11.7.12

Ribeira: a Festa da Dorna incorporará catro peñas novas e suma máis grupos para Rock&Dorna

  • Xa vén aí a Dorna! O 20, 21, 22, 23, 24 e 28 de xullo
  • Anotáronse catro peñas novas que serán correspondentemente examinadas e tamén máis grupos locais ao "Rock&Dorna do país"



Indignados? 15M? Mineiros? Non! Festa da Dorna 2011


Ribeira, 11 de xullo de 2012. O pasado sábado, 7 de Xullo, a R. e I. Cofradía da Dorna convocou a cuarta e derradeira asemblea de peñas de cara á celebración da LXIV Sinjladura da Festa da Dorna, que este ano se celebrará nos dias 20, 21, 22, 23, 24 e 28 de Xullo. Este último día celebrarase un ano máis o "Baile de Jala" no Círculo Mercantil, un baile amenizado polo Duo Yesterday e ao que poderá asistir todo o mundo que cumpla un único e imprescindible requisito: ir de jala como o nome do baile indica.


A Festa da Dorna reivindica valores como a amizade e o tocacuismo, tan destrajados nestes días

Nesta asemblea, entre outras cousas, repartíronse os xogos e as actividades que se viñan facendo estos últimos anos. Apuntáronse actividades novas, adxudicáronse os "chirinjitos dorneiros" e os turnos no "Juateque Dorneiro": nesta última actividade agradeceríase algo máis de colaboración de todos os  interesados, sexan peñas ou a título persoal. Poñédevos en contacto coa Cofradía.

   
Anotáronse outras catro peñas novas que terán que pasar como cada ano o xa mítico "Exame de patróns" e anotáronse máis grupos locais para o "Rock&Dorna do pais" que este ano terá lugar na "Rúa de Portugal".


Coidado! Hai xente que quere facer da Dorna unha relixión!

No Rock&Dorna actuarán Os Prestados, que fan o seu 20 aniversario e Os Skarallaos e no Rock&Dorna Fin de Festa estarán os gastropunqueiros de Muros Terbutalina, os pobrenses Desalojo e Os Porretas -non confundir cos avós daquela serie radiofónica mítica-.

     A esta asemblea acudiron un total de 87 dorneiros das peñas: Os mesillóns mais cabróns, Carallos de Rei, Caracolas en Sirolas, Arria o Jallo, Vikinjos da Tomasa, Pintos joden Quintos, Rapante do Mercante, Cajaboi Island, Pescadillas con Ladillas, Ratos da Illa, Os Serrans mais Marrans, Tabeirons Caralludos, Peregrina, Muxo Beti, Pateiros Palangreiros, Cowboys, A Nasa, Las Cigalas del Koala, Estudias Traballas ou colles Naballas, Parrochas Papudas, As Pirañas van de Cañas, A Tuna Nejra, Sijala Raia, Comando Dorneiro, Cabuxos do Mar, As Llapras do Stop, As Navallas de Palmeira e Lenjuados Embriajados.


Ao baile de Jala hai que ir de ídem

    Por outro lado aproveitan esta nota de prensa para recordar que a Cofradía da Dorna ten á venta un ano máis a Sudadeira Dorneira na tenda de deportes Podium Sport, situada na Rúa de Lugo (detrás da Iglesia) e que ainda podes conseguir a rifa dorneira. Informou catolicamente aínda de toda esta jarabansada Jacob Moraña Cabo,
presidente -e non por asidente- da Asociación Cultural R. e I. Cofradía da Dorna.

Antes, en Certo:


Dorna: "Carallos de Rei" e "A Nasa", peñeiros deseñadores


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: "Non hai ladrón que por ben non veña", teatro en parroquias este mes de xullo

Rianxo, 11 de xullo de 2012. O título desta obra de teatro semella tirado da máis recente actualidade (ladrón do Códice e ladróns dentro dos bancos e das institucións do Estado), pero xa estaba meditado de antes. As representacións da obra "Non hai ladrón que por ben non veña", que a Agrupación Teatral Criaturas, de Rianxo, en colaboración co IES "Félix Muriel" e a asociación cultural Fogo Fatuo, desenvolverán nas distintas parroquias do concello, no marco do Verán Cultural 2012, que organiza a Área de Educación, Cultura e Normalización Lingüística, quedan deste xeito:
  • Mércores 11 de xullo – 21.30 h // Taragoña – Campo de Pazos
  • Xoves 12 de xullo– 21.30 h // Araño – Pista Polideportiva de A Capela
  • Venres 13 de xullo – 21.30 h // Asados – Praza Manuel Antonio
  • Mércores 18 de xullo– 21.30 h // Isorna - Quintáns (xunto á escola)
  • Xoves 19 de xullo – 21.30 h // Leiro – Pista Polideportiva de Rañó
  • Venres 20 de xullo – 21.30 h // Rianxo – Praza Rafael Dieste

En caso de choiva, as representacións vanse trasladar aos  centros culturais ou espazos de interior de costume:

  • Taragoña:  Centro Cultural de Taragoña
  • Araño: Centro Sociocultural do Araño
  • Asados:  Centro Cultural "Simón Varela"
  • Isorna:  Escola de Quintáns
  • Leiro: Centro Cultural "Vicente Vidal" de Leiro
  • Rianxo:  Auditorio de Rianxo
Antes, en Certo:






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

10.7.12

A Pobra: o Bng teme que desapareza o mando do Distrito Marítimo ao unificarse co de Ribeira

  • Un dos sinais de alerta é que Portos de Galicia leva catro anos sen construír o novo edificio para o Distrito Marítimo da Pobra, comprometido no seu día

 

A Pobra do Caramiñal, 10 de xullo de 2012.- O deputado no Congreso, Francisco Jorquera, e o deputado no Parlamento Galego, Bieito Lobeira, veñen, a instancias do BNG da Pobra do Caramiñal de solicitar explicacións ao Goberno Central e á Consellería do Mar respectivamente, pola unificación do mando e as previsións de futuro dos Distritos Marítimos da Pobra e Ribeira.

 

"Aínda que Portos de Galicia ten a titularidade de ambos os dous portos, é a Administración Central a que nomea aos titulares das Capitanías e Distritos Marítimos e, a decisión –co argumento da crise económica e a necesidade de recortes- de que os dous Distritos estean baixo o mesmo mando fainos sospeitar que, tarde ou cedo, rematen por unificarse e unha das dúas desapareza", explican os do Bng da Pobra.

 

No caso da Pobra do Caramiñal, o Distrito Marítimo desempeña, entre outras, as seguintes funcións: Actividades relacionadas co rexistro e abandeiramento de buques e embarcacións menores de 24 mts. de eslora; despacho de buques; funcións administrativas relativas ao enrole e desenrole de tripulantes de buques e embarcacións, e tamén pasaxeiros e persoas alleas á tripulación e á pasaxe; colaboración coas autoridades competentes nos portos e nas praias en materia de seguranza, salvamento, e navegación en relación coas actividades náuticas e de baño; tramitación de expedientes de expedición, revalidación, canxe, convalidación e renovación de títulos profesionais e de recreo; autorización de fondeo; inspección de buques, etc.

 

99 embarcacións con 61 auxiliares


"A desaparición do Distrito Marítimo da Pobra do Caramiñal conlevaría evidentes prexuízos ao importante sector pesqueiro e ao número de persoas que se adican á actividade pesqueira, marisqueira e mexiloeira. Neste porto teñen base 99 embarcacións de pesca de baixura e marisqueo a frote e outras 61 auxiliares de bateas mexiloeiras. A maiores, ten unha capacidade comercial principalmente vinculada á descarga de túnidos conxelados destinados á industria conserveira que o convirte no máis importante de Europa. Nel tamén se desenvolve unha importante actividade náutico-recreativa, contando con 281 prazas de amarre de embarcacións de lecer", aseguran os nacionalistas.

 

"Ao dato de que Ribeira é a cabeceira da comarca, hai que sumar a promesa incumprida por parte de Portos que, no 2008, cedeu unha parcela nas inmediacións da lonxa da Pobra destinada específicamente á construcción dun novo edificio para o Distrito Marítimo, que constaría de baixo e andar superior, cun prazo de remate estimado entre 18 e 24 meses, e que a día de hoxe non se fixo nada. Todo elo agrava a preocupación deste Grupo Municipal e tamén a do sector do mar en xeral. O BNG, pois, mediante as iniciativas presentadas, pregunta á Administración Central e Autonómica por qué se decidiu que as funcións dos Distritos Marítimos da Pobra e Ribeira pasen  a  ser  xestionadas  baixo  o  mesmo  mando;  si  este  feito  significa  que  no  futuro  se unifiquen tamén ambos os dous; polas súas previsións de futuro para o Distrito Marítimo da Pobra; pola súa permanencia; por qué razón se paralizou a construción do novo edificio destinado ao Distrito nas instalación do porto da Pobra", prosegue en nota de prensa o Bng da Pobra.

 

O BNG esixe tamén a ambas as dúas Administracións que se garanta a permanencia do Distrito da Pobra, xa que contribúe eficazmente a axilizar os procesos administrativos que favorecen o traballo do sector produtivo e da actividade marítima en xeral e a eliminar trabas burocráticas e desprazamentos innecesarios das persoas adicadas ao sector do mar.


Pregunta en pleno

O vindeiro 26 de xullo terá lugar un Pleno ordinario onde o Bng preguntará ao alcalde sobre o tema.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: tres nenas e dous nenos saharauis comezan as súas "Vacacións en paz" en fogares do municipio

Ribeira, 10 de xullo de 2012.- O Salón de Plenos da Casa Consistorial foi escenario hoxe da recepción polo alcalde de cinco rapaces (tres nenas e dous nenos) que pasarán os meses de xullos e agosto no municipio barbanzano con motivo do programa Vacacións en Paz.

Dous dos rapaces van recalar en Ribeira por primeira vez: as irmáns Naiza Bachir Jatri e Zeinuha Bachir Jatri, que serán acollidas polas familias de Mª Isabel Bermo Reiriz e Juan V. Fontaíña Pérez, por unha parte; e de Mª Manuela Abella Cruz e José Ignacio Jorganes Echezarreta, por outra.

Ademais, repetirán estancia en Barbanza Ayeba Mohamed (acollida pola familia de Mª del Pilar Laranga Santos e Francisco Rego Sobrido), Larussi Mohaned Lamin (familia: Manuela García García e Francisco González Chouza) e Nayem Mohamed Embarec (familia: Mª Jesús Pérez Sampedro e Manuel Paz Silva).

Cómpre destacar que este ano hai dous rapaces máis que na edición do 2011. Isto foi posible grazas á implicación da empresa Congalsa, que estivo representada no salón de plenos a través de Ramón Doval. A este respecto, Manuel Ruiz salientou que esta entidade alimentaria amosou dende o primeiro momento a súa vontade de colaborar na iniciativa, unha vez o alcalde lle transmitiu á empresa o interese transmitido por familias ribeirenses de incrementar o número de nenos a acoller durante o verán. A colaboración de Congalsa con Vacacións en Paz plasmouse na sinatura dun convenio que a vincula coa acción promovida pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui.

Máis de dez anos acollendo a saharauis

Pola súa parte, o Concello ribeirense leva máis dunha década colaborando co programa “Vacacións en Paz”, que pretende ser un marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de darlles estes nenos unha estancia agradable e humanamente satisfactoria, ofrecéndolles a posibilidade de coñecer formas distintas de vida, de maneira que iso contribúa non só na súa formación senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre as poboacións de España e o pobo saharaui.

O acto de hoxe rematou coa tradicional entrega duns agasallos aos nenos participantes e unha fotografía de familia.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: 90 veciños máis competentes en novas tecnoloxías nas parroquias

  • Son de Corrubedo, Olveira, Artes e Ribeira e asistiron a obradoiros de alfabetización dixital
  • Cos cursos de introdución á informática xa hai máis de medio milleiro de ribeirenses que colleron habilidades neste eido no último ano

Ribeira, 10 de xullo de 2012.- O Auditorio Municipal deu cabida na noite de onte ao acto de entrega de diplomas dos obradoiros de Alfabetización Dixital que, organizados polo Concello, tiveron lugar este trimestre nas parroquias de Artes, Corrubedo, Olveira e Santa Uxía.

En total, participaron nestas accións formaccións noventa veciños das parroquias citadas, que se achegaron na súa meirande parte á instalación cultural para recoller os seus diplomas acreditativos, de mans do alcalde Manuel Ruiz; do concelleiro de Enerxía e Novas Tecnoloxías, Emilio Pérez; e dos edís de Corrubedo e Olveira Jesús Freire e Elvira Pereira, a que tampouco se quixeron perder o acontecemento.

Ruiz Rivas animou aos presentes a seguir volcándose na aprendizaxe da informática e expresou o compromiso do Concello de poñer a disposición da veciñanza novos cursos e a posibilidade de acceder ás novas tecnoloxías tanto na cidade como nas parroquias.

Doutra parte, o concelleiro de Enerxía e Novas Tecnoloxías, Emilio Pérez Outeiral informou de que xa son máis de 500 o número de veciños do municipio que participaron nesta iniciativa nos últimos doce meses, o que dá idea do dinamismo do departamento encargado da difusión das novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

Fotografías antigas

Un dos momentos máis destacados do evento tivo lugar coa proxección dun vídeo de 20 minutos de duración no que se exhibiron fotos antigas aportadas polos alumnos e alumnas dos cursos e que foron manipuladas e retocadas dixitalmente por eles mesmos.

O axente TIC Abel Alonso foi o encargado de presentar un evento que se prolongou durante unha hora.





Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: cursos, campamentos e torneos de fútbol 7 que se ofertan este verán no Concello


Curso de dinamizador infantil, por 80 euros

Remata o prazo de inscrición o 17 de xullo e as prazas son limitadas.

OBXECTIVO

Dotar ao alumnado dunhas ferramentas e metodoloxía básicas para a condución de actividades de tempo libre con nenos e maiores. Ao finalizar entregarase ao alumnado un diploma acreditativo.

CONTIDOS
Principais características en cada unha das etapas
Adaptación de actividades en función dos destinatarios/as
Principais actividades que poden realizarse con ambos colectivos
O valor educativo de calquera actividade de ocio
DURACIÓN
60h presenciais(15 horas teórico-prácticas e 45h prácticas)
DESTINATARIOS
Maiores de 18 anos
TEMPORALIDADE
Sábados 4-11 e 18 de agosto de 9 a 14h no Centro Social de Boiro
PREZO
80 €

INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS
OMIX(Centro Social de Boiro)
R/ Poeta Manuel María s/n
15930. Boiro
981842635/omix@boiro.org

Campamentos deportivos para escolares entre 6 e 12 anos

Haberá xogos e actividades variadas a realizar en distintos lugares do Concello de Boiro (praia, parque de A Cachada, pistas polideportivas...) para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos.

Datas: 
18, 19 e 20 de xullo

Horario: 
11h a 14h

Información e inscricións:
DEPARTAMENTO DE DEPORTES 
Casa da Cultura. Parque da Cachada. 
Tfno: 981 84 84 25 / deportes@boiro.org

Cursos de Novas Tecnoloxías en agosto

PROCESADOR DE TEXTO: 14-16-21 e 22 de agosto de 10 a 12h

FOLLA DE CÁLCULO: 23-28-29-30 de agosto de 10 a 12h

MECANOGRAFÍA (de 11 a 14 anos): 14 a 30 de agosto de 12.30h a 13.30h 

Incricións: A partir do día 16 de xullo no Centro Social de Boiro (981842635)


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: a Aula Galega de Saxofón rematou o curso con tres concertos

  • Os recitais contaron coa participación de varios artistas invitados durante a fin de semana pasada

Ribeira, 10 de xullo de 2012.- Esta pasada fin de semana tiveron lugar os tres concertos de fin de curso da Aula Galega de Saxofón: actividade promovida polo conservatorio municipal que xunta no concello a estudantes de saxofón de toda a comunidade unha fin de semana ao mes.

O primeiro dos concertos celebrados tivo lugar ás 20.30 horas do pasado venres na céntrica rúa peonil de Galicia e constou dunha actuación dos alumnos da aula, dirixidos polo mestre invitado para a ocasión Adrián Pais, ex-alumno deste programa. En segundo lugar, ás 20.30 horas do sábado tivo lugar un novo concerto, esta vez coa participación especial da prestixiosa pianista xaponesa Yuko Mizutani.

Por último, o recital do domingo celebrouse ás 20.30 horas na igrexa parroquial de Santa Uxía. A actuación correu a cargo do cuarteto de saxofóns Adrián Pais Abuín (ex alumno da Aula), José Fungueiriño Ramos (profesor do conservatorio municipal de Ribeira e coordinador da Aula Galega de Saxofón), Rodrigo Vila (profesor do Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares e  mestre titular da Aula) e Diego García Morales (saxofón solista da Banda Municipal de Santiago).




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Escola de Música programa cursos de jazz, trompeta e saxo este verán

Curso_de_veran_2012

I Curso de Jazz do 31 de xullo ao 2 de agosto
Mestres: Alfredo Susavila e Pablo Castaño

II Curso de Trompeta do 7 ao 9 de agosto
Mestre: José Rodríguez Ramos

II Curso de Saxofón do 21 ao 23 de agosto
Mestre: Adrián Pais Abuín

Máis información:
Cartaz adxunto
671 058 555
escolademusicaderianxo@gmail.com






Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: a Banda de Música local actuará varios domingos de verán na alameda


Alameda noiesa, dende o edificio do Liceo

Noia, 10 de xullo de 2012. Dentro do programa de música "Domingos de verán", a Banda de Música municipal de Noia ofrecerá os seguintes concertos:

17 de de xullo, ás 19:30 h. na Alameda 

29 de xullo, ás 19:30 h. na Alameda

5 de agosto, ás 19:30 h. na Alameda

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Stop Desahucios" vaise entrevistar co alcalde o 19 de xullo e remítelle un escrito aos bancos da zona

BANCOS.doc Download this file


O 1 de xullo fíxose a presentación de "Stop Desahucios" en Ribeira

Ribeira, 10 de xullo de 2012. A Plataforma "Stop Desahucios" da bisbarra do Barbanza informou hoxe de que o vindeiro xoves 19 de xullo vai ter unha entrevista co alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas, "para poder ter unha primeira toma de contacto coa máxima autoridade política municipal desta cidade e co obxecto de trasladarlle as nosas demandas e reivindicacións máis importantes desta plataforma na comarca e no país en xeral".

Escrito aos bancos

"Stop Desahucios" tamén está a enviarlle escritos ás entidades bancarias que operan nesta bisbarra, apelando á súa responsabilidade social para que se aveñan a buscar solucións axeitadas para as familias que non poden facer fronte a unha hipoteca e teñan que entregar a súa vivenda. A citada plataforma opta pola dación en pago como método para saldar as débedas para que, enriba de que a familia se queda sen vivenda, non teña que estar a facer uns pagamentos cos que non podería nin alugar outra ou mesmo manterse no día a día. A continuación, o escrito enviado a NovaGalicia Banco, unha entidade que ten moitos clientes na zona e que está salpicada polo escándalo das preferentes, con continuas protestas enfronte das súas oficinas en Boiro e Rianxo, principalmente, aínda que xa chegaron a Noia.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical