mesma manifestación, dando imaxe dunha unidade sindical que non é real, na que a CIG imos quedar integrados na imaxe e obxectivos destas dúas centrais sindicais, que van querer quitar rédito sindical, xestionando e utilizando o resultado da folga e das manifestacións para as súas negociacións co Goberno. De feito, as direccións estatais de CCOO e UGT, en ningún momento se dirixiron as outras centrais sindicais máis representativas no Estado, caso da CIG, ELA ou LAB, para falar da contestación á reforma laboral, da convocatoria da folga, de cal ía ser a reivindicación a facer (se retira ou negociación da reforma), de que facer contra a reforma despois da folga xeral, etc. Nós, como central sindical, non podemos aceptar este tipo de actitudes, por unha cuestión de respecto e de dignidade.

8º.- Por último, a unidade sindical, a loita contra a reforma laboral e por outro modelo produtivo e económico, ten que darse nos centros de traballo, nos convenios colectivos, aí e onde imos comprobar ata que punto é posíbel pórse de acordo con estas dúas centrais sindicais a hora de pactar alternativas e enfrontarse á patronal, esa é a verdadeira unidade que lle interesa á clase traballadora e que ata agora, en xeral, non existiu, pois temos prácticas sindicais e visións de como enfrontármonos á crise económica moi diferentes. En calquera caso, o importante nestes momentos, é conseguir que a folga xeral sexa un éxito, que ese día as rúas sexan un clamor popular contra esta reforma laboral e para esixir dos gobernos outras políticas económicas e laborais favorábeis aos intereses da maioría social. Como sempre, nese traballo os da CIG imos estar á cabeza da contestación social, coas nosas propias mensaxes e alternativas, orgullosos do que somos, sen confusións nin ambigüidades.


Horarios das manifestacións que terán lugar nas diferentes cidades e vilas galegas no día da folga xeral, 29 de marzo. A mobilización central será en Vigo e nela participará o secretario xeral da CIG, Suso Seixo.

Ribeira: ás 12.45 horas na Praza do Peixe

Vigo: ás 12.00 horas dende o cruce da Doblada

Lugo: ás 12.30 horas dende o parque de FRIGSA

A Coruña: ás 12.00 horas dende a Praza de Vigo

Vilagarcía: ás 12.00 horas dende a Casa do Mar

Compostela: ás 12.30 horas dende a Praza Roxa

Cee: ás 12.00 horas diante do Concello

Pontevedra: ás 12.00 horas dende a Praza da Ferrería

Foz: ás 19.00 horas na Casa do Concello

Ferrol: ás 13.00 horas dende a Avenida de Esteiro (local da CIG)

Xinzo de Limia: ás 11.30 horas na Praza do Concello

Ourense: ás 12.00 horas desde o pavillón dos Remedios

Verín: ás 11:30 horas na Praza do Concello

Cee: ás 12.00 horas diante do Concello

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

24.3.12

Boiro: programa relixioso de Semana Santa

A Pobra: veciños de Vigo visitaron o museo de Valle-Inclán esta mañá

A Pobra do Caramiñal, 24 de marzo de 2012. Da zona de Vigo chegou na mañá de hoxe un grupo de veciños para coñecer as terras da Pobra do Caramiñal. Tratábase de 45 persoas amantes da arte que incluíron na súa visita o paso polas instalacións do Museo Valle-Inclán, onde chegaron dispostos a coñecer o emblemático edificio que pertenceu á familia do escritor ó que hoxe está destinado á divulgación da figura do xenio e a súa obra.

Media_httpfarm4static_aopgn

Non remataron aquí a súa visita, posto que, decididos a pasar boa parte da xornada na vila pobrense e disfrutar nela dunha boa comida, reservaron o tempo suficiente para poder achegarse a outros lugares destacados da localidade como a Igrexa de Santiago do Deán (sede do Divino Nazareno),  o entorno dos pazos do Couto e Aguiar,  e un dos monumentos megalíticos mellor conservados de Galicia, o dolmen de Axeitos, moi cercano á figura de Valle-Inclán porque é ao seu pai a quen lle debemos o seu descubrimento e que hoxe estea catalogado como tal. Sen deixar pasar, por suposto, a oportunidade de subir ó miradoiro da Curota e disfrutar das súas vistas sobre a ría de Arousa.

Pode que tamén lle interese:


Cultura no IES: VIII Semana Cultural, do 23 ao 30 de marzo



Viaxe: a Camariñas, Muxía e Muros o 7 de abril


Solidaridade: I Carreira Solidaria, por Paula, o 7 de abril


Turismo de ida e volta: uns a Madrid e outros dende alí


Política: está o PP ninguneando a este municipio?

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o luns 26 de marzo comezan os cursos de galego (CELGA), con máis de 60 inscritos

Media_httpfarm8static_hfunc

 

Ribeira, 24 de marzo de 2012.- A participación de Ribeira na Rede de Dinamización Lingüística desde o ano 2011, implica a mellora no intercambio de experiencias dinamizadoras e de formación en lingua galega; neste marco inícianse os cursos gratuítos para a obtención da titulación CELGA que se impartirán no concello de Ribeira neste ano 2012.

 

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Cultura e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, promove a formación de persoas maiores de 16 anos que queiran obter a titulación dos Certificados en Lingua Galega.

 

A formación do alumnado, durante un curso de 70 horas, está dirixida a mellorar a súa competencia lingüística, de xeito que ao remataren este período de estudo, estean capacitados para superar as probas coas que acreditar os coñecementos en lingua galega.

 

Os cursos gratuítos impartiranse en horario de 20.30 h a 22.30 h de luns a xoves, desde o día 26 de marzo ata o 31 de maio no CEIP Plurilingüe O Grupo de Ribeira, que cede o uso de tres aulas, fóra do seu horario lectivo, para esta actividade de formación proposta desde o Concello.

 

Data de comezo: o luns, 26 de marzo de 2012.

Duración: 70 horas.

Horario: 20.30 a 22.30 h de luns a xoves.

Lugar: Colexio O Grupo, r/ Miguel Rodríguez Bautista, nº 22 (ao carón do Edificio da Policía Nacional)





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Arte: aos costarricenses gústanlles os gravados de Goya cedidos por Ribeira

  • A mostra, que está tendo unha gran afluencia de pública, vaise prolongar no país americano ata o 10 de maio
  • Hai propostas doutros países americanos para acubillar esta exposición de "Los desastres de la guerra" de Goya e outras que se poidan detraer dos numerosos fondos do Museo do Gravado de Artes, en Ribeira

Ribeira, 24 de marzo de 2012.- Unha semana despois de que o vicepresidente primeiro do Goberno de Costa Rica, Alfio Piva, presidise o acto de inauguración da exposición de Los Desastres de la Guerra, de Francisco de Goya, a mostra está a ser "un rotundo éxito" a xuízo da organización ante a masiva afluencia de visitantes que non queren deixar de achegarse ao Museo Histórico Calderón Guardia para contemplar e aprezar a serie de 82 gravados creados polo xenio aragonés entre 1810 e 1815, pertencentes aos fondos da Fundación do Gravado de Artes, con sede na parroquia do mesmo nome localizada en Ribeira.

A ausencia de datos oficiais en canto a visitantes (que serán difundidos unha vez se clausure a mostra o próximo día 10 de maio), moreas de curiosos, grupos de estudantes universitarios, colexios, afeccionados ás artes e público en xeral non deixa de desfilar polas instalacións museísticas ubicadas na capital da nación centroamericana para admirar esta colección de gravados, que ata hai escasas dúas semanas e durante máis dun século permanecían en formato de libro a efectos de custodia, e que foron separadas e enmarcados un a un expresamente para esta ocasión.

Con estes datos na man, recentemente comunicados pola dirección do museo Calderón Guardia, dependente do Ministerio de Cultura y Juventud, a satisfacción tamén é absoluta por parte do presidente da Fundación do Gravado, o alcalde de Riveira Manuel Ruiz, e polo vicepresidente Javier Expósito, pois se constata a importancia que a nivel internacional se está a conceder a unha institución cultural que conta entre os seus fondos con 26.000 gravados, entre os cales se contan as creacións de mestres da talla de Goya, Dalí, Durero, Rembrandt, Callot, Guayasamin, Ricardo Baroja, os irmáns Carmona, Chagall, e un completo elenco de artistas galegos, como Manuel Ayaso ou Alfonso Costa.

Outros países interesados

Cabe lembrar que no transcurso da estancia dos dous responsables en Costa Rica xa recibiron o interese por parte doutros países de poder albergar esta ou outras coleccións das custodiadas dentro do Museo do Gravado de Artes.

Antes, en Certo:

Arte de viaxe: "Os desastres da guerra", en Costa Rica


Pode que tamén lle interese:


Pleno luns 26 marzo: orde do día


Nova secretaria do Concello: Ángela Viqueira é de Noia


IES Leliadoura: escollido para o PISA 2012


Libro: Antonio Piñeiro presenta "As fiandeiras" o 30 de marzo


Carreira: charla sobre alcoholismo, o venres 30 de marzo


 

Ademais, a expectación causada polo desembarco desta serie de Goya no continente americano evidenciouse nos 200 persoeiros da vida cultural, académica e política que quixeron estar presentes na inauguración da exposición (con dez embaixadores, entre eles a de España, Elena Madrazo, directores dos museos máis importantes do país, catedráticos universitarios, etc...), así como pola recepción no Consistorio de San José que lles fixo a Ruiz e a Expósito o alcalde da capital, Johnny Araya Monge.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Política: o Psoe galego fará unha campaña para rexeitar o copago sanitario aínda que a Xunta non o anunciou nin fixo efectivo

  • O líder dos socialistas galegos emprazou a Núñez Feijoo a atopar novos recursos para financiar a sanidade “mediante os impostos á banca como se fai en Extremadura ou Andalucía”
  • Presentarán propostas no Parlamento Galego, nas Deputacións e nos Concellos de Galicia "para rexeitar que se pague un euro por receita”

Media_httpfarm8static_dille

Socialistas hoxe na Festa da Rosa en Catoira, onde anunciaron a campaña


Catoira, 24 de marzo de 2012.- Pachi Vázquez, actual dirixente máximo dos socialistas galegos, anunciou hoxe que o PSde-PSOE impulsara unha campaña por toda Galicia para rexeitar o copago sanitario na nosa Comunidade. Dixo que presentarán propostas no Parlamento Galego, nas Deputacións e nos Concellos de Galicia para “facer unha proposta clara na que se rexeite que se pague un euro por receita”.Criticou ademais as declaracións da Conselleira de Sanidade e de Feijóo sobre este tema: “os dous din que lles parece ben pero para iso estamos os socialistas galegos, nós dicimos que non o vamos a tolerar”.

O líder dos socialistas galegos fixo esta declaración na vila pontevedresa de Catoira donde participou nas na VIII Festa Socialista da Rosa. Vázquez emprazou a Núñez Feijóo a atopar novos recursos para financiar a sanidade “mediante os impostos á banca, como se fai en Extremadura ou Andalucía”. Sinala ademais que con este imposto poderíanse recadar 60 millóns de euros “que é moito mais do que recadarían cobrándolle aos nosos enfermos e pensionistas”, xa que advirte que “o 80% das receitas son consumidas por pensionistas, os cales teñen como ingresos unha media de 745 por mes, e agora queren cobrar un euro por receita cada vez que van ao medico”.

Preguntado polos xornalistas sobre o acordo da Xunta de Galicia coa empresa Brenntag, por mor do verquido ocorrido en Caldas de Reis cualificou de “escándalo” que “lle regalen a unha multinacional alamana 5 millóns de euros”. Lembrou que a Xunta de Galicia investiu naquela catástrofe 9 millóns de euros, “que non son danos hipotéticos, son facturas que pagou o pobo galego e os cidadáns deste país, e agora vén o goberno de Feijóo e decide que lle perdoa a metade”, resumiu.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

23.3.12

Ribeira: a noiesa Ángela María Viqueira Allo é a nova secretaria xeral do Concello

Secretaria_xeral

  •  Tomou posesión este venres 23 de marzo

 

Ribeira, 23 de marzo de 2012.- Hoxe venres tomou posesión como secretaria xeral do Concello de Ribeira, Ángela María Viqueira Allo.

 

Nacida en Noia, Ángela Viqueira é licenciada en Dereito e habilitada nacional. Anteriormente desempeñara o cargo de secretaria xeral en Rois e en Cambados.

 

O próximo luns 26 de marzo, Viqueira Allo afrontará o seu primeiro pleno ordinario da Corporación Municipal. Tamén será presentada polo alcalde aos voceiros municipais.





 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical