2.12.12

Ribeira: programación de Nadal 2012-2013

Nadal_2012
Responsables desta programación o día da presentación
PROGRAMA_NADAL_CULTURAL_2012_2013.doc Download this file

PROXECTO DE ANIMACIÓN NO NADAL 2012-2013

Obxectivos básicos:

Promover e fomentar o comercio local con apoio ás pequenas empresas mediante unha campaña cultural, de ocio e tempo libre durante o Nadal que articule a conciliación da vida familiar coa vida laboral aumentando as posibilidades de consumo no noso municipio mediante a organización dunha programación de actividades e eventos atractivos, útiles e adecuados a este obxectivo.

Dinamizar a vida cultural e social do municipio coa posta en valor de espazos peonís contribuíndo á humanización da cidade e á participación cidadá.

Conmemorar a época do Nadal con actividades propias da súa posta en valor como elemento cultural, tradicional e patrimonial que nos identifica.

ACTIVIDADES:

Ludoteca:

Para nenos a partir de 3 anos en horario de 17.00  a 20.30 horas no Liceo Marítimo os días 15, 22, 24 e 29 de decembro e 4 de xaneiro. Ademais os días 22 e 24 o Pai Noel visitará  aos nenos/as para agasallalos con lambetadas e os días 29 de decembro e 4 de xaneiro o Carteiro Real visitará a Ludoteca para recoller as cartas dos cativos.

Charanga:

Unha charanga será a encargada de animar as rúas e prazas de Riveira en horario vespertino e nocturno (de 18:00 a 21:00 h) os días 24, 29, 30 e 31 de decembro (un destes días irá pola parroquia de Palmeira, máis concretamente ao mercado municipal) e o 5 de xaneiro – que participará na Cabalgata de Reis de 17.00 a 20.00 h-. O seu cometido principal será: caracterizados con gorros e traxes típico do Nadal animar e ambientar as rúas e prazas do comercio e , sobre todo, da zona de hostalería de Riveira.

Obradoiros na Rúa:

Trátase de obradoiros de maquillaxe, adornos e postais de Nadal, abalorios e broches, globoflexia... con monitorado especializado e caracterizado de Nadal que con música de ambiente e baixo carpas se instalarán na zona comercial e peonil. O horario será de 11.30 a 13.30 e de 17:00 a 19:00 horas os días 24, 30 e 31 de decembro, abertos a calquera persoa.

Parque de Inchables do Nadal:

Trátase de varios parques compostos por tres inchables, música e monitorado especializado para instalar nas zonas peonís os días 15, 22 e 29 de decembro e o 4 de xaneiro de 11.30 a 13.30 h. e de 16.30 a 19.00 horas aberto a todas as nenas/os. O día 22 recibirán a visita do Pai Noel que repartirá lambetadas e o día 4 de xaneiro será o  Carteiro Real o que recollerá as cartas para as Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente.

Mascotas animadas:

2 Mascotas animadas paseando polas rúas e interactuando cos paseantes, saudando e repartindo caramelos, podendo sacar fotografías. Tamén interacción nos establecementos comerciais das principais rúas e prazas. Será os días 29 e 30 de decembro de 17 a 19 horas.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: "O profesional", o sábado 8 de decembro coa Companhia de Teatro de Braga

  • Será ás 20:30 no auditorio
  • Dirixida a público adulto
  • Retirada de entradas, dúas máximo por persoa, unha hora antes de que comece o espectáculo

O_profesional

Toda a ficha técnica desta obra dramatúrxica aquí

Rianxo, 2 de decembro de 2012. O Centro Dramático Galego (CDG) en coprodución coa Companhia de Teatro de Braga (CTB) presenta, dentro do seu plan de produción propia para a temporada 2012-2013, a posta en escena do espectáculo O profesional, a partir do texto de Dusan Kovacevic, guionista e director de orixe serbia, e unha das grandes figuras da escrita dramática europea actual. O director da compañía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Manuel Guede Oliva, púxose á fronte desta montaxe dun só acto e catro personaxes que indaga na fraxilidade dos ideais así como na grandeza e miseria do espírito humano.

Ademais, ata o 15 de decembro, tamén no auditorio, poden contemplar a exposición de fotos antigas do alumnado dos talleres de memoria do Concello de Rianxo.

Pode que tamén lle interese:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

30.11.12

Boiro: Amicos celebra o luns, 3 de decembro, o Día das Persoas con Discapacidade

Media_httpfarm9static_hyfvw

Este ano a lectura do manifesto e solta de globos é no Concello de Boiro

Boiro, 30 de novembro de 2012. O vindeiro luns, 3 de decembro, ás 12:00h na praza do Concello de Boiro farase a tradicional solta de globos co lema ¡¡ IGUALDADE !! por parte da asociación Amicos, co gallo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.

Tamén darán lectura a un manifesto de AMICOS e un manifesto institucional. A reivindicación do manifesto sinala o dereito a un fogar e unha escola especial para as persoas con discapacidade.

Velaquí os manifestos:


SOÑAMOS CON. MANIFESTO AMICOS.doc Download this file

MANIFESTO INSTITUCIONAL.doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: medran as familias en risco de exclusión ás que axudará "Amigos de Galicia"

  • Concello e Fundación "Amigos de Galicia" aumentan en 2012 a prestación de axuda a estas unidades familiares

Amigos_de_galicia

Ribeira, 30 de novembro de 2012.- Concello de Ribeira e Fundación Amigos de Galicia incrementarán o ano que vén a prestación de axuda a familias en risco de exclusión social do municipio. Así se reflectiu durante a reunión que tivo lugar hoxe no Consistorio para facer un seguimento do convenio de colaboración subcrito entre as dúas entidades e que surte efectos dende o pasado febreiro: unha reunión na que compareceron o alcalde Manuel Ruiz Rivas e o concelleiro delegado de Servizos Sociais e Promoción Social, Vicente Mariño de Bricio; o presidente de honra da Fundación Amigos de Galicia, o empresario dono de Frinsa Ramiro Carregal Rey; e o director xeral, o tamén empresario en diversas actividades Jesús Busto Peteiro.

O alcalde salientou a necesidade de que os Concellos se involucren neste tipo de accións humanitarias para axudar a quen máis o precisa nestes tempos de crise. Segundo tivo oportunidade de explicar, o número de persoas que se vén favorecidas a día de hoxe polo convenio é de 150, distribuídas en 42 familias: unha cifra que se verá aumentada nun 50% ata superar ás 60 familias, ao tempo que se incrementará tamén a contía económica que o Concello vai destinar á Fundación o ano que vén.

Cabe recordar que ata o de agora, a asistencia que se estaba a prestar traducíase no subministro de produtos alimentarios non perecedoiros e outros bens de primeira necesidade, como roupa e calzado, produtos de hixiene e material escolar.

Produtos frescos

Como novidade, este rango de produtos vai medrar coa aportación tamén de produtos frescos (como carne ou peixe), que o Concello se encargará de recoller e distribuír entre as familias necesitadas baixo a coordinación dos Servizos Sociais.

Ademais, prestarase unha atención especial aos nenos e nenas que necesiten ver melloradas as condicións de habitabilidade das súas vivendas a través de subministro de camas e colchóns.

Xoguetes

Pola súa parte, Vicente Mariño explicou que o Concello sumarase a partir deste mes de decembro á campaña “Ningún neno sen xoguetes” para que os máis pequenos podan recibir tamén este tipo de obxectos (quen desexe colaborar na acción pode doar os seus xoguetes na sede dos Servizos Sociais) e avanzou que durante a época de Nadal a dotación de produtos alimentarios que reciban as familias incluirá tamén os de tipo navideño, como turrón, etcétera.

A Fundación Amigos de Galicia atende preto de 26.000 persoas na Comunidade, das cales 14.000 son nenos ou xóvenes. Ramiro Carregal Rey significou a gran labor que vén desenvolvendo esta institución ao longo dos seus 26 anos de existencia.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: concerto solidario o sábado 15 de decembro, "Solidariedade X Música"

  • A Asociación Cultural Borobó organiza o festival benéfico en colaboración con Cáritas
  • A Banda de Música Municipal de Boiro e o estudio de ballet Va’Lontano serán os que actúen
  • Xa se pode comezar coas doazóns

Boiro_concerto_15
https://twitter.com/pacodomartelo/status/274217324679163906

Boiro, 30 de novembro -Santo André de Cures- de 2012. A Asociación Cultural Borobó ven de presentar o festival benéfico “Solidariedade X Música” que terá lugar o sábado 15 de decembro no Salón de Actos da Casa da Cultura de Boiro, a partir das sete e media da tarde, no que levará a cabo un concerto da Banda de Música Municipal de Boiro e unha actuación de teatro musical do
estudio de ballet Va’Lontano, de O Grove.

A finalidade é recadar distinto tipo de material e enseres para axudar ás numerosas familias boirenses que se encontran nunha difícil situación como consecuencia das circunstancias económicas actuais. Con este evento, o colectivo cultural fai efectiva unha colaboración con Cáritas Boiro quen será a encargada de levar a cabo o reparto do material donado recaudando dende
alimentos non perecedeiros, roupa (especialmente de abrigo), material escolar e xoguetes (que non teñen por que ser novos, pero que se atopen en bo estado). As doazóns pódense facer dende hoxe mesmo no local de Cáritas Boiro, situado na rúa Principal nº 24 (antigo comercio Xefa) —conseguindo a cambio entradas para o festival— ou ben no mesmo día do evento na Casa da Cultura.

Boiro_borobo

A Presidenta de Borobó, Silvia García Mirón, quixo solicitar “a axuda de tódolos boirenses para mellorar nestas datas a situación de moitas familias do municipio que precisan dende alimentos básicos como leite ata algún xoguete para poder facer felices aos máis pequenos do fogar, polo que entre todos, aportando cada un o seu gran de area, podemos construir unha gran montaña de axuda solidaria”. Dende o colectivo incideron no seu interese en organizar iniciativas de carácter solidario, non só en momentos puntuais que así o precisen, tal e como fixeron coa organización do “Concerto Solidario por Haití” senón tamén ao traverso da colaboración con outras entidades que exercen de xestoras de axuda á sociedade, como foron as colaboracións con Ámbar e Amicos co concerto “Capaces” ou coa ONGD Contacto nas dúas edicións previas de “Xoguetes por Música”.




Solidaridade en Ribeira: o partido deste domingo 2, para Cáritas. Colabora en metálico ou especie!

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

29.11.12

Lingua galega: o ribeirense Carlos Callón presentou "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez"

  • Foi en Santiago, no Centro Galego de Arte Contemporánea, nun almorzo informativo

Media_httpfarm9static_wcuwp

Carlos Callón co seu editor, Manuel Bragado

Ribeira, 29 de novembro de 2012. Esta mañá presentouse en Compostela, só aos medios, "Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez" nun almorzo informativo. Nese encontro con xornalistas o autor, Carlos Callón, natural de Ribeira, estivo acompañado polo director de Xerais, Manuel Bragado, quen deu alí "unha moi boa noticia: estase a preparar xa a segunda edición deste libro, para poder dar resposta á demanda existente", explicou Callón.

"O manualiño leva escasas semanas nas librarías e, como digo, a presentación para os medios aínda foi esta mesma mañá, polo que o meu agradecemento e a miña alegría pola extraordinaria resposta se multiplican. Grazas por acollérdelo como un traballo útil!", remata Callón, activista cultural e da lingua galega que inda está pendente dos tribunais por recriminarlle a un xuíz da Coruña -o decano para máis escarnio- que non cumpría a Lei de Normalización Lingüística.

Media_http3bpblogspot_hobfc

Callón ten agora mesmo tres libros en Xerais sobre a cuestión da lingua


Os primeiros actos públicos de presentación deste manual serán o día 13 de decembro en Santiago de Compostela e o día 18 en Silleda. Calquera día cáese pola súa terra para presentalo, do que daremos cumprida información.

Quere mercar este libro en Internet? Pois prema aquí



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: o Slam Arousa, na Pousada das Ánimas, na ponte de decembro

Slam


Boiro, 29 de novembro de 2012. Slam.Arousa volverá aos bares a vindeira semana. Neste caso á Pousada das Ánimas, durante a ponte, o día 6 de decembro, ás 22.30 horas. Nesta ocasión participarán os gañadores das edicions anteriores, como convidados (Celia Parra e Ramón Blanco)

Normas de recitado slam.arousa:

 

  1. Podes recitar calquera texto sempre que sexa teu e non dure máis de 3 minutos. A partir de 3 minutos, descóntase puntuación sobre o veredicto do público.
  2. Non podes usar música, disfraces ou accesorios
  3. É tan importante o texto coma un bo recitado. De feito, o único importante é conquistar ao público.
  4. Non é imprescindible saber o texto de memoria... pero axuda, claro!
  5. Por votación popular decídense 3 finalistas, que volven recitar un texto (preferentemente diferente, para gañarse ao público), esa mesma noite.
  6. Destes 3 finalistas, sempre por votación popular, vén seleccionado o gañador que pasa á final na Illa de Arousa, no mes de marzo.
  7. O gañador, pode, se quere, volver recitar tras resultar vencedor pra deleitar ao público. 
Ramón Blanco gañou o Slam Arousa en Ribeira

O slam.arousa do mes de novembro, que se celebrou na vila de Ribeira, tivo unha moi boa acollida de público e participantes. Foron 10 os poetas que se decidiron a recitar os seus propios versos.

Trala lectura, o xurado popular, composto por 7 persoas do público, seleccionadas aleatoriamente, decidiron facer finalistas a Ramona Golias (membra do grupo de teatro Airiños), Manuel L. Rodrigues (poeta de Noia ben coñecido na comarca) e Ramón Blanco, quen resultou finalmente gañador da velada. Na anterior, celebrada en Taragoña, a ganadora fora a poeta ourensá Celia Parra.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: este venres 30, "Shakespeare para ignorantes", de Quico Cadaval, con Mofa e Befa

  • Ás 21:00 no auditorio
  • Para público adulto
  • A retirada de entradas (máx. 2 por persoa) comeza unha hora antes


O espectáculo, para adultos, proporciona gargalladas aseguradas

Rianxo, 29 de novembro de 2012. O aspecto inicial deste espectáculo escrito polo ribeirense Quico Cadaval é o do produto didáctico en estado puro, recalcando a condición do público de colectivo carente duns concretos coñecementos.

Dende esta transparencia expositiva, o primeiro que se desenvolverá na escea será a conferencia dun prestixioso profesor. Presumidamente, a conferencia pretende ser unha amena palestra para un público con coñecementos menos que básicos da imortal obra do conspicuo bardo. O profesor reclamará, para facer máis deleitosa a instrución que pretende inocular nas moleiras dos circustantes, o concurso de dous actores talentosísimos, máis temporalmente desempregados. Estes son MOFA&BEFA.

E non se esquezan de:

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ensino: a Asemblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza recollerá sinaturas para que se retire a nova Lei de Educación

Media_httpfarm3static_faqtg

Boiro, 29 de novembro de 2012. A Asemblea En Defensa do Ensino Público da Barbanza reuniuse onte, mércores 28 de novembro, no IES A Cachada de Boiro. Dende fai meses, véñense facendo reunións periódicas en diferentes centros educativos co fin de tomar contacto con familias e profesorado para analizar a situación actual do ensino público na nosa bisbarra.

Nesta ocasión, o debate centrouse no anteproxecto da nova lei de educación (LOMCE) dado que se trata dunha norma que, segundo esta plataforma da sociedade civil, "desmantela a educación pública a favor da privada, impón un sistema de reválidas que aumenta os obstáculos para o alumnado, elimina materias fundamentais na formación dos xóvenes,  elimina a participación democrática de toda a comunidade educativa no Consello Escolar e despreza a función docente".

A recollida comeza en decembro

Ante esta situación, decidiuse levar a cabo una iniciativa de recollida de sinaturas para esixir a reitada do anteproxecto da nova lei de educación (LOMCE) que se poñerá en marcha na primeiras semanas do mes de decembro. A Asemblea está a elaborar un documento que se fará chegar ás familias no que se lles convida  a asinar en contra de dito anteproxecto. Posteriormente, enviarase a relación de sinaturas á Consellería de Educación e ao Ministerio de Educación.

A Asemblea convida a quenes estén interesados en informarse a que os busquen nas redes sociais (www.facebook.com/AsembleaEnDefensaDoEnsinoPublicoDaBarbanza) ou a que acudan á próxima xuntanza que se levará a cabo o día 24 de xaneiro na Pobra do Caramiñal.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: "Renacer" informa este venres, 30 de novembro, e sábado, 1 de decembro, sobre a Sida

  • Co gallo do Día Internacional de Loita contra esta doenza
  • Sinalan que o máis importante segue a ser a prevención, que só se logra con información

Media_httpwwwasociaci_gleju

Ribeira, 29 de novembro de 2012. Cada 1 de decembro, Día Mundial de Loita Contra a SIDA, persoas de todo o mundo suman esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia.

Esta celebración brinda a todos os/as copartícipes, tanto públicos como privados, unha das máis oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados/as nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo. A Asociación Renacer levará a cabo unha serie de actos informativos  nos vindeiros días. Estes actos están dirixidos á poboación en xeral e a mocidade en particular, tentando concienciar acerca da importancia da prevención na loita contra a SIDA e a de involucrarse na súa detección precoz.

Media_httpfarm5static_bfeje

Haberá reparto de condóns e material informativo

Instaláranse diversas mesas informativas nos tres institutos de ensinanza secundaria, nas que se repartirán lazos vermellos, material informativo e preservativos o venres día 30, durante o recreo, ás 11:30 horas. Ademais no IES Nº 1 para achegar tamén a información ás persoas que acoden á ensinanza de adultos impartirase unha charla sobre sexualidade e SIDA o xoves 29 ás 18:40 horas, trala que se repartirá material informativo.

O sábado día 1 de decembro na rúa peonil do concello (ó lado da Farmacia Sanmamed) tamén se colocará unha mesa informativa para informar e sensibilizar á poboación en xeral.

Estas actividades englobánse no programa de prevención do VIH-SIDA e outras ITS da Asociacion Renacer e complementan a labor que se está a levar a cabo cos mozos e mozas nos centros de ensino secundario a través de diversos obradoiros de Educación Afectivo-Sexual e Sexo Seguro.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical