9.5.12

Natureza: a Sociedade Galega de Historia Natural pídelle outra vez á Xunta análises dos supostos lubicáns cazados

Pregunta_batidas_lobo_2011-11-29.pdf Download this file


Barbanza, 9 de maio de 2012. A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) vén de solicitar de novo á Xunta de Galicia copia dos resultados das análises xenéticas realizadas a todos os lobos supostamente híbridos abatidos no Barbanza; información que xa solicitara con data 30-11-2011 e non incluida na resposta da DXCN de data 21-12-2011. Ademais, SGHN solicitou tamén:

    Información detallada de:

  •         Cantos permisos, autorizacións e/ou licencias provisionais para capturar ou abater lobos ibéricos (Canis lupus signatus) se expediron en 2012 no Barbanza e no resto de Galicia, así como localización, extensión e condicións esixidas e capturas realizadas.
  • As medidas adoitadas para garantir o control e seguemento das batidas.
  • Cantos lobos, cans de orixe doméstica ou “híbridos” se cazaron legalmente dende setembro de 2011, así como localización, sexo, idade e copia das análises xenéticas de cada un deles para detectar hibridación.
  • Ídem para os espécimes atopados mortos sen que existira autorización para abatelos e causa da morte (veleno, lazo, iñorado, etc)
  • Coñecer se a Consellería de Medio Ambiente preveu ou planificou, e de que xeito, a xestión e manexo dos exemplares abatidos ou capturados nos controis autorizados.
  • Coñecer se foron realizadas investigacións ou pescudas para determinar a veracidade das afirmacións sobre a presencia de “híbridos” de lobo en Castro de Rei ou calquera outra localidade de Galicia.

Solicitude de cese das batidas ao lobo para a eliminación de supostos híbridos

No artigo científico de Godinho, R., Llaneza, L., Blanco, J.C., Lopes, S., Alvares, F., Garcia, E.J., Palacios, V., Cortes, Y., Talego, J. e Ferrand, N. (2011). Genetic evidence for multiple events of hybridization between wolves and domestic dogs in the Iberian Peninsula. Molecular Ecology 24, 5154-5166 (ver resume):

    Nunca se menciona a Serra do Barbanza entre as localidades nas que se atoparon lobos híbridos nese estudio.
    A única localidade galega para a que se cita a existencia dun lobo probable híbrido é Mondoñedo (un macho coa referencia L379), pero deixando ben claro que era un exemplar cativo, supostamente capturado dun grupo de lobos salvaxes e do que non se está seguro da súa orixe ("supposedly caught from a wild pack... we could not be sure about its previous history and accurate origin"). Os outros individuos que son probablemente híbridos proceden de Asturias (5), Salamanca (1) e Minho (Portugal).
    As áreas nas que se detectaron probables híbridos están restrinxidas a zonas marxinais de distribución da especie ou recentemente colonizadas pola especie, o cal non é o caso da Serra do Barbanza, con presencia histórica do lobo.
    Como explicación para a orixe dos probables híbridos (case todos entre loba e can) os autores manexan dúas posibilidades:
        Lobas dispersas no bordo dunha poboación marxinal ou en expansión.
        Individuos solitarios como consecuencia da ruptura dunha manda por desaparición do macho alfa (ou dominante), CAZA SEVERA, ou o impacto de alteracións humanas do hábitat (incendios forestais, grandes infraestruturas).

Á vista dos resultados destes especialistas, o lóxico para evitar a aparición de híbridos de lobo en Galicia sería evitar a fragmentación das súas poboacións, prohibir a súa caza e reducir as alteracións do hábitat, por todo o cal SGHN solicita ao Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas:

  •     Que, con carácter inmediato, se suspendan todas as autorizacións vixentes para matar lobos (Canis lupus signatus) en Galicia
  • Que nas zonas onde se sospeite a presencia de supostos híbridos de can e lobo se proceda a CAPTURALOS VIVOS por parte de persoal especializado da Consellería que vostede preside e se proceda a súa análise xenética para comprobar se o son ou non híbridos e que no caso de ser:
  1. Lobos puros se proceda de inmediato a súa liberación na zona onde se capturou.
  2. Exemplares híbridos de lobo e can, NUNCA se liberen de novo no medio e se actúe con eles conforme á Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade, e a restante normativa legal aplicable.

Máis info:

Imaxe do blog de Axena, onde tratan polo miúdo o asunto (de feito, eles foron os primeiros en dar a voz de alarma):

1.- Asasinos de lobos na Barbanza
2.- Os lubicáns
3.- A raza do can
4.- Orellas marcadas
5.- Manifestación o sábado 28 de abril
6.- A opinión dos gandeiros

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

8.5.12

Ribeira: orzamentos que parecen negar a crise

  • O Concello conta con aprobar inversións por 5,27 millóns de euros excluíndo o proxecto Riveira Atlántica 2012, que é case totalmente de fondos europeos
  • Os orzamentos sumarán case 23 millóns de euros e serán aprobados en sesión extraordinaria o vindeiro martes 15 de maio

Farase nesta lexislatura a tantas veces prometida lonxa nova?

Ribeira.- 8 de maio de 2012.- A voceira de Goberno Herminia Pouso deu a coñecer na súa comparecencia dos martes un avance dos Orzamentos Municipais para o exercicio 2012: uns orzamentos cifrados en 22.829.948,22 euros, o que supón a terceira contía en importancia na historia do Concello (tan só os orzamentos de 2009 e 2011 –e hai que ter en conta que neste último estaban consignados os fondos europeos do Riveira Atlántica- foron superiores ao actual).

Pouso Maneiro destacou que "pese á dificilísima situación financeira na que se atopan numerosos municipios da xeografía española e de boa parte do resto de Europa, o Executivo ribeirense foi quen de deseñar uns orzamentos positivos e altamente equilibrados, que nos van permitir poder seguir cumprindo co noso programa de goberno para esta lexislatura”.

Medio cento de actuacións

A edil resaltou a cifra do capítulo de investimentos, por valor de 5.271.716 euros, o que representa un 23,09% do total, e que vai posibilitar ao Concello acometer ata medio centenar de novas actuacións nas nove parroquias do municipio. Isto, sen contar as  accións contempladas dentro do proxecto Riveira Atlántico 2015, xa que, tal e como recordou Herminia Pouso, non é posible volver incluílas no capítulo de investimentos ao estar consignados estes fondos europeos no orzamento do ano pasado. “Pero as importantísimas actuacións do Riveira Atlántica vanse desenvolver neste e no vindeiro ano”, engadiu.

Algunhas das actuacións que si están recollidas no capítulo de investimentos son a creación dun acceso peonil na praia do Prado en Corrubedo, a creación dunha área de ocio con parque canino e zona de skate na rúa Barbanza en Santa Uxía, a instalación de contedores subterráneos fronte ao mercado de Palmeira, a ampliación da escola infantil ou a ampliación de beirarrúas na parte traseira do Consistorio local.

Estabilidade orzamentaria

Doutra banda, Herminia Pouso destacou que se logrou incrementar o aforro bruto (pasando de 2,52 millóns de euros a 2,89 millóns) e o aforro neto (que ascendeu dende os 874.802 euros do ano pasado ata 1.109.422 euros), e que se deu cumprimento ao principio de estabilidade orzamentaria con algo máis de 600.000 euros. O endebedamento segue, aseguran, por debaixo do 60%.

Ao longo dos vindeiros días serán presentados os orzamentos municipais ao resto de grupos con representación na Corporación e aos sindicatos. Está previsto sometelos á consideración do Pleno nunha sesión extraordinaria que se celebrará o martes 15 de maio.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: organizan o certame fotográfico "Imaxes con Fondo" para concienciar sobre a globalización negativa

  • O premio para a categoría da mocidade é dunha cámara ou 450€ en produtos de comercio xusto
  • O premio para adultos é dunha viaxe a Cabo Verde en 2013 para facer unha reportaxe fotográfica solidaria
  • Prazo: ata o 15 de outubro deste ano


Noia, 8 de maio de 2012. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade do que é socio a Concellería de Benestar e Igualdade do Concello de Noia, organiza o concurso “Imaxes con Fondo”.

A finalidade de dito concurso é crear conciencia social sobre os efectos perversos da globalización. Creando unha cidadanía global responsable que denuncie as corrupcións, as inxustizas, a insolidariedade e os abusos que obstaculizan o desenvolvemento humano tanto no norte coma no sur.

Trátase de reflexionar sobre cales son as prácticas na nosa sociedade que repercuten negativamente no engrosamento das desigualdades entre os países do norto e do sur,  observando no noso entorno exemplos destas prácticas.

Para participar existen dúas categorías:

A categoría xuvenil (fai referencia a solidariedade) vai dos 13 a os 17 anos, ambos inclusive. As/os concursantes deberán achegar fotografías nas que se amose a solidariedade na nosa sociedade, entendido como un dos valores fundamentais e universais nos que deberían basearse as relacións entre os pobos e as persoas.

A categoría adultos/as (fai referencia á globalización) vai dos 18 anos en adiante: As/os concursantes deberán achegar imaxes que amosen como algunhas prácticas na nosa sociedade (tanto de persoas particulares coma de empresas e gobernos) repercuten negativamente nas poboacións dos países do sur de forma directa ou de forma indirecta, de cara a denunciar as iniquidades entre o norte e o sur que obstaculizan o desenvolvemento humano.

Premios:

Haberá só un premio por categoría:

- Para a categoría xuvenil: Cámara fotográfica Canon EOS 1100 + Obxectivo EF-S 18-55 mm (ou similar) e un lote de produtos de comercio xusto, valorado todo en 450€.

- Para a categoría adultas/os: Viaxe (inclúe billetes de avión e aloxamento) a un dos proxectos do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Cabo Verde, co obxectivo e compromiso de realizar un traballo fotográfico para o arquivo do Fondo Galego a modo de acción voluntaria. A viaxe ao terreo será realizada no 2013 e terá entre 15 días e un mes de duración. Cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías individuais, ou ben ata tres series compostas de tres fotografías cada unha.

Descrición nun tweet como máximo

Para participar no concurso fotográfico “Imaxes con Fondo” poderán presentarse ata tres fotografías que deberán ser realizadas en formato JPG, cunha resolución mínima de 300ppp e deberá ocupar 5MB como máximo. Pero, o máis importante é a breve descrición de cada obra (tweet), de 140 caracteres e en galego, na que se explique a relación da fotografía ou serie co tema proposto, facendo unha reflexión sobre o significado da imaxe.

Aquelas persoas interesadas poderán facer entrega das súas obras e demais documentos requiridos ata o 15 de outubro de 2012 no seguinte enderezo electrónico: imaxesconfondo@yahoo.es . Para máis información poden escribir un correo electrónico a dito enderezo ou chamar ao 698 156 127.

Para a elaboración das bases do concurso contouse co apoio de diferentes colectivos vinculados ao mundo da fotografía: Asociación de reporteiros solidarios (AGARESO), Asociación Provincial de Fotógrafos de Pontevedra, Asociación Provincial de Fotógrafos de Lugo, Agrupación Fotográfica Galega, Asociación Fotográfica ‘Os Negativos’ e a Asociación Fotográfica Galega ‘Phosgalicia’.

Máis información en http://www.fondogalego.org/web/

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: Xuventudes Socialistas acusa ao alcalde de ocultar a verdade no da privatización das pistas deportivas

  • Dende a Agrupación explican a intención realista do PP de cobrar polo uso das pistas deportivas despois de que o Alcalde boirense os culpase de alarmistas
  • Califican esta privatización futura -comezará en xullo a non ser que Dieste recúe- como "taxazo"

 

Boiro, 8 de maio de 2012. A Agrupación Local de Boiro das Xuventudes Socialistas, en base ás declaracións realizadas a pasada semana polo alcalde do PP, Juan José Dieste, quere manifestar que a intención de cobrar polo uso das pistas deportivas "é unha realidade que si pretenden levar a cabo dende o Goberno Local".

Os socialistas boirenses lémbranlle ao rexedor do Partido Popular a medida levada a cabo no Plan de Axuste Municipal onde realmente consta que si cobrarán unha taxa polo uso das pistas deportivas e que comezaría a aplicarse a partires do mes de xullo.

Que se rebaixe o soldo o alcalde antes

A Secretaria Xeral das XSG boirenses, Adriana Castro, denunciou que “se o goberno local quere recadar fondos que comecen por reducir o soldo do Alcalde e non por recortar en instalacións públicas que afecten aos cidadáns. Consideramos que os rapaces e rapazas boirenses non teñen por qué pagar para facer deporte mentres o concello fai negocio”. É por iso, que dende este colectivo consideran que a presenza de este tipo de taxas, ao igual que as que quere aplicar ao PP a nivel estatal ás matrículas dos graos universitarios "favorece a desigualdade social entre os cidadáns, e en especial entre os mozos".

Dende a Agrupación socialista quixeron incidir tamén, e en relación ás declaracións de Dieste, que continuarán en alerta "ante o intento de impoñer calquera tipo de taxa por parte do goberno local, esixíndolle ao rexedor claridade e transparencia ante as políticas de recortes que pretende aplicar".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: roteiro de sendeirismo este sábado 12 de maio polo río Sarela, en Santiago

  • Para maiores de 50. Custa 3 euros

O Sarela é un dos múltiples afluentes do río Sar. Na imaxe, este último ao seu paso por Padrón

Rianxo, 8 de maio de 2012. O Servizo de Deportes organiza o vindeiro sábado, 12 de maio, unha saída a pé na que se percorrerá o curso de río Sarela, desde o Romaño ata Vidán. A actividade vai dirixida ós maiores de 50 anos, e terán prioridade aqueles que participen nas actividades deportivas municipais.

O nivel de dificultade é baixo e o percorrido é de aproximadamente 6 quilómetros. O longo do curso do río Sarela atópanse lavadoiros, muíños, pontes singulares e varios curtidoiros. Os ameneiros, salgueiros, loureiros e sabugueiros propios do bosque de ribeira, acompañan durante todo o percorrido. O autobús fará a ruta polas paradas habituais a partires das 8:30, estando previsto a chegada ó Romaño e inicio da ruta para as 10. A volta está prevista para as 13:30 aproximadamente.

O custe da actividade é de 3 €. Mais información e inscricións no Servizo de Deportes e nos pavillóns deportivos.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

7.5.12

A Pobra: o equipo de goberno promete unha gardería logo de 8 anos sen facer a prometida

  • Segundo denuncia o Psoe, o equipo do popular Isaac Maceiras adícase a facer estes anuncios en comidas-mitin no canto de facelo no pleno, diante dos representantes lexítimos dos veciños
  • Sospeitan que, de facerse no lugar que indica o goberno popular, unha asociación veciñal veríase desaloxada do local concedido

A gardería que leva Maceiras prometendo dende 2004 podería ubicarse no Camiño Ancho

A Pobra, 7 de maio de 2012. O Psoe da Pobra denuncia hoxe en nota de prensa "as promesas incumpridas de Isaac Maceiras, que emprega un acto pagado cos cartos de todos os pobrenses para facer propaganda unha vez máis", en referencia á comida da terceira idade do pasado venres 4 de maio.

"Logo de 8 anos sen facer a gardería, e de prometela no Nadal de 2004 "como se fora un agasallo de Papá Noel, volve agora á carga, cando non dá xestionado un Concello que ten na creba e que ten que ir a plan de axuste e pasa o tempo e gasta os cartos en actos, como a comida do venres, totalmente superflua e só para saír na foto", explican os socialistas pobrenses.


"O concello da Pobra tivo necesariamente que acudir ao Plan da axuste, (endebedamento para pagar ós provedores) por un importe de 1.554.091,49 euros. Entre estes figuran as empresas de catering e demais establecementos de hostalería onde o equipo de goberno acude para organizar os convites, tales como celebracións da bandeira azul, ágapes desta mesma bandeira, inauguracións varias ou o mesmo xantar da terceira idade", proseguen dende o Psoe da Pobra.


Onde está a gardería prometida en 2004?


"O señor Maceiras debíase adicar a buscar os cartos para pagar as débedas destas cuchipandas e dos seus fastuosos actos de inauguración e deixar de prometer o que non vai facer... Pode que pense o señor alcalde que os pobrenses temos pouca memoria, pero a hemeroteca é terca e o día 25 de Nadal de 2004 saíu con que ía facer unha gardería para cen nenos: onde está, oito anos despois? É este o gran xestor da Pobra? Ben se ve: estamos afogados pola súa mala xestión", critican os socialistas.


"Ademais, segundo conta a prensa, o mandatario xa mostrou os planos de situación desa hipotética gardería ao invitado que trouxo á festa  dos vellos do pasado venres. Por qué non llos ensina aos lexítimos representantes dos veciños na Corporación? Será porque unha vez máis ten pensado desaloxar a unha asociación de veciños do local que ten concedido. Isto é: un colectivo máis silenciado", rematan dende o Psoe da Pobra do Caramiñal.






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

A Pobra: o equipo de Goberno sométese á Xunta e faille pagar os gastos do centro de saúde aos veciños

07.05.12.-PREGUNTAS BNG SOBRE GTOS. MANTEMENTO CENTRO SAÚDE.doc Download this file

A Pobra, 7 de maio de 2012. O grupo municipal do BNG  da Pobra do Caramiñal rexistrou hoxe no Concello unha iniciativa para debate e resposta no vindeiro pleno ordinario deste mes no que critica ao goberno popular  de Isaac Maceiras pola súa mala xestión dos gastos do centro de saúde.

 
"Trátase de saber a razón pola cal o Concello, dende marzo do 2010 que se aprobou, aínda segue a asumir os gastos de mantemento do centro de saúde. Estes están a ser soportados por todos os veciños e veciñas da Pobra grazas á ineficiencia e submisión do Goberno Municipal ao da Xunta", sinalan os nacionalistas que comanda Rosana Pérez.
 
"Mentres que a Xunta, supoñemos que pola situación económica, segue sen asumir os gastos de mantemento do ambulatorio, arredor de 23.000 euros ao ano, o alcalde está anunciando “a bombo e platillo” a construción dun novo centro de saúde na nosa localidade. Mentres a Xunta segue incumprindo os seus compromisos cos concellos e coa cidadanía, o alcalde aproba un plan de axuste por 1.500.000 euros para pagar o que debe, que suporá un importante incremento dos impostos aos veciños e veciñas da Pobra nos vindeiros anos", argumentan dende o Bng, onde conclúen que "éstas son algunhas das consecuencias da xa tristemente famosa austeridade do PP".

Antes, en Certo:


A Pobra: futbolín por Paula, de Boiro






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o Concello gabéase á moda da compostaxe doméstica da man de Sogama

  • Só no entorno rural "como medida de aforro económico e beneficio ambiental", disque
  • Tan só medio cento de vivendas recibirán composteiros domésticos e repartirán cen lotes de bolsas para separar lixo

Ribeira, 7 de maio de 2012.- O Concello, da man de Sogama, decidiu implantar un programa de compostaxe doméstica en medio cento de vivendas rurais, co que se busca transformar a materia orgánica xerada nun abono con excelentes propiedades para o solo, un costume que sempre houbo nas casas da aldea, onde nada se desbotaba, pero que se foi perdendo cos usos urbanitas.

Así o anunciaron esta mesma mañá o alcalde da localidade, Manuel Ruíz, e o presidente de Sogama, Luís Lamas, nun acto público que tivo lugar na propia Casa Consistorial e no que tamén compareceron os concelleiros de Benestar Comunitario e Medio Ambiente, Jesús Freire e Elvira Pereira.  O obxectivo desta iniciativa "non é outro que o de alcanzar os beneficios ambientais, económicos e sociais que este sistema trae consigo", sinala en nota de prensa o Concello. Disque ademais de contribuír a reducir a produción de refugallos en orixe, pechando o ciclo de reciclaxe da materia orgánica nos propios fogares, posibilita o menor depósito de desperdicios nos contedores convencionais, permitindo diminuír a súa frecuencia de recollida, así como o importe da factura que mensualmente o ente local debe pagar a Sogama pola xestión e tratamento do lixo convencional, un sistema que cada día ten máis detractores pola súa baixa eficiencia e polos problemas que xera coa incineración de residuos.

Dado que a separación de orgánicos no medio rural, ben para alimento do gando, ben para fabricación de abono, é unha práctica tradicional en Galicia, "non supón maior trastorno para as familias participantes, coa particularidade de que, seguindo a técnica recomendada, o compost resultante adoita reunir as máximas condicións de calidade, podendo ser empregado, en sustitución dos fertilizantes químicos, nas propias hortas, xardíns e terras de cultivo particulares", aseguran.

Primeira fase, 50 composteiros para os solicitantes

Nunha primeira fase deste programa, Sogama subministrou ao concello 50 composteiros de 360 litros de capacidade, fabricados a partir de material reciclado e reciclable, que serán distribuídos entre os fogares que voluntariamente decidan adscribirse a este proxecto. Así mesmo, dotaráselles cunha serie de manuais de apoio nos que se explican os pormenores a seguir no proceso caseiro de elaboración de compost, dando resposta ás preguntas máis frecuentes e erros máis comúns.

Mestres composteiros: o xoves en Carreira

A fin de garantir o éxito do programa, contarase coa figura dos denominados “mestres composteiros”, é dicir, persoas ao servizo do concello, entre estes os membros de Protección Civil, que se encargarán tanto de impartir charlas informativas nas distintas parroquias (a primeira será este xoves en Carreira) como de visitar periodicamente “casa por casa” para comprobar o funcionamento do sistema, resolver dúbidas e facer un seguimento de todos os pormenores que afecten ao seu bo discorrer.

Para isto, os mestres composteiros recibiron un curso específico de formación a fin de que conten cos coñecementos necesarios que lles permitan levar a cabo unha tarefa de asesoramento ás familias incorporadas a esta iniciativa e se encarguen de vixiar a evolución da experiencia de cara a garantir os seus bos resultados.

Por outra banda, e co obxectivo de intensificar a concienciación cidadá en torno á axeitada separación de residuos e posterior depósito nos diferentes contedores habilitados na vía pública, o goberno municipal procederá ao reparto de 100 lotes de bolsas de cores, de 20 litros de capacidade cada unha, coa finalidade de facer máis cómoda a segregación de refugallos en orixe. Cada lote está conformado por unha de cor amarela, na que depositar os envases de plástico, latas e briks, outra azul, para o papel e cartón, e unha terceira, de cor verde, para o vidro.

Así, coa práctica da autocompostaxe e a correcta recollida selectiva, o concello non só entregará menor cantidade de lixo a Sogama, o que suporá un importante aforro de custos, senón que incrementará en gran medida a porcentaxe de reciclado de cada material, recibindo máis ingresos por parte dos Sistemas Integrados de Xestión.

"Pero para beneficiarse desta medida precisa da activa implicación do conxunto da veciñanza, que pretende conseguir a través da información e a formación, a transparencia e o contacto permanente cos distintos colectivos, incentivando a súa colaboración e corrixindo as malas prácticas", sinalan dende o Concello.

Punto limpo

O alcalde tamén lembra que dende o Concello se está a promover unha campaña informativa sobre o punto limpo situado no polígono de Xarás, con cumprida información á que se pode acceder dende a páxina web do Concello: www.riveira.com





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: o Bng critica ao alcalde por ser éste "o único concello da zona suspendido polo Ministerio"

Dodro, 7 de maio de 2012. O grupo nacionalista no concello de Dodro considera "un escándalo a mala xestión do actual goberno presidido por Valentín Alfonsín, e o feito máis grave é o SUSPENSO do propio Ministerio de Administracións Públicas.

Sinalan dende o Bng de Dodro que "ata o de agora pensabamos que a súa definición máis acaída era mintireiros pero agora vemos que por enriba de todo son uns malos xestores. O Plan de Saneamento presentado por tódolos concellos ao Ministerio para poder solicitar o crédito de pagamento a proveedores foi aprobado na maioría dos casos con contadísimas excepcións, e unha delas foi o noso concello, coa peculiaridade de que o alcalde contratou unha asesora económica
como persoal de confianza, que previamente estivera como secretaria sustituta no concello, cobrando 40.000 €, argumentando a súa especialización (mentras a seis traballadores/as do concello lles reducía a xornada e o salario). Deste xeito foi o único concello que con 3.000 habitantes fixo o Plan contando cunha asesora económica, e polo que vemos agora non mostra gran competencia a pesar do salario que lle puxo o alcalde. Curiosamente dannos a coñecer a non aprobación do Plan de Axuste ao mesmo tempo que a marcha da “asesora”, co cal non podemos deixar de relacionar os dous acontecementos. Certamente o axuste proposto era incoherente cando se contrataba a unha persoa nova por 40.000 €. Hoxe mesmo solicitamos ao alcalde por rexistro copia da comunicación do Ministerio para saber cales son as causas de este suspenso, pois unha vez máis non nos fiamos das súas palabras á prensa. O que está claro é que a este goberno non lle interesa o concello de Dodro nin a súa xente máis que para utilizalo como plataforma para outros intereses".

Ademais, os nacionalistas dodrenses aseguran que nesta ocasión "non van poder mirar atrás para culpar ao bipartito unha vez máis, porque:

  1. Na relación de facturas certificadas para pedir o crédito 175 son de catro anos de xestión do bipartito e 287 de medio ano de goberno do PP.
  2. O Plan elaborárono na súa integridade eles seguindo as directrices do PP no gobernocentral e contando con persoal da súa confianza.
  3. Agora a persoa que o elaborou baixo a responsabilidade do alcalde márchase".
E conclúen sinalando que o PP de Dodro "non ten ningún proxecto para o presente e o futuro do concello de Dodro, non fan máis que tomar medidas improvisadas en moitos casos tan só para desfacer o que fixo o anterior goberno, e facerlle favores as súas amistades e teñen ao concello sumido no caos".

Relacionada:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: medio cento de asociacións poderían sumarse ao "Xuño da Cultura e as Artes"

Ribeira, 7 de maio de 2012.- Representantes de 54 asociacións sociais e culturais de Ribeira participaron esta mañá no salón de plenos do Consistorio nunha reunión de traballo convocada polo Executivo co fin de recabar a implicación das mesmas na elaboración do programa do que se vai denominar “Xuño da Cultura e as Artes” (non confundir o mes coa parroquia de Porto do Son, que xa non é a primeira vez). Trátase dunha ambiciosa proposta que ten intención de executar o Concello este ano e neste mes, no que non adoita haber nada especial -ata xullo en que a Festa da Dorna enche de ocio as rúas- co propósito de inzar o municipio de actividades e fomentar a cultura entre a poboación no máis amplo sentido do termo.

Cada día algunha actividade cultural

O encontro estivo presidido polo alcalde, Manuel Ruiz, e contou tamén coa participación da concelleira de Cultura, Elvira Pisos, e dos técnicos do seu departamento Unai González e Segundo Chiqui Durán.  A pretensión do Concello é que, buscando a colaboración activa das asociacións, se consiga que todos os días do mes de xuño haxa algún tipo actividade, non só en instalacións municipais senón na medida do posible nas prazas e rúas (“temos que ser capaces de sacar a cultura á rúa”, aseverou o rexedor). Este propósito de xerar contidos non só se cingue á cidade senón que é extensivo a todas as parroquias do municipio.

A tal efecto, a Área de Cultura xa elaborou unha proposta de programa que sirva de base ao calendario de eventos que integran este “Xuño da Cultura e as Artes”: proposta na que se conteñen tanto actividades organizadas directamente polo Concello como outras iniciativas promovidas a instancia de asociacións que -dende que a portavoz municipal Herminia Pouso anunciara a mediados de marzo a intención de levar á práctica esta idea-, xa amosaron a súa disposición a ser partícipes no desenvolvemento da mesma.

Durante a reunión de hoxe acordouse que as asociación interesadas en participar no deseño do programa formulen as súas suxestións ao longo da presente semana.

Ribeira, Cultura Mariñeira

O alcalde tamén avanzou que para o mes de agosto está prevista a celebración doutra nova iniciativa titulada “Ribeira, Cultura Mariñeira” coa que poñer en valor o patrimonio do municipio vinculado ao mundo do mar.

Da actuación formarían parte propostas xa  asentadas como a Feira Artesanal e Mariñeira (aínda que rexistrando certos cambios no seu plantexamento) e outras novas, entre as cales se inclúen por exemplo dous cursos de verán das Universidades de Santiago de Compostela e Menéndez Pelayo, e unha gran festa para potenciar a promoción de produtos pesqueiros que a día de hoxe non gozan dunha gran saída comercial, como o lirio ou o congro.

A este respecto, Manuel Ruiz convidou ás asociacións a que aporten a súa colaboración neste proxecto. Así mesmo, o alcalde manifestou a idoneidade de promover periodicamente este tipo de reunións coas asociacións a fin de poder escoitar as súas suxestións, problemas e aportacións.
 
Audición aberta o martes 8 de maio

Mañá martes 8 de maio terá lugar ás 19.30 horas no salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Riveira unha audición a cargo de catro alumnos do Centro que van representar ao Concello na III Mostra Musical do Eixo Atlantico: evento que se vai desenvolver esta fin de semana en Vilagarcía de Arousa.

 

A audición é libre e gratuíta para os que queiran asistir.

Os catro alumnos participantes son:

1. Manuel Jesus Montero González (Piano - 4º de Grao Profesional)

2. Amaro Sampedro López (Saxofón -5º curso de Grao Profesional)

3. Lois Pimentel Iglesias (Trompeta - 1º curso de Grao Profesional)

4. Michelle Pena González (Piano - 3º curso de Grao Profesional)

Pode que tamén lle interese:

Libros no Ateneo: o 18 de maio, "Vigo a 80" e o 24, "Herdeiros pola forza"


Xornada: o Día Solar Europeo, o 19 de maio, no Liceo



Semáforos do Malecón: os máis modernos, a partir de xuño




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical