16.1.13

Dodro: presentan unha moción para alertar sobre o gas radón, ao ser o municipio onde máis afecta en toda Galicia

mociónGASradón.pdf Download this file

  • Os científicos alertan de que este gas é o causante de entre o 3 e o 14% dos cancros de pulmón, ao ser unha sustancia radioactiva
Dodro, 16 de xaneiro de 2013. No pleno ordinario deste venres, 18 de xaneiro, @s concelleir@s nacionalistas presentarán unha moción para que o equipo de goberno do PP  informe dun perigo oculto que teñen nos seus fogares todos os dodrenses: o gas radón (222Rn), que en Dodro ten maior presenza que en ningún outro concello estudado en Galiza, segundo o estudo do Servizo de Medicina Preventiva da USC, e recollido no seu día polos medios de comunicación.

"Parécenos importante que a administración local, a máis próxima á xente, tome cartas no asunto e se comprometa a informar sobre este asunto e contribuir a que se tomen medidas preventivas que minimicen o risco deste gas nos fogares ( o 2º factor de risco nos cancros pulmonares). Non hai escusa para non aceptar este compromiso, pois formar e informar ten un coste moi baixo, posiblemente menor que o de enviar un almanaque a toda cor a todas as casas coa foto do alcalde", polemizan estes concelleiros, en clara crítica ao calendario que se enviou hai escasas datas a cada casa do municipio.

Financiación das medicións

Asimesmo tamén propoñen que se financie dalgún xeito as medicións naqueles fogares que queiran facelas, para o cal o concello tamén ten mecanismos que minoren os custes (convenio coa Universidade de Santiago de Compostela por exemplo).

"O Colectivo Nacionalista por Dodro, do cal formamos parte, considera que a administración ten que ocuparse da SAÚDE PÚBLICA, e a súa prioridade neste ámbito ten que ser @s cidadáns que ten no seu territorio. Esperamos que esta moción sexa aceptada e colaboraremos co concello na difusión da información, facendo propostas ou no que faga falta", rematan.

Ollo cos colexios

Ademais das xustificadas queixas dos nacionalistas dodrenses, os galegos temos que preocuparnos polos niveis que se detectaron nos colexios no último informe da USC e do que fala CIG Ensino aquí. Nun colexio da Serra de Outes, o Poeta Añón, supéranse amplamente os niveis considerados "saudables" pola Organización Mundial da Saúde. Hai puntos nese centro que superan 6000 Bq/m3. Dun total de 24 localizacións rastrexadas, o 37% supera os 1000 Bq/m3 e o 92% supera os 400 Bq/m3. E xusto nestes 400 bequerelios por metro cúbico establece o límite a OMS. Levan a denuncialo dous anos e a Xunta fixo caso omiso para arranxar esa situación.

Información sobre este gas: diríxase á web da USC

O texto seguinte está extraído da web do Laboratorio de Análises de Radiacións que a USC ten en http://fpsalmon.usc.es/lar/gal/servizos/servizoradon/inforadon.php

"Tratar de comprendelo comportamento do gas radón no interior dun edificio non é trivial. Existe unha grande cantidade de factores que interveñen no mesmo. Densde o tipo de edificación, pasando polo uso da mesma e dos hábitos do persoal que a habita, ata o séu illamento e a calidade dos materiáis empregados na súa construcción.

O gas radón producido polo 226Ra presente no chan, o principal foco da radiactividade existente no interior das edificacións, ás cales entra principalmente a través de fendas nos cimentos, as paredes, ocos parede/cañería, e incluso polas propias cañerías dos cuartos de baño, así como por difusión a través dos cerramentos en contacto co chan (Figura 5).

rcasatextg

Figura 5: Posibles entradas de gas 222Rn no interior dunha edificación. Na práctica, a principal fonte e de 222Rn é o solo (A, B, C y D) e, no caso H, o efecto de ventilación das fiestras é, normalmente, un factor de diminución da concentración".

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: dende este venres 18 de xaneiro, bolardos automáticos na rúa Galicia

  • Queda así restrinxido o tramo entre as prazas de Compostela (bar Plaza) e a da Igrexa de Sta Uxía

Media_httpfarm3static_jfuff

Bolardos ten uns poucos este tramo de Ribeira

Ribeira, 16 de xaneiro de 2012.- O Concello informa de que este venres día 18 de xaneiro entrarán en funcionamento os dous bolardos automáticos que regulan o acceso a rúa de Galicia, no tramo peonil comprendido entre a praza Otero Goyanes (onde se levanta a igrexa de Santa Uxía) e a praza de Compostela.

Ambos bolardos foron arranxados por unha empresa (Ferdoba S.L.) de forma coincidente á reparación por parte da brigada municipal de obras das lousas de pedras rotas ou desprendidas que se localizaban nesta área.

Nos vindeiros días (e sempre que o bo tempo acompañe) irán activándose tamén os outros bolardos acabados de arranxar: por unha parte, os que se sitúan nos dous extremos do tramo da rúa de Galicia entre o mercado municipal e o cruce con Rosalía de Castro e, por outra, o que se ubica na rúa Santa Uxía. Operarios municipais están ultimando nestes momentos a reparación das lousas deste entorno.

Tamén está prevista a inmediata entrada en servizo do bolardo da rúa Manzanares, unha vez finalicen as obras de canalización de gas que alí se realizan. Cómpre reiterar a necesidade de que vehículos non autorizados se absteñan de circular por vías peonís a fin de non deteriorar o pavimento, sinala o goberno municipal.




Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais terá lugar no Freixo en xullo deste ano

Outes, 16 de xaneiro de 2013. Segundo informa hoxe na súa web a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, a Asemblea da mesma acordou por unanimidade conceder a organización do XI Encontro á asociación Terra de Outes, en consorcio cos colectivos da Federación pertencentes á ría de Muros-Noia. O Encontro será no porto do Freixo-Outes a primeiros de xullo de 2013.

Segundo explican, "O Freixo ten un lugar moi importante na historia da construción naval en madeira en Galicia, alí chegou a haber máis de 40 estaleiros na zona e hoxe en día segue a ter varios en activo. A isto hai que engadir que o fondo de ría é unha das máis importantes zonas marisqueiras, especialmente de berberecho".

Tamén sinalan que Terra de Outes "é unha asociación que ten unha longa traxectoria, e unha demostrada capacidade organizativa, ao que hai que sumar a experiencia que achegan as outras entidades da Federación (Mar de Noia, Joaquín Vieita, A Ostreira de Abelleira, Mar de Muros e Canle de Lira). Por outro lado, todos os grupos municipais do Concello de Outes mostraron o seu acordo no Pleno e o Alcalde fixo compromiso por escrito dunha achega económica. A isto hai que sumar o apoio da Confraría de Noia, e a implicación das asociacións de Outes (veciños, hostaleiros, etc.)".

Convidan a todas as persoas que se interesan polo mar e os rios a que os acompañen neste XI Encontro. "Celebraremos xuntos o vixésimo aniversario dos Encontros (o primeiro foi en Ribeira en 1993) e o aniversario da creación hai vinte anos da FGCMF", rematan.

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Cultura: 215 mecenas conseguen sacar adiante a banda deseñada sobre Alexandre Bóveda

Bveda

Galicia, 16 de xaneiro de 2013. Un total de 215 mecenas reuniron un total de 4.511 euros para o proxecto Bóveda, un alegato pacifista contra a inxustiza mediante a plataforma de crowdfunding Verkami. O traballo, con debuxos de Carlos Sardiña e textos de Pitusa Arias, percorre a biografía do galeguista fusilado no 36, facendo fincapé na actualidade do seu pensamento fiscal e facendístico.


Radiofusión edita 1.000 exemplares deste álbum ilustrado a toda cor e de 46 páxinas, que os promotores queren comezar a enviar aos mecenas nas vindeiras semanas. Alén dos colaboradores, a obra pode adquirirse na Libraría Paz, en Pontevedra e en Contos, en Fene. Tamén se poderá solicitar por correo a homenaxeboveda@gmail.com.

Segundo destacan desde Radiofusión, entidade promotora do proxecto, o crowdfunding conseguiu un amplo eco internacional e mesmo acadaron os parabéns do historiador británico Paul Preston, quen se comprometeu a difundir a iniciativa. Ademais os promotores foron tamén convidados a presentar o proxecto nun encontro de investigadores sobre didáctica da historia na Universidade de Valencia.


Antes, en Certo:



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

15.1.13

Ribeira: o domingo 27 de xaneiro, andaina por Muros

Andaina_muros

Ribeira, 15 de xaneiro de 2013. O vindeiro domingo 27 de xaneiro organízase unha andaina con saída en Muros e chegada a Monte Louro, pasando por varios dos sitios máis emblemáticos da zona de Louro, como son os Petróglifos da Laxe de Rodas, o Convento de San Francisco, o Vía Crucis de San Francisco e remate cunha volta a Monte Louro, pasando polo seu faro.

A saída será ás 9 da mañá da Estación de Autobuses de Ribeira, para chegar a Muros ás 10.00 h. e facer a andaina duns 12 quilómetros aproximadamente a un ritmo medio de 5 quilómetros por hora. Haberá paradas nos puntos emblemáticos citados para disfrutar plenamente deles.

Logo de rematar a andaina o autobús achegará aos participantes a Muros para completar o resto da xornada nas rúas deste enxebre pobo mariñeiro e poder degustar a súa gastronomía. A volta, xa case coa caída do sol, será ás 17.30 h. e contan con estar en Ribeira unha hora despois.

O prezo do autobús é de 9 € (NOVE EUROS) e pódese reservar praza en www.arousa.com

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Noia: o goberno local no Concello apoia as demandas d@s afectad@s polas preferentes e subordinadas

https://pbs.twimg.com/media/BAKko5ZCMAAW6PN.jpg:large
Os das preferentes en Boiro colleron o touro polos cornos e pecháronse no Concello para reclamar os seus cartos

Noia, 15 de xaneiro de 2013. O Goberno Local de Noia levará ao pleno ordinario deste mes de xaneiro (o último venres de mes, o 25) a moción na defensa dos afectados polas participacións preferentes e da débeda subordinada. Na mesma defenderase a necesidade de que a Xunta de Galicia apoie de xeito decidido as reivindicacións dos afectados, no sentido de esixir a devolución íntegra dos aforros depositados nos citados productos financieiros, opóndose á “quita” anunciada, de tal xeito que os aforradores non vexan minguados os seus depósitos.

Tamén se esixirá da Xunta de Galicia, que inste ao Goberno do Estado para que o Banco de España e a Comisión do Mercado de Valores, inicien unha campaña de inspección sobre a comercialización por parte das entidades financieiras deste tipo de productos opacos e complexos entre as persoas aforradoras e invertidoras minoristas, a fin de depurar as responsabilidades a que houbera lugar.

A mariores, darase a coñecer o traballo desenvolvido, nestes últimos meses, pola Oficina Municipal de Información ao Consumidor, no tocante ás reclamacións presentadas polo colectivo de afectados e afectadas.



Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Porto do Son: a información pública este trimestre a variante de Portosín

  • A directora da Axencia Galega de Infraestruturas adiantoulle hoxe este prazo ao alcalde de Porto do Son nunha reunión de traballo

  • A Xunta está a redactar un estudo informativo e de impacto ambiental no que se analizan as distintas posibilidades de trazado co fin de definir a mellor alternativa para optimizar a accesibilidade da zona

  • A nova variante comezaría en Taramancos, no punto onde finaliza a variante de Noia que actualmente se atopa en construción, finalizando na AC-550, en Cans ou nas proximidades de Quintáns, tras pasar Portosín

Media_httpfarm7static_cfpws

Castro de Taramancos, arrasado polo viaduto da variante de Noia. De perto partiría a nova variante de Portosín

Porto do Son, 15 de xaneiro de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas iniciará no primeiro trimestre deste ano o proceso de información pública da variante da estrada AC-550, no núcleo de Portosín. Así llo manifestou hoxe a directora da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Ethel Vázquez, ao alcalde de Porto do Son, José Luís Oujo, nunha reunión de traballo.

O departamento que dirixe Agustín Hernández está a redactar o estudo informativo e de impacto ambiental da citada variante. O contrato para a redacción do estudo foi asinado en xullo de 2012 co obxecto de definir un novo vial de circunvalación de Portosín, que servirá de alternativa á actual estrada AC-550.

A nova variante comezaría en Taramancos, no punto onde finaliza a Variante de Noia que actualmente se atopa en construción, finalizando na AC-550, en Cans ou nas proximidades de Quintáns, tras pasar Portosín.

Neste estudo informativo estanse a analizar as distintas posibilidades de trazado co fin de definir a mellor alternativa para optimizar a accesibilidade da zona, tendo en conta os distintos condicionantes orográficos, sociais e económicos existentes.

A Axencia Galega de Infraestruturas xa ten elixida a alternativa proposta das tres opcións estudadas, con lonxitudes comprendidas entre 7,3 os e 8,3 os Km, e un orzamento cuxo importe ascende a preto de 25 millóns de euros.

O estudo foi sometido en outubro de 2012 á fase de consultas ambientais previas ás Administracións Públicas afectadas, estando previsto que sexa sometido a información pública neste ano 2013, tal e como xa se indicou anteriormente.

Tamén, en Porto do Son:

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Ribeira: bases do Festival de Murgas e Comparsas do Entroido, a celebrar o martes 12 de febreiro

  • Máis de dous mil euros en premios e 200 euros de gratificación por participar, segundo os casos

Media_httpfarm8static_wuqsv

BASES

 

1.- Establécense dúas categorías de participación:

- Infantil: ata 15 anos (incluídos).

- Adulto: dende os 16 anos (incluídos).

 

2.- As murgas e comparsas deberán estar formadas por un mínimo de 14 participantes, sen límite máximo. Na categoría infantil ademais deberá contar con 1 adulto (como máximo) por cada 2 nenos/as.

 

3.- Deberán representar a unha asociación, entidade ou agrupación, establecendo o máximo permitido de unha murga ou comparsa por categoría, modalidade e asociación.

 

3.1.- Establécense as seguintes categorías e modalidades:

a) Murgas (persoas adultas): Máx. 15 agrupacións, das que doce serán do termo municipal e tres do resto de Galicia. De non cubrirse os máximos admitiranse todas as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos destas bases.

b) Murgas (infantil): Máx. 5 agrupacións.

c) Comparsas: Máx. 5 agrupacións.

Serán seleccionadas pola organización tendo en conta en primeiro lugar a antigüidade de participación neste evento e en segundo lugar a data e número de rexistro da súa inscrición no festival.

 

4.- Para ambas as dúas categorías (infantil e adulta), as letras das MURGAS deberán ter unha extensión máxima de 1 canción, non superiores no seu conxunto a 60 versos, nin cunha duración total superior a 8 minutos (incluíndo música, posta en escena e coreografía).

 

5.- O vestiario debe estar en consonancia con algún dos temas principais das letras das murgas ou un tema de actualidade ou interese xeral.

 

6.- Poderase introducir elementos complementarios en relación coa interpretación dos temas e letras, sempre que non constitúan un risco nin perigo para a cidadanía ou motivo de ofensa á honra e dignidade das persoas, asumindo o representante de cada murga ou comparsa a responsabilidade ante reclamacións de terceiros que puideran xurdir en canto ás letras, músicas, vestiarios e outros.

 

7.- Establécese como data límite de inscrición e de presentación das letras o MARTES 5 de febreiro do presente ano, antes das 13:30 h, no Rexistro Xeral do Concello ou no Auditorio Municipal. Entenderase que a non presentación dará lugar á non participación no Festival de Murgas.

 

7.1- Xunto coa solicitude de participación, achegarase letra/s da murga debendo ademais presentalas en soporte dixital xunto ao logo identificativo da agrupación (cd, pendrive, email...), relación dos integrantes do grupo (murga ou comparsa), co nome e apelidos de cada participante, así como o nome da Murga ou Comparsa. No caso de non tratarse dunha entidade deberán presentar fotocopia de DNI de todos os integrantes da Murga ou Comparsa e aplicaráselle o IRPF correspondente á gratificación e/ou premio que corresponda. Tamén haberá que nomear un representante de cada grupo ante o Concello, que deberá entregar fotocopia do DNI e datos fiscais (CIF da entidade) para o pago da gratificación/premio correspondente.

 

8.- As murgas participantes comprométense a tomar parte no desfile previo á celebración do festival no lugar e hora que a organización estableza, así como a animar o pasarrúas.

 

9.- O Festival celebrarase da seguinte maneira: subirán ao escenario as comparsas participantes para lucir a súa vestimenta –a súa actuación non excederá de 3 minutos-, actuarán a continuación as Murgas da categoría Infantil, e ao rematar estas, As da categoría de persoas Adultas. Todas elas por orde alfabética.

 

10.- Establécese a contía total de 3.800 € para as gratificacións e 2.200 € para os premios, segundo o seguinte sistema de reparto para as distintas categorías e/ou modalidades:

 

10.1.- Gratificacións por participación:

a) POR CATEGORÍA/MODALIDADE: Máx. 200 € para cada Murga (infantil ou adulta)

Máx. 200 € para cada Comparsa

b) POR AMBAS DÚAS CATEGORÍAS:

No caso de que algunha asociación estea representada nas dúas categorías/modalidades a gratificación será en conxunto por importe máximo de 300 € (os membros de cada unha das murgas (infantil/adulta) ou comparsas deberán ser diferentes entre si e acadar os mínimos requiridos).

Nota: No caso de que as gratificacións aos grupos participantes excedan a contía total destinada aos mesmos o reparto será proporcional entre todas elas ata o límite establecido. Ás gratificacións aplicaráselle a retención fiscal que corresponda segundo a lei.

 

10.2.- As murgas, na categoría de Adultos, optarán os seguintes Premios:

- Primeiro Premio: 1.000,00 €

- Segundo Premio: 500,00 €

- Terceiro Premio: 350,00 €

- Especial Premio Local: 350,00 €.

(No caso de que ningunha murga adulta do municipio de Riveira acadase un dos tres premios establecidos, este galardón entregaráselle á agrupación local que obtivese a maior puntuación).

 

10.3.- As murgas premiadas quedarán excluídas das gratificacións e as murgas infantís e

comparsas, non optarán a ningún premio.

 

11.- Para establecer os premios, existirá un Xurado que estar á composto por seis membros: cinco profesionais (un por cada categoría a valorar: Letra, Música, Vestiario, Maquillaxe, e Posta en escena) e pola Concelleira de Cultura e Festexos –ou quen designe- que ostentará a presidencia do mesmo.

Cada membro contará con voto -1, 3 e 5-. A secretaría do xurado recaerá nun representante da Área de Cultura, con voz pero sen voto. A votación será inmediata ao remate de cada unha das actuacións. A decisión do Xurado será inapelable. En caso de empate priorizarase o criterio do xurado xa que os premios

son individuais e indivisibles.

 

12.- Ao remate do festival farase entrega a cada murga e/ou comparsa dun diploma acreditativo da gratificación, así como do premio obtido aos galardoados, que serán canxeables polo importe sinalado nos mesmos e recollido nestas bases, e faranse efectivos mediante transferencia bancaria nos Servizos Económicos do Concello nos días posteriores ao festival. A non presenza do representante designado por cada murga ou comparsa, no momento da entrega dos diplomas e galardóns e durante todo o Festival, considerarase motivo de renuncia á gratificación e/ou premio correspondentes, que inmediatamente pasarán a disposición da organización.

 

13.- Todas as murgas e comparsas participantes deberán aceptar estes criterios no momento da súa inscrición no festival; a organización será competente para resolver calquera dúbida xurdida das presentes bases.

 

Máis información:

AUDITORIO MUNICIPAL

Praza dos Mariñeiros -RIVEIRA

Teléfono 981.83.56.50 – Fax 981 873209

Correo electrónico: culturaefestexos@riveira.com

www.riveira.com

 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Outes: o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, insiste coas fusións "voluntarias"

http://multimedia.xunta.es//portal-web/Videos/2012/Xaneiro/20130115_Presidenc...

  • Rueda visitou esta mañá os investimentos feitos no concello de Outes co fondo de compensación ambiental
  • Os fondos procedentes do canon contribuíron á ampliación de redes de abastecemento e saneamento de auga no concello

Outes, 15 de xaneiro de 2013.- Logo do parto dos montes feito con Oza e Cesuras, a Xunta segue a insistir co das fusións voluntarias. Así se pronunciou hoxe o vicepresidente do ente autonómico, Alfonso Rueda, como se observa no vídeo desta información, no das fusións como futuro, parece que tirándolle indirectas a Outes, un pequeno concello que vai perdendo poboación cada ano (o seu índice de envellecemento é dun brutal 267%: namentres a taxa bruta de natalidade só chega ao 5'6% a taxa de mortandade é do triplo, cun 15'3).

Rueda realizou hoxe unha visita institucional ao Concello de Outes, onde comprobou in situ as obras levadas a cabo neste municipio grazas ao Fondo de Compensación Ambiental. Estivo acompañado da delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e do alcalde da localidade, Carlos López Crespo; e aproveitou a visita para anunciar que, por cuarto ano consecutivo, o Executivo galego volverá a poñer a disposición dos concellos galegos este fondo, que estará dotado con 11,5 millóns de euros.

O Fondo de Compensación Ambiental foi posto en marcha polo Goberno galego no ano 2010, procedente do canon eólico, e permitiu -segundo a nota da Xunta- que por primeira vez os concellos galegos se beneficien directamente da explotación de enerxía eólica en Galicia. "A medida, ademais dun forte compromiso coas facendas locais e o medio ambiente, é unha clara mostra da aposta da Xunta polo reequilibrio territorial, xa que beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior de Galicia", segundo a Xunta.

Así, o FCA está permitindo que os cidadáns sexan beneficiarios directos da explotacións do vento, a través das actuacións que están poñendo en marcha os seus concellos. Este é o caso de Outes, no que se levou a cabo a ampliación da rede de abastecemento e saneamento de auga cun orzamento de preto de 67.000 euros, dos cales 19.000 euros son para gastos de funcionamento. Precisamente, Rueda destacou que o ano pasado a Xunta autorizou aos concellos beneficiarios do fondo para que puidesen dispoñer del para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos concellos. Ademais, como novidade para este ano o FCA poderá tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Datos_de_Outes.pdf Download this file

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Boiro: a asociación cultural Borobó organiza viaxe á neve do 15 ao 17 de febreiro

  • Á estación leonesa de San Isidro
  • Data límite de inscrición o 2 de febreiro

San_isidro2013

Boiro, 15 de xaneiro de 2013. Baixo o lema “Borobó vaise á neve”, a entidade cultural presenta a organización da xa cuarta viaxe á estación invernal de San Isidro, coa finalidade de facilitar que os mozos e mozas, principalmente da comarca, teñan a posibilidade de disfrutar da práctica dos deportes de inverno coma o esquí ou o snowboard.

A saída está prevista o venres día quince de febreiro, sobre as once da noite, diante da Casa da Cultura de Boiro e voltarase ao redor das dez da noite do domingo dezasete. A viaxe, que ten un prezo de cento cinco euros, inclúe o transporte de ida e volta en autobús, o aloxamento na noite do sábado no Albergue Bustiello, a cea do sábado e o almorzo do domingo e o forfait do fin de semana. Non está incluido o aluguer do equipo, xa sexa de esquí ou de snowboard, pero dende a asociación realizan a xestión do arrendamento.


Para inscribirse e facer o pago dase de prazo ata o día dous de febrero e pode
facerse a través do correo electrónico de Borobó (asociacionborobo@gmail.com) ou no teléfono 620970072.

Noutros concellos:



 

Posted via email from Certo.gl, o xornal dixital de Barbanza e Noia

Twitter

Related Posts with Thumbnails Banner: Regale selva tropical