2.1.13

Rianxo: este venres, 4 de xaneiro, concerto de AniNovo da Escola de Música

Concerto_aninovo_2012



Rianxo, 2 de xaneiro de 2012. A Escola de Música de Rianxo comprácese en convidar a todo o que desexe asistir, ao seu Concerto de Aninovo:

  • CONCERTO DE ANINOVO
Banda Infantil da Escola de Música de Rianxo
Banda da Escola de Música de Rianxo
DÍA: Venres 4 de xaneiro
HORA: 21:00 h
LUGAR: Auditorio de Rianxo

Onte, na TVG:













Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

31.12.12

Noia: o actor Ricardo de Barreiro colga dende o venres 4 de xaneiro os seus debuxos no Liceo

Noia_ricardo_de_barreiro

Noia, 31 de decembro de 2012. A Sociedade Liceo de Noia organiza a unha nova mostra de arte que será inaugurada este vindeiro venres 4 de xaneiro ás 20:30 horas. Desta volta, o artista invitado é o actor natural de Lousame Ricardo de Barreiro, que tamén é pintor e debuxante.

De Barreiro espuxo os seus traballos en varias salas de Galicia, con títulos como  "Dende o modernismo ata o cubismo irónico", "A tinta da vida" ou "O baile dos recordos"

Tamén colabora en diversas revistas culturais como "A Caramuxa", "Leña verde" e a do IES "Virxe do Mar" de Noia ("Casa da Gramática"), tanto escribindo como debuxando. Entre as súas creacións está "Colección Acibeche" (literatura, pintura e interpretación).

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: este xoves, 3 de xaneiro, "El fraude democrático en España"

La_foto

Ribeira, 31 de decembro de 2012. Prosegue a presentación de libros de "indignados" neste país. Agora chega ao Ateneo Valle Inclán "El fraude democrático en España", do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Juan Rico Lenza. Nel analízase o que moitos consideran, como é o seu caso, a fraude que supón o sistema instalado no noso país, onde os políticos fan lobby para presentarse a unhas eleccións e logo gobernan só para as elites ou directamente para os seus. E cando sacan maiorías absolutas, como é o caso actual, gobernan facendo xusto o contrario do que prometeran, coa conseguinte fraude -sinónimo de estafa- que isto supón e a evidente deslexitimación da política e da democracia.

Rico Lenza fala no seu libro de cleptocracia e partitocracia, dous termos que baleiran de contido unha democracia propiamente dita. Teñen toda a información sobre o libro na web do autor, aquí

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Rianxo: propostas lúdico-culturais ata a Cabalgata de Reis

  • EXPOSICIÓN DE PINTURA E ESCULTURA do artísta rianxeiro LUÍS NOYA
  • DATA: do 21 de decembro ao 19 de xaneiro
  • LUGAR: Centro Sociocultural-Auditorio de Rianxo
Máis información

  • Luns 31 de decembro - Fin de Ano

GRAN BAILE DE FIN DE ANO

A partir das 18.00 h – Praza Castelao

Organiza: Asociación de Hosteleir@s de Rianxo

 

FESTA ANINOVO

A partir das 01.00 horas – Centro Cultural de Taragoña

Organiza: Asociación Festival Antrospinos


Máis información
CABALGATA DE REIS: SÁBADO 5 DE XANEIRO

Dende as 17.30 horas na Praza de Castelao estará instalado un Belén Vivinte, onde pastores e pastoras acompañarán con panxoliñas e bailes ao neno Xesús, a Virxe María e San Xosé.

Despois dun percorrido polo Paseo da Ribeira, Melchor, Gaspar e Baltasar achegaranse a realizar unha ofrenda no Belén Vivinte.  Posteriormente, ás 19.00 horas, serán recibidos polas autoridades na Casa do Concello onde se dirixirán aos nenos e nenas rianxeiros/as e para rematar repartirán caramelos.

A Cabalgata de Reis está organizada polo Concello de Rianxo en colaboración, entre outras, as seguintes entidades; Asociación Cabalar de Rianxo, Liceo Marítimo Rianxeiro, Asociación Sociocultural Fogo-Fatuo, Asociación Cultural Vai de Roda, Anpa Irmáns Insua do CRA e a Escola de Música de Rianxo.

BAILE DA NOITE DE REIS

O concello de Rianxo e a Asociación de Xubilados e Pensionistas de Rianxo organizan para o sábado, 5 de xaneiro de 2013, o Baile da Noite de Reis e que contará coa actuación de Silvia Ferré. Comeza ás 21:00 horas no Club de Xubilados de Rianxo (Confraría de pescadores Virxe do Carme, baixo)

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

28.12.12

Ribeira: este sábado 29, gala da Federación Galega de Atletismo

  • Segundo o Concello, haberá máis de 200 asistentes
Media_httpfarm5static_ldgvt

En Ribeira tamén se fai unha gala do deporte cada ano


Ribeira, 28 de decembro de 2012.- Máis de 200 persoas –entre atletas, adestradores, xuíces e representantes de clubs- recalarán mañá na cidade de Ribeira para asistir á tradicional Gala da Federación Galega de Atletismo, que nesta ocasión terá lugar a partir das 20.30 horas na sede do Instituto Social da Mariña.

No transcurso do evento serán premiados máis de 70 atletas que destacaron polos seus méritos acadados. Entre estes, hai que destacar os correspondentes ao mellor atleta de Galicia do ano 2012, nas categorías sub 23, absoluta e veterana, todas elas nas modalidades masculina e feminina. O nome destes galardoados desvelarase durante o propio acto, despois de que tivese lugar un proceso de votación online para dirimir aos vencedores.

Entre as autoridades que está previsto estean presentes na cita de mañá figurarán, ademais do presidente da Federación (Isidoro Hornillos) e a maior parte da xunta directiva, o subdirector xeral de Deportes da Xunta, Carlos Gómez; o alcalde Manuel Ruiz; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Mariel Padín; a deputada da Diputación de Pontevedra Begoña Blas; ou os concelleiros de Deportes de A Coruña, A Pobra e Ribeira.


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: charla e debate sobre o timo das preferentes e subordinadas ás 20:30 horas deste sábado 29

Charla_preferentes

  • No restaurante O Castelo, organizada por integrantes de Compromiso por Galicia

Muros, 28 de decembro de 2012. Mañá, sábado 29 de decembro, vai ter lugar ás 20:30 h. no restaurante O Castelo de Muros unha charla-debate sobre as consecuencias que están tendo e poden ter para os usuarios ou posibles usuarios de Novagalicia Banco todo o que está acontecendo con esta entidade. Falarase de preferentes e subordinadas, da supresión de oficinas e de postos de traballo, da desaparición da obra social e toda esta desfeita.

Contarase coa presenza de Manuel Pérez Arias e Xoán Antón Pérez Lema, presidente e secretario respectivamente de Agaprofi (Asociación galega de afectados por produtos financieiros). É un acto aberto a toda a cidadanía no que posteriormente se poderá debater libremente cos concelleiros María Xosé Alfonso Torres, de CxG; José Manuel Quintela Fernández e María Sambade Lloréns (CxG).


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

27.12.12

A Pobra do Caramiñal: Ámbar marca o seu 30 aniversario cun monolito na rúa Castelao

  • A delegada territorial da Xunta na Coruña participou no acto de conmemoración e aproveitou para soltar un mitin sobre "o ben" que o está facendo o goberno de Núñez Feijóo no eido dos servizos sociais


A Pobra do Caramiñal, 27 de decembro de 2012.- A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participou hoxe na Pobra do Caramiñal na celebración do 30 aniversario da asociación Ambar, dedicada á atención das persoas con diversidade funcional. O acto consistiu na inauguración dun monolito na honra da entidade e dos seus colaboradores diante do centro sociocomunitario do municipio, na rúa Castelao.

Acompañada polo alcalde, Isaac Maceiras, e pola presidenta de Ámbar, Milagros Rey, Do Campo aproveitou para felicitar á asociación pola labor desempeñada ao longo destas tres décadas. “A comarca do Barbanza ten a gran sorte de contar cunha asociación destas características, que contribúe a crear unha sociedade máis igualitaria, máis inclusiva e máis integradora”, indicou.

A representante do Goberno galego na provincia subliñou a importancia de que as entidades sociais e as administracións vaian da man na prestación dos servizos. Así, destacou a posta en marcha por parte da Consellería de Traballo e Benestar do Plan de Acción Integral para as persoas con discapacidade. Trátase dun documento de consenso que establece unha estratexia transversal na que participan todos os departamentos da Xunta. Do Campo tamén recordou o compromiso expresado hai uns días polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de blindar en 2013 os fondos destinados ao mantemento das entidades de discapacidade. Desta forma, a contía que recibirán o vindeiro ano será a mesma ca dos convenios da área social deste último exercicio, que acadou os tres millóns de euros.

“Nun momento de especial dificultade económica, a Xunta de Galicia amósase sensible cos colectivos que traballan a prol das persoas con discapacidade, pois entende que entidades como Ambar constitúen un piar básico para mellorar o seu benestar”, manifestou a delegada territorial.

Ámbar conta na actualidade cun grupo social de máis de 1.100 persoas. Desde a súa fundación en 1982, a entidade foi aumentando progresivamente a súa cobertura ás persoas con diversidade funcional e ás súas familias, ata estender os seus servizos aos concellos da Pobra, Ribeira, Rianxo, Boiro e Porto do Son. Ademais, está integrada nas asociacións do movemento asociativo de diversidade funcional de ámbito provincial e autonómico, formando parte da Federación Provincial da Coruña e da Confederación Galega (Cogami).

Como xa ven sendo habitual, os usuarios do centro ocupacional e de día da Asociación AMBAR celebrarán esta tarde na discoteca Tonos de Boiro a chegada de fin de ano.

FESTA DE FIN DE ANO ADIANTADA

Por outra banda, ÁMbar informou de que hoxe xoves 27, a partir das 17:00 da tarde e ata as 22:00 da noite, persoal e usuarios festexarán por todo o alto e ataviados coas súas mellores galas, a festa de fin de ano na discoteca Tonos de Boiro.  Na festa non faltarán música, sorpresas e ata as doce badaladas.

ÁMBAR agradece a colaboración do xerente da discoteca pola cesión de uso da mesma.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Muros: sentenza en contra do Concello por botar fóra á concelleira María Xosé Alfonso Torres nun pleno

  • A alcaldesa socialista, Caridade González, inda non esgotou os recursos pero sairá dos petos dos veciños de Muros pagar as costas deste xuízo
  • O pleno da polémica foi no que se aprobaron as retribucións da alcaldesa, que deste xeito son declaradas ilegais, pois todo acordo tomado logo da expulsión da devandita concelleira é nulo. A Caridade González axudáralle a aprobar ese punto, curiosamente, o Partido Popular.
  • O avogado que representa ao Concello é tamén asesor xurídico da alcaldesa e cobra 2.000 euros/mes por dous días á semana que aparece pola casa consistorial, denuncia a concelleira María Xosé Alfonso

Muros, 27 de decembro de 2012. "Despois de inmnumerables recursos postos polo concello por fin hai sentenza, UNHA SENTENZA QUE ME DÁ A RAZÓN e declara nula a miña expulsión e os acordos posteriores, ademáis de pasarlle as costas do proceso ao concello pola temeridade e mala fe amosada", explica hoxe en nota de prensa a concelleira nacionalista María Xosé Alfonso Torres (na imaxe coa sentenza que condena ao Concello de Muros).

Xa hai convocado pleno extraordinario a causa desta sentenza

"A sentenza non é firme e seguramente a recurran, pero a PROBA EVIDENTE

DE QUE A ALCALDESA RECOÑECE QUE A EXPULSIÓN FOI ILEGAL E UN CLARO
ABUSO DE PODER PARA SACAR ADIANTE AS SÚAS RETRIBUCIÓNS E NON TEN
POSIBILIDADES DE GAÑAR UN RECURSO A ESTA SENTENZA  é que no mesmo día
que se coñece a sentenza convocou un pleno extraordinario e urxente para aprobar os acordos (retribucións) que anula o xuiz. ACORDO QUE SACOU ADIANTE COS VOTOS FAVORABLES DO PP NUN CAMBIO RADICAL", argumenta a edil citada.

"A alcaldesa non é impune e debe acatar as leis"

Segundo a concelleira, antes no Bng e agora en Compromiso por Galicia, "isto demostra que a alcaldesa non é impune e debe ser igual que todos nós, e acatar as leis. Vinme na obriga de acudir aos tribunais para defender os meus dereitos fundamentais e fareino sempre que se vulneren".

Un avogado do Concello cunha actitude reprochable, segundo o xuíz

Alfonso Torres salienta tamén a actitude do avogado representante do Concello, que tamén é o asesor xurídico que a alcaldesa ten contratado no Concello. Tal e como o xuíz expón no punto terceiro dos fundamentos de dereito (a sentenza pódena ler nesta información na súa totalidade) tivo que ser advertido polo xuíz en numerosas ocasións, actitude pola que
os veciños e veciñas de Muros terán que aboar as costas deste proceso. "Así que botando contas, ben caro nos sae aos muradáns e muradás este asesor, cobra máis de 2000 €/mes por acudir dous días á semana ao concello, e hai semanas que só vén un día, á parte cobra por representar ao concello en procesos como este do que falamos e por se isto fora pouco , pola súa actitude, o concello ten que aboar as costas de a saber cantos procesos xudiciais (porque aquí xa temos un)", remata María Xosé Alfonso Torres.


Foto_sentenza

SENTENZA DEREITOS FUNDAMENTAIS (MARÍA XOSÉ ALFONSO) (1).doc Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Deportes: Ribeira beca a dezaséis deportistas locais non profesionais

Ribeira, 27 de decembro de 2012. A Casa Consistorial de Ribeira foi escenario hoxe dun acto simbólico de entrega de becas a 16 deportistas non profesionais do municipio que acadaron os méritos necesarios para recibir esta achega do Concello. O alcalde Manuel Ruiz e o concelleiro de Deportes Juan Luis Martínez foron os encargados de dirixirse aos presentes e felicitalos pola excelente traxectoria deportiva que están a levar nas súas respectivas especialidades.

 

Nesta ocasión, segundo tivo oportunidade de explicar o edil Martínez Queiruga, a contía repartida entre todos estes deportistas ascendeu a 5.850 euros, distribuídos en base a unha serie de criterios que incluían o mellor resultado en campionatos oficiais rexionais, nacionais e internacionais, a categoría ou a continuidade na práctica deportiva. A beca mínima foi de 155,70 euros e a máxima de 467,11 euros.

 

Os deportistas becados foron Alejandro Vidal Álvarez, María Vilas Vidal, Ana Peleteiro Brión, Virginia Villar Soria, Manuel Ángel Parada Folgar, Francisco Javier Sieira Rodríguez, Lara Ouviña Martínez, Adriano Jiménez Dosantos, Ángel Parada Martínez, Miguel Martínez Murás, Ainara Brión Cameán, Manuel Davila Lustres, Miguel Cobas López, Laura Dosil Gago, Manuel Parada Martínez e Pablo Chouza Oujo.

 

Ruiz Rivas quixo transmitir a súa felicitación -tanto aos propios deportistas como aos seus clubs, técnicos e pais- polo excepcional traballo que están facendo e avanzou que dende o Concello se están a barallar distintas fórmulas poder incrementar o ano que vén tanto a contía das becas como o número de deportistas que podan beneficiarse delas.

De igual xeito, o rexedor local incidiu na importancia que ten a práctica do deporte para crecer como persoa e aludiu ao respaldo que teñen de parte do pobo de Ribeira. “Sentímonos orgullosos cada vez que vemos a un de vós en calquera lugar do mundo destacando”, afirmou.




 


Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: un Nadal cheo de actividades para grandes e cativ@s

  • Este serán, Nadal Pelegrín e Entremáns Danza

 

Ribeira, 27 de decembro de 2012.- As actividades organizadas dende a Corporación Local para este Nadal terán no día de hoxe dous notables acontecementos lúdicos.

Por unha parte, o Nadal Pelegrín: a proposta que o Concello ofrece para as parroquias deste municipio e que, tras un notable éxito de público na tarde pasada en Corrubedo, desembarca hoxe ás 17.30 horas na Casa do Mar de Palmeira para facer as delicias dos nenos e maiores que alí acudan, co show “Os Pallasos do Nadal”. De balde.

Doutra banda, o Auditorio Municipal dará  cabida ás 19 horas a unha función de Entremáns Danza, titulada “Amediometrados-Alehop”. Está pensada para nenos e nenas a partir dos sete anos e o acceso é gratuíto.

Concerto de Confraternidade

Cabe destacar outros eventos feitos en días pasados, como o caso do Concerto de Confraternidade celebrado o día de Nadal na Igrexa de Santa Uxía, que deu cabida á actuación da Coral Polifónica Municipal de Ribeira e da Coral Polifónica do Círculo Mercantil. Ao remate, o alcalde Manuel Ruiz entregoulles un agasallo conmemorativo e felicitou as festas a todos os presentes e ás corais.

Doutra banda, o pasado día 21 celebrouse o acto de clausura do Obradoiro de Cociña e Repostería de Nadal, coa presenza da concelleira de Cultura Elvira Pisos que entregou cadanseu diploma aos 25 alumnos participantes. A acción tivo lugar nas aulas formativas da rúa Cristóbal Colón.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical