18.10.12

Noia: relacionan a desastrosa campaña marisqueira coas obras da variante na Ría

  • O alcalde sinala que hai máxima preocupación por este asunto e que está en contacto coas consellerías de Medio Ambiente e de Pesca, así como con Intecmar
  • Nun mitin onte en Portosín, a candidata socialista ao Parlamento Marisol Soneira criticou que a Xunta inda non indemnizara ás 1.400 familias afectadas polas obras da variante na Ría de Noia
http://farm5.staticflickr.com/4046/4350967439_6b8ac95d37_z.jpg?zz=1Vista satélite da variante de Noia. O viaduto que cruza a Ría está apousentado en bancos de marisco riquísimos ata agora          Noia, 18 de outubro de 2012.- A candidata socialista ao Parlamento de Galicia, Marisol Soneira, lamentou onte pola tarde no decurso dun acto electoral en Portosín o feito de que a Xunta aínda non teña indemnizado ás 1.400 familias da zona afectadas polas obras na ría de Noia. Segundo Soneira, a produción pesqueira e marisqueira, especialmente a do berberecho, tense resentido enormemente esta temporada por múltiples factores ligados á “incompetencia” da Xunta en materia de política pesqueira."Hai contratado seguro para estes danos?", pregunta o PsoePara Soneira, as obras da variante de Noia na ría teñen afectado á “produtividade” nos bancos de berberechos da zona e cualificou de “desfeita” que unha parte da ría de Noia se teña declarado zona C. Marisol Soneira pide que a Consellería de Pesca faga públicos as análises de calidade de auga que posúe a Consellería desde o inicio das obras da variante, así mesmo pide que o servizo de Conservación da Natureza da Consellería de Medio ambiente dea explicacións das afeccións que está a sufrir a zona de Rede Natura onde se atopan os bancos marisqueiros polas obras ou se existe influencia das gaiolas de salmón. Tamén pide explicacións ao conselleiro de Medio Ambiente por se ten contratado un seguro por posibles danos durantes as obras da variante de Noia.Declaracións do alcalde de Noia: "A preocupación é máxima"https://twitter.com/rafaelguerrero/status/257895429335810048https://twitter.com/rafaelguerrero/status/257934134339596288Tuits do 15 de outubro do alcalde noiés cando comezou a campaña marisqueira en NoiaO alcalde de Noia, o socialista Rafael García Guerrero, afirma que "a diminución de berberecho nos bancos marisqueiros é un desastre para economía local e a nosa preocupación é máxima". O rexedor, que sempre se opuxo ao viaduto sobre a Ría, ao igual que o goberno bipartito anterior na Xunta de Galicia, por temor a posibles efectos sobre a maior fonte de riqueza da economía de Noia, declarou que "cando a Xunta nos comunicou o cambio de clasificación de zona B a C mantivemos inmediatamente contactos coas consellerías de Medio Ambiente -que está facendo a variante de Noia- e coa Conselleira de Pesca e tamén con representantes do Intecmar". Rafael García Guerrero sinala que "a nosa economía depende do marisco e cos recortes da Xunta a todos os niveis faltaban medios para controlar o furtivismo, pero a principal preocupación agora é o empeoramento na calidade da auga e o cambiada que está a praia".Inicio desastroso e apupos ao presidente da confraríaNamentres o ano pasado pasaran polas lonxas do Freixo e Testal nada menos que 51 toneladas de marisco no inicio de campaña, desta volta apenas chegaron ás 30, ou sexa, máis de 20.000 quilos menos de bivalvos. Esta mesma semana, o presidente da confraría noiesa, Santiago Cruz, explicaba na Radio Galega que as mariscadoras a pé conseguiran xuntar os seus cupos pero os mariscadores en embarcación estaban moi lonxe de conseguilos. Este directivo da confraría bótalle a culpa ás condicións meteorolóxicas. Segundo nos contaron veciños que presenciaron o incidente, Santiago Cruz foi apupado por parte dos mariscadores neste inicio de campaña marisqueira, con berros de "arruinastes a praia coa ponte do PP". http://farm5.staticflickr.com/4015/4351716234_b64f1f424c_z.jpg?zz=1Recreación virtual de como quedará a ponte sobre a Ría de Noia ao remataren as obras467.000 euros nun convenio en outubro do ano pasadoO conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e o patrón maior da  Confraría de Pescadores de San Bartolomé de Noia, Santiago Cruz  Martínez, asinaron o 26 de outubro de 2011 en San Caetano (sede da Xunta de Galicia en Santiago) un acordo polo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio  e Infraestruturas establece unha cantidade de 467.200 euros para  compensar a afección temporal aos recursos marisqueiros mentres duren as  obras da a variante de Noia. As obras consisten na execución dunha ponte sobre a ría que enlazará a VAP Brión-Noia coa estrada AC-550 en  Taramancos.

O acordo establecía "compensacións económicas debido á ocupación temporal da zona coa plataforma de traballo, ademais dunha posible afectación na produción marisqueira. A vixencia do mesmo é de tres anos". As afectacións derivadas das obras foron determinadas na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) elaborado pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, onde se especifica que se nos estudos da dinámica litoral da ría de Muros e Noia afectados pola construción do viaduto se derivasen afeccións a hábitats produtivos, elaborarase unha memoria de medidas compensatorias. A Xunta non informou aínda de cando se fará esta memoria inda que, como estamos en campaña electoral, todo serán promesas estes días.

O barato pode saír moi carohttp://farm7.staticflickr.com/6080/6130791937_e45e62b17c_z.jpgVisita de Agustín Fernández ás obras da variante en setembro de 2011Segundo publicamos en xullo de 2011 en Certo, a actual Xunta fachendeou de que a variante noiesa que Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente e Infraestruturas, proxectou e adxudicou á empresa na que antes traballara, Puentes y Calzadas, era moito máis barata que a que proxectara o Bipartito polo interior:"Cabe lembrar tamén que a variante de  Noia polo interior que tiña previsto facer o bipartito, e que non foi capaz de iniciar, tiña un custe de 80 millóns de euros, polo que a actuación que vai a levar a cabo o actual Goberno implica un aforro de 47 millóns de euros para as arcas autonómicas con respecto ao que  pretendía facer o bipartito. Pese á demagoxia e os atrancos do principal partido da oposición, a Xunta vai facer unha auténtica variante de Noia: máis vertebradora, cun trazado máis curto, con menor impacto ambiental e, ademais, en menos tempo e por menos da metade de prezo do que pretendía facer o anterior goberno", dicía literalmente aquela nota da Xunta de Feijóo.Outro caso en Galicia de berberecho desaparecido: Fozhttp://farm7.staticflickr.com/6165/6153283262_21e36cb5d3_z.jpgCuriosamente, unha das localidades costeiras de Galicia que tiña unha gran produción de berberecho como Noia hai medio século, Foz, na Mariña de Lugo, comezou a perder todos os seus bancos marisqueiros ao facérense obras nos peiraos propios e cercanos, por cambiaren as correntes e acumularse áridos onde antes non o facían. Agora, en Foz, do berberecho só queda a lenda e unha das poucas Festas do Berberecho galegas que, paradoxalmente, trae todo o seu produto gastronómico de Noia e Rianxo.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Medio Ambiente: Adega fai balance da lexislatura de Feijóo e despide ao presidente por voltar "ao franquismo ambiental"

Polo seu interese  informativo, adxuntamos íntegra a nota de Adega:

2012
Galiza, outubro de 2012.
Rematou a lexislatura máis nefasta para o ambiente dende a era Fraga. Que a crise ten tamén unha compoñente ambiental, vímolo ben na Galiza durante toda a lexislatura de Feijóo: Os recurtes nos dereitos sociais foron parellos a un retroceso sen precedentes nas políticas ambientais. Desartellamento territorial, deconstrución da lexislación ambiental e amnistía para o "ladrillazo", especulación cos recursos naturais, cos montes, co litoral, cos espazos protexidos, cos residuos, exterminio planificado da nosa biodiversidade, corrupción e barra libre de chumbo para a fauna... En definitiva, unha volta ás políticas máis rancias e insustentábeis, descoñecidas en Europa e máis propias da época franquista que dun país democrático. Este día 21 o noso medio ambiente, a nosa natureza aínda privilexiada mais continuamente aldraxada, non vota. Faino tí por ela!

Territorio e urbanismo: Malversando a toda costa. O caso Barreiros supuxo a demolición controlada pola Xunta dun marco legal (a Lei do Solo) que puña algún límite ao todo vale, ao renunciar aos contenciosos e desviar cartos públicos para favorecer aos amos do "ladrillo" e aos seus testaferros políticos. Esta vía de auga aberta por Feijóo na xestión do territorio deixou baleira de contido toda a lexislación urbanística previa, substituíndoa pola arbitrariedade e a discrecionalidade. É o "urbanismo real" que invocaban Feijóo e Hernández para "solucionar os problemas" do urbanismo legal: as leis e normas teñen o feo vicio de limitar as comenencias e prohibir a política dos feitos consumados. Mais os ataques ao territorio non pararon en Barreiros: modificacións á carta da Lei do Solo, eliminación de molestos trámites ambientais e como colofón, unha Lei de Industria que permitirá aos especuladores internacionais inundar de cianuro os nosos espazos protexidos á procura do ouro suxo e á Xunta inxectarlles a dedo cantos fondos públicos precisen.

Residuos: A incineración, un pesadelo que non cesa. O Plano de Residuos do PP traía debaixo do brazo máis incineración. Tivo que pasar case un ano para coñecermos a ubicación proposta da nova incineradora (O Irixo), porque a Xunta atendeu primeiro ao interese político do PP en esquivar posíbeis repercusións eleitorais. Feijóo e Hernández pretendían reproducir no sur o fracaso de SOGAMA, un modelo caduco, ruinoso para os concellos, insolidario coa cidadanía e perigoso para a saúde e o ambiente. A incineración en Galiza é unha opción política, non técnica nin moito menos legal, e así o quixemos poñer de manifesto promovendo unha ILP contra a incineración, que nestes intres aínda recolle sinaturas. Finalmente, os vicios do neoliberalismo acabaron tumbando os soños incineratorios de Feijóo: Unha planta de 260 millóns enteiramente privada e sen primas eléctricas logo de que Rajoy fulminara as axudas ás renovábeis? Política-ficción. Ao final, Feijóo e Hernández despertaron do seu soño... pero para desgraza nosa o dinosauro de SOGAMA segue aí.

Montes: Máis lume, especulación... e máis eucaliptos. A maquinaria da especulación capitalista tiña nesta lexislatura un obxectivo claro: penetrar nos nosos montes e afortalarse no mundo rural. O instrumento: os seus factótums políticos na Xunta e no sector forestal e pasteiro; o veículo: a castración da lei de Defensa contra os incendios e a nova Lei de Montes que veu a luz "in extremis" nesta lexislatura. En ADEGA non nos resignamos ao andazo dos lumes, que nos últimos 12 meses arrasaron case 17000 hectáreas só en espazos protexidos: un récord histórico. Estes lumes teñen claros cooperadores necesarios por acción ou omisión dende as institucións. Esa é a broza que compriría limpar axiña. Tamén asistimos ao intento da partronal pasteira e agroquímica de recolonizar os nosos montes con millóns de eucaliptos transxénicos, agasallados coa fumigación masiva cun pesticida proibido, mentres a Xunta, dilixentemente, mira para outro lado.

Enerxía: Antes euros sen muíños que muíños sen euros. Para a ONU, este 2012 é o ano da "enerxía sustentábel para todos". En Galiza, o 2012 debía ser o dunha nova vaga de eólicos en prácticamente calquera curuto... de non ser pola crise. Ao comportamento suicida e oneroso para as arcas públicas que supuxo a anulación do anterior concurso eólico, perfectamente legal segundo sentenciou o TSXG, uniuse o inesperado "agasallo" do "governo amigo" retirando as primas públicas ás renovábeis. Dun día para outro, centos de magawatios ficaron (e nunca millor dito), no ar. Todo o tecido político-económico argallado por Feijóo para colocar o vento galego e beneficiar xa non a masaxistas, cuñados de directores xerais ou mulleres de alcaldes como durante o fraguismo, senón a grupos de capital-risco afíns e grandes empresas enerxéticas, rachou en anacos. O concurso eólico do PP foi concebido para camuflar a enaxenación dos nosos recursos naturais aos tabeiróns da especulación enerxética, alén de levar como un parasito apegado a incineradora do Sur. Era un negocio redondo: Privatizar dun golpe o vento e os refugallos, até que a crise e Rajoy devolveron a Feijóo á realidade e os especuladores fóronse co vento.

No litoral, que non falten rodaballos e salmóns con antibióticos. Co Plano Director de Acuicultura, Feijóo non só deu por boas as ubicacións do contestado Plano Acuícola do bipartito, senón que foi máis aló: as piscifatorías poderán ir... onde diga a consellería (vale dicer Pescanova). Todo comezou en 2010 co pomposo POL, que de tantas execepcións, na prática permitía case todo a criterio da administración. Despois chegou o "experimento" das gaiolas de salmón, e a Xunta deixou claro de que lado estaba: do da macroacuicultura industrial, a que pretende convertir o noso litoral nun inmenso polígono industrial para lucro das multinacionais do peixe con antibióticos, ao estilo do acontecido en Chile. E ao igual que no cono Sur, serán a pesca tradicional, o marisqueo e o ecosistema das nosas rías os que pagarán as consecuencias. Nestes intres, fronte á ameaza das macroplantas de peixes de plástico só estamos os ecoloxistas... e a crise: A falla de subvencións europeas á macroacuicultura está a demorar desfeitas coma a de Touriñán, mais a partir de 2013 esta situación podería mudar.

Os ríos, para quen poida pagar por eles; as rías, para os contaminadores. A aperta de Galán a Feijóo no Obradoiro na investidura de 2009 abreu para Iberdrola todo un mundo de posibilidades en Galiza. Dende ese día, tanto Iberdrola como Fenosa sabían que non ían ter ningún problema para levar adiante os seus proxectos hidroeléctricos no país, mesmo desecando por completo un río durante meses en plena Rede Natura ou agasallando con 3 anos con voaduras e millóns de toneladas de entullo aos canóns do Sil, na Ribeira Sacra, patrimonio da humanidade e acubillo de especies coma a aguia real, en perigo de extinción. Nos nosos ríos, o novo Plano Hidrolóxico antepón o aproveitamento hidroeléctrico aos usos ecosociais, mentres a Xunta segue mantendo ao Umia na UVI, gravemente contaminado e gastanto 22 milóns de € para seguir facéndolle o xogo a Cortizo. Hai bula tamén para que ENDESA e FENOSA enchufen as súas balsas mineiras das Pontes e Meirama á Rede Natura e trasladen á cidadanía os custos de facer fronte de por vida ao tratamento da acidez e dos metais pesados. O saneamento integral das rías pode esperar, con 8 grandes vilas e cidades costeiras incumprindo a directiva de depuración dende hai 10 anos, mentres REGANOSA, FINSA-FORESA ou ENCE seguen a usalas de cañeira. E agora, coa voadura da Lei de Costas que Cañete e Rajoy acaban de perpetrar, ENCE-ELNOSA seguirá contaminando 75 anos máis na ría de Pontevedra.

Rede Natura? Póñame cuarto e metade. Despois de agardarmos 8 anos pola ampliación da Rede Natura galega, O PP acabou apresentando unha proposta misérrima que fai que Galiza siga á cola do estado. Malia a contarmos cunha das biodiversidades máis ricas de Europa, Feijóo propuxo unha ampliación do 12% actual ao 15%, lonxe da media estatal (28%) e da Rede Natura nas autonomías veciñas: Castela e León, 26% e Asturies, 29%. A isto hai que engadir un Plano Director que permite case todos os usos, incluidos os construtivos, en máis do 70% da Rede Natura, e mesmo nas zonas de maior valor permítense piscifatorías, incineradoras, caza, rallys, recualificar solo rústico... a discreción do Sr. conselleiro. Como complemento, os responsábeis da conservación da biodiversidade convertiron aos nosos montes nun enorme couto de caza no que pegar tiros todo o ano e no que "educar" a nenos de 14 anos armados. E como na película "Os Santos Inocentes" son os amigos do poder os que cazan de balde, mentres os dirixentes exercen como alimañeros promovendo sen rubor o extermino do lobo.
 
Educación Ambiental? Mellor cursos de biocidas e motoserras. A situación da Educación Ambiental, como o da educación en xeral, é catastrófica. As iniciativas da Xunta para a promoción da educación ambiental (EA) son case inexistentes, coa EGEA (Estratexia Galega de Educación Ambiental) esquecida nun caixón dende hai anos. Ao brutal recorte de actividades e recursos (0€ en 2012); ao peche e infrautilización de equipamentos (Centro de Interpretación A Siradella, C.I. do P.N. Monte Aloia, do P.N. da Enciña da Lastra; do P.N. de Corrubedo, Aula de Chelo...); ao abandono da EA no sistema educativo polos continuos recurtes; aos despedimentos e desaparición de empresas, hai que engadir o escandaloso desbaldimento de recursos en eco-mausoleos como o Centro de Interpretación dos Espazos Naturais Galegos de Ourense (8 millóns de €) ou das das Illas Atlánticas. E no eido da formación ambiental non regrada sobre materias ambientais, a Xunta ofertou no que vai de ano nada menos que 28 cursos de "aplicador/manipulador de biocidas" por 2 cursos de prevención e loita contra os lumes; 1 de "ruido ambiental" e 1 de "manexo básico da motoserra".

Finalmente, en ADEGA queremos tomarlle a palabra ao Sr. Feijóo cando na campaña de 2009 subscribira o seu "contrato con Galicia", segundo el "de carácter vinculante e verificábel". Nese documento, a "cláusula 10" facía referenza ao medio ambiente, e dicía o seguinte "Ligar a política territorial ao medio ambiente e facer do respecto medioambiental un principio irrenunciable". Pois ben, 3 anos e medio despois e visto o nefasto balanzo ambiental da súa lexislatura, vémonos na obriga de sinalar que Feijóo non cumpríu cos obxectivos do seu contrato coa cidadanía e, portanto, este día 21 procederemos a comunicarlle o seu despedimento por causas máis que xustificadas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

17.10.12

Dodro: ponse en marcha un servizo de roupeiro

Dodro_roupeiro

Dodro, 17 de outubro de 2012. O Concello de Dodro informa hoxe de que se poon en marcha "por primeira vez en Dodro" o proxecto solidario “Roupeiro de Dodro” promovido pola Concellería de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Dodro.

O Roupeiro ten unha primeira fase de recollida na que as familias de Dodro con excedentes de roupa e calzado poderán entregalas no departamento de Servizos Sociais do Concello. O prazo de recollida é do 1 de novembro ao 15 de decembro de 9h a 14h. Preténdese facer dúas recollidas ao ano coincidindo cos cambios de estacións.

 
A roupa e o calzado deben estar en bo estado de uso e limpas e admitirase todo tipo de prendas de roupa así como de enxoival doméstico. A Concellería de Servizos Sociais e Igualdade contará para este proxecto solidario coa colaboración da rede de voluntariado do Concello que estará coordinado por un técnico do departamento. O persoal voluntariado encargarase da clasificación, arranxos e limpeza de ser o caso, de todo o material recibido.

A segunda fase do proxecto será a entrega de roupa e calzado a familias do Concello de Dodro, beneficiarias e seleccionadas polos técnicos do departamento de Servizos Sociais e non repercutirá custe algún para elas.

Unha vez rematado o prazo de distribución que se estableza, o excedente xerado, de ser o caso, será entregado directamente a unha ONG do ámbito máis cercano que teña roupeiro.

Nova edición de "Un neno, un xoguete, unha ilusión"

Dodro_xoguetes

Asemade, esta concellería pon de novo en marcha o proxecto de recollida de xoguetes iniciado o ano pasado “Un neno, un xoguete, unha ilusión”. Os veciños/as poderán entregar todo tipo de xoguetes en bo estado de uso a partir do día 1 de novembro no departamento de Servizos Sociais de 9h a 14h.

Antes, en Certo:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Psoe esixe a reapertura "inmediata" da piscina municipal

Media_httpfarm2static_axpgc


Boiro, 17 de outubro de 2012. A Executiva do PSOE de Boiro demanda ao alcalde Juan José Dieste a reapertura da piscina municipal, mediante o emprego dos cauces necesarios, facendo fincapé en que estas instalacións son unha necesidade primordial para os cidadáns do Concello de Boiro.


Despois de que nestes días a empresa concesionaria da piscina, Supera, sinalara que as obras que se viñeron facendo no complexo de A Cachada non serán suficientes para o seu uso e que mesmo non se estaría informando á empresa dos detalles destas accións por parte do Concello, os socialistas quixeron lembrar que estas instalacións foron pagadas por tódolos boirenses e teñen dereito a usalas.

Un problema sen solventar dende xuño

 Os socialistas critican que se leve con este problema dende o mes de xuño, cando se pecharon estas instalacións deixando sen este servicio aos boirenses, os cales teñen que desprazarse a outros municipios da comarca para poder realizar cursos de natación para aprender a nadar, por prescripción médica ou mesmo por cuestión de saúde ou hobby.


Un alcalde ineficaz ante un problema menor

Jorge Campaña, secretario xeral do PSOE local, criticou que “se o alcalde Juan José Dieste non foi capaz de solucionar un problema que poderíamos tildar de “menor” —pola súa xestionabilidade— como é o da piscina municipal, con que garantías vai a enfrontar verdadeiros problemas coma os do desemprego xuvenil no noso Concello, por exemplo?”.


Dende o PSOE esixen “eficiencia e eficacia por parte do executivo, especialmente tendo en consideración que temos un alcalde que cobra coma un Ministro: falamos de 110.000 euros entre o alcalde e o tenente de alcalde, é dicir, case vinte millóns de pesetas”. Se ben dende o goberno do Partido Popular sinalaron en varias ocasións a través da prensa que a solución estaba próxima, case cinco meses despois o complexo deportivo segue pechado. “Pensamos que estas novas foron feitas para gañar tempo e enganar aos veciños e veciñas xa que, de ser certas, os boirenses estaríamos desfrutando da piscina, do pavillón e do ximnasio dende hai tempo”, quixo engadir Campaña, quen reclama ao alcalde "que traballe para solventar os problemas dos veciños e veciñas de Boiro".

Pode que tamén lle interese:




 

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Espazos Sonoros remata este xoves 18 co concerto do grupo de música antiga "1500"

  • O Grupo de música antiga 1500 e Marco Ambrosini clausurarán o festival o xoves 18 de outubro na igrexa de Santa María a Nova de Noia cun concerto, ás 20.30 horas, baixo o título: "Comer, rezar, namorar..."

Grupo-1500-2
Noia, 17 de outubro de 2012. O Grupo de música antiga "1500" e o músico Marco Ambrosini poñen fin este xoves 18 na igrexa de Santa María A Nova, en Noia, á programación dos Espazos Sonoros 2012.

Tras un mes e medio de programación a presente edición dos Espazos Sonoros remata cun concerto moi especial, un encontro entre a formación galega de música antiga, o Grupo de música antiga 1500 e o músico Marco Ambrosini.

Baixo o título Comer, rezar, namorar..., o Grupo 1500 presenta un programa de músicas dos cancioneiros ibéricos do Renacemento arredor de tres temas universais. Obras de importantes autores ibéricos dos séculos XV e XVI serán recreadas polo Grupo 1500, co seu persoal e característico estilo interpretativo. Toda unha serie de descoñecidas e fermosísimas pezas, que sorprenderán pola súa calidade textual e musical. O grupo conta, ademais, coa colaboración dun artista de excepción, Marco Ambrosini, un dos máis afamados intérpretes dun instrumento popular das culturas nórdicas, a nyckelharpa.

Nesta edición, Espazos Sonoros afianzou os seus obxectivos de captación de novos públicos para a música con cheos absolutos en concertos e en actividades paralelas. Concertos como o da formación Ulobit no Museo Massó en Bueu e Sara Ruiz na Reitoral de Gundivós en Sober, ou actividades como a soireé organizada na Casa Grande de Vilancosta na Estrada, que esgotou o seu cupo de entradas dispoñibles, dúas horas despois de abrirse o prazo de inscrición, son testemuña de como esta programación cumpriu coas expectativas dun público cada día mais interesado en novas propostas para outro tipo de lecer.

Formacións como Seldom Sene, Ulobit, Iván Abal e Marisol Mendive, o Grupo de música antiga 1500, Marco Ambrosini, Germán Díaz, Charo Pita e Javier Fernández, Sara Ruiz, Valadarestiada e o arpista Andrew Lawrance-King percorreron diferentes espazos de interese cultural de Galicia, algúns xa coñecidos polo festival como a igrexa de San Pedro en Lugo ou o Liceo de Ourense, e outros novidosos espazos descubertos para o deleite musical como o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o Museo Massó en Bueu, a Reitoral de Gundivós en Sober ou a Casa Grande de Vilancosta na Estrada.

Antes anunciamos:


Concerto: "Comer, rezar, namorar", o 18 de outubro

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: tres concelleiros non adscritos abandonan o pleno pola actitude "dictatorial" da alcaldesa socialista

Media_httpfarm9static_ggutg

María Xosé Alfonso e María Sambade foron dúas das concelleiras que se foron do pleno

Muros, 17 de outubro de 2012. No día de hoxe celebrouse un pleno extraordinario e urxente no concello de Muros con dous puntos na orde do día, á parte da ratificación da urxencia.

Os concelleiros non adscritos solicitaron repetidamente que, tal e como figuraba na orde do día, se trataran os dous puntos por separado e se votaran por separado, "pois o sentido do voto non ten por que ser o mesmo en dous asuntos que son distintos", explican. Ao que a alcaldesa, co apoio do grupo do PP, se negou e plantexou unha única votación, obrigando a que os concelleiros e concelleiras da corporación votaran o mesmo nos dous casos, motivo polo cal as concelleiras María Xosé Alfonso, María Sambade e o concelleiro José Manuel Quintela abandonaron o salón de plenos.

A pesar de que coa abstención anunciada do grupo do PP as dúas propostas da alcaldesa sairían adiante fora cal fora o sentido dos votos dos concelleiros non adscritos, estes consideran vulnerado o seu dereito a votar en cada un dos puntos da orde do día, "o que é unha nova mostra da actitude dictatorial da alcaldesa de Muros", aseguran.

Tamén denuncian os concelleiros non adscritos a pésima xestión da alcaldesa, pois a pesar de que o RDL 20/2012 lle dá aos concellos un prazo de tres meses para fixar a prestación económica na situación de incapacidade temporal dos/as traballadores/as, non é capaz de levar este asunto a un pleno ordinario nese prazo e convoca un pleno extraordinario e urxente xa fóra dese prazo, evitando así o diálogo e debate cos grupos da oposición na comisión informativa que correspondería.

Incumprimento cos traballadores do Concello

Por último, os tres concelleiros non adscritos queren denunciar publicamente o incumprimento por parte da alcaldesa do acordado no pleno no que se aprobou o plan de axuste, pleno no que aceptando a petición dos concelleiros non adscritos, a propia alcaldesa se comprometeu a que as medidas que afectaran aos traballadores se tomarían só en última instancia e sempre previo acordo con eles. "Algo que claramente incumpre neste pleno, pois o acordo que aparece como 1º punto na orde do día non foi acordado cos traballadores e non están esgotadas as medidas que se poden tomar sen prexudicar aos traballadores nin á cidadanía", finaliza María Xosé Alfonso Torres, portavoz dos concelleiros non adscritos.



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: este venres 19 celebran o Día contra o Cancro de Mama

Muroscontraocancro

 

Muros, 17 de O departamento de Servizos Sociais e o Centro de Información a Muller ( CIM) do Concello de Muros en colaboración coa AECC, teñen programadas unha serie de actividades para o vindeiro venres 19 de outubro “ Día contra o cancro de mama".

Pola mañá ás 11.30 h o poñente Marcos Calvo Martínez, psicólogo da AECC de Santiago dará unha charla-coloquio “Cancro de mama, enfermidade curable”.

As 12.30 h no Curro da praza do Concello, convídase a que a xente colabore para formar un lazo humano, que simbolizará a unidade de todos contra esta enfermidade.

Xa pola noite, ás 22.00 h no auditorio da Casa de Cultura, terá lugar unha gala benéfica con dúas monologuistas, Isabel Risco e Isa Chao.

Xa están a venda as entradas e unhas camisetas coas que a xente pode  facer a súa aportación  a dita causa,  ao mercalas.

Coa entrada sortearanse uns agasallos entre tódolos/as participantes.  A recadación da taquilla así como a da venda de camisetas será destinada integramente a AECC.



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: Aguiño e Carreira tamén terán pistas de céspede artificial

  • Serán de 40 por 20 metros cadrados e valerán case 100.000 euros, dos que a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aporta 82.000
  • Non se sabe cando entrarán en funcionamento

Ribeira, 17 de outubro de 2012. Tal e como se publica no Diario Oficial de Galicia do día de hoxe, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) destina ao Concello de Riveira unha achega económica de 81.959,25 euros (sobre un importe total 96.554,84 euros), dirixida á construción no municipio de dúas novas pistas polideportivas. Estas instalacións estarán situadas na Tasca (Aguiño),nas inmediacións do campo de fútbol; e en Frións (Carreira), no recinto do centro de ensino infantil e primario alí situado.

Cada unha das pistas medirá 40x20 metros: é dicir, serán considerablemente máis grandes que as novas pistas de Abesadas (28x14 metros) e do Centenario (10x7 metros). Non obstante, esteticamente será moi semellante a estas, cun armazón de aceiro mesturado con taboeiros de madeira de piñeiro, con céspede artificial de última xeración e con porterías e canastras integradas na propia estrutura.

Con carácter preliminar á colocación das pistas, serán adecuados os lugares da actuación. No caso do CEIP Frións, actualmente a área de xogo na que se proxecta a actuación presenta un pavimento asfáltico deteriorado, co cal será necesario arranxar a soleira existente. En canto á Tasca, haberá que nivelar, compactar e pavimentar a esplanada na que se localizará a pista.

Non se dan datas de remate e entrada en funcionamento das mesmas.

 
Este mesmo ano foron construídas as pistas polideportivas de Abesadas e do Centenario, á que lle falta por estender o céspede artificial.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Lousame: a Banda de Música participa por segundo ano consecutivo o VI Certame de Bandas

  • Entre o 16 e o 18 de novembro en Santiago
  • Antes ten que ensaiar moito, e dará tres concertos previos. O primeiro deles é este sábado 20 no auditorio de Valga
  • O ano pasado conseguiu dous premios


Un dos temas interpretados pola Banda de Lousame no certame anterior

Lousame, 17 de outubro de 2012. A Banda Municipal de Música de Lousame actúa por segundo ano consecutivo no Certame Galego de Bandas de Música. Este evento, organizado conxuntamente pola Federación Galega de Bandas de Música e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, chega este ano á súa sexta edición e terá lugar os días 16, 17 e 18 de novembro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela. A Banda de Lousame participa na Sección Terceira xunto coas bandas de Ribadavia, Arteixo, Chapela e Cabral. A súa actuación será o venres 16 de novembro ás 8 da tarde.

Para preparar o repertorio co que se presenta a Banda de Lousame realizará  tres concertos previos, o primeiro dos cales ten lugar este sábado día 20 no Auditorio de Valga ás 9 da noite. A Banda de Lousame espera repetir o éxito da anterior edición onde acadaron dous premios: o segundo premio na Sección Terceira e o premio á mellor interpretación dunha obra galega coa obra “O demo de Carboeiro” de Manuel Blanco Dosil. Este compositor do concello de Outes volve colaborar este ano coa Banda de Lousame compoñendo para interpretar neste certame a obra “Escenas do Atlántico”.

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este domingo 21, ademais das eleccións, Andaina polos montes da Garita

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical