29.11.12

Lingua galega: o ribeirense Carlos Callón presentou "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez"

  • Foi en Santiago, no Centro Galego de Arte Contemporánea, nun almorzo informativo

Media_httpfarm9static_wcuwp

Carlos Callón co seu editor, Manuel Bragado

Ribeira, 29 de novembro de 2012. Esta mañá presentouse en Compostela, só aos medios, "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez" nun almorzo informativo. Nese encontro con xornalistas o autor, Carlos Callón, natural de Ribeira, estivo acompañado polo director de Xerais, Manuel Bragado, quen deu alí "unha moi boa noticia: estase a preparar xa a segunda edición deste libro, para poder dar resposta á demanda existente", explicou Callón.

"O manualiño leva escasas semanas nas librarías e, como digo, a presentación para os medios aínda foi esta mesma mañá, polo que o meu agradecemento e a miña alegría pola extraordinaria resposta se multiplican. Grazas por acollérdelo como un traballo útil!", remata Callón, activista cultural e da lingua galega que inda está pendente dos tribunais por recriminarlle a un xuíz da Coruña -o decano para máis escarnio- que non cumpría a Lei de Normalización Lingüística.

Media_http3bpblogspot_hobfc

Callón ten agora mesmo tres libros en Xerais sobre a cuestión da lingua


Os primeiros actos públicos de presentación deste manual serán o día 13 de decembro en Santiago de Compostela e o día 18 en Silleda. Calquera día cáese pola súa terra para presentalo, do que daremos cumprida información.

Quere mercar este libro en Internet? Pois prema aquí



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Slam Arousa, na Pousada das Ánimas, na ponte de decembro

Slam


Boiro, 29 de novembro de 2012. Slam.Arousa volverá aos bares a vindeira semana. Neste caso á Pousada das Ánimas, durante a ponte, o día 6 de decembro, ás 22.30 horas. Nesta ocasión participarán os gañadores das edicions anteriores, como convidados (Celia Parra e Ramón Blanco)

Normas de recitado slam.arousa:

 

  1. Podes recitar calquera texto sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A partir de 3 minutos, descóntase puntuación sobre o veredicto do público.
  2. Non podes usar música, disfraces ou accesorios
  3. É tan importante o texto coma un bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
  4. Non é imprescindible saber o texto de memoria... pero axuda, claro!
  5. Por votación popular decídense 3 finalistas, que volven recitar un texto (preferentemente diferente, para gañarse ao público), esa mesma noite.
  6. Destes 3 finalistas, sempre por votación popular, vén seleccionado o gañador que pasa á final na Illa de Arousa, no mes de marzo.
  7. O gañador, pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor pra deleitar ao público. 
Ramón Blanco gañou o Slam Arousa en Ribeira

O slam.arousa do mes de novembro, que se celebrou na vila de Ribeira, tivo unha moi boa acollida de público e participantes. Foron 10 os poetas que se decidiron a recitar os seus propios versos.

Trala lectura, o xurado popular, composto por 7 persoas do público, seleccionadas aleatoriamente, decidiron facer finalistas a Ramona Golias (membra do grupo de teatro Airiños), Manuel L. Rodrigues (poeta de Noia ben coñecido na comarca) e Ramón Blanco, quen resultou finalmente gañador da velada. Na anterior, celebrada en Taragoña, a ganadora fora a poeta ourensá Celia Parra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres 30, "Shakespeare para ignorantes", de Quico Cadaval, con Mofa e Befa

  • Ás 21:00 no auditorio
  • Para público adulto
  • A retirada de entradas (máx. 2 por persoa) comeza unha hora antes


O espectáculo, para adultos, proporciona gargalladas aseguradas

Rianxo, 29 de novembro de 2012. O aspecto inicial deste espectáculo escrito polo ribeirense Quico Cadaval é o do produto didáctico en estado puro, recalcando a condición do público de colectivo carente duns concretos coñecementos.

Dende esta transparencia expositiva, o primeiro que se desenvolverá na escea será a conferencia dun prestixioso profesor. Presumidamente, a conferencia pretende ser unha amena palestra para un público con coñecementos menos que básicos da imortal obra do conspicuo bardo. O profesor reclamará, para facer máis deleitosa a instrución que pretende inocular nas moleiras dos circustantes, o concurso de dous actores talentosísimos, máis temporalmente desempregados. Estes son MOFA&BEFA.

E non se esquezan de:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ensino: a Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza recollerá sinaturas para que se retire a nova Lei de Educación

Media_httpfarm3static_faqtg

Boiro, 29 de novembro de 2012. A Asemblea En Defensa do Ensino Público da Barbanza reuniuse onte, mércores 28 de novembro, no IES A Cachada de Boiro. Dende fai meses, véñense facendo reunións periódicas en diferentes centros educativos co fin de tomar contacto con familias e profesorado para analizar a situación actual do ensino público na nosa bisbarra.

Nesta ocasión, o debate centrouse no anteproxecto da nova lei de educación (LOMCE) dado que se trata dunha norma que, segundo esta plataforma da sociedade civil, "desmantela a educación pública a favor da privada, impón un sistema de reválidas que aumenta os obstáculos para o alumnado, elimina materias fundamentais na formación dos xóvenes,  elimina a participación democrática de toda a comunidade educativa no Consello Escolar e despreza a función docente".

A recollida comeza en decembro

Ante esta situación, decidiuse levar a cabo una iniciativa de recollida de sinaturas para esixir a reitada do anteproxecto da nova lei de educación (LOMCE) que se poñerá en marcha na primeiras semanas do mes de decembro. A Asemblea está a elaborar un documento que se fará chegar ás familias no que se lles convida  a asinar en contra de dito anteproxecto. Posteriormente, enviarase a relación de sinaturas á Consellería de Educación e ao Ministerio de Educación.

A Asemblea convida a quenes estén interesados en informarse a que os busquen nas redes sociais (www.facebook.com/AsembleaEnDefensaDoEnsinoPublicoDaBarbanza) ou a que acudan á próxima xuntanza que se levará a cabo o día 24 de xaneiro na Pobra do Caramiñal.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Renacer" informa este venres, 30 de novembro, e sábado, 1 de decembro, sobre a Sida

  • Co gallo do Día Internacional de Loita contra esta doenza
  • Sinalan que o máis importante segue a ser a prevención, que só se logra con información

Media_httpwwwasociaci_gleju

Ribeira, 29 de novembro de 2012. Cada 1 de decembro, Día Mundial de Loita Contra a SIDA, persoas de todo o mundo suman esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia.

Esta celebración brinda a todos os/as copartícipes, tanto públicos como privados, unha das máis oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados/as nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo. A Asociación Renacer levará a cabo unha serie de actos informativos  nos vindeiros días. Estes actos están dirixidos á poboación en xeral e a mocidade en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a SIDA e a de involucrarse na súa detección precoz.

Media_httpfarm5static_bfeje

Haberá reparto de condóns e material informativo

Instaláranse diversas mesas informativas nos tres institutos de ensinanza secundaria, nas que se repartirán lazos vermellos, material informativo e preservativos o venres día 30, durante o recreo, ás 11:30 horas. Ademais no IES Nº 1 para achegar tamén a información ás persoas que acoden á ensinanza de adultos impartirase unha charla sobre sexualidade e SIDA o xoves 29 ás 18:40 horas, trala que se repartirá material informativo.

O sábado día 1 de decembro na rúa peonil do concello (ó lado da Farmacia Sanmamed) tamén se colocará unha mesa informativa para informar e sensibilizar á poboación en xeral.

Estas actividades englobánse no programa de prevención do VIH-SIDA e outras ITS da Asociacion Renacer e complementan a labor que se está a levar a cabo cos mozos e mozas nos centros de ensino secundario a través de diversos obradoiros de Educación Afectivo-Sexual e Sexo Seguro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.11.12

Boiro: "Emily on the road", o poemario de Ramón Blanco, preséntase este venres 30

  • Logo actuará "Mr. Woolf"

Media_http4bpblogspot_jjmra

Pode seguir todas as presentacións deste poemario en http://achaescrava.blogspot.com.es

Boiro, 28 de novembro de 2012. A editorial Acha Escrava presentará en Boiro o novo libro de poesía de Ramón Blanco (Outes, 1979), que leva por título Emily on the road (Unha viaxe ás terras do oeste). Será na Pousada das Ánimas, o vindeiro venres 30 de novembro, ás 23:00 horas. O autor estará acompañado por Manuel L. Rodrigues, en representación da editora; e Manolo do Río, do colectivo literario Sacou, onde Ramón Blanco se iniciara como escritor.

O acto rematará cun recital poético-musical no que o autor lerá algúns fragmentos do libro, que ambientará coa súa música o saxofonista Pablo Sax. A continuación, no mesmo local, terá lugar a actuación do grupo de rock e blues dos 70 Mr. Woolf.

Esta é a oitava dunha serie de presentacións por diversas vilas e cidades, no que a propia editora denominou "Xira Emily on the road".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: Manuel Teira exporá "O segredo dos Arxinas" dende o mércores 5 de decembro no Liceo

  • Nova mostra de escultura na Sociedade Liceo de Noia
  • "O SEGREDO DOS ARXINAS", do artista convidado Manuel Teira Luaces, natural de Palmeira (Ribeira)
  • Inauguración o mércores 5 de decembro ás 20:30 horas

Noia_liceo_manuel_teira

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

27.11.12

Porto do Son: o venres 30, charla sobre Alzheimer e o domingo 2, teatro para nenos

Ribeira: o proxecto de 2015 xa conta con web

  • Os visitantes poderán seguir de maneira pormenorizada e instantánea a evolución do proxecto turístico e as iniciativas nas que conflúen os seus obxectivos base: a construción dun mercado municipal e a recuperación integral do río Arlés e o seu contorno, así como doutras de mellora da bisbarra.
  • A plataforma dixital, que se adapta aos dispositivos móbiles, concede a capacidade de interacción coa dirección do proxecto, aportando propostas e suxestións de mellora, así como a posibilidade de dispoñer doutros enlaces de interese turístico que lles aporten unha perspectiva máis ampla aos usuarios.

Web_ribeira

Ribeira, 27 de novembro de 2012.- O proxecto Ribeira Atlántica 2015 estrea plataforma dixital (www.riveiraatlantica2015.es), unha ferramenta coa que os usuarios poderán consultar as novidades e a evolución do plan turístico cun só clic.

Este novo portal, presentado este mediodía aos medios polo alcalde riveirense, Manuel Ruiz, que estivo acompañado do tenente de alcalde Juan Luis Martínez e do deseñador gráfico de RP Galicia, proporcionaralle ao visitante toda a información sobre as actuacións que o proxecto ten previsto levar a cabo, así coma as noticias máis relevantes do sector turístico. Conta cunha sección de anuncios e cun buzón de suxestións onde os usuarios poden intercambiar opinións, facer consultas e propostas ao equipo técnico de Ribeira Atlántica 2015. Ademais, ten un acceso directo as redes sociais, concretamente a Facebook e Twitter. Dende elas os membros activos que formen parte da Comunidade dixital de Ribeira Atlántica 2015 poderán seguir periodicamente a evolución do Proxecto, aportando o seu punto de vista e contribuíndo activamente a súa mellora.

A un só clic da Ribeira do futuro, disque

A plataforma do turismo de referencia sitúa anuncios, noticias e outros links do sector a un só clic dos interesados. Cunha clara vocación participativa e interacional, que faga da páxina unha web de todos e para todos, Riveira Atlántica 2015 lanza este portal coa intención de que cada un expoña as súas iniciativas, ideas, suxestións, críticas construtivas, e todo tipo de aportacións que considere de interese e necesidade para o municipio. Así, o portal converterase nun marco de referencia e punto de encontro, nunha sorte de altofalante dende os veciños, por e para eles.

O portal dixital, que se adapta aos dispositivos móbiles, presenta unha estrutura clara, limpa e directa, procurando a máxima accesibilidade e funcionalidade para o usuario. O deseño dinámico que a caracteriza pon en primeira fila as sete seccións nas que se divide a páxina, facendo do seu manexo interno unha ruta itinerante que desemboca no contacto entre organización/dirección e visitantes.

Turismo e interacción de vangarda

O groso da información que se recolle na páxina web versa sobre as oito actuacións que o proxecto turístico Ribeira Atlántica 2015 está a deseñar para resaltar  os atributos do Concello e, deste xeito, dotalo do valor que o municipio barbanzano ten para erixirse como referente no sector turístico de Galicia, algo que non dá conseguido pese aos esforzos da mancomunidade Arousa Norte.

As oito actuacións estratéxicas que o proxecto contempla están orientadas a transformar o núcleo urbano e os arredores da vila mariñeira de aquí ao 2015 e cuxa pedra angular radica na construción dun novo mercado municipal. A dirección de Ribeira Atlántica 2015 prevé obras colaterais estratéxicas nos ámbitos urbano e rural, que fagan da cidade un foco para veciños, visitantes e todos aqueles axentes económicos e sociais ligados á actividade, cotiá ou ocasional, da capital do Barbanza.

No terreo urbano, o plan contempla, como principal obxectivo, a construción dun novo mercado municipal, cuxas obras xa comezaron hai meses. Ademais, desenvolverase un plan de mobilidade e accesibilidade da área portuaria, crearase un paseo marítimo-terrestre á beira do litoral de Ribeira e traballarase na recuperación e interpretación do complexo mar-industrial da Área Secada.

No rural, o punto de mira está dirixido á recuperación integral do río Arlés, e tamén á creación dun centro social e de ocio saudable en Oleiros.

Dúas son as actuacións compartidas, a medio camiño entre o rural e o urbano: dunha banda, estudarase a creación dunha rede de miradoiros e vías paisaxísticas da cidade, e por último, é precisamente a creación desta nova web, que alberga toda a información turístico-medioambiental de relevancia e interese para os veciños, visitantes e demais axentes sociais relacionados.

Importancia das novas tecnoloxías

Conscientes da transcendencia das novas fórmulas de comunicación 2.0 na promoción turística, desde Ribeira Atlántica 2015 apóstase por unha iniciativa que se considera clave para difundir imaxe de marca, principais obxectivos e logros que se vaian acometendo a través das novas canles e soportes on line e das ferramentas informativas que ofrecen as novas tecnoloxías.

As cifras avalan esta aposta. Segundo un recente estudo realizado pola compañía Travelport sobre incidencia de internet nos movementos turísticos, o 66% dos turistas e o 59% dos viaxeiros de negocios a nivel mundial utilizan a Rede para buscar servizos e comparar prezos e o 40% accede ás webs das aero-liñas, mentres que nos buscadores dos hoteis entra un número considerable de usuarios interesados en obter información actualizada sobre prezos, oferta, características dos emprazamentos, etc.

Estado das actuacións

O alcalde, Manuel Ruiz, fixo alusión ao estado en que se atopan algunhas das actuacións englobadas no proxecto Ribeira Atlántica:

Mercado Municipal

Xa se iniciaron actuacións preliminares e na próxima semana a empresa adxudicataria Corsan-Corviam comezará xa a realizar “accións importantes”. De xeito paralelo á execución da obra comezarase coa tramitación das concesións.

Paseo Marítimo Terrestre do Borde Litoral

Adxudicarase o proxecto e obra esta mesma prazo. Ten uns prazos de dous meses para a redacción do proxecto técnico e de seis meses para o desenvolvemento da obra. A obra podería estar rematada en torno ao verán de 2013.

Recuperación do complexo mar-industria de Area Secada

Estase a traballar no proxecto. Previsiblemente será un entronque coa finalización do paseo antedito.

Recuperación do Río Arlés e o seu entorno

Adxudicouse a redacción do proxecto á empresa Hidrya, para o cal conta cun prazo de 2 meses. Dentro duns 15 días o Concello poderá dispor da traza da senda peonil que rodeará o río.

Centro social de Oleiros

A semana pasada adxudicouse a redacción da empresa a Carlos Seoane Arquitectos, que ten un prazo de execución de 2 meses.

Rede de miradoiros e vías paisaxísticas de Ribeira / Recuperación de Castro da Cidade

Estase a finalizar o prego que recolle a posta en valor de Castro da Cidade. Polo que respecta á rede de miradoiros e vías paisaxísticas, será unha actuación de conxunto que preverá unha acción singular no miradoiro de Pedra da Ra.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: a Escola de Música convoca o II Seminario de Composición para Banda, entre decembro e xuño

  • Son catro encontros para 12 alumnos activos. Para oíntes non hai límite de prazas

Rianxo_seminario

Rianxo, 27 de novembro de 2012. Neste curso 2012-2013 a Escola de Música de Rianxo organiza o II Seminario de Composición para Banda impartido polo mestre Andrés Valero Castells (http://www.andresvalero.com).

Este seminario consistirá en 4 encontros

  • Encontro 1 (decembro): xoves 27 (17.00 a 21.00 h), venres 28 (16.00 a 20.00 h), sábado 29 (16.00 a 20.00 h)
  • Encontro 2 (marzo): venres 15 , sábado 16 , domingo 17
  • Encontro 3 (abril): venres 5 , sábado 6 , domingo 7
  • Encontro 4 (xuño):  venres 28 , sábado 29 , domingo 30

As horas dos encontros organizaranse en clases Individuais (1h/encontro), clases teóricas colectivas (2 h/encontro) e probas con Banda.

Youtube de Andrés Valero: http://www.youtube.com/user/AndresValeroCastells

O Curso dispón de 12 prazas para alumnos activos e para os alumnos oíntes non hai límite de prazas. O prezo do seminario será:

  • Activos 80€/Encontro
  • Oíntes 35€/Encontro

Os encontros terán lugar no Auditorio de Rianxo. Para calquera dúbida ou información dispós do teléfono 671 058 555 (Rafa) ou do correo  escolademusicaderianxo(at)gmail.com.

Pode que tamén lle interese:


 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical