2.5.12

Ribeira: están a escoller tres técnicos para atender as oficinas de turismo no verán


 

Ribeira, 2 de maio de 2012.- O Boletín Oficial da Provincia do día de hoxe, 2 de maio, recolle un anuncio polo que se informa a convocatoria de proceso selectivo para a contratación laboral temporal de tres técnicos para a atención das oficinas municipais de turismo situadas en Ribeira.

 

As solicitudes para tomar parte neste proceso selectivo faranse mediante instancia que se presentará no Rexistro Xeral da Corporación durante un prazo de dez días naturais, que se iniciará a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no BOP.

 

O obxecto da convocatoria é a contratación dos tres técnicos indicados por un proceso de selección de oposición libre para a atención das oficinas turísticas por un período de tres meses coincidentes co período estival: dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro.

 

Entre os requisitos necesarios para poder aspirar a unha das tres prazas, figura a de ter cumpridos os 16 anos de idade e estar en posesión do Título académico de Formación Profesional de Ciclo Superior de “Información e Comercialización Turísticas”, “Animación Turísticas” ou “Axencias de Viaxes”. Tamén serán admitidos os diplomados ou licenciados en turismo e licenciados universitarios na rama de humanidades.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: deportistas de taekwondo que participarán nos Xogos Olímpicos de Londres entrenaranse neste municipio

  • Entre os motivos para animalos a prepararse en Ribeira está "a calidade dos sparrings". En Ribeira hai moi bos deportistas desta especialidade, que cada ano colleitan máis éxitos nas súas competicións internacionais

Suvi Mikkonen vén dende Finlandia

Ribeira, 2 de maio de 2012.- Distintos deportistas do máis alto nivel, practicantes da especialidade de taekwondo, escolleron este municipio e o Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra para afinar a súa preparación de cara a súa participación de nos Xogos Olímpicos de Londres 2012.


Bineta Diedhiou, en Senesport.info

O primeiro olímpico en chegar foi a senegalesa Bineta Diedhiou, clasificada en – 57 kgs (tamén o fixo Balla Dieye, medallista mundial en - 68 kgs, para preparar os Xogos francófonos). Así mesmo, recalou na Comunidade galega o equipo de Guatemala (con sete membros, entre os que destacan a recente medalla do mundial júnior de Exipto a cargo Francisco Palacios e o deportista de para Tae Kwon Do e medalla mundial Gerson Mejía).


Combate de Gabriel Mercedes (o máis moreno)

Proximamente chegará o medallista olímpico Gabriel Mercedes (República Dominicana, clasificado para Londres 2012 en – 58 kgs), a Finlandesa Suvi Mikkonen (clasificada para Londres – 57 kgs) e o equipo de Marrocos, dirixido polo ex adestrador do CGTD Jesús Benito con tres clasificados para a Olimpíada: Sanaa Atabrour (- 49 kgs), Wia Dislam (+ 67 kgs) e Isaam Chernoubi (- 80 kgs).

Tamén está pendente de confirmación a campiona olímpica María Espinoza (México – clasificada Londres + 67 kgs), quen en vindeiras datas concretará esta viaxe. Á hora de decantarse por Ribeira e Pontevedra para ultimar a súa preparación, predominaron como motivos a calidade dos deportistas que exercen de sparrings, a tranquilidade e posibilidade dunha máxima concentración de cara os adestramentos, as instalacións e recursos materiais existentes, as facilidades que dende os centros de adestramento se lles ofertan e a proximidade entre todos servizos necesarios para a vida cotiá destes deportistas (ximnasio – centros médicos e hospitais – fisioterapia). Está previsto que o Concello faga en próximas datas unha recepción oficial a estes deportistas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra do Caramiñal: o Psoe non vai á comida dos vellos deste venres por considerala prescindible "e máis nestes tempos de graves recortes"

A Pobra, 2 de maio de 2012.- A voceira do PSdeG-PSOE da Pobra do Caramiñal, Teresa García Guillán, informou nunha nota de prensa que non asistirá ao XIII Xantar dos Maiores, "organizado polo Goberno do PP da Pobra que se celebrará o venres 4 de maio, no Polideportivo Municipal de Venecia por solidaridade cas persoas que están pasando necesidades, por entender que debemos distribuír os cartos dos veciños ca maior dilixencia, por coherencia e por convicción".

Segundo a voceira socialista, "desde o Goberno do Estado estanse a facer recortes que afectan a toda a poboación e de maneira moi especial ao colectivo dos maiores. Faise a máis importante agresión ao Sistema Público de Saúde dende a chegada da democracia co pago de medicamentos por parte dos pensionistas, obrígase aos usuarios a pagar as ortoprótesis (cadeiras de rodas, muletas e calzas, xeonlleiras, tobilleiras), obriga tamén a pagar os produtos dietéticos, por exemplo vai a afectar a alimentación nutricional que se lles subministra por vía oral ou por sondas de alimentación ós grandes dependentes e desnutridos, afecta ao transporte sanitario non urxente,  aos maiores de 26 anos que non cotizan á Seguridade Social que perden o seu dereito á asistencia sanitaria, a Dependencia, afecta gravemente a educación, a investigación, repercute no nivel de vida das familias coas subidas do gas, da luz, co IRPF e un longo etcétera.  Son tantos e tan graves os recortes que a Administración Local debe racionalizar e priorizar os recursos dos que dispón: hai actividades ás que se pode renunciar por ser prescindibles ou posiblemente as realizan por facer escaparatismo e propaganda política".

Débedas pendentes de 2007 nunhas comidas que si paga o Concello

Segundo explica Teresa García Guillán, "na relación de facturas con data de emisión 2 de marzo de 2011, facilitada pola intervención do Concello a día 2 de marzo de 2012 aparece aínda sen pagar “Resto xuntanza 3ª idade 2007” 11.590,40 e “comida 3ª idade 2010” 11.932,11 euros, sumadas estas cantidades ao  resto de comidas oficiais do equipo de goberno teñen unha débeda de case 30.000 euros en gastos dos que se poden prescindir como unha inauguración dun paseo que nos valeu aos Pobrenses 1.043,25 euros. Hai que ter en conta que xa pasou máis dun ano desde esa última fiscalización polo tanto a débeda seguiría aumentando tanto no gasto en festas como no resto de conceptos".

E conclúe: "Por solidaridade coas persoas que están pasando necesidades, por entender que debemos distribuír os cartos dos veciños ca maior dilixencia, por coherencia, por principios, non asistirei a dito xantar. Non é falta de respecto aos maiores que asistan, nin desprezo por un día que se reencontran e que o pasan ben é unha cuestión de establecer prioridades e dedicar eses recursos a cubrir as necesidades básicas da poboación como poden ser atender a dependentes. Desde o goberno de España están esixindo continuos esforzos ás familias pero estarían nunha mellor situación si as Administracións deran exemplo ca elección das súas actividades".

Opinión de Certo:

Onte mesmo fíxose unha comida para a terceira idade en Porto do Son, con paseo de autoridades incluída, neste caso o conselleiro de Infraestruturas, Agustín Hernández, xa que no concello goberna agora o PP. Este tipo de actos de propaganda afectan a todos os partidos (dende os celebérrimos bailes nestas comidas do antigo dirixente do Bng Anxo Quintana ata moitos concellos do Psoe, pero sobre todo ao PP, pois goberna a grande maioría de concellos desta terra). Son gastos que non teñen razón de ser, pois estase a discriminar -e aproveitar politicamente- a unha parte da poboación fronte a outras. Por que non comidas para mozos? Potitos para bebés agora que sacaron os cheques? Churrascadas para os autónomos, que son os que sosteñen o país? Delicatessen para os empresarios locais, que son os que dan traballo? E así ata o infinito: é un sinsentido, un diñeiral que sae do peto aos contribuíntes, aínda que algunha xefa de prensa intente despistarnos, enganarnos e facerse a escandalizada por lle chamar ás cousas polo seu nome.

Onte mesmo, no twitter, discusión entre un dirixente do PP e outro do Psoe sobre o mesmo:



Pode que tamén lle interese:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o venres 4 de maio inaugúrase mostra de escultura e pintura de Manuel Teira no Pazo de Xunqueiras

Pobra_mirada_da_luz


Torre Xunqueiras foi empregado para múltiples usos na súa longa historia. Na imaxe, como plató de cinema para un documental sobre Valle-Inclán

A Pobra do Caramiñal, 2 de maio de 2012. Este vindeiro venres, 4 de maio, ás 20:30 horas terá lugar a inauguración da mostra "A mirada da luz", do escultor e pintor pobrense Manuel Teira, no Pazo Torre dos Xunqueiras.

"Nunha iniciativa insólita na comarca do Barbanza, os empresarios Pablo Pouso e Javier Pouso ( propietarios do restaurante Lagar), chegaron a un acordo co escultor pobrense Manuel Teira, e ceden un espazo expositivo permanente no Pazo Torre dos Xunqueiras, onde, a partir do día 4 de maio se vai poder contemplar de xeito permanente a obra deste prolífico autor da Pobra do Caramiñal", explican os organizadores, que cren que "iniciativas coma ésta, sen dúbida, incentivan e dotan de imaxinación este local hosteleiro, enmarcado nun dos edificios históricos máis sobresaíntes da comarca do Barbanza, a Torre fortaleza de Xunqueiras. Pazo dos Xunqueiras, este local de restauración, a partir de agora compaxinará  gastronomía e cultura. A creación deste espazo alternativo gastronómico-cultural vai marcar unha referencia no Barbanza e ofrecéralle aos seus clientes a posibilidade de recrearse entre os sabores e a arte".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

30.4.12

Ribeira: orde do día do pleno deste mércores 2 de maio

Pleno.doc Download this file

  • Tomarán posesión como edís os novos concelleiros do Bng, logo da desbandada producida este ano

Outros temas que se van tratar foron abordados por Certo nestas novas:


Saneamento: Xarás precisa de depuración propia, sostén o Bng


Concello: vehículo social, microcréditos e remate de obras en Cervantes

Pode que tamén lle interese:





 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: o Concello de Ribeira organiza torneos de fútbol a pares

  • Este ano deixan de ser endogámicos: aceptan equipos doutros concellos no de fútbol afeccionado

Ribeira, 30 de abril de 2012. O concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez e representantes dos clubs Atlético Riveira, Sálvora CF e Xuventú Aguiño (Primitivo Sampedro, Ramón Martínez e José Manuel Vilas) presentaron hoxe a 7ª edición do Trofeo Cidade de Riveira de Fútbol Afeccionado e a 17ª do Trofeo Concello de Fútbol Base: dúas competicións organizadas pola área municipal que dirixe o edil Juan Luis Martínez Queiruga que van ter lugar a partir de mañá en dous escenarios: os campos de herba sintética de A Fieiteira e A Tasca.

Como novidade deste ano hai que salientar que se permitiu a participación de elencos deportivos procedentes doutros municipios. Concretamente, o Xuño, o Crocha e o Porto do Son.

Polo que respecta ao Trofeo Cidade de Riveira de Fútbol Afeccionado, oito son os equipos participantes: CD Artes, Olveira CF, Atl. Riveira, SH Palmeira, Atl. Oleiros, SD Xuño, Xuv. Aguiño e Sálvora CF.

Mañá 1 de maio terán lugar os cuartos de final, mentres que as semifinais están programadas para o 17 de maio e a final para o 27 de maio.O Atlético Riveira foi o gañador da edición de 2011.

Fútbol base

En canto ao Trofeo Concello de Fútbol Base, haberá tres categorías: infantil, cadete e xuvenil, das cales a primeira das citadas dará comezo mañá cos cuartos de final (nas outras dúas modalidades esta rolda está prevista para o 9 de xuño).

O edil Juan Luis Martínez destacou o carácter eminentemente formativo que teñen estas dúas competicións.




Emparellamentos trofeos Concello.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: novos cursos de alfabetización dixital en parroquias, do 7 de maio ao 28 de xuño

  • Nesta fin de semana houbo unha actuación musical dun dúo ao piano
  • O prazo para inscribirse nestes cursos abre o 2 de maio

Ribeira, 30 de abril de 2012.- Despois de que hai dez días se procedera á clausura dos Cursos de Alfabetización Dixital celebrados durante o primeiro trimestre de 2012, o Concello informa de que este mércores 2 de maio se abre un novo prazo de inscrición para participar nunha nova convocatoria da iniciativa, que este vez terá lugar en catro parroquias do municipio: Artes, Corrubedo, Olveira e Ribeira.

Estes cursos, de 30 horas de duración, son gratuítos e están abertos ao público en xeral, aínda que son especialmente indicados para certos colectivos como maiores, amas de casa, inmigrantes ou parados.

As clases estenderanse dende o 7 de maio ata ao 28 de xuño e os interesados en anotarse poderán facelo entre o 2 e o 4 de maio na Aula Multimedia (planta baixa da confraría de Pescadores) de mércores a venres en horario de 10 a 13.30 horas. O número de teléfono é o 981 876 043. Hai que matizar que as clases de Olveira son unha continuación das que xa se levaron a cabo no anterior trimestre.

Actuación musical

Xa cambiando totalmente de asunto, o nutrido público congregado no Conservatorio Profesional de Música quedou marabillado coa actuación do dúo ourenán Dedosd2 que, composto polos pianistas Marta Blanco Pascual e Xoán Iglesias Losada, ofreceu un concerto de piano a catro mans na instalación municipal de Santa Uxía.

Estudantes e profesorado do centro e público en xeral (tamén estaba presente a concelleira de Educación, Maricarmen Vizcaya) escoitaron con atención un recital que estaba comporto por creacións de de Wolfgang Amadeus Mozart Mozart, Antonin Dvórak e Samuel Barber.






 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o Concello pon unha centraliña en castelán, incumprindo a lexislación en materia lingüística

30.04.12.-PREGUNTAS BNG INCUMPRIMENTO LEXISLACIÓN LINGÜÍSTICA POLO CONCELLO.doc Download this file

Media_httpfarm4static_lxbls

Pintada vista na Pobra en 2008. Ignoramos se continúa

A Pobra, 30 de abril de 2012. O Bng vén de presentar no Concello unha serie de preguntas para o seu debate e resposta no pleno do vindeiro mes de maio. Desta volta refírense ao incumprimento, por parte do Goberno Municipal, da lexislación vixente en materia lingüística. No escrito faise referencia "a outras épocas xa vividas no noso concello e que, moitos e moitas non queremos revivir pero a verdade é que, dende hai xa tempo, percibimos que o Goberno local do PP é cada vez máis laxo nesta cuestión. Non é a primeira vez, por exemplo, que o BNG pon de manifesto que se está a incumprir a normativa lingüística vixente e, polo tanto, a impedir á cidadanía e aos seus representantes nas distintas Administracións, o seu dereito a comunicarse coa Administración na súa lingua", aclaran os nacionalistas.

 
"Informes técnicos, contratos da administración local, discursos dos representantes públicos, publicidade, etc., só en español son exemplos que se veñen sucedendo e que agora teñen continuación coa centraliña telefónica instalada no Concello. Consideramos que, nestes tempos complexos para os galegos e galegas, para o desenvolvemento e total normalización da nosa lingua á que o PP pon cada vez máis impedimentos, non debemos obviar ningunha acción, por pequena que sexa, para reclamar o que nos pertence: Podermos vivir en galego na nosa propia Terra", rematan.







Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Festa da Dorna deste ano xa comeza a definirse

  • En 2012 conmemóranse as vodas de prata das peñas fundadoras, que levan 25 anos dando o callo e tocando o c...
  • A festa cadra este ano (fagan axenda, logho non dighan) do 20 ao 24 de xullo, co baile de gala final o 28 de xullo
  • Queda aberto o prazo para presentarse aos premios A Jata Ruín de la Praia (deseño de camisolas e suadeiras) e Salvador Daquí (cartel da festa)
  • A seguinte asemblea é o 19 de maio, sábado

Obxecto voante non idiotizado na Festa da Dorna

Ribeira, 30 de abril de 2012. O pasado sábado, 28 de abril, a A. C. Real e Ilustre Cofradia da Dorna convocou a primeira asamblea de peñas de cara á organización da LXIV Sinjladura da "Festa da Dorna" na cal se celebrará o 25 aniversario das peñas fundadoras.

Nesta asemblea, á que acudiron 23 representantes de 14 peñas, escolleuse por votación a man alzada a cor da sudadeira, que este ano será malva, cun resultado de 16 votos a favor. Outro dos puntos do día foi a presentacion dos días da festa que este ano dará comezo o venres 20 de Xullo e rematará coma tódolos anos o 24 de Xullo, sendo o Baile de Gala o sábado 28 de Xullo.


Obxecto flotante con dorneiros estresados a babor

Por último, abriuse prazo para presentar tanto os deseños para a sudadeira (Premio A Jata Ruín de la Praia) como o cartel da festa (Premio Salvador Daquí), que se escollerán por votación a man ergheita na vindeira asemblea de peñas que está prevista para o sábado 19 de maio.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Sociedade: o "Tahúme" de Ribeira e "Vai de Roda" de Rianxo, gañadores no certame de baile tradicional Tequexetéldere en A Estrada

https://p.twimg.com/ArpIby5CAAAhwrh.jpg
Foto do twitter de Tequexetéldere

Barbanza, 30 de abril de 2012. Onte tivo lugar en A Estrada (Pontevedra) o VIII certame de baile tradicional Tequexetéldere, que acubillou no Teatro Principal a uns oitocentos bailaríns -repartidos en 31 grupos- aos que foron ver demasiada xente, tanta que non había sitio no recinto.

Na categoría máxima, a D, para bailador@s de 16 en diante, levouse o primeiro premio o grupo de baile tradicional "Tahúme" de Ribeira. Segundo foi a Escola Cantigas e Agarimos de Santiago e terceira a Asociación Cultural Mar de Arousa de Bamio.

Na categoría C (de 12 a 16 anos), os que se levaron o gato á auga en primeiro lugar foron as de Nove Ferreñas, de Rianxo, da asociación "Vai de Roda". De segundos irían "Tras do Eo", de Teo, e terceiros "Os Xeitosos" de Trazo.

Ademais,  na categoría B tamén gañou "Sete Ferreñas", de Vai de Roda de Rianxo. En segundo lugar quedaría O Muiño da Retorta de A Ponte Vella de Teo e de terceiros, Os Trazantes de Tenorio.


Accésits 

Por se fora pouca a colleita dos rianxeiros, o xurado deste certame de nome case impronunciable, Tequexetéldere, outorgou accésits ao mellor grupo de acompañamento a Sete Ferreñas de Vai de Roda (en categorías A e B). 

O grupo anfitrión, Tequexetéldere de A Estrada, actuou fóra de concurso, xesto que o honra.

Os resultados completos deste certame, na web de Tequexetéldere, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical