4.6.12

A Pobra: o viño Altares de Postmarcos preséntase en Alimentaria 2012 en México

Img_1119_copia

A Pobra, 4 de xuño de 2012. Mañá comeza a celebrarse no Centro Banamex de Ciudad de México ALIMENTARIA 2012, a exposición de alimentos e bebidas máis importante que se realiza nese país, na que arredor de 350 empresas nacionais e internacionais con variedade de produtos terán contacto con máis de 12 mil visitantes profesionais. Nasección Vinos de España, este mesmo martes día 5 de xuño vaise presentar, ás 16.20, o viño Altares de Postmarcos (Adega Entre Os Ríos) da Denominación de Orixe Viños da Terra de Barbanza e Iria. Este albariño monovarietal do 2009 sobre lías elaborouse no municipio de A Pobra do Caramiñal.

 

Altares de Postmarcos: minucioso proceso de elaboración, un caldo que se acubilla 15 meses en barricas de aceiro inoxidable a temperatura controlada de 14ºC, acadando deste xeito unha fermentación máis lenta, un viño máis aromático, con máis sabor e cunha madurez froito da crianza en depósito que confirma a actual tendencia a envellecer os albariños.


Enlaces relacionados:


ALIMENTARIA: http://www.alimentaria-mexico.com/es/Actividades/Catas-de-Vino

ADEGA ENTRE OS RIOS: www.entreosrios.com

 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: campus de volei do 25 ao 30 de xuño en Barraña cos mellores xogadores galegos

Boiro, 4 de xuño de 2012   Despois de constituirse como club, o Barraña Volei Praia xa prepara a que será a súa primeira tempada de verán. A carta de presentación desta nova entidade será un ambicioso programa de formación destinado a rapaces e rapazas de entre 12 e 20 anos, o I Campus de verán do Barraña Volei Praia que se celebrará do 25 ó 30 de xuño no areal boirense de Barraña.

Será, segundo os organizadores, "unha semana excelente de fabulosa convivencia e sesións de calidade impartidas por personalidades destacadas do volei praia da nosa comunidade como Luci Paz, Cristóbal Álvarez ou Germán Romero entre outros. Como convidado foráneo agardamos a Juanjo Susín, seleccionador nacional sub-15 de volei praia". Aseguran que é unha oferta "máis que atractiva e cun prezo moi razoable para os asistentes, ben sexan residentes en Boiro ou noutras partes de Galicia e España".

Para consultar máis información acerca do Campus podedes ver nesta ligazón o dossier informativo. Tamén podedes acceder á ficha de inscripción. O prazo para anotarse xa está aberto e permanecerá así até o 22 de xuño. Só hai que cumplimentar a documentación cos vosos datos persoais (en caso de ser menores de idade necesitarase autorización paterna) e facela chegar canto antes. Hai prazas limitadas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: están a instalar os semáforos definitivos do Malecón

Ribeira, 4 de xuño de 2012.- Despois de efectuar nas últimas semanas os labores preliminares de colocación do cableado, na mañá de hoxe luns deu comezo a anunciada instalación dos anunciados semáforos na avenida do Malecón: unha actuación que se adscribe ao plan de mobilidade e accesibilidade da área portuaria incluído no proxecto Ribeira Atlántica 2015, cofinanciado nun 70% con fondos europeos Feder.

Hai que recordar que esta actuación, realizada co obxectivo de reordenar a mobilidade cidadá nunha das principais arterias da cidade, foi efectuada pola empresa Esycsa ao resultar adxudicataria da mesma por un importe de 80.000 euros.

A tal efecto, estanse a implantar elementos semafóricos na intersección do Malecón con Rosalía de Castro e nos tres pasos peonís comprendidos entre a oficina de turismo e o acceso peonil ao porto. Todo, co obxectivo de regular a mobilidade dos peóns e vehículos e aumentar a seguridade viaria sen prexudicar a fluidez do tráfico rodado.

Os semáforos son de última xeración: a iluminación de tecnoloxía LED de baixo consumo e alta visibilidade, e ademais están equipados con dispositivos acústicos para invidentes. Unha vez entren en funcionamento, todos os elementos estarán coordinados, operando de maneira sincronizada, e contarán con plans de tráfico específicos para datas estivais.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia e Lousame: estase a cociñar a fusión destes dous concellos. A pelota, xa no tellado da Xunta


Noia-Lousame, 4 de xuño de 2012. As negociacións lévanse a modiño e con moita discreción, pero a fusión de Noia con Lousame podería ser inminente se a Xunta de Galicia dá a súa aprobación. O diálogo entre os dous alcaldes, de signo distinto, o lousamián Santiago Freire, do PP, e o noiés Rafael García Guerrero, do PSOE, é fluído e ambos están dacordo coa fusión. De producirse, ao ter maior músculo industrial e poboacional Noia -sobre 15.000 habitantes fronte a menos de 4.000-, Lousame quedaría clasificado como entidade local menor a efectos administrativos. O número de concelleiros sería de 17 que terían que xestionar os 130 quilómetros cadrados de que se comporía o novo municipio (37 de Noia e 93 de Lousame).

A Xunta, e en concreto o seu presidente, o popular Alberto Núñez Feijóo, xa coñecen as intencións dos dous alcaldes e está pendente de dar a súa resposta. Logo da sorpresa de Oza dos Ríos e Cesuras, ambos do PP, que desviou a atención no último debate de Autonomía, apenas houbo movementos de outros concellos para integrarse, por moito que Diego Calvo, presidente da Deputación da Coruña, está empeñando o seu cargo en facer posible que esta provincia sexa a primeira de España encabezando fusións municipais. Ante o arrecendo a eleccións anticipadas que aboia por todos lados, é complicado que vexamos esta fusión na presente lexislatura, polo que a integración de Lousame en Noia debería agardar ao que dispuxera o novo inquilino do Monte Pío.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Educación: manifesto da recén creada Asemblea permanente para a Defensa do Ensino Público en Barbanza, tralo peche reivindicativo en Ribeira


Un instituto galego con pancarta reivindicativa

Ribeira, 4 de xuño de 2012. Ante as políticas do Partido Popular en asuntos tan sensibles como a sanidade e a educación, non deixan de agromar plataformas na defensa destes peares básicos do estado do benestar. Se antes soubemos da Plataforma pola Sanidade Pública de Barbanza e logo da recén creada plataforma "Stop Desafiuzamentos", agora tócalle a quenda á educación, á que o ministro de Educación José Wert quere deixar nos ósos e voltala a hai 30 anos. O Manifesto da Asemblea permanente para a Defensa do Ensino Público, constituida no peche do pasado 31 de maio no IES Nº 1 de Ribeira, onde se xuntaron máis de cen persoas, está a ser difundida por múltiples canles. En Certo apoiamos estas reivindicacións e pasamos tamén a reproducilo de xeito íntegro:

 No peche levado a cabo o día 31 de Maio do 2012 no IES Nº1 de Ribeira, a Comunidade Educativa (pais, nais, profesorado e alumnado) do Barbanza alí reunida decidiu constituirse como Asemblea permanente para a Defensa do Ensino Público.

Acordamos continuar coa convocatoria de novas asembleas e propostas de mobilización co obxectivo decidido de defender o dereito a un ensino público de calidade, e contra os recortes educativos producidos neste curso escolar e os que se anuncian para o futuro inmediato.
A Asemblea fará un seguimento das medidas restrictivas que a Consellería de Educación pretende aplicar para o vindeiro curso que poderían provocar, de levarse a cabo, unha grave merma da atención educativa que se presta ó alumnado e un retroceso histórico no noso Sistema Educativo Público.

A Asemblea de forma unánime oponse:

    Á masificación debida ó aumento do alumnado por aula que podería superar os 40 alumnos.
    Á diminución do profesorado que impedirá a atención á diversidade e os reforzos educativos ó alumnado máis necesitado
    Á negativa da Consellería de Educación a substituir o profesorado de baixa por enfermidade, permisos ou outros motivos. Isto, que xa se está levando a cabo, supón a perda de moitas horas lectivas.
    Ós recortes que impedirán aos centros atender actividades complementarias tan importantes para a formación do alumnado como os sevizos de biblioteca, laboratorios, funcionamento das redes informáticas, as actividades extraescolares, etc.

Animamos ó conxunto da cidadanía a asumir de forma activa a defensa dun ensino Público de calidade e anunciamos xa que antes do remate deste curso celebraremos unha nova asemblea onde concretaremos actuacións a levar a cabo.
Manifestamos a nosa decidida vontade de continuar opoñéndonos a estas inxustas e discriminatorias medidas que, realizadas ó amparo dunha crise económica que non provocamos, afectarían gravemente e de xeito irreversible ao futuro das vindeiras xeracións".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Xunta celebra o Día Mundial do Medio Ambiente no parque de Corrubedo cunha visita escolar

  • Achegaranse este martes, 5 de xuño, medio cento de escolares do Xuventude de Santiago

Ribeira, 4 de xuño de 2012.- A Xunta de Galicia conmemora este 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, con distintas actividades nos parques naturais da comunidade, co obxectivo de dar a coñecer o papel dos parques naturais na preservación do medio ambiente.

Concretamente no Parque Natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán organízase unha actividade conmemorativa desta data, na que participarán medio cento de escolares de 2º e 3º de primaria do Colexio Xuventude (Santiago). Os estudantes recibirán información sobre a celebración do Día Mundial do Medio Ambiente e realizarán un itinerario guiado por monitores por este Parque Natural, que foi declarado no ano 1992 por ser un lugar privilexiado do noso costeiro desde o punto de vista ecolóxico e xeomormolóxico, polas súas formacións lacustres e o seu sistema dunar, único en toda a xeografía galega.

Desde hai 40 anos
Desde 1972 o 5 de xuño de cada ano celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente que foi establecido pola Asamblea Xeral de Nacións Unidas. Este ano o día estará centrado no lema: Economía verde: inclúete a ti?

Relacionada:


Parque Natural de Corrubedo: desastre de xestión

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

3.6.12

Rianxo: Recén apareceu Francisco Pouso Conde

Recén apareceu Francisco Pouso Conde, de quen demos conta da súa desaparición nunha información anterior.
Grazas a todos pola vosa colaboración coa redifusión no twitter.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: buscan a un home desaparecido na vila

Francisco_pouco_conde

Pregan a máxima difusión.

Teléfono de contacto: Esther: 670 449 407

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

2.6.12

Ribeira: Proposta de sanción ao portavoz da plataforma pola Sanidade Pública de Barbanza

Ribeira, 2 de xuño de 2012. A plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Barbanza quere denunciar que onte, venres 1 de xuño, mentras realizaba unha caravana de coches invitando á cidadanía a participar na manifestación de mañá domingo, 3 de xuño, en contra dos recortes en sanidade e en defensa da sanidade pública, o portavoz da mesma foi requerido pola policía municipal de Ribeira para entregar a sua documentación e teléfono para propoñer unha sanción por utilizar a bocina dun altofalante.

"Dende a Plataforma denunciamos que se intente coartar a libertade da cidadanía en actos reinvindicativos dos nosos dereitos, mentras que esos mesmos actos son permitidos e aplaudidos cando se utilizan para celebrar o ascenso dun equipo de fútbol ou a consecución de calquera título deportivo".

Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: o punto limpo, que xa debía estar rematado, comezará a facerse no verán

  • A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aínda vén de adxudicar esta actuación ambiental por máis de 250.000 euros

  • As obras a executar consistirán basicamente na colocación das instalacións xerais, unha caseta de oficina e recepción, almacén de residuos especiais e colectores. O concello debe asumir a súa explotación, mantemento e conservación

Media_httpfarm3static_yqhgx

Nebra é a parroquia máis grande de Porto do Son e a única sen casa da cultura

Porto do Son, 2 de xuño de 2012.- As obras do punto limpo do concello de Porto do Son comezarán este verán, despois de que a Xunta adxudicara este contrato de obra pública por 258.748 euros á empresa Movex Vial S.L. Esta actuación ambiental será realidade este mesmo ano (ou iso di a Xunta, que adoita errar na maioría dos cálculos de infraestruturas nesta bisbarra, como se está a ver coa variante noiesa, por exemplo). Din que a obra vaise executar en pouco menos de tres meses mais xa debía estar feita, pois saíu a licitación en decembro do ano pasado e xa pasaron seis meses.

Esta actuación atópase a medio camiño entre Portosín e Porto do Son, na zona chamada Agra de Bustelo, na antiga estrada de Cans, na parroquia de Nebra. O punto limpo é un recinto preparado para que que os cidadáns poidan depositar neles os residuos para os que é precisa unha xestión específica, polo seu tamaño ou pola súa composición.

Os obxectivos principais desta instalación son recuperar os materiais contidos nos residuos para a súa reciclaxe, evitar a vertedura incontrolada de entullos e voluminosos e separar os residuos xerados nos fogares que representen un risco para o ambiente.

As accións fundamentais centraranse na disposición das instalacións xerais, casetas e almacén, colectores e sinalización. Tamén se executará un peche da canteira, un peche perimetral e unha porta de acceso. O proxecto tamén considera a urbanización e o axardinamento do contorno.

Antes, en Certo:

13 de decembro de 2011: licitado o punto limpo de Nebra

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical