16.11.12

Ribeira: o sábado 24 e domingo 25 de novembro, curso de creación de roteiros e animación culturais

  • Organiza o Concello. O 1 de decembro impártese a parte práctica
  • Será no centro de interpretación de San Roque

Media_httpfarm5static_tigmt

Vista do cenador do parque de San Roque

Ribeira, 16 de novembro de 2012.- O Centro de Interpretación do parque periurbano de San Roque vai dar cabida dende finais deste mes a un curso de Creación de Rutas e Animación promovido polo Concello.

O curso está auspiciado dende a Concellería de Xuventude e Igualdade, que dirixe Aroa Fernández, co obxecto de dinamizar o turismo do municipio a través da formación da poboación para poder prestar un servizo de atención de calidade. Con tal motivo, no transcurso da acción formativa achegarase ao alumnado o coñecemento do patrimonio do concello, aprenderáselles a facer animación na guiada, daráselles a coñecer o turismo potencial e a perfilar unidades de desenvolvemento que provoquen maior afluencia do mesmo e

O desenvolvemento técnico do curso correrá  a cargo da empresa Golfiño Xestión de Ocio, actuando como docente Irene Maneiro Paz, dinamizadora turística da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte.

Media_httpfarm4static_ejrjc

Entre as visitas haberá unha á lonxa de Ribeira

Inscricións

As clases desenvolverase os días 24 e 25 de novembro e 1 de decembro, en horario de 9 a 14 e de 16 a 21 horas. As inscricións deben facerse na Casa da Xuventude de Riveira. Hai un máximo de 25 prazas.

Programa completo:

DÍA 

CONTIDOS

SÁBADO 24 DE NOVEMBRO

Parte teórica

Presentación do programa do curso

Aspectos xerais do turismo e o ocio

A xeografía turística: diferenzas entre destino e xeodestino

O patrimonio de Riveira e da comarca

O potencial turístico do patrimonio de Riveira e da comarca. Os recursos turísticos

Características  e diferenzas entre recurso, produto turístico, paquete turístico e ruta turística

A accesibilidade Universal como eixe transversal na planificación dunha ruta turística:

  • Definición
  • Tipos de discapacidades
  • Recursos para a atención
  • Textos de lectura fácil

A interpretación do patrimonio como eixe transversal na planificación dunha ruta turística:

  • Definición
  • Obxectivos
  • Principios e aplicacións

O perfil do monitor - guía

Planificación e deseño dunha ruta turística e de animación

A ruta

  • Obxectivos
  • Perfís do público visitante
  • A mensaxe interpretativa, o tópico e o tema
  • Conceptos tanxibles e intanxibles

Traballo de campo

  • Inventario e ficha de avaliación dos recursos
  • Rasgo interpretativo
  • Índice do potencial interpretativo
  • Conceptos tanxibles, intanxibles e universais dos recursos inventariados
  • Mapa temático

Elaboración do guión da ruta

  • Busca e selección da información
  • A redacción do guión  baixo criterios de Interpretación do Patrimonio

Boas prácticas no guiado

Avaliación

A promoción da ruta

  • Deseño de folletos
  • Recursos para a promoción web 2.0
 

Lexislación e bibliografía

 

DOMINGO 25 DE NOVEMBRO

Parte práctica

 

VISITA Á  LONXA DE RIVEIRA

 

ACTIVIDADE PRÁCTICA

Fase I. Deseño dunha ruta con temática mariñeira no entorno urbano de Riveira

Creación de grupos e reparto de tarefas para a experiencia piloto.

Traballo de campo:

  • Inventario de recursos
  • Determinación do nº de paradas
  • Duración estimada
  • Identificación de espazos para a realización de dinámicas e animación
  • Identificación de contidos para promoción

Elaboración dos contidos

  • Seleccións dos temas a interpretar en cada parada
  • Elaboración de documento informativo e gráfico
  • Elaboración de material de apoio

 

A promoción en folleto

  • Elaboración conxunta dun folleto de promoción da ruta creada

 

 

SÁBADO 1 DE DECEMBRO

Parte práctica

Campus vivencial de rutas guiadas

  • Ruta audioguiada en Palmeira
  • Visita guiada no Museo  municipal
 

Avaliación do campus vivencial

  • Análise das diferenzas entre rutas audioguiadas e rutas guiadas por un intérprete

ACTIVIDADE PRÁCTICA

Fase II. Presentación e realización da ruta deseñada a cargo dos alumnos do curso

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Colaboración: "Nada que ver con nós", por Javier Ferreirós

Woody-guthrieresized
"Xa viches a un millón de persoas así. Poida que na parte máis poboada da túa cidade; a parte de atrás, a que está conxestionada e amoreada, a parte pola que é máis difícil transitar en coche. Poida que te preguntaras: “De onde vén tanta xente? Como comen e se manteñen vivos? Para que serven? E por que viven dese modo?”. Esas persoas tiveron unha casa e un fogar coma o teu, establecéronse e tiveron un emprego igual ca ti. Entón algo os sacudiu e perdérono todo.”

Rumbo_gloria
Quen nos fala é Woody Guthrie (1912-1967) a quen xa dediquei un artigo en Certo. Recolle esta reflexión nas súas memorias, Bound for Glory (publicadas en castelán co título Rumbo a la gloria por Global Rhythm Press en 2009), escritas cando tiña 30 anos e xa vivira máis do que moitos viviremos nunca. Os Estados Unidos saían da Gran Depresión e entraban na guerra; o ser humano vivía o momento máis crítico da súa historia, polo momento. As razóns polas que comento este texto son, obviamente, a súa “rabiosa actualidade” e a súa ferinte honestidade, tan propia de toda a obra deste bardo da era industrial que nunca coñeceu o “Estado do Benestar” con que as esgotadas democracias europeas, a través dunha serie de concesións, intentaron contentar ós traballadores trala II Guerra Mundial por medo ó triunfo do comunismo, igual que antes intentaran contentar a Hitler concedéndolle todos os seus caprichos ata que invadiu Polonia o 1 de setembro de 1939.

Depression
Nos Estados Unidos creouse a arte que mellor reflicte os vaivéns do século XX, o “século das masas”, durante o cal ese inmenso país foi o seu grande protagonista. Cando Woody escribiu isto a clase traballadora aínda sufría os efectos da Depresión, por moito que os indicadores macroeconómicos dixeran o contrario. Igualmente, todo se suavizará nos medios de comunicación cando cheguen dunha vez por todas os “brotes verdes”, todo soará como unha pílula efervescente caendo na auga das nosas inquedanzas. Pero a besta neoliberal estará a rir entre dentes, refregándose as súas mans de ferro cubertas por luvas de seda.

Gran_depresion_20098
Que será de nós entón, habitantes do último recuncho do mundo? Ata fai nada os galegos viviamos nunha Depresión eterna, entón Franco morreu na cama, os caciques quedaron e de súpeto estabamos integrados no mundo moderno das liberdades e o Estado do Benestar. Xa que entramos nesta dinámica, que antes nos estaba vedada, de poder loitar contra esa miseria estrutural, poida que debéramos facer algo como colectivo; se a angustia ven polo dilema de renunciar a un día de paga ou non, levámola clara. Ás veces semella que a cousa non ten nada que ver con nós. A terra afúndese ós nosos pés e seguimos a asubiar. Como comemos e nos mantemos vivos? Por que vivimos deste modo? E, sobre todo, para que servimos? Deberiamos responder antes de que o faga o Monstro Mecánico.

Anterior colaboración:

"Lennon e McCartney, artistas parisienses"

 


Músico e historiador
Serie exclusiva para Certo coa análise
dos principais discos da música mundial
"Música por dentro"

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: escritores galegos homenaxean a Eusebio Lorenzo Baleirón este sábado 17 de novembro

  • Eusebio cumpriría 50 anos este ano, xa que naceu en 1962
  • O premio que leva o seu nome chega desta volta á súa XXV edición
Media_httpfarm9static_pjfbz

Eusebio, á esquerda, coa avoa Amancia e seu irmán pequeno, Manuel

Dodro, 16 de novembro de 2012. Mañá sábado, 17 de novembro, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega homenaxea ao poeta de Dodro -quen este ano faría os 50 anos- ás 12:30h na súa casa natal na parroquia de Laíño, lugar de Tarrío, 26, do Concello de Dodro, co seguinte programa:

• Intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG
• Laudatio de Paulino Vázquez
• Intervención dun membro da familia Lorenzo Baleirón
• Descubrimento dunha placa conmemorativa
• Lectura poética de poemas de Eusebio Baleirón a cargo de Carlos Negro
• Remata o acto cunha interpretación musical

O acto contará coa presenza dos alcaldes de Dodro e Padrón.

Eusebio Lorenzo Baleirón é un dos grandes poetas da segunda metade do século XX. En palabras de Román Raña no ano 1985: "Pertence á estirpe poética dos 80, percorre coa súa lira terreal os denodados camiños do verbo". "O impeto naceu das entrañas acuciantes dun tempo enneboado. Na poesía de Eusebio achamos a esteira de Borges e a floración de Cunqueiro. Había tempo que o escritor bonaerense non deixara unha pegada tan patente nos versos dun poeta galego: del vén a memoria e os espellos, un inmpudor metafísico que pretende despir a esencialidade das cousas e as normas do cosmos; do escritor de Mondoñedo surxe a eclosión lírica, a demorada reconstrución de espacios estelares e de sombras interiores onde o amor palpita paralelamente á desazón, onde hai papoulas e a espiña intanxíbel que inexorabelmente lacera o poeta."

Pode que tamén lle interese:

Relacionado:
Artigo do escritor Ramón Torrado:


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: o luns 19 de novembro, xornada sobre prevención de violencia de xénero no ámbito educativo

  • Será no auditorio, co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero

Media_http1bpblogspot_izscu

A psicóloga blogueira Ianire Estebánez falará de prevención de violencia de xénero

Ribeira, 16 de novembro de 2012.- O Concello está a preparar a través da súa Concellería Delegada de Xuventude e Igualdade unha nutrida programación de actividades destinadas a conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero que terá lugar o vindeiro 25 de novembro.

A primeira desas actividades acontecerá este mesmo luns, día 19 de novembro. Trátase dunha xornada titulada “Prevención da violencia de xénero no ámbito educativo” que se desenvolverá no Auditorio de Riveira, con participación de alumnos e alumnas de distintos centros educativos do municipio.

Realities e "Mi novio me controla... lo normal"

A xornada dará comezo ás 16 horas coa ponencia “Os estereotipos na pantalla. A realidade dos realities”, impartida polo xefe do departamento de Imaxe na Escola de Imaxe de A Coruña, Francisco Negreira.

A continuación, ás 18 horas, terá lugar a conferencia “Enredámonos?”, a cargo de Ianire Estébanez, blogueira de http://minoviomecontrola.blogspot.com.es e psicóloga especialista en sensibilización e prevención contra a violencia de xénero.

A acción conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Igualdade e o Fondo Social Europeo.

Relacionada:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

15.11.12

Porto do Son: este domingo, 18 de novembro, estrea da curta "Nebra", sobre os mártires de Cans

Ribeira: o 2 de decembro, sétima xuntanza dos maiores na Fieiteira

  • As entradas poranse á venta no Consistorio o vindeiro luns
  • Haberá autobuses de ida e volta entre a cidade e o polideportivo municipal


Ribeira, 15 de novembro de 2012.- Xa hai data e lugar decididos para a celebración da sétima edición da Xuntanza dos Maiores: será o domingo día 2 de decembro e desenvolverase no pavillón polideportivo da Fieiteira.

Así o deu a coñecer este mediodía o concelleiro de Servizos Sociais e Promoción Social do Concello, Vicente Mariño de Bricio, no transcurso dun acto de presentación do evento no que estivo acompañado dos presidentes das asociacións de xubilados e pensionistas de Ribeira (Manuela Romero), Aguiño (Manuel Pérez), Palmeira (Andrés Rego) e Corrubedo (Manuela Domínguez; tamén estivo a secretaria da entidade Josefa Martínez).

O edil do Concello explicou que un dos argumentos que se tiveron en conta á hora de decidir o emprazamento da Xuntanza foi que co uso desta instalación municipal afórranse en custes de organización, principalmente derivados do alugamento de carpas. Para facilitar a asistencia, fretaranse autobuses tanto para a ida como o regreso á cidade.

Os actos conmemorativos da xuntanza darán comezo ás 12.30 horas cunha Misa Solemne na Igrexa de Santa Uxía, con participación da Coral Polifónica Municipal. Ás 14 horas partirán autobuses dende a estación da cidade con destino ao polideportivo. Ás 16.30 horas terán lugar sorteos entre os asistentes. E a partir das 17 horas arrancará o tradicional baile. En torno ás 19.30 horas aproximadamente haberá autobuses para regresar de volta á cidade.

Os maiores poderán retirar as entradas na planta baixa da Casa Consistorial a partir do vindeiro luns día 19. O prezo son 16 euros. Como requisito para poder mercalas cómpre ser maior de 60 anos (ou de 55 no caso dos traballadores do mar) e estar censado en Riveira, podendo comprar un máximo de dúas entradas por persoa.

Mariño indicou que o aforo do recinto son 1.400 persoas. No suposto de que o venres día 30 houbese prazas dispoñibles, abrirase a posibilidade de que ese día maiores doutros concellos poidan participar na Xuntanza.

230 en estimulación cognitiva

No mesmo acto, o edil Vicente Mariño informou de que un total de 230 maiores inscribíronse para participar nos obradoiros de estimulación cognitiva (comunmente chamados talleres de memoria) que, a partires da vindeira semana e ata o próximo mes de maio, desenvolveranse en distintas parroquias do territorio: Palmeira, Riveira, Corrubedo, Aguiño, Castiñeiras e Artes.

O responsable municipal dos Servizos Sociais recordou que esta é  unha das actividades máis demandadas polo colectivo de maiores do municipio. Con esta actividade, a súa Concellería persegue crear un clima de maior mobilidade e acción, aumentar a autoestima e facer dos participantes parte activa da sociedade.

Os talleres constarán de 28 sesións por parroquia, cada unha das cales terá noventa minutos de duración.

Unha monitora licenciada en Psicoloxía responsabilizarase do desenvolvemento dos cursos. Cada un terá entre quince e vinte participantes.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

13.11.12

Ribeira: os Indignados do Barbanza, premio Altofalante deste ano 2012

Acta altofalante do Ano 2012.docx Download this file

  • Hoxe é o "Día da Dignidade de Galicia", polo aniversario da catástrofe do Prestige
  • O premio será entregado no Ateneo Valle Inclán o sábado 24 de novembro ás 18:30

Na imaxe, o ano en que resultou premiada a Cofradía da Dorna

Ribeira, 13 de novembro de 2012. Segundo se indica na acta adxunta, o Premio Altofalante do ano 2012 este ano é para os Indignados de Barbanza. 

Segundo explica a entidade convocante deste galardón, a asociación cultural Altofalante de Ribeira, "queremos recoñecer e apoiar o seu labor e contribuír a que este continúe. O premio consiste no recoñecemento público, na difusión do traballo da  entidade galardoada e nun altofalante de man que se lle entregará aos galardoados nun acto público da asociación para que poidan seguir alzando a súa voz".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Dodro: actividades da Semana contra a Violencia de Xénero, do 19 ao 25 de novembro

  • Este venres 16 de novembro dentro do Ciclo de Cine infantil e educación en valores "A ILLA DE NIM" na Casa da Cultura ás 17:00 horas.

Dodro_violencia

Dodro, 13 de novembro de 2012. O Concello de Dodro organiza actividades para a semana "Contra a violencia de xénero" con contacontos para nenos/as, charla-coloquio dos estereotipos da violencia de xénero, video foro coa proxección da película "Billy Elliot e teatro o venres día 23 e o domingo día 25, para pechar a semana coa concentración e lectura de manifesto en contra da violencia de xénero dos concellos de Padrón, Rois e Dodro na Praza de Macías O Namorado de Padrón.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: do 14 ao 27 de novembro, mostra do VI premio internacional de arte Jesús Núñez

Ribeira: o artista Manuel Ayaso, arroupado na presentación dun libro da Deputación sobre a súa figura

Ribeira, 13 de novembro de 2012.- A estrea das novas instalacións municipais situadas en fronte da biblioteca municipal tivo lugar da mellor das maneiras, cunha presentación do libro retrospectivo da obra de Manuel Ayaso editado pola Deputación que encheu por completo o salón de actos con máis dun centenar de asistentes entre os cales se contaban unha nutrida representación da vida social, cultural e artística da bisbarra.

Co fin de explicar as características desta coidada publicación de máis de 300 páxinas ilustradas a toda cor, compareceron na mesa presidencial a escritora Eva Veiga, o propio Manuel Ayaso, o alcalde e deputado provincial Manuel Ruiz e Carlos López Crespo, alcalde de Outes, quen tomou parte no acto no nome da Deputación coruñesa.

O encontro arrancou coas notas musicais do filme “Casablanca” tocadas por Julio César Pereda, profesor de piano do Conservatorio Profesional de Riveira, quen tamén interviría no medio (“Unchained Melody”) e ao final do evento (“Over the rainbow”).

Creador universal, segundo Eva Veiga

Eva Veiga cualificou a Ayaso de “creador plástico noso e universal, non só porque aos 13 anos tivo que deixar a súa pequena patria de Aguiño cara os Estados Unidos, senón moi especialmente porque segue a ser un galego de raíz, fiel a unha lingua e a unha memoria”. E engadiu: “só é universal aquel que atesoura unha experiencia orixinal que ofrecida ao mundo vén a enriquecer o acervo cultural da humanidade”. Ademais, a poetisa manifestou que Ayaso é capaz de establecer unha comunicación profunda a nivel estético co espectador, calquera que sexa a súa procedencia e a súa condición.

Nun breve discurso, Manuel Ayaso quixo aproveitar a súa quenda para agradecer o seu apoio dun ou doutro xeito a moitas persoas, como Diego Calvo, presidente da Deputación; o senador José Luis Torres, o alcalde Manuel Ruiz, Eva Veiga, Mercedes Rozas, Xosé Vázquez Castro, Pepe Abeijón e a súa muller Ana, Alfonso Costa, Pilar Casas e Miguel Anxo Fernán Vello, prologuista do libro.

Un dos grandes, segundo o alcalde

Manuel Ruiz resaltou a calidade da impresión deste volume e declarou que coa súa publicación se fai xustiza á obra de Manuel Ayaso. O rexedor municipal loou a talla artística do autor e salientou que Manuel Ayaso está entre os grandes da pintura, como se pon de manifestou no feito de que calquera pode recoñecer un dos seus cadros sen necesidade de ler a súa firma.

“É hora de que en Ribeira empecemos a presumir dos grandes que temos”, afirmou Ruiz, quen mostrou a súa satisfacción por que as novas instalacións adquiridas polo Concello, chamadas a ser un auténtico dinamizador cultural, se estreen precisamente con esta presentación.

Para rematar, Carlos López Crespo transmitiu a Manuel Ayaso un saúdo de parte do presidente da Deputación e resaltou a vocación desta institución de difundir a cultura tanto no seu eido de consumo como de creatividade. O alcalde de Outes tamén aludiu ao binomio formado por Manuel Ayaso e o pintor noiés Alfonso Costa, presente neste acto.




 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical